Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 31 de xullo de 2013 Páx. 30401

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEP, para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies.

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a da adopción de medidas de conservación e protección dos recursos mariños vivos e os seus ecosistemas, así como a inspección e control sobre estes que garanten unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, define para o seu período de programación 2007-2013, o marco de apoio comunitario en favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro.

O artigo 36 do mencionado regulamento (R/FEP) sinala no seu punto 1, que o FEP poderá financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente as empresas privadas, que contribúan á consecución dos obxectivos da política pesqueira común. Entre as medidas sinaladas atópase a de «accións colectivas». Esta medida atópase no eixe prioritario 3 «medidas de interese público».

O artigo 37 do R/FEP «accións colectivas», sinala que o FEP poderá apoiar medidas de interese público que se apliquen co apoio activo dos propios operadores ou de organizacións que actúen en nome dos produtores ou doutros organismos recoñecidos polo estado membro, cuxo obxecto, en particular, sexa o de contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos.

Pola súa banda, no anexo II do regulamento establécese a porcentaxe máxima de contribución pública para o financiamento das medidas obxecto do artigo 37 e seguintes.

Para a aplicación das ditas medidas, mediante a Orde da consellería do Mar, do 9 de xaneiro de 2011 (DOG núm. 13, do 20 de xaneiro) aprobáronse as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas a proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños.

Agora, coa finalidade de adaptar a convocatoria das axudas neste exercicio 2013 ao actual escenario orzamentario, social e económico, considérase oportuno modificar as bases reguladoras vixentes. Por todo iso, e de acordo co previsto no artigo 3.4 da Orde do 9 de xaneiro de 2011, e de cara a unha mellor comprensión, publícanse integramente as novas bases reguladoras.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2013, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca.

b) Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión do 26 de marzo de 2007, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento 1198/2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

c) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

g) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As subvencións concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que, en cada un dos anos de vixencia do actual programa operativo FEP 2007-2013, sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, dotadas con fondos do FEP na súa medida 3.1 (accións colectivas) así como do estado membro.

Anualmente publicaranse os importes máximos de concesión de axudas na correspondente anualidade e nas sucesivas, para o caso de investimentos plurianuais.

2. No ano 2013 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.31.723A.770.1, código de proxecto 2011/00802, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

3. O importe máximo das subvencións que se concedan no 2013 será de 3.533.000 € e distribuiranse nas seguintes anualidades:

– Anualidade 2013: 1.423.000 €.

– Anualidade 2014: 2.110.000 €.

Así mesmo, as axudas terán tamén as seguintes limitacións de contías:

a) Para os proxectos de xestión definidos no artigo 6.1.a): un máximo de 1.900 € por mes e persoa.

b) Para os proxectos de conservación definidos no artigo 6.1.b): un máximo de 1.210 € por mes e persoa.

4. Os importes consignados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

5. No caso de que se leve a cabo a modificación destas bases a través da correspondente convocatoria anual, procederá a publicarse integramente no Diario Oficial de Galicia, as bases reguladoras coas modificacións feitas, para lograr unha máis áxil tramitación dos expedientes e mellor comprensión destas.

6. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións as confrarías de pescadores e as súas federacións, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que desenvolvan as súas actividades profesionais no sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades nas que concorra algunha das circunstancias sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades sinaladas no parágrafo primeiro deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiario lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión unha vez notificada a concesión da axuda.

4. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

5. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Realizar as actividades para as que se conceda subvención nos termos e prazos indicados na resolución de concesión e no proxecto que lles sirva de base.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que se encontran ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

f) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación ás subvencións e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

g) Facer constar expresamente a participación financeira do FEP en todas as actividades de difusión ou promoción relacionadas coa actividade subvencionada.

h) Manter os investimentos e/ou conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos dende a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

i) Informar ao público sobre a axuda obtida, de conformidade co artigo 32 e 33 do Regulamento CE nº 498/2007 e co artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

j) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 59.d) do Regulamento do FEP.

3. De acordo co establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante está ao corrente nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao interesado.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención de conformidade con esta orde, as accións colectivas que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, para garantir unha explotación responsable, equilibrada e sustentable, que permita unha viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies.

Os proxectos obxecto de subvención son:

a) Xestión de zonas de produción para a implantación de técnicas de semicultivo, elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción así como o seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros. As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas á realización das actividades que se sinalan a continuación:

– Mostraxe dos bancos marisqueiros da área da entidade cunha periodicidade como mínimo semestral, de acordo coa importancia do banco, nivel de datos dispoñibles etc., salvo outra periodicidade requirida pola Administración.

– Mostraxes menos formais e máis frecuentes en bancos marisqueiros, atendendo principalmente á proporción de individuos de talle legal na poboación e ao tamaño medio dos exemplares.

– Remisión de informes das mostraxes aos servizos técnicos do departamento territorial correspondente da Consellería do Medio Rural e do Mar.

– Asesoramento á entidade para a explotación racional do recurso.

– Elaboración, xestión técnica e seguimento dos plans de explotación da entidade.

– Obtención da CPUE diaria de cada especie, a partir dos datos diarios do número de mariscadores e da captura total de cada especie-recurso para ter unha estimación indirecta do estado dos bancos.

– Remisión mensual dos datos ao departamento territorial para as aperturas mensuais.

– Envío de mostras do estado sanitario das augas e especies marisqueiras ao INTECMAR.

– Seguimento, control e planificación dos proxectos de rexeneración e mellora da produtividade.

– En xeral, seguimento das instrucións que sexan ditadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para a implantación e o seguimento das medidas de xestión.

– O inicio, interrupción ou finalización dos servizos de asistencia técnica deberá ser comunicado aos servizos técnicos da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

b) Conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo condicións de acceso ás zonas de pesca.

As entidades beneficiarias de subvención por este concepto quedarán obrigadas a cumprir as actividades e condicións que se sinalan a continuación.

– O persoal de control e vixilancia deberá ter a habilitación como garda particular de campo, especialidade de gardapesca marítimo.

– Os patróns e tripulantes de embarcacións cuxa dedicación non sexa a vixilancia, senón o manexo das embarcacións, deberán estar capacitados para facelo.

– O persoal de vixilancia actuará baixo a supervisión do Servizo de Gardacostas e en colaboración con este, estando obrigados a remitir ao servizo os datos e informes que lles sexan requiridos.

– O inicio, interrupción ou finalización da prestación dos servizos deberá ser comunicado ao Servizo de Gardacostas da consellería no prazo máximo dunha semana desde que se produza o feito.

– Con antelación mínima dunha semana, o beneficiario deberá trasladar ao Servizo de Gardacostas a programación semanal das actividades de vixilancia e control. Con periodicidade mensual deberá dar traslado ao dito servizo dun informe das actividades realizadas.

c) Seguimento específico de actuacións de ámbito autonómico implementadas pola Administración que requiran dun proxecto colectivo para mellorar a súa eficacia. Estas actuacións estarán encamiñadas á xestión de pesqueirías de interese rexional que precisen dunha participación activa do sector extractivo. Este apartado pode incluír calquera das modalidades de proxectos definidos nos anteriores puntos a) e b) deste mesmo artigo.

2. Non serán obxecto de subvención as accións que resulten financiables segundo outras liñas de axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar, nin os labores habituais de mantemento dos bancos, propios da actividade marisqueira ordinaria.

3. En función dos resultados acadados e das dispoñibilidades orzamentarias, para os sucesivos períodos de convocatoria poderanse engadir ou modificar algún dos proxectos incluídos no número 1 deste artigo.

4. Poderanse presentar proxectos de carácter plurianual que comprendan os exercicios orzamentarios 2013 e 2014 e coas limitacións recollidas no parágrafo 2 do artigo 7. A subvención que neste caso se conceda aterase aos límites establecidos para os compromisos de gasto plurianuais no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de gastos de persoal imprescindible asociado ao proxecto.

b) Os de contratación de profesionais, empresas ou entidades prestadoras de servizos.

c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver as accións.

2. Consideraranse subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2013 e o 31 de decembro de 2015. A data límite enténdese en todos os casos sen prexuízo do número de anualidades que se estableza en cada resolución de concesión de axuda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou de ser o caso, na solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

4. O beneficiario poderá contratar con terceiros a actividade subvencionada ata o 100 %.

Artigo 8. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

a) Alugamentos.

b) A adquisición de terreos e inmobles.

c) Os derivados da transformación de buques pesqueiros que causen baixa no rexistro da frota operativa.

d) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

e) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

f) Aparellos e materiais de pesca e marisqueo.

g) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos.

h) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

i) O IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

j) A modernización ou acondicionamento de maquinaria, instalacións, locais, equipamentos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento cuxo financiamento se realizase con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Artigo 9. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionable en cada unha das accións, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias. A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. No caso de se presentaren varios proxectos para accións substancialmente idénticas, poderase establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. Manterase a axuda pero minorarase na fase de pagamento se o investimento material realizado é, por causa debidamente motivada, de contía inferior á que se considerou subvencionable, e na mesma proporción.

