Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38349

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 20 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas e de transferencia tecnolóxica por entidades asociativas vinculadas ao sector agrario, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007/2013, e se convocan para o ano 2013.

A Consellería do Medio Rural publicou o 15 de abril a Orde do 8 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas e de transferencia tecnolóxica por entidades asociativas vinculadas ao sector agrario. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) nº 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e enmárcanse dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007/2013, eixe 1, co código 111.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas durante o ano 2010 fixo conveniente introducir algunhas modificacións que afectaban o sistema de xestión, polo que a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 27 de decembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 8 de abril de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para o desenvolvemento de accións formativas e de transferencia tecnolóxica por entidades asociativas vinculadas ao sector agrario, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco PDR de Galicia 2007/2013, convocadas en concorrencia competitiva, e se convocan as axudas para o ano 2013.

A existencia de dúas ordes en que se regulan as bases da convocatoria anual das axudas aconsella a publicación nunha única orde das bases da convocatoria para que os solicitantes teña un só texto legal de referencia.

Así mesmo, procede realizar a convocatoria correspondente ao exercicio orzamentario 2013.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, e pola Lei 7/2002, do 27 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para 2013 de subvencións destinadas a financiar accións formativas e de transferencia tecnolóxica realizadas por entidades asociativas do sector agroforestal da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e dirixidas ás persoas asociadas, aos directivos e ao persoal das ditas entidades.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta orde as sociedades cooperativas agrarias, as de explotación comunitaria da terra, as sociedades agrarias de transformación, as asociacións de cooperativas e as de produtores, os consellos reguladores de produtos de calidade diferenciada, as asociacións profesionais do ámbito agrario, alimentario ou ligadas ao desenvolvemento rural, e as organizacións de produtores agrarios radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. As actividades subvencionables ao abeiro desta orde consistirán en cursos de formación e actualización profesional cuxa temática non sexa coincidente coa programación formativa da Consellería do Medio Rural e do Mar no mesmo ámbito territorial ou administrativo, e actividades de transferencia de tecnoloxía.

2. Os cursos de formación terán unha duración mínima de 20 horas lectivas e o número de alumnos non poderá ser inferior a 15 asistentes nin superior a 30. Poderán comprender unha viaxe didáctica relacionada co seu obxecto.

3. As actividades de transferencia de tecnoloxía poderán consistir en xornadas técnicas, seminarios ou demostracións. Terán unha duración non inferior a seis horas, un número mínimo de 15 asistentes e estarán vinculadas, preferentemente, coas actividades que se desenvolven nos centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e do Mar.

4. A temática das actividades subvencionables versará, preferentemente, sobre as seguintes materias:

a) Xestión empresarial e comercial.

b) Uso das tecnoloxías de información e comunicación.

c) Novas alternativas produtivas e certificacións de calidade no marco das producións de calidade diferenciada.

d) Produción agraria sustentable, agricultura ecolóxica e produción integrada.

e) Conservación de recursos fitoxenéticos autóctonos.

f) Incorporación de tecnoloxías innovadoras aos procesos de produción e transformación.

g) Fontes renovables de enerxía de uso agrario e biocarburantes.

h) Ordenación do espazo agroforestal e mobilización de terras agrarias.

Artigo 4. Contía das axudas

1. A subvención total máxima por curso de formación será de 6.000 euros, que se poderá elevar ata 9.000 euros/curso no caso de que este inclúa unha viaxe didáctica.

2. Nas actividades de transferencia de tecnoloxía a subvención máxima por acción será de 1.500 euros.

3. Estas axudas son incompatibles con calquera outra que poida ser solicitada ou concedida por outro organismo público ou privado destinada a estas mesmas accións formativas.

4. A contía da subvención que se vai conceder, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, poderá alcanzar o 100 % do gasto subvencionable determinado a partir do orzamento das actuacións, sen superar en ningún caso as contías máximas que se especifican nos puntos 1 e 2, nin o límite de 10.000 euros de subvención total por entidade.

Artigo 5. Financiamento

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 12.20.422L.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 e por un importe máximo de cento corenta mil seiscentos euros (140.600,00 euros).

2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 12,87 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente nun 12,13 %.

