Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 20 de setembro de 2013 Páx. 37088

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 16 de setembro de 2013 pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Rías Baixas para as campañas 2013, 2014 e 2015.

A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes elevou a correspondente proposta relativa á solicitude de homologación dun contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas. A dita solicitude foi formulada, no que corresponde ao sector produtor, polos representantes das organizacións e asociacións agrarias Xóvenes Agricultores-ASAJA, Sindicato Labrego Galego e Federación Rural Galega-Asociación Galega de Viticultura. Polo que atinxe ao sector elaborador, a proposta veu avalada polas asociacións Asociación de Adegas do Salnés, Asociación Marcas Rías Baixas e Asociación Empresarios Bodegueros Rías Baixas, así como polas seguintes adegas: Viña Almirante, S.C.G.; Bodegas Eidosela, S.C.G. e Bodegas Martín Códax, S.A.U.

A dita proposta faise de conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento, e co fin de que os operadores do sector dispoñan dun instrumento útil para dotar de transparencia o mercado mellorando a concorrencia neste.

Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e en virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,

DISPOÑO:

Artigo 1. Homologación do contrato tipo da D.O. Rías Baixas

Homológase o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas, cuxo texto figura no anexo desta disposición.

Artigo 2. Período de vixencia

O período de vixencia da homologación deste contrato tipo será as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Contrato de compravenda de uva para a súa transformación en viño
na D.O. Rías Baixas
Campañas 2013, 2014 e 2015

..., ... de... de 20...

Reunidos:

Dunha banda, ..., de agora en diante o/a vendedor/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.

E doutra..., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., representado por..., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento do... de... de 20... no cal adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de... cos seguintes datos....

Recoñécense ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizaren este contrato e fano conforme as seguintes

Estipulacións:

Primeira. Obxecto do contrato

A compravenda de uva de vinificación das variedades albariño e caíño branco apta para a súa transformación en viño amparado pola D.O. Rías Baixas producida nas parcelas que se establecen como anexo I a este contrato, inscritas no Rexistro de Viñas do Consello Regulador; e que reúnan as seguintes condicións:

1. Condicións aplicables:

a) Grao alcohólico probable (% vol.): maior ou igual que 11.

b) Acidez máxima (g/l de ácido tartárico): 11,8. Este parámetro pode ser revisado en función da media que se acade segundo o estudo que faga a Comisión de Seguimento no mes de setembro.

2. Cantidade máxima: a correspondente aos metros cadrados que figuran no anexo I.

Se a uva non reúne algunhas das condicións expostas anteriormente, o/a comprador/a non estará obrigado a comprala.

Segunda. Duración do contrato

A vixencia deste contrato comeza o día da súa sinatura e remata o 31 de decembro de 2015, sendo revisable anualmente dentro do ano natural e antes da floración.

Este contrato poderá ser rescindido antes do 31 de xullo de cada ano, por mutuo acordo das partes. Este acordo será notificado á Comisión de Seguimento nun prazo de 7 días.

Terceira. Especificacións técnicas

O vendedor só poderá utilizar produtos fitosanitarios autorizados polo rexistro do ministerio correspondente, cumprindo sempre a normativa de rastrexabilidade vixente; tampouco poderá exceder as doses máximas recomendadas e debe respectar os prazos de seguranza de cada produto e a normativa de aplicación ao respecto.

Antes da vendima, os asinantes do contrato poderán comprobar o estado e a calidade dos froitos, para o cal poden tomar mostras, de cuxo resultado deben informar a outra parte.

Cuarta. Prezo

O prezo total que se aplicará neste contrato para uva que cumpra as especificacións da normativa reguladora da D.O. será o resultado de aplicar ao prezo libremente pactado entre as partes no anexo II o importe das primas por grao que se definen no anexo III deste contrato.

Con anterioridade suficiente á vendima de cada ano revisaranse as primas de acordo coas circunstancias que as partes consideren.

Quinta. Condicións de facturación e pagamento

O vendedor está obrigado a entregar factura ao comprador antes de que transcorran 30 días desde a recepción efectiva da mercadoría, conforme o artigo 4.1 da Lei 3/2004, na redacción dada polo Real decreto lei 4/2013, sendo a dita data o último día da entrega, co IVE correspondente e na cal figurará a cantidade de uva e o prezo pactado.

As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato pagaranse nos prazos que as partes establezan no anexo IV do contrato.

Sexta. Recepción, control e imputabilidade de custos

A cantidade de uva correspondente a este contrato será entregada na súa totalidade na adega ou nalgún dos puntos de recepción máis próximos ao das parcelas do/a vendedor/a, instalados para o efecto polo/a comprador/a. O control da calidade e peso do froito efectuarase no momento da entrada na adega ou punto de recepción. Poderá estar presente, para efectos deste control, unha persoa habilitada para o efecto polo/a vendedor/a. No caso de discrepancia entre as partes sobre as condicións de calidade do produto marcadas neste contrato, recorrerase a un/unha técnico/a designado polos interesados. Os gastos ocasionados correrán a cargo da parte que estivese errada na súa apreciación.

Sétima. Comisión de Seguimento

O control, seguimento e vixilancia do cumprimento do presente contrato, para os efectos dos dereitos e obrigas de natureza privada, serán realizados por unha comisión de seguimento constituída para o efecto. A dita comisión terá personalidade xurídica de seu e constituirase sen ánimo de lucro e con carácter representativo e composición paritaria entre os representantes dos produtores e das adegas da D.O. asinantes da solicitude de homologación do contrato-tipo a que se axusta este contrato.

A Comisión de Seguimento recibirá os contratos para a súa homologación ata o 30 de novembro de cada campaña.

Oitava. Indemnizacións

Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, o incumprimento deste contrato para os efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25 % do valor da produción, sempre que no dito incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facerse pola correspondente Comisión de Seguimento, dentro dos trinta días seguintes á recepción do comunicado pola parte afectada. O prazo para a comunicación da parte afectada polo incumprimento do contrato á Comisión de Seguimento de tal circunstancia será de 20 días naturais desde que se produce tal incumprimento.

Para o cálculo da indemnización usaranse os informes publicados, ao final da campaña, polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas relativos ás producións e graos medios da subzona en que estea/n inscrita/s a/s parcela/s deste contrato.

A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.

Novena. Arbitraxe

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non puider resolverse de mutuo acordo, ou pola Comisión de Seguimento a que se fai referencia na cláusula sétima, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e na data expresados no encabezamento deste contrato.

Asdo. O/a vendedor/a Asdo. O/a comprador/a

ANEXO I
Identificación de parcelas obxecto deste contrato

Concello

Lugar

Nome parcela

Polígono

Parcela-subparcela

Superficie

ha-a-ca

Variedade

ANEXO II
Prezo inicial

Variedade

Prezo €/K

Albariño

Caíño branco

ANEXO III
Primas por grao

Grao

11,0

11,1

11,2

11,3

11,4

11,5

11,6

Coeficiente

1,00000

1,00000

1,01176

1,01176

1,02353

1,02353

1,03529

11,7

11,8

11,9

12,0

12,1

12,2

12,3

12,4

1,03529

1,04706

1,04706

1,05882

1,07059

1,08235

1,09412

1,10588

12,5

12,6

12,7

12,8

12,9

13,0

1,11765

1,12941

1,14118

1,15294

1,16471

1,17647

ANEXO IV
Condicións de pagamento

Pagamento

Porcentaxe

Data

Primeiro

Segundo