Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 27 de agosto de 2013 Páx. 34331

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, e se convocan para o ano 2013.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do devandito Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito dos galegos a vivir e traballar na súa propia terra.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia veu desenvolvendo, principalmente a través da Secretaría Xeral da Emigración, numerosas medidas de apoio aos galegos e galegas residentes no exterior que axuden a manter os seus vínculos de relación e pertenza, especialmente co fin de favorecer o seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia de modo que poidan fixar a súa residencia, integrarse e, se é o caso, realizar nela as súas actividades profesionais, empresariais ou laborais.

Entre estas medidas, e coa finalidade de promover o retorno dos emigrantes galegos e dos seus familiares como fórmula eficaz de reincorporación á sociedade galega, esta secretaría xeral considera de interese apoiar o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, mediante o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, mediante a convocatoria de subvencións para axudar a sufragar os gastos de primeiro establecemento, tales como gastos de notario e rexistro, taxas, licenzas administrativas, material de oficina non inventariable e honorarios profesionais.

De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei, a convocatoria tramitarase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención irán sendo atendidas na medida en que se vaian presentando, sen comparación con outras solicitudes ata o esgotamento do crédito dispoñible, establecendo uns requisitos básicos nos cales se fundamenten as resolucións sobre as peticións que se reciban.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, naqueles preceptos que sexan básicos e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na normativa que a desenvolve,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto establecer as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración, en réxime de concorrencia non competitiva, coa finalidade de promover o retorno das persoas emigrantes e dos seus familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos iniciais que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2013.

Artigo 2. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro de 2013.

Artigo 3. Desenvolvemento e aplicación

O secretario xeral da Emigración poderá ditar todas as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta convocatoria e as súas bases reguladoras.

Artigo 4. Financiamento

Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito total de cincuenta mil euros (50.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.470.0. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Artigo 5. Recursos

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2013

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o retorno das persoas emigrantes e dos seus familiares a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e dos seus familiares na Comunidade Autónoma galega, subvencionando os gastos iniciais que leva consigo o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario e se cumpran as garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

Para estes efectos, a concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia a indicada circunstancia, o que comportará a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas:

1. As persoas galegas e nacidas en Galicia que residindo fóra de España retornen á Comunidade Autónoma galega.

2. Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e fillos/as, das persoas galegas e nacidas en Galicia con residencia no estranxeiro, que residindo fóra de España se establezan na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para os efectos do establecido neste punto, terá a condición de parella de feito a que figure inscrita como tal no correspondente Rexistro de Parellas de Feito de Galicia regulado polo Decreto 248/2007, do 20 de decembro.

Artigo 3. Requisitos

1. Requisitos comúns.

Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 2 destas bases.

b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.

c) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a data da súa alta na Seguridade Social ou utualidade do colexio profesional.

d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1 Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:

a) Ser titular ou copartícipe dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens de nova creación.

b) Terse dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2013.

2.2. Socios/as traballadores/as de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado:

a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e/ou inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

b) Afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2013.

c) Ao menos un/unha dos/as socios/as traballadores/as deberá ter a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no artigo 2 destas bases.

Artigo 4. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os gastos de primeiro establecemento tales como gastos de notario e rexistro, taxas, licenzas administrativas, material de oficina non inventariable e honorarios profesionais xerados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 e a finalización do prazo de xustificación recollido nesta resolución. Quedan excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación.

Artigo 5. Contía máxima da subvención e concorrencia de axudas

1. O importe da subvención concedida será dun 80 % do gasto subvencionable segundo o orzamento presentado, ata unha contía máxima de 3.000 euros, para o caso de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia e de 5.000 euros, para o caso de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado.

As ditas contías máximas incrementaranse en 1.000 euros máis cando a persoa solicitante teña 39 ou menos anos.

2. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso, o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, as solicitudes tamén poderán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse no prazo que se indique na correspondente resolución de convocatoria.

3. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na presente resolución, o órgano competente requirirá a persoa solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixera se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación

1. Documentación xeral para todas as persoas solicitantes:

Xunto coa solicitude, presentada segundo o modelo normalizado recollido no anexo II desta resolución, as persoas solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

a) NIF da persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

b) Documentos xustificativos da condición de persoa beneficiaria do/a solicitante segundo o establecido no artigo 2 e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no devandito artigo, acreditación documental do vínculo do/a solicitante.

c) Certificado de empadroamento expedido polo concello en que resida a persoa solicitante no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de residencia, segundo o modelo que consta na propia solicitude.

d) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación oficial que acredite a data de retorno a España.

e) Alta no réxime de Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional que corresponda ou, no caso das sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado, afiliación da entidade na Seguridade Social e de cada unha das súas persoas traballadoras.

f) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

g) Memoria explicativa do proxecto empresarial e orzamento detallado dos gastos subvencionables de conformidade co disposto no artigo 4.

h) Datos bancarios (incluídos no modelo de solicitude).

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para a mesma actividade, polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, se é o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.

j) Declaración de non incorrer en prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria segundo o modelo normalizado que figura como anexo III desta resolución.

k) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

2. Cando a persoa solicitante sexa membro dunha sociedade civil ou comunidade de bens deberá achegar, ademais, contrato privado ou escritura pública de constitución da sociedade civil ou comunidade de bens.

3. Cando a persoa solicitante sexa socia traballadora dunha sociedade laboral ou cooperativa de traballo asociado deberá achegar, ademais:

a) NIF da entidade.

b) Certificado de inscrición da entidade no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia.

c) Certificado do representante legal da entidade acreditativo da condición de socia traballadora da persoa solicitante e de que conta con autorización para presentar a solicitude en representación da entidade.

4. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. No caso de que a persoa solicitante non autorice expresamente no modelo de solicitude normalizado ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos seus datos de identidade e de residencia, estará obrigada a achegalos nos termos previstos no artigo 7.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa solicitante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar a correspondente certificación nos termos previstos no artigo 7.

3. Xunto coa solicitude, as persoas interesadas xuntarán os documentos determinados no artigo 7, salvo que estes xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co establecido no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría publicará na súa páxina
web http://emigracion.xunta.es a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no
Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Artigo 9. Órgano competente

A Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno é o órgano encargado da instrución do procedemento de concesión de subvención, e correspóndelle ao secretario xeral da Emigración ditar a resolución de concesión ou denegación da axuda.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederanse a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos no artigo 2 desta resolución.

No caso de que o crédito establecido para esta subvención non xesa suficiente para proceder ao pagamento de todas as subvencións solicitadas aplicarase, como criterio de prioridade, a data de presentación do expediente completo.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluída a tramitación do expediente, o/a instrutor/a formulará a proposta de resolución, que se elevará ao secretario xeral da Emigración, quen, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

2. Segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, todas as resolucións serán notificadas de acordo co previsto no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e a notificación practicarase conforme o establecido no seu artigo 59.

Artigo 12. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver será de un mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da data de entrada do expediente completo no rexistro da Secretaría Xeral da Emigración. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez días hábiles contados desde o seguinte ao da súa notificación sen que a persoa solicitante comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento, adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. No caso de renuncia, o secretario xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado polo secretario xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 15. Xustificación

1. A actividade subvencionada deberá ser executada e xustificada antes do 15 de decembro de 2013.

Transcorrido o prazo establecido da xustificación sen que se presentase a documentación xustificativa, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa, de conformidade co establecido no 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A xustificación final da subvención dirixirase á Secretaría Xeral da Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña) e presentarase por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na concesión da subvención.

b) Relación numerada das facturas con identificación do acredor e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e data do seu pagamento, segundo o modelo do anexo IV desta resolución.

c) Facturas que soporten o gasto ou documento contable de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Todos estes documentos deberán presentarse en orixinal, fotocopia compulsada, ou formato electrónico admisible legalmente. As facturas, como calquera documento acreditativo que figure e se xunte á relación, deberán vir acompañadas dos documentos acreditativos de ter realizado os pagamentos do correspondente gasto a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento, aceptando a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a un total de 1.000 euros.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para a mesma actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións, segundo o modelo do anexo IV desta resolución.

e) No suposto de que a persoa solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar a documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 16. Pagamento da subvención

Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, a Secretaría Xeral da Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 17. Obrigas

Con carácter xeral, as persoas beneficiarias das subvencións convocadas por esta resolución quedan obrigadas a:

1. Acreditar o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas.

3. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta secretaría poderámodificar a resolución de concesión.

4. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais. Esta comunicación terá que efectuarse no momento que se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

6. As persoas beneficiarias quedan obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución á cal se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia de xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os que se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Novagalicia Banco 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Recursos

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación a lexislación básica do Estado sobre subvencións (Lei 38/2003, do 17 de novembro, e Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de desenvolvemento que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file