Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2013 Páx. 26068

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Exposición de motivos

1

As universidades son entidades, públicas ou privadas, con personalidade xurídica de seu dotadas de autonomía polo artigo 27.10 da Constitución española. O seu fin, de acordo co artigo 1 da Lei orgánica 6/2001, de universidades, é prestar o servizo público da educación superior mediante a investigación, a docencia e o estudo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 31 do seu Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, asumiu a competencia plena sobre a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, consonte o punto primeiro do artigo 81 desta, o desenvolvan, das facultades que lle atribúe ao Estado a alínea 30 do punto 1 do artigo 149 da Constitución e da alta inspección precisa para o seu cumprimento e garantía.

Tendo como referencia a daquela vixente Lei orgánica 11/1983, de reforma universitaria, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 11/1989, de ordenación do sistema universitario de Galicia, que transformou por completo o panorama do ensino universitario na nosa comunidade coa creación das universidades públicas da Coruña e de Vigo. As novas institucións uníronse á centenaria de Santiago de Compostela, integrando o Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG). A lei, apostando pola expansión do ensino universitario de calidade como instrumento de transformación social, baseou o modelo na descentralización e regulou a distribución dos diversos centros universitarios, preexistentes e de previsible creación, nun total de sete campus repartidos entre as catro provincias: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

Non obstante, a Lei 11/1989, ambiciosa no tocante aos seus obxectivos e ás súas finalidades, foi modesta en canto á amplitude do seu articulado. Este feito, unido ás novidades que, a nivel estatal, supuxo a promulgación da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e a súa modificación pola Lei orgánica 4/2007, fixo necesario que o Parlamento de Galicia completase o corpus normativo en materia universitaria, para dar resposta ao mandato do lexislador estatal, que dotou as comunidades autónomas de novas competencias de coordinación e xestión.

Deste xeito, en anos sucesivos, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 7/2001, do 2 de xullo, de control en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia; a Lei 1/2003, de consellos sociais do sistema universitario de Galicia, e a Lei 2/2003, do Consello Galego de Universidades.

O marco normativo a nivel estatal viuse completado nos últimos tempos con novos textos relevantes cuxos contidos foron considerados ao elaborar o presente texto, como é o caso da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, ou do Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, polo que se aproba o Estatuto do estudante universitario.

2

Transcorridos máis de vinte anos desde a entrada en vigor da Lei 11/1989, de ordenación do sistema universitario de Galicia, resulta conveniente e necesario abordar unha actualización e simplificación do conxunto normativo que regula o ensino universitario de Galicia, para abordar con ambición todas as políticas públicas necesarias para garantir a coherencia e sustentabilidade do SUG. Actualización que debe cumprir o obxectivo de pular polo ensino público universitario e a investigación que se realiza nas universidades, defender os sinais de identidade de Galicia, nomeadamente a lingua, e apostar polo enraizamento do SUG na sociedade galega, contribuíndo á formación da cidadanía e achegando coñecemento á sociedade.

Neste tempo, o SUG, o mesmo que o resto do Sistema universitario español, experimentou cambios moi importantes, inducidos pola súa expansión territorial, o incremento da actividade universitaria, a implantación do Espazo europeo de educación superior e as cada vez maiores esixencias da sociedade. Os novos desafíos e problemas requiren novos contidos normativos que lles dean axeitada resposta, e iso pretende esta lei. Os cambios provocados polo chamado Plan Boloña incidiron de xeito profundo na concepción tradicional do ensino universitario e afectaron o conxunto da comunidade universitaria e as súas relacións co contorno, o que supuxo un novo revulsivo nese continuo avance, sen o cal non se podería entender a institución universitaria.

Mentres en 1989 era necesario abordar carencias e desaxustes de carácter fundamentalmente social e territorial, nos inicios do século XXI, unha vez superadas as etapas de configuración e crecemento do sistema, os principais retos son a consolidación do sistema académico dentro do Espazo europeo de educación superior, coa atracción dunha mostra extensa da sociedade e a redución das taxas de abandono, o fortalecemento do número e nivel de persoal investigador, a definición dun elenco claro e ben definido de dereitos, liberdades e deberes dos membros da comunidade universitaria, e facer pivotar a xestión da actividade universitaria nos principios de eficacia e eficiencia, nunha época de dificultades económicas a nivel nacional e internacional.

Logo dunha etapa de crecemento do SUG, cun aumento substancial do alumnado, coa ampliación e a diversificación da oferta de titulacións e cun notable aumento da calidade docente e investigadora, é o momento de centrarse en novos avances, e para percorrer este camiño cómpre unificar os esforzos. Os poderes públicos, as universidades e a sociedade no seu conxunto deben compartir traballo e responsabilidades para acadar a máxima calidade, eficacia e eficiencia na prestación do servizo público de ensino superior universitario. Deste xeito farase posible o futuro crecemento do sistema mediante a produción de mellores resultados, o aumento da calidade e a adecuación ás cambiantes demandas da sociedade en cada momento.

O ensino universitario é un servizo público, e o SUG é o seu provedor na nosa comunidade, a través das institucións que forman parte del. Partindo desta premisa, a lei recoñece o papel das universidades como puntal da sociedade do coñecemento, institucións indispensables para lograr a cohesión económica e social, polo que a formación que ofrecen debe dar resposta ás necesidades relacionadas coa formación permanente, entendendo o estudo na universidade como un contínuum na vida das persoas, debe atender estas demandas e adaptarse ás novas necesidades sociais, de xeito que contribúa a fortalecer a cohesión social e a reducir as desigualdades.

A educación, e en concreto a educación universitaria e a súa relación coa investigación e a innovación, desempeña, ademais, un papel fundamental para o progreso tanto a nivel individual coma da sociedade no seu conxunto e mais para proporcionar o capital humano altamente cualificado e a cidadanía formada que Galicia necesita para xerar emprego, crecemento económico e prosperidade. Neste marco, as universidades son os axentes fundamentais para impulsar e manter o crecemento da nosa sociedade.

Desde esta perspectiva faise necesario ofrecerlle a oportunidade á cidadanía coa potencialidade requirida, independentemente da súa orixe socioeconómica, e manter niveis de formación axeitados no persoal da universidade. Ambos os aspectos son tidos en conta na lei, que recolle a política de bolsas e axudas concibida como instrumento para facilitar o acceso do estudantado que, cumprindo cos niveis académicos, necesite destas axudas financeiras para lograr culminar os seus estudos universitarios, así como, por outra banda, o fomento de medidas de formación continua que as universidades activarán para acadar maiores niveis formativos.

En pleno século XXI débense aproveitar as vantaxes transformadoras das TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) e outras novas tecnoloxías que enriquecen o ensino, melloran as perspectivas de aprendizaxe, apoian a aprendizaxe personalizada, facilitan o acceso mediante a aprendizaxe a distancia e a mobilidade virtual, racionalizan a administración e crean novas oportunidades de investigación.

A Administración autonómica e as universidades teñen ao seu alcance formas diversas de acadar estes obxectivos e a lei dispón o seu fomento e promoción para a súa aplicación, de xeito que supoñan unha base firme para facilitar a igualdade de acceso á formación universitaria.

A mobilidade, un dos piares en que se asenta o concepto de Espazo europeo de educación superior (EEES), leva consigo unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade, por iso debe fomentarse a nivel nacional e internacional e debe asentarse sobre unhas bases enraizadas no propio SUG. Partindo desta premisa, a lei pon as bases para o fomento da mobilidade no propio sistema autonómico, tanto do estudantado coma do persoal das universidades, facilitando o mellor aproveitamento dos recursos humanos con que conta a nosa comunidade, co fin de beneficiar o conxunto da comunidade universitaria galega, finalidade para a cal se contará coa vontade de colaboración das universidades integrantes do SUG.

Non podemos obviar o feito de que en Galicia, coma no resto de España, a universidade pública é o lugar onde máis se investiga. O impulso da actividade investigadora é un obxectivo irrenunciable para calquera sociedade. É por iso necesario fomentar unha maior integración entre os centros de investigación e os sectores produtivos, incidir na cultura da calidade, da mellora da eficacia na utilización das infraestruturas e do capital humano que permitan unha mellora significativa na totalidade dos sectores produtivos e, pola súa vez, a potenciación dunha universidade galega de calidade.

Así mesmo, o SUG mantén o compromiso da transformación do coñecemento xerado a través da investigación académica en valores sociais e económicos mediante accións que levan consigo unha actividade económica no proceso de relación coa sociedade ou a empresa. Pero tamén se debe destacar o compromiso coa responsabilidade social e o desenvolvemento sustentable mediante actividades universitarias que supoñen unha contribución social respecto de ámbitos como a cooperación ao desenvolvemento, a sustentabilidade ambiental, a integración e a accesibilidade, entre outras.

A educación superior mellora as posibilidades individuais e debería dotar os titulados e as tituladas dos coñecementos e das competencias transferibles básicas que necesitan para desempeñar con éxito profesións altamente cualificadas. Mais os programas de estudos moitas veces tardan en adecuarse ás demandas da sociedade, o que incide nos niveis de empregabilidade das persoas egresadas. A propia Comisión Europea recomenda a participación dos empregadores e das institucións do mercado de traballo na concepción e posta en práctica dos programas, o apoio aos intercambios de persoal e a inclusión da experiencia práctica nos cursos, para contribuír a adaptar os programas de estudos ás necesidades actuais e emerxentes e fomentar a empregabilidade e o emprendemento.

O recoñecemento do papel esencial que o SUG ten no progreso social e, polo tanto, a atribución de tan fundamentais roles ás institucións que del forman parte deben ir acompañados da esixencia por parte da sociedade de niveis de calidade do servizo que prestan. A incorporación de permanentes controis da calidade provocou un cambio significativo na comunidade universitaria a todos os niveis. Esta cultura da calidade, integrada e sentida xa como inherente á vida das institucións universitarias, incide de xeito fundamental na mellora do servizo público que é o ensino universitario.

Neste senso, a lei afonda na cultura da avaliación da calidade, na cal xoga un papel esencial a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), que, desde a súa creación no ano 2001, desenvolveu o seu labor de garante da calidade no noso sistema universitario.

Esta lei responsabiliza a Xunta de Galicia do exercicio das competencias de ordenación e coordinación das universidades integrantes do SUG, así como do financiamento das institucións públicas. Define o marco en que se desenvolverá o ensino superior universitario no territorio da comunidade para procurar, con escrupuloso respecto á autonomía universitaria, adecualo ás demandas do noso tempo e xerar maiores niveis de desenvolvemento e benestar.

A norma destaca, así mesmo, o protagonismo de órganos imprescindibles para facer posible o Sistema galego de universidades, en concreto, o Consello Galego de Universidades, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e os consellos sociais de cada unha das universidades. Todos eles, actuando en exercicio das funcións que a lei lles confire, contribúen á construción dun sistema forte, moderno, competitivo e de calidade.

Pero o fortalecemento do sistema non será posible sen o labor das propias universidades, que, coa autonomía que lles é propia, en exercicio da súa corresponsabilidade deberán crear un contorno de colaboración mutua, unificando esforzos para acadar obxectivos que lles son comúns. Neste senso, a lei prevé a creación dunha nova figura xurídica, o consorcio interuniversitario, que afonda no papel impulsor das universidades, comprometidas coa sociedade da que forman parte indisoluble.

O SUG aspira a mellorar os seus niveis de calidade e internacionalización, nun continuo proceso de modernización, o que esixe contar cunha regulación global e sistemática no eido do ensino universitario da nosa comunidade autónoma.

Desde unha perspectiva xurídico-formal, é facilmente comprensible a necesidade desta lei, na cal se integran e harmonizan nun único texto legal as diferentes regulacións existentes ata o momento. Non se trata dunha simple refundición de textos preexistentes, promulgados en momentos diferentes e que daban resposta ás concretas necesidades normativas e sociais, que serán derrogados coa entrada en vigor deste texto.

A lei nace con vocación de permanencia, tentando dar resposta ás necesidades presentes e ás previsibles de futuro que deberá afrontar o ensino superior universitario en Galicia. Por iso actualiza os contidos do marco xurídico existente e, pola súa vez, introduce as novidades que permitan adaptarse aos cambios do seu contorno e adiantarse a eles.

Acádase o obxectivo da simplificación e a racionalidade normativa, unificando nun único texto legal o corpus regulador do SUG, para poñer fin á fragmentación e á dispersión normativa e contribuír a unha maior seguridade xurídica e certeza na aplicación da regulación do ensino superior universitario na nosa comunidade autónoma.

3

A lei componse dun título preliminar e sete títulos, desenvolvidos en cento quince artigos, ademais de oito disposicións adicionais, nove disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.

No denominado «Título preliminar» establécese o obxecto da lei e o seu ámbito de aplicación, así como os obxectivos e fins propios do SUG, que nel se definen.

O título I, baixo a rúbrica «Da ordenación do Sistema universitario de Galicia», define e potencia os principios aos que responden a actividade e a organización universitarias, reflicte as estruturas que poderán integrar as universidades e fixa os criterios para a creación e a implantación de novas titulacións e centros, tendo en conta principios de descentralización e equilibrio territorial. A lei estrutura un sistema de ordenación en catro niveis: un para a creación ou o recoñecemento de novas universidades públicas ou privadas, outro para que universidades de fóra do Sistema universitario galego poidan impartir títulos oficiais en Galicia, un terceiro para que universidades de fóra do Sistema universitario galego poidan ofrecer no noso territorio títulos non oficiais debidamente configurados de acordo coa normativa vixente nos seus lugares de orixe, e o último, que establece a fórmula para autorizar a impartición de titulacións oficiais na modalidade non presencial. Así mesmo, a lei recolle a regulación da autorización de centros de universidades do SUG no estranxeiro, así como de centros de universidades estranxeiras en Galicia, en liña coa cada vez maior internacionalización dos estudos universitarios. Igualmente, contén previsións garantistas dos dereitos das posibles persoas beneficiarias do sistema, mediante a regulación da oferta de prazas e o distrito único ou o cesamento de actividades, encamiñadas a garantir os dereitos do alumnado afectado, e a reserva de denominación e publicidade, protexendo o sistema ante posibles abusos neste eido. Remata este título regulando un sistema de control no que se tipifican infraccións e as súas correspondentes sancións.

O título II, denominado «Da coordinación e da colaboración», establece os mecanismos de fortalecemento destas. Logo de residenciar a competencia de coordinación na Xunta de Galicia, continúa coa regulación das funcións, da composición e do funcionamento do Consello Galego de Universidades, órgano fundamental para o seu exercicio. Para incrementar a calidade do asesoramento, intégrase nel a representación dos departamentos da Administración autonómica con competencias directamente relacionadas coa actividade universitaria, así como as figuras das persoas xerentes das universidades. Así mesmo, prevese unha nova fórmula de colaboración entre as universidades públicas integrantes do SUG, que se articulará mediante o sistema dun consorcio interurniversitario.

O título III, coa denominación «Da garantía da calidade universitaria», contén a regulación do consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de modo que o exercicio das súas actividades se realice coas garantías axeitadas de independencia e profesionalidade que caracterizan as principais axencias de avaliación europeas.

Complétase este título coa regulación da inspección de universidades, instrumento complementario como garante do efectivo cumprimento das disposicións legais que farán posible acadar os niveis de calidade desexados.

O título IV, baixo a denominación «Dos consellos sociais das universidades públicas», incorpora e revisa contidos da Lei 1/2003, do 9 de maio, incidindo no fundamental papel deste órgano de goberno das universidades, mediante o cal a sociedade participa na institución universitaria a través de representantes das principais forzas sociais. Recolléronse demandas inducidas pola experiencia, para avanzar na autoorganización destes órganos e propiciar fórmulas de coordinación entre órganos semellantes de todo o sistema.

Co innovador título V, «Da comunidade universitaria», establécese e concrétase un amplo catálogo de liberdades, dereitos e deberes do persoal docente e investigador, do persoal de administración e servizos e mais do estudantado. Esta regulación, que complementa o disposto na Lei orgánica de universidades e no recentemente aprobado Estatuto do estudante universitario, incide, ademais, na promoción da mobilidade dos membros da comunidade universitaria como instrumento de fortalecemento do sistema, que poderán utilizar as institucións en exercicio da súa autonomía.

O título VI, baixo a rúbrica «Da actividade universitaria: a docencia, a investigación e a transferencia de coñecementos», está dedicado á regulación dalgúns aspectos de planificación, fomento e calidade respecto das tres misións que, xunto coa actividade de estudo que as precede e sustenta, constitúen o fundamento da institución universitaria.

O articulado da lei péchase cun título VII, que, coa denominación «Do financiamento das universidades do Sistema universitario de Galicia», establece un marco sólido para a necesaria planificación económica e financeira das universidades galegas, fixando os principios que rexerán o principal instrumento para este, que non é outro que o plan de financiamento.

Nas oito disposicións adicionais, ademais de recoller a actual estrutura xeográfica do SUG nos sete campus universitarios existentes, incídese na obrigatoriedade de publicidade das normas internas das universidades, en prol do principio de transparencia. Ademais, recóllese a figura dos titores clínicos, garantes dunha axeitada formación práctica destinada ao alumnado das titulacións da rama de Ciencias da Saúde, que se encadran no eido da necesaria colaboración entre universidades e institucións sanitarias. Regúlase tamén o sentido do silencio administrativo, que será negativo naqueles procedementos recollidos no título I da norma, e esbózase o marco en que se desenvolverán as relacións entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais representativas dos membros da comunidade universitaria do SUG. A disposición adicional relativa á autorización de titulacións vincula a súa impartición ao sometemento á normativa vixente nesta materia na Comunidade Autónoma. Tamén se recollen os informes preceptivos con que deberá contar a elaboración de disposicións, convocatorias de axudas ou subvencións en que a destinataria beneficiada ou interesada sexa calquera das universidades do SUG. A última das disposicións refírese á atención a membros da comunidade educativa universitaria con necesidades especiais ou particularidades asociadas á diversidade.

O réxime transitorio recolle un total de nove disposicións, que abranguen desde a adaptación da normativa propia de funcionamento do Consello Galego de Universidades ou os estatutos das universidades públicas, en canto son afectados polas disposicións contidas na lei, ata a necesaria adaptación dos convenios de adscrición de centros ás universidades. Tamén se prevé a habilitación de persoal da Administración autonómica para o exercicio dos labores de inspección previstas, mentres non se proceda á necesaria modificación da relación de postos de traballo, e mais o mandato de regulación das escolas de doutoramento e dos institutos universitarios de investigación. Ademais, recóllese o réxime transitorio para a adaptación dos consellos sociais e dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ás disposicións desta lei. E a última das disposicións establece un prazo para a constitución do Consorcio Universitario Galego previsto nesta lei.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13º.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do Sistema universitario de Galicia.

Título preliminar
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta lei regula o Sistema universitario de Galicia, en diante SUG, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo europeo de educación superior.

Artigo 2. Obxectivos e fins do Sistema universitario de Galicia

1. Recoñécense como obxectivos e fins propios do SUG os seguintes:

a) A creación, a transmisión e a difusión da cultura e dos coñecementos e métodos científicos, técnicos, humanísticos e artísticos, así como a formación e a educación integral de mulleres e homes para un desenvolvemento profesional acorde coa súa formación.

b) A garantía da autonomía universitaria, fundamentada no principio de liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.

c) A coordinación e a cooperación como elemento relacional básico para a racionalización do mapa universitario e para o fortalecemento do conxunto das universidades galegas respectando a identidade de cada unha delas.

d) O fomento do pensamento crítico e da cultura da liberdade, a solidariedade, a igualdade e o pluralismo e mais a transmisión dos valores cívicos e sociais propios dunha sociedade democrática. Prestarase especial atención ao fomento da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes, así como á igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade.

e) O enriquecemento do patrimonio intelectual, cultural, científico e técnico de Galicia, co obxectivo do progreso xeral, social e económico e o seu desenvolvemento sustentable.

f) A promoción do galego, lingua oficial e propia de Galicia, e a súa coexistencia co castelán, tamén lingua oficial, e, se for o caso, con outras linguas de interese para a docencia e a investigación.

g) O estreitamento de relacións de intercambio e colaboración con centros de educación superior e institucións públicas e privadas do ámbito nacional e internacional, con especial atención a Portugal e Iberoamérica.

2. As universidades integrantes do SUG colaborarán cos poderes públicos no logro destes fins e obxectivos.

Artigo 3. Universidades integrantes do Sistema universitario de Galicia

1. O Sistema universitario de Galicia está integrado pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo e, se for o caso, por aqueloutras que sexan creadas ou recoñecidas por lei do Parlamento de Galicia.

2. As universidades integrantes do SUG realizan o servizo público do ensino superior universitario en Galicia mediante o exercicio da docencia, o estudo, a investigación, a creación, a difusión e a transferencia de coñecemento.

Título I
Da ordenación do Sistema universitario de Galicia

Capítulo I
Aspectos xerais

Artigo 4. Réxime xurídico e principios de organización e actuación

1. Cada universidade goza de personalidade xurídica e patrimonio de seu e réxese pola normativa estatal de aplicación e as súas normas de desenvolvemento e mais por esta lei e o resto de lexislación aplicable.

As universidades públicas, ademais, rexeranse polos seus respectivos estatutos e os regulamentos que os desenvolvan, e as universidades privadas rexeranse polas súas normas de organización e funcionamento.

2. A organización e a actividade das universidades públicas do SUG responderán aos principios organizativos constitucional e legalmente establecidos de eficacia, eficiencia no gasto, xerarquía, desconcentración, descentralización, coordinación e colaboración, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

3. As universidades públicas someterán a súa actuación ás disposicións contidas na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. A creación e a extinción por parte das universidades de escolas, facultades, departamentos, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e aqueloutros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións levaranse a cabo de acordo coas previsións expresas da lexislación estatal e autonómica e dos estatutos e a demais normativa interna de cada universidade.

Artigo 5. Estrutura das universidades

As universidades poderán estar integradas polas estruturas mencionadas na Lei orgánica 6/2001, de universidades, ou identificadas nos estatutos de cada universidade pública ou nas normas de organización e funcionamento interno no caso de universidades privadas, que serán:

Centros e unidades docentes:

– Escolas e facultades.

– Centros de apoio no eido da saúde.

– Centros para oferta de posgrao.

– Departamentos.

– Calquera outro centro ou unidade deseñada con este fin por cada universidade nos seus estatutos ou nas súas normas de organización e funcionamento interno.

Centros e unidades de I+D+i:

– Institutos universitarios de investigación.

– Unidades de investigación de excelencia.

– Escolas de doutoramento.

– Calquera outro centro ou unidade deseñada con este fin por cada universidade nos seus estatutos ou nas súas normas de organización e funcionamento interno.

Artigo 6. Creación de persoas xurídicas

As universidades, cando para unha mellor organización dos seus servizos ou a consecución dos seus fins o consideren oportuno e atendendo principalmente aos principios de eficacia e eficiencia no gasto, poderán descentralizar funcións e servizos en persoas xurídicas vinculadas a elas nos termos previstos na lexislación orgánica de universidades.

Artigo 7. Equilibrio territorial e campus universitarios

1. As universidades públicas do SUG estrutúranse en campus universitarios, concibidos como complexos organizativos territoriais e espazos de integración e convivencia dos membros da comunidade universitaria. As universidades procurarán a maior adaptación posible de todos os seus órganos de goberno, centros e estruturas á súa respectiva estrutura territorial por campus, nun marco de equilibrio territorial dentro do ámbito da Comunidade Autónoma.

2. Cada campus, ademais de ser sede dos seus propios órganos de goberno, contará, en termos cualitativos e cuantitativos, coa axeitada dotación docente, de persoal de administración e servizos, de infraestrutura en edificios e equipamentos, de servizos complementarios á docencia e á investigación e mais de servizos á comunidade universitaria.

3. Os campus onde non teñan a súa sede os órganos centrais da universidade poderán contar con vicerreitorías, que exercerán, ademais daquelas competencias que lles delegue o reitor ou a reitora, as que establezan os seus estatutos.

4. A Xunta de Galicia fomentará o avance das universidades públicas cara a unha organización territorial, tendente a unha maior especialización, compactidade e calidade da docencia e a investigación nos campus.

5. A Xunta de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias, establecerá as accións e as medidas necesarias para contribuír a acadar o equilibrio entre campus.

Artigo 8. Criterios sobre a implantación de titulacións e centros

1. A creación e a localización de novas titulacións e centros e, en definitiva, a ordenación do SUG seguirán unha programación que atenda a demanda universitaria e a dispoñibilidade dos recursos humanos e materiais necesarios, axustándose aos seguintes criterios cuxa prelación, en caso de conflito, deberá ser motivadamente determinada en cada caso concreto polo órgano competente para adoptar a decisión de que se trate:

a) Cubrir as necesidades de titulados e tituladas para o desenvolvemento cultural, científico, técnico e económico de Galicia.

b) Achegar a oferta á demanda social e ás previsións profesionais e laborais.

c) Afondar nunha singularización dos campus que recolla a demanda formativa do contorno.

d) Evitar a reiteración de titulacións na comunidade autónoma, agás cando coincidan a demanda real de estudantes e a necesidade social de titulados e tituladas.

e) Agrupar as titulacións por grandes áreas científicas para lograr un mellor aproveitamento dos recursos e a xeración de sólidas liñas de investigación.

2. Só poderán establecerse na comunidade autónoma de Galicia centros universitarios e impartirse ensinanzas universitarias de acordo cos requisitos e os procedementos previstos na lexislación estatal, nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 9. Centros de apoio á docencia e á investigación no eido da saúde

1. Para a organización e o bo desenvolvemento das titulacións no eido da saúde, as universidades poderán crear ou participar na creación de novas estruturas que cumpran unha función múltiple asistencial, docente de grao e posgrao, e de investigación, transferencia e innovación.

2. Con independencia da súa forma xurídica, a universidade determinará a súa natureza e obxectivos e mais planificará os seus recursos segundo as necesidades formativas e de I+D+i. En todo caso, estas estruturas deberán cumprir a normativa vixente no ámbito asistencial.

3. As universidades regularán nos seus estatutos as fórmulas precisas para permitir a participación do persoal destas estruturas nas súas actividades docentes, outorgando a venia docendi cando sexa necesario.

Artigo 10. Oferta de prazas e acceso de estudantes

1. As universidades ofertarán para cada titulación un número de prazas acorde coas súas posibilidades de impartir un ensino de calidade en función dos medios humanos e materiais dispoñibles.

2. O SUG procurará garantir unha oferta de titulacións e prazas universitarias suficientes para que o estudantado galego teña a opción de estudar nas universidades públicas de Galicia.

3. No suposto de que o número de prazas nunha titulación for inferior á demanda, a selección do alumnado efectuarase conforme os criterios ou os procedementos previamente establecidos de acordo coa normativa aplicable, valorando sempre a capacidade académica das persoas solicitantes.

4. Regulamentariamente poderán concretarse e desenvolverse sistemas de selección acordes cos contidos deste precepto.

Artigo 11. Distrito único

1. Para os efectos do ingreso nos centros universitarios, as universidades públicas integrantes do SUG constitúense nun distrito único para os estudos de grao e máster.

2. Os e as estudantes poderán acceder a calquera das universidades do SUG, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

3. Co fin de coordinar os procedementos de acceso á universidade, a consellaría competente en materia de universidades poderá regular, logo de informe do Consello Galego de Universidades, o prazo máximo de que dispoñen as universidades para determinar o número de prazas dispoñibles e mais os prazos e os procedementos para solicitalas.

Capítulo II
Da creación e o recoñecemento de universidades e centros

Sección 1ª. Creación e recoñecemento de universidades

Artigo 12. Creación e recoñecemento

A creación de universidades públicas e o recoñecemento de universidades privadas realizarase mediante lei do Parlamento de Galicia, cando cumpran os requisitos básicos esixidos na Lei orgánica de universidades, nesta lei así como nas disposicións regulamentarias que se diten no seu desenvolvemento, logo de informe da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, do Consello Galego de Universidades e da Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Artigo 13. Requisitos xerais para a creación ou o recoñecemento dunha nova universidade no Sistema universitario de Galicia

Sen prexuízo dos requisitos básicos establecidos pola Lei orgánica de universidades e as súas normas de desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia esixirá o cumprimento dos seguintes requisitos para a creación e o recoñecemento de universidades:

a) As universidades, públicas ou privadas, deberán contar cun campus integrado por centros e departamentos ou estruturas docentes necesarias para a organización e o desenvolvemento de ensinanzas conducentes, como mínimo, á obtención de oito títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, dos cales polo menos catro serán graos universitarios e dous programas de doutoramento. A oferta das novas institucións abranguerá, como mínimo, dúas ramas de coñecemento.

b) Ademais dos requisitos esixidos na alínea anterior, as universidades deberán garantir a implantación progresiva dos programas de doutoramento e dos programas e as liñas de investigación correspondentes ás ensinanzas que impartan, así como as medidas axeitadas para facilitar a incorporación das persoas egresadas ao mundo laboral.

c) As ensinanzas deberán abranguer ciclos completos cuxa superación outorgue o dereito á obtención dos correspondentes títulos oficiais con validez en todo o territorio nacional.

d) A composición do equipo de profesorado deberá respectar os requisitos para tal efecto previstos na Lei orgánica de universidades e na súa normativa de desenvolvemento.

e) As universidades deberán contar, no momento do seu completo funcionamento, cun equipo de persoal de administración e servizos estruturado e suficiente para o cumprimento dos obxectivos da universidade.

f) As universidades deberán dispoñer de espazos e equipamento abondo para aulas, laboratorios, seminarios, bibliotecas, salón de actos e demais servizos comúns, así como das instalacións axeitadas para o persoal docente e investigador, de administración e servizos e mais alumnado. Estas previsións adaptaranse no caso de que toda ou parte da oferta de titulacións oficiais se imparta en modalidade semipresencial ou virtual.

g) O catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG, e valorarase especialmente a súa conexión con novas ramas xurdidas no campo científico e con novas necesidades profesionais.

h) Para cada rama de coñecemento e de xeito previo ou simultáneo á verificación de cada título, as universidades presentarán un plan de desenvolvemento de titulacións con indicación da relación destas, dos prazos previstos de implantación e dos medios para a súa posta en marcha. O devandito plan será avaliado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 14. Requisitos específicos para as universidades privadas

1. Para o recoñecemento dunha universidade privada será necesario cumprir, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo anterior, as seguintes obrigas:

a) Garantir o funcionamento da universidade e de cada un dos seus centros durante o período mínimo que lle permita finalizar os seus estudos ao alumnado que, cun aproveitamento académico normal, os iniciou nela, consonte a normativa de permanencia desa universidade.

b) Asegurar que as normas de organización e funcionamento polas que debe rexerse a actividade e autonomía da universidade sexan conformes cos principios constitucionais e respecten e garantan, de forma plena e efectiva, o principio de liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.

c) Achegar os estudos económicos básicos que aseguren a viabilidade financeira do proxecto, incluíndo, entre outras partidas, as que aseguren o desenvolvemento da investigación, así como as garantías do seu financiamento.

d) Destinar a bolsas e axudas ao estudo e á investigación a porcentaxe dos seus recursos que se estableza desde a Xunta de Galicia. Na adxudicación destas axudas teranse en conta non só o rendemento académico do alumnado senón tamén as súas condicións socioeconómicas.

2. De acordo coa normativa vixente, o profesorado das universidades privadas non poderá ser persoal funcionario dos corpos docentes universitarios en situación de servizo activo e destino nunha universidade pública, nin profesorado contratado doutor nas mesmas condicións.

Artigo 15. Inicio e cesamento de actividades

1. Logo de se crear ou recoñecer por lei unha nova universidade, o inicio das súas actividades requirirá autorización mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de universidades. Así mesmo, o cesamento de actividades realizarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

2. A lei de creación ou recoñecemento dunha universidade recollerá, entre outros aspectos, os motivos que determinen o cesamento das actividades, así como os requisitos que deben concorrer e as obrigas que deriven del. Corresponderalle á consellaría competente en materia de universidades comprobar o cumprimento dos devanditos requisitos e compromisos, para cuxo efecto os órganos de goberno de todas as universidades, as persoas promotoras de universidades privadas e os membros da comunidade universitaria deberán prestar a colaboración precisa para a realización das actividades inspectoras.

3. No caso de cesamento de actividades, a universidade non poderá admitir novo alumnado pero deberá seguir existindo ata que todas as titulacións ofertadas sexan extinguidas. A universidade está obrigada a garantir o axeitado desenvolvemento efectivo das ensinanzas ata a súa finalización por parte dos e das estudantes.

Artigo 16. Autorización de impartición de ensinanzas por universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia

1. As universidades e os centros que non pertenzan ao SUG requirirán, para impartir na comunidade autónoma de Galicia ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, baixo calquera modalidade, a autorización da consellaría competente en materia de universidades, segundo o procedemento previsto na normativa vixente para as universidades do SUG. O anterior enténdese sen prexuízo do establecido na disposición adicional segunda da Lei orgánica de universidades e dos requisitos que para unha maior garantía das persoas usuarias do servizo da educación superior universitaria poida establecerse regulamentariamente.

2. As universidades e os centros que non pertenzan ao SUG poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos non oficiais, logo de comunicación á consellaría competente en materia de universidades, sempre que a súa denominación non induza a confusión con calquera titulación de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

Sección 2ª. Deseño da estrutura das universidades

Artigo 17. Criterios xerais

1. As universidades deseñarán e usarán as súas estruturas de xeito óptimo para cumprir as súas funcións, e só poderán crearse por esta razón. No seu deseño terase en conta especialmente a interacción entre as tres misións universitarias: docencia, investigación e innovación, de xeito que se beneficien mutuamente. Para os efectos da relación de postos de traballo, bastará con que cada persoa membro do persoal docente e investigador estea adscrita, polo menos, a unha das estruturas anteriores.

2. No caso das universidades públicas, a creación, a modificación e a supresión dos centros docentes e das unidades de I+D+i, recollidas no artigo 5 desta lei, incluídos, de ser o caso, aqueles centros ou estruturas que organicen ensinanzas na modalidade non presencial, serán aprobadas pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, ben por propia iniciativa, co acordo do consello de goberno da universidade, ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do consello de goberno, en ambos os casos co informe previo favorable do consello social.

Malia o anterior, a creación, a modificación e a supresión das unidades de I+D+i propias e das unidades docentes correspóndenlle á universidade, de acordo co establecido nos seus estatutos e na demais regulación interna, así como co disposto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

3. No caso das universidades privadas, o recoñecemento da creación, da modificación e da supresión dos centros propios e das estruturas a que se refire esta lei efectuarao a Xunta de Galicia, de acordo co previsto no capítulo I do título II da Lei 6/2001.

Malia o anterior, a creación, a modificación e a supresión das unidades de I+D+i propias e das unidades docentes correspóndenlle á universidade.

4. Os centros propios das universidades integrantes do SUG deberán estar situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente, no marco das políticas de colaboración e internacionalización, logo de acordo bilateral e informe da Conferencia Xeral de Política Universitaria, as universidades poderán estender a súa actividade a nivel extraautonómico.

A creación, a modificación ou a supresión de centros propios ou estruturas das universidades do SUG no ámbito territorial doutra Comunidade Autónoma deberá ser autorizada por decreto do Consello da Xunta de Galicia e pola outra Comunidade nos termos previstos nos puntos 2 e 3 deste artigo.

5. As estruturas universitarias contarán cun órgano de goberno coas funcións que se determinen segundo a normativa estatal e autonómica de aplicación e nos estatutos da universidade pública, ou nas normas de organización e funcionamento no caso das universidades privadas. En todo caso, deberá quedar asegurada a representación dos diferentes sectores da comunidade universitaria e procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

6. As universidades, para o mellor cumprimento das súas funcións ao servizo da sociedade, poderán cooperar entre elas, con organismos públicos de investigación, con empresas e con outros axentes do Sistema español de ciencia e tecnoloxía ou pertencentes a outros países, mediante a creación de alianzas estratéxicas, en forma de consorcios, fundacións e calquera outro mecanismo previsto no ordenamento xurídico que permita desenvolver programas e proxectos de excelencia nacional e internacional.

Artigo 18. Creación, modificación e supresión de centros e unidades docentes

1. As escolas e as facultades son os centros docentes encargados da organización das ensinanzas e dos procesos académicos, administrativos e de xestión conducentes á obtención de títulos de grao. Así mesmo, poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos de máster e títulos propios e levar a cabo aqueloutras funcións que determine a universidade.

2. As universidades, tendo en conta os principios de eficacia, eficiencia e racionalización, deseñarán o seu elenco de centros docentes para dar o mellor servizo formativo. Preferentemente organizaranse por ramas de coñecemento e o número mínimo dependerá de factores como o mellor servizo docente, a distancia xeográfica e o número de estudantes ou persoal, mantendo a máxima eficiencia dos recursos así como a coherencia no eido disciplinar e unha dispoñibilidade de recursos humanos axeitada.

3. As universidades poderán crear centros para a súa oferta de posgrao, títulos propios ou formación continua, específicos para a impartición de títulos de máster, especialmente aqueles de marcado carácter interdisciplinar, segundo o establecido nesta lei e na demais normativa aplicable.

4. Unha vez acordada a creación ou o recoñecemento, a modificación ou a supresión dos centros, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Educación, para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos. No suposto de centros situados noutra comunidade autónoma, a devandita comunicación levarase a cabo segundo o establecido na normativa aplicable.

5. O acordo de creación recollerá os seguintes aspectos: a denominación, os centros, as institucións participantes e un informe sobre os recursos humanos, económicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas actividades e, se é o caso, as condicións da participación das administracións públicas.

6. As funcións dos centros docentes serán reguladas nos estatutos das universidades públicas e, no caso de universidades privadas, nas normas de organización e funcionamento, dentro do marco establecido pola normativa básica estatal e autonómica.

Artigo 19. Creación, modificación e supresión de centros de I+D+i

1. Os institutos universitarios de investigación son centros dedicados á investigación científica e técnica, á innovación ou á creación artística. Poderán organizar e desenvolver programas e estudos de posgrao e mais proporcionar asesoramento técnico no ámbito das súas competencias. Rexeranse pola Lei orgánica de universidades, por esta lei, polos estatutos da universidade de que dependan, polo convenio de creación ou de adscrición, se é o caso, e polas súas propias normas.

2. Como regra xeral, os institutos universitarios de investigación tenderán ao autofinanciamento das súas actividades.

3. Os institutos universitarios de investigación poderán ser constituídos por unha ou máis universidades, ou conxuntamente con outras entidades, públicas ou privadas, mediante convenios ou outras formas de cooperación, de conformidade cos estatutos das universidades e a demais normativa aplicable.

4. Correspóndelle á Xunta de Galicia a creación ou a supresión, mediante decreto, dos institutos universitarios de investigación, atendendo a criterios de excelencia científica, técnica ou artística e da súa conveniencia estratéxica para o fomento destas actividades e o desenvolvemento económico e social de Galicia, sen prexuízo do disposto na normativa básica estatal.

5. O acordo de creación recollerá os seguintes aspectos: a denominación, os centros e as institucións participantes e, se é o caso, as condicións da participación das administracións públicas.

6. O acordo de supresión adoptarao a Xunta de Galicia, logo dos informes do consello social e do consello de goberno da universidade ou das universidades participantes, e á vista das avaliacións da actividade desenvolvida polos institutos universitarios de investigación que cada cinco anos realizará a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

7. Cada unha das universidades integrantes do SUG poderá ser sede polo menos dunha escola de doutoramento, creada individualmente pola universidade sede ou conxuntamente con outras universidades, ou en colaboración con outros organismos, centros, institucións e entidades con actividades de I+D+i, nacionais ou estranxeiros.

8. A creación dunha escola de doutoramento necesitará a autorización previa da consellaría competente en materia de universidades. As escolas de doutoramento axustaranse ao procedemento e aos requisitos que se establezan regulamentariamente, que recollerán un proxecto académico de liderado no seu ámbito ou ámbitos de actuación. O obxecto fundamental da escola de doutoramento será a organización, dentro do seu ámbito de xestión, do doutoramento nunha ou en varias ramas de coñecemento ou con carácter interdisciplinar, sen prexuízo de que, ademais, poida complementar os seus fins e actividade con ensinanzas oficiais de máster de contido fundamentalmente científico e outras actividades de formación en investigación.

Sección 3ª. Denominación e publicidade

Artigo 20. Reserva de actividade e de denominación

Ningunha persoa física ou xurídica, nacional ou estranxeira, poderá exercer as actividades legalmente reservadas ás universidades, nin usar e publicitar as denominacións reservadas para elas, os seus centros, órganos, ensinanzas e titulacións de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, nin outras que induzan a confusión, sen obter previamente os actos lexislativos e administrativos necesarios conforme a lexislación estatal e esta lei.

Artigo 21. Publicidade

1. Non poderán ser obxecto de publicidade, comunicación comercial ou promoción as universidades, os centros, as ensinanzas ou as titulacións universitarias que non cumpran cos requisitos necesarios para a súa creación e efectiva posta en funcionamento ou impartición, ou que perdesen a súa eficacia por revogación, falta de renovación ou extinción.

2. A prohibición anterior afecta tamén as ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros que, aínda que conten con autorizacións ou actos similares previstos nos seus sistemas educativos, non conten coa autorización correspondente da Xunta de Galicia.

3. Os títulos universitarios non oficiais non se poderán publicitar ou promocionar de forma que poidan inducir a confusión cos títulos oficiais.

4. A consellaría competente en materia de universidades velará polo cumprimento do establecido neste artigo e, en xeral, por impedir ou facer cesar calquera publicidade universitaria con difusión na comunidade autónoma que resulte enganosa ou que doutra forma poida afectar a capacidade dos potenciais alumnos e alumnas para tomar unha decisión con pleno coñecemento sobre as características dos estudos que pretendan cursar, a validez e o alcance do título a que dan acceso, ou sobre a elección do centro, da universidade ou da modalidade do ensino.

CAPÍTULO III
Adscrición de centros ás universidades

Artigo 22. Normas xerais

1. A adscrición de centros docentes de titularidade pública a universidades públicas ou de titularidade privada a universidades privadas débese producir mediante convenio de adscrición entre as persoas titulares do centro que se pretende adscribir e a universidade da adscrición.

2. Os convenios de adscrición, subscritos polo reitor ou a reitora da universidade e a persoa representante legal da entidade titular do centro universitario, deberán incluír entre as súas cláusulas, como mínimo:

a) A relación de ensinanzas universitarias de carácter oficial que se impartirán no centro adscrito.

b) O plan de docencia, no cal constará o número de postos para o alumnado, o cadro de persoal docente e de administración e servizos, con indicación da vinculación xurídica e académica, do financiamento e do réxime económico desde o inicio ata a súa implantación total.

c) A duración da adscrición.

d) As normas de organización e funcionamento, que incluirán:

1. Un órgano colexiado de goberno do que formen parte representantes do profesorado, do estudantado e do persoal de administración e servizos.

2. Órganos unipersoais de goberno e os requisitos para o seu desempeño.

3. Un número máximo de dous mandatos.

4. Un funcionamento acorde con principios democráticos.

e) Un sistema obxectivo de selección do profesorado e do resto do persoal baseado na igualdade, a publicidade, o mérito e a capacidade.

f) O procedemento para solicitar da universidade a venia docendi do seu profesorado.

g) Os criterios de admisión ás ensinanzas.

h) As previsións relativas ao réxime económico que rexerá as relacións entre o centro adscrito e a universidade.

i) O réxime de prezos que teñen que satisfacer os e as estudantes en cada unha das ensinanzas que se imparta no centro.

j) O compromiso de todas as persoas asinantes de aseguraren que, sen prexuízo das especialidades que poidan preverse ao respecto na normativa estatal ou autonómica, as titulacións se impartirán respectando os mesmos estándares de calidade esixidos para o resto do SUG.

k) Unha comisión de seguimento do convenio, que velará pola correcta execución e seguimento dos compromisos recollidos nel e resolverá, de ser o caso, as dúbidas e as controversias que poidan xurdir na súa aplicación e interpretación.

3. Os centros docentes de ensino universitario adscritos ás universidades rexeranse pola normativa estatal, pola presente lei, polas disposicións de desenvolvemento destas e polos estatutos da universidade á que se adscriban, naqueles aspectos en que, pola súa natureza, resulten aplicables, polas súas propias normas de organización e funcionamento e mais polo convenio de adscrición correspondente.

4. Os centros universitarios privados deberán estar integrados nunha universidade privada, como centros propios dela, ou adscritos a unha pública ou privada.

Artigo 23. Autorización

1. É competencia do Consello da Xunta aprobar a adscrición ou a desadscrición a unha universidade pública de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. A aprobación terá lugar mediante decreto, por proposta do consello de goberno da universidade e logo dos informes favorables do consello social da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e do Consello Galego de Universidades. Desta autorización será informada a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

2. Para a concesión da devandita autorización, a consellaría competente en materia de universidades poderá solicitar información complementaria ao centro cuxa adscrición se solicita, co fin de comprobar que se garanten os obxectivos e os fins do SUG. O comezo das actividades dos centros adscritos será autorizado pola consellaría competente en materia de universidades.

3. A integración de centros universitarios de titularidade privada nunha universidade privada deberá ser recoñecida polo Consello da Xunta, logo de informe do Consello Galego de Universidades, e as disposicións contidas neste capítulo seranlle de análoga aplicación.

Artigo 24. Suspensión e revogación da adscrición

1. Se, con posterioridade ao inicio das súas actividades, a Xunta de Galicia aprecia que un centro universitario adscrito a unha universidade pública incumpre os requisitos esixidos polo ordenamento xurídico ou os compromisos adquiridos ao solicitarse o seu recoñecemento, ou se separa das funcións institucionais da universidade, a consellaría competente en materia de universidades requirirá a universidade para que inste a regularización da situación no prazo que se lle outorgue para o efecto.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza a regularización, a consellaría competente en materia de universidades poderá acordar a suspensión provisional da adscrición, logo de informe da universidade á cal estea adscrito o centro e logo da audiencia da persoa titular deste. A resolución de suspensión provisional establecerá os seus efectos en relación co alumnado afectado e as actividades do centro.

3. Unha vez finalizado o prazo sinalado na resolución de suspensión provisional sen que se emenden as irregularidades que a orixinaron, procederase á revogación da adscrición, sen prexuízo da garantía dos dereitos do alumnado conforme o determinado no propio acto de revogación.

4. A revogación da adscrición acordarase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do oportuno procedemento, no que se dará trámite de audiencia á persoa titular do centro adscrito, e cos informes da universidade correspondente e do Consello Galego de Universidades.

5. Da revogación da adscrición será informado o Consello de Universidades para os efectos da súa comunicación ao Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

Artigo 25. Adscrición de institutos universitarios de investigación

De acordo co disposto no artigo 10.4 da Lei orgánica de universidades, mediante convenio poderán adscribirse ás universidades públicas, como institutos universitarios de investigación, institucións ou centros de investigación de carácter público e/ou privado. A aprobación da adscrición ou, se é o caso, a súa revogación será acordada mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, ben por propia iniciativa, con acordo do consello de goberno da universidade e logo de informe favorable do consello social, ben por iniciativa da universidade mediante proposta do consello de goberno, co informe previo favorable do consello social da universidade e a posta en coñecemento do Consello Galego de Universidades.

Capítulo IV
Autorización de centros universitarios no estranxeiro e de centros estranxeiros
en Galicia

Sección 1ª. Centros universitarios no estranxeiro dependentes de universidades
do Sistema universitario de Galicia

Artigo 26. Creación e supresión

1. A creación, a modificación e a supresión de centros de universidades do SUG, propios ou adscritos, localizados no estranxeiro, que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, levarase a cabo segundo o establecido na normativa básica estatal.

2. No caso das universidades públicas, a proposta de creación, modificación e supresión destes centros correspóndelle ao consello social da universidade e deberá ser aprobada por acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo dos informes do consello de goberno da universidade e da Conferencia Xeral de Política Universitaria. O acordo favorable á proposta será remitido ao Ministerio de Educación para a súa tramitación posterior segundo o punto anterior, ata a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

3. No caso de universidades privadas, a creación, a modificación e a supresión destes centros efectuarase segundo o procedemento descrito no punto anterior, por iniciativa da universidade e segundo o establecido nas súas normas de funcionamento.

Artigo 27. Requisitos

Os centros dependentes de universidades do SUG localizados nun país estranxeiro deberán reunir os requisitos establecidos para os centros universitarios nesta lei e na demais normativa aplicable, coas reservas derivadas da lexislación do país de que se trate, e que sexan aplicables en cada caso.

Artigo 28. Ensinanzas

1. Os centros universitarios no estranxeiro, dependentes de universidades do SUG, organizaranse segundo o Sistema educativo español e poderán ofertar ensinanzas conducentes á obtención de títulos oficiais e validez en todo o territorio nacional que fosen previamente verificadas consonte o disposto na lexislación vixente.

2. Cando se trate de títulos previamente verificados para a súa impartición noutro ou noutros centros dependentes da universidade, esta deberá instar, con carácter previo á súa implantación, a correspondente modificación, segundo o procedemento establecido na normativa estatal e autonómica vixente, co fin de que o título sexa verificado para a súa implantación no correspondente centro localizado no estranxeiro.

3. Para que as universidades do SUG poidan impartir no estranxeiro ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial, deberán contar coa autorización previa da Xunta de Galicia, segundo o procedemento regulado na normativa vixente.

4. As universidades do SUG poderán subscribir convenios con universidades e institucións de ensino universitario de calquera Estado, en especial con institucións pertencentes ao Espazo europeo de educación superior, para a organización de plans de estudo conducentes á obtención de títulos universitarios conxuntos, de acordo coa normativa vixente.

Sección 2ª. Centros que imparten en Galicia ensinanzas conducentes á obtención
de títulos estranxeiros

Artigo 29. Establecemento, autorización e denominación

1. O establecemento en Galicia de centros que, baixo calquera modalidade, impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos, certificados ou diplomas de educación superior universitaria de acordo con sistemas educativos estranxeiros, así como as condicións que deben reunir os devanditos centros, rexeranse polo establecido na lexislación básica estatal.

2. O disposto no punto anterior será aplicable para cada unha das ensinanzas conducentes á obtención de títulos, certificados ou diplomas de educación superior universitaria de acordo con sistemas educativos estranxeiros que pretenda impartir o citado centro, e, en todo caso, deberán contar coa previa autorización da consellaría competente en materia de universidades para a súa impartición no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Correspóndelle á consellaría competente en materia de universidades autorizar o establecemento en Galicia dos centros referidos nesta sección, co informe previo da Conferencia Xeral de Política Universitaria, e estará vinculado ás necesidades de programación xeral do ensino universitario. Así mesmo, a autorización requirirá o informe previo do Ministerio de Asuntos Exteriores, sen prexuízo do establecido nos tratados ou nos convenios internacionais subscritos por España ou, se é o caso, da aplicación do principio de reciprocidade.

