Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 29 de novembro de 2013 Páx. 46325

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2013 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2014, en réxime de concorrencia non competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 24 de outubro de 2013, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (plan Primex) e facultar o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ao 80 %, eixo 2, tema prioritario 08, actuación 5, e convocar para o ano 2014 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Segundo. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2014. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de marzo de 2014. No caso de que, en virtude das solicitudes presentadas e resoltas favorablemente se esgotase o crédito orzamentario, poderase pechar anticipadamente a convocatoria. O esgotamento do crédito e a non admisión de solicitudes posteriores publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape ww.igape.es

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria: 08.A1.741A

Nº conta

7708

7814

7451

Total

2014

95.000

4.000

1.000

100.000

2015

3.800.000

181.000

19.000

4.000.000

Total

3.895.000

185.000

20.000

4.100.000

Quinto. O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2º do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior (plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo
Feder Galicia 2007-2013

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos o Goberno galego aposta pola internacionalización das nosas empresas.

Unha aposta que se plasma no Plan estratéxico 2010-2014. A internacionalización empresarial constitúe en si mesmo un obxectivo estratéxico para Galicia, para o cal se dispoñen recursos humanos e orzamentarios moi importantes para acadar o salto de calidade das nosas empresas nos mercados exteriores.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, e ampliando o número de países receptores das exportacións galegas e a diversificación dos sectores exportadores.

Estas axudas están dirixidas a empresas galegas que acaden un acordo de cooperación entre elas para aunar esforzos, compartir custos e, se é o caso, estratexia e marca para establecerse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos en novos países.

Así mesmo, coa mesma finalidade de cooperación, para a introdución en novos mercados internacionais, apoiaranse as accións que realicen os organismos intermedios beneficiarios para os asociados que participen no proxecto baixo as regras de funcionamento que establezan co organismo intermedio beneficiario.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, aprobou o programa Impulsa-Lugo e o programa Impulsa-Ourense, respectivamente, nos cales se establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos.

Dada a situación económica actual, na cal as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes e manifestan unha menor taxa de internacionalización, considérase fundamental que o Igape, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axudas para a procura de novos mercados internacionais ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social a través da súa internacionalización.

A tramitación destas axudas exclúe a concorrencia competitiva con base no establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por canto serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles.

Esta liña de axuda compleméntase coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización e cos servizos do Igape á internacionalización, entre os cales cabe destacar o apoio en destino a través da rede PEXGA de plataformas da Xunta no exterior, o diagnóstico de capacidade de internacionalización empresarial, o asesoramento e asistencia técnica en orixe, plans de país sectoriais, información sobre mercados, así como os servizos de formación e información, organización de accións promocionais de participación agrupada, rede de empresarios e profesionais de orixe galega, rede empresarial europea, difusión da oferta exportadora galega e calquera outro que solicite o empresariado galego dentro dos medios e recursos dispoñibles do Igape (www.igape.es).

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

1.1. O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos proxectos de prospección e primeira implantación promocional conxunta de empresas galegas no estranxeiro que teñan uns obxectivos de cooperación semellantes para afrontar en destino unha estratexia de promoción comercial que beneficie a todas elas. Tamén os proxectos que teñan por obxectivo dar a coñecer e promocionar produtos e servizos de empresas galegas amparadas baixo os organismos intermedios, sendo estes organismos intermedios os aglutinantes da estratexia e das accións comúns.

1.2. Quedan excluídas as axudas á exportación. Debe entenderse por axudas á exportación aquelas directamente asociadas ás cantidades exportadas, ao establecemento e ao funcionamento dunha rede de distribución e aos gastos correntes derivados da actividade exportadora.

1.3. No caso de solicitudes de agrupacións de empresas, a dita agrupación debe ser o beneficiario final dos servizos para os cales se solicita axuda, é dicir, debe tratarse de servizos encamiñados a internacionalizar ás propias empresas que conforman a agrupación.

1.4. O prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2014) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2015. Non serán subvencionables os proxectos cuxa escritura de constitución da sociedade/filial en destino ou legalización do centro de promoción en destino sexa anterior a esta data do 1 de xaneiro de 2014.

1.5. Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 20.000 euros.

1.6. Non será subvencionable un proxecto que supoña unha continuación dun proxecto deste tipo subvencionado polo Igape noutras convocatorias por esta liña de axudas.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

2.1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro do expediente completo, e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape www.igape.es. Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non semella posible a comparación de proxectos entre si pola casuística ampla e heteroxénea que permiten as bases reguladoras e, en consecuencia, a imposibilidade de fixar criterios de valoración comparativos entre as diferentes solicitudes.

Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2º da Lei 9/2007.

2.2. As axudas recollidas nestas bases intégranse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28 de decembro). Para as empresas do sector pesqueiro as axudas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE L 193/2007, do 25 de xullo) e para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas outorgaranse ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario (DOUE L 337/2007, do 21 de decembro).

2.3. A subvención aos proxectos estará cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 08, actuación 5, e están sometidos ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular os regulamentos (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo (DOUE L 210/25, do 31 de xullo), Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007). Os gastos subvencionables cumprirán os requisitos establecidos pola Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

3.1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que se respecten as intensidades de axuda máximas indicadas nos regulamentos da UE aplicables. Non serán compatibles –para os mesmos conceptos subvencionables– con outros programas de apoio financiados pola Xunta de Galicia.

3.2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

3.3. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector de transporte por estrada. A axuda total de minimis concedida a unha empresa durante calquera período de tres exercicios fiscais redúcese a 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007, do 24 de xullo (DOUE do 25 de xullo), e a 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas, de acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007, do 20 de decembro (DOUE do 21 de decembro).

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Beneficiarios. Poderán presentar solicitudes:

a) As agrupacións sen personalidade xurídica propia formadas por, polo menos, tres empresas (entendendo únicamente por tales as sociedades mercantís, cooperativas ou outras sociedades con persoalidade xurídica propia e obxecto empresarial, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos e que teñan na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia) –non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino, entendendo como tal unha sociedade con personalidade xurídica propia ou calquera tipo de agrupación empresarial admitida en dereito no país de destino.

Conforme o artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

b) Os consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente (cunha antigüidade máxima de cinco anos anteriores ao 1 de xaneiro de 2014) formados polo menos por tres empresas –non vinculadas previamente entre si antes da constitución do consorcio e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia–, que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción comercial dos seus produtos ou servizos no país de destino.

c) Organismos intermedios, que se comprometan a poñer en marcha un centro de promoción en destino sempre que o obxectivo sexa a exposición e/ou promoción comercial dos produtos ou servizos das empresas asociadas. Os produtos deberán ter orixe galega ou ter sufrido algunha transformación produtiva ou valor engadido en Galicia.

Por organismos intermedios enténdense as asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas –con domicilio social ou algún centro de actividade en Galicia– e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2013 no Rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan proxectos en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster.

As agrupacións clúster identificadas polo Igape ata a data en Galicia son as que poden consultarse no enderezo da internet http://www.atcluster.org/es/ResultadoDiciembre2011

As agrupacións destes organismos intermedios non vinculados previamente entre si poderán ser beneficiarios sempre que acaden un acordo formal para a realización deste tipo de accións e nomeen un/unha deles/as representante legal perante o Igape para a solicitude da axuda.

Neste segundo caso, conforme o artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberanse facer constar na solicitude e na resolución de concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios e, en calquera caso, deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos dos artigos 35 e 63 da citada Lei de subvencións de Galicia.

O representante ou apoderado único da agrupación considerarase que representa ante o Igape todos os partícipes para os efectos de cumprir coas obrigas derivadas da súa condición de beneficiario, así como para a xustificación e o pagamento da subvención.

En ambos os casos desta letra c), o solicitante debe identificar as empresas que participen no proxecto. O número mínimo de empresas galegas que deberán comprometerse no proxecto será de cinco.

4.2. Requisitos dos beneficiarios:

a) Desenvolver nun centro radicado en Galicia calquera actividade económica, mesmo a prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, non excluída no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro, conforme o establecido no Regulamento (CE) nº 875/2007 da Comisión, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector pesqueiro.

