Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2013 Páx. 28912

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 11 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

A Consellería do Medio Rural e do Mar publicou o 5 de xaneiro de 2012 a Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG nº 4, do 5 de xaneiro) pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para o financiamento de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no ámbito agroalimentario, agrícola e forestal, cofinanciadas co Feader no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Feader, así como na normativa comunitaria sobre axudas de estado, e enmárcanse dentro do PDR de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124.

As modificacións da regulamentación europea pola que se rexe o Feader, a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, aprobada polo Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria, e a experiencia adquirida na xestión destas axudas, fai conveniente introducir algunhas pequenas modificacións que afectarán o sistema de xestión das axudas nesta convocatoria para o 2013.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións para a realización de accións de cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario e forestal para o período 2013-2015 e convocar estas axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para o ano 2013.

2. Por novo produto enténdese a obtención dun ben anteriormente inexistente; por novo proceso que implica a obtención dun novo uso transformado para unha materia prima preexistente e por nova tecnolóxica a mellora da eficiencia dun proceso produtivo.

Artigo 2. Beneficiarios das axudas e outros axentes cooperantes

1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente orde:

a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.

b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes; poderán adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e do Mar e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma.

O orzamento das actividades de ningún dos axentes cooperantes poderá ser inferior ao 10 % do orzamento total da proposta de cooperación.

3. Segundo a nova redacción do artigo 29 do Regulamento 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, dada polo Regulamento 74/2009, do 19 de xaneiro de 2009, na acción de cooperación deberán intervir como mínimo dous actores, e, cando menos, un deles deberá ser un produtor primario ou pertencer á industria da transformación.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. Poderán ser obxecto de subvención as seguintes iniciativas de cooperación:

a) Iniciativas de cooperación que ofrezan saídas alternativas ou incrementen o valor engadido dos produtos agrarios e os seus transformados.

b) Iniciativas de cooperación que introduzan melloras ambientais en procesos e tecnoloxías de produción e transformación agroalimentaria.

c) Iniciativas de cooperación que permitan o desenvolvemento de fontes renovables de enerxía de orixe agraria e forestal en Galicia.

2. A solicitude de axuda para a realización das accións de cooperación será presentada necesariamente por algunha das entidades a que se fai referencia no número 1 do artigo 2 desta orde, quen asumirá a coordinación do proxecto. A proposta deberá incluír, como mínimo, a participación dun centro de investigación dos enumerados no número 2.b) do devandito artigo, como axente cooperante.

3. A duración da iniciativa de cooperación será de tres anos como máximo.

Artigo 4. Contía das axudas

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 200.000 euros. A dita subvención pode chegar a cubrir o custo total da actividade, e a contía individualizada de cada iniciativa de cooperación determinarase en función dos seguintes condicionantes:

a) O orzamento realmente susceptible de axuda, de acordo co sinalado no artigo 8 desta orde.

b) A puntuación total obtida aplicando os criterios do punto 1 do artigo 13.

c) O orzamento total dispoñible para as tres anualidades.

Artigo 5. Financiamento das axudas

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 12.20.561A.770.0 por un valor total de 2.929.366,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 972.373,00 euros en 2013, 756.993,00 en 2014 e 1.200.000, en 2015. Existe crédito adecuado e suficiente no orzamento da Comunidade Autónoma para o ano 2013. A concesión de subvencións imputadas aos exercicios correspondentes aos anos 2014 e 2015 está condicionada á existencia de dotación económica suficiente en cada momento.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 12,87 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 12,13 %.

Artigo 6. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

De acordo co establecido no artigo 57.2 e no punto 9.B do anexo II do Regulamento (CE) nº 1974/2006, as axudas a proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do Tratado, concederanse ao amparo do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 379, do 28 de decembro), relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis. Neste caso, o importe total das axudas de minimis que poderán recibir as entidades solicitantes non superará o importe de 200.000 € nun período de tres anos. Para comprobar o cumprimento deste requisito, os solicitantes incluídos neste suposto deberán presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais no momento de presentar a solicitude e cando se solicite o pagamento da axuda, tal e como se indica nos artigos 10 e 18, respectivamente, da presente orde.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta orde serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido, en relación coa concorrencia doutras axudas, no artigo 2 do Regulamento (CE) nº 1998/2006 para as axudas amparadas no réxime de minimis e, en relación coa incompatibilidade desta axuda con calquera outra cofinanciada con fondos europeos, no artigo 70.7 do Regulamento (CE) nº 1698/2005, sen que en ningún caso o importe das axudas acumuladas poida superar o custo total do proxecto.

Artigo 8. Gastos subvencionables

De acordo co artigo 20 do Regulamento (CE) nº 1974/2006, os custos da cooperación para o desenvolvemento de novos produtos, procesos e tecnoloxías no sector agrícola, alimentario e no sector forestal a que fai referencia o artigo 29, número 2 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 corresponderán a actividades preparatorias, incluído o deseño, o desenvolvemento e ensaio de produtos, procesos e tecnoloxías e os investimentos materiais e inmateriais relacionados coa cooperación antes da aplicación dos novos produtos, procesos e tecnoloxías desenvolvidas con propósitos comerciais por parte dos beneficiarios.

As axudas previstas nesta orde destinaranse a cubrir os gastos que estean directamente relacionados co orzamento do proxecto para o cal se concederon, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan. Os ditos conceptos, a excepción do que se refire ás colaboracións externas, non teñen a consideración de subcontratación.

1. Custos directos:

a) Custo de persoal. Os gastos debidos á imputación de custos de persoal propio das entidades privadas solicitantes non poderán superar o 25 % do custo total da iniciativa de cooperación menos o custo das actividades realizadas polos demais axentes cooperantes na dita iniciativa. Os centros públicos de investigación ou tecnolóxicos non poderán imputar custos de persoal propio. O persoal temporal contratado con cargo ao proxecto poderán ser persoas coa titulación de doutor, titulación universitaria ou técnica de grao medio ou superior, así como outro persoal de apoio non vinculado estatutaria ou contractualmente cos organismos de investigación ou coas entidades solicitantes. Estes contratos son incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. O dito persoal incorporarase baixo calquera modalidade de contratación temporal acorde coa normativa laboral vixente e coa da entidade solicitante, e sen que iso implique ningún compromiso en canto á súa posterior incorporación ao organismo ou entidade.

b) Custo de execución. Serán subvencionables os gastos debidamente xustificados encadrados nas seguintes categorías:

1º. Material inventariable: adquisición de equipamentos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida en que se dediquen ao proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Non se admitirán custos de utilización nin amortizacións.

2º. Adecuación ou mellora de infraestruturas e equipamento.

3º. Servizos tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados. Entenderase por servizos tecnolóxicos aquelas actividades, diferentes á acción de cooperación proposta que deban ser puntualmente prestadas por outra entidade para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias e consultorías externas. Non se admitirán servizos tecnolóxicos externos realizados por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante. As actividades que van desenvolver cada un dos axentes cooperantes na iniciativa de cooperación non se considerará como un servizo tecnolóxico externo.

4º. Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

5º. Viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto, debidamente xustificados, nas contías establecidas pola normativa vixente que regula as indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (Decreto 144/2001, do 7 de xuño, e Resolución do 29 de decembro de 2005 da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ou normativa que a substitúa).

2. Colaboracións externas cos axentes cooperantes indicados no número 2 do artigo 2 desta orde. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados no número 1 deste mesmo artigo, no caso de colaboracións con centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos o custo da colaboración poderá incrementarse ata un 10 % en concepto de gastos indirectos. Estes gastos indirectos dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos só resultarían admisibles se responden a custos reais imputables á realización do proxecto e contan co debido soporte documental (facturas de documentos contables de valor probatorio equivalente e xustificantes do pagamento), e deben vir acompañados dun informe técnico motivado que explique o método de imputación dos ditos custos. A documentación acreditativa do gasto e pagamento será igualmente exixible aos gastos de persoal, respecto dos cales, ademais da certificación e dos partes de traballo, deberá xuntarse ao expediente a documentación correspondente (nóminas, xustificante de pagamento das retribucións, dos gastos da SS, da retención do IRPF, etc.).

Non se admitirán colaboracións externas realizadas por empresas ou sociedades pertencentes ao mesmo grupo empresarial que a solicitante.

3. Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de publicación da orde no DOG.

4. O IVE só será subvencionable no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

Artigo 9. Requisitos dos solicitantes

As entidades solicitantes na acción de cooperación deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

d) Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou outros entes públicos.

e) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os consellos reguladores das denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario que aínda non teñan acadada personalidade xurídica de seu, por non ter adaptados os seus regulamentos ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, poderán solicitar as axudas reguladas pola presente orde sempre que cumpran co recollido no punto 3 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e serán presentadas pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no número 1 do artigo 2 e no artigo 9 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes e a documentación complementaria, enumerada no artigo 11 desta orde, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I desta orde).

c) Declaración en que se fagan constar as axudas obtidas pola entidade solicitante, as que estean en fase de solicitude e as que se teña previsto solicitar de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, en relación co proxecto e en particular para garantir que non existe dobre financiamento para as operacións incluídas nos réximes de axudas enumerados no anexo I do Regulamento (CE) nº 1974/2006 (anexo IV desta orde).

d) No caso de solicitar axuda para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito tratado (ver anexo II da presente orde) deberase presentar unha declaración sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais por parte da entidade solicitante (anexo V desta orde).

e) Unha copia compulsada do NIF da entidade solicitante ou do empresario individual.

f) Declaración do responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo I, solicitude de axudas).

g) Memoria científico-técnica única para todas as actividades dos axentes participantes na acción de cooperación (anexo III desta orde), en que conste:

1º. Relación do persoal participante no proxecto, coas sinaturas dos participantes.

2º. Un resumo do proxecto.

3º. Unha introdución en que se presente a situación actual do tema en que se vai traballar na iniciativa de cooperación e a xustificación da execución da acción e o proxecto que se propón.

4º. Obxectivos do proxecto.

5º. Metodoloxía usada no proxecto.

6º. Plan de traballo e cronograma que se desenvolverá no tempo de execución do proxecto, en que se inclúan as actividades que realizará cada unha das partes que colaboran e o seu desenvolvemento temporal.

7º. Referencias bibliográficas utilizadas na redacción do proxecto.

8º. Beneficios que poidan derivar do proxecto, desde o punto de vista da súa repercusión económica, social e tecnolóxica.

9º. Orzamentos do custo total do proxecto e o correspondente a cada un dos axentes que colaboran nel, especificando a contía subvencionable de cada parte, con detalle de cada unha das anualidades e dos diferentes conceptos de gasto especificados no artigo 8 desta orde. No caso de incluír no orzamento material inventariable ou prestación de servizos tecnolóxicos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, por importe superior a 12.000 euros, deberán achegarse tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

h) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.

O documento correspondente ao curriculum vitae do persoal do centro público de investigación ou centro tecnolóxico poderá ser cuberto en formato normalizado da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es/), da Consellería de Economía e Industria ou en formato similar que conteña as epígrafes do documento normalizado.

i) Copia do contrato, convenio, acordo de colaboración ou carta de intencións asinados polos representantes legais dos participantes na acción de colaboración. No caso daqueles solicitantes que resulten beneficiarios das axudas, se o que xuntaron á solicitude foi unha carta de intencións, coa aceptación da axuda deberán remitir o contrato, convenio ou acordo de colaboración asinados polos representantes legais das partes.

j) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante, nos cales apareza recollido o seu obxecto social.

k) Aquelas entidades que cumpran o establecido na epígrafe 8º da alínea a) do número 1 do artigo 13 deberán achegar unha declaración que reflicta a porcentaxe de produción adquirida a través de contratos homologados con produtores, sen prexuízo de que a Administración poida comprobar a veracidade dos datos declarados (anexo IV, declaracións).

2. Non obstante o disposto no número 1 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) Solicitude da axuda cos datos de identificación do proxecto e das entidades participantes (anexo I).

b) Memoria científico-técnica única e con todos os seus puntos cubertos, na cal se describan todas as actividades dos axentes participantes na acción de cooperación (anexo III).

c) Curriculum vitae de todos os membros do centro de investigación ou centro tecnolóxico participantes na acción de cooperación.

d) Copia dos estatutos fundacionais da entidade solicitante, en que apareza recollido o seu obxecto social.

e) Declaración que reflicta a porcentaxe de produción adquirida a través de contratos homologados con produtores, para os casos recollidos no número 3.1 deste artigo.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles proceda a corrixir as deficiencias detectadas mediante a presentación da solicitude requirida. Se non o fai, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas establecidas nesta orde será a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Artigo 13. Tramitación

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

a) Axentes cooperantes e obxecto da acción (valoración máxima 70 puntos):

1º. Proxectos de cooperación que se desenvolvan en colaboración coa rede de centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos da Consellería do Medio Rural e do Mar (ata 10 puntos, en función da porcentaxe que supoña o custo das actividades desenvolvidas por estes centros sobre o custo total da iniciativa de cooperación).

2º. Proxectos en que participen directamente consellos reguladores (8 puntos).

3º. Proxectos en que participen directamente cooperativas (7 puntos).

4º. Proxectos en que participan directamente industrias e produtores primarios (10 puntos).

5º. Proxectos que impliquen a mobilización e utilización directa de terras (15 puntos).

6º. Proxectos que promovan directamente a conservación e melloras ambientais (5 puntos).

7º. Proxectos correspondentes á área da produción de enerxías renovables de orixe agroforestal (5 puntos).

8º. Proxectos en que participen empresas lácteas que teñan elas directamente ou os seus subministradores contratos homologados con produtores que amparen a maioría (máis do 50 %) da produción adquirida (ata 10 puntos, en función da porcentaxe de leite adquirida mediante contratos homologados).

b) Calidade técnica da proposta (valoración máxima 60 puntos):

1º. Viabilidade do proxecto (ata 10 puntos).

2º. Grao de innovación tecnolóxica (ata 10 puntos).

3º. Claridade e coherencia dos obxectivos propostos (ata 10 puntos).

4º. Utilización dunha metodoloxía axeitada e un plan de traballo coherente (ata 10 puntos).

5º. Adecuación do equipo investigador participante (ata 10 puntos).

6º. Adecuación do orzamento solicitado ás actividades que vai desenvolver e valor engadido que se pretende (ata 10 puntos).

c) Impacto previsto da acción de cooperación (valoración máxima 40 puntos):

1º. Conservación e mellora do ambiente (ata 10 puntos).

2º. Revalorización dos produtos agroforestais (ata 10 puntos).

3º. Redución do consumo e da dependencia enerxética (ata 10 puntos).

4º. Redución dos custos de produción (ata 10 puntos).

d) Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación (10 puntos).

A puntuación total (P) de cada unha das solicitudes presentadas calcularase de acordo coa seguinte fórmula:

P=(b*ka*kc)+d

Sendo:

b: puntuación da calidade técnica do proxecto segundo a alínea b).

ka: coeficiente de ponderación calculado segundo ka=(100+a)/100, onde a é a puntuación obtida na alínea a).

kc: coeficiente de ponderación calculado segundo kc=(100+c)/100, onde c é a puntuación obtida na alínea c).

d: puntuación correspondente á alínea d).

2. A avaliación das solicitudes e determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión. Para avaliar as solicitudes a comisión aplicará os criterios anteriormente expostos no punto 1 deste artigo. Para determinar a contía da axuda a cada beneficiario, a comisión aplicará a metodoloxía que se recolle no artigo 4 desta orde. A dita comisión actuará como un órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: o secretario xeral de Medio Rural e Montes, ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, nomeado polo secretario xeral, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios nomeados, respectivamente, polo mesmo secretario xeral de Medio Rural e Montes, pola directora xeral de Produción Agropecuaria e polo director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Serán excluídas as solicitudes que na valoración técnica non acaden unha puntuación mínima de 30 puntos. A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de informar dos respectivos proxectos solicitados.

Artigo 14. Resolución e notificacións

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación dos proxectos avaliados positivamente en lista de espera e a relación de proxectos que se consideran non financiables.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 124.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria non poderá exceder o 31 de outubro de 2013. De non mediar resolución expresa no devandito prazo as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das actividades obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral de Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, o interesado comunicará expresamente a súa aceptación ou renuncia á subvención transcorridos quince días naturais desde a notificación desta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a modificación do beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que se debe reembolsar.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 65/2011.

3. Os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada, tal e como exixe o artigo 75.1c).i do Regulamento (CE) nº 1974/2006.

4. No caso de accións de cooperación en que estean previstos investimentos cuxo custo total supere os 50.000 €, o beneficiario deberá instalar unha placa explicativa (anexo IV, modelo LL).

5. Co fin de que se leve a cabo unha correcta cuantificación dos indicadores de resultados do PDR de Galicia 2007/2013 é preciso que os beneficiarios acheguen a información recollida no anexo IV, modelo L segundo a natureza do beneficiario, para o ano de remate da axuda concedida (ano n) e dous exercicios posteriores a aquel (ano n+2).

Artigo 18. Pagamento das subvencións

1. A entidade solicitante deberá xustificar a subvención conforme a anualidade establecida na resolución da concesión e solicitar os correspondentes pagamentos parciais da subvención, coa data límite do 31 de outubro nas anualidades 2013 e 2014, e do 30 de xuño na anualidade 2015, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor de acordo co artigo 45.3 do Regulamento 9/2011, logo da petición do beneficiario. As solicitudes de pagamentos (anexo IV, modelo A) presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (co IVE excluído e desagregado) e a data de cada un dos xustificantes agrupados por entidade participante e por conceptos de gastos (anexo IV, modelo B).

b) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación e marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención. Neste último caso indicarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Considérase admisible o pagamento en metálico nos seguintes supostos e condicións:

1º. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros; neste caso, o pagamento xustificarase mediante certificación expresa, asinada, datada e selada polo provedor, na cal se faga constar a recepción do importe facturado e o medio de pagamento empregado, así como o compromiso do provedor de someterse ás actuacións de control e comprobación na súa contabilidade da realidade do pagamento. Esta certificación irá acompañada da factura preceptiva.

2º. Para gastos de escasa contía que non superen os 300 euros, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

3º. As excepcións recollidas nos puntos anteriores non serán aplicables aos pagamentos efectuados directamente pola Administración a provedores, que deberán xustificarse mediante a achega dalgún dos documentos indicados na alínea b) deste artigo.

c) De acordo co establecido no artigo 24.2 do Regulamento (UE) 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Pola diversidade dos gastos subvencionables nestas axudas e polo seu carácter innovador, e naqueles casos de custos de pouca contía, poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

d) No caso de custos de persoal, tanto técnico propio como adicional contratado, con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:

1º. Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome e apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa e custo proporcional imputado ao proxecto (retribucións + Seguridade Social) segundo a dedicación a este de cada traballador (anexo IV, modelo C); os certificados dos partes de traballo en que se relacionen as horas dedicadas por cada traballador mensualmente ao proxecto (anexo IV, modelo D).

2º. Copia compulsada do contrato de traballo no caso de persoal adicional contratado, con destino específico ao proxecto.

e) No caso de viaxes e axudas de custo relacionadas coa execución do proxecto deberá achegarse unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto (anexo IV, modelo E).

f) Certificación expedida pola entidade bancaria en que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

g) No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 18.000 euros, constituirase unha garantía mediante seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria. Para o pagamento final da última anualidade non é necesaria a presentación da dita garantía.

Os beneficiarios poderán ser exonerados da constitución de garantía, logo da autorización do Consello da Xunta.

h) No caso de proxectos plurianuais presentarase anualmente un informe parcial de resultados, en formato normalizado, no cal se reflectirán os datos do nivel de execución do proxecto (anexo IV, modelo F).

i) No caso de proxectos dunha única anualidade ou cando se trate da última anualidade dun proxecto plurianual achegarase, ademais dun informe final de resultados en formato normalizado (anexo IV, modelo G), unha memoria en formato libre na cal se detallará o desenvolvemento científico-técnico do proxecto así como os resultados obtidos.

No caso dos centros públicos de investigación e centros tecnolóxicos será suficiente para xustificar o gasto a emisión dunha única factura onde se reflictan os diferentes conceptos de gasto, debidamente conformada polo responsable da xestión económica e de persoal do centro. Todo isto sen prexuízo da obriga de dispoñer dos correspondentes xustificantes orixinais de execución do gasto de acordo co especificado nas alíneas a) á e) do presente artigo no momento de emisión da factura, para os efectos de calquera comprobación ou auditoría.

Todos os datos incluídos nos dous documentos anteriores, agás cando explicitamente se indique, formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

2. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

4. Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (anexo IV, modelo H). Así mesmo, cando a axuda fose concedida para a realización de proxectos relativos a operacións non reguladas polo artigo 36 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, é dicir, aquelas nas cales o produto final non estea incluído no anexo I do dito tratado, deberase presentar unha declaración complementaria sobre as axudas de minimis percibidas nos tres últimos anos fiscais pola entidade beneficiaria (anexo IV, modelo I).

5. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento polo beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar virá determinada pola aplicación de criterios de gradación que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 19. Control

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Ademais do seguimento baseado nos informes anuais e final recibidos, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes poderá facer un seguimento técnico do proxecto mediante a presenza in situ de persoal técnico nomeado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións propostas, así como o plan de traballo previsto en cada etapa do proxecto e os datos e resultados derivados do proxecto.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de cooperación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar, o órgano pagador do Feader, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Consello de Contas, do Tribunal de Contas e das instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas establecidas nesta orde o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións reguladas no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de desenvolvemento rural.

A contía da subvención que se pagará calcularase de acordo co que resulte subvencionable durante os controis administrativos da xustificación e solicitude de pagamento presentada polo beneficiario.

O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da alínea a) supera o importe establecido en virtude da alínea b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da alínea b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 20. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto expreso; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou dos obxectivos da actividade subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención polo beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007.

Artigo 22. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2997, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do Feader, e nos regulamentos (UE) 65/2011, (CE) 1974/2006 e (UE) 679/2011.

Disposición adicional primeira. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007–2013, aprobado mediante Decisión da Comisión C (2008) nº 703, do 15 de febreiro de 2008, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa, así como ao Real decreto 1852/2009, de 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos Programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

Disposición adicional segunda. Formularios

Xúntanse a esta orde os formularios dos anexos I, II, III, IV e V (necesarios para solicitar a axuda). Os ditos formularios, xunto co anexo IV (cuxos modelos son os que empregarán as entidades beneficiarias á hora de solicitar o pagamento e xustificar a axuda), poderán baixarse da páxina web http://medioruralemar.xunta.es/anuncios/axudas

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG nº 4, do 5 de xaneiro).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO II
Lista prevista no artigo 32 do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea
(anexo I do Tratado)

1

2

Partidas da nomenclatura de Bruxelas

Denominación dos produtos

Capítulo 1

Animais vivos.

Capítulo 2

Carnes e miúdos comestibles.

Capítulo 3

Peixes, crustáceos e moluscos.

Capítulo 4

Leite e produtos lácteos; ovos de ave; mel natural.

Capítulo 5

05.04

Tripas, vexigas e estómagos de animais (distintos dos de peixe), enteiros ou en anacos.

05.15

Produtos de orixe animal non expresados nin comprendidos noutras partidas; animais mortos dos capítulos 1 ou 3, impropios para o consumo humano.

Capítulo 6

Plantas vivas e produtos da floricultura.

Capítulo 7

Legumes, plantas, raíces e tubérculos alimenticios.

Capítulo 8

Froitos comestibles; codias de cítricos e de melóns.

Capítulo 9

Café, té e especias, con exclusión da herba mate (partida 09.03).

Capítulo 10

Cereais.

Capítulo 11

Produtos da moenda; malta; amidóns e féculas; gluten; inulina.

Capítulo 12

Sementes e froitos oleaxinosos; sementes, sementes e froitos diversos; plantas industriais e medicinais; pallas e forraxes.

Capítulo 13

ex 13.03

Pectina.

Capítulo 15

15.01

Manteiga, outras graxas de porco e graxas de aves de curral, prensadas ou fundidas.

15.02

Sebos (das especies bovina, ovina e caprina) en bruto ou fundidos, incluídos os sebos chamados «primeiros zumes».

15.03

Estearina solar; oleoestearina; aceite de manteiga de porco e oleomargarina non emulsionada, sen mestura nin preparación ningunha.

15.04

Graxas e aceites de peixe e de mamíferos mariños, mesmo refinados.

15.07

Aceites vexetais fixos, fluídos ou concretos, brutos, purificados ou refinados.

15.12

Graxas e aceites animais ou vexetais hidroxenados, mesmo refinados, pero sen preparación ulterior.

15.13

Margarina, sucedáneos da manteiga de porco e outras graxas alimenticias preparadas.

15.17

Residuos procedentes do tratamento dos corpos graxos ou das ceras animais ou vexetais.

Capítulo 16

Preparados de carnes, de peixes, de crustáceos e de moluscos.

Capítulo 17

17.01

Azucres de remolacha e de cana, en estado sólido.

17.02

Outros azucres; xaropes; sucedáneos do mel, mesmo mesturados con mel natural; azucres e melazas caramelizadas.

17.03

Melazas, mesmo descoloradas.

17.05 (*)

Azucres, xaropes e melazas aromatizados ou con adición de colorantes (incluídos o azucre con vainilla ou vainillina), con excepción dos zumes de froitas con adición de azucre en calquera porcentaxe.

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento nº 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, do 18 de decembro de 1959 (DO nº 7, do 30.1.1961, p. 71).

Capítulo 18

18.01

Cacao en gran, enteiro ou partido, cru ou torrado.

18.02

Casca, cascarilla, películas e residuos de cacao.

Capítulo 20

Preparados de legumes, de hortalizas, de froitas e doutras plantas ou partes de plantas.

Capítulo 22

22.04

Mosto de uva parcialmente fermentado, mesmo «apagado» sen utilización de alcol.

22.05

Viños de uva; mosto de uva «apagado» con alcol (incluídas as mistelas).

22.07

Sidra, perada, hidromel e outras bebidas fermentadas.

ex 22.08 (*)

ex 22.09 (*)

Alcol etílico desnaturalizado ou sen desnaturalizar, de calquera gradación, obtido cos produtos agrícolas que se enumeran no anexo I do Tratado, con exclusión das augardentes, licores e demais bebidas espiritosas; preparados alcohólicos compostos (chamados «extractos concentrados») para a fabricación de bebidas.

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento nº 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, de 18 de decembro de 1959 (DO nº 7, do 30.1.1961, p. 71).

22.10 (*)

Vinagre e os seus sucedáneos comestibles.

(*) Partida engadida polo artigo 1 do Regulamento nº 7 bis do Consello da Comunidade Económica Europea, de 18 de decembro de 1959 (DO nº 7, do 30.1.1961, p. 71).

Capítulo 23

Residuos e refugallos das industrias alimenticias; alimentos preparados para animais.

Capítulo 24

24.01

Tabaco en rama ou sen elaborar; refugallos de tabaco.

Capítulo 45

45.01

Cortiza natural en bruto e refugallos de cortiza; cortiza triturada, granulada ou pulverizada.

Capítulo 54

54.01

Liño en bruto (planta de liño), macerado, espadelado, restrelado (peiteado) ou traballado doutra forma, pero sen fiar; estopas e refugallos de liño (incluídas as fías).

Capítulo 57

57.01

Cánabo (Cannabis sativa) en rama, macerado, espadelado, restrelado (peiteado) ou traballado doutra forma, pero sen fiar; estopas e refugallos de cánabo (incluídas as fías).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file