4. O incumprimento das obrigas inherentes á boa práctica docente e investigadora, a incorrecta información sobre as ensinanzas que imparten e sobre os títulos, certificados ou diplomas a cuxa obtención conducen, así como a modificación de calquera dos elementos conforme os que se outorgou a autorización, poderán motivar a súa revogación.

5. Os centros a que se refire esta sección terán a denominación que lles corresponda de acordo coas ensinanzas que impartan e non poderán utilizar denominacións que, polo seu significado ou por utilizar unha lingua estranxeira, poidan inducir a confusión sobre a natureza do centro, as ensinanzas que imparten ou a natureza, a validez e os efectos dos títulos, certificados ou diplomas académicos aos que aquelas conducen.

Artigo 30. Requisitos

1. A autorización do establecemento dos centros e da implantación das ensinanzas esixirá a acreditación documental dos seguintes aspectos:

a) Que o centro está debidamente constituído segundo a lexislación do país conforme cuxo sistema educativo pretenda impartir as ensinanzas, garantindo as súas persoas promotoras que está sometido aos procesos de avaliación, acreditación e inspección dos órganos competentes do indicado sistema, se os houber.

b) Que as ensinanzas cuxa impartición se pretende están efectivamente implantadas na universidade ou institución de educación superior universitaria que expida o título, certificado ou diploma, consonte o establecido na Lei orgánica de universidades.

c) Que os plans de estudos das mencionadas ensinanzas se corresponden en estrutura, duración e contidos cos que se imparten na universidade ou institución de educación universitaria estranxeira matriz.

d) Que os títulos, os certificados ou os diplomas a cuxa obtención conducen as anteriores ensinanzas teñan idéntica validez académica oficial no país de orixe e a mesma denominación que os que expida a universidade ou a institución de educación universitaria estranxeira matriz polos anteditos estudos.

2. Os centros establecidos en Galicia que impartan ensinanzas de educación superior universitaria conforme sistemas educativos estranxeiros deberán contar coa infraestrutura e os medios materiais establecidos na normativa vixente.

3. A dotación de profesorado dos mencionados centros e a súa cualificación docente e investigadora deberán respectar, en todo caso, as mesmas condicións e requisitos de calidade e dedicación esixidos na universidade ou institución estranxeira que expide o título, certificado ou diploma correspondente ás ensinanzas impartidas no centro.

Artigo 31. Titularidade

Poderá ser titular dun centro dos previstos nesta sección calquera persoa física ou xurídica, de nacionalidade española ou estranxeira, agás as que conten con antecedentes penais por delitos dolosos ou fosen sancionadas administrativamente con carácter firme por infracción grave en materia educativa ou profesional. En todo caso, a persoa titular do indicado centro deberá acreditar que conta coa correspondente vinculación coa universidade ou institución estranxeira que expide o título, o certificado ou o diploma, mediante o correspondente convenio.

Artigo 32. Inspección e avaliación

1. Os centros que impartan en Galicia ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros quedarán sometidos á inspección das autoridades españolas, estatais e autonómicas, no que respecta ao cumprimento da normativa vixente.

2. Así mesmo, estarán sometidos á avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que emitirá o correspondente informe, elaborado segundo o protocolo fixado para tal fin.

3. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia dará conta de cada avaliación á Xunta de Galicia, á Conferencia Xeral de Política Universitaria e ao Ministerio de Educación.

Artigo 33. Recoñecemento de períodos de estudos, títulos, certificados e diplomas

1. Os efectos dos estudos cursados nos centros a que se refire esta sección axustaranse ao establecido pola normativa estatal específica reguladora do recoñecemento en España de estudos e títulos estranxeiros de educación universitaria.

2. Os estudos estranxeiros cursados en España á marxe do previsto na lexislación estatal e autonómica carecerán de validez oficial e tanto estes coma os correspondentes títulos, certificados ou diplomas obtidos non serán obxecto, en ningún caso, de recoñecemento, consonte o establecido na normativa básica estatal.

3. Para os efectos de poder obter o recoñecemento en España dos períodos de estudos, títulos, certificados ou diplomas obtidos nestes centros, segundo a lexislación estatal vixente nesta materia, os e as estudantes deberán acceder a eles cumprindo coas condicións de acceso esixidas ás persoas candidatas a accederen aos correspondentes estudos na universidade ou no centro de ensinanza universitaria matriz estranxeiro de que se trate en cada caso ou ben coas esixencias de titulación establecidas para o acceso ás universidades españolas.

4. A entidade titular do centro poñerá en coñecemento dos e das estudantes, no momento de efectuaren a matrícula, os aspectos a que se refiren os puntos anteriores.

Capítulo V
Das ensinanzas universitarias non presenciais

Artigo 34. Promoción

Co fin de favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de acceso aos estudos superiores universitarios, a Xunta de Galicia promoverá a impartición de ensinanzas universitarias na modalidade non presencial por parte das universidades do SUG.

Artigo 35. Impartición polas universidades do Sistema universitario de Galicia

A impartición por parte das universidades do SUG de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, na modalidade non presencial, estará sometida aos mesmos criterios e procedementos requiridos para as ensinanzas presenciais, tendo en conta as posibles especificidades derivadas desta modalidade.

Artigo 36. Impartición por universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia

1. A impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, na modalidade non presencial, por parte de universidades con sede noutra comunidade autónoma, requirirá a autorización da consellaría competente en materia de universidades, consonte o procedemento previsto na normativa vixente para as universidades do SUG. Na solicitude de autorización, a universidade responsable do título deberá facer constar as condicións de organización e impartición das devanditas ensinanzas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando a impartición das ensinanzas referidas no punto anterior requira a existencia dun centro adscrito ou integrado á universidade responsable do título no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, este deberá contar, para o inicio e o cesamento das súas actividades, coa preceptiva autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Capítulo VI
Control de centros e ensinanzas universitarias

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 37. Obxecto

1. Este capítulo ten por obxecto tipificar as infraccións e as sancións en relación coas materias reguladas no presente título, así como establecer o procedemento sancionador aplicable.

2. As infraccións cometidas neste ámbito serán sancionadas na vía administrativa de acordo coas normas do procedemento sancionador, con suxeición a esta lei e ás normas regulamentarias que a desenvolvan.

3. Cando as actuacións ou as omisións poidan ser constitutivas de ilícito penal, a consellaría con competencia en materia universitaria poñerao en coñecemento das autoridades competentes e absterase de seguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme, teña lugar o sobresemento ou o arquivo das actuacións ou se produza a devolución do expediente polo Ministerio Fiscal.

Artigo 38. Suxeitos responsables administrativamente

1. Serán suxeitos responsables administrativamente as persoas físicas e/ou xurídicas que incorran nas accións ou as omisións tipificadas como infraccións nesta lei.

2. Cando a comisión das infraccións tipificadas nesta lei sexa atribuíble a varias persoas físicas ou xurídicas, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan.

3. As persoas que exerzan nunha entidade cargos de administración ou dirección serán responsables das infraccións cando estas sexan imputables á súa conduta dolosa ou neglixente.

Sección 2ª. Tipificación e cualificación das infraccións

Artigo 39. Infraccións

1. Son infraccións en materia de centros e ensinanzas universitarias as accións e as omisións tipificadas nesta lei.

2. As infraccións administrativas cualifícanse como moi graves, graves e leves, en función da natureza da contravención, da súa transcendencia e repercusión e, se é o caso, da reincidencia nas mesmas condutas sancionables.

3. Cando a consellaría competente en materia de universidades comprobe, no exercicio das súas funcións, a existencia de posibles infraccións administrativas en materias da competencia doutros órganos administrativos, daralles conta destas para os efectos pertinentes. Igualmente, cando as posibles infraccións tipificadas nesta lei sexan detectadas por outros órganos da Xunta de Galicia, actuando no ámbito das súas competencias, estas serán comunicadas ao departamento competente en materia de universidades, o cal actuará no ámbito das súas competencias.

Artigo 40. Infraccións moi graves

Terán a consideración de infraccións de carácter moi grave:

a) A impartición, sen a preceptiva autorización, de estudos universitarios, en calquera modalidade, na comunidade autónoma de Galicia.

b) A posta en funcionamento ou o cesamento das actividades dun centro ou dunha universidade sen obter previamente a autorización administrativa pertinente.

c) A publicidade enganosa respecto da existencia de autorización para a impartición de estudos universitarios ou das condicións desta.

d) O incumprimento por parte das universidades, posteriormente ao inicio das súas actividades, da normativa universitaria de aplicación.

e) O incumprimento por parte dos centros estranxeiros autorizados da normativa universitaria de aplicación.

f) A falta de veracidade na documentación presentada que fose determinante na concesión da autorización.

g) O incumprimento dos requisitos mínimos de calidade establecidos na normativa aplicable no referente ao persoal docente e investigador, ao persoal de administración e servizos e mais aos espazos docentes e investigadores.

h) Acoller estudos universitarios en instalacións autorizadas para ensinanzas de distinto nivel de estudos.

i) Impedir o exercicio das funcións de inspección universitaria.

j) A comisión dunha terceira infracción grave nun período de tres anos.

Artigo 41. Infraccións graves

Terán a consideración de infraccións de carácter grave:

a) O incumprimento ou a extralimitación nas condicións polas cales se autorizou a implantación dos estudos ou a creación do centro.

b) A utilización indebida, por parte de persoas físicas ou xurídicas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das denominacións reservadas legalmente a universidades, centros, titulacións e ensinanzas, ou o uso de denominacións que induzan a confusión con elas.

c) Non informar aos e ás estudantes que se matriculen nos centros docentes que impartan ensinanzas de acordo con sistemas educativos estranxeiros das ensinanzas e dos títulos aos que poden acceder e dos seus efectos académicos.

d) O cambio na titularidade de universidades ou centros sen a comunicación previa requirida ou en contra do informe da Administración competente.

e) A publicidade, a comunicación comercial ou a promoción contraria ao establecido no artigo 21 desta lei.

f) Impedir, obstruír ou coaccionar o labor de inspección universitaria.

g) A comisión dunha terceira infracción leve nun período de tres anos.

Artigo 42. Infraccións leves

Terán a consideración de infraccións de carácter leve outras infraccións das obrigas expresamente previstas na normativa básica estatal en materia de universidades e nesta lei que non teñan a consideración de graves ou moi graves.

Artigo 43. Prescrición das infraccións

1. As infraccións a que se refire esta lei prescribirán: as leves, ao ano; as graves, aos tres anos, e as moi graves, aos cinco anos.

2. O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día en que a infracción se cometese. Este prazo interromperase mediante a iniciación, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento sancionador, e continuará se o expediente sancionador permanecese paralizado máis dun mes por causa non imputable á persoa presuntamente responsable.

Sección 3ª. Das sancións

Artigo 44. Sancións

1. As infraccións tipificadas nesta lei serán sancionadas da seguinte forma:

a) As infraccións moi graves, con multa de 30.000,01 a 300.000,00 €.

b) As infraccións graves, con multa de 3.000,01 a 30.000,00 €.

c) As infraccións leves, con apercibimento por escrito ou multa de 300,01 a 3.000,00 €.

2. As infraccións graves e moi graves poderán levar consigo as seguintes sancións accesorias:

a) O pechamento total ou parcial das instalacións.

b) A revogación da autorización e/ou a suspensión da actividade cando a infracción supoña un notorio prexuízo para o SUG ou danos irreparables aos alumnos e ás alumnas.

c) A inhabilitación total ou parcial para o desenvolvemento de funcións e actividades similares durante o período de tempo que se determine, nunca superior a cinco anos.

3. Excepcionalmente, e no caso de multas valorables economicamente, nas que a sanción sexa inferior ao beneficio obtido polo infractor como resultado da infracción, estas poderán aumentarse ata o límite do beneficio obtido pola persoa infractora.

Artigo 45. Graduación das sancións

1. Na graduación da sanción teranse en conta os prexuízos ocasionados ao alumnado, a natureza da infracción e da disposición infrinxida, o beneficio ilícito obtido, a transcendencia social da infracción, a neglixencia, a existencia de intencionalidade, o incumprimento dos requirimentos efectuados pola Administración e as repercusións negativas que tivese para o SUG.

2. Non poderá obterse en ningún caso un beneficio derivado das infraccións consideradas nesta lei.

3. As responsabilidades administrativas que deriven do procedemento sancionador serán compatibles coa esixencia á persoa infractora da reposición ao seu estado orixinario da situación alterada por ela, así como coa indemnización polos danos e perdas causados. A devandita indemnización determinaraa o órgano competente para a imposición da sanción, e debe, neste caso, comunicarlla á persoa infractora para a súa satisfacción no prazo de tres meses. No caso de non realizar o pagamento, quedará expedita a súa esixencia por vía xudicial.

4. Terase en conta, como atenuante para a fixación da sanción, que antes da resolución definitiva do expediente incoado se emenden satisfactoriamente as actuacións que deron lugar ao seu inicio.

Artigo 46. Reincidencia e concorrencia de infraccións e sancións

1. Para os efectos desta lei, enténdese por reincidencia a comisión dunha infracción de idéntica natureza, tipificación ou cualificación á da que motivou a sanción anterior nun prazo de cinco anos, no caso das infraccións moi graves; de tres anos, no caso das infraccións graves, e dun ano, no caso das infraccións leves, contados a partir da notificación da sanción.

En tal suposto, requirirase que a primeira resolución sancionadora adquirise firmeza en vía administrativa.

2. Nos supostos de reincidencia, impoñerase a sanción pecuniaria na contía máxima prevista.

3. De concorreren nun mesmo expediente sancionador infraccións da mesma natureza, cada unha destas poderá ser obxecto da correspondente sanción.

4. Non se poderán sancionar os feitos que fosen xa sancionados penal ou administrativamente nos casos en que se aprecie identidade do suxeito, feito e fundamento.

Artigo 47. Prescrición das sancións

1. As sancións que recolle esta lei prescribirán: as impostas por infracción leve, ao ano; as impostas por infracción grave, aos tres anos, e as impostas por infracción moi grave, aos cinco anos.

2. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción. Este prazo interromperase mediante o inicio, con coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e continuará se o expediente permanecese paralizado máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.

Artigo 48. Publicidade das sancións

As sancións que comporten unha multa por contía superior aos 30.000 euros, así como aquelas que supoñan as sancións accesorias previstas no punto 2 do artigo 44 desta lei, publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Sección 4ª. Do procedemento sancionador

Artigo 49. Procedemento

A tramitación dos expedientes sancionadores axustarase ao establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 50. Medidas de carácter provisorio

1. No caso de se apreciar unha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios e as usuarias, a persoa titular da consellaría competente en materia de universidades poderá adoptar medidas de carácter provisorio consistentes no pechamento do centro onde se imparte a docencia ou na suspensión da actividade exercida, sen prexuízo das accións legais das que poidan ser responsables as persoas físicas ou xurídicas titulares do centro.

2. Dentro dos quince días seguintes á adopción das medidas de carácter provisorio, o órgano competente adoptará o acordo de iniciación do procedemento sancionador, que deberá pronunciarse expresamente sobre a confirmación, a modificación ou o levantamento daquelas. Transcorrido este prazo sen se iniciar o procedemento sancionador ou en caso de que o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso, as medidas provisorias quedarán sen efecto.

Contra o acordo de iniciación do procedemento sancionador poderá interpoñerse o recurso que proceda.

Artigo 51. Órganos competentes

A competencia para impoñer as sancións reguladas nesta lei correspóndelles aos seguintes órganos:

a) A imposición de sancións no caso de infraccións graves ou moi graves correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de universidades.

b) A imposición de sancións no caso de infraccións leves correspóndelle á persoa titular do órgano superior de dirección en materia de universidades.

Artigo 52. Recursos

Contra as resolucións e os actos ditados ao abeiro deste capítulo poderán interpoñerse os recursos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Título II
Da coordinación e da colaboración

Capítulo I
Coordinación universitaria

Artigo 53. Competencias da Xunta de Galicia

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de universidades, coordinar as universidades do SUG.

2. Co fin de facilitar a coordinación entre as universidades do SUG, e respectando sempre os límites da lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal, as institucións universitarias deberán facilitarse entre si canta información precisen para o desenvolvemento das súas respectivas competencias, e proporcionarlla á consellaría competente en materia de universidades. En todo caso, calquera responsabilidade no uso dos datos comunicados ou cedidos entre a Administración e as universidades será por conta de quen os reclamou para o exercicio das súas competencias en aplicación da normativa sobre protección de tales datos.

Artigo 54. Fins da coordinación universitaria

A coordinación das universidades do SUG serve aos seguintes fins:

a) A planificación do SUG, para acadar a mellora da calidade da docencia, a investigación e a xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.

b) A fixación de directrices e criterios comúns respecto dos seguintes asuntos:

1. A creación e o recoñecemento de universidades.

2. A creación, a adscrición, a desadscrición, a modificación ou a supresión de centros universitarios e institutos universitarios de investigación.

3. A adaptación da oferta de ensinanzas e da capacidade dos centros ás demandas e necesidades da sociedade.

4. A implantación, a modificación e a supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

5. A asignación de retribucións adicionais ao persoal docente e investigador.

6. Os prezos das ensinanzas oficiais.

7. A política de bolsas, axudas e créditos para o estudo.

8. Cantas materias sexan de interese común das universidades.

c) A promoción e a realización de actividades e estudos conxuntos no ámbito da docencia, a investigación, a innovación, a xestión, a difusión cultural e a extensión universitaria.

d) O establecemento e o seguimento de programas conxuntos de actuación nalgún dos ámbitos sinalados na alínea anterior.

e) A promoción da cooperación entre as universidades galegas, as restantes administracións públicas e outras institucións, públicas ou privadas, estatais ou estranxeiras, para a execución de proxectos de interese xeral.

f) O impulso á colaboración entre as universidades do SUG para levar a adiante accións conxuntas en docencia, investigación e innovación, intercambios de persoal e recursos.

g) A promoción da colaboración entre as universidades, administracións e entidades públicas e privadas para conseguir a adecuada integración dos e das estudantes e das persoas egresadas universitarias dentro do tecido produtivo e o mercado laboral.

h) Calquera outro fin que tenda a mellorar a eficacia e eficiencia do SUG con respecto do ámbito da autonomía universitaria.

Capítulo II
Do Consello Galego de Universidades

Sección 1ª. Definición, adscrición e competencias do Consello Galego
de Universidades

Artigo 55. Definición e adscrición

1. O Consello Galego de Universidades é o órgano colexiado de consulta e asesoramento da consellaría competente en materia de universidades para o desenvolvemento da política de coordinación e planificación do SUG.

2. Este consello estará adscrito organicamente á devandita consellaría, que asumirá os custos derivados do seu funcionamento con cargo aos seus orzamentos.

3. A súa organización e o seu funcionamento rexeranse polo disposto nesta lei, na normativa reguladora dos órganos colexiados e no seu regulamento interno.

Artigo 56. Competencias do Consello Galego de Universidades

Correspóndenlle ao Consello Galego de Universidades as seguintes competencias:

1. Asesorar a persoa titular da consellaría competente en materia de universidades naquelas cuestións que decida someter á súa consideración, formulándolle cantas recomendacións considere oportunas para o desenvolvemento da política universitaria e do SUG.

2. Emitir informe sobre os proxectos de disposicións normativas autonómicas en materia universitaria.

3. Coñecer e elaborar propostas sobre os criterios para a programación e o financiamento do SUG.

4. Emitir informe sobre as propostas de creación e recoñecemento de universidades, así como sobre a creación, a modificación e a supresión de centros universitarios, de institutos universitarios de investigación ou de calquera outra estrutura docente ou investigadora.

5. Emitir informe sobre as propostas de convenios para a adscrición de centros a unha universidade pública do SUG e nos supostos de revogación desta, así como ser informado sobre a adscrición de institutos universitarios de investigación ás devanditas universidades.

6. Emitir informe sobre as propostas de implantación e supresión de ensinanzas, que se impartan en calquera modalidade, conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

7. Coñecer os plans de estudo das ensinanzas impartidas polas universidades galegas e as súas modificacións, logo da resolución de verificación.

8. Coñecer e emitir informe sobre as propostas de creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes dunha universidade galega para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como sobre a impartición en centros situados en Galicia de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación universitaria.

9. Impulsar programas de actuación interuniversitaria e con outras entidades, públicas ou privadas, para a realización de estudos, actividades e ensinanzas que incidan na mellora dos sistemas de calidade.

10. Emitir informe sobre as normas reguladoras do acceso e da permanencia do alumnado nas universidades do SUG.

11. Emitir informe sobre as taxas e os prezos públicos das ensinanzas oficiais.

12. Coñecer os criterios e as directrices de bolsas, axudas e créditos para o estudo e a investigación que desenvolvan a Administración autonómica e as universidades do SUG.

13. Exercer todas aqueloutras competencias que se determinen legal ou regulamentariamente.

Artigo 57. Relacións de cooperación

En desenvolvemento das súas competencias, o Consello Galego de Universidades, a través do seu presidente ou da súa presidenta, poderá requirir a colaboración de persoas físicas e/ou xurídicas, así como solicitar a información que precise de todos os órganos da universidade e da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Sección 2ª. Composición do Consello Galego de Universidades

Artigo 58. Composición

1. O Consello Galego de Universidades está integrado polos seguintes membros:

a) O conselleiro ou a conselleira competente en materia de universidades.

b) A persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia de ensino universitario.

c) A persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia de ensino superior non universitario.

d) Un representante de cada unha das consellarías competentes en materia de investigación e desenvolvemento, orzamentos e sanidade designados polos conselleiros ou as conselleiras entre as persoas titulares de órganos de dirección.

e) Os reitores ou as reitoras das universidades integrantes do SUG.

f) As persoas titulares das xerencias das universidades integrantes do SUG.

g) Os presidentes ou as presidentas dos consellos sociais das universidades integrantes do SUG.

h) Catro membros designados pola comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

i) A persoa responsable da dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. O nomeamento e o cesamento dos membros a que se refiren as alíneas a), b), c), d), e), f), g) e i) do punto anterior determinará automaticamente a adquisición e a perda da condición de membro do Consello Galego de Universidades.

Os acordos de designación dos membros elixidos polo Parlamento de Galicia seranlle comunicados á persoa titular da consellaría competente en materia de universidades, quen procederá a nomealos mediante orde da súa consellaría, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir desa data.

3. Na composición deste órgano de goberno procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 59. Estatuto xurídico dos membros do Consello Galego de Universidades

1. A duración do mandato dos membros do Consello Galego de Universidades de designación parlamentaria será de catro anos, e permanecerán en funcións desde a expiración do devandito período ata a toma de posesión dos novos membros.

2. Os membros do Consello Galego de Universidades perderán a súa condición por terminación do mandato, por renuncia, por incapacidade declarada por resolución xudicial firme, por morte ou declaración de falecemento, por cesamento dos membros que teñan esta condición por razón do seu cargo ou por condena xudicial firme que comporte a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

3. Os membros do Consello Galego de Universidades percibirán unicamente as indemnizacións que, de acordo coa lexislación vixente, lles correspondan por razón de servizo.

4. Regulamentariamente establecerase a posibilidade de delegación de voto respectando as seguintes regras:

a) A delegación de voto será por escrito e motivada.

b) Cada persoa membro presente nunha sesión poderá asumir só unha delegación.

c) A persoa que exerza a presidencia do consello, logo de verificar que existe quórum, informará os presentes das delegacións de voto recibidas.

5. En relación cos membros designados polo Parlamento de Galicia observaranse as seguintes regras:

a) A renuncia deberase presentar por escrito á persoa titular da presidencia da comisión parlamentaria competente en materia universitaria, quen lla comunicará á persoa titular da consellaría competente en materia de universidades para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá efectos a partir desa data.

b) As vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento antes da finalización do seu mandato cubriranse polo mesmo procedemento empregado para a súa designación, no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato, sen prexuízo do disposto na alínea anterior.

Sección 3ª. Organización e funcionamento do Consello Galego de Universidades

Artigo 60. Estrutura interna e funcionamento

1. O Consello Galego de Universidades estrutúrase en órganos colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados o pleno, a Comisión de Titulacións e Centros, a Comisión de Financiamento e Investimentos e as demais comisións que o pleno acorde constituír.

3. Son órganos unipersoais a presidencia, a vicepresidencia e a secretaría.

4. As competencias e o funcionamento destes órganos regularanse por esta lei e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 61. Órganos colexiados

1. O Pleno do Consello Galego de Universidades, integrado por todas as persoas membros, exerce as competencias que correspondan ao consello en canto non estean encomendadas a outros órganos deste.

2. Reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez por cuadrimestre, e poderá facelo con carácter extraordinario cando así o acorde o presidente e a presidenta ou o soliciten por escrito a maioría dos seus membros.

3. O pleno poderá crear comisións e designar de entre as persoas membros as integrantes destas, nas cales estarán axeitadamente representadas as persoas membros de designación administrativa, universitaria e parlamentaria.

4. A función das comisións consistirá en estudar, deliberar e propoñer ao pleno a adopción de acordos sobre materias que lles foron atribuídas polo regulamento interno ou no acordo de constitución.

Artigo 62. Órganos unipersoais

1. O presidente ou a presidenta do Consello Galego de Universidades é a persoa titular da consellaría competente en materia de universidades e exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade no caso de empate, e aquelas que lle encomendan esta lei, o regulamento interno e a restante normativa vixente.

2. O vicepresidente ou a vicepresidenta é a persoa titular do órgano superior de dirección competente en materia universitaria, quen substituirá o presidente ou a presidenta por delegación expresa deste ou esta, así como no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

3. A presidencia designará e removerá o secretario ou a secretaria do Consello Galego de Universidades entre persoal funcionario do grupo A1. De recaer a designación nunha persoa que non sexa membro do Consello Galego de Universidades, esta actuará con voz e sen voto.

Artigo 63. Sesións e acordos

1. As sesións do pleno e das comisións non serán públicas. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza do presidente e do secretario ou, se é o caso, daqueles que os substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

2. As decisións adoptaranse por maioría simple de votos, agás naquelas materias para as que o regulamento interno esixa unha maioría superior.

3. Os acordos que adopten os órganos do Consello Galego de Universidades non terán carácter vinculante, dada a súa natureza consultiva e de asesoramento. O consello deberá ser informado das disposicións e das resolucións relativas aos asuntos sobre os cales emitiu informe ou que coñeceu previamente.

Artigo 64. Regulamento interno

O Consello Galego de Universidades elaborará o seu regulamento interno. O devandito regulamento interno e as súas modificacións deberán ser adoptados por decreto do Consello da Xunta.

Capítulo III
Da colaboración entre as universidades públicas galegas

Artigo 65. Colaboración entre as universidades públicas

As universidades públicas do SUG deberán establecer convenios de colaboración ou proxectos conxuntos que faciliten a mobilidade voluntaria do seu persoal.

Os proxectos e os convenios referidos no parágrafo anterior recollerán, como mínimo, a duración da vinculación do persoal afectado, así como o seu carácter total ou parcial. En todo caso, manterase a adscrición do persoal á universidade de pertenza, computando os períodos de duración da vinculación para os efectos da antigüidade.

Artigo 66. Consorcio Interuniversitario Galego

1. As universidades públicas do SUG constituirán un consorcio interuniversitario para a xestión de servizos da súa competencia ou para a consecución de fins de interese común. A Xunta de Galicia poderá participar no antedito consorcio a través do departamento competente en materia de universidades.

2. O consorcio interuniversitario terá personalidade xurídica de seu e a súa actividade estará sometida ás normas que rexen a organización, o funcionamento e a actuación das administracións públicas, así como ao establecido no seu convenio de creación e nos seus estatutos, que determinarán os fins e mais o réxime orgánico, funcional e financeiro deste.

3. Poderá exercer por delegación as competencias e as potestades administrativas das administracións consorciadas que se recoñezan nesta lei ou nos seus estatutos.

4. Para a consecución dos seus fins, o Consorcio Interuniversitario Galego levará a cabo as seguintes funcións:

a) Realizar actuacións de forma coordinada en materias de interese común.

b) Participar nos procedementos de acceso e admisión de estudantes mediante unha fórmula de colaboración.

c) Planificar, deseñar e implantar sistemas de xestión e informáticos comúns no ámbito da xestión universitaria.

d) Unificar e integrar procesos e trámites para poder obter información normalizada común, sen prexuízo das peculiaridades propias de cada institución.

e) Xestionar de forma coordinada as políticas de inserción laboral das universidades consorciadas.

f) Xestionar de forma coordinada as probas de acceso ao SUG.

g) Colaborar na adquisición e no desenvolvemento de equipamentos, aplicacións informáticas, subministracións de material científico e bibliográfico e mais calquera outro tipo de recursos, para o aforro de custos e gastos de implantación.

h) Calquera outra actuación que poida ser de interese para as institucións que formen parte do consorcio.

i) Acordar as accións necesarias no caso de titulacións que sexan impartidas de xeito conxunto por máis dunha universidade do SUG.

Título III
Da garantía da calidade universitaria

Capítulo I
Principios xerais

Artigo 67. Principios de calidade

1. As universidades, en colaboración coa Xunta de Galicia, potenciarán a calidade da docencia, a investigación e a transferencia como expresión da actividade universitaria.

2. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia deseñará políticas de calidade que impliquen a avaliación da actividade docente e investigadora do profesorado.

3. Na avaliación da calidade da docencia e a investigación universitarias terase en conta a súa adecuación aos principios que inspiran esta lei, a súa contribución ao coñecemento e ao desenvolvemento do contorno, a súa vinculación a programas e proxectos educativos ou investigadores e, en xeral, as súas implicacións éticas e as súas repercusións sociais.

4. As universidades galegas e a Administración autonómica tenderán a establecer programas de perfeccionamento que permitan desenvolver, se é o caso, unha carreira investigadora e xerar recursos humanos en formación posdoutoral suficientes e para atender as demandas de persoal cualificado da sociedade galega.

5. As universidades, ao estableceren os procedementos e os mecanismos a que se refire este artigo e os recursos necesarios para levalos a bo termo, procurarán que o peso das cargas formais e procedementais derivado deles sexa racional e eficiente.

6. A consellaría competente en materia de universidades velará polo mantemento dos niveis de calidade na actividade das universidades do SUG.

Artigo 68. Fomento da excelencia na actividade investigadora na universidade

1. As universidades prestarán atención á formación investigadora preferentemente mediante a organización e o desenvolvemento dos estudos de doutoramento.

2. As universidades fomentarán a existencia de programas de doutoramento interdisciplinares e interuniversitarios, en especial, mediante a subscrición de acordos con outras universidades coa finalidade de facilitar a formación de redes de docencia especializada e de investigación.

3. Así mesmo, poderán desenvolver programas de formación e perfeccionamento que favorezan a excelencia na xestión de investigación polo persoal de administración e servizos.

4. A consellaría competente en materia de universidades e as universidades galegas deben impulsar, estimular e axudar as persoas investigadoras a participar nas accións de financiamento competitivo, públicas e privadas, da investigación.

5. As universidades fomentarán a actividade universitaria de excelencia. Para iso elaborarán programas que faciliten a mobilidade do seu persoal docente e investigador.

6. A Xunta de Galicia e as universidades, como parte esencial do sistema de investigación, desenvolvemento e innovación de Galicia, deben impulsar o espazo europeo de investigación e a presenza activa das universidades neste espazo.

7. As universidades, no marco da normativa aplicable, regularán o réxime de licenzas e permisos de que poida beneficiarse o persoal docente e investigador, co fin de potenciar as súas actividades docentes e investigadoras de acordo co programa que se fixe para a súa concesión.

Capítulo II
Da calidade do Sistema universitario de Galicia

Artigo 69. Natureza e fins

1. O consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia é a entidade encargada de promover a mellora da calidade no SUG. Está dotada de personalidade xurídica de seu e a súa actividade está suxeita ás normas que rexen a organización, o funcionamento e a actuación das administracións públicas, así como ao establecido no seu convenio de creación e no seu estatuto.

2. A garantía da calidade do SUG constitúe a finalidade primordial da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Para este efecto asume, no ámbito da comunidade autónoma, a consecución de todos os obxectivos a que se refire a Lei orgánica de universidades.

3. Son funcións da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia todas aquelas que lle atribúa o ordenamento xurídico vixente e en particular:

a) Promover, en materia de calidade, a coordinación entre as universidades galegas e entre estas e outras institucións.

b) Analizar os plans de estudo universitarios, avaliar o impacto e os resultados das súas reformas e modificacións e mais efectuar o seguimento da súa aplicación práctica e a avaliación para a súa acreditación.

c) Emitir cantos informes estean previstos na normativa vixente en materia de universidades, centros, titulacións e persoal destas, así como cantos sexan requiridos pola consellaría competente en materia de universidades.

d) Elaborar informes e propostas en relación cos sistemas de educación superior doutros países.

e) Avaliar e informar sobre a actividade do profesorado.

f) Realizar estudos e análises sobre a inserción laboral das persoas tituladas universitarias do SUG.

4. Para o desenvolvemento dos seus fins, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia actuará de acordo cos principios de coordinación e colaboración cos órganos de avaliación externa que existan ou se constitúan a nivel estatal ou autonómico para fins similares nos seus ámbitos respectivos, nos termos previstos pola lexislación orgánica de universidades.

5. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia tenderá, no exercicio das súas funcións, a incorporar os criterios, as recomendacións e as directrices de boas prácticas da Asociación Europea para a Garantía de Calidade na Educación Superior (enqa), así como doutros organismos internacionais de recoñecido prestixio no eido da calidade da educación superior.

Artigo 70. Estrutura orgánica

Os órganos de goberno e dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia son a presidencia, a dirección e o consello reitor, no cal estarán representadas as universidades do SUG. Na composición deste órgano de goberno procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación, como órgano superior de avaliación da calidade das universidades galegas, e o consello asesor, como órgano consultivo, realizarán as funcións que teñan atribuídas de acordo co establecido nos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e na demais normativa que resulte aplicable.