No que se refire a empresas non domiciliadas en Galicia, a subvención correspondente reducirase en proporción ao número de empregados nos centros radicados en Galicia respecto do conxunto total de empregados da empresa. Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas empresas non domiciliadas en Galicia e que unicamente teñan radicados na Comunidade Autónoma centros con actividade estritamente comercial.

b) Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

c) Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estean en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.1 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (DOUE C 244/2, do 1 de outubro de 2004) e que para as pemes aparece no artigo 1.7º do Regulamento xeral de exención (Regulamento (CE) nº 800/2008).

d) A maioría das empresas participantes nos proxectos deben ser pequenas e medianas empresas galegas (sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial) –segundo a definición da Comisión Europea–, non vinculadas previamente entre si. A non vinculación previa implica que unha empresa socia non pode ter participación do capital doutra empresa socia, nin dúas empresas socias poden ter un accionista común maioritario nalgunha delas. Ademais, dúas empresas socias non poden ter antes da solicitude de axuda un mesmo representante legal ou administradores comúns.

e) Admitirase a existencia no proxecto de socios non galegos ou socios con vinculación previa pero as ditas partes non recibirán axuda do Igape. No caso de vinculación previa, só un dos socios vinculados terá dereito á subvención, que será, ademais, o que se compute para efectos de contabilizar o número mínimo de socios do proxecto.

f) No caso de agrupacións de empresas, a participación no proxecto de cada un dos beneficiarios da axuda non pode ser inferior ao 5 %. Así mesmo, a porcentaxe de participación no proxecto establecido no acordo notarial para cada membro da agrupación debe coincidir coa porcentaxe de cada un na cota de participación da agrupación na sociedade en destino.

No caso de agrupacións de empresas, cada unha das empresas beneficiarias da axuda terá que dispor dun diagnóstico positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape. No caso de consorcios con personalidade xurídica propia, o diagnóstico só é necesario para este, e non para cada unha das empresas partícipes no mesmo. Só son válidos para estes efectos os diagnósticos presenciais con visita á empresa do realizador do diagnóstico, non os realizados on-line. No caso de non dispoñer deste diagnóstico, deberá solicitalo ao Igape ao mesmo tempo que presente a solicitude de axuda.

g) No caso de consorcios e agrupacións de empresas, cada unha das empresas integrantes do consorcio ou agrupación (excepto as que non computan para efectos da subvención) deben ter na data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia.

i) Non será subvencionable a participación das empresas que durante o prazo de execución do proxecto cesen na súa actividade en Galicia.

j) Quedan excluídas as empresas ou organismos intermedios que teñan sido beneficiarios para o mesmo país en convocatorias anteriores desta liña de axudas, agás que renunciasen expresamente á axuda anterior, non entrando no cómputo do número mínimo de empresas ou de organismos intermedios para os proxectos adicionais dentro do mesmo país.

Artigo 5. Condicións dos gastos subvencionables

5.1. Serán subvencionables os seguintes gastos de constitución e de funcionamento da sociedade, ou centro de promoción no caso de organismos intermedios, que se constitúa no país de implantación realizados e pagados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, que nunca poderá exceder o 30 de xuño de 2015. Estes gastos subvencionables reúnen os requisitos establecidos na Orde EHA/524/08, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Fondo de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo de 2008).

5.1.1. Gastos de constitución e posta en marcha do proxecto (que poden ser facturados á sociedade en destino ou aos beneficiarios en orixe):

a) Gastos de conformación da agrupación ou consorcio e de constitución en destino: acordos notariais, escrituras, inscricións, permisos administrativos, licenzas e outros gastos legais e administrativos que se realizan unha soa vez ao comezo da actividade. Non se admitirán por este concepto gastos de asistencia técnica que incrementen o custo destes servizos.

b) Gastos de asistencia técnica (legal, financeira ou consultoría): gastos previos á constitución da sociedade ou posta en marcha do centro de promoción en destino que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto e coa súa posta en marcha.

Límite de axuda por este concepto:

O importe subvencionable máximo por este concepto será de 5.000 euros, que se incrementará –no caso de agrupacións de empresas e consorcios– en 1.000 euros de importe subvencionable máis por cada empresa adicional do mínimo de tres –das que computan como subvencionables– ata un máximo de 10.000 euros de importe subvencionable por este concepto.

5.1.2. Gastos en destino (que deben ser facturados á sociedade ou filial en destino, salvo no suposto dos proxectos de organismos intermedios sen personalidade xurídica en destino):

– Gastos de funcionamento da sociedade en destino:

a) Gastos de persoal: soldos e salarios netos aboados ao xerente e persoal relacionado coa actividade promocional da sociedade ou entidade en destino e con posto de traballo en destino. É preciso que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. O xerente pódese contratar tamén mediante contrato de prestación de servizos, pero debe ser contratado para dedicación en exclusiva ao proxecto e traballar en destino.

Exclúese da contratación subvencionada calquera accionista, propietario, directivo, administrador ou empregado do organismo intermedio, do consorcio ou das empresas membros da agrupación.

b) Gastos de servizos profesionais externos en destino: gastos que estean directamente relacionados co funcionamento administrativo da sociedade ou filial en destino (xurídicos, administrativos, tradución, contables –mesmo auditoría– e fiscais). Traballos que realizarán profesionais que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais no país obxecto do proxecto.

Límite de axuda por este concepto: o importe subvencionable máximo non superará os 24.000 euros.

c) Gastos de aluguer: aluguer de locais e inmobilizado cando a actividade promocional o xustifique.

d) Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade dentro de centros de negocios, subvencionarase o custo do aluguer ou cota correspondente.

– Gastos de promoción en destino relacionados co país de implantación:

a) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional. Só son subvencionables os custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.

b) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como show rooms, catas, presentacións de empresa e/ou produtos. No caso de eventos organizados por terceiros, só son subvencionables os gastos facturados polo organizador do evento en concepto de participación, aluguer de solo e stand. No caso de eventos organizados polos solicitantes, só son subvencionables os gastos de aluguer de espazo.

c) Viaxes relacionadas co proxecto: viaxes de representantes da sociedade ou filial en destino –así como do representante legal da agrupación, consorcio ou organismo intermedio solicitante da axuda– entre Galicia e o país de destino, así como dentro do país onde estea a sociedade ou filial. Só son subvencionables os gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.

Límite por este concepto: establécense as seguintes cantidades máximas de subvención:

• Para viaxes con destino/orixe Portugal/Galicia: 500 euros por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino/orixe resto de Europa/Galicia: 1.000 euros por viaxe subvencionable.

• Para viaxes con destino/orixe fóra de Europa/Galicia: 1.500 euros por viaxe subvencionable.

O importe subvencionable máximo polo concepto de viaxes non superará os 10.000 euros para proxectos en Portugal, 15.000 euros para proxectos no resto de Europa e 20.000 euros para proxectos fóra de Europa.

– Outros gastos en destino relacionados co país de implantación:

a) Gastos de rexistro da propiedade industrial no país obxecto do proxecto subvencionable.

b) Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.

5.2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando o solicitante da axuda sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE e que esa operación concreta non foi incluída na declaración do IVE.

5.3. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (no caso de organismos intermedios sen ánimo de lucro non se entende que haxa vinculación coas empresas asociadas ou representadas). Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, e exíxese aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

5.4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP) para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

No caso de que o solicitante sexa un clúster e teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.b) do TRLCSP deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 189, 190 e 191 do TRLCSP. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.b) do TRLCSP teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas que fosen creados específicamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese número 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

5.5. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5.6. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación de internacionalización concreta que se propón para a subvención e calquera outro gasto derivado da actividade habitual e corrente da empresa solicitante.

5.7. Non serán subvencionables gastos correspondentes a actuacións que o solicitante poida realizar cos seus propios medios materiais e persoais, o que se determinará polo tipo de actividade da empresa –IAE ou CNAE–, e/ou porque o solicitante, pola súa vez, figure como provedor para outra empresa solicitante destas axudas –nesta e anteriores convocatorias– para o mesmo tipo de actuacións e gastos.

5.8. No caso de actuacións en que participe un grupo de empresas e/ou organismos intermedios, entre os cales se inclúa algún participante que non cumpra os requisitos para ser beneficiario do artigo 4 destas bases, os gastos que poidan individualizarse correspondentes aos ditos participantes non serán subvencionables e, polo que respecta aos gastos de tipo xeral, a subvención reducirase en función da porcentaxe de participantes que non cumpran os requisitos para ser beneficiarios.

Artigo 6. Contía e límites de axuda

6.1. Contía da axuda: 45 % de subvención sobre os gastos subvencionables, con incremento do 5 % por cada empresa galega/organismo intermedio participante na agrupación ou consorcio a maiores do número mínimo requirido de tres empresas galegas ou un organismo intermedio, ata un máximo do 70 % de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais por cada empresa computable na axuda membro da agrupación ou membro do consorcio, ou por cada organismo intermedio con domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto nalgún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• Se o solicitante é un clúster galego ou algunha das empresas beneficiarias pertence a algun clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis por cada clúster ou por cada empresa computable na axuda –membro da agrupación ou membro do consorcio–, pertencente a algún clúster galego.

O límite total máximo de axuda será do 80 % de subvención sobre os gastos subvencionables.

6.2. O límite máximo de axuda por proxecto en que participe o número mínimo de tres empresas galegas ou un organismo intermedio galego será de 100.000 euros, e por cada empresa ou organismo intermedio adicional, incrementarase o límite anterior en 10.000 euros, ata acadar un límite máximo conxunto de 150.000 euros.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

7.1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

7.2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade colaboradora do Igape, á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao Diario Oficial de Galicia e ás demais cesións previstas na lei.

O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto do contido dos rexistros antes citados, ante a Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, sita no Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, en aplicación do disposto no Decreto 132/2006.

7.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de empresas do sector pesqueiro, a empresa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade da información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto no devandito rexistro.

7.4. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar as certificacións coa solicitude.

No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de emisión do certificado telemático, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

7.5. O solicitante poderá autorizar o órgano xestor para acceder ao Sistema de verificación de datos de identidade, co fin de evitar a achega do seu DNI ou o do seu representante legal. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización, deberá obrigatoriamente presentar o DNI coa solicitude.

7.6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

8.1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto e detallar os traballos que se van realizar por cada un dos conceptos subvencionables para os cales solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

8.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto por 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

8.3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. Na instancia será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática), non serán tramitadas, e concederáse aos solicitantes un prazo de dez días para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivamento.

8.4. Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

8.4.1. Documentación relativa ás circunstancias do beneficiario:

a) Consorcios:

– Escritura de constitución e modificación/s inscrita/s no rexistro competente.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

b) Consellos reguladores:

– Documentación acreditativa da representación con que actúa.

– Certificación expedida pola Secretaría-Intervención que declare que o consello está exento de pagamento do IVE na actividade subvencionada e que, por tanto, non repercute este imposto.

c) Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro:

– Acreditación da representación con que se actúa.

– Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores.

– Se é o caso, documentación acreditativa da condición de exención do IVE, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria referida ao exercicio 2014 e certificación do organismo de que non se deduce o IVE das facturas que soportan o proxecto subvencionable.

– No caso de centros de innovación e tecnoloxía, certificado acreditativo da súa inscrición no Rexistro de Centros de Innovación e Tecnoloxía con anterioridade ao 31.12.2013.

d) Agrupacións de empresas ou de organismos intermedios:

– Acordo notarial de constitución da agrupación detallando a descrición do proxecto para o cal se solicita a axuda, o país obxecto do proxecto, o representante ou apoderado único da agrupación e os membros da agrupación, coa súa porcentaxe de participación no proxecto e a porcentaxe dos gastos subvencionables do proxecto que asume cada un deles (ambas as porcentaxes deben ser coincidentes).

e) Para cada unha das empresas da agrupación e do consorcio computables para efectos da subvención:

– Escritura de constitución e modificación/s inscrita/s no rexistro competente.

– Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

– No caso de que sexa unha empresa pertencente a algún clúster galego, certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

– Informe de vida laboral desde o 1 de xaneiro de 2014.

8.4.2. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación de empresas, deberase xuntar como documento ao formulario de solicitude o diagnóstico positivo do potencial de internacionalización de cada empresa, ou a solicitude ao Igape de realización deste tipo de diagnóstico e, no caso de que o solicitante sexa un consorcio, o diagnóstico só é necesario para este e non para cada unha das empresas partícipes nel.

8.5. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

8.6. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañada da documentación establecida no artigo 8.4, en orixinal ou copia cotexada.

8.7. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir o interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido, tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape na ligazón «tramitación telemática» para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño) e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

8.8. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante. Dentro do prazo de presentación de solicitudes poderán modificarse os termos da solicitude inicial, utilizando para isto a aplicación informática para xerar un formulario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas modificacións. Para efectos de prioridade na resolución, terase en conta a data de presentación da solicitude modificada.

Artigo 9. Órganos competentes

A área de internacionalización Galicia@World será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

10.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos da área de internacionalización Galicia@World do Igape, en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e a documentación presentada.

10.2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 7.4 destas bases resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

10.3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

10.4. Instruído o procedemento, formularase proposta de resolución provisional debidamente motivada, que se lles deberá notificar aos interesados, aos cales se concederá un prazo de dez días hábiles para presentar alegacións. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidos polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia, tendo a proposta de resolución formulada o carácter de definitiva.

Examinadas as alegacións aducidas, se é o caso, polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva.

10.5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 11. Resolución

11.1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución será elevada ao titular da Dirección Xeral do Igape. O procedemento de concesión resolverase no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

11.2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 24 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 30 de xuño de 2014, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

11.3. Na resolución de concesión de axuda farase constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e a porcentaxe da axuda concedida, o prazo para a constitución da sociedade ou filial en destino ou posta en marcha do centro de actividade do organismo intermedio, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape, pola Consellería de Economía e Industria e polo Fondo Feder, segundo os modelos establecidos no manual de comunicación da Xunta de Galicia. Así mesmo, os beneficiarios serán informados de que a aceptación da subvención implica a súa inclusión na lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

11.4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

11.5. Transcorridos dez días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nas bases reguladoras da axuda e nas demais disposicións legais e regulamentarias que sexan de aplicación. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. No caso de que o beneficiario renuncie ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

11.6. O beneficiario disporá dun prazo de catro meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión para a constitución da sociedade ou filial en destino ou posta en marcha do centro de actividade do organismo intermedio e para nomear un xerente en exclusiva, independente das empresas socias beneficiarias da axuda, da sociedade ou filial en destino ou centro de actividades do organismo intermedio.

A partir desta data o beneficiario dispón dun prazo máximo dun mes para acreditar ante o Igape o cumprimento desta condición, mediante a presentación da documentación (en orixinal e copia ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte:

– Escritura de constitución e estatutos, se é o caso, inscritos no correspondente rexistro da sociedade en destino. Cando proceda, acreditación por parte do organismo intermedio de ter os permisos necesarios para operar no país de destino.

– Contrato de traballo ou de prestación de servizos do xerente da sociedade ou entidade en destino.

– Certificación do representante legal da beneficiaria (agrupación, consorcio ou organismo intermedio que solicitou a axuda): 1) de que a sociedade ou entidade en destino desempeña con normalidade a súa actividade; 2) da composición do capital da sociedade en destino, se non viñese detallado nas escrituras.

Entenderase realizada a implantación cando estea formalmente constituída a sociedade en destino. Considerarase como data de constitución a que figure na escritura ou acta de constitución. No caso de organismos intermedios, a implantación prodúcese cando estea formalmente constituída a sociedade en destino ou, se non constitúen sociedade, cando teña obtido os permisos necesarios para operar no país obxecto do proxecto ou na data de contratación de xerente.

11.7. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Nos demais casos, se no prazo sinalado non achega a documentación –ou se a achegada non cumpre co establecido nestas bases– requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixer, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivamento do expediente.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

13.1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao/s país/es obxectivo, cambio da personalidade xurídica dalgunha das indicadas no artigo 4 das bases reguladoras, orzamento subvencionable á baixa, traspaso orzamentario entre partidas de gasto ou a modificación no prazo de execución do proxecto, sempre que non se vulnere o establecido nas bases e exista dispoñibilidade orzamentaria. Permítese, así mesmo, o cambio de socios do proxecto durante a duración deste sempre que se respecten os mínimos exixidos, así como a modificación do prazo de catro meses de constitución da sociedade ou filial en destino ou modificación do prazo de posta en marcha do centro de actividade en destino.

13.2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima de tres meses ao vencemento do prazo de execución do proxecto.

13.3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 8 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo establecido na resolución de concesión e, se é o caso, manter os investimentos durante, polo menos, tres anos desde a finalización do dito prazo. Na súa virtude, a axuda concedida só será definitiva se a situación inicial tida en conta para a concesión non sofre unha modificación substancial que afecte a natureza do investimento, o cesamento da actividade ou os postos de traballo. A axuda está condicionada ao respecto desas condicións e poderá ser obxecto dun procedemento de reintegro noutro caso.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, especialmente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006. O beneficiario deberá conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, número 3 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo elixible total da actividade que vai desenvolver o beneficiario.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, durante polo menos un período de tres anos a partir do peche do programa operativo Feder de Galicia 2007-2013, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

g) Dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención, consistente na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Consellería de Economía e Industria e Feder, así como inscricións relativas ao financiamento público nos stands, carteis, placas conmemorativas, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión mais alén do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, sen prexuízo das normas sobre publicidade establecidas na normativa comunitaria que, de ser o caso, sexan de aplicación, así como as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

No caso de que o evento xa tivese lugar cando se solicitou ou concedeu a axuda ou por non ser posible por outros motivos, a publicidade do financiamento deberase facer mediante constancia na web do solicitante da existencia da subvención, consistente na mención expresa na web da acción obxecto da subvención con inclusión da imaxe institucional do Igape, Consellería de Economía e Industria e Feder.

Para dar publicidade do financiamento, atenderase ao establecido nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG nº 227, do 19 de novembro) así como as instrucións contidas no manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

h) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web www.conselleriadefacenda.es

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

k) Enviar ao Igape –cada trimestre a partir da acreditación da implantación en destino– un informe do grao de avance do proxecto e os seus resultados, e informe de execución orzamentaria por partidas de gasto subvencionables.

l) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 15. Xustificación da subvención

15.1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xullo de 2015 (no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo finalizará o día hábil seguinte).

15.2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es/. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractación SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente.

15.3. A solicitude de cobramento presentarase mediante a instancia normalizada que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

15.4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.7 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 15.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 15.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

15.5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que a presente ou corrixa os erros ou defectos observados no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2º do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15.6. Xunto á solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou os documentos de valor probatorio equivalente xustificativos do gasto da actividade. Deberanse presentar por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda.

b) Xustificantes do pagamento das facturas (presentarase xunto con cada documento de gasto por orde cronolóxica, para cada tipo de gasto, segundo figure na resolución de concesión da axuda), por algún dos seguintes medios:

– Xustificante de transferencia bancaria ou dos documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución do proxecto, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

– Certificación bancaria conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do período de execución do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar a relación delas.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento debe realizarse sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa ou recibo do provedor.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopia dos documentos bancarios de cargo nos cales conste o troco empregado.

c) Consignar na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade, nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.f): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

d) Gastos de viaxe: xustificación da orixe e destino da viaxe e persoa que viaxa mediante copia simple de tarxetas de embarque ou billetes. No caso de realizar por medios propios algún dos traxectos entre Galicia e o país de implantación, debe presentarse declaración xurada desta circunstancia.

e) Gastos de persoal: nóminas do persoal da sociedade en destino, copia do seguro concertado, copia do contrato de traballo e os demais xustificantes dos gastos de persoal adecuados á lexislación do país.

f) Alugueiros: factura do gasto e, se é o caso, copia do contrato de aluguer. Fotografía do local en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 16.g) destas bases. Debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases, incluído o caso da publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda.

g) Publicidade: documentación da publicidade realizada en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14.g) destas bases. Debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases, incluído o caso da publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda.

h) Feiras: fotografía do stand en que se aprecien claramente os logotipos citados no artigo 14.g) destas bases. Debe achegarse copia en formato dixital –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.g) destas bases, incluído o caso da publicidade do financiamento público na web do solicitante da axuda.

i) Contratos de prestación de servizos.

j) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

k) Informe de vida laboral do período de execución do proxecto de cada unha das empresas participantes.

l) Con relación á declaración responsable incluída na solicitude de cobramento acerca da veracidade dos datos relativos á conta bancaria en España na cal vaia ser ingresada a subvención –no caso de solicitantes que sexan agrupación de empresas ou organismos intermedios– o pagamento realizarase nas contas bancarias individuais que cada beneficiario indique ou nunha soa se así o acordan todos os beneficiarios, o que deberá constar na solicitude de cobramento.

m) Calquera outra documentación que o Igape estime necesaria para a correcta análise da solicitude de cobramento sinalada na resolución de concesión.

15.7. As datas dos xustificantes de gasto, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de remate do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, que nunca excederá o 30 de xuño de 2015.

As facturas xustificativas dos gastos deberán ser de terceiros contra a sociedade en destino, non contra as empresas beneficiarias, excepto os gastos subvencionables de constitución e asistencia técnica –citados na alínea a) e b) de gastos de estrutura–, que poderán ser facturados ao consorcio en orixe ou organismo intermedio ou, no caso de agrupacións de empresas, aos membros da mesma dela na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos por cada compoñente da agrupación. Non se admitirá a autofacturación, isto é, facturas emitidas por unha empresa participante no proxecto. Polo que respecta aos gastos de constitución e asistencia técnica –citados na alínea a) e b) de gastos de estrutura–, admitirase unha facturación dos provedores aos membros da agrupación distinta aos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación para efectos de facilitar a operatividade en destino, sempre e cando posteriormente se fagan as respectivas reparticións vía refacturación sen custo adicional, entre os ditos membros.

No caso de organismos intermedios o persoal en destino deberá ser contratado polo centro de actividade que constitúa en destino e, no caso de que o centro non teña personalidade xurídica, o contrato deberao formalizar un dos participantes no proxecto e considerar o dito gasto na súa porcentaxe de participación no proxecto. No caso de que o centro de promoción non teña personalidade xurídica en destino, os gastos poden ser facturados ao organismo intermedio ou organismos intermedios en orixe –na mesma proporción que os compromisos de execución asumidos no caso de agrupación–. Os produtos ou servizos que se promocionen a través do centro deberán ser producidos ou transformados en Galicia.

15.8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda.

15.9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

15.10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, agás nos conceptos con límites cuantitativos específicos, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e as condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

15.11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 13 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Aboamento das axudas

16.1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

16.2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

17.1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

17.2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

17.3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deben resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superar o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida. Para tal efecto, o Igape poderá desenvolver mediante unha instrución do director xeral os criterios de graduación para determinar o alcance da obriga de reintegro.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

20.1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de tres anos posteriores ao peche do programa operativo Feder 2007-2013 de Galicia, tal como se define no artigo 89, apartado 3 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello. Durante o dito prazo os beneficiarios terán que conservalas e telas á disposición da Administración.

20.2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Publicidade

21.1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que como consecuencia delas puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

21.2. De acordo co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

21.3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE nº 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I dese real decreto.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o su regulamento, no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, no Regulamento (CE) 875/2007, do 24 de xullo, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado ás axudas de minimis no sector pesqueiro (DOUE do 25 de xullo) e no Regulamento (CE) 1535/2007, do 20 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis ao sector da produción de produtos agrícolas (DOUE do 21 de decembro); no Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Regulamento xeral de fondos (modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009), no Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo (DOUE L 210/1, do 31 de xullo) e o resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Localizacións preferentes

Axudas do Igape á primeira implantación promocional conxunta no exterior
(plan Primex), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013

• Municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal: municipios da Capela, As Pontes, Ares, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Somozas e Valdoviño.

• Municipios da Costa da Morte: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muros, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

• Municipios da provincia de Lugo.

• Municipios da provincia de Ourense.