Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Xoves, 5 de decembro de 2013 Páx. 46927

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 176/2013, do 21 de novembro, polo que se aproba o Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.3, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega, entre outras, a competencia en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda. No exercicio da competencia prevista no devandito precepto aprobouse a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia que, entre os instrumentos de ordenación do territorio que regula, inclúe as Directrices de ordenación do territorio de Galicia (en diante DOT) ás cales dedica o seu capítulo II, e cuxo o artigo 10, no seu número 10, prevé que por decreto do Consello da Xunta de Galicia se determinará o procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das Directrices de ordenación do territorio.

O Consello da Xunta de Galicia, polo Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, aprobou definitivamente as Directrices de ordenación do territorio de Galicia, que teñen como finalidade básica definir un modelo territorial para Galicia que permita orientar as actuacións sectoriais dotándoas de coherencia espacial e das referencias necesarias para que se desenvolvan de acordo cos obxectivos xerais da política territorial de Galicia, para conformar unha acción de goberno coordinada e eficaz. No marco da Lei de ordenación do territorio de Galicia, as directrices son o instrumento que ofrece a visión global da ordenación territorial de Galicia e serven como referencia para o resto das figuras de planificación e para as actuacións que desenvolven tanto as administracións como os particulares. As Directrices de ordenación do territorio de Galicia, na súa determinación 10.1.19, establecen que a Xunta de Galicia impulsará un sistema de seguimento da sustentabilidade territorial e das DOT atendendo ás orientacións recollidas no informe de sustentabilidade ambiental e ás determinacións da memoria ambiental emitida polo órgano ambiental do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, e co obxectivo de emprender unha xestión dinámica do territorio. Este sistema de seguimento deberá ser aprobado por decreto do Consello da Xunta e suporá o marco para o establecemento do sistema de seguimento de todos os instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo.

Conforme o disposto no artigo 5 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, as Directrices de ordenación do territorio de Galicia deben ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica, e o artigo 8 do mesmo texto legal prevé que o órgano promotor deberá realizar un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución do plan para identificar con prontitude os efectos adversos non previstos e permitir desenvolver as medidas axeitadas para evitalos, consonte o disposto no artigo 15 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, que traspuxo a Directiva 2001/42/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de xuño de 2001. Neste seguimento poderá participar o órgano ambiental correspondente, quen poderá solicitar a información e realizar as comprobacións que considere necesarias para verificar a información que figure no informe de sustentabilidade ambiental.

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, da cal forma parte a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo consonte o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, e segundo establece o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En cumprimento do mandado legal do artigo 31 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, a través da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, créase o Instituto de Estudos do Territorio e disponse a súa adscrición á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo. Polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, apróbanse os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo que entrou en funcionamento o 7 de abril de 2012 e que foi adscrito directamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola disposición adicional terceira do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. O Instituto de Estudos do Territorio ten, entre as súas funcións, a de prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial, o que inclúe o seguimento das Directrices de ordenación do territorio que prevé o número 10 do artigo 10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Para estes efectos específicos, polo Decreto 156/2012, do 12 de xullo, créase a Comisión de Seguimento das DOT como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nas súas actuacións, que será a responsable de desenvolver e adaptar o sistema de indicadores ou métodos para o seguimento que permitan coñecer a evolución das variables de sustentabilidade, aplicándoo proporcionalmente ao grao de desenvolvemento das DOT. Coa sesión constitutiva desta comisión o 7 de agosto de 2012, en exercicio da función prevista no artigo 2 do Decreto 156/2012, do 12 de xullo, comezaron os traballos preparatorios para a determinación do procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das Directrices de ordenación do territorio, previsto no artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que se incluirá conforme a súa memoria ambiental no Plan de seguimento da sustentabilidade territorial das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e, por extensión, nos instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo que a desenvolvan.

En cumprimento das disposicións normativas citadas, dítase o presente decreto, que consta dun artigo único relativo ao seu obxecto, que é aprobar o Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial, que se xunta nun anexo, e no cal se regula o procedemento de seguimento dos obxectivos e das determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e o seguimento dos seus efectos sobre o ambiente. Asemade, consta de dúas disposicións derradeiras, unha relativa á súa entrada en vigor e unha segunda ao desenvolvemento normativo. O anexo contén o plan de seguimento, que se concibe como un sistema único para as DOT e os instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo que as desenvolvan, e que se basea en tres ferramentas: indicadores de desenvolvemento e implantación, un sistema de indicadores de sustentabilidade territorial e unha terceira de características máis cualitativas, consistente na realización dunha enquisa de percepción territorial e urbanística. Deséñase unha metodoloxía de traballo e un procedemento cos órganos implicados: o Instituto de Estudos do Territorio, os grupos técnicos de traballo e a Comisión de Seguimento. Cos resultados acadados, o IET elaborará un informe de seguimento, de carácter anual, que será aprobado pola Comisión de Seguimento. Este informe fundamentará a memoria, que se debe remitir anualmente ao Parlamento segundo o artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro.