CAPÍTULO III
Da inspección de universidades

Artigo 71. Actividade de inspección

1. A consellaría competente en materia de universidades exercerá a inspección das universidades, dos centros universitarios, dos centros adscritos e dos centros estranxeiros que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As funcións inspectoras autonómicas desenvolveraas persoal funcionario público de carreira, pertencente aos grupos A1 e A2, dependente da consellaría competente en materia de universidades, ao cal se lle recoñece o carácter de axente da autoridade. Estará dotado da correspondente acreditación, que exhibirá no exercicio das súas funcións.

3. Os actos ou os feitos constatados na inspección autonómica reflectiranse nunha acta normalizada no modo que se determine regulamentariamente. As actas de inspección que expidan os funcionarios e as funcionarias terán presunción de veracidade, sen prexuízo de proba en contrario.

4. O carácter do labor inspector autonómico será complementario e, ordinariamente, subsidiario respecto do labor inspector das propias universidades públicas sobre os seus respectivos centros e actividades, todo isto sen prexuízo da alta inspección competencia do Estado. Para tales efectos, as universidades públicas integrantes do sistema deberán regular e establecer mecanismos que garantan o cumprimento destas funcións, así como atender os eventuais requirimentos para efectuar labores inspectores concretos por parte dos órganos autonómicos con competencia en materia de inspección de universidades.

Artigo 72. Funcións da inspección de universidades

As funcións da inspección de universidades serán as seguintes:

a) A comprobación e o control do cumprimento das disposicións e da normativa vixente en materia de universidades.

b) A emisión dos informes técnicos que solicite a Administración autonómica.

c) O asesoramento ao departamento competente en materia de universidades en todo o relacionado co desenvolvemento do seu labor inspector.

d) Outras funcións establecidas legal ou regulamentariamente.

Artigo 73. Obriga de colaboración

1. As universidades, os centros, quen sexa representante ou titular das empresas ou entidades promotoras ou, no seu defecto, o seu persoal empregado debidamente autorizado están obrigados a lles facilitar aos funcionarios e ás funcionarias que realicen a inspección o acceso ás dependencias e instalacións da entidade para o exame de documentos, libros e rexistros que estean relacionados coa súa actividade. Igualmente, están obrigados a facilitar a información e documentación requirida pola inspección por calquera outro medio.

2. Están tamén obrigados a lle facilitar ao persoal funcionario que realice a inspección a obtención de copias ou reproducións da documentación a que fai referencia o punto primeiro deste artigo.

3. De non estar presente a persoa titular ou representante autorizada, o persoal funcionario que realice a inspección deixará constancia de tal feito e entregará o requirimento á persoa que estea presente e previamente identificada, advertindo de que no día hábil seguinte se procederá a realizar a inspección.

4. Se por requirimento da Administración se achega algún documento, este irá asinado por unha persoa con facultade de representar a universidade, a empresa ou a entidade promotora.

Título IV
Dos consellos sociais das universidades públicas

Capítulo I
Natureza e funcións

Artigo 74. Natureza do consello social

1. Os consellos sociais son órganos de participación da sociedade galega nas universidades e impulsan a colaboración entre estas e aquela, mediante a satisfacción polas universidades das necesidades do seu ámbito, contribuíndo eficazmente ao desenvolvemento social, profesional, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

2. Correspóndelle ao consello social de cada universidade a supervisión das actividades de carácter económico da universidade e do rendemento dos seus servizos e promover a colaboración da sociedade no financiamento da universidade, así como cantas outras funcións lle sexan atribuídas por esta lei e a demais normativa aplicable.

Artigo 75. Funcións do consello social

O consello social, para contribuír ao logro da excelencia na docencia e na investigación e mais á transferencia do coñecemento xerado no seo das universidades, levará a cabo as seguintes funcións:

1. No ámbito da súa propia organización e funcionamento:

a) Elaborar o seu regulamento de organización e funcionamento, así como as súas modificacións, e elevarllo á consellaría competente en materia de universidades para a súa aprobación.

b) Propoñer o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designou, logo de declaración da súa situación de incompatibilidade ou de incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.

c) Informar a Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros, consonte o disposto na normativa vixente.

2. No ámbito da relación entre a universidade e a sociedade:

a) Aprobar un plan anual de actuacións destinado a promover as relacións entre a universidade e o seu ámbito cultural, profesional, económico e social ao servizo da calidade da actividade universitaria.

b) Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que remitirá ao Parlamento de Galicia e á consellaría competente en materia de universidades.

c) Fomentar a colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación na universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos e ao mecenado á universidade por parte de persoas físicas e entidades.

d) Realizar estudos sobre materias da súa competencia e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudo da universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral das persoas tituladas universitarias, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellaría competente en materia de universidades, de acordo coas funcións propias deste órgano.

e) Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento do estudantado universitario ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a sinatura de convenios entre a universidade e outras entidades, públicas e privadas, orientadas a completar a formación do alumnado e dos titulados e das tituladas da universidade e mais a facilitar o seu acceso ao mundo empresarial.

f) Estimular a actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores produtivos, apoiando os proxectos de I+D+i compartidos entre universidade, empresas e tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.

g) Favorecer as actividades orientadas a completar a formación científica, cultural e humanística dos universitarios e das universitarias, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ao conxunto da sociedade galega.

h) Outorgar, se é o caso, axudas, premios, distincións e recoñecementos no ámbito das súas funcións.

3. No ámbito económico, financeiro e patrimonial:

a) Supervisar as actividades de carácter económico da universidade.

b) Aprobar, por proposta do consello de goberno, a programación plurianual da universidade, así como realizar o seu seguimento.

c) Aprobar, por proposta do consello de goberno, o orzamento da universidade e coñecer as contas das entidades públicas ou privadas dependentes dela. Os órganos responsables da execución do orzamento deberán informar o consello social do estado de execución nas condicións que determine o seu regulamento de organización e funcionamento.

d) Aprobar, con carácter previo á súa rendición perante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da universidade e das entidades dependentes dela, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, podendo acordar de xeito motivado a realización de auditorías externas.

e) No caso de liquidación do orzamento con remanente de tesouraría negativo, proceder á redución do gasto no novo orzamento por contía igual ao déficit producido, nos termos establecidos pola lexislación estatal vixente.

f) Fixar os prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudos universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

g) Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.

h) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos da universidade, con especificación da totalidade dos seus custos, das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe sobre os convenios colectivos do persoal contratado, con carácter previo á súa formalización.

i) Acordar, por proposta do consello de goberno da universidade, e dentro dos límites fixados pola Xunta de Galicia, a asignación singular e individual de complementos retributivos adicionais, ligados a méritos docentes, investigadores e de xestión, aos membros do persoal docente e investigador da universidade, logo de valoración dos méritos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

j) Ser informado dos contratos ou convenios en que a universidade sexa parte e daqueles que se subscriban ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

k) Aprobar, por proposta do consello de goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da universidade e aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposición sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto, as universidades contarán cun inventario, que deberán remitir ao consello social de acordo co que se estipule no seu regulamento de réxime interno.

l) Aprobar, por proposta do consello de goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas, doazóns ou legados.

m) Emitir informe sobre a creación ou a adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.

n) Aprobar a creación, a modificación substancial ou a extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades en cuxo capital ou fondo patrimonial teña participación a universidade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nestas.

ñ) Velar para que, con carácter previo á aprobación das contas anuais da universidade, se faga a auditoría correspondente, sen prexuízo das competencias da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. No ámbito da supervisión de actividades universitarias:

a) Supervisar o rendemento e a calidade dos servizos universitarios, formulando, se é o caso, suxestións e propostas ao consello de goberno da universidade, orientadas a promover a excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servizos.

b) Solicitar das administracións públicas, oído o consello de goberno, a realización de informes e inspeccións dos servizos que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servizos.

c) Acordar, co reitor ou coa reitora, nos termos previstos na lexislación orgánica de universidades, o nomeamento e o cesamento da persoa titular da xerencia.

d) Supervisar que a política de bolsas, axudas, exencións e créditos ao estudo e á investigación que outorgue a universidade con cargo aos seus orzamentos ordinarios se desenvolva conforme os principios de publicidade, mérito e capacidade.

e) Emitir informe, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, sobre os acordos do consello de goberno relativos á implantación e á supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como á creación, á modificación e á supresión de centros, institutos universitarios de investigación ou calquera outra figura que adopten.

f) Emitir informe, con carácter previo á súa proposta á Xunta de Galicia, sobre os acordos do consello de goberno relativos á adscrición ou á desadscrición á universidade de centros docentes, de titularidade pública ou privada, para impartir ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, mediante a aprobación do correspondente convenio, así como á adscrición ou á desadscrición de institutos ou centros universitarios de investigación de institucións ou centros de investigación de carácter público ou privado.

g) Propoñer a creación e a supresión de centros dependentes da universidade sitos no estranxeiro que impartan ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

h) Aprobar as normas que regulen o progreso e a permanencia na universidade dos e das estudantes de acordo coas características dos respectivos estudos.

i) Designar de entre os seus membros pertencentes á representación social as persoas representantes do consello social nas entidades e institucións que corresponda e, en particular, as persoas representantes no consello de goberno da universidade, nos termos establecidos na Lei orgánica de universidades.

5. O consello social desenvolverá ademais aquelas funcións que, de acordo coa súa natureza, lle sexan atribuídas polos estatutos ou outra normativa interna da universidade e polo resto da normativa vixente.

Artigo 76. Relacións de cooperación

1. No exercicio das súas funcións, o consello social, a través do seu presidente ou da súa presidenta, poderá solicitar a colaboración de persoas físicas e xurídicas, pertencentes ou non ao ámbito universitario, así como recadar a información que precise de todos os órganos da universidade, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e dos órganos similares a nivel estatal.

2. No exercicio das súas funcións, o consello social poderá manter relacións de colaboración con outras institucións e organismos estatais ou estranxeiros.

3. Os consellos sociais establecerán canles de colaboración e encontro para buscar posturas e estratexias conxuntas, anualmente, coa finalidade de que as universidades poidan colaborar e adoptar solucións coordinadas, entre outros, nos seguintes temas:

a) Réxime de permanencia do alumnado.

b) Mobilidade do persoal docente, do alumnado e do persoal de administración e servizos.

c) Bolsas e axudas ao estudo.

d) Outros temas que sexan competencia dos consellos sociais.

Capítulo II
Membros do consello social

Artigo 77. Composición do consello social

1. O consello social está integrado por un máximo de vinte e oito persoas membros, que se designarán consonte o disposto nos puntos seguintes.

2. Son membros natos do consello social o reitor ou a reitora da universidade, o secretario ou a secretaria xeral e o ou a xerente da universidade.

Así mesmo, serán persoas membros do consello social un profesor ou unha profesora, un ou unha estudante e un ou unha representante do persoal de administración e servizos, elixidos e elixidas polo consello de goberno da universidade de entre os seus membros na forma que determinen os seus estatutos. En todo caso, os nomeamentos serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

3. A representación dos intereses sociais no consello social corresponde a personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral ou social, de acordo coa seguinte distribución:

a) O presidente ou a presidenta do consello social.

b) Seis membros designados polo Parlamento de Galicia.

c) Seis membros designados pola Xunta de Galicia.

d) Un membro designado por cada un dos sindicatos máis representativos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na área de influencia da universidade.

f) Un membro designado polas corporacións dos municipios en que se sitúan os campus.

g) Un membro designado pola asociación de antigos alumnos de cada unha das universidades.

h) Un membro designado polos colexios profesionais, a través da súa entidade asociativa máis representativa, vinculados coa oferta formativa de cada unha das universidades.

4. O presidente ou a presidenta do consello social será nomeado ou nomeada por decreto da Presidencia da Xunta de Galicia de acordo co previsto no artigo 83. Os restantes acordos de designación de persoas membros do consello social seranlle comunicados á persoa titular da consellaría competente en materia de universidades, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellaría. Todas as designacións deberán motivar suficientemente a adecuación das persoas en cuestión aos requisitos esixidos por esta lei. O decreto e as ordes de nomeamento deberanse publicar no Diario Oficial de Galicia.

5. A condición de persoa membro do consello social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

6. A duración do mandato dos membros do consello social sinalados no punto 2 será establecida polos estatutos da universidade, e a duración do mandato dos membros do consello social sinalados no punto 3 será de catro anos, renovable por unha soa vez.

7. Na composición deste órgano de goberno procurarase a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 78. Incompatibilidades

1. A condición de persoa membro do consello social é incompatible co desempeño, por si ou por persoa interposta, de cargos directivos en empresas ou sociedades que contraten coa universidade, así como coa participación superior ao 10 % no seu capital social. Quedan exceptuados desta incompatibilidade os contratos que se subscriban consonte o regulado no artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

2. Os membros do consello social designados en representación dos intereses sociais non poderán pertencer á comunidade universitaria.

3. A infracción do réxime de incompatibilidades previstas nesta lei, así como doutras que poidan establecerse na normativa vixente, motivará por parte do consello social a proposta de remoción do membro en que concorran as devanditas circunstancias á institución, á entidade ou ao organismo que efectuou a súa designación ou, se é o caso, elección.

Artigo 79. Cesamento e substitución

1. Os membros do consello social cesarán:

a) Por expiración do período de mandato. Non obstante, continuarán nas súas funcións ata a toma de posesión dos novos membros.

b) Por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento. A renuncia presentarase por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e á presidencia do consello social, quen lla comunicará á consellaría competente en materia de universidades, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a cal producirá efectos.

c) Por cesamento no seu cargo, no caso de membros natos.

d) Por condena xudicial firme que ocasione a inhabilitación ou a suspensión de emprego ou cargo público.

e) Por decisión da autoridade, da entidade ou da institución que o designou, no caso de incumprimento dos deberes e das obrigas como membro do consello social.

2. As vacantes que se produzan antes da finalización do mandato serán cubertas pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non se comunicar o acordo de designación, dentro do prazo anterior, á persoa titular da consellaría competente en materia de universidades, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato.

O mandato do membro substituto estenderase só polo tempo que reste para concluír o do substituído.

Artigo 80. Dereitos e deberes

1. Os membros do consello social desenvolverán as súas funcións velando polos intereses xerais da institución universitaria e desempeñarán os seus cargos persoalmente.

2. No exercicio das súas funcións, os membros do consello social terán os dereitos e os deberes recoñecidos pola normativa sobre órganos colexiados, nesta lei e no regulamento de organización e funcionamento de cada consello.

3. O regulamento de organización e funcionamento establecerá un procedemento para que, no caso de que algún membro incumprise grave ou reiteradamente as súas obrigas, o pleno propoña razoadamente o seu cesamento á autoridade, entidade ou institución que o designou. Así mesmo, poderá prever fórmulas de delegación do voto.

Capítulo III
Organización, funcionamento e medios do consello social

Artigo 81. Estrutura interna

1. O consello social estrutúrase en órganos colexiados e unipersoais.

2. Son órganos colexiados o pleno e, se é o caso, a comisión executiva e as demais comisións que estableza o regulamento de organización e funcionamento ou que o pleno acorde constituír.

3. Son órganos unipersoais a presidencia, a secretaría e, se é o caso, unha ou varias vicepresidencias, de acordo co que dispoña o regulamento de organización e funcionamento de cada consello social.

Artigo 82. Órganos colexiados

1. O pleno do consello social é o seu máximo órgano de goberno e está integrado por todos os seus membros.

2. O pleno do consello social reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ao trimestre e poderá facelo, con carácter extraordinario, cando así o acorde o presidente ou a presidenta ou o soliciten por escrito a maioría das persoas membros ou o reitor ou a reitora da universidade.

3. O regulamento de organización e funcionamento pode considerar a existencia dunha comisión executiva, á cal lle corresponde a dirección ordinaria do consello social, e cantas comisións permanentes se xulguen necesarias para o cumprimento das funcións do órgano. Así mesmo, o regulamento determinará o procedemento para a constitución polo pleno de comisións temporais.

Artigo 83. Órganos unipersoais

1. O presidente ou a presidenta do consello social será designado ou designada pola Presidencia da Xunta de Galicia, entre personalidades da vida cultural, profesional, económica, laboral e social non pertencentes á comunidade universitaria, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de universidades, logo de escoitar o reitor ou a reitora da universidade.

O seu mandato é de catro anos, renovable por unha soa vez, e élle aplicable o previsto nesta lei con carácter xeral para o cesamento e a substitución dos membros do consello social.

Exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da presidencia dun órgano colexiado, con voto de calidade en caso de empate, e aquelas que lle encomendan esta lei, o regulamento de organización e funcionamento e a restante normativa vixente.

2. Por decisión da presidencia do órgano designarase e removerase o secretario ou a secretaria do consello social. De recaer a designación nunha persoa que non sexa un membro do consello social, actuará con voz pero sen voto. Exerce, no pleno e en todas as comisións, as competencias propias da secretaría dun órgano colexiado e aquelas que lle encomendan esta lei, o regulamento de organización e funcionamento do consello social e a restante normativa vixente.