Artigo 10. Compatibilidade da axuda

A percepción destas axudas poderá ser compatible con calquera outra concedida para a mesma finalidade, sempre que non estea financiada por fondos europeos ou pola Consellería do Medio Rural e do Mar e que o conxunto delas non superen o custo das actividades subvencionadas.

Artigo 11. Prazos de solicitude e resolución

1. Anualmente publicaranse os períodos de presentación de solicitudes para cada unha das anualidades 2013 a 2015.

2. Para a convocatoria de 2013, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

A resolución de concesión ditarase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Cada ano realizarase unha única proposta de resolución comprensiva de todas as solicitudes presentadas no prazo de convocatoria correspondente á anualidade e admitidas.

4. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, na que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 17.2.

5. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas na anualidade correspondente á convocatoria exclusivamente por falta de dispoñibilidades orzamentarias poderán ser tomadas en consideración na anualidade seguinte, logo de confirmación polo solicitante e sen que isto supoña ningunha preferencia como criterio de selección.

Artigo 12. Forma de presentación de solicitudes e documentación necesaria

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, que se poderá descargar en formato electrónico na ligazón Servizos de administración electrónica da páxina http://webpesca.xunta.es e tamén se poderá descargar no enderezo electrónico https://sede.xunta.es

2. As solicitudes virán asinadas polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

3. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación, acompañada dun índice e ordenada segundo se indica:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

a.1) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

a.2) Ademais, se o solicitante non é unha confraría de pescadores ou unha federación de confrarías, copia dos seus estatutos. Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Medio Rural e do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o que se presentou.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

b.1) Explicación das necesidades que se pretende cubrir e obxectivos perseguidos.

b.2) Proxecto técnico ou anteproxecto valorado, que permita determinar a viabilidade do proxecto.

c) Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado, segundo o anexo II e acompañado da documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma etc.). Se é o caso tamén se deberá acreditar a petición de 3 ofertas e a xustificación da seleccionada, de acordo co indicado no artigo 7.3.

d) Declaración responsable sobre as fontes de financiamento previstas para cada unha das accións (recursos propios, préstamos, outras axudas...) conforme o anexo III.

e) Copia das concesións, autorizacións, permisos ou licenzas, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos e a súa posterior posta en produción ou a solicitude de obtención destes.

f) No caso de denegarse expresamente a obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

g) Declaración responsable de non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións, conforme o anexo IV.

h) No caso de solicitudes formuladas conxuntamente engadirase:

h.1) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

h.2) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

4. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), d), f), e g) anteriores por cada un dos solicitantes.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados, para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 5.3, resulta que o solicitante non está ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada nos lugares a que se refire o parágrafo 1 do artigo 12.

3. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 14. Órganos de xestión e resolución

1. A tramitación dos expedientes será realizada polo servizo correspondente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. A resolución de concesión delégase na persoa titular da Secretaría Xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar ou, se é o caso, no órgano que se indique na correspondente orde de delegación de competencias.

Artigo 15. Comisión de avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan no artigo seguinte. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A comisión de avaliación estará formada polos seguintes membros:

Presidente: subdirector/a xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e unha por cada unha dos seus departamentos territoriais, designadas polo presidente.

Un dos vogais da comisión actuará como secretario.

En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros da comisión poderán ser substituídos por quen designe o seu presidente.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

Artigo 16. Criterios de avaliación

1. A comisión valorará os proxectos segundo os seguintes criterios, ponderados co valor que se indica en cada caso:

a) Relevancia dos obxectivos pretendidos e grao de necesidade de emprender a acción para acadar o fin previsto, tendo en conta o custo necesario para a súa consecución: ata 4 puntos.

b) Calidade técnica do proxecto: ata 2 puntos.

c) Proxectos presentados por entidades que teñan implantado un Plan de Igualdade ou estean en posesión da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, nos termos establecidos nos artigos 9 a 12 e 16 a 20 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia: ata 1 punto.

d) Porcentaxe do custo asumido polo solicitante: ata 1 punto.

e) Efectos beneficiosos sobre o ambiente: ata 1 punto.

f) Proxectos avalados ou participados por entidades ou institucións públicas ou privadas de recoñecida relevancia: ata 1 punto.

g) Resultados obtidos por outros proxectos realizados anteriormente pola entidade solicitante e debidamente documentados: ata 1 punto. Os resultados negativos poderanse penalizar con ata 1 punto.

2. A comisión poderá considerar non viables determinados proxectos ou actuacións e, en consecuencia, propoñer motivadamente a non procedencia de concesión de subvención.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o presidente da comisión avaliadora formularalle ao órgano concedente, a través do instrutor, proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as que se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadaran a puntuación necesaria para ser seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 11.4, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 18. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 19. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 20. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a Conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Modificacións

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste sempre con anterioridade á súa realización.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. Con carácter xeral, agás que as ordes de convocatoria fixen outro prazo, os gastos correspondentes deberán xustificarse antes do 15 de novembro de cada anualidade. Este prazo poderá prorrogarse por resolución expresa do órgano concedente, logo de solicitude do beneficiario e por causas debidamente motivadas. Cando a prórroga solicitada implique a ampliación ou modificación das anualidades da subvención concedida, o seu outorgamento requirirá a correspondente fiscalización previa.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, no prazo establecido no parágrafo anterior, e no lugar e forma sinalados no artigo 12 desta orde:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as que se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

a.1) Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica cando sexa procedente.

a.2) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

a.3) Facturas orixinais correspondentes aos custos sinalados na relación. Os xustificantes orixinais serán marcados cun carimbo da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentados.

a.4) No caso de gastos de persoal: contrato formalizado, se é o caso, polo INEM, nóminas, TC1 e TC2 coa xustificación do seu pagamento, e documento de declaración e liquidación do IRPF correspondente. Tamén se deberá achegar a documentación acreditativa do cumprimento das condicións de habilitación e capacitación do artigo 6.1.b). Os xustificantes orixinais serán marcados na forma sinalada na liña anterior.

O beneficiario tamén terá que presentar unha certificación conforme as persoas contratadas cumpren os seguintes requisitos:

– Non pertencer aos órganos de goberno da entidade.

– Non ter vinculación de parentesco no primeiro grao de consanguinidade ou afinidade con persoas membros dos órganos de goberno. Este requisito non se exixirá para aquelas persoas que xa viñeran traballando para o beneficiario dende antes da publicación desta orde.

Así mesmo, deberá certificar a porcentaxe de dedicación mensual ao proxecto subvencionado do persoal cuxos gastos se inclúan na xustificación

a.5) Extractos das contas, ordes de transferencia, ou certificacións bancarias que xustifiquen a efectiva realización dos gastos, así como o importe, procedencia e aplicación dos fondos propios ás actividades subvencionadas.

a.6) No caso de que as accións obxecto de subvención sexan de realización periódica e sucesiva, correspondan ao último trimestre do exercicio e/ou supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, eses gastos poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

b) No caso de denegar expresamente a súa obtención polo órgano xestor: certificación de estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión en que se recollan os compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

d) Os tres orzamentos que, de acordo co artigo 7.3 desta orde, e en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

3. Os servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural e do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como aos xustificantes de gasto presentados.

4. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención. Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

5. No caso de actuacións plurianuais, se a materialización e o pagamento do investimento se anticipase ao calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade do órgano competente para a concesión da axuda.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

8. Para o pagamento das xustificacións, no caso de gastos de persoal, terase en conta a porcentaxe de dedicación efectiva ao proxecto subvencionado en cada mes do período que se xustifique.

Artigo 23. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 24.

Artigo 24. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan de 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe dos cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que fose o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

De acordo co artigo 67.4 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, por razóns xustificadas e por petición do beneficiario, o Consello da Xunta de Galicia poderá autorizar a constitución da garantía por importe inferior ao antes indicado ou eximir da obriga de constituíla.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 25. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir dende o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En caso de incumprimento parcial relativo á actividade subvencionable, procederase á redución proporcional da subvención concedida ou aboada.

Artigo 26. Publicidade

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiario, cantidade concedida e finalidade da subvención.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://www.webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogada a Orde do 9 de xaneiro de 2011 tramitada como expediente anticipado de gasto, pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2011, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP), para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños, que permitan mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúan á conservación do medio mariño e as súas especies (orde modificada pola Orde do 18 de novembro de 2011, DOG núm. 228, do 29 de novembro). Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde seranlles aplicables as súas disposicións.

Disposición transitoria única

Con vixencia exclusiva para a convocatoria do ano 2013, serán subvencionables os gastos realizados entre o 1 de xullo de 2013 e o 15 de agosto de 2014. Non obstante, no caso de proxectos presentados por confrarías de pescadores consideraranse subvencionables os gastos realizados entre o 16 de agosto de 2013 e o 15 de agosto de 2014.

Disposición derradeira primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na normativa mencionada no artigo 2 (marco normativo).

Disposición derradeira segunda

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file