Artigo 6. Gastos subvencionables das actividades

1. Serán gastos subvencionables os que a continuación se relacionan:

a) Gastos de profesorado.

b) Gastos de seguros de accidentes do alumnado e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para afrontar os riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das actividades formativas. Así mesmo, poderán incluírse como subvencionables os seguros que sexan necesarios para cubrir posibles continxencias derivadas das actividades didácticas do profesorado, para o suposto de que tales continxencias non estean recollidas por ningunha relación de aseguramento.

c) Gastos en medios e material didáctico, textos e materiais dun só uso para o alumnado, así como o material funxible empregado durante as actividades.

d) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos de transporte e aloxamento motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa do curso ou da actividade formativa.

f) Gastos derivados do pagamento de entradas, guía e intérprete no caso de que a visita didáctica orixinase ese tipo de gasto.

g) Gastos de alugamento de instalacións e de maquinaria requiridos polo desenvolvemento da actividade.

h) Gastos de limpeza do lugar ou lugares de realización das actividades.

i) Gasto de publicidade da actividade.

k) O IVE no caso de que sexa real e definitivamente soportado polo beneficiario e, por tanto, non recuperable, agás no caso de que o beneficiario sexa un organismo de dereito público, xa que neste caso non será subvencionable a través da axuda Feader.

2. Só serán subvencionables os gastos de transporte e manutención do alumnado previstos no punto 1.e) do artigo 6.

Serán gastos subvencionables os que se executen con posterioridade á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e sexan xustificados no prazo sinalado para iso.

3. Os gastos non docentes de actividades formativas e de amortización ou arrendamentos de bens e edificios destinados a estas que non excedan o 25 por cento do importe total dos gastos subvencionables da operación. Consideraranse deste tipo os gastos previstos das letras b) a k) do número 1.

Artigo 7. Solicitudes

1. As entidades que, reunindo os requisitos sinalados nesta orde, desexen realizar as actividades descritas no artigo 2, deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I.

Os modelos de solicitude, independentemente da súa publicación como anexos a esta orde, poden encontrarse na web institucional da Consellería do Medio Rural e do Mar (www.mediorural.xunta.es), na epígrafe de axudas.

2. A solicitude será subscrita polo representante legal das entidades e xuntaráselle a seguinte documentación complementaria:

a) Fotocopia dos estatutos sociais.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

c) Fotocopia do NIF da entidade.

d) Ficha de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

e) Copia cotexada da póliza de seguro de responsabilidade civil referente ás dependencias onde se realizarán as actividades, se é o caso, ou no seu defecto compromiso de subscribir unha póliza de seguro de accidentes persoais que cubra a totalidade do alumnado asistente.

Deberá incluírse, se é o caso, documentación acreditativa da relación de aseguramento do profesorado.

f) Persoal técnico responsable da acción que se vai realizar. No caso das accións formativas e de divulgación e información, cadro do profesorado ou relatores que as vaian impartir, xunto coa copia compulsada do título académico, currículum vítae e relación das materias que vai impartir cada un.

g) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda.

3. Non obstante o disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

a) O anexo I de solicitude de axuda.

b) Ficha de cada actividade solicitada, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

c) Persoal técnico responsable da acción que se vai realizar.

d) Memoria explicativa da acción para a cal se solicita a axuda.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie ausencia desta información, e nestes casos emitirase resolución de inadmisión.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes e presentaraas pola entidade solicitante, que debe cumprir o disposto no artigo 7 da presente orde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes e a documentación complementaria enumerada no artigo 7 desta orde deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Se a documentación achegada estivese incompleta, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comezará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixese, se terá por desistido da súa petición, e procederase ao arquivamento das actuacións despois da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 42 e 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Información aos/ás interesados/as

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na epígrafe de axudas da páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar: www.mediorural.xunta.es

b) Nos seguintes teléfonos da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes: 981 54 66 62 e 981 54 66 93.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 12 00 12 (desde o resto do Estado).

Artigo 10. Órgano responsable da tramitación

O órgano responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta orde será a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes.

Artigo 11. Tramitación

1. Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de avaliación. A dita comisión de avaliación estará presidida polo subdirector xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica e dela tamén formarán parte como secretario un funcionario do Servizo de Formación Agroforestal e, como vogais, o xefe do Servizo de Formación Agroforestal, o xefe do Servizo de Transferencia Tecnolóxica, Estatística e Publicacións e un funcionario deste mesmo servizo. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos seus integrantes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o secretario xeral de Medio Rural e Montes.

2. A comisión de avaliación valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

a) Calidade do proxecto exposto na memoria en que se detalla o programa da actividade en función dos obxectivos perseguidos: ata 50 puntos. A referida calidade avaliarase segundo a existencia na memoria dos seguintes aspectos, claramente expostos, da actividade que se pretende desenvolver:

– Antecedentes: 3 puntos.