Artigo 84. Acordos do consello social

1. As decisións que tome o pleno do consello social en exercicio das súas funcións, ou as comisións por delegación deste, adoptarán a forma de acordos, que esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo da interposición previa do recurso potestativo de reposición. Non obstante, as decisións tomadas polas comisións en exercicio de competencias propias poderán impugnarse en alzada perante o pleno do consello.

2. Os acordos adoptados polo consello social serán executivos consonte o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Correspóndelle ao reitor ou á reitora da universidade a execución dos acordos adoptados polo consello social, que lle serán comunicados a través da secretaría do antedito consello.

Artigo 85. Regulamento

1. Cada consello social elaborará o seu propio regulamento de organización e funcionamento, que será aprobado pola consellaría competente en materia de universidades e publicado no Diario Oficial de Galicia.

2. O regulamento do consello social regulará, como mínimo, o número e a periodicidade das sesións ordinarias e o réxime das sesións extraordinarias do pleno, o quórum para a válida constitución do órgano para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, o réxime de maiorías requiridas para a adopción de acordos, o procedemento para apreciar os posibles incumprimentos dos deberes, as atribucións da presidencia e da secretaría e mais a estrutura organizativa do órgano.

Artigo 86. Orzamento e medios materiais e persoais

1. O consello social xestionará a súa partida orzamentaria específica, que figurará dentro dos orzamentos da universidade, e nela garantirase en todo caso a suficiencia dos recursos asignados para o cumprimento das súas funcións. Para estes efectos, o plan de financiamento das universidades do SUG establecerá unha dotación económica nominativa.

2. Cada universidade garantirá que o seu consello social dispoña do persoal de administración e servizos axeitado para o seu funcionamento, e establecerá, en todo caso, a figura do secretario ou da secretaria do consello social.

Título V
Da comunidade universitaria

Capítulo I
Principios xerais

Artigo 87. A comunidade universitaria

A comunidade universitaria galega está integrada polo conxunto das persoas que, en calidade de persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e estudantes, se integran en cada unha das universidades que compoñen o SUG.

Artigo 88. Principios xerais

A Xunta de Galicia e as universidades do SUG, desde os seus respectivos ámbitos de competencia, impulsarán as medidas necesarias para favorecer a mellora das condicións de traballo e estudo dos membros da comunidade universitaria, a súa formación e cualificación profesional e mais a súa participación activa nos órganos de goberno e representación. Así mesmo, fomentarán o incremento das relacións interuniversitarias para a súa plena integración en ámbitos académicos nacionais e internacionais.

Artigo 89. A lingua

1. O galego e o castelán son as linguas oficiais das universidades de Galicia. O uso das linguas oficiais nas actividades universitarias rexerase pola Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e polo que dispoñan as normas propias das universidades.

2. O galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades.

3. A Xunta de Galicia e as universidades, no ámbito das súas competencias, estimularán o coñecemento e o uso do galego en todos os aspectos da actividade universitaria e fomentarán a súa aprendizaxe entre todos os membros da comunidade universitaria.

4. O uso do galego na actividade docente e investigadora poderá terse en conta para os efectos de recoñecemento de méritos individualizados do labor docente e investigador.

Artigo 90. O comisionado universitario ou a comisionada universitaria

1. De conformidade co previsto na lexislación orgánica de universidades, cada unha das universidades integrantes do SUG establecerá, na súa estrutura organizativa, a figura do comisionado universitario ou da comisionada universitaria, que terá a misión de velar polo respecto aos dereitos e ás liberdades dos membros da comunidade universitaria ante as actuacións dos diferentes órganos de goberno e servizos universitarios.

2. As actuacións do comisionado universitario ou da comisionada universitaria, sempre dirixidas á mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos, non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e rexeranse polos principios de independencia e autonomía. Corresponderá aos estatutos de cada universidade pública e ás normas de organización e funcionamento, no caso de universidades privadas, establecer o procedemento para a súa elección ou designación, a duración do seu mandato e dedicación, así como o seu réxime de funcionamento.

Artigo 91. Representación en órganos colexiados

1. Os membros da comunidade universitaria teñen dereito, de acordo coas previsións da normativa aplicable, a ser representados e ser representantes dos seus respectivos colectivos en órganos colexiados universitarios.

2. As universidades establecerán os procedementos e os criterios polos que os membros electos de órganos colexiados perderán a súa condición, no caso de incumpriren as súas funcións.

Capítulo II
Do persoal docente e investigador das universidades públicas

Artigo 92. Persoal docente e investigador

1. O persoal docente e investigador das universidades públicas do SUG desenvolverá todas as actividades necesarias para propiciar unha universidade pública de calidade, á vangarda do coñecemento e da súa transmisión, así como competitiva internacionalmente.

2. Correspóndenlle ao persoal docente e investigador as obrigas docentes das ensinanzas universitarias así como as investigadoras que sexan establecidas polas universidades consonte a normativa vixente e respectando a liberdade de cátedra e investigación.

3. O persoal docente e investigador das universidades públicas está composto por persoal funcionario dos corpos docentes universitarios e por persoal contratado, de carácter permanente ou temporal, con funcións docentes e investigadoras de acordo co previsto na lexislación orgánica de universidades, na lexislación de ciencia, tecnoloxía e innovación, nesta lei e nas demais normas aplicables.

4. As universidades públicas do SUG, no exercicio da súa autonomía, poderán establecer a distribución da dedicación do persoal docente e investigador ao seu servizo a cada unha das funcións de docencia, investigación e transferencia de coñecemento, segundo o establecido na normativa vixente.

Así mesmo, logo de negociación cos representantes dos traballadores, as universidades poderán establecer directrices e criterios para identificar e recoñecer orientacións específicas en función das características da actividade docente e investigadora das diversas ramas de coñecemento e ámbitos disciplinares e dun tratamento equilibrado entre estes, para os efectos de que o persoal docente e investigador poida desenvolver, por períodos de tempo limitado, as súas funcións cunha intensificación nas actividades docentes ou nas de investigación e innovación e transferencia, segundo o predominio dunha ou doutras xustificado axeitadamente.

Artigo 93. Coordinación, formación e mobilidade

1. A Xunta de Galicia poderá promover, no ámbito das súas competencias, a adopción de medidas para a consecución dunha política homoxénea sobre equipos de investigación, negociación colectiva e prestacións asistenciais para o persoal docente e investigador das universidades públicas do SUG, con pleno respecto á autonomía e ás peculiaridades organizativas de cada universidade.

2. Será aplicable ao persoal docente e investigador das universidades públicas a regulación da mobilidade do persoal de investigación previsto na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, da tecnoloxía e da innovación. Para estes efectos, as universidades impulsarán, en colaboración coa consellaría competente en materia de universidades, programas que fomenten a formación permanente do persoal docente e investigador, a súa mobilidade e as relacións con docentes e investigadores da súa especialidade. Así mesmo facilitarán o réxime de licenzas e permisos de que poida gozar o persoal docente e investigador co fin de incrementar as súas actividades de intercambio, a súa achega ao sistema de innovación e desenvolvemento, as actividades de transferencia de coñecemento ou a súa participación en actividades académicas noutras universidades ou centros de investigación.

3. As universidades e a Xunta de Galicia facilitarán e fomentarán a mobilidade do persoal docente e investigador, que será regulada por cada universidade na súa regulamentación interna, nos convenios que se establezan entre universidades e entre estas e outros organismos públicos e mais nos acordos que se establezan entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Estado ou outras comunidades autónomas. Para os efectos previstos neste punto, as universidades establecerán canles de colaboración ou coordinación que permitan en cada caso un óptimo aproveitamento dos recursos humanos do SUG.

4. As universidades galegas promoverán a mobilidade, dentro do SUG, do seu persoal docente e investigador, para o cal acordarán, co consenso dos representantes sindicais, as fórmulas que posibiliten tal medida.

Artigo 94. Complementos retributivos autonómicos

Tendo en conta os límites máximos de custos de persoal que os orzamentos xerais da Xunta de Galicia establezan para cada unha das universidades públicas do SUG, e segundo o procedemento que se determine regulamentariamente, o consello social, por proposta do consello de goberno da universidade e logo de valoración positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, poderá acordar a asignación, singular e individualizada, de complementos retributivos ligados ao exercicio da actividade e da dedicación docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión, nos termos establecidos na Lei orgánica de universidades.

Artigo 95. Dereitos, deberes e réxime disciplinario

1. O persoal docente e investigador das universidades galegas ten os dereitos e os deberes recoñecidos na normativa estatal e autonómica e nas normas regulamentarias que, respectando o disposto na devandita normativa, sexan elaboradas polas universidades.

2. Na elección de materias que se impartan conforme o plan de ordenación docente, atenderase preferentemente á especialización docente de cada profesor ou profesora. Na elección de horarios de impartición das materias terá preferencia o profesorado de maior categoría académica, e no caso de igualdade, o de maior antigüidade nesta, todo isto sen prexuízo das medidas de conciliación da vida familiar e laboral previstas nesta lei.

3. Respecto do persoal funcionario dos corpos docentes universitarios que presten os seus servizos na universidade, corresponderalle ao reitor ou á reitora adoptar as decisións relativas ás situacións administrativas e ao réxime disciplinario. Así mesmo, correspóndelle ao reitor ou á reitora a aplicación do réxime disciplinario no caso do persoal laboral.

Artigo 96. Conciliación da vida familiar e laboral

1. As universidades do SUG prestarán especial atención ao dereito de conciliación da vida familiar e laboral do seu persoal docente e investigador.

2. Ademais doutros dereitos recoñecidos legal e regulamentariamente e da aplicación das medidas concretas acordadas en cada universidade, o persoal docente e investigador das universidades galegas con dedicación a tempo completo terá os seguintes dereitos:

a) Terá preferencia na elección de materias docentes para impartir e de horarios, sempre que sexa posible, quen teña ao seu cargo un fillo ou unha filla menor de tres anos, ou quen teña ao seu cargo exclusivo e conviva no mesmo domicilio con familiar ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade e de grao III de dependencia (gran dependencia).

b) Terá preferencia na elección de horarios respecto doutro profesorado da mesma categoría profesional, sempre que sexa posible, quen teña ao seu cargo un fillo ou unha filla maior de tres e menor de doce anos, ou quen teña ao seu cargo exclusivo e conviva no mesmo domicilio con familiar ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade e de grao III (gran dependencia), e non se encontre no suposto previsto na alínea anterior.

3. Nos supostos previstos na alínea anterior, os membros de familias monoparentais terán preferencia sobre o resto.

4. Os dereitos recoñecidos neste artigo extinguiranse ao rematar o curso académico.

Capítulo III
Do persoal de administración e servizos das universidades públicas

Artigo 97. Persoal de administración e servizos

1. Correspóndelle ao persoal de administración e servizos desempeñar as funcións de xestión técnica, económica e administrativa, así como o apoio, o asesoramento e a asistencia no desenvolvemento das funcións da universidade, nos termos establecidos na lexislación orgánica de universidades.

2. O persoal de administración e servizos está formado por persoal funcionario das escalas das propias universidades, persoal laboral contratado pola universidade e persoal funcionario pertencente aos corpos e escalas doutras administracións públicas.

Artigo 98. Coordinación, promoción e mobilidade

1. A Xunta de Galicia poderá promover, no ámbito das súas competencias, a adopción de medidas para a consecución dunha política homoxénea sobre negociación colectiva e prestacións asistenciais para o persoal de administración e servizos das universidades públicas do SUG, con pleno respecto á autonomía e ás peculiaridades organizativas de cada universidade.

2. A selección do persoal de administración e servizos será realizada polas universidades públicas de acordo cos seus respectivos estatutos, conforme a lexislación básica sobre emprego público e as normas autonómicas que resulten aplicables, con pleno respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. As universidades, co apoio da Xunta de Galicia, facilitarán a mobilidade do persoal de administración e servizos, procurando a existencia de medidas que repercutan na mellora da súa condición profesional e no funcionamento máis eficiente da institución universitaria. Así mesmo, as universidades impulsarán programas que fomenten a formación permanente do persoal de administración e servizos.

Artigo 99. Dereitos, deberes e réxime disciplinario

1. O persoal de administración e servizos das universidades galegas ten os dereitos e os deberes recoñecidos na normativa estatal, autonómica e nas normas regulamentarias que, respectando o disposto na devandita normativa, elaboren as universidades.

2. Corresponderalle ao reitor ou á reitora adoptar as decisións relativas ás situacións administrativas e ao réxime disciplinario dos funcionarios e das funcionarias de administración e servizos que desempeñen funcións nesa universidade, coa excepción da separación do servizo, que será acordada polo órgano competente segundo a lexislación da función pública. Correspóndelle ao reitor ou á reitora a aplicación do réxime disciplinario no caso do persoal laboral.

Artigo 100. Conciliación da vida familiar e laboral

1. As universidades do SUG prestarán especial atención ao dereito de conciliación da vida familiar e laboral do seu persoal de administración e servizos.

2. Ademais doutros dereitos recoñecidos legal e regulamentariamente e da aplicación das medidas concretas acordadas en cada universidade, o persoal de administración e servizos das universidades galegas terá os seguintes dereitos:

a) Terá preferencia na elección de quendas, sempre que sexa posible, quen teña ao seu cargo un fillo ou unha filla menor de doce anos, ou precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desenvolva actividade retribuída. Igual réxime se lle aplicará a quen teña ao seu cargo exclusivo e conviva no mesmo domicilio con familiar ou familiares ata o segundo grao de consanguinidade que teñan recoñecido o grao III de dependencia (gran dependencia).

b) Obter flexibilización de horario en dúas horas no caso de familias monoparentais que se atopen nalgunha das situacións previstas na alínea anterior, sempre que sexa posible.

CAPÍTULO IV
Do estudantado

Artigo 101. Acceso

A Xunta de Galicia garantirá o acceso ás universidades e aos centros do SUG conforme os principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Artigo 102. Mobilidade no Espazo europeo de educación superior

1. As universidades, nos seus plans de estudos e na estrutura organizativa da docencia, facilitarán o acceso de estudantes do SUG a outras universidades do Espazo europeo de educación superior para continuaren os seus estudos ou desenvolveren unha parte deles. Igualmente, favorecerase a chegada ás universidades da Comunidade Autónoma de estudantes procedentes doutros sistemas europeos universitarios coa mesma finalidade.

2. As universidades deberán establecer programas de acollida e estadía para estudantes europeos, e para este fin poderanse establecer axudas específicas.

Artigo 103. Mobilidade fóra do Espazo europeo de educación superior

1. As universidades promoverán programas de acollida e estadía para estudantes de países non integrados no Espazo europeo de educación superior, prestando especial atención aos membros das comunidades galegas no exterior.

2. A Xunta de Galicia fomentará as relacións das universidades do SUG con universidades de países non integrados no Espazo europeo de educación superior, especialmente con países iberoamericanos nos que exista unha significada presenza da comunidade galega no exterior, co fin de artellar programas e accións de mobilidade e intercambio.

Artigo 104. Dereitos

1. Son dereitos dos e das estudantes do SUG os recoñecidos na Constitución, na lexislación orgánica de universidades, no Estatuto do estudante universitario, noutras normas legais e regulamentarias e, en particular, os seguintes:

a) O estudo.

b) Recibir unha formación de calidade.

c) A igualdade de oportunidades ao acceso e á libre elección dos estudos, unicamente limitados pola capacidade do sistema universitario.

d) Non sufrir discriminación ningunha por razón de nacemento, xénero, orientación sexual, etnia, discapacidade, opinión, relixión ou calquera outra circunstancia persoal ou social.

e) Exercer plenamente as liberdades de asociación, información, expresión e reunión nos ámbitos universitarios, conforme as condicións xerais que se establezan para facelas plenamente compatibles coas actividades de docencia, investigación e transferencia.

f) Ter unha representación activa e participativa, no marco da responsabilidade colectiva, nos órganos de goberno e representación da universidade, nos termos establecidos no Estatuto do estudante universitario e nos respectivos estatutos ou normas de organización e funcionamento universitarios.

g) Ser informados e informadas correctamente do contido dos plans de estudos e da forma de superar as distintas materias que formen parte deles.

h) Ser avaliados e avaliadas obxectivamente no rendemento académico a través de métodos e criterios que se farán públicos con antelación, garantindo a existencia de sistemas de revisión.

i) Ter dereito de acceso ao campus e ás súas instalacións de uso público ou colectivo, de acordo coas regras para tal efecto establecidas por cada universidade, e, no caso concreto de estudantes de doutoramento vinculados á universidade por medio de bolsas de estudo oficiais ou homologadas, ter ademais acceso a determinados espazos reservados de estudo ou de acceso restrinxido.

j) Recibir información sobre cales son os seus dereitos como persoas membros da comunidade universitaria e dos mecanismos existentes para a súa tutela.

k) Estar debidamente informados e informadas da natureza dos estudos que cursan. Para tal efecto, os e as estudantes que se matriculen en estudos autorizados na comunidade autónoma pero non homologados en España asinarán unha declaración explícita de coñecemento desa condición.

l) Recibir unha atención que facilite compaxinar os estudos coa actividade laboral e outras circunstancias persoais, tales como embarazo, lactación ou cargas familiares, que prevexa cada universidade nos seus estatutos ou normativa interna.

m) Recibir información sobre a actividade emprendedora e o mercado laboral.

