Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 26 de xuño de 2013 Páx. 24845

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2013, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se inicia o prazo para a inscrición de aspirantes de diversas categorías nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

No pacto publicado no Diario Oficial de Galicia nº 89, do 9 de maio de 2011 regúlase o procedemento de selección a través de listas elaboradas consonte a baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

Este pacto aplicarase a todos os nomeamentos estatutarios temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias baixo as modalidades establecidas no artigo 9 da Lei 55/2003, do 16 de decembro.

Ao abeiro dos números I.4.4 e I.4.5 da citada norma, esta dirección xeral, logo de acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto en sesión do 5 de xuño de 2013 e en uso das competencias que lle atribúe o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 139, do 20 de xullo),

RESOLVE:

Primeiro.

Iniciar o prazo para a inscrición das persoas interesadas nas listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade, nas seguintes categorías:

1. Grupo técnico da función administrativa.

2. Grupo de xestión da función administrativa.

3. Enxeñeira/o técnica/o.

Segundo.

A selección de aspirantes efectuarase consonte o disposto na Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se aproba o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG nº 89, do 9 de maio) e conforme as bases e baremo de méritos contidos respectivamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro.

1. Esta resolución e as súas bases vinculan á Administración e ás persoas aspirantes que soliciten participar no procedemento de selección.

2. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2013

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos de participación

1.1. Normas xerais.

Poderán inscribirse nas listas correspondentes ao primeiro proceso de xeración nas categorías indicadas, as persoas interesadas que, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes que se indica na base quinta, reúnan os seguintes requisitos:

1.1.1. Requisitos comúns.

a) Nacionalidade.

a.1) Ter a nacionalidade española.

a.2) Ser nacional dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado no cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es.

a.3) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe das/os españois e das/os nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea e das/os nacionais dalgún Estado aos que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es, sempre que non estean separadas/os de dereito. Así mesmo, coas mesmas condicións poderán participar as/os súas/seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separadas/os de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores da devandita idade dependentes.

b) Idade: ter cumpridos os 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/s correspondente/s nomeamento/s que se acreditará conforme o procedemento que para o efecto se estableza.

d) Habilitación: non ter sido separada/o do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

No caso das/os nacionais doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ser separada/o, por sanción disciplinaria, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación ou titulacións que habilitan para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela antes da data prevista na base 5.1. As titulacións de acceso correspondentes a cada categoría recóllense no anexo III.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou, de ser o caso, o seu recoñecemento.

f) Aboamento das taxas por dereito de primeira inscrición que, se é o caso, correspondan, segundo o disposto na base oitava.

1.1.2. Promoción profesional.

O persoal fixo interesado en promocionar internamente dentro do seu ámbito, deberá reunir, ademais dos requisitos indicados no punto anterior, os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo no Servizo Galego de Saúde noutra categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior á que se opta.

b) Estar en servizo activo, e con nomeamento como persoal estatutario fixo durante, polo menos, un ano na categoría de procedencia. Ao persoal integrado no réxime estatutario seralle computado, para os efectos do prazo previsto no parágrafo anterior, o tempo de servizos prestado como funcionario de carreira ou laboral fixo.

c) Posuír a titulación ou titulacións requiridas para o acceso á categoría á que se opta, segundo se recolle no anexo III.

1.2. Aspirantes excluídos.

Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas da mesma categoría a que se opta e que foron confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (DOG do 13 de abril), do 27 de abril de 1994 (DOG do 12 de maio), do 21 de decembro de 1995 (DOG do 19 de xaneiro), do 28 de febreiro de 1997 (DOG do 10 de marzo), do 4 de febreiro de 2000 (DOG do 25 de febreiro) e do 24 de maio de 2004 (DOG do 1 de xuño) polas causas de penalización previstas nos citados pactos, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos no punto IV do pacto sobre selección de persoal estatutario temporal actualmente vixente (DOG nº 89, do 9 de maio de 2011).

1.3. Posesión dos requisitos.

Os requisitos de participación deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e manterse durante o período de permanencia en lista ata a formalización do oportuno nomeamento.

Segunda. Solicitude de inscrición

2.1. A inscrición resultará obrigatoria para todas as persoas interesadas en figurar nas listas que se elaboren por cada categoría das previstas no punto primeiro da resolución, figurasen ou non inscritas nas listas da mesma categoría elaboradas ao abeiro do Pacto do 24 de maio de 2004 (DOG nº 104, do 1 de xuño).

2.2. A formalización das solicitudes de inscrición efectuarana as persoas interesadas a través do currículo profesional habilitado electrónicamente (FIDES/Expedient-e/Sección de Procesos), ao cal se accederá a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

O modelo normalizado de formulario de inscrición estará dispoñible no devandito sistema. Logo de formalizado electronicamente pola/o interesada/o deberá imprimirse para a súa presentación en formato papel a través do preceptivo rexistro administrativo.

2.3. No formulario de inscrición farase constar expresamente a/s categoría/s a que se opta e ámbito territorial de dispoñibilidade así como deberán cubrirse as declaracións que constan no modelo normalizado relacionadas cos requisitos de admisibilidade.

No caso de discrepancia entre o formulario de inscrición cuberto pola vía electrónica e a documentación acreditativa dos datos nel incorporados, será válida esta última.

2.4. Non se admitirán as solicitudes que conteñan alguna emenda, marca ou riscadura no formulario de inscrición así como en calquera dos documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos exixidos.

2.5. As solicitudes vincularán as persoas aspirantes nos termos consignados no modelo normalizado. No entanto, e dentro do prazo de presentación de instancias admitiranse as renuncias á inscrición así como as modificacións que resulte necesario efectuar nalgún dos datos contidos nela.

A solicitude de renuncia/modificación deberá efectuarse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación a que se dirixa o formulario de inscrición e deberá presentarse no mesmo prazo e lugares que esta.

Terceira. Ámbito de inscrición e compatibilidade

3.1. O ámbito territorial de inscrición nas listas incluídas nesta resolución será único para todos os centros e recursos das áreas que constitúen o mapa sanitario de Galicia.

3.2. Cada solicitude de inscrición irá referida a unha única categoría e a un único ámbito territorial.

3.3. Será compatible a inscrición simultánea nas tres listas ou, de ser o caso, en dúas delas, sempre que as persoas aspirantes reúnan os requisitos exixidos para o acceso a elas, sendo incompatible a súa inscrición nas listas de calquera outra categoría, agás as determinadas no anexo I, parágrafo c), bloque I do pacto de selección temporal vixente.

Cuarta. Acreditación de requisitos e méritos

4.1 Cada unha das persoas interesadas en participar neste procedemento de selección deberá proceder a rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos. O acceso ao Expedient-e efectuarase a través da páxina web (www.sergas.es) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

4.2. Efectuado o rexistro electrónico dos requisitos e méritos deberá imprimirse a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe».

4.3. Xunto coa solicitude de validación, deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos e méritos rexistrados no formulario de inscrición e Expedient-e. Tal acreditación deberá efectuala a persoa interesada mediante documento orixinal ou copia compulsada antes de que remate o prazo previsto na base quinta, de non telo efectuado con anterioridade nun momento posterior ao 20 de xullo de 2011, suposto no cal non terá que achegarse novamente a documentación presentada, agás a que supoña actualización de méritos xa presentados.

A documentación acreditativa dos requisitos e méritos deberá dirixirse a unha unidade de validación e presentarse nalgún dos lugares previstos na base sexta desta resolución.

4.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus requisitos e méritos sen que presentasen a documentación correspondente, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión dentro do prazo previsto na base quinta desta resolución para que poidan ser, se é o caso, valorados no primeiro proceso de xeración de listas.

4.5. Non será necesario acreditar documentalmente a seguinte información ao dispoñer dela esta Administración sanitaria:

– A superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición da última convocatoria de OPE das categorías convocadas.

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade.

– Os datos validados no sistema informático Expedient-e. Non obstante, a Administración poderá requirir en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

4.6. A falta de acreditación pola persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición así como a consignación de datos falsos nela, levará consigo a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades a que houber lugar.

4.7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes para a primeira xeración de listas non será tido en conta, para este primeiro proceso, a presentación de ningún novo documento acreditativo de méritos.

Quinta. Prazo de presentación

5.1. Para a primeira xeración de listas, poderanse formalizar as solicitudes desde o día 27 de xuño ata o 26 de xullo de 2013. Os méritos computables serán os causados ata o día 11 de xullo de 2013 que consten acreditados na data límite de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. Unha vez xeradas as primeiras listas, a inscrición será aberta e permanente. De rexistrar a inscrición no expediente electrónico con posterioridade ao 26 de xullo de 2013, o/a aspirante figurará na seguinte xeración de listas que se efectúe nas respectivas categorías.

Sexta. Lugar de presentación

O formulario de inscrición, logo de formalizado electronicamente, dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no modelo normalizado e deberá ser presentado nas unidades de rexistro dos centros que se relacionan a continuación ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

a) Na Consellería de Sanidade.

b) Nas xefaturas territoriais de Sanidade dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia.

c) Nas estruturas organizativas de xestión integrada, centros ou complexos hospitalarios e xerencias de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

Sétima. Procedemento de elaboración das listas

7.1. As listas de selección de persoal estatutario temporal das categorías convocadas elaboraranse de conformidade co previsto no punto II do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal.

7.2. A xeración das listas efectuarase a través do sistema informático (FIDES/Expedient-e), ao cal se accederá a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

7.3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde, logo de anuncio no Diario Oficial de Galicia, a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas en cada categoría.

7.4. As persoas excluídas poderán presentar reclamación perante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días naturais a partir do día seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

7.5. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren, con carácter definitivo as/os admitidas/os e excluídas/os e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e orde de prelación provisional nas referidas listas.

7.6. Contra os resultados da baremación provisional as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e as direccións con competencias na xestión de persoal nas entidades adscritas á Consellería de Sanidade no mesmo prazo que se indica no número 7.4. As reclamacións que se presenten entenderanse estimadas ou desestimadas na resolución que aprobe a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se publiquen as puntuacións definitivas e orde de prelación final acadado por cada aspirante, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia e páxina web do organismo.

Oitava. Aboamento de taxas

8.1. De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, as persoas aspirantes que accedan por primeira vez e aquelas que figurando nas listas inmediatamente anteriores, soliciten o cambio de categoría ou, de ser o caso, a inscrición nunha ou máis dunha categoría adicional das convocadas na presente resolución, deberán aboar previamente por cada nova categoría e en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 16,98 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

8.2. O impreso de autoliquidación, así como os códigos para a súa formalización, seranlles facilitados ás persoas interesadas nas direccións das estruturas organizativas de xestión integrada e estarán publicados, así mesmo, na páxina web do Servizo Galego de Saúde. A non presentación deste impreso de autoliquidación, en que deberá figurar o carimbo da entidade bancaria, xunto co formulario de solicitude de inscrición, determinará a exclusión da persoa aspirante.

8.3. Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa pola internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) e, dentro desta, á lenda «Oficinas virtuais e tributaria». Premerase entón a lenda «Servizos de acceso libre», e logo, situándose no menú da marxe esquerda, premerase «Taxas, prezos, multas e sancións». Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado (modelo 730) e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación da solicitude no tempo e na forma establecidos.

8.4. Estarán exentas do aboamento desta taxa as persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como as que sexan integrantes de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de seren membros de familia numerosa de categoría xeral, terán unha bonificación do 50 %. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % as persoas que figurasen como demandantes de emprego, desde polo menos, seis meses antes da data de publicación da presente resolución, e non estivesen percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas, respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, a través do título oficial de familia numerosa, ou con certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa as persoas aspirantes xa inscritas en procesos precedentes na mesma categoría, así como as que, a través de Expedient-e, modificasen os seus datos persoais ou actualizasen os seu currículo de méritos.

8.5. As persoas excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de publicación da resolución pola que se anuncien as listas definitivas de persoas aspirantes excluídas, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Novena. Nomeamentos a tempo parcial

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas deberán facer constar no espazo habilitado para o efecto no formulario de inscrición a súa voluntaria aceptación ou non ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

En defecto de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

Décima. Entrada en vigor das listas

As listas que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na resolución pola que se publiquen as puntuacións definitivas e orde de prelación final das persoas aspirantes admitidas.

A publicación das listas formalizarase na páxina web do organismo (www.sergas.es).

O chamamento e demais características da xestión das listas serán as previstas no vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

ANEXO II

Baremos

O baremo de méritos que se aplicará será o previsto no número II.3 da Resolución do 26 de abril de 2011 pola que se publica o Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (DOG nº 89, do 9 de maio).

A orde de prelación das persoas aspirantes na respectiva lista, en cada unha das quendas, obterase automaticamente pola suma dos resultados e puntuacións obtidas en cada un dos exercicios da fase de oposición en que participase na última OPE convocada e resolta polo Servizo Galego de Saúde na respectiva categoría e a puntuación que resulte da aplicación do baremo de méritos aprobado por Resolución do 18 de febreiro de 2009 (DOG do 26 de febreiro).

A puntuación máxima acadable pola participación da persoa aspirante no último proceso selectivo convocado na respectiva categoría será do 60 % da puntuación total do baremo.

A puntuación máxima acadable nas epígrafes de experiencia profesional, formación acreditada e outras actividades non poderá exceder do 40 % da puntuación total do baremo.

ANEXO III

Requisitos de titulación/formación

1. Para a lista do grupo técnico da función administrativa.

Deberá posuír, polo menos, unha das titulacións indicadas:

• Título universitario de grao.

• Licenciada/o ou equivalente.

• Enxeñeira/o ou arquitecta/o.

2. Para a lista do grupo de xestión da función administrativa.

Deberá posuír, alomenos, unha das titulacións indicadas:

• Título universitario de grao.

• Diplomada/o universitaria/o ou equivalente.

• Enxeñeira/o técnica/o ou arquitecta/o técnica/o.

3. Para a lista de enxeñeira/o técnica/o.

Deberá posuír, alomenos, a titulación de enxeñeira/o técnica/o ou título universitario de grao equivalente.