– Obxectivos: 5 puntos.

– Beneficios da actividade: 3 puntos.

– Persoas a que vai dirixida: 3 puntos.

– Experiencia da entidade neste tipo de actividades: 5 puntos.

– Contidos da actividade reflectidos no programa: 6 puntos.

– Nº de horas e nº de días que dura a actividade: 4 puntos.

– Cronograma da actividade: 4 puntos.

– Orzamento desagregado: 7 puntos.

– Medios didácticos que se empregarán: 3 puntos.

– Medios humanos que se empregarán: 3 puntos.

– Lugar de realización da actividade: 4 puntos.

b) Interese dos obxectivos que se perseguen coa actividade e da súa adaptación ás prioridades temáticas establecidas no artigo 4: ata 10 puntos.

c) Carácter innovador das actuacións que se van desenvolver: ata 15 puntos.

d) Solvencia técnica, determinada en función da experiencia acreditada pola entidade na realización de programas formativos ou de transferencia tecnolóxica: ata 15 puntos.

e) Desenvolvemento das accións en zonas de montaña ou desfavorecidas: 5 puntos.

f) Actividade dirixida fundamentalmente a mulleres: 5 puntos.

3. As solicitudes que non alcancen un mínimo de 25 puntos na alínea a) deste artigo, que valora a calidade da actividade, serán excluídas.

4. Para determinar a contía das axudas, a comisión poderá aplicar factores de redución sobre as cantidades solicitadas, en función dos gastos realmente subvencionables, da puntuación obtida na avaliación e do orzamento total dispoñible.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, logo da avaliación das solicitudes pola comisión. A dita avaliación conterá unha relación priorizada das solicitudes que se propoñen para ser financiadas co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación coas solicitudes avaliadas positivamente en lista de espera e a relación de solicitudes que se consideran non financiables.

2. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado por Feader e se enmarca dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, eixe 1, co código 111.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria non poderá exceder do 30 de novembro de 2013. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Cando o solicitante denegue expresamente o seu consentimento, deberá presentar a certificación nos termos previstos no artigo 20.3 da Lei de subvencións.

6. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

7. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Artigo 13. Recursos contra a resolución

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto expreso; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 14. Modificación da resolución, reintegro e redución das subvencións

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. No suposto de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado ao reembolso das cantidades percibidas como subvención mais os xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que debe reembolsarse.

3. As infraccións dos beneficiarios rexeranse polo establecido no título IV da Lei 9/2007.

4. Os pagamentos das axudas calcularanse con base no que se considere subvencionable durante os controis administrativos. O organismo competente examinará a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario e determinará os importes subvencionables de acordo co seguinte:

a) O importe que pode concederse ao beneficiario en función exclusivamente da solicitude de pagamento.

b) O importe que pode concederse ao beneficiario tras os controis da solicitude de pagamento.

Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 3 %, aplicarase unha redución ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da redución será igual á diferenza entre os dous importes citados.

Non obstante, non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Facer constar en todos os documentos e publicidade da actividade o anagrama da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) e de Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería do Medio Rural e do Mar, polo Magrama e polo Feader.

b) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

c) Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á acción de cooperación subvencionada, tal e como exixe o artigo 75.1.c).i) do Regulamento (CE) nº 1974/2006.

d) Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos, sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) nº 65/2011.

2. Antes do inicio das actividades formativas, as entidades beneficiarias remitiranlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes da Consellería do Medio Rural e do Mar unha comunicación en que se consignen os seguintes datos:

a) Planificación temporal e horaria do programa das actividades que se vaian realizar, datas exactas de inicio e remate e enderezo completo do lugar en que se desenvolverán.

b) A confirmación do persoal técnico que vai impartir a actividade.

c) Datos persoais, enderezo e teléfono da persoa responsable da coordinación e xestión directa da actividade.

d) Solicitude de asistencia de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo III.

3. Ao rematar a actividade formativa, as entidades beneficiarias terán a obriga de remitirlle á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes a seguinte documentación:

a) Xustificantes detallados do gasto segundo se indica no artigo 17.

b) Copia dos controis de presenza nas horas lectivas dos asistentes, segundo o modelo que se xunta como anexo IV, que serán asinados polo profesorado que imparta cada clase e polo persoal coordinador das accións subvencionables.

c) Un exemplar da publicidade empregada no curso cos anagramas correspondentes de cada publicación que se realice e do material didáctico utilizado ou distribuído entre os asistentes.

d) Seguimento das actividades subvencionables segundo o modelo que se xunta como anexo V, debidamente cuberto.

e) Unha enquisa acreditativa da avaliación da calidade da formación impartida, segundo o anexo VI.

Artigo 16. Controis administrativos e in situ.

1. O cumprimento de todos os compromisos contraídos e das obrigas legais estará sometido a control. As actividades de control consistirán tanto en controis administrativos como en inspeccións in situ, segundo o Regulamento (UE) nº 65/2011.

2. O expediente correspondente a cada beneficiario das axudas conterá toda a información relativa aos resultados dos controis administrativos e, se é o caso, das inspeccións in situ que xustifiquen que a concesión destas axudas se axustou ao que establece a normativa comunitaria que os regula.

Artigo 17. Xustificación e pagamento das subvencións

1. Para a xustificación e pagamento das subvencións procederase conforme o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Con carácter xeral, a xustificación da axuda de cada unha das actividades realizarase dentro dos quince días seguintes á súa finalización e coa data límite do 30 de novembro de 2013.

3. A xustificación da axuda para cada tipo de gasto subvencionable realizarase de acordo coas seguintes normas:

a) Presentación dos recibos ou facturas orixinais correspondentes aos gastos de profesorado ou relatores xunto coa fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Ao confeccionar o recibo terase en conta a retención aplicable no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

b) Presentación das facturas orixinais xustificativas dos gastos realizados. Xunto coas facturas, presentaranse os seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Con carácter xeral, os gastos xustificaranse mediante recibo, factura ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, xunto coa fotocopia do xustificante de ingreso ou transferencia bancaria na conta de cada perceptor. Non se admitirán os pagamentos en metálico.

d) As facturas orixinais deberán ter os distintos conceptos que inclúa e o IVE desagregados, ademais de reunir o resto dos requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación.

4. De acordo co establecido no artigo 24.2 do Regulamento (UE) nº 65/2011, da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas axudas ao desenvolvemento rural, os controis administrativos das solicitudes de axuda incluirán, entre outras cousas, a moderación dos custos propostos, que se avaliará mediante un sistema adecuado de avaliación. O sistema que se empregará para a moderación dos custos propostos polos beneficiarios na xustificación da axuda será:

a) Para os gastos de profesorado ou relatores, estes non superarán a contía de 60 €/hora.

b) Para o resto dos gastos realizados, a comparación de ofertas diferentes. Para tal fin, os beneficiarios das axudas deberán achegar coa xustificación:

1º. Tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

2º. Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Naqueles casos de custos de pouca contía, poderase substituír o sistema de comparación de ofertas diferentes pola referencia a prezos de mercado ou a bases de datos de prezos.

Malia o anterior, segundo o recollido no artigo 24.2 do Regulamento 65/2011 e no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano xestor poderá comprobar en calquera dos tres sistemas de moderación o valor de mercado dos gastos.

5. No momento da xustificación final do gasto o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das subvencións solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como doutros entes públicos ou privados, tanto das aprobadas e concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás subvencións reguladas nesta orde.

6. O persoal da Subdirección Xeral de Formación e Transferencia Tecnolóxica marcará cun selo os recibos e as facturas orixinais presentadas na xustificación, indicando o financiamento con fondos Feader e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención; sinalarase neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Disposición adicional primeira

En todo o non previsto nesta orde observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2997, de subvencións de Galicia, no Regulamento (CE) nº 1698/2005, del Feader, e nos regulamentos (UE) nº 65/2011, (CE) nº 1974/2006 e (UE) nº 679/2011.

Disposición adicional segunda. Marco programático da orde

As axudas reguladas na presente orde forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, aprobado mediante Decisión da Comisión C (2008) nº 703, do 15 de febreiro, polo que a presente convocatoria e as súas bases deben axustarse ao contido do programa, así como ao Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.

Disposición adicional terceira. Formularios

Xúntase a esta orde os formularios dos anexos I e II, necesarios para solicitar a axuda, e III, IV, V e VI, que empregarán as entidades beneficiarias á hora de solicitar o pagamento e xustificar a axuda. Os ditos formularios poderán baixarse da páxina web http://medioruralemar.xunta.es/anuncios/axudas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase o secretario xeral de Medio Rural e Montes para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file