2. As institucións universitarias promoverán a participación do seu estudantado na vida universitaria, poñendo en marcha un plan de participación universitaria que fomente o asociacionismo estudantil, elaborado co conxunto das asociacións e das organizacións de estudantes que concorran nos procesos electorais da universidade.

Artigo 105. Deberes e réxime disciplinario

1. Os e as estudantes teñen os deberes establecidos no Estatuto do estudante universitario e no resto da normativa aplicable, e, en particular, os seguintes:

a) Exercer a súa condición con aproveitamento e dedicación e cooperar co funcionamento xeral das actividades universitarias.

b) Coñecer e cumprir os estatutos e as demais normas regulamentarias das universidades.

c) Respectar o dereito ao estudo dos seus compañeiros e das súas compañeiras, así como o exercicio das súas funcións polo persoal docente, polo persoal investigador e polo persoal de administración e servizos.

d) Usar con respecto e dilixencia os materiais e os espazos universitarios.

e) Respectar a propiedade intelectual e absterse da utilización ou da cooperación en procedementos fraudulentos nas probas de avaliación, nos traballos que se realicen ou en documentos oficiais da universidade.

f) Exercer, se é o caso, as responsabilidades propias do cargo de representación para o que foron elixidos.

2. O procedemento disciplinario será o especificamente previsto para ese ámbito na lexislación estatal, e, supletoriamente, o previsto na lexislación autonómica que resulte aplicable. A tipificación das infraccións, das sancións e das medidas complementarias do réxime sancionador para os e as estudantes universitarios terá en conta o principio de proporcionalidade, de xeito que garanta os dereitos de defensa do e da estudante e a eficacia no desenvolvemento do procedemento.

Artigo 106. Inserción laboral

1. As universidades, fundamentalmente a través dos consellos sociais, deben orientar o alumnado na súa incorporación ao mundo laboral e favorecer a súa inserción neste, promovendo a relación e a colaboración entre o alumnado, unha vez titulado, e mais os axentes económicos e as institucións sociais.

2. A Xunta de Galicia e as universidades deben favorecer a capacidade emprendedora do persoal das universidades e dos seus e das súas estudantes, para impulsar a creación de empresas ou iniciativas innovadoras nos seus ámbitos de actuación.

Artigo 107. Programas de actuación conxunta

A consellaría competente en materia de universidades e as universidades promoverán programas de actuación conxunta que favorezan a consecución dos seguintes obxectivos:

a) A mobilidade do alumnado co fin de mellorar a súa formación integral e o coñecemento do ámbito social, cultural e académico.

b) A participación do alumnado nas tarefas de cooperación ao desenvolvemento.

c) O asociacionismo, a participación e o espírito cívico e solidario dos e das estudantes como expresión da súa formación integral e da contribución dos estudos universitarios á xeración dunha cidadanía libre, crítica e democrática.

Artigo 108. Axudas e bolsas

1. Sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

2. Esa política deberá ter en conta as particulares condicións sociais e xeográficas de Galicia e o mapa de titulacións do SUG, sen prexuízo do disposto na normativa orgánica das universidades.

3. O regulado neste artigo enténdese sen prexuízo das bolsas, as axudas e os créditos ao estudo que poidan establecer as universidades, que só poderán beneficiar os e as que non fosen previamente destinatarios de ningunha outra medida económica de axuda ao estudo para a mesma finalidade nun mesmo curso académico.

4. En todo caso, a consellaría competente en materia de universidades, en exercicio das súas competencias, coordinará as liñas de axudas e bolsas destinadas aos e ás estudantes do SUG, co fin de facer efectiva a igualdade de oportunidades.

Título VI
Da actividade universitaria: a docencia, a investigación e a transferencia
de coñecementos

Artigo 109. Docencia

1. A docencia na universidade é un dereito e un deber do profesorado, que se debe atender coa máxima eficiencia e rigor, co fin de proporcionar unha formación profesional, científica, técnica, artística, cultural e humana do estudantado.

2. As universidades outorgarán atención prioritaria á calidade da docencia, procurando os medios necesarios para tal fin.

Artigo 110. Investigación

1. A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador das universidades. Para o seu desenvolvemento garantirase tanto a liberdade de investigación coma a mobilidade do persoal docente e investigador, de xeito que poida mellorar a súa capacitación profesional e acadar os seus obxectivos de investigación.

2. As universidades, pola súa dimensión, os seus recursos e o número de persoas investigadoras, son axentes esenciais para o desenvolvemento das políticas públicas de I+D+i ao servizo da sociedade.

3. A investigación, como proceso de xeración de coñecemento, é unha actividade fundamental para garantir a calidade da docencia e para favorecer a transmisión de coñecemento á sociedade.

4. A organización e a planificación interna das universidades deberá ter en conta o seu papel esencial para lle proporcionar á sociedade a tecnoloxía e o coñecemento imprescindibles para o progreso económico e social.

5. A investigación universitaria, tanto básica coma aplicada, abrangue todas as áreas do coñecemento, isto é, as ciencias experimentais e da saúde, as áreas técnicas, as humanidades, as artes e as ciencias sociais e xurídicas.

6. A investigación, sen prexuízo da libre creación e organización polas universidades das estruturas que, para o seu desenvolvemento, aquelas determinen e da libre investigación individual, levarase a cabo, principalmente, en grupos de investigación, departamentos e institutos universitarios de investigación.

7. A través de actuacións de captación de talento da Xunta de Galicia poderanse incorporar investigadores ás universidades galegas mediante un acordo ou outras formas de colaboración.

Estes investigadores exercerán labores de investigación para o impulso de proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación ou transferencia de coñecemento, ou iniciativas de apoio a ámbitos de coñecemento estratéxicos.

Os investigadores terán a consideración de investigadores vinculados á universidade.

Artigo 111. Transferencia de coñecemento

1. A transferencia de coñecemento é un dos mecanismos polos que o valor creado na universidade a través da investigación retorna á sociedade. Pola súa contribución ao desenvolvemento e ao crecemento económico, a transferencia constitúe unha actividade fundamental para a universidade.

2. Para potenciar a transferencia de coñecemento é necesario que a investigación se oriente á satisfacción das necesidades reais da sociedade civil e dos sectores produtivos, polo que debe facilitarse o contacto cos axentes que representan a sociedade e a economía, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida da cidadanía e ao progreso económico e social.

3. As universidades deberán ademais garantir o apoio técnico, xurídico e de xestión para facer posible a transferencia de tecnoloxía e de coñecemento.

4. Para garantir a vinculación entre a investigación e o sistema produtivo, así como a transferencia de resultados da investigación, as universidades poderán crear ou participar na creación de empresas de base tecnolóxica, parques científicos e tecnolóxicos, outros axentes de coñecemento ou calquera outra persoa xurídica das previstas na lexislación vixente.

Artigo 112. Carreira investigadora

1. A carreira investigadora é a secuencia das actividades de formación e produción que realiza o investigador ou a investigadora ao longo de toda a súa vida profesional.

2. A carreira investigadora comeza coa etapa predoutoral, na cal se recibe a formación que capacita para adquirir a condición de investigador ou investigadora, e culmina coa obtención do título de doutor ou doutora. A universidade é responsable de garantir o adecuado desenvolvemento desta etapa, xa que é a única institución capacitada para outorgar o doutoramento, sen prexuízo de que esta etapa poida realizarse en colaboración con outros organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos ou empresas.

3. A carreira investigadora continúa coa etapa posdoutoral, que pode ser desenvolvida tanto no ámbito universitario coma noutros organismos de investigación públicos ou privados. Cando se desenvolva na universidade, esta facilitará os medios para que o investigador ou a investigador complete a súa formación e desenvolva a súa tarefa profesional nas mellores condicións.

4. A universidade poderá estabilizar o persoal investigador que completase a etapa posdoutoral, seguindo en todo caso os criterios de publicidade, obxectividade, concorrencia, igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 113. Persoal para proxectos concretos de investigación

1. O persoal investigador que, en virtude de convenios, acordos ou calquera outra forma de colaboración, desenvolva actividades nunha universidade vincúlase a ela nas condicións e cos dereitos que establezan a normativa vixente e os estatutos de cada universidade.

2. As universidades galegas poderán contratar, para obra ou servizo determinado, persoal científico e técnico para a execución de proxectos concretos de investigación.

Título VII
Do financiamento das universidades públicas do Sistema universitario
de Galicia

Artigo 114. Financiamento das universidades públicas

1. As universidades integrantes do SUG gozan, de acordo coa normativa vixente, de autonomía económica e financeira e dispoñerán dos recursos necesarios para o exercicio das súas funcións condicionados ás dispoñibilidades orzamentarias da Xunta de Galicia. No exercicio da súa actividade económico-financeira, as universidades públicas rexeranse polo previsto na Lei orgánica de universidades e na lexislación financeira e orzamentaria aplicable ao sector público, con especial sometemento aos principios de eficiencia e transparencia.

2. Son ingresos das universidades públicas do SUG os procedentes das taxas e dos prezos públicos por servizos académicos e demais dereitos que legalmente se establezan, as transferencias procedentes da Xunta de Galicia, en aplicación do modelo de financiamento vixente, e cantos outros ingresos de dereito público e privado poidan obter.

Artigo 115. Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia a aprobación do plan de financiamento das universidades públicas do SUG. O plan de financiamento responderá, entre outros, aos principios de estabilidade financeira, suficiencia, eficiencia e equidade institucional e territorial. Nel incluiranse os recursos precisos para converxer coas medias estatais e europeas de servizo público en ensino superior universitario, en porcentaxes de produto interior bruto.

2. No plan de financiamento valoraranse, entre outros aspectos, o grao de cumprimento e a consecución dos obxectivos fixados por cada unha das universidades no proceso de elaboración do devandito plan.

3. As universidades públicas e a consellaría competente en materia de universidades fomentarán e impulsarán medidas e actuacións encamiñadas á captación de recursos económicos externos.

Disposición adicional primeira. Universidades e campus

No momento da entrada en vigor desta lei, as universidades integrantes do SUG enumeradas no artigo 3 están organizadas e estruturadas xeográfica e academicamente, para os efectos desta lei, nos seguintes campus:

a) Universidade da Coruña:

1. A Coruña (sede da universidade).

2. Ferrol.

b) Universidade de Santiago de Compostela:

1. Lugo.

2. Santiago de Compostela (sede da universidade).

c) Universidade de Vigo:

1. Ourense.

2. Pontevedra.

3. Vigo (sede da universidade).

Disposición adicional segunda. Publicidade das normas internas universitarias

1. Todas as normas internas das universidades públicas deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en taboleiros oficiais virtuais, para tal efecto dispostos polas propias universidades. En todo caso, os estatutos das universidades deberán publicarse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

2. Na páxina principal da web de cada universidade existirá un enlace co seu taboleiro oficial virtual. Este taboleiro virtual consistirá nun directorio no que se encontren, debidamente sistematizados para facilitar o seu manexo, os seus estatutos e todas as súas normas internas vixentes.

3. En virtude do principio de transparencia e para facilitar o coñecemento das normas internas, sempre que se modifique parcialmente un regulamento, será necesaria a publicación do texto completo vixente en cada momento.

Disposición adicional terceira. Prazas de profesionais sanitarios

De acordo co disposto na lexislación sanitaria e universitaria correspondente, poderán asignarse funcións de tutela práctico-clínica a profesionais das institucións sanitarias, que recibirán a denominación de titores clínicos ou titoras clínicas, conforme os acordos que para tal efecto se alcancen no seo das correspondentes comisións mixtas. A mencionada comisión terá recoñecemento curricular na carreira docente.

Disposición adicional cuarta. Silencio administrativo

Nos procedementos regulados no título I desta lei entenderase desestimada a solicitude cando, transcorrido o prazo regulado para a súa resolución, non se ditase resolución expresa, nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional quinta. Relación coas organizacións sindicais

Constituirase un órgano asesor con composición paritaria, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais, e con carácter permanente, para tratar aquelas materias comúns ao persoal ao servizo das universidades públicas de Galicia. A súa composición e as súas funcións determinaranse por acordo dos seus membros.

Disposición adicional sexta. Autorización de titulacións

Calquera titulación universitaria que oferte e/ou imparta un centro ou universidade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase pola normativa vixente nesta materia.

Disposición adicional sétima. Informes preceptivos

Os procedementos que incoen os departamentos da Xunta de Galicia e os demais entes públicos e privados dependentes ou vinculados a ela, relativos á elaboración de disposicións de carácter xeral, convocatorias de axudas ou subvencións e instrumentación de achegas económicas e investimentos, calquera que sexa a figura xurídica que adopten, nas que sexan destinatarias, beneficiadas ou parte interesada as universidades do SUG, fundacións, sociedades ou entidades dependentes destas, deberán contar co informe preceptivo do departamento competente en materia de universidades.

Disposición adicional oitava. De atención a membros da comunidade educativa con necesidades especiais

Os e as estudantes e os demais membros da comunidade educativa universitaria que presenten necesidades especiais ou particularidades asociadas á diversidade dispoñerán dos medios, do apoio e dos recursos necesarios que aseguren a igualdade real e efectiva de oportunidades.

Disposición transitoria primeira. Adaptación da composición e do regulamento interno do Consello Galego de Universidades

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei levaranse a cabo as adaptacións precisas en canto á composición do Consello Galego de Universidades.

Entrementres non se aprobe o decreto do Consello da Xunta que desenvolva esta lei, en relación co Consello Galego de Universidades será aplicable o Decreto 313/2004, do 2 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, en todo o que non se opoña ao establecido nela.

Disposición transitoria segunda. Actividades de inspección de universidades

Entrementres non se aprobe a modificación da relación de postos de traballo da consellaría competente en materia de universidades, na cal se determinen os postos de traballo con funcións de inspección referidas nesta lei, poderanse habilitar transitoriamente funcionarios e funcionarias dos grupos A1 e/ou A2 para a realización das devanditas actividades.

Disposición transitoria terceira. Escolas de doutoramento

No prazo de dezaoito meses desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia aprobará o decreto que regule o procedemento e os requisitos para a creación de escolas de doutoramento. En todo caso, calquera centro destas características deberá axustarse aos requisitos previstos na normativa aplicable, independentemente da data da súa creación. Para tal efecto, establecerase un período transitorio de adaptación e un procedemento de verificación do cumprimento de tales requisitos.

Disposición transitoria cuarta. Centros adscritos preexistentes

Para que os centros adscritos a universidades do SUG existentes no momento de entrada en vigor desta lei poidan seguir desenvolvendo a súa actividade académica universitaria deberán adaptar o convenio de adscrición coa universidade, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria quinta. Institutos universitarios de investigación

Os institutos universitarios de investigación existentes con anterioridade a esta lei deberán adoptar as medidas necesarias para a súa adaptación e o cumprimento das disposicións reguladas nesta norma, nun prazo máximo de tres anos desde a entrada en vigor.

Disposición transitoria sexta. Adaptación de estatutos das universidades do Sistema universitario de Galicia

As universidades do SUG adaptarán os seus estatutos ao disposto nesta lei nun prazo máximo de tres anos. Entrementres non se produza a adaptación dos estatutos, os consellos de goberno das universidades poderán aprobar a normativa aplicable que sexa necesaria para o cumprimento do establecido nela.

Disposición transitoria sétima. Adaptación dos consellos sociais ás disposicións desta lei

No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, os consellos sociais das universidades públicas do SUG adaptarán e elevarán á consideración e aprobación da consellaría competente en materia de universidades o seu regulamento de organización e funcionamento para axeitalo ao disposto nela. Entrementres non teña lugar esa adaptación, seguirán en vigor os regulamentos existentes, agás naquilo que resulte contraditorio co regulado tamén nela.

As persoas membros dos consellos sociais no momento da entrada en vigor desta lei poderán permanecer nos seus cargos ata a finalización do seu mandato.

Disposición transitoria oitava. Adaptación dos estatutos da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia procederá a adaptar os seus estatutos ao disposto nela, así como á lexislación que lle sexa aplicable. Entrementres non se produza a dita adaptación, o consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia rexerase na súa organización e no seu funcionamento pola normativa existente, agás naquilo que resulte contraditorio respecto do disposto na lei.

Disposición transitoria novena. Constitución do Consorcio Interuniversitario Galego

En cumprimento do disposto no artigo 66, no prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, as universidades públicas do SUG procederán á constitución do Consorcio Interuniversitario Galego, así como á elaboración dos estatutos, que determinarán os seus fins, réxime orgánico, funcional e financeiro, para propiciar a súa efectiva posta en funcionamento.

Disposición derrogatoria única

1. Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango sexan contrarias ao disposto nesta lei.

2. Quedan derrogadas de forma expresa:

a) A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia.

b) A Lei 7/2001, do 2 de xullo, de control en materia de creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A Lei 1/2003, do 9 de maio, de consellos sociais do sistema universitario de Galicia.

d) A Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento regulamentario

O Consello da Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente