Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 9 de outubro de 2013 Páx. 40180

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 2 de outubro de 2013 pola que se incrementa a dotación orzamentaria da Orde do 1 de febreiro de 2013, pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2013.

A Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 1 de febreiro de 2013 (DOG núm. 25, do 5 de febreiro) regula o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, para o ano 2013, das axudas previstas dentro do réxime do pagamento único e doutros réximes de axuda directa á agricultura e gandaría, e das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrícolas no ano 2013.

Na súa disposición adicional primeira, parágrafo 1, precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas, e no seu parágrafo 4 sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se for procedente, tramitando o expediente de modificación de crédito oportuno.

Coa finalidade de poder amparar todas as solicitudes das axudas especificadas no título II da orde, relativas aos pagamentos directos á agricultura e á gandaría no marco da aplicación da política agrícola común en Galicia, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e xestionadas polo Fondo Galego de Garantía Agraria, posto que a dotación existente resulta insuficiente, a Consellería de Facenda autorizou o correspondente expediente de ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas especificadas no título II da Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG nº 25, do 5 de febreiro), conforme a disposición adicional primeira, parágrafo 1, alínea a) da dita orde, increméntase no importe de 124.620.208,43 euros, e con cargo á aplicación 12.80.713F.779.1, primas gandeiras, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, polo que o importe total para as axudas desta alínea e desta aplicación orzamentaria despois deste incremento é de 169.769.783,43 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional única

O incremento de crédito previsto no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na devandita Orde do 1 de febreiro de 2013 (DOG nº 25, do 5 de febreiro).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar