Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 22 de agosto de 2013 Páx. 33771

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 19 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, cómpre adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear empresas e emprego.

A Xunta de Galicia, en exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, conforme os sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Traballo e Benestar, segundo o disposto no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

A Consellería de Traballo e Benestar, dentro dos programas de incentivos de apoio ao autoemprego, xestiona os programas de apoio ás iniciativas locais de emprego (ILE) e o das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), que apoian especialmente aquelas empresas que se implanten nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego para a mocidade e mulleres en desemprego. Dada a similitude de ambos os programas xa que a principal diferencia era que as ILE necesitaban contar co requisito formal do apoio da Administración local onde se ían instalar, decídese este ano refundilos nunha única orde nun único programa, incluíndo como entidades beneficiarias aquelas iniciativas locais de emprego que aínda non esgotaron o prazo dun ano desde o inicio da súa actividade para poder acceder ás axudas públicas.

Nos últimos anos as provincias de Lugo e Ourense víronse afectadas pola desaceleración na implantación e no desenvolvemento das empresas existentes. O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou, respectivamente, o programa Impulsa-Lugo e o programa Impulsa-Ourense, nos cales se establecen, entre outras, medidas transitorias de apoio ao fomento de actividades empresariais. En consecuencia, nesta orde increméntase o importe das axudas cando as iniciativas empresariais teñan o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino se terán en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

O Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do Programa operativo Galicia do Fondo Social Europeo no marco de converxencia, aprobado pola Decisión da Comisión Europea C (2007) 6733, do 18 de decembro de 2007.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2013 do programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego coa finalidade de xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a mocidade e mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e seu Regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e nesta orde.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que como mínimo o 50 % do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos ou autónomas e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, e non transcorrese máis dun ano desde a notificación da resolución de cualificación ou, de ser o caso, no prazo que se estableza na resolución de cualificación, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiario. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación.

Artigo 4. Definicións

1. Para os efectos deste programa entenderase por:

a) Persoa desempregada, aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data da súa solicitude de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego, na data da alta na Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, a comprobación de carecer de ocupación, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta na Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención, realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

b) Empregos subvencionables: os postos de traballo creados con carácter estable e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incluídos os dos promotores e promotoras.

c) Socios ou socias promotoras: figurarán como tales nos estatutos sociais.

d) Empresas de nova creación: aquelas que inicien a actividade empresarial desde a data do 1 de outubro de 2012.

e) Inicio de actividade empresarial: a data en que se cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

f) Período subvencionable: poderán ser obxecto de subvención, ao abeiro deste programa, as actuacións subvencionables que, cumprindo os requisitos de cada tipo de axuda, se desenvolvesen desde o 1 de outubro de 2012, e no caso das entidades do artigo 3.2 no seu primeiro ano de actividade.

g) Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, en todo caso consideraranse afectados por unha discapacidade igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión por xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Nestes supostos a acreditación do grao de discapacidade realizarase conforme o previsto no Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro, polo que se determina a consideración de persoa con discapacidade para os efectos da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade (BOE nº 300, do 16 de decembro).

A comprobación da condición de persoa con discapacidade realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Persoas desempregadas de longa duración: aquelas que na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social estivesen sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregadas na oficina de emprego de 180 días se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días se fosen maiores de 25 e menores de 45.

i) Persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego: as que extinguisen por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo. No caso de que non tivesen dereito á percepción da prestación por desemprego de nivel contributivo, que esgotasen o subsidio de desemprego e, en ambos os dous casos, non desempeñasen ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data do esgotamento.

j) Persoas emigrantes retornadas: aquelas que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

k) Inmobilizado material ou intanxible: para os efectos da subvención financeira e para acreditar o requisito do destino do préstamo, entenderase por inmobilizado material ou intanxible aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, e no Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas e os criterios contables específicos para microempresas, e incluídos nos subgrupos 20, 21 e 23 do cadro de contas dos citados plans, excluídos os anticipos.

Os investimentos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún promotor da empresa. Exclúense os impostos, así como os investimentos referidos aos domicilios particulares dalgún dos promotores ou das promotoras, agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

No suposto de elementos de transporte, soamente se computarán os vehículos comerciais ou industriais que se empreguen no desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, así como os vehículos automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais polos representantes ou axentes comerciais (epígrafe 511 do IAE), os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensinanza de condutores e os empregados en servizos de vixilancia, ao 100 % do seu prezo de adquisición, excluído o imposto sobre o valor engadido.

Non obstante, para as empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderá concederse a subvención financeira para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

En ningún caso para a acreditación do inmobilizado material ou intanxible se terán en conta os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

2. Para os efectos deste programa terán a consideración de colectivos en risco ou situación de exclusión social os seguintes:

a) Persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia ou aquelas que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido, ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

b) Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

c) Internos e internas de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego, así como liberados ou liberadas condicionais ou ex-reclusos ou ex-reclusas que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

d) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral.

e) As persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

f) Persoas que abandonasen o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

g) Persoas transexuais ou en procesos de reasignación sexual e que se incorporen ao mercado laboral.

h) Menores internos que se inclúan no ámbito de aplicación da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, cuxa situación lles permita acceder a un emprego, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos ou ex-reclusas.

i) Mozos e mozas que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

j) Traballadores e traballadoras inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social.

k) Persoas emigrantes retornadas con graves necesidades persoais ou familiares.

l) Persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Capítulo II
Tipos de axuda

Artigo 5. Tipos de axuda

O programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención financeira.

c) Subvención para asistencia técnica.

d) Subvención para o inicio da actividade.

e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

Artigo 6. Subvención á xeración de emprego estable

1. A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivaranse, ata un máximo de dez, cada un deles coas seguintes subvencións:

A. 4.000 euros para desempregados en xeral.

B. 5.000 euros para mocidade desempregada de 30 ou menos anos.

C. 5.000 euros para mulleres desempregadas.

D. 5.600 euros para mozas desempregadas de 30 ou menos anos.

E. 6.000 euros para persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, persoas desempregadas de longa duración, persoas emigrantes retornadas, persoas pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social e persoas desempregadas con discapacidade.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, se entenderá solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación achegada coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo se entenderá que se solicita polo colectivo A deste punto.

2. Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato obxecto de subvención.

3. Non se poderá conceder esta axuda cando se trate de traballadores ou traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

4. Poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a data da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, da mutualidade profesional. Non obstante, deberá ser respectado o prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde, aínda que nesta data non transcorrese o mes anteriormente citado.

Artigo 7. Subvención financeira

1. A subvención financeira ten por finalidade favorecer a creación de postos de traballo mediante a redución dos xuros de préstamos para financiar os investimentos en inmobilizado material ou intanxible que sexan necesarios para a creación e posta en marcha destas empresas. Como mínimo, o 75 % do importe do préstamo deberase destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Os préstamos, para seren subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, para tal fin, coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberase formalizar no período comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2013 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Para os efectos da xustificación desta subvención teranse en conta os investimentos en inmobilizado material ou intanxible, sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados no período comprendido entre o inicio da actividade e xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2013.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

2. Esta axuda, pagadoira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á redución de ata catro puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos da súa vixencia. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable e tomarase como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo, se esta é anterior.

A entidade beneficiaria, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

3. Esta subvención terá como límite máximo as contías establecidas no artigo 6 desta orde para cada colectivo. Para os efectos do cálculo da contía desta axuda, só se terán en conta os postos de traballo creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.

4. A solicitude da subvención financeira deberase presentar no mes seguinte ao inicio da actividade respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

Artigo 8. Subvención para asistencia técnica

1. Para axudar á persoa promotora ou empresaria na toma das decisións necesarias para o funcionamento da empresa poderase financiar a asistencia técnica necesaria, que poderá consistir nas seguintes modalidades:

a) Axuda por formación, que incluirá os cursos que a persoa promotora poida recibir para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial.

b) Axuda pola realización externa de estudos e informes sobre a actividade para que a persoa promotora ou empresaria poida dispor de mellor información sobre os bens ou servizos obxecto de produción, incluíndo nesta epígrafe os estudos de mercado, organización, comercialización, diagnose e outros de natureza análoga.

2. O gasto orixinado pola asistencia técnica deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2013.

3. A contía da subvención, que se poderá solicitar unha soa vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, cun límite máximo de 12.000 euros polo conxunto das modalidades de asistencia técnica previstas.

4. A solicitude de subvención para asistencia técnica deberase presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.

Artigo 9. Subvención para o inicio da actividade

1. Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade unha subvención de ata 2.400 euros por cada emprego subvencionable, ata un máximo de dez. Para as persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas con discapacidade a contía desta subvención será de ata 3.600 euros, e para as persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego a contía será de ata 4.800 euros.

No suposto de que as características da persoa desempregada dean lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, e a opción corresponderalle á persoa solicitante. En caso de non exercer esta opción, entenderase solicitada polo colectivo coa contía superior que quede acreditado na documentación que se xunta coa solicitude, e no caso de que da documentación achegada inicialmente xunto coa solicitude non quede acreditada a pertenza a ningún colectivo, se entenderá que se solicita polo colectivo do importe mínimo.

2. A través desta axuda, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade empresarial e efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2013.

Esta axuda destinarase a sufragar os gastos nos seguintes conceptos: gastos de constitución da empresa, compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, gastos do seguro do local, publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean expedidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

3. A solicitude de subvención para o inicio da actividade deberase presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.

Artigo 10. Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas polos promotores ou promotoras que, obtendo a subvención establecida no artigo 6 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

3. Serán subvencionables os gastos da gardaría correspondentes aos tres meses anteriores ao inicio de actividade, sempre que estean dentro do período subvencionable, e ata o mes de setembro de 2013.

4. As solicitudes de axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar deberanse presentar no prazo xeral establecido no artigo 13.2 desta orde.

Artigo 11. Incremento dos incentivos

As contías máximas das axudas do programa regulado nesta orde incrementaranse nun 25 %, nos casos de que a empresa teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Capítulo III
Competencia e procedemento

Artigo 12. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as subvencións previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, corresponderalles ás persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no respectivo ámbito provincial onde a entidade solicitante desenvolva a súa actividade empresarial ou profesional, segundo consta na alta do imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Cando a actividade se desenvolva en máis dunha provincia desta comunidade autónoma, será competencia da persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia en que estea radicado o domicilio social da empresa.

Artigo 13. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes dirixiranse ao órgano competente para resolver e poderán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Tamén se poderán presentar en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión está incluída no prazo de presentación de solicitudes da orde de convocatoria.

2. O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2013 e respectaranse, en todo caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de subvención.

Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de subvencións, establecidos nos artigos 6.5, 7.4 e 13.3 desta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da alta na Seguridade Social, mutualidade de colexio profesional ou de inicio de actividade. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As solicitudes de subvención á xeración de emprego estable e de subvención financeira polas actuacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2012 e a data de publicación desta orde, aínda que transcorrese o prazo establecido nos artigos 6.5 e 7.4, será dun mes contado desde a data de publicación desta orde.

4. As solicitudes estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://traballo.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es

Para a formalización das solicitudes de subvención poderá empregarse a aplicación informática de axuda facilitada pola Consellería de Traballo e Benestar na súa páxina web, na epígrafe de axudas e subvencións.

5. Para a presentación de solicitudes de axudas as persoas ou entidades beneficiarias poderán contar co asesoramento dos e das axentes de emprego e desenvolvemento local da rede coordinada pola Consellería de Traballo e Benestar.

Artigo 14. Autorizacións

1. A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; para iso deberá entregar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Mediante a presentación da solicitude de subvención a entidade solicitante presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo e Benestar para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros, con domicilio na rúa Domingo Fontán, 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. Coa presentación da solicitude de subvención a entidade interesada autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario a que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención.

4. A persoa interesada pode autorizar expresamente na solicitude a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos no sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle de que os datos persoais recollidos na solicitude se incorporarán ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» para o seu tratamento coa finalidade da xestión, avaliación, seguimento e estatística deste programa. A presentación da solicitude supón a cesión de datos persoais á Consellería de Traballo e Benestar por parte da entidade solicitante, polo que esta é responsable de informar a persoa traballadora sobre a existencia e finalidade da cesión, así como da obtención do seu consentimento. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei pódense exercer dirixindo un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, como responsable do ficheiro, no enderezo Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou no seguinte enderezo electrónico: lopd.traballo@xunta.es

Artigo 15. Documentación

1. As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberá xuntarse orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona.

2. Ás solicitudes de axudas deberá xuntarse a seguinte documentación común para todas as axudas:

a) Autorización á Consellería de Traballo e Benestar, segundo modelo anexo I, para a consulta dos datos de identidade, DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante, no Sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

No caso de non presentar esta autorización, deberase achegar o DNI ou o NIE.

b) De ser o caso, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

c) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

d) Memoria económica e descritiva do proxecto empresarial, asinada pola persoa representante da empresa, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade, o currículo das persoas promotoras, o número de empregos creados e que se crearán, os aspectos técnicos de produción e comercialización, o orzamento de investimento, o plan de financiamento que acredite a viabilidade da iniciativa empresarial, as medidas de seguridade e saúde laboral e de prevención de riscos e a adecuación en materia de protección do ambiente segundo a localización e a actividade empresarial.

e) Listaxe asinada, unha para cada axuda solicitada, coa relación dos investimentos, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas en firme ou pro forma, orzamentos e demais documentos xustificativos do investimento realizado ou que se vai realizar e da axuda solicitada, segundo o modelo anexo III desta orde.

Esta listaxe non será necesario presentala coas solicitudes de subvención á xeración de emprego estable.

f) Declaración que comprenda o conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores, segundo modelo anexo IV.

g) Documentación acreditativa de estaren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denega expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

h) Se é o caso, documentos que acrediten a pertenza aos colectivos polos cales se solicita a subvención, certificación do Servizo Público de Emprego Estatal do feito do esgotamento da prestación por desemprego de nivel contributivo e/ou do subsidio de desemprego e data de remate da súa percepción, acreditación de ser emigrante retornado ou retornada, ou certificación da concorrencia das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos en risco ou en situación de exclusión social.

3. Documentación específica:

a) Subvención á xeración de emprego estable:

– Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido ocupados por colectivos beneficiarios e relación nominal deles con indicación da data de incorporación efectiva segundo o modelo anexo II.

– Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.

– Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais de dúas anualidades de cada persoa traballadora por conta allea pola cal se solicita subvención, segundo modelo anexo II desta orde.

b) Subvención financeira:

– Contrato de préstamo ou, no seu defecto, compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin, segundo o modelo do anexo V.

– Plan de investimentos xunto coas facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos activos que se vaian ter en conta para acreditar o requisito do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se vaia realizar e o destino do préstamo.

– No suposto de adquisición de vehículos comerciais ou industriais, tarxeta de ITV.

– Declaración do número de empregos estables creados ou que se crearán ata o 30 de setembro de 2013 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención segundo o modelo anexo II.

c) Subvención para asistencia técnica.

– Memoria descritiva da medida de apoio solicitada en que consten, entre outros, a xustificación da súa necesidade para o desenvolvemento da actividade empresarial e o orzamento desagregado por conceptos, por proposta dos servizos que se van desenvolver e o calendario previsto para súa realización, así como a conformidade da empresa, entidade ou persoa física que vai prestar o apoio e a aceptación do solicitante.

– Documentación acreditativa da solvencia profesional da persoa, física ou xurídica, que prestase ou prestará o servizo de apoio.

– Documento acreditativo da contratación das medidas de apoio en que conste o seu importe, facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, se é o caso, facturas pro forma ou orzamento expedido pola persoa ou entidade que vai prestar o servizo de apoio.

– De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto legislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

d) Subvención para o inicio de actividade:

– Orzamento dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles a que se vai destinar a subvención.

– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

– Declaración do número de empregos estables que se crearán ata o 30 de setembro de 2013 e relación nominal das persoas que os vaian ocupar, con indicación daquelas polas cales se solicita a subvención segundo o modelo anexo II.

e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

– Libro de familia co nome das persoas titulares da familia e dos fillos e fillas menores de tres anos e nome, apelidos e número de DNI do cónxuxe. De ser o caso, documentos acreditativos do carácter monoparental da familia.

– Documento acreditativo do custo da mensualidade da gardaría.

– Facturas e, no caso de estaren efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, das mensualidades xa aboadas na data da solicitude.

4. Esta documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 16. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Traballo e Economía Social da correspondente xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase rexeitada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Dado que esta axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión será informada a entidade beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria do Fondo Social Europeo implicará a súa aparición na lista pública cos nomes das entidades beneficiarias, das operacións e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007).

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta orde. En todo caso respectaranse as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación de 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberá terse realizado antes do 20 de decembro de 2013.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación, e deberán esatar emitidas, en todo caso, ata o 20 de decembro de 2013.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria.

4. As persoas e entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión ou, se é o caso, ata o 20 de decembro de 2013.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación do orixinal, ou fotocopia compulsada ou cotexada, no prazo, nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A. Documentación xeral para todos os tipos de axuda:

– Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

– Documentación acreditativa de estaren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que quen solicita lle denega expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

– Declaración complementaria da establecida no artigo 15.2, letra f) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores segundo modelo anexo IV.

B. Documentación específica:

a) Subvención á xeración de emprego estable:

– Última nómina aboada a cada persoa traballadora por conta allea pola que se concedeu a subvención.

– Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato segundo modelo anexo VI.

b) Subvención financeira:

– Copia do contrato de préstamo.

– Listaxe asinada coa relación dos investimentos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos do investimento realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo III desta orde.

– Facturas xustificativas da realización do investimento en inmobilizado material ou intanxible e documento bancario acreditativo do seu pagamento.

– Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

c) Subvención para asistencia técnica:

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo III desta orde.

– Facturas da empresa, entidade ou persoa física, e documentos bancarios acreditativos do efectivo pagamento do servizo recibido.

– Informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudo de mercado ou similar, presentarase copia del.

d) Subvención para o inicio da actividade:

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo III desta orde.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

– Documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocuparen os empregos estables creados tidos en conta para o cálculo da subvención.

e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras:

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda concedida, segundo o modelo anexo IV desta orde.

– Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

6. Cando concorran varias axudas ou subvencións, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude, á opción da entidade ou persoa interesada.

8. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Capítulo IV
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa.

3. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos programas de apoio a iniciativas de emprego de base tecnolóxica e de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego convocados pola Consellería de Traballo e Benestar.

4. A subvención pola xeración de emprego estable será incompatible coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Traballo e Benestar. Os ditos incentivos serán compatibles, de ser o caso, coas axudas ou bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 20. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Traballo e Benestar, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se xuntará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión, e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto de subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as entidades beneficiarias garantirán a dispoñibilidade dos documentos xustificativos dos gastos e dos investimentos realizados e tidos en conta para a determinación da contía da subvención, e da xustificación da realización da actuación subvencionada, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar, así como, se for o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Neste sentido, a entidade beneficiaria deberá presentar para o pagamento da subvención concedida á xeración de emprego estable a xustificación do cumprimento da obriga de informar o traballador ou traballadora acerca da subvención do seu contrato, no modelo anexo VI desta orde. Así mesmo, a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o previsto no artigo 17.5 desta orde.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas nesta orde cando no período de dous anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora polo cal se concedeu a subvención, están obrigadas, no prazo de dous meses, a cubrir a vacante cun tempo de dedicación igual ao anterior, e a nova persoa traballadora debe pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa, polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Para o suposto da cobertura destas vacantes poderanse admitir as transformacións de contratos temporais en indefinidos de persoas traballadoras vinculadas temporalmente á empresa, sempre que a baixa do traballador ou traballadora substituído/a se realice unha vez transcorrido o primeiro ano desde a súa incorporación á empresa.

Transcorridos dous anos desde a data de inicio da súa actividade, as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán, dentro dos tres meses seguintes, unha relación da variación das altas e baixas do persoal da empresa durante eses dous anos.

3. As empresas beneficiarias das subvencións do Programa de iniciativas emprendedoras e do emprego, regulado nesta orde, deberán manter a forma xurídica pola que se lles concederon as subvencións durante un tempo mínimo de dous anos desde que se iniciou a actividade.

4. As entidades beneficiarias do artigo 3.1 asumen a obriga de manter a achega ao capital social e, como mínimo, a súa porcentaxe de participación no capital social durante o mesmo período, referido aos promotores ou promotoras que creasen o seu propio posto de traballo na empresa. A transmisión voluntaria por actos inter vivos de participacións sociais ou accións do capital social soamente se poderá facer a favor de persoas físicas e sen que, neste caso, se supere o máximo de cinco persoas físicas socias da empresa. Esta transmisión deberá ser comunicada por escrito ao órgano concedente da subvención.

Co obxecto de acreditar o cumprimento desta obriga, a empresa beneficiaria das subvencións, transcorridos dous anos desde o inicio da súa actividade, achegará ao órgano concedente certificación do Rexistro Mercantil sobre as variacións no capital social desde a data da constitución da sociedade, e declaración do órgano de administración da sociedade con relación á información que conste no libro de socios/as respecto á titularidade e as alteracións producidas desde a data da constitución.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a revogación das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como no caso de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. No caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, respecto da obriga establecida no artigo 20, punto 1, letra a), de manter a actividade empresarial durante polo menos dous anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos dezaoito meses, e que o beneficiario acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

4. Entenderase que se produce un incumprimento parcial e, polo tanto, procederá o reintegro parcial de todas as subvencións percibidas en función da persoa traballadora da que se trate, cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 20, punto 2, por cada contratación subvencionada e non substituída. Tamén procederá o reintegro parcial pola diferenza cando o traballador/a substituto/a sexa dun colectivo diferente ao substituído e lle corresponda unha subvención inicial inferior.

5. No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 20, puntos 3 e 4, de manter a forma xurídica e a porcentaxe do capital social durante polo menos dous anos, procederá o reintegro parcial das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos, sempre que o incumprimento se producise transcorridos dezaoito meses.

6. No suposto da subvención financeira, entenderase que se produce un incumprimento total cando o préstamo se cancele ou se amortice parcialmente antes de transcorrer dezaoito meses contados desde a data da formalización do préstamo, e parcial cando, transcorridos os dous anos, a entidade beneficiaria solicite autorización ao órgano concedente para a súa cancelación ou amortización parcial e os xuros devindicados sexan inferiores á subvención concedida. Neste caso, deberá reintegrar a parte da subvención financeira non xerada.

Artigo 23. Exclusións

1. Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social ou, de ser o caso, en mutualidade profesional, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas en que participasen persoas ou entidades que, pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

b) Os promotores e promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social.

c) As persoas ou empresas que percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo, iniciativas locais de emprego ou iniciativas de emprego de base tecnolóxica, nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día do pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos números 2 e 3 anteriores, para obteren a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 24. Seguimento e control

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 25. Axudas baixo condicións de minimis

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, establecidos no Regulamento CE 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L 379, do 28 de decembro). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión.

Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada, e non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros, cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) 1407/2002.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Traballo e Benestar levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e o seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo e Benestar para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

A Consellería de Traballo e Benestar poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstos nesta orde, agás aquela que, de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Disposición adicional terceira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar nas persoas titulares das xefaturas territoriais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios/as, respecto das resolucións concesorias, das cales traen causa, ditadas por delegación da persoa titular da consellería. Así mesmo, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para a tramitación e resolución dos expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta

A concesión das subvencións previstas para o ano 2013 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de Traballo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

En virtude do anterior, no exercicio económico 2013, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.322C.472.0, código de proxecto 2013 00534, cun crédito de 4.445.360,00 euros. Estas contías están recollidas na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Disposición adicional quinta

O Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) é cofinanciable polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, no eixe 1 e tema prioritario 62, e no eixe 2, tema prioritario 80, do programa operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola Decisión da Comisión Europea do 18 de decembro de 2007, no marco de programación 2007-2013. Este cofinanciamento do Fondo Social Europeo farase constar nas resolucións de concesión.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file