Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29799

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2013 pola que se convoca o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2013.

Conforme aos fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET), convoca o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2013.

1. Obxectivos.

O curso está deseñado para que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que os capaciten para aplicar solucións con información xeoespacial utilizando sistemas de información xeográfica na Administración. Combina o estudo dos fundamentos teóricos dunha ferramenta SIX cunha completa formación práctica no uso dos sistemas de información xeográfica co obxectivo de que os alumnos aprendan a xestionar a información xeoespacial de maneira eficiente, para obter os maiores beneficios posibles tanto na xestión do territorio coma na posta á disposición desa información. Ademais, este curso ten como obxectivo xeneralizar o uso dos SIX na Administración e que este tipo de tecnoloxías e as súas aplicacións se dean a coñecer á sociedade.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

– Módulo I. Módulo teórico de formación na ferramenta SIX (124 horas teóricas e prácticas).

– Módulo II. Módulo temático/práctico (120 h). Contexto actual das fontes de información, estudo do medio natural, estudo do medio produtivo, estudo das lexislacións sectoriais, estudo estatístico e económico, estudo de inventarios patrimoniais, culturais e inmobiliarios, estudo de riscos naturais e estudo da paisaxe.

Titorización de proxectos: disporase de 30 horas adicionais para titorización de proxectos.

Os alumnos recibirán gratuitamente unha licenza do programa Arcgis 10.1 válida por un ano, que se lles instalará no seu portátil a aqueles alumnos que prefiran seguir as clases prácticas co seu propio portátil.

3. Prazas: 25.

4. Destinatarios.

4.1. O 60 % das prazas (15) ten como destinatarios os empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica coma local, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

4.1.3. Persoal eventual que acredite a súa condición co correspondente nomeamento específico.

Este curso valorarase con 1,2 puntos a aqueles alumnos que sexan considerados aptos cando remate e, por tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme o establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar ao outro 40 % das prazas (10) os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitectos técnico e enxeñeiro técnico.

As prazas de calquera dos grupos que non se cubran na súa totalidade acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de mil cen euros (1.100 €), para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60 % do total (660 €) pagarase ao matricularse e o 40 % restante (440 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2014.

5.2. O importe da matrícula é de dous mil euros (2.000 €) para os demais solicitantes.

Igual que no punto anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60 % do total (1.200 €) pagarase ao matricularse e o 40 % restante (800 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2014.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición finaliza o 30 de setembro de 2013.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará, na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoSig

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no número 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no número 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente compulsada do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria, e a a documentación exixida presentarase numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá que nos se valoren os méritos.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no número 4.1 valoraranse:

9.1.1. Posto de traballo actual.

9.1.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

Os solicitantes deberán indicar a data exacta (día, mes e ano) de toma de posesión e, se for o caso, de cesamento dos números 9.1.1 e 9.1.2.

9.1.3. Formación:

9.1.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

No suposto de que non se consigne o número de horas da actividade formativa, esta non será obxecto de valoración.

9.1.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.4. Outros méritos:

9.1.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.1.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá que nos se valoren os méritos.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no número 4.2, valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, se é o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos:

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se poidan suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas deste. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se atopan nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar un proxecto individual de fin de curso. Elaborarase baixo a dirección dos profesores dos módulos temático/prácticos durante o período docente; a proposta de titor e de título do proxecto individual deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. O proxecto será obxecto de exposición pública e avaliado por un tribunal designado para este efecto.

O prazo de entrega do proxecto fixarase durante a realización do curso e será comunicado aos alumnos coa suficiente anticipación. Se despois da exposición pública do proxecto o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o proxecto unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Ao final do módulo teórico de formación na ferramenta SIX os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha. Valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test. A superación deste exame dálles dereito á obtención do diploma oficial de ESRI. Os alumnos deberán aprobar a totalidade dos exames para obteren o certificado de aproveitamento. Os que non superen a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 14 de outubro de 2013 e o 18 de xuño de 2014.

Terá unha duración de 244 horas que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os luns e mércores das 16.00 ás 20.00 horas.

Durante o desenvolvemento deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para estes efectos. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e ao taller.

14. Renuncia, asistencia e puntualidade.

14.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha anticipación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

14.2. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) Faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

15. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e de resolver as cuestións que puideren xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela 18 de xullo de 2013

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública