Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31189

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2013, da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, pola que se fai pública a delegación de competencias na Presidencia e na Dirección Xeral.

O actual réxime de delegación de funcións na Presidencia e na Dirección Xeral da Agader foi aprobado polo Consello de Dirección da Agader do 21 de xuño de 2007 (DOG núm. 134, do 11 de xullo).

A disposición transitoria segunda da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, atribúe o exercicio das funcións xestoras do Banco de Terras de Galicia á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), e o seu artigo 14.1.a), a titularidade dos predios con vocación agraria.

A actividade administrativa da Agader viuse incrementada coa aprobación da dita lei, que leva de seu, por unha banda, a xestión do Banco de Terras de Galicia, e por outra banda, a xestión patrimonial dos predios da súa titularidade (máis de 10.000), de conformidade coa Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa de aplicación. Esta lei outorga determinadas competencias ou facultades ao órgano colexiado de goberno da Agader, o Consello de Dirección, e ao órgano unipersoal de Goberno, a Presidencia.

Esa concentración de competencias ou funcións relacionadas coa mobilidade de terras e co patrimonio arredor do órgano colexiado e do órgano unipersoal de goberno da Agader determinou que se recorrese á delegación de competencias na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección Xeral da Agader, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º, mediante o acordo do Consello de Dirección do 11 de xullo de 2013 e o acordo da Presidencia do 11 de xullo de 2013.

Por outra banda, o Consello de Dirección da Agader, nas súas reunións do 25 de marzo e do 11 de xullo de 2013, delegou na persoa titular da Dirección Xeral da Agader a competencia para realizar actuacións concretas relativas ao programa Leader Galicia 2007-2013.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda no beneficio tanto da Agader como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

De acordo co artigo 13.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede publicar os ditos acordos.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar os acordos do Consello de Dirección e da Presidencia da Agader polos que se delegan determinadas competencias, que se incorporan a esta resolución como documento anexo.

ANEXO

1. Acordo do Consello de Dirección da Agader do 25 de marzo de 2013.

«Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia, delégase no director xeral da Agader a competencia para aprobar o novo marco financeiro do programa Leader Galicia 2007-2013 e para modificar as bases reguladoras do citado programa, aprobadas mediante o acordo do Consello de Dirección da Agader do 30 de maio de 2008, para o que tomará como referencia a proposta de modificación presentada no Consello de Dirección do 25 de marzo de 2013».

2. Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013.

«Delegar no director xeral da Agader, ao abeiro do disposto no artigo 6.1.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia, a competencia para resolver o convenio de colaboración asinado co GDR Asociación de Desenvolvemento Rural Ancares-Courel o 21 de xaneiro de 2009 e declarar a perda da condición de entidade colaboradora da asociación, logo da instrución do expediente nos termos previstos na normativa de aplicación».

3. Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013.

«De conformidade co artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e ao abeiro do artigo 6.1.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader):

Primeiro. Deléganse na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as seguintes competencias do Consello de Dirección:

I. Na persoa titular da Presidencia da Agader:

1. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe superior a 900.000 euros que deban concertarse con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader.

2. Acordo e formalización da contratación do persoal de alta dirección da Agader, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader.

3. Resolución de recursos administrativos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Autorización previa dos gastos comprendidos entre 900.000 e 1.800.000 euros.

5. As competencias relativas á incorporación ou devolución ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de bens inmobles e dereitos reais, a que fai referencia o artigo 5.2 da Lei de Galicia 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e o capítulo IV do título I da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

6. As seguintes competencias establecidas na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A aprobación das taxacións periciais e informes técnicos no caso dos negocios que deban ser aprobados polo Consello de Dirección, a que fai referencia o artigo 49.2.

b) O alleamento de bens inmobles e dereitos reais, a que fai referencia o artigo 74.2.

c) O inicio do procedemento de alleamento de bens inmobles ou dereitos reais, a que fai referencia o artigo 75.1.

d) A fixación do tipo da poxa no caso de alleamento, a que fai referencia o artigo 76.3.

e) A permuta de bens inmobles e dereitos reais, a que fai referencia o artigo 81.3.

f) A cesión gratuíta de bens inmobles ou dereitos reais, se o Consello de Dirección é o órgano competente para adoptar a cesión, a que fai referencia o artigo 83.2.

g) A resolución da cesión, se o Consello de Dirección é o órgano competente para o seu outorgamento, a que fai referencia o artigo 86.3.

II. Na persoa titular da Dirección Xeral da Agader:

1. Exercicio das funcións vinculadas á execución dos programas de desenvolvemento rural Leader +, Proder II e Agader, ou outros da mesma natureza promovidos por entidades similares aos actuais grupos de acción local, tales como a aplicación, modificación, reintegro de fondos, liquidación e peche, excepto as seguintes: aprobación e modificación das bases reguladoras, concesión de axudas para os programas de cada grupo de acción local e modificación destas axudas por un importe que exceda, en máis ou en menos, o 20 % do volume de fondos públicos asignados a un grupo de acción local.

2. Aprobación dos procedementos para a selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, regulada nos artigos 6.1.d) e 10.2.g) do Regulamento da Agader.

3. Aprobación dos procedementos para a xestión orzamentaria do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, regulada no artigo 16 do Regulamento da Agader.

4. Distribución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural entre as solicitudes de financiamento ou cofinanciamento de plans e actuacións presentados diante da Agader, regulada nos artigos 17 e 18 do Regulamento da Agader.

5. Acordo e formalización da contratación do persoal da Agader, agás a través de contratos de alta dirección, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader.

6. Decisións sobre a participación da Axencia en programas e proxectos de incidencia sobre o ámbito rural, en particular respecto da formalización de acordos coas entidades participantes nos ditos programas e proxectos e da concreción e periodización dos compromisos financeiros, que deberá adaptarse ás dispoñibilidades da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.j) do Regulamento da Agader.

7. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe inferior a 900.000 euros que deba concertar a Agader con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader.

8. Autorización previa dos gastos inferiores a 900.000 euros.

9. As seguintes competencias establecidas na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Instar a presentación de ofertas de inmobles ou dereitos que se vaian permutar, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a cesión, a que fai referencia o artigo 81.4.

b) Tramitar a baixa en Tráfico tras a cesión de vehículos a terceiros mediante a súa transmisión en propiedade, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a cesión, a que fai referencia o artigo 82.5.

c) O coñecemento das peticións de cesión gratuíta de bens ou dereitos, se o Consello de Dirección é o órgano competente para adoptar a cesión, a que fai referencia o artigo 84.1.

d) As cesións e demais operacións patrimoniais sobre bens e dereitos que deriven da execución do planeamento urbanístico, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a operación patrimonial de que se trate, a que fai referencia o artigo 102.1.

e) Realizar os distintos actos que requira a participación nas actuacións de execución do planeamento, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a operación de que se trate, a que fai referencia o artigo 102.2.

f) Resolver sobre a admisión ou non da petición de terceiros en cuxa virtude se pretenda adquirir bens ou dereitos, por calquera título, a que fai referencia a disposición adicional primeira.

Segundo. A presente delegación e a súa revogación publicaranse no Diario Oficial de Galicia e figurará dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da Agader. As resolucións e actos que se adopten en uso da presente delegación indicarán expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante. En calquera momento o Consello de Dirección poderá revogar a delegación ou avocar o coñecemento dun asunto mediante o correspondente acordo.

Terceiro. O presente acordo de delegación de competencias deixa sen efecto o acordo de delegación do 21 de xuño do 2007 (DOG núm. 134, do 11 de xullo).

Cuarto. O presente acordo de delegación de competencias producirá os seus efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

4. Acordo da Presidencia da Agader do 11 de xullo de 2013.

«Primeiro. Delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as seguintes competencias establecidas na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A transacción xudicial ou extraxudicial sobre bens e dereitos patrimoniais e o sometemento a arbitraxe das controversias que xurdan sobre eles, a que fai referencia o artigo 6.

b) A formalización dos contratos e demais negocios xurídicos sobre os bens e dereitos, a que fai referencia o artigo 48.4.

c) A aprobación das taxacións periciais e informes técnicos no caso dos negocios que deban ser aprobados pola persoa titular da Presidencia, a que fai referencia o artigo 49.2.

d) O arrendamento de bens inmobles, a prórroga, a novación ou resolución anticipada dos correspondentes contratos, a que fai referencia o artigo 60.2.

e) A determinación da forma de explotación dos bens e dereitos patrimoniais, a que fai referencia o artigo 64.2.

f) Dispoñer a administración e explotación das propiedades incorporais, a que fai referencia o artigo 68.2.

g) Instar a presentación de ofertas de inmobles ou dereitos que se vaian permutar, se a Presidencia é o órgano competente para a permuta, a que fai referencia o artigo 81.4.

h) Tramitar a baixa en Tráfico tras a cesión de vehículos a terceiros mediante a súa transmisión en propiedade, se a Presidencia é o órgano competente para a cesión, a que fai referencia o artigo 82.5.

i) Verificar a aplicación dos bens e dereitos ao fin para o que foron cedidos, e a adopción para iso das medidas necesarias, a que fai referencia o artigo 85.2.

j) A notificación da modificación de uso nos instrumentos de planeamento urbanístico, a que fai referencia o artigo 101.3.

k) As cesións e demais operacións patrimoniais sobre bens e dereitos que deriven da execución do planeamento urbanístico, se é o órgano competente para a operación patrimonial de que se trate, a que fai referencia o artigo 102.1.

l) Realizar os distintos actos que requira a participación nas actuacións de execución do planeamento, se é o órgano competente para a operación de que se trate, a que fai referencia o artigo 102.2.

m) A comunicación por parte dos rexistradores da propiedade para a promoción da inscrición de bens e dereitos públicos, por excesos de cabida e inmatriculación de predios confinantes con outros da entidade instrumental, a que fai referencia o artigo 109.3.

n) A comunicación por parte dos concellos dos edictos remitidos polos rexistros da propiedade con motivo da inmatriculación ou exceso de cabida de predios confinantes con outros da entidade instrumental, a que fai referencia o artigo 109.3.

o) Os actos de declaración de obra nova, mellora e división horizontal de predios urbanos, así como os de agrupación, división, agregación e segregación de bens inmobles, a que fai referencia o artigo 111.

p) A defensa dos bens e dereitos, a que fai referencia o artigo 114.

Segundo. A presente delegación e a súa revogación publicaranse no Diario Oficial de Galicia e figurará dun xeito permanente e accesible na páxina web institucional da Agader. As resolucións e actos que se adopten en uso da presente delegación indicarán expresamente esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditadas polo órgano delegante. En calquera momento a persoa titular da Presidencia poderá revogar a delegación ou avocar o coñecemento dun asunto mediante o correspondente acordo.

Terceiro. O presente acordo de delegación de competencias producirá os seus efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2013

Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural