Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 8 de agosto de 2013 Páx. 32051

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 22 de xullo de 2013 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2012/13.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece entre os seus principios o de proporcionar unha educación de calidade para todo o alumnado independentemente das súas condicións e circunstancias, xunto coa equidade na súa repartición. Así mesmo, determina que o sistema educativo se orientará, entre outros fins, á consecución dunha educación baseada na responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal, e ao desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e coñecementos así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

O Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 13 que a dita etapa se organiza de acordo cos principios de educación común e atención á diversidade e que as medidas que se establezan neste ámbito estarán orientadas a responder ás necesidades educativas concretas do alumnado e á consecución das competencias básicas e dos obxectivos da etapa, e non poderán, en ningún caso, supoñer unha discriminación que lles impida alcanzar os devanditos obxectivos e a titulación correspondente.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico a educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse na Comunidade Autónoma de Galicia os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2012/13 co obxecto de dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderase conceder ata un máximo de 20 premios.

2. Cada premio estará dotado con 750 €, con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2013 cunha dotación global de 15.000 €.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá ademais un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro educativo onde estea depositado o expediente académico, anotará nel a distinción.

4. A obtención destes premios non supón incompatibilidade coa obtención doutros.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico o alumnado que reúna as seguintes condicións:

1. Ter cursado durante o ano académico 2012/13 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estar proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

3. A media das cualificacións dos alumnos e alumnas solicitantes debe ser igual ou superior a 9,00 puntos. Esta nota media será a media aritmética das cualificacións en todas as materias dos catro cursos da etapa. A media aritmética das cualificacións da etapa expresarase con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e en caso de equidistancia á superior, e deberá reflectirse na certificación académica a que se fai referencia no artigo 5 da presente orde.

a. Segundo o establecido nas disposicións adicionais do Decreto 133/2007, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, para a obtención da nota media non se terá en conta a área de relixión.

b. As áreas validadas ou exentas non serán tidas en conta para o cálculo da nota media.

4. O solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

5. O solicitante autoriza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes serán subscritas directamente polas persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou se é o caso, polos representantes legais dos solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 20 de setembro de 2013 e non será inferior a un mes contado desde o seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

No suposto de que a persoa solicitante presente a solicitude en formato papel deberá cubrir o formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED311D que se publica como anexo I a esta orde, dispoñible na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premioseso. Neste caso, o/a solicitante pode escoller entre presentar a solicitude presencialmente ou entregala na secretaría do centro educativo en que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite. Para estes efectos os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo 38.4 da Lei 30/1992.

Artigo 5. Documentación

1. Solicitude cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

2. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se atope o expediente académico.

3. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática
https://www.edu.xunta.es/premioseso por parte da dirección do centro educativo en que está o expediente académico.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros educativos proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, segundo o establecido no artigo 4 desta orde, os documentos que de seguido se relacionan:

a. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de ESO recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.3, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro en que se atope o expediente académico.

b. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumnado, na aplicación informática
https://www.edu.xunta.es/premioseso por parte da dirección do centro en que está o expediente académico.

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro educativo onde está o seu expediente académico serán os centros os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 1º andar,15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na aplicación informática que xestiona ditos premios https://www.edu.xunta.es/premioseso.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos os interesados disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, considerarase como desistido da súa petición, e esta arquivarase logo de resolución que se deberá ditar nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva do alumnado admitido ou excluído, no portal educativo https:www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 8. Realización da proba para a obtención do premio

1. Os aspirantes aos premios extraordinarios ao rendemento académico deberán realizar unha proba estruturada en dúas partes que valorarán os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, e constará de diversas cuestións coas cales deberá mostrar o grao de consecución das competencias social e cidadá, en comunicación lingüística e matemática. Cada parte da proba desenvolverase nun tempo máximo de dúas horas.

a) A primeira parte constará de diversas cuestións referidas ás seguintes materias de cuarto curso: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura e primeira lingua estranxeira, agás no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura, que quedará exento da realización da correspondente parte da proba, sempre e cando a dita exención se acredite documentalmente.

b) Na segunda parte o alumnado dará resposta a diversas cuestións de tres materias do currículo de cuarto curso: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Matemáticas e unha a escoller de entre Bioloxía e Xeoloxía, Educación Plástica e Visual, Física e Química, Latín, Música e Tecnoloxía.

2. Para poder aspirar ao premio, deberase obter, como mínimo, cinco puntos en cada unha das materias da proba.

3. Cada unha das materias cualificarase entre 1 e 10 puntos e só se poderá utilizar un decimal. O resultado de cada parte obterase mediante a suma das cualificacións das materias que a compoñen, no caso de alumnado con exención en lingua galega e literatura só computarán na primeira parte da proba as cualificacións de Lingua Castelá e Literatura e primeira lingua estranxeira. A nota final será a suma das puntuacións obtidas en cada parte da proba ao abeiro do establecido no número 1 deste artigo.

4. Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate darase preferencia á mellor nota media a que se refire o artigo 3.3; despois, á cualificación da primeira parte da proba, e, finalmente, á cualificación da segunda parte desta. De persistir o empate, o tribunal procederá a realizar un sorteo.

5. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

6. As probas celebraranse nos lugares e datas que se publicarán oportunamente no Diario Oficial de Galicia e no portal educativo da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Tribunal

1. Para elaborar, supervisar e avaliar as probas constituirase un tribunal formado por:

Presidente:

A persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. Para efectos de colaboración no disposto no punto anterior poderanse constituír comisións delegadas integradas por membros do tribunal e outros/as especialistas nas distintas materias que compoñen as probas.

3. A percepción de asistencias deste tribunal aterase á categoría correspondente que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda, segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, modificado polos decretos 144/2008, do 26 de xuño e 96/2011, do 5 de maio.

Artigo 10. Resolución provisional da concesión dos premios

1. O tribunal fará pública as cualificacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premioseso.

2. O alumnado examinado, ou os seus pais/nais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, no prazo de dez días a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do tribunal que se presentará no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo, San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax n.º 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es.

a. As probas sobre as cales se solicitase esta reclamación serán revisadas por un profesor ou profesora especialista distinto ao que realizou a primeira corrección.

b. A cualificación final resultará da media aritmética das cualificacións obtidas nas dúas correccións. No suposto de que exista unha diferenza de 2 ou máis puntos entre as dúas cualificacións, o tribunal efectuará, de oficio, unha terceira corrección. A cualificación final será a media aritmética das tres cualificacións.

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. A acta quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

2. O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta, feita polo tribunal, ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a correspondente orde de adxudicación para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cinco meses desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obriga dos/as gañadores/as

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.k da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O alumnado premiado indicará a titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos e presentará unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta en que se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14 j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no artigo 3.4 desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo I desta orde, o beneficiario ten a obriga de presentar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premioseso e na Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da orde de adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión do premio, conforme ao artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Transparencia das prácticas da Administración

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente na vía xurisdicional ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file