Visto canto antecede, de acordo co disposto nos artigos 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e no artigo 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de vinte e un de novembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación do Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial. Apróbase o Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial, que se xunta como anexo, no cal se regula o procedemento de seguimento dos obxectivos e das determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e o seguimento dos efectos sobre o ambiente da aplicación ou execución das devanditas directrices, de acordo co disposto no artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da consellería competente en ordenación do territorio para o desenvolvemento normativo no que atinxe á organización e ás materias propias do seu departamento.

Santiago de Compostela, vinte e un de novembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO
Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e
da sustentabilidade territorial

Índice de contidos

1. Obxecto do Plan de seguimento.

2. Obxectivos e determinacións das DOT.

3. Metodoloxía de traballo.

3.1. Órganos.

3.2. Ferramentas.

3.2.1. Indicadores de desenvolvemento e implementación.

3.2.2. Indicadores de sustentabilidade territorial.

3.2.3. Enquisa de percepción territorial.

3.3. Procesos do sistema de seguimento.

4. Informe de seguimento.

4.1. Formalización do seguimento.

4.2. Estrutura e contido do informe.

4.3. Publicidade.

4.4. Memoria para o Parlamento.

1. Obxecto do plan de seguimento.

Os instrumentos de ordenación do territorio precisan de ferramentas de seguimento do cumprimento dos seus obxectivos e, en definitiva, da avaliación dos seus posibles efectos sobre o contorno, entendendo por tal o territorio en todas as súas dimensións (ambiental, social e económica). O sistema de seguimento convértese, por tanto, nun instrumento necesario para acadar unha sociedade sustentable, de aí que a súa definición sexa «Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial».

As ferramentas deste sistema deben poder medir a evolución do estado das variables e elementos que se consideren estratéxicos para coñecer se o devir da realidade galega se vai aproximando á máxima eficiencia e eficacia da ocupación e uso do territorio, no seu senso máis amplo. Este seguimento e as consecuentes accións encamiñadas a daren resposta aos seus resultados é o que se denominou nas Directrices de ordenación do territorio de Galicia (en diante DOT) unha xestión dinámica do territorio.

Para estes efectos, e segundo se recolle no Informe de sustentabilidade ambiental (en diante ISA) das DOT, é necesario modelizar a realidade desde a perspectiva dos obxectivos destes instrumentos, e incluír entre os seus métodos un sistema de indicadores o máis obxectivo posible, considerando as posibilidades dos datos, desde a propia recolla ata o seu tratamento, para convertelos na información necesaria que permita avaliar o seguimento do modelo.

Así, no ISA sostense a posibilidade do emprego de indicadores como método de seguimento dos efectos dos instrumentos de ordenación territorial, xa que permiten coñecer a evolución das variables de sustentabilidade para, por unha parte, controlar os efectos producidos sobre as ditas variables e, por outra, comprobar o cumprimento dos obxectivos xerais e específicos propostos para cada unha destas variables. Os indicadores atenderán ás dúas necesidades obxectivas fundamentais: por un lado, valorar os efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial de rango inferior e, por outra parte, quizais máis importante, a valoración da eficacia para encamiñar Galicia cara á sociedade da sustentabilidade.

O plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial ten por obxecto regular o procedemento de seguimento dos obxectivos e das determinacións das DOT conforme o establecido no artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e, ao mesmo tempo, configúrase como un plan de seguimento da sustentabilidade territorial no proceso de avaliación ambiental estratéxica (en diante AAE) no marco da Lei 9/2006, do 28 de abril, de avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, e do artigo 8 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

Este plan de seguimento conxuga o establecemento dun marco de referencia global cuns obxectivos e criterios comúns para Galicia, e traslada a execución deste marco ao planeamento de rango inferior ás DOT. Para isto establece unha serie de criterios estratéxicos comúns sobre as variables clave da sustentabilidade que deberán ser executados no deseño dos plans que desenvolvan estas DOT. Seguindo o proceso de avaliación ambiental estratéxica das DOT, o correspondente informe de sustentabilidade ambiental dedicou os números 8 e 9 ás orientacións e recomendacións para a elaboración do seu plan de seguimento baseada no control da planificación en cadoiro. Neste senso, os instrumentos que desenvolvan as DOT deberán incorporar unha análise de compatibilidade estratéxica (en diante ACE) para garantir a coherencia cos demais instrumentos de rango superior, en particular coas DOT. Esta análise permitirá avaliar o grao de compatibilidade entre os instrumentos de ordenación territorial e urbanística e as concordancias estratéxicas, obxectivos e criterios das DOT.

Así, Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial, enténdese todo el como un sistema único para as DOT e os instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo que as desenvolvan. Esta afirmación fundaméntase no feito de que as DOT desenvolven unha visión de carácter estratéxico coa cal os instrumentos de incidencia territorial se integran nun mesmo marco con obxectivos globais comúns. Esta visión estratéxica opta pola definición dun modelo territorial que irá gañando en concreción co posterior desenvolvemento da planificación en cadoiro. Trátase, pois, dun sistema de planificación territorial que combina a planificación vertical ou en cadoiro e a horizontal, mostrando así a necesaria relación xerárquica entre os instrumentos derivados das diferentes escalas de aproximación ao territorio e a relación transversal entre instrumentos de políticas converxentes, como é o caso da ordenación dos recursos naturais, a ordenación rural e a protección, ordenación e xestión da paisaxe, todo iso co obxectivo de protexer e ordenar para mellorar o territorio.

A este respecto, cabe dicir que o primeiro instrumento de ordenación do territorio que desenvolve as DOT é o Plan de ordenación do litoral (en diante POL), o cal incorpora no seu ISA unha proposta de modelo de seguimento análoga ao das DOT, coa mesma concepción de desenvolvemento en cadoiro, a través dos instrumentos de rango inferior.

Estas propostas para o deseño do plan de seguimento das DOT e do POL foron validadas polo órgano ambiental no procedemento de avaliación ambiental estratéxica, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, mediante as respectivas memorias ambientais. No caso da memoria ambiental das DOT, esta incluíu, no seu anexo I, unha proposta de «indicadores de sustentabilidade territorial para as DOT».

Como resultado da validación realizada e complementada polo órgano ambiental, foron incluídas determinacións normativas sobre o plan de seguimento en ambos os dous instrumentos. No caso das DOT, trátase da súa determinación 10.1.19 e, no Plan de ordenación do litoral, foi incluído como disposición adicional cuarta.

Aínda que no número 3.2 se describe pormenorizadamente, de forma resumida, o ISA propuxo, sen carácter finalista, que o plan de seguimento fose constituído por tres ferramentas: dúas máis obxectivas baseadas en indicadores e unha terceira de características máis cualitativas, consistente na realización dunha enquisa. Estas ferramentas definíronse como:

• Indicadores de desenvolvemento e implantación (en diante IDI), son aqueles que medirán o cumprimento das obrigas concretas establecidas polas DOT e por cada instrumento de ordenación do territorio que as desenvolva.

• Sistema de indicadores de sustentabilidade territorial (en diante IST), tratan de representar unha realidade en termos de evolución dos elementos estratéxicos e as variables de sustentabilidade. O seguimento da sustentabilidade territorial precisa de ir alén dunha simple compilación de datos e cálculos, xa que afrontar a valoración das tendencias de sustentabilidade require dun importante esforzo por considerar as profundas interrelacións entre as variables que se dan no territorio.

• Enquisa de percepción territorial e urbanística (en diante EPTU), o seu obxectivo básico é coñecer a percepción da cidadanía e da veciñanza acerca da situación da calidade da vida nas cidades e no rural, así como a valoración acerca das melloras levadas a cabo ou pretendidas polos instrumentos de ordenación do territorio e/ou de urbanismo.

Especificamente considérase que, as que finalmente se concreten, deberán permitir a valoración dos efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial de rango inferior.

Por último, cómpre considerar que xa a propia Lei 10/1995 estableceu no seu artigo 10.10 que se determinará por decreto do Consello da Xunta de Galicia o procedemento que regule o seguimento e posta ao día dos obxectivos e determinacións das DOT. A isto engádeselle o establecido no seu artigo 11 sobre o control do dito seguimento, onde se recolle que se deberá presentar ao Parlamento unha memoria anual en que se plasme o estado en que se encontran as DOT.

O plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial responde ás seguintes necesidades obxectivas:

• Valorar os efectos das determinacións das DOT e dos restantes instrumentos de ordenación do territorio ao longo do proceso de planificación en cadoiro.

• Valorar o grao de cumprimento dos obxectivos e determinacións marcados polas DOT e polos restantes instrumentos de ordenación do territorio.

• Coñecer a percepción da cidadanía sobre os instrumentos de ordenación do territorio e/ou de urbanismo.

En definitiva, trátase de avaliar a eficacia dos instrumentos de ordenación do territorio para encamiñar Galicia cara á sociedade da sustentabilidade.

2. Obxectivos e determinacións das DOT.

As DOT fixan uns obxectivos de sustentabilidade que atopan a súa correlación cos obxectivos estratéxicos ou normativos deste instrumento, con incidencia directa nos elementos estratéxicos do territorio e nas variables de sustentabilidade ambiental.

Trátase da identificación das variables de sustentabilidade, o establecemento de obxectivos específicos para cada unha delas, así como da identificación dos seus aspectos clave.

Esta vinculación será a que oriente a definición da ferramenta principal que permita obxectivar o comportamento da sociedade, no seu conxunto e nos diferentes aspectos, en clave de sustentabilidade, é dicir, a definición do sistema de indicadores.

