Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 9 de decembro de 2013 Páx. 47215

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de novembro de 2013 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial 6/1985, do 1 de xullo, prevé no seu artigo 472.2 que por razóns de urxencia ou necesidade se poderán nomear funcionarios interinos, que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento.

O artigo 489 da dita lei orgánica determina que o Ministerio de Xustiza ou, se fose o caso, os órganos competentes das comunidades autónomas que recibisen os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza serán competentes para o nomeamento de interinos, de acordo cos criterios obxectivos que se fixen na orde ministerial ou, se fose o caso, na disposición da comunidade autónoma que recibise os traspasos de medios persoais para o funcionamento da Administración de xustiza.

En virtude do establecido no artigo 20.1 do Estatuto de autonomía de Galicia e da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ao servizo da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e asumida pola Xunta de Galicia a través do Decreto 438/1995, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e mais dos corpos de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial dependen organicamente da comunidade autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á cal lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Neste marco legal correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regular con criterios obxectivos o nomeamento de funcionarios interinos –que deberán posuír os requisitos e a titulación necesarios para o ingreso no corpo respectivo–, o prazo da súa toma de posesión e mais o seu cesamento.

Dado que rematou a vixencia das bolsas de interinos anteriores, e tendo en conta a experiencia adquirida na súa xestión, procede efectuar unha nova convocatoria e introducir modificacións con respecto á anterior Orde do 10 de febreiro de 2009.

Polo anteriormente exposto, tras informe do Consello Xeral do Poder Xudicial e logo da negociación coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Xustiza,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é a regulación do procedemento de selección, nomeamento, permanencia e cesamento do persoal funcionario interino ao servizo da Administración de xustiza en Galicia para desempeñaren as funcións legalmente reservadas aos corpos nacionais de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial.

2. Esta regulación comprende a selección dos candidatos e a formación e integración destes en bolsas de traballo e mais en bolsas de reserva, así como tamén o establecemento do procedemento para o seu nomeamento e cesamento como funcionarios interinos.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. As disposicións contidas nesta orde serán aplicables ao nomeamento de interinos para traballar en todos os centros de destino da Administración de xustiza radicados na Comunidade Autónoma de Galicia desempeñando funcións dos corpos xerais de funcionarios ao servizo da dita administración.

2. Queda excluído do ámbito de aplicación desta orde o nomeamento dos secretarios e persoal dos xulgados de paz que non estean dotados con cadro de persoal ao servizo da Administración de xustiza.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos do disposto nesta orde, entenderase por:

a) Bolsa de traballo: conxunto de candidatos seleccionados para seren designados funcionarios interinos, ordenados nunha lista en función da puntuación obtida na valoración dos méritos. Seguindo a orde da lista produciranse os nomeamentos.

b) Bolsa de reserva: lista ordenada das persoas que poderán ser nomeadas funcionarios interinos se se esgota a bolsa de traballo.

Artigo 4. Normas xerais

1. Por razóns de urxencia ou de necesidade, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Xustiza, poderá nomear interinos para desempeñaren tarefas dos corpos de funcionarios mencionados no artigo 1 desta norma, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios titulares de carreira.

2. Os nomeamentos de interinos produciranse, de acordo coas necesidades do servizo e coas dispoñibilidades orzamentarias, para ocuparen provisoriamente postos vacantes ou para supliren ausencias prolongadas de titulares. Tamén se poderán acordar como medida de apoio cando por causas obxectivas de carácter urxente sexa necesario reforzar os cadros de persoal.

Artigo 5. Participación, información e seguimento

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ao Servizo da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos a través dunha comisión paritaria integrada por cadanseu representante dos sindicatos e da Dirección Xeral de Xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. En cada xefatura territorial constituirase unha comisión de selección dos integrantes das bolsas, que deberá reunirse polo menos unha vez ao mes para analizar as peticións e levar o control da correspondente bolsa. Estas comisións estarán compostas por un representante da xefatura territorial e por cadanseu representante dos sindicatos que conformen a Mesa Sectorial de Xustiza.

3. A Comisión Paritaria de Interinos será a encargada da vixilancia, control e seguimento da correcta aplicación do contido na presente orde. Así mesmo, resolverá as cuestións interpretativas que poidan xurdir coa finalidade de aplicar criterios homoxéneos e evitar posibles contradicións.

4. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicitar a información que consideren precisa sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de funcionarios interinos, así como ter acceso informático ás bolsas ou, á falta deste acceso, obter as copias correspondentes.

5. Nas comisións a que se refire o presente artigo procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Capítulo II
Formación das bolsas

Artigo 6. Bolsas de traballo e bolsas de reserva

1. A selección dos que desexen ser chamados para cubrir postos con carácter temporal realizarase mediante a inclusión das persoas que acrediten máis méritos en bolsas de ámbito provincial. Os candidatos figurarán na zona de preferencia indicada na súa solicitude.

2. Cada bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 10 desta orde.

3. Formarase unha bolsa de traballo para cada un dos corpos de funcionarios, e seguindo a orde de lista da dita bolsa produciranse os nomeamentos como funcionario interino.

4. De se esgotar a bolsa de traballo, chamaranse os integrantes da bolsa de reserva.

5. No caso de esgotarse tamén a bolsa de reserva, e mentres non se formen novas bolsas, ofreceráselles a posibilidade de aceptaren voluntariamente o nomeamento aos integrantes da bolsa do corpo inmediatamente superior e, subsidiariamente, aos do corpo inmediatamente inferior que posúan os requisitos esixidos para o posto concreto. No caso de non existir ningún, poderanse chamar os solicitantes que, baremados, non foron incluídos nin na bolsa de reserva; e, por último, poderase acudir ás listas do servizo público de emprego da comunidade autónoma.

6. De se produciren baixas definitivas nas bolsas de traballo, serán cubertas polos integrantes da bolsa de reserva segundo a orde de puntuación inicial, de xeito que se manteña o número inicial de integrantes das bolsas. Pola súa vez, esta bolsa de reserva completarase cos solicitantes admitidos e que non foron incluídos, seguindo a orde de puntuación obtida.

7. En todo caso, só se poderá estar incluído nunha bolsa.

Artigo 7. Composición e vixencia das bolsas

1. O número de integrantes das respectivas bolsas determinarase aplicando as seguintes porcentaxes, que se actualizarán cando entren en funcionamento novos órganos xudiciais ou existan circunstancias excepcionais que o aconsellen, en relación cos cadros de persoal vixentes:

a) Postos reservados ao corpo de xestión procesual e administrativa: para a bolsa de traballo, un 10 % dos postos; para a bolsa de reserva, un 5 %.

b) Postos reservados ao corpo de tramitación procesual e administrativa: para a bolsa de traballo, un 15 % dos postos; para a bolsa de reserva, un 8 %.

c) Postos reservados ao corpo de auxilio xudicial: para a bolsa de traballo, un 25 % dos postos; para a bolsa de reserva, un 13 %.

2. Reservarase o 5 % dos postos de cada bolsa para persoas cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ao 33 %.

3. As bolsas terán unha vixencia de dous anos, salvo que por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a consulta previa á Comisión Paritaria de Interinos.

Artigo 8. Condicións xerais dos candidatos

1. Os candidatos a seren incluídos nas bolsas deberán reunir, na data en que finalice o prazo de presentación de instancias e na data de toma de posesión do posto, as condicións sinaladas nas letras a), b), c) e mais e). As condicións que se sinalan nas letras d) e f) deberán ser posuídas polos candidatos só na data en que finalice o prazo de presentación de instancias.

As ditas condicións son as seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Ter 16 anos de idade e non chegar á idade de xubilación.

c) Non estar inhabilitado por:

1. Ter sido condenado por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que obtivese a cancelación dos antecedentes penais ou a rehabilitación.

2. Ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera Administración pública, e non estar inhabilitado para o desempeño das funcións públicas, agás que fose debidamente rehabilitado.

3. Ter sido cesado como interino por falta de capacidade ou rendemento nos últimos tres anos.

d) Figurar inscrito no servizo público competente como demandante de emprego ou como mellora de emprego, agás que se atope traballando ou estea nas bolsas de interinos da Administración de xustiza.

e) Non ter causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

f) Non padecer defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que o incapacite para o posto de traballo.

2. Os aspirantes que se presenten pola cota de reserva de persoas con discapacidade deberán ter recoñecida a condición legal de discapacidade cun grao igual ou superior ao 33 %, así como acreditar a compatibilidade para o desempeño das funcións correspondentes ao corpo a que se presenten mediante certificado expedido para o efecto polo órgano competente, que deberá presentarse canda a instancia.

Artigo 9. Condicións específicas dos candidatos

1. Os candidatos deberán posuír, ou estar en condicións de obter antes de finalizar o prazo de presentación de instancias, a titulación que se indica a seguir. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase achegar canda a solicitude o documento orixinal, ou unha copia cotexada deste, que acredite a súa homologación:

a) Para postos do corpo de xestión procesual e administrativa: diplomatura universitaria, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou equivalente.

b) Para postos do corpo de tramitación procesual e administrativa: título de bacharelato ou equivalente.

c) Para postos do corpo de auxilio xudicial: graduado en educación secundaria obrigatoria ou equivalente.

2. Ademais das titulacións requiridas para cada corpo, exixirase ter aprobado algún exercicio das probas selectivas de calquera das dúas últimas convocatorias de oposicións para o acceso ao corpo en cuxa bolsa solicita ser incluído, ou ter prestado servizos en calquera dos corpos funcionariais da Administración de xustiza durante un período mínimo de seis meses, requisitos que deberán posuír os solicitantes antes de finalizar o prazo de presentación de instancias.

3. Para a inclusión nas bolsas dos corpos de xestión procesual e administrativa e tramitación procesual e administrativa deberase acreditar experiencia na utilización do procesador de tratamento informatizado de textos. Considérase acreditada esta experiencia para aquelas persoas que, incluídas nas dúas últimas bolsas de traballo ou de reserva, desempeñaron durante polo menos seis meses, en calquera delas, postos de xestor ou tramitador na Administración de xustiza. Así mesmo, considerarase acreditada esta experiencia para aquelas persoas que superaron probas sobre o procesador de tratamento informatizado de textos en procesos selectivos para ingreso nas administracións públicas nos últimos tres anos, así como para aquelas que presenten unha certificación ou un diploma acreditativo expedido por un centro de formación recoñecido oficialmente, ou por un organismo ou institución oficiais ou organización sindical. Deberase indicar a norma de homologación ou recoñecemento e achegarse canda a instancia.

Artigo 10. Ordenación dos interesados nas bolsas

1. Os candidatos que reúnan as condicións establecidas nos artigos anteriores serán seleccionados e ordenados na correspondente bolsa en función da baremación dos seus méritos.

Valoraranse e baremaranse os seguintes méritos:

1º. Probas de acceso:

a) Superación de exercicios das últimas oposicións realizadas para o corpo a que se opta:

– Para os corpos de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial: 5 puntos por cada exercicio superado da última oposición. Puntuación máxima: 10 puntos.

– Para o corpo de xestión: 3 puntos polo primeiro exercicio, 3 puntos polo segundo exercicio e 4 puntos polo terceiro exercicio, todos eles correspondentes á última oposición. Puntuación máxima: 10 puntos.

– Para todos os corpos: 2,5 puntos por cada exercicio superado na penúltima oposición. Puntuación máxima: 5 puntos.

b) Superación de exercicios doutras oposicións de Xustiza, cunha puntuación máxima de 5 puntos:

– Por calquera exercicio superado nas tres últimas oposicións dos distintos corpos da Administración de xustiza, excepto se xa se valorou conforme o disposto na anterior letra a): 1 punto.

Os candidatos que aprobasen todos os exercicios de calquera das oposicións realizados desde a convocatoria da última bolsa terán dereito a ser incorporados directamente á correspondente bolsa de traballo, na cal quedarán colocados, se non posúen máis méritos ca os sinalados neste artigo, na orde correspondente á puntuación ou nota que obtivesen na oposición.

Puntuación máxima desta epígrafe: 20 puntos.

2º. Tempo de servizos prestados:

0,25 puntos por cada mes completo de servizo como funcionario interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído, computándose a antigüidade computarase desde o ano 1992.

Tamén se valorarán, se é o caso, na bolsa de xestión os servizos como oficial interino; na de tramitación, os servizos prestados como oficial e como auxiliar; e na de auxilio, os servizos como auxiliar e mais como axente.

Puntuación máxima deste apartado: 21 puntos.

3º. Coñecemento da lingua galega:

– Certificado Celga 4 ou equivalente: 1 punto.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: 1,5 puntos.

– Curso de linguaxe xurídica superior: 2 puntos.

Terase en conta a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis do coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 146, do 30 de xullo). Só se valorará o curso de maior nivel dos presentados. Tampouco se lles valorarán os cursos de iniciación e perfeccionamento aos solicitantes que acrediten o curso básico de linguaxe xurídica.

Puntuación máxima desta epígrafe: 2 puntos.

4º. Formación informática:

– Grao en informática, enxeñaría informática, licenciatura en Informática ou estudos universitarios equivalentes: 2,5 puntos.

– Técnico superior de formación profesional ou equivalente, títulos universitarios oficiais de diplomatura en informática, enxeñaría técnica de informática de xestión, enxeñaría técnica en informática de sistemas, ou ter superado 180 créditos en estudos de grao en enxeñaría informática ou en estudos universitarios equivalentes: 2 puntos.

– Cursos de informática, ata un máximo de 1,5 puntos: 0,010 puntos por hora para os cursos con aproveitamento, e 0,005 puntos por hora para os cursos sen aproveitamento.

Puntuación máxima desta epígrafe: 3 puntos.

5º. Cursos de formación continua relacionados coa Administración de xustiza:

– Cursos con aproveitamento: 0,010 puntos por hora lectiva.

– Cursos sen aproveitamento: 0,005 puntos por hora lectiva.

Puntuación máxima desta epígrafe: 2,5 puntos.

6º. Titulación académica:

a) Licenciatura ou grao en dereito: 3 puntos.

b) Por estar en posesión dos títulos universitarios oficiais de licenciatura en Ciencias Políticas e da Administración, ciencias do traballo, Grao en Ciencia Política e da Administración, diplomatura en relacións laborais, diplomatura en xestión e administración pública, diplomatura en graduado social, criminoloxía, ter superados os tres primeiros cursos da licenciatura en dereito ou 180 créditos do grao en dereito ou doutra titulación universitaria equivalente adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior: 1 punto.

Puntuación máxima desta epígrafe: 4 puntos.

2. Os cursos de igual ou similar contido só se computarán unha vez. Os cursos respecto dos cales non conste o número de horas e os de duración igual ou inferior a 5 horas lectivas non se valorarán. Só se computarán os títulos, diplomas ou certificados que acrediten coñecementos obtidos en cursos de formación impartidos en centros oficiais ou recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia, así como os impartidos por organismos ou institucións oficiais dependentes das administracións públicas ou incluídos nos plans de formación destas. Os cursos impartidos polas centrais sindicais só se computarán se forman parte do Acordo de formación continua nas administracións públicas.

Así mesmo, nesta epígrafe non se valorarán materias, certificacións nin cursos que formen parte dunha titulación académica xa valorada noutras epígrafes.

3. No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida seguindo a orde establecida neste artigo. De continuar o empate, terase en conta a puntuación obtida no primeiro exercicio das últimas oposicións realizadas para o corpo a que se opta; e á falta desta, ou de persistir o empate, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza.

Artigo 11. Convocatoria das bolsas

1. A Dirección Xeral de Xustiza é o órgano competente para a convocatoria e constitución das bolsas.

2. A convocatoria para a formación das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse no prazo, forma e lugar que indicará a resolución da convocatoria.

3. Os interinos que se atopen traballando cando se realice a convocatoria terán a obriga de presentar a correspondente solicitude aos corpos a que queiran optar, incluído o corpo en que estean prestando servizos, se posúen a titulación e demais requisitos exixidos.

Artigo 12. Composición das listas e aprobación das bolsas

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Administración puntuará as solicitudes dos aspirantes conforme o baremo establecido no artigo 10 desta orde.

2. Os admitidos figurarán nunha lista provisoria elaborada seguindo a orde alfabética. En canto ás persoas non admitidas, indicarase a causa da exclusión.

3. O anuncio de exposición das listas provisorias publicarase no Diario Oficial de Galicia. As ditas listas poderán consultarse nos taboleiros oficiais da Dirección Xeral de Xustiza, das delegacións territoriais da consellería, do Tribunal Superior de Xustiza, das audiencias provinciais e mais dos xulgados decanos das capitais de provincia e das cidades de Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, así como no sitio web da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e mais na intranet de Xustiza.

4. Os interesados terán dez días hábiles desde a publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio de exposición das listas provisorias para reclamar sobre calquera dos datos contidos na lista ante o órgano que realizou a convocatoria.

5. Cando finalice o prazo previsto no punto anterior, a Dirección Xeral de Xustiza aprobará as bolsas definitivas de seleccionados por cada corpo e provincia, ordenados por puntuación, que se publicarán na forma e lugares establecidos no punto 3 deste artigo. Aqueles solicitantes que acaden unha puntuación suficiente para poder ser incluídos en máis dunha bolsa serán colocados de oficio pola Administración naquela en que obtivesen unha mellor posición.

Artigo 13. Cursos de formación

1. Na convocatoria establecerase a obriga da realización dun curso de formación para aqueles integrantes das bolsas de interinos que non teñan completados, polo menos, seis meses de servizo efectivo como interinos no respectivo corpo dentro dos últimos cinco anos inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria.

2. O curso de formación, que será organizado en función, entre outras circunstancias, do número de integrantes das bolsas obrigados a súa realización ou do número e tipoloxía dos chamamentos previstos, adaptarase as funcións que se desenvolverán en cada corpo e avaliarase mediante unha proba de carácter obrigatorio en que se cualificará o aspirante como apto ou non apto. A asistencia e superación dos ditos cursos é requisito imprescindible para manterse na correspondente bolsa definitiva.

3. Os cursos, que poderán ser en liña, presenciais ou mixtos, serán gratuítos; no entanto, serán por conta dos participantes os gastos de locomoción e similares, sen que en ningún caso a obrigatoria asistencia aos cursos orixine ningunha indemnización a favor dos participantes.

Artigo 14. Período de prácticas

1. Os aspirantes das bolsas que non teñan completados, polo menos, seis meses de servizos efectivos no respectivo corpo nos cinco anos inmediatamente anteriores á data de publicación da convocatoria das bolsas e que sexan nomeados terán a consideración de interinos en prácticas.

2. O período de prácticas terá unha duración de dous meses desde o nomeamento, computándose o dito período de forma continuada ou en períodos acumulables. Durante este período de prácticas terán os mesmos dereitos retributivos ca o resto dos interinos.

3. Finalizado o período de prácticas, o/a director/a funcional, nas súas funcións de colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza, emitirá un informe sobre o rendemento do interino. O informe favorable implicará a superación do período de prácticas e o aspirante quedará integrado con carácter definitivo na bolsa correspondente e, no caso de que continúe prestando servizos, producirase a renovación automática do seu nomeamento como funcionario interino.

4. No momento en que se formalice un novo nomeamento sen que transcorrese o período máximo de dous meses, a correspondente xefatura territorial procederá a comunicarlle ao/a responsable funcional a existencia do dito período de prácticas, coa extensión e alcance destas.

5. No caso de que o informe do/a superior funcional sexa desfavorable, a xefatura territorial iniciará o correspondente expediente contraditorio, en que se poderán solicitar outros informes, e o aspirante a interino afectado poderá presentar as alegacións e propoñer as probas que ao seu dereito conveñan no prazo de cinco días hábiles desde que lle fose notificado o inicio do expediente. Se a xefatura territorial estivese conforme co informe do/a superior funcional, resolverá a non superación do período de prácticas, co conseguinte cesamento no posto e a exclusión definitiva da bolsa. Para estes efectos seguiranse os trámites previstos no artigo 22 da presente orde.

Artigo 15. Chamamento para un posto concreto

Efectuarase segundo os seguintes criterios:

1. Respectarase a orde de puntuación establecida na respectiva bolsa.

2. Se o chamamento lle correspondese a unha persoa que está traballando como interina na Administración de xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, pasaralle a vez e conservará o mesmo posto na bolsa.

Artigo 16. Exclusión das bolsas.

1. Se a persoa a quen lle correspondese o chamamento para un posto concreto coincidente coa zona de preferencia non acepta o seu nomeamento, non presenta en prazo a documentación prevista nesta orde ou non se presenta para tomar posesión, entenderase que renuncia ao nomeamento e quedará excluída da bolsa.

2. Non procederá a exclusión da bolsa cando a persoa seleccionada demostre e poña en coñecemento da correspondente xefatura territorial as seguintes situacións:

a) Incapacidade temporal, mediante parte de baixa médica expedido por un facultativo da Seguridade Social que acredite a situación de incapacidade o día en que se produce o chamamento.

b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o quinto mes de embarazo e a décimo oitava semana posterior ao parto.

c) Coidado de fillos menores de tres anos de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, enfermidade ou accidente non se poida valer por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída, sempre que se acredite a convivencia cos devanditos fillos ou familiar.

d) Adopción ou acollemento, se a renuncia se produce dentro das dezaseis semanas seguintes á chegada do adoptado ou acollido ao novo fogar. Este prazo ampliarase en dúas semanas máis no suposto de discapacidade do adoptado ou acollido, e por cada un no caso de adopcións ou acollementos múltiples.

Nos supostos de adopción internacional, se for necesario o desprazamento previo ao país de orixe do adoptado ou acollido, este prazo poderá incrementarse ata tres meses.

e) Incoación de dilixencias xudiciais, nos casos de violencia sobre a muller.

f) Actividade profesional fóra do ámbito da Administración de xustiza, no sector público ou privado. Neste caso o dereito á suspensión do chamamento só se poderá exercer por unha vez.

3. En todos os supostos relacionados no punto anterior, bardante do caso previsto na letra a), o interesado deberá ter solicitada e autorizada a suspensión de chamamentos con anterioridade a que estes se produzan, para o cal deberá presentar na xefatura territorial correspondente a documentación acreditativa necesaria. Así mesmo, cando desapareza a causa, o interesado comunicarallo á xefatura territorial no prazo máximo de dous días hábiles para a súa reincorporación ao seu posto na bolsa respectiva.

Os efectos da suspensión produciranse desde o décimo día natural seguinte ao da presentación da correspondente solicitude no rexistro da xefatura territorial correspondente.

4. Serán excluídos das bolsas os integrantes que o soliciten, e a non ser que concorra causa xustificada alegada e acollida favorablemente pola comisión de selección, en calquera momento durante a súa vixencia, os que deixasen de reunir as condicións previstas nesta orde, así como os que solicitasen o cesamento voluntario no posto onde estean a traballar, salvo que sexa para traballar noutro posto na Administración de xustiza. Neste caso aplicarase o disposto no número anterior.

Así mesmo, serán excluídas das bolsas as persoas preseleccionadas que non cumpran coa obriga de comunicar a súa participación na oferta de prazas da súa zona de preferencia, aínda que as prazas ofertadas fosen cubertas polos outros preseleccionados, xa que neste caso se entenderá que rexeitan o chamamento.

Capítulo III
Solicitudes, nomeamentos e cesamentos de interinos

Artigo 17. Causas para o nomeamento de interinos

1. Só se poderá proceder ao nomeamento de persoal interino por algunha das causas que se sinalan nos artigos 18 e 19 desta orde.

2. En todo caso, o nomeamento de persoal interino terá un carácter excepcional e subsidiario, ao cal se poderá recorrer cando non exista outra medida máis efectiva para paliar as consecuencias de situacións de longa ausencia de funcionarios titulares ou cando haxa necesidade de nomear reforzos. No caso de reforzos, terá un carácter preferente a concesión de prolongacións de xornada a favor de funcionarios en activo, aceptadas por estes coa obriga de cumprir un mínimo de corenta horas semanais de xornada laboral.

Artigo 18. Peticións e nomeamento de interinos para cubrir situacións de ausencia de funcionarios titulares

1. Só se procederá ao nomeamento de persoal interino polas seguintes causas, todas elas condicionadas á acreditación da necesidade de cubrir o posto:

a) Por atoparse vacante un posto adscrito ao órgano peticionario.

b) Por causa de enfermidade de longa duración dun funcionario adscrito ao órgano peticionario e acreditada mediante informe médico.

c) Por concesión de permiso ou licenza de longa duración dun funcionario adscrito ao órgano peticionario.

d) Por outro motivo legal do cal derive unha ausencia continuada e duradeira dun funcionario titular adscrito ao órgano peticionario.

2. A solicitude deberaa formular o/a superior funcional do órgano a través da OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza, http://opax.xunta.es), seleccionando a opción que corresponda e gravándoa, logo de cubrir todos os seus puntos (en caso contrario, a solicitude será rexeitada sen máis trámites). Unha vez gravada a solicitude, pasará automaticamente a estar dispoñible na caixa de entrada da correspondente xefatura territorial, que a rexistrará e lle dará continuidade ao trámite. O estado de tramitación de todas as peticións desde a súa gravación estará dispoñible para o órgano solicitante na epígrafe de consulta de solicitudes do/a superior funcional na OPAX (http://opax.xunta.es).

3. O nomeamento do interino nada máis se manterá mentres non sexa cuberto o posto por un funcionario titular por calquera dos medios legais existentes, sen prexuízo do disposto no artigo 21 desta orde.

Artigo 19. Peticións e nomeamento de interinos para reforzo dos órganos xudiciais

1. No marco das medidas de apoio aos órganos da Administración de xustiza que soporten circunstancias conxunturais de carga de traballo extraordinaria ou demora excepcional nos procedementos, que non aconsellen acordar prolongacións de xornada, ou nos cales non haxa funcionarios que as acepten, a Dirección Xeral de Xustiza poderá autorizar, de acordo co disposto na presente orde, a dotación do órgano con interinos de reforzo, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Estas dotacións estarán condicionadas á xustificación, por parte do órgano peticionario, da insuficiencia de recursos para atender a situación que afecta o órgano, así como ao cumprimento dos obxectivos concretos que deberán determinar e fixar os órganos peticionarios. Estes obxectivos estarán incluídos nun plan de actuación, proposto polos ditos órganos, que necesariamente determinará o traballo que vai realizar o persoal interino de reforzo e mais o tempo previsto de duración máxima da medida, de acordo co disposto no punto tres deste artigo. Sen o cumprimento destes requisitos non se admitirá a trámite a petición. Para os efectos de valorar a súa concesión e acreditar a necesidade do reforzo, a Dirección Xeral de Xustiza poderá solicitar os informes que coide precisos.

2. Tamén se poderá nomear provisionalmente persoal de reforzo entrementres se tramita o proceso de aumento do cadro de persoal dun órgano, sempre que tal nomeamento estea xustificado en causas estruturais e non meramente conxunturais ou esporádicas. Este nomeamento terá en todo caso un carácter excepcional.

3. O nomeamento de interino de reforzo será en todo caso por unha duración máxima de seis meses, con posibilidade de prórroga para o suposto de que, por causas debidamente xustificadas polo órgano afectado, non se cumprisen os obxectivos fixados no plan de actuación. Só por causas extraordinarias, xustificadas suficientemente polo órgano peticionario e para os casos de necesidade estrutural, se poderán acordar novas prórrogas.

Será aplicable á concesión de prórrogas o previsto no punto primeiro deste artigo.

4. As solicitudes de nomeamento de interinos de reforzo deberán ser formuladas polo/a superior funcional do órgano peticionario, ante a Dirección Xeral de Xustiza, a través da OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza, http://opax.xunta.es), onde na opción correspondente seleccionarán o tipo de reforzo (novo ou prórroga), o corpo e a duración, cubrindo pola súa vez o plan de actuación. Unha vez feito isto, gravarase a solicitude, momento no cal pasará a estar dispoñible na caixa de entrada da Dirección Xeral de Xustiza, que a rexistrará. Sen o cumprimento destes requisitos non se admitirá a trámite a solicitude.

No momento do seu rexistro xerarase automaticamente unha solicitude de informe ao/a correspondente secretario/a coordinador/a, que o deberá de emitir no prazo máximo de cinco días hábiles. O estado de tramitación das peticións será visible polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a través da Secretaría de Goberno, en todo momento desde o seu rexistro.

5. De conformidade cos criterios establecidos nesta orde, a Dirección Xeral de Xustiza resolverá sobre a solicitude de dotación de interino de reforzo. O estado da tramitación das peticións desde a súa gravación estará dispoñible para o órgano solicitante na epígrafe de consulta de solicitudes do/a superior funcional na OPAX (Oficina Virtual do Persoal da Administración de Xustiza, http://opax.xunta.es), onde figurará tamén a concesión ou denegación, xunto coa motivación da decisión. No caso de concesión da medida, a Dirección Xeral de Xustiza autorizará a xefatura territorial correspondente para que efectúe o nomeamento ou prórroga da medida de reforzo e o remita ao órgano xudicial que corresponda.

6. Mentres permaneza o persoal interino de reforzo, a Dirección Xeral de Xustiza, directamente ou a través das xefaturas territoriais, poderá solicitar un informe do órgano beneficiado sobre a efectividade da medida de reforzo concedida, que estará obrigado a emitilo nun prazo máximo de cinco días hábiles.

7. O nomeamento de persoal de reforzo farase de igual modo ca o nomeamento de interino do artigo 18.

Artigo 20. Selección, chamamento de candidatos e entrega da documentación de toma de posesión

1. O proceso de selección e chamamento de candidatos, así como da aceptación por estes das prazas ofertadas, será telemático. Este proceso divídese en tres fases:

a) Anuncio da oferta de prazas e chamamento de candidatos. Cada mércores –ou, de non poder ser, o día seguinte hábil–, ata as 14.00 horas, os departamentos territoriais competentes para o chamamento publicarán a relación de prazas ofertadas, ordenadas por orde cronolóxica de presentación. Esta relación incluirá as prazas que, aceptadas para a dotación con interino, fosen solicitadas ata as 9.00 horas do día hábil anterior, e expresará se se trata dunha praza vacante, de reforzo ou desocupada, así como tamén o motivo da desocupación. Así mesmo, publicarase a relación de persoas preseleccionadas para cubrir aquelas segundo a orde de prelación que resulta do artigo 10 desta orde, cunha ratio de dúas persoas por cada praza ofertada.

Esta ratio de dúas persoas só se respectaría no caso de que haxa cando menos un candidato da zona de preferencia correspondente para cada unha das prazas ofertadas. Nos demais casos, e para garantir a cobertura das prazas, o sistema informático seleccionará as seguintes persoas dispoñibles dentro da respectiva bolsa de acordo coa súa posición, ata chegar á primeira que asegure o chamamento. De non haber ningún candidato da zona de preferencia da praza ofertada, atenderase ao fixado no punto 3 da disposición adicional segunda desta orde, ata que se regularice a situación.

A publicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX (Oficina do Persoal da Administración de Xustiza), accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo.

b) Aceptación de prazas ofertadas. As persoas incluídas na relación de preseleccionadas disporán dun termo, que irá desde a publicación ata as 14.00 horas do día seguinte hábil, para cumprir coa obriga de comunicar a aceptación de prazas (establecendo entre elas a orde de preferencia no caso de aceptaren varias) ou para manifestar expresamente o seu rexeitamento da oferta. A comunicación de cada participante deberá conter, como mínimo, todas as prazas que sexan da súa zona de preferencia. A aceptación será obrigatoria para a zona de preferencia, sendo soamente posible modificar a orde de preferencia na elección. De non comunicar a súa participación, aínda que as prazas fosen cubertas polos outros participantes, entenderase que rexeita a oferta e, polo tanto, será excluído da bolsa. Esta comunicación realizarase a través do portal de servizos web OPAX (Oficina do Persoal da Administración de Xustiza), accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza na forma prevista no punto 2 deste artigo. De non se efectuar a comunicación da aceptación antes de que venza o dito termo, considerarase que a persoa preseleccionada non acepta ningunha das prazas ofertadas.

c) Publicación das persoas seleccionadas. Cada luns –ou, de non poder ser, o día seguinte hábil–, ata as 14.00 horas, os departamentos territoriais competentes publicarán, na forma prevista no punto 2 deste artigo, a relación de prazas aceptadas e as persoas seleccionadas.

2. Para o desenvolvemento do proceso previsto no punto anterior, tanto as publicacións que realicen os departamentos territoriais coma as comunicacións que a eles lles dirixan as persoas interesadas realizaranse a través do portal de servizos web OPAX (Oficina do Persoal da Administración de Xustiza), accesible desde a páxina web da consellería competente en materia de xustiza. Con tal fin, a todos os compoñentes das bolsas de interinos facilitaráselles, de non o teren xa, un usuario de acceso. Os códigos de identificación da conta de usuario e do contrasinal serán de uso persoal e intransferible.

Os usuarios poderán obter da aplicación informática confirmación da realización dos trámites.

En caso de avaría do sistema poderán enviar as súas solicitudes por fax, así como presentalas no rexistro do departamento territorial.

Segundo o permita o desenvolvemento da tecnoloxía que soporta este proceso, a Dirección Xeral de Xustiza poderá aprobar o establecemento doutros mecanismos de acceso electrónico e telecomunicación.

3. Consonte o previsto no artigo 16 desta orde, as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de xustiza notificaranlles a súa exclusión das bolsas de interinos ás persoas que a través do dito proceso foran chamadas para aceptar todas as prazas da súa zona e non as aceptaran expresamente, feito este que determina o referido resultado. As prazas non cubertas serán incluídas na seguinte oferta de prazas.

4. Desde a publicación das persoas seleccionadas, estas disporán dun prazo máximo de tres días hábiles para tomar posesión ante a xefatura territorial competente, en cuxo momento presentarán, como requisito inescusable, os seguintes documentos:

a) Declaración responsable ou documento xustificativo de non ter sido condenadas por delito doloso a penas privativas de liberdade maiores de tres anos, a non ser que se obtivese a cancelación dos antecedentes penais ou a rehabilitación.

b) Declaración responsable ou documento xustificativo de non ter sido separadas, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera Administración pública, e de non estar inhabilitadas para o desempeño das funcións públicas, agás que fosen debidamente rehabilitadas.

c) Certificado médico recente que acredite que non padecen defecto físico ou enfermidade psíquica ou física que as incapacite para o desempeño do cargo.

5. Nos supostos en que a necesidade de cobertura dun posto non fose previsible coa antelación suficiente, ou cando por circunstancias concorrentes no proceso de chamamentos debidamente acreditadas fose necesario a súa cobertura de forma urxente para evitar graves prexuízos no funcionamento e/ou prestación do servizo público, o chamamento poderase realizar telefonicamente desde o momento en que se produza a necesidade.

Este chamamento seguirá a orde da bolsa e efectuarase nos mesmos termos ca os chamamentos ordinarios. O prazo para tomar posesión nestes nomeamentos urxentes será de 24 horas desde a comunicación telefónica co interesado.

Na publicación seguinte das adxudicacións dos últimos chamamentos ordinarios realizados na provincia figurarán tamén os chamamentos urxentes efectuados.

Artigo 21. Cesamentos e renuncias

1. Os interinos nomeados ao abeiro do disposto no artigo 18 desta orde cesarán cando sexa cuberta por un funcionario titular a praza desempeñada por un interino, por finalización das necesidades do servizo ou urxencia que motivaron a cobertura do posto con persoal interino ou ben por falta de capacidade ou rendemento do interino de conformidade co previsto no artigo 22 desta orde. Tamén cesarán cando cambie a situación xurídica do titular dun posto desempeñado por un interino e proceda a cobertura do dito posto por substitución vertical entre titulares, que se considerará preferente.

O cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do funcionario titular; no entanto, poderase autorizar a continuidade do interino nomeado de acordo co previsto no artigo 18 se no órgano houber algunha outra praza desocupada, en aplicación da non vinculación a un posto concreto regulada no artigo 23 desta orde.

Nos anteriores supostos de feito, no caso de que fosen varios os interinos do mesmo corpo que desempeñasen postos de traballo na unidade, para determinar que persoa debe cesar aplicaranse os seguintes criterios:

a) As persoas que non formen parte das respectivas bolsas de traballo ou de reserva cesarán con preferencia aos integrantes das ditas bolsas.

b) Se houbese funcionarios interinos que levasen máis de dezaoito meses no mesmo órgano, cesará aquel que leve máis tempo traballando nel.

c) Se non hai ningún interino no mesmo órgano que leve máis de dezaoito meses, cesará o que leve menos tempo nel.

En caso de empate, cesará o que teña peor posición na lista definitiva da bolsa na data de publicación desta.

2. Os interinos nomeados ao abeiro do disposto no artigo 19 desta orde cesarán por expiración do prazo polo cal fosen nomeados.

No caso de que se reduza unha medida de reforzo nun órgano no cal hai máis dun funcionario interino de reforzo con idéntica data de finalización de nomeamento, aplicaranse os criterios de orde de cesamento previstos no punto 1 deste artigo.

3. Ademais, tanto para os nomeados ao abeiro do artigo 18 coma para os nomeados ao abeiro do artigo 19 desta orde acordarase o cesamento dos interinos:

a) Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgún dos requisitos exixidos ou das circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

b) Por sanción de falta moi grave cometida polo funcionario interino.

c) Por manifesta falta de capacidade ou de rendemento, de conformidade co establecido no artigo seguinte.

d) Por supresión da praza desempeñada.

e) Por alcanzar a idade legal de xubilación.

f) Por renuncia voluntaria.

4. Cando se produza o cesamento dun funcionario interino, colocarase ao final da correspondente bolsa, agás cando non acadase os 180 días de servizo entre todos os destinos servidos durante os últimos nomeamentos que nunca foran computados para estes efectos. Os servizos prestados refírense a nomeamentos xerados para o mesmo corpo en que cesan, aínda que estes foran consecuencia dunha bolsa anterior.

Artigo 22. Cesamento do interino por falta de capacidade ou rendemento

1. O/A director/a funcional ou, se é o caso, secretario/a xudicial do órgano respectivo, o/a fiscal competente ou o/a director/a ou subdirector/a do Imelga poderanlle propoñer á Dirección Xeral de Xustiza, a través da xefatura territorial correspondente, o cesamento do funcionario interino por falta de capacidade ou rendemento.

2. A proposta de cesamento será motivada e notificaralla o/a director/a funcional ao interesado para que nun prazo de dez días hábiles presente as alegacións que considere oportunas; porase á súa disposición, a pedimento do interesado, a documentación durante o mesmo prazo. Neste prazo o interesado poderá achegar a documentación que considere oportuna e propoñer proba sobre as circunstancias que motivan a proposta.

3. A xefatura territorial correspondente incoará o expediente, acordando na mesma resolución darlles traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas ás organizacións sindicais sinaladas no artigo 5, as cales no prazo de dez días naturais poderán efectuar por escrito as consideracións e propoñer as probas que consideren procedentes. A xefatura territorial correspondente, unha vez practicadas as probas consideradas pertinentes, enviaralle o informe pertinente, con todo o expediente, á Dirección Xeral de Xustiza.

4. Logo da proposta da subdirección xeral competente en materia de recursos humanos, a persoa titular da Dirección Xeral resolverá nun prazo de dez días hábiles.

Artigo 23. Vinculación e eficacia temporal dos nomeamentos

1. A vinculación xurídica e económica dos funcionarios interinos coa consellería competente en materia de xustiza comeza desde o momento da súa toma de posesión e extinguirase na data en que se dispoña o seu cesamento.

2. Os nomeamentos realizados segundo o disposto no artigo 18 desta orde non vinculan a persoa seleccionada co posto concreto que orixinou o seu nomeamento.

3. A regra prevista no punto anterior non será de aplicación ao persoal interino de reforzo.

Disposición adicional primeira. Cambio de domicilio

Para garantir que non se produzan desequilibrios nas bolsas, durante a vixencia destas só se permitirá unha vez o cambio de bolsa provincial a pedimento do interino.

Cando un interino pertencente a bolsas para postos reservados aos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza constituídas noutra comunidade autónoma ou xerencia fixe o seu domicilio no territorio da Comunidade Autónoma galega, poderá solicitar a inclusión nunha bolsa provincial desta comunidade. Para o efecto achegará a documentación acreditativa dos méritos alegados, do seu cesamento e do novo domicilio. A persoa solicitante será baremada segundo o disposto nesta orde, computándose os méritos na data de convocatoria das bolsas previstas nela. Segundo a puntuación obtida, o solicitante incluirase ao final da bolsa que corresponda, sempre que acade a puntuación do último integrante do corpo en que solicite a súa inclusión.

Disposición adicional segunda. Zonas de preferencia

1. Estableceranse na correspondente convocatoria –sen prexuízo de que a Dirección Xeral de Xustiza directamente, atendendo á mellor prestación do servizo público, as modifique– as seguintes zonas de preferencia dentro da mesma provincia, zonas ás cales poden optar os solicitantes e que estes deberán sinalar na súa solicitude xa que, en caso caso contrario, esta será rexeitada sen máis trámites:

▪ Provincia da Coruña:

– Zona 1: comprende A Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol e Ortigueira.

– Zona 2: comprende Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Negreira, Corcubión, Muros, Noia, Ribeira e Padrón.

▪ Provincia de Lugo:

– Zona 1: comprende Lugo, Viveiro, Vilalba, Mondoñedo e A Fonsagrada.

– Zona 2: comprende Lugo, Chantada, Sarria, Becerreá e Monforte de Lemos.

▪ Provincia de Ourense:

– Zona 1: comprende Ourense, O Carballiño, Ribadavia, Celanova e Bande.

– Zona 2: comprende Ourense, Xinzo de Limia, Verín, A Pobra de Trives e O Barco de Valdeorras.

▪