Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 17 de setembro de 2013 Páx. 36560

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se anuncia a convocatoria para o período 2013/14.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e na coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento (disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, modificada pola Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000, e mais pola Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas).

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu regulamento, correspóndelle a Agader a xestión dos recursos destinados á dinamización das áreas rurais de Galicia.

O Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 (PDR), aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión CE (2008) 703, do 15 de febreiro, e modificado por Decisión C (2010) 1227, do 5 de marzo, prevé no eixe 3 diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural, cuxa xestión corresponde a Agader. Esas medidas están financiadas, igual que as restantes que integran o PDR, polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), xunto con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado.

Dado que a promoción do desenvolvemento rural galego debe abordarse desde unha perspectiva integral, prevese, dando continuidade á liña de proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, o apoio a actuacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables que Agader vai materializar a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, aos concellos de Galicia. As subvencións centraranse na seguinte medida:

3.2.1. Servizos básicos para a economía e a poboación rural.

No contexto do chequeo médico da PAC e do Plan europeo de recuperación económica (PERE), foi modificado o Regulamento (CE) nº 1698/2005, polos regulamentos (CE) nº 74/2009 e nº 473/2009, que introducen unha serie de operacións específicas asociadas aos novos retos no artigo 16 bis. Para este tipo de operacións, modificouse o artigo 70.4 do citado regulamento que permite que a porcentaxe de cofinanciamento Feader poida incrementarse para as rexións de obxectivo converxencia ata o 90 %. A modificación do Programa de desenvolvemento rural de Galicia aprobada por Decisión C (2010) da Comisión, do 5 de marzo, inclúe como un dos novos retos o fomento das enerxías renovables, que se implementará a través da medida 321 do PDR. Dada a exixencia da Comisión de establecer unha demarcación clara coas actuacións financiadas na Comunidade Autónoma mediante fondos Feder/Feader, Agader asinou un convenio de colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no que se concretan as actuacións que financiará cada unha das partes.

As operacións da medida 321 que poidan afectar a competencia están amparadas no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE (actuais artigos 107.1 e 108.1 do TFUE) ás axudas de minimis (DOUE do 28 de decembro, L379).

O réxime de pagamentos parciais e anticipos aplicables está autorizado polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de agosto de 2013.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é unha entidade pública instrumental das sinaladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O seu director xeral ten delegada a aprobación dos procedementos de selección de actuacións con cargo aos recursos que lle sexan asignados para o desenvolvemento do medio rural, así como a súa xestión orzamentaria e a súa distribución, segundo o Acordo do Consello de Dirección do 21 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo).

De acordo co anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia 2013/14 para proxectos de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables promovidos polos concellos, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR 2007-2013, que se xuntan a esta resolución como anexo I.

2. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do período 2013/14 que se xuntan a esta resolución como anexo II.

3. Convocar para o período 2013/14, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidas polos concellos.

Artigo 2. Financiamento

A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de 800.000 euros, que se distribuirá do seguinte xeito:

Medida

Anualidade 2013

Anualidade 2014

Importe
total (€)

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

32120. Novos retos. Enerxías renovables

400.000

400.000

800.000

12-A1-712A-7600

2013 00006

Total

800.000

800.000

Este crédito está cofinanciado nun 90 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da medida 321 do eixe 3 Mellora da calidade de vida nas zonas rurais e diversificación da economía rural, do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación xustificativa

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse segundo os modelos do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os citados modelos poderán descargarse na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es e na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de cinco meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificado a resolución expresa.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras.

1. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de xuño de 2014.

2. A 30 de novembro de 2013 deberá estar executado e xustificado correctamente o investimento correspondente a anualidade 2013. O feito de non xustificar correctamente esta anualidade devirá en perda do dereito á axuda da dita anualidade.

Na resolución de concesión da axuda recollerase de forma expresa a súa distribución da mesma por anualidades.

Disposición adicional primeira

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Disposición adicional segunda. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web de Agader http://agader.xunta.es

b) No teléfono 981 54 73 82.

c) Presencialmente, previa cita no teléfono 981 54 73 82.

Disposición derradeira primeira

O director xeral de Agader poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación e execución destas bases reguladoras.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2013

P.D. (Diario Oficial de Galicia número 134, do 11 de xullo de 2007)
Antonio Crespo Iglesias
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Anexo I
Bases reguladoras das subvencións a proxectos dinamizadores das áreas rurais
de Galicia 2013/14 promovidos polos concellos para proxectos de aforro
enerxético e fomento do uso das enerxías renovables

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse ao uso da enerxía solar fotovoltaica ou térmica en cubertas de instalacións municipais ou pérgolas dunha altura mínima de 2 metros con utilidade funcional amais da de soportar os paneis. As instalacións de enerxía solar fotovoltaica poderán ser illadas ou non illadas.

Artigo 2. Requisitos e regras xerais

Todos os proxectos deberán cumprir os requisitos seguintes:

1. Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Os solicitantes poderán iniciar a execución do proxecto antes da resolución de concesión da subvención sempre que acrediten que non está iniciado na data de solicitude da axuda, ben cunha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra ou instalación ou ben cunha acta de non inicio levantada por Agader por petición do interesado. Non obstante, consideraranse subvencionables os gastos realizados con anterioridade á solicitude, a título de abastecemento de materiais, sempre que a montaxe, instalación ou incorporación in situ non tiver lugar antes da presentación da solicitude ou do levantamento da acta de non inicio, así como os gastos correspondentes a honorarios de redacción de proxectos.

2. Que se desenvolvan no territorio de Galicia exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos, definidos como tales no planeamento urbanístico vixente, das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

4. Que sexan viables financeiramente.

5. Que se axusten á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

6. Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

7. Que o promotor do proxecto non teña sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate de presentación das solicitudes.

Artigo 3. Conceptos subvencionables

Con carácter xeral, serán subvencionables os seguintes conceptos:

1. Os gastos de instalación, así como os de adquisición de equipamento e material necesarios para a execución do proxecto, ata o valor de mercado.

2. Custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen, entendendo por tales honorarios de redacción de proxectos e de dirección de obra. O importe total dos custos xerais non poderá superar o 10 % do gasto subvencionable.

3. No caso de que o proxecto se vaia executar enteira ou parcialmente con medios propios estes serán considerados como un gasto elixible máis do proxecto e xustificaranse mediante nóminas, documentación acreditativa da porcentaxe do tempo dedicado polo traballador á execución do proxecto, así como a documentación acreditativa do pagamento das nóminas, cargas sociais e retención do IRPF. Porén, nestes casos o procedemento para a autorización e aprobación do gasto é específico. O promotor, no momento da súa solicitude, debe poñer de manifesto a súa vontade de executar o proxecto con medios propios, debendo aparecer estes coma unha partida independente e detallada no modelo A, achegando a seguinte documentación:

a) Orzamento completo do proxecto de obra, é dicir, con medicións e cadros de prezos números 1 e 2.

b) Informe elaborado polo técnico redactor do proxecto en que se describa en que vai consistir tal achega, diferenciando se se trata dunha execución con medios propios para todo o proxecto ou ben para unidades de obra concretas:

1º. Cando a entidade local asuma a execución de todo o proxecto, deberase achegar o documento do proxecto «Xustificación de prezos» no que se totalizará o número de horas necesarias por categorías para a súa realización.

2º. Cando a execución con medios propios se produza en unidades de obra concretas, o técnico redactor terá que especificar en cada unha das unidades o número de horas de persoal e maquinaria propia.

c) O custo horario da man de obra deberá calcularse con base no custo que supoñen para o promotor as nóminas dos traballadores cos que vai executar a obra.

d) O custo horario da maquinaria corresponderase co custo de maquinas similares segundo unha base obxectiva de prezos cuxa referencia deberá incluírse no orzamento para consulta, comprobación e aprobación por parte de Agader.

e) Breve memoria en que se acredite a capacidade técnica ou cualificación profesional que garanta que o investimento se pode realizar tal e como está previsto no proxecto técnico.

f) Certificado do secretario do concello en que quede acreditado que se dispón dese persoal e a porcentaxe da xornada laboral que se vai dedicar ao proxecto.

A execución con medios propios deberá recollerse no orzamento presentado coa solicitude, e non se admitirán posteriores inclusións nin modificacións ao alza.

Artigo 4. Conceptos non subvencionables

Con carácter xeral, para todas as operacións, non son subvencionables:

1. O IVE, posto que os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello.

2. Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

3. Os gastos anteriores ao levantamento dunha acta de non inicio, a excepción dos gastos recollidos no artigo 2, punto 1, destas bases.

4. A reposición ou mera substitución de equipamento.

5. Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

6. As obras de mantemento.

7. As taxas e licenzas administrativas.

Artigo 5. Normas específicas

1. A potencia máxima subvencionable dos proxectos de enerxía solar fotovoltaica será de 50 kWp cando se trate de instalacións non illadas e de 10 kWp se son illadas.

2. Os proxectos de instalación solares fotovoltaicas illadas deberán xustificarse adecuadamente pola dificultade ou imposibilidade de conexión á rede de distribución sen implantación de novas liñas eléctricas, ou pola idoneidade desta solución con respecto a outras alternativas de abastecemento eléctrico.

3. A superficie máxima subvencionable para proxectos de enerxía solar térmica será de 200 m2 de paneis se o destino da enerxía é o quentamento de piscinas, 100 m2 se é para polideportivos e 50 m2 para o resto das edificacións

4. No caso da enerxía solar térmica, non serán subvencionables aquelas instalacións dedicadas á xeración de auga quente sanitaria (AQS) ou climatización de piscinas que sexan obrigatorias en virtude do documento básico HE 4 Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE), aprobado polo Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, independentemente da porcentaxe de contribución solar que cubra a instalación solar proxectada nestes usos. Para instalacións afectadas polo CTE que tamén se dedican a outras aplicacións non obrigadas pola normativa, só se poderá obter axuda pola parte correspondente a estas últimas aplicacións.

5. Os custos máximos elixibles para proxectos de instalacións fotovoltaicas non illadas serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (€/kWp)

P ≤ 20 kWp

3.500-50×P

P ≥ 20 kWp

2.500

P: potencia pico total da instalación (kWp).

6. Os custos máximos elixibles para instalacións fotovoltaicas illadas con acumulación (baterías) serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (€/kWp)

P ≤ 5 kWp

6.000-200×P

P ≥ 5 kWp

5.000

P: potencia pico total da instalación (kWp).

7. Os custos máximos elixibles para instalacións de enerxía solar térmica serán os seguintes:

Rango de potencia

Custo máximo elixible (€/m2)

S ≤ 150 m2

1.000-2×S

S > 150 m2

700

S: superficie total da instalación (m2).

Artigo 6. Compatibilidade das subvencións

As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, polo tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que, para o mesmo proxecto ou finalidade, leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e a súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros ...).

Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

Artigo 8. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude os interesados deberán presentar a seguinte documentación, ben sexa por rexistro presencial ou ben a través da sede electrónica:

1. Certificación do secretario municipal da designación legal do representante da entidade solicitante.

2. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3. Fotocopia do NIF da entidade solicitante

4. Declaración, segundo documento normalizado (modelo A), doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto. No mesmo modelo tamén se declarará que non concorren as circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

5. Resumo do proxecto en documento normalizado (modelo A), que recolla a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto.

Os proxectos deberán recoller con claridade, e de xeito indubidable, os datos necesarios para poder aplicar os criterios de baremación (inclinación e orientación dos paneis sobre a cuberta en que se instalen, utilización que se vai dar as instalacións, potencia que se instalará, potencia/m2 paneis, kWh aforrados, T de CO2 evitadas, certificado de garantía da instalación etc.). En caso contrario, baremarase con 0 puntos o criterio correpondente.

Na enerxía solar térmica a potencia en kW calcularase a partir da superficie útil de captación (de apertura) e da curva de rendemento do panel, con temperatura de entrada 45 ºC, temperatura ambiente 15 ºC e 800 W/m2 de radiación, polo que se deberá achegar copia completa do ensaio de rendemento do colector solar empregado, que inclúa os seus coeficientes de rendemento, e que estea emitida por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa).

6. Orzamento detallado, agrupado por partidas, en documento normalizado (modelo A), dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

7. Plano do Sixpac indicando as coordenadas da actuación.

8. Documentación acreditativa da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto, ou da súa dispoñibilidade durante un período mínimo de cinco anos.

9. Proxecto técnico, anteproxecto ou memoria valorada da actuación.

10. Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma (artigo 11 do Decreto 11/2009).

11. No caso de que un concello presente máis dun proxecto deberá presentar un escrito en que se prioricen estes, tendo en conta que cada instalación é un proxecto e cada proxecto require unha solicitude de axuda.

12. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Artigo 9. Emenda

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da LRXAP.

Artigo 10. Non obrigatoriedade de presentar determinada documentación

Non será necesario que os solicitantes presenten a documentación que xa conste en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que indiquen o código de expediente ou outros datos que permitan localizala, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. De conformidade co previsto no artigo 15 da LSG, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega Agader publicará no DOG e na súa páxina web as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos de carácter persoal e da súa publicación.

2. Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a solicitude da axuda significa o consentimento para que os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso, sexan incluídos e feitos públicos no citado rexistro, que depende da Consellería de Facenda.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deberá emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar, entón, a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 12. Beneficiarios

Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións os concellos de Galicia.

Artigo 13. Tipo e intensidade da axuda

1. A intensidade da axuda será, como máximo, do 100 % do gasto subvencionable.

2. Un mesmo promotor non poderá recibir axudas por máis de cinco proxectos.

3. As axudas por promotor non superarán os 150.000 euros sumando as de todos os proxectos subvencionados. No caso de que a un promotor se lle aprobasen varios proxectos e se superase o límite máximo de axuda, o último proxecto aprobado segundo a orde de prioridade sinalado polo promotor quedará limitado na cantidade precisa para non superar o máximo de axuda total prevista (150.000 euros).

Artigo 14. Criterios de baremación

1. Localización xeográfica do proxecto: ata 10 puntos.

Valoraranse dous aspectos: 1) O nivel de desenvolvemento económico do concello medido pola renda familiar dispoñible por habitante (RFDH) do ano 2007; e 2) A variación da poboación do concello no período 2005-2010 segundo os datos do INE.

a) Asignación de puntuación para a RFDH (onde 100 é a media galega):

– Concellos cunha RFDH inferior ou igual a 70: 5 puntos.

– Concellos cunha RFDH maior de 70 e menor ou igual a 80: 4 puntos.

– Concellos cunha RFDH maior de 80 e menor ou igual a 90: 3 puntos.

– Concellos cunha RFDH maior de 90 e menor ou igual a 100: 2 puntos.

– Concellos cunha RFDH maior de 100: 0 puntos.

b) Asignación de puntuación para a variación da poboación:

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 10 %: 5 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 7,5 % e menor do 10 %: 4 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 5 % e menor do 7,5 %: 3 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior ao 2,5 % e menor do 5 %: 2 puntos.

– Concellos cunha caída da poboación igual ou maior que 0 e inferior a 2,5 %: 1 punto.

– Concellos que incrementan poboación: 0 puntos.

2. Enerxía solar térmica: ata 39 puntos.

a) Integración arquitectónica e/ou paisaxística (inclinación e orientación respecto da cuberta sobre a que vai instalada): ata 5 puntos.

b) Claridade expositiva e concreción do proxecto: ata 4 puntos.

c) Rateo investimento/potencia: ata 5 puntos.

d) Garantía da instalación (deberán achegarse as certificacións precisas): ata 5 puntos.

e) Eficiencia e calidade dos equipamentos utilizados (é necesario coñecer a potencia/m2 de panel): ata 4 puntos.

f) kWh aforrados en relación co investimento (acreditados mediante certificación do/a secretario/a municipal do consumo dos 12 meses anteriores á publicación da convocatoria): ata 8 puntos.

g) Grao de utilización da instalación (destino da auga quente): ata 8 puntos.

3. Enerxía solar fotovoltaica conectada á rede: ata 39 puntos.

a) Integración arquitectónica (inclinación e orientación respecto da cuberta sobre a que vai instalada): ata 5 puntos.

b) Claridade expositiva e concreción do proxecto: ata 4 puntos.

c) Rateo investimento/potencia pico instalada: ata 10 puntos.

d) Garantía da instalación (deberán achegarse as certificacións precisas): ata 5 puntos.

e) kWh aforrados en relación co investimento (acreditados mediante certificación do/a secretario/a municipal do consumo dos 12 meses anteriores á publicación da convocatoria): ata 10 puntos.

f) T de CO2 evitada en relación co investimento: ata 5 puntos.

4. Enerxía solar fotovoltaica illada: ata 39 puntos.

a) Integración arquitectónica (inclinación e orientación respecto da cuberta sobre a que vai instalada): ata 5 puntos.

b) Claridade expositiva e concreción do proxecto: ata 4 puntos.

c) Rateo investimento/potencia instalada: ata 10 puntos.

d) Garantía da instalación (deberán achegarse as certificacións precisas): ata 5 puntos.

e) kWh aforrados en relación co investimento (acreditados mediante certificación do/a secretario/a municipal do consumo dos 12 meses anteriores á publicación da convocatoria): ata 10 puntos.

f) T de CO2 evitadas en relación co investimento: ata 5 puntos.

5. Utilización do galego. Valorarase o compromiso de utilización da lingua galega por parte do promotor na execución e desenvolvemento do proxecto, de acordo co previsto no artigo 20.2.l) da LSG. Este compromiso formalizarase marcando a epígrafe correspondente no modelo A: 1 punto.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución realizaranse de oficio pola Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. As solicitudes serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios de adxudicación e baremación previstos nestas bases por unha comisión de avaliación.

A comisión de avaliación estará composta polo director xeral de Agader, ou persoa en quen delegue, que a presidirá; o secretario xeral de Agader, que actuará de secretario dela, con voz e sen voto; as/os titulares das subdireccións de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural e de Planificación e Dinamización do Medio Rural de Agader; dúas persoas nomeadas polo director xeral de Agader por proposta das consellerías competentes en materia de Medio Rural e Economía e Industria, esta última pertencente ao Inega.

3. Poderán excluírse os proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 15 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos da presente convocatoria.

4. Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención en función dos puntos obtidos na valoración, segundo os criterios recollidos nestas bases.

No caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o criterio de localización xeográfica e, en segundo lugar, a data de presentación da solicitude.

5. Unha vez avaliadas as solicitudes, a comisión de avaliación emitirá informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevaralle o dito informe xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

6. A proposta de resolución expresará de forma motivada a relación de proxectos para os que se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada proxecto, do beneficiario, medida do PDR en que se engloba, fontes de financiamento, importe e porcentaxe da subvención proposta respecto dos conceptos, a súa avaliación e os criterios de valoración seguidos para efectuala e mais, se é o caso, as condicións especiais que deban cumprirse para poder percibir a axuda. De ser o caso, contará cunha lista dos proxectos admitidos que non acadaron subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible. Así mesmo, expresará, de xeito motivado, a relación de proxectos para os que non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reunir os requisitos ou por non acadar a puntuación mínima necesaria.

7. No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 16. Resolución das solicitudes

O director xeral de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de cinco meses contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña notificado a resolución expresa.

Ademais de publicarse no DOG as subvencións concedidas ao abeiro destas bases, as notificacións vinculadas a este procedemento, ao tratarse dun procedemento selectivo de concorrencia competitiva e acolléndose ao recollido no artigo 59 da LRXAP, faranse a través do taboleiro de anuncios da sede da Agader (A Barcia, nº 56, Laraño, 15897 Santiago de Compostela) e na web de Agader http://agader.xunta.es

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a subvención é concedida en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe 3 do PDR de Galicia.

Notificada a resolución, os interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días, contados desde a notificación de concesión da subvención, para comunicarlle a Agader a súa aceptación expresa (modelo B).

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

2. Cando un beneficiario non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A non renuncia poderá conducir á instrución dun expediente sancionador en materia de subvencións. A solicitude de renuncia efectuarase no modelo C e Agader deberá pronunciarse para tal efecto.

3. O beneficiario está obrigado a respectar o destino do investimento, polo menos, os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

4. Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.

5. Os beneficiarios deben publicitar a concesión da axuda do seguinte xeito:

a) Se o investimento consiste en obra civil, mediante unha placa cos logotipos das administracións financiadoras. O tamaño mínimo da placa será A4 (297×210 mm).

b) Cando o orzamento da obra civil supere os 100.000 euros, o beneficiario colocará un valo publicitario durante a execución das obras, que non poderá retirar ata a visita de comprobación in situ. Para infraestruturas superiores a 500.000 euros o valo será permanente.

O 25 % do espazo, como mínimo, dos valos e placas estará ocupado pola descrición do proxecto, o logotipo do Feader e o lema: «Feader: Europa inviste no rural». Todas as actividades informativas e publicitarias incorporarán a bandeira europea e o lema anterior.

Agader facilitará modelos aos beneficiarios ao través da súa páxina web.

6. O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

7. Os beneficiarios estarán obrigados a levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado (artigo 75.1.c.i do Regulamento (CE) 1698/2005).

Artigo 18. Xustificación e pagamento das axudas

1. O beneficiario xustificará a subvención documentalmente, presentará toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes e solicitará o pagamento mediante a presentación do modelo F.

2. Para cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento. Agader selará as facturas indicando a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, indicando, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

b) Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

3. Non se admitirán pagamentos en metálico.

4. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

5. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

6. Cando o gasto subvencionable supere a contía establecida no artigo 183.3 do Real decreto 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público –50.000 euros cando se trate de contrato de obras, ou 18.000 euros cando se trate doutros contratos–, deberá presentarse certificación do secretario/interventor correspondente en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e a dispoñibilidade do expediente no concello para a súa comprobación.

7. Para os proxectos que requiran de licenza urbanística, o concello deberá achegar o acordo de aprobación do proxecto nos termos previstos no artigo 198.5 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural.

8. Cando o proxecto requira obra civil o promotor deberá xuntar á xustificación a/s correspondente/s certificación/s de obra asinada/s por técnico competente e aprobadas polo órgano de contratación.

9. No momento da xustificación final da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario volverá presentar a declaración contida no modelo A sobre o conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto.

10. Previamente ao pagamento, o beneficiario deberá acreditar novamente que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin é debedor por resolución de procedencia de reintegro. Esta acreditación farase mediante declaración responsable prevista no artigo 11 do Decreto 11/2009.

11. Para proceder ao pagamento final do expediente, o promotor deberá presentar os permisos, inscricións, informes de conformidade, e/ou licenzas requiridas pola normativa autonómica ou local para o tipo de actividade de que se trate.

12. Transcorrido o prazo establecido na convocatoria ou, de ser o caso, na resolución de concesión de prórroga, para a xustificación dos investimentos sen terse presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da LSG.

Artigo 19. Variacións nas partidas de gastos aprobadas

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas por Agader na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da subvención, Agader aceptará variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características e finalidade do proxecto, así como as condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida mediante o modelo correspondente (modelo D). En particular, a variación do orzamento aceptado por Agader –coa precisión sinalada no artigo 19– e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención. Unha vez recaída a resolución de concesión e, en todo caso, antes de que remate o prazo para a realización da actividade, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido.

2. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, procederase a rebaremar o proxecto, podendo, neste caso, dar como resultado unha modificación, á baixa, da subvención concedida ou a perda do dereito a ela.

3. Para a modificación da resolución de concesión non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

4. Os beneficiarios terán a obrigar de comunicar á Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

5. A modificación poderase autorizar sempre que:

a) A modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

b) Non exista prexuízo a terceiros.

c) Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuñan a denegación da axuda.

Artigo 21. Incumprimentos do proxecto

1. Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito ao cobramento da subvención.

2. Incumprimento parcial. Se a xustificación é superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, o beneficiario percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 22. Redución adicional

Cando o importe que derive da solicitude de pagamento presentada polo beneficiario exceda en máis do 3 % da comprobación efectuada por Agader sobre a admisibilidade dos gastos, aplicarase unha redución adicional pola diferenza entre ambos os importes.

Artigo 23. Comprobación de investimentos

As operacións de investimento incluirán unha visita in situ para comprobar o remate da operación obxecto da solicitude de pagamento. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

Artigo 24. Prórrogas

1. Se o beneficiario previse a imposibilidade de presentar no prazo establecido a xustificación final, poderá solicitar ao director xeral de Agader unha ampliación do devandito prazo, que non excederá da metade do inicialmente concedido nin do 30 de setembro de 2014.

2. A solicitude de prórroga deberá ter entrada no Rexistro Xeral de Agader antes de finalizar o prazo de execución e xustificación co obxecto de poder resolver dentro do dito prazo, de acordo co establecido no artigo 49.3 da LRXAP. Polo tanto, as solicitudes presentadas en prazo polos medios previstos no artigo 38.4 da LRXAP, pero que non tivesen entrada no rexistro xeral de Agader antes de finalizado o prazo de referencia, non serán tidas en conta. En calquera caso, a concesión de prórroga é potestativa de Agader e para a súa concesión o promotor ten que acreditar que o proxecto está iniciado.

3. A prórroga será denegada se non se acredita fidedignamente a adxudicación ou inicio material dos investimentos antes do 30 de maio de 2014.

Artigo 25. Principio de proporcionalidade por atrasos no pagamento dos investimentos

Sempre que o proxecto estea debida e completamente executado –cuestión que se verificará mediante o oportuno control in situ–, se teña efectuado o pagamento efectivo de, cando menos, o 25 % do orzamento aceptado, e iso elo estea xustificado dentro de prazo, tendo en conta os artigos 14.1.n) e 29.2 da LSG, aplicaráselles o principio de proporcionalidade aos pagamentos restantes que se fagan antes do 30 de outubro do ano en que teña que estar efectuada a xustificación correspondente, e sempre que estes pagamentos se xustifiquen antes de transcurridos 10 días naturais desde o cargo efectivo na conta corrente do beneficiario. Así, sempre e cando o pagamento dos gastos da actuación ou proxecto (xustificados mediante os documentos sinalados no punto 2 do artigo 18) se efectúe dentro dos 40 días naturais seguintes á data final de xustificación, os criterios de gradación para determinar a subvención que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que hai que reintegrar, quedan establecidos do seguinte modo:

a) Cando o pagamento se efectúe dentro dos primeiros 10 días naturais posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 5 % ao importe da axuda.

b) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 11 e 20 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 10 % ao importe da axuda.

c) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 21 e 30 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 25 % ao importe da axuda..

d) Cando o pagamento se efectúe entre os días naturais 31 e 40 posteriores á data límite de xustificación, aplicarase unha redución do 50 % ao importe da axuda.

e) Cando o pagamento se efectúe despois de 40 días naturais posteriores á data límite de xustificación, perderán o dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 26. Pagamentos á conta e anticipados

1. Poderán concederse pagamentos á conta e pagamentos anticipados de conformidade co disposto no artigo 31.6 da LSG, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009 e no artigo 56 do Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro.

2. De acordo co previsto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009 as administracións públicas locais están exoneradas da constitución de garantías bancarias previas; non obstante, os pagamentos a que se refire o parágrafo anterior supeditaranse á constitución dunha garantía escrita da súa autoridade competente (artigo 56.2 do Regulamento (CE) 1974/2006), a cal deberá acadar o 110 % do importe anticipado ou pagado á conta; a dita garantía recollerá de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado ou á conta.

3. A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que Agader autorice a súa cancelación, unha vez que o promotor acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

4. De acordo coa autorización do Consello da Xunta de Galicia do 29 de agosto de 2013 o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados poderá alcanzar o 100 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados sen que supere o 80 % do importe da axuda concedida. Poderán realizarse ata dous pagamentos á conta, ata un máximo do 80 % do importe da axuda.

5. Os beneficiarios das medidas de investimento poderán solicitar o aboamento dun único pagamento anticipado (modelo E), que non poderá superar o 50 % da axuda concedida nin a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 27. Moderación de custos

En aplicación do disposto no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 24.2.d do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698 do Consello, o órgano instrutor poderá comprobar, en calquera momento, e particularmente nas fases de instrución e de xustificación, a moderación dos custos ou valor de mercado dos gastos subvencionables e xustificados mediante a comparación de ofertas comerciais ou de custos de proxectos similares, prezos coñecidos de mercado ou por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da LSG.

Artigo 28. Reintegro da subvención

1. Procederá o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG. Estes xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución (Regulamento (UE) nº 937/2012 da Comisión, do 12 de outubro).

2. Tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento afecta o mantemento do ben, a cantidade que se vai reintegrar será proporcional ao tempo de incumprimento da actividade ou requisito exixido, aplicándose a razón do 3 % por cada mes de incumprimento, ata acadar os dous anos, transcorridos os cales deberán reintegrar a totalidade das cantidades cobradas.

3. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do Decreto 11/2009.

4. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

b) Catástrofe natural grave que afecte considerabelmente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 29. Non execución ou xustificación do proxecto

Aqueles beneficiarios das axuda que en 30 de xuño de 2014 non tivesen renunciado expresamente a ela e non executasen nin xustificasen o proxecto, sen causa debidamente xustificada e comunicada a Agader, quedarán excluídos das dúas seguintes convocatorias para proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia en que poidan ser beneficiarios.

Artigo 30. Réxime sancionador

Os beneficiarios das axudas, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 31. Normativa de aplicación

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras están previstas pola UE, rexeranse polas seguintes normas:

Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión C (2008) 703, do 15 de febreiro de 2008, e modificado por Decisión da Comisión C (2010), do 5 de marzo.

Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo europeo agrario de desenvolvemento rural (Feader), modificado polos regulamentos (CE) nº 74/2009, do 19 de xaneiro e 473/2009, do 25 de maio, do Consello.

Regulamento (CE) nº 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, modificado polos regulamentos (CE) nº 1175/2008, do 27 de novembro; 363/2009, do 4 de maio; 482/2009, do 8 de xuño; 108/2010, do 8 de febreiro, e 679/2011, do 14 de xullo, da Comisión.

Regulamento (CE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 no que respecta á aplicación dos procedementos de control e á condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural.

Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (BOE núm. 1, do 1 de xaneiro de 2010).

Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 32. Réxime de recursos

As resolucións dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da recepción da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de tres meses contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución é expresa. Se non o é, o prazo será de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo.

anexo ii
Formularios en modelos normalizados para a xestión da convocatoria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file