O modelo conceptual en que se apoia este sistema permite agrupar estes indicadores nos seguintes grandes bloques: ocupación do territorio, paisaxe, patrimonio natural, patrimonio cultural, sociedade e economía, metabolismo e mobilidade.

Así, estes bloques atopan a súas equivalencias entre as variables de sustentabilidade consideradas no ISA das DOT e do POL, e organizan o sistema de indicadores.

O patrimonio natural de Galicia é o medio natural ou matriz biofísica soporte dos sistemas humanos, conformados polas variables sociais e económicas, que configuran e determinan o patrimonio cultural. Estes tres bloques dos sistemas humanos organízanse atendendo a un modelo de ocupación do territorio establecido polos instrumentos de ordenación, que, pola súa vez, determina e caracteriza o proceso de antropización do patrimonio natural.

Pódese afirmar, desta maneira, que o dito proceso de antropización é froito da interacción entre os propios factores naturais e antrópicos. Así, o modo en que son aproveitados e xestionados os recursos dese patrimonio natural (os fluxos de enerxía, auga-ciclo hídrico, outros materiais e a atmosfera) constitúe o que se pode denominar o metabolismo do sistema urbano, mentres que os múltiples fluxos socioeconómicos posibles sintetízanse na variable ou bloque de mobilidade.

A paisaxe, como manifestación plurisensorial, configúrase como elemento de síntese ou resultado de todas as relacións e interaccións naturais e antrópicas.

O devandito modelo conceptual considerou que os principios e os obxectivos de sustentabilidade enunciados pódense organizar en dous eixos fundamentais: a eficiencia ambiental e a cohesión social sobre os cales se sustente o avance cara a un modelo territorial sustentable, e que ten a súa orixe na posta en relación coas liñas estratéxicas do novo modelo territorial de Galicia definidas na memoria das DOT.

Así, as liñas estratéxicas definidas na memoria das DOT e recollidas na memoria ambiental correspondente ao proceso de avaliación ambiental estratéxica oriéntase a:

A. Favorecer a compacidade, harmonizar o desenvolvemento das cidades e previr a urbanización difusa.

B. Fortalecer os núcleos tradicionais, o litoral e valorizar o territorio.

C. Mellorar a accesibilidade, a mobilidade e as comunicacións no territorio.

D. Frear o despoboamento rural e favorecer o reequilibrio territorial.

E. Potenciar o sector primario como parte esencial do medio rural.

F. Protexer o patrimonio natural e cultural.

G. Incorporar a perspectiva do metabolismo urbano para unha maior eficiencia ambiental.

H. Afianzar o protagonismo exterior de Galicia.

E un territorio estruturado conduce a unha maior eficiencia dos ciclos e fluxos metabólicos e a unha maior equidade de oportunidades e accesibilidade, atinxindo unha maior cohesión social.

O esquema reflicte o modelo conceptual proposto para o sistema de indicadores de sustentabilidade territorial: liñas estratéxicas trazadas a partir dos criterios-obxectivos, e todo segundo os dous eixos fundamentais de eficiencia ambiental e coherencia social na configuración dun modelo territorial sustentable e en equilibrio.

A posición central do obxectivo de integración paisaxística, en relación directa co resto de obxectivos a través dos diferentes eixos de sustentabilidade vén xustificada polo recoñecemento holístico da paisaxe, en coherencia co seu tratamento na Lei de protección da paisaxe de Galicia, de xuño de 2008, e coa súa definición no Convenio europeo da paisaxe, que entrou en vigor en 2004.

3. Metodoloxía de traballo.

3.1. Órganos.

Os órganos que interveñen no seguimento son os seguintes:

1. Órgano promotor: a consellería competente en materia de ordenación do territorio. É o órgano promotor que deberá realizar o seguimento das devanditas directrices conforme o disposto no artigo 8 da Lei 6/2007.

2. Comisión de Seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia: o Decreto 156/2012, do 12 de xullo, crea a Comisión de Seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia, órgano responsable de desenvolver e adaptar o sistema de indicadores aplicándoo proporcionalmente ao grao de desenvolvemento das DOT, coa finalidade última de dar cumprimento ao mandado que recolle o artigo 10.10 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (en diante LOTGA).

A Comisión de Seguimento foi creada como órgano de coordinación técnica dos departamentos, organismos e entes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e responsable última da aprobación dos contidos da memoria que anualmente se elevará ao Parlamento galego (art. 11 da LOTGA), e será a encargada de aprobar o informe de seguimento, de carácter anual.

3. Grupos técnicos de traballo (en diante GTT): no seo da Comisión de Seguimento constituíronse diferentes grupos técnicos de traballo, nos cales cada consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidade pública instrumental, se for o caso, con competencias na área de que se trate, está representada.

Creáronse atendendo á propia estrutura orgánica da Xunta de Galicia e ás propias competencias de cada consellería, tendo en conta o ISA e a memoria ambiental das DOT, que estrutura os indicadores en bloques e subbloques que enlazan cos campos competenciais.

Cada grupo está constituído por unha persoa representante do órgano ambiental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, do órgano competente en materia de estatística, por un representante da consellería da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidade pública instrumental con competencias na materia en que se baseen as ferramentas do número 3.2, e por dous representantes do Instituto de Estudos do Territorio, organismo que desenvolverá os labores de apoio, análise e coordinación técnica do traballo nos diferentes GTT. O representante do departamento que teña as competencias na materia a que se refira o grupo de traballo actuará como fonte e validador dos datos e dos indicadores asignados ao dito grupo.

O órgano ambiental participará no seguimento e poderá recadar a información e realizar as comprobacións que considere necesarias para verificar a información que figure no informe de sustentabilidade ambiental.

4. O Instituto de Estudos do Territorio (en diante IET): neste decreto sinálase o Instituto de Estudos do Territorio como o soporte técnico para o desenvolvemento das funcións da Comisión de Seguimento, que levará a cabo labores de coordinación entre os grupos de traballo e a comisión, tarefa integrada na función de prestar apoio á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio na realización da avaliación continua dos instrumentos de ordenación territorial que lle atribúe o Decreto 244/2011, do 29 de decembro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio. O IET formula, os GTT elaboran, consensúan e propoñen á Comisión, e esta aproba.

3.2. Ferramentas.

Para o deseño das ferramentas que fagan posible facer o devandito seguimento, dos obxectivos e determinacións das DOT e, consecuentemente, dos instrumentos que as desenvolven, resulta necesario modelizar a realidade desde a perspectiva dos obxectivos destes instrumentos.

Entre os métodos para empregar inclúese un sistema de indicadores, que deberá ser o máis obxectivo posible considerando as posibilidades dos datos ou fontes.

Esta modelización levarase a cabo mediante un conxunto de ferramentas que pretenden dar resposta a tres cuestións clave: facemos o que establecemos nos instrumentos de ordenación en vigor?, é eficaz para a sustentabilidade? e, finalmente, como percibe a cidadanía o desenvolvemento deste instrumentos?.

A primeira identificación de ferramentas posible fíxoas o ISA das DOT e foron recollidas na memoria ambiental a modo de mínimos que deberían ser desenvolvidos polo plan de seguimento que se definise.

O sistema de indicadores permitirá avaliar a sustentabilidade da planificación territorial derivada das DOT mediante o seguimento da súa evolución e a verificación do cumprimento dos obxectivos xerais propostos, así como dos obxectivos específicos establecidos para cada unha das variables.

3.2.1. Indicadores de desenvolvemento e implantación.

Teñen por obxecto mostrar o grao de cumprimento das obrigas concretas establecidas polas DOT no que se refire aos instrumentos que, segundo elas, debe desenvolver a Comunidade Autónoma para acadar os obxectivos estratéxicos de sustentabilidade. Algúns destes indicadores establécense na propia tramitación ambiental das DOT, entendendo que o desenvolvemento destes instrumentos suporá unha ordenación do territorio en clave de sustentabilidade, é dicir, a planificación vertical ou en cadoiro será a ferramenta documental que dirixa as actuacións no territorio para que estas sexan a resposta coherente coas necesidades da sociedade.

3.2.2. Indicadores de sustentabilidade territorial.

Para a cuestión clave, a que cuestiona a súa eficacia cara á sustentabilidade, proporase un sistema de indicadores baixo a denominación de «indicadores de sustentabilidade territorial». Estes xurdirán das variables de sustentabilidade do ISA das DOT e do POL, recollidas na súa memoria ambiental e do traballo análise e ensaio que se realizará no seo dos grupos técnicos de traballo.

A función ou obxecto do sistema de indicadores de sustentabilidade territorial é compartida coa do propio Plan de seguimento e substánciase na maior obxectivación posible dos efectos derivados da planificación territorial a partir dos datos obtidos deles e a súa extrapolación aos obxectivos marcados polas DOT e os distintos instrumentos que as desenvolven.

A definición do modelo conceptual do sistema de indicadores de sustentabilidade territorial xorde, como xa se indicou no número 2, dos procesos de avaliación ambiental estratéxica das DOT e mesmo do POL; estes indicadores de sustentabilidade territorial agrúpanse en bloques definidos segundo os elementos clave do territorio e as variables de sustentabilidade ambiental que atopan a súas equivalencias nos obxectivos específicos, que sinalan as DOT, para cada un deles.

Neste aspecto cómpre sinalar que, para formular a proposta do modelo conceptual do sistema de indicadores, é preciso incorporar a consideración dos aspectos clave para a sustentabilidade xa recollidos nos ISA destes documentos, así como nos seus documentos de referencia dos procesos de avaliación ambiental estratéxica. Definidas as variables, e despois da reflexión sobre as oportunidades e riscos que leva consigo a implementación dos diferentes instrumentos de planificación territorial, identifícase unha serie de efectos previsibles e extráese unha serie de aspectos clave que é necesario valorar.

Estes aspectos clave refírense, a modo de exemplo, a cuestións tales como a calidade do solo ou a súa exposición a riscos, a cohesión social ou a calidade de vida da poboación, a calidade do aire, da auga, o consumo enerxético ou as necesidades de mobilidade. Estes aspectos clave permitirán detectar as posibles interaccións entre as determinacións establecidas polas DOT e as variables de sustentabilidade. Para identificar as relacións entre os aspectos clave e as determinacións incluídas nas DOT, así como para caracterizalas, no ISA confrontáronse todas as determinacións cos aspectos clave susceptibles de sufriren algún efecto.

Por último, faltaría considerar os obxectivos específicos de sustentabilidade para cada unha das variables ou bloques do sistema. Estes obxectivos, adaptándose ás características da realidade galega, responden á integración das tres liñas de acción fundamentais da política territorial da UE: o desenvolvemento dun sistema equilibrado e policéntrico de cidades e unha nova relación entre campo e cidade, a garantía dun acceso igualitario ás infraestruturas e ao coñecemento, a protección da natureza e do patrimonio cultural e ao desenvolvemento sustentable.

A definición das relacións entre as variables ou bloques identificados para o modelo e os obxectivos de sustentabilidade determinados para cada un deles concreta unha parte fundamental do modelo conceptual do sistema de indicadores.

Seguindo na liña da síntese e da conceptualización, os principios e os obxectivos de sustentabilidade pódense organizar en dous eixos fundamentais: a eficiencia ambiental e a cohesión social, sobre os cales se sustente o avance cara a un modelo territorial sustentable.

Todos os indicadores-tema agrupados nestes bloques permitirán valorar os efectos das determinacións das DOT na ordenación territorial e urbanística, e valorar a eficacia para encamiñar Galicia cara á sociedade da sustentabilidade.

3.2.3. Enquisa de percepción territorial e urbanística.

Establecido no ISA das DOT, outro elemento que se considera complementario é aquel que é capaz de reflectir a percepción da cidadanía sobre a calidade de vida e do medio físico que habita. Para tal fin, proponse a realización dunha enquisa de percepción territorial e urbanística (en diante EPTU), que ten por obxecto incorporar á xestión dinámica do territorio a consideración da percepción territorial da poboación acerca da situación da calidade da vida nas cidades e no rural, así como a valoración acerca das melloras levadas a cabo ou pretendidas polos instrumentos de ordenación do territorio e/ou de urbanismo.

Como aproximación xeral, os aspectos máis significativos que inciden na calidade de vida e que son dependentes da tarefa de ordenación do territorio pódense resumir nos seguintes puntos ou temas:

• Acceso a servizos urbanísticos e dotacións (equipamentos e espazos libres).

• Proximidade a servizos comerciais.

• Opcións ou alternativas para a mobilidade obrigada.

• Calidade ambiental desde o punto de vista do confort e a minimización de problemas para a saúde. Isto pódese traducir na minimización da contaminación de calquera tipo.

Considerando estes aspectos e os mencionados nas orientacións recollidas nos ISA correspondentes (a-e), a modo de síntese, tense que a EPTU debería conseguir a seguinte información:

• Servizos urbanísticos: existencia ou acceso, calidade e valoración de melloras levadas a cabo ou pretendidas.

• Dotacións (equipamentos e espazos libres): existencia ou acceso, calidade e valoración de melloras levadas a cabo ou pretendidas.

• Opcións ou alternativas para a mobilidade obrigada: existencia, calidade.

• Calidade ambiental: problemas identificados e valoración de melloras levadas a cabo ou pretendidas.

• Satisfacción global en atención aos temas anteriores.

• Paisaxe: satisfacción coa paisaxe urbana, rural ou global.

A maiores dos propostos no ISA das DOT, os órganos definidos neste plan poderán revisar, e mesmo completar, as distintas ferramentas propostas.

3.3. Procedemento do seguimento.

Deséñase unha metodoloxía de traballo que establece tres fases coas distintas funcións dos órganos implicados. O fluxo do traballo que se realizará, consiste en:

– O Instituto de Estudos do Territorio formula as propostas e coordina os GTT.

– Os grupos técnicos de traballo analizan, consensúan e validan as propostas.

– A Comisión de Seguimento aproba o informe de seguimento.

Primeira fase:

O Instituto de Estudos do Territorio formula as propostas para as ferramentas que se empregarán (indicadores e enquisa) no plan de seguimento.

O punto de partida da elaboración das propostas é o plan de seguimento da memoria ambiental do procedemento de avaliación ambiental estratéxica das DOT e o indicado no seu ISA.

Para a formulación das ditas propostas deben seguirse os seguintes criterios:

– Criterios en relación aos indicadores :

Os indicadores que se propoñan cumprirán cunha serie de características básicas:

• Estarán relacionados cos obxectivos de maneira que presenten a evolución da aplicación das DOT cara ás intencións declaradas.

• Serán facilmente medibles e susceptibles de analizar en series temporais.

• Reflectirán a evolución temporal, de xeito que poden analizarse para prever ou corrixir tendencias negativas.

• O seu número será suficientemente reducido, co obxectivo de ser facilmente comprensible por todos os axentes implicados.

• Estarán facilmente dispoñibles.

• Cada indicador debe mostrar un aspecto concreto do desenvolvemento nalgunha das súas dimensións e permitir tirar conclusións sobre a realidade parcial que describe. Do mesmo xeito, un conxunto de indicadores, como agregado de realidades parciais que coinciden no tempo, terá un potencial relevante para a análise estrutural, como suma de descricións parciais, xa que supón a obtención de información relevante desde perspectivas distintas.

• Os resultados dos distintos indicadores deberán facilitar una lectura en termos de tendencia sobre os aspectos clave da sustentabilidade, co obxectivo, se for o caso, de poder deseñar medidas que permitan reconducir aquelas que non sexan coherentes cos obxectivos estratéxicos das DOT e os instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo que as desenvolvan.

– Criterios en relación á enquisa:

No que se refire á enquisa de percepción territorial e urbanística, esta deberá, segundo recolle o ISA das DOT, permitir coñecer a valoración de cuestións territoriais e urbanísticas como a satisfacción xeral da cidadanía e da veciñanza cos niveis de calidade de vida acadados en relación á ordenación territorial; as posibilidades de mellora estrutural e puntual; as melloras percibidas da acción das distintas administracións sobre o territorio en desenvolvemento das determinacións das DOT; a calidade de espazos públicos, dos servizos e a idoneidade do seu dimensionamento e a satisfacción coa paisaxe urbana, rural ou global.

O proceso de deseño da EPTU parte de dúas enquisas, xa existentes, no plan estatístico do órgano con competencias en materia de estatística, que manteñen relación cos obxectivos expostos; trátase de dous cuestionarios empregados polo Instituto Galego de Estatística relativos á enquisa de condicións de vida das familias e á enquisa social: fogares e medio ambiente. En colaboración co órgano con competencias en materia de estatística proporase unha serie de modificacións destes capaces de daren resposta aos obxectivos da EPTU.

Segunda fase:

– Dáse traslado das propostas a cada departamento para o seu coñecemento e análise.

– Procédese a convocar o grupo técnico de traballo correspondente.

Reunido o GTT, estuda a proposta e formula a correspondente conclusión, que pode ser a súa validación ou modificación e incluirá a avaliación dos resultados e, de ser o caso, as posibles medidas de resposta a estes. Desta reunión levantarase unha acta.

Deste xeito, o sistema de indicadores irase actualizando ao longo do tempo de estudo, en función de mellores fontes de información ou coñecementos técnicos implementados.

O IET, vista a proposta dos GTT, redactará un informe de seguimento que se elevará á Comisión de Seguimento.

Terceira fase:

– A Comisión de Seguimento reunirase e aprobará o informe de seguimento.

O conxunto de ferramentas que se definan na primeira anualidade de avaliación será unha primeira proposta que deberá irse completando e modificando en atención aos resultados, ás tendencias mostradas, aos datos de que se dispoña ou aos posibles novos obxectivos, máis concretos, que se tentan acadar.

Por isto, o sistema de seguimento actualizarase periodicamente en función da actualización dos datos que serven de base á formulación dos indicadores (IDI / IST) ou á enquisa de percepción territorial e urbanística.

O seguimento dos resultados destas ferramentas poderá sinalar desviacións non previstas respecto dos obxectivos e os posibles efectos, que fagan preciso implementar medidas correctoras para reconducir cara unha maior sustentabilidade determinadas dinámicas no territorio.

Neste caso, elaboraranse propostas de corrección das tendencias negativas, que avaliarán os grupos de traballo e que a Comisión de Seguimento recomendará incorporar nas actuacións das administracións públicas, co obxecto de serviren de apoio para ao establecemento de estratexias de desenvolvemento acordes cos parámetros de sustentabilidade.

Tanto a definición das ferramentas como os seus resultados ou as recomendacións que, de ser o caso, se formulen, formarán parte do informe periódico de seguimento.

4. Informe do seguimento.

4.1. Formalización do seguimento.

Un dos labores máis importantes da investigación en materia de sustentabilidade é a distribución do coñecemento nesta materia á sociedade, mediante a comunicación entre persoas expertas, políticos/as e público en xeral.

Para isto, é preciso plasmar os traballos realizados pola Comisión de Seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia nun soporte documental que permita coñecer, e mesmo avaliar, os progresos cara a unha sociedade máis sustentable no marco temporal do estudo, dun xeito transparente, cunha vocación de difusión de coñecemento e participación cidadá en todas as súas facetas sociais, científicas e políticas.

Para estes efectos, e cos resultados acadados, o IET elaborará un informe de seguimento, de carácter anual, que será aprobado pola Comisión de Seguimento. Este informe fundamentará a memoria que se debe remitir anualmente ao Parlamento segundo o artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro.

Este informe ten por obxecto dar a coñecer periodicamente información contrastada e relevante, relativa á situación en materia de desenvolvemento sustentable, que permita facer unha prospectiva e así poder manter ou corrixir o rumbo das políticas e actuacións na Comunidade Autónoma de acordo cos obxectivos formulados nas DOT.

Este informe pretende obxectivar os progresos cara a un desenvolvemento sustentable, utilizando os mellores indicadores posibles, así como as ferramentas que mellor mostren a percepción que a cidadanía ten desta evolución, como pode ser a enquisa de percepción territorial e urbanística.

Deste xeito, este coñecemento porase ao dispor tanto dos responsables nas tomas de decisión como para as propostas de técnicos, expertos e investigadores, así como para coñecemento da sociedade.

4.2. Estrutura e contido do informe.

O informe conterá a información precisa do desenvolvemento do Plan de seguimento da sustentabilidade territorial no que se refire ao resultado das ferramentas que o constitúen, así como a memoria do traballo desenvolvido polos órganos implicados (Comisión de Seguimento, grupos técnicos de traballo e o Instituto de Estudos do Territorio).

Incluirá unha avaliación do conxunto dos indicadores analizados e as súas interaccións e deberá proporcionar unha visión integradora dos indicadores analizados e ofrecerase unha comprensión global do estado en que se atopan os aspectos socioeconómicos e ambientais, apuntando unha reflexión sobre as tendencias e perspectivas de futuro arredor do modelo de desenvolvemento.

O informe dará a coñecer os resultados das ferramentas empregadas no Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial, de xeito pormenorizado; a definición e valores obtidos dos diferentes indicadores estruturados en función das diferentes estratexias ou obxectivos clave formulados nas DOT e que recollen os grandes marcos estratéxicos e normativos en materia de sustentabilidade vixentes na UE e en España.

Conterá unha análise detallada do total de indicadores estudados e organizados en sete bloques: patrimonio natural, ocupación do territorio, sociedade e economía, patrimonio cultural, mobilidade, metabolismo e paisaxe. Cada un dos indicadores formalizarase nunha ficha individualizada que incluirá os aspectos necesarios para unha correcta definición e congruencia co alcance e escala de aproximación. Así mesmo, o informe conterá un capítulo específico relativo á percepción da cidadanía sobre a situación das variables de sustentabilidade a partir da enquisa de percepción territorial e urbanística.

Así mesmo, o informe fornecerá unha diagnose da situación de partida, que recolla as características máis salientables do territorio de estudo, a metodoloxía empregada, os resultados obtidos dos indicadores formulados e da enquisa de percepción territorial e urbanística, así como unha valoración de todos eles, tendo en conta a súa relevancia e a información fornecida pola interacción entre diferentes variables.

4.3. Publicidade.

A publicidade do Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial parte da premisa da necesidade de pór á disposición da cidadanía, como destinatario último, todos os datos relativos ao desenvolvemento sustentable de Galicia, e que este sexa o mecanismo primario de interlocución permanente no diálogo e punto de encontro das diferentes informacións e coñecementos que se vaian xerando arredor da sustentabilidade territorial.

Con este obxectivo, porase á dispor unha plataforma de xestión do plan como punto de acceso na rede no cal se descargue toda a información xerada como consecuencia do seguimento do desenvolvemento das DOT, un acceso para consulta, difusión e investigación dos resultados xerados polo modelo de seguimento da sustentabilidade territorial.

A plataforma permitirá a xestión e cálculo da maioría dos indicadores mediante a conexión e actualización automática das fontes de datos, así como a análise e tratamento dos datos. Incluirá un visor xeográfico para análises xeoespaciais en calquera formato, xa sexan mapas, táboas ou gráficos.

Procederase á divulgación do informe antedito que facilite unha consulta estruturada e global dos resultados.

4.4. Memoria para o Parlamento.

Unha vez que entre en vigor, o decreto polo que se regula o procedemento de seguimento dos obxectivos e determinacións das Directrices de ordenación do territorio de Galicia, e con carácter anual, remitirase ao Parlamento a memoria prevista no artigo 11 da Lei 10/1995. Esta memoria será elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio que, antes da súa remisión ao Parlamento, dará conta á Comisión de Seguimento das DOT creada polo Decreto 156/2012, do 12 de xullo.

Basearase no informe de seguimento e incluirá a relación, definición e resultados dos sistemas de indicadores e das demais ferramentas empregadas no Plan de seguimento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e da sustentabilidade territorial de Galicia.

Ademais, conterá unha introdución ou referencia aos antecedentes, obxectivos e metodoloxía, e un epígrafe final que condensará, de xeito resumido, as conclusións extraíbles dos resultados obtidos, así como dos procesos de traballo e os de divulgación implementados.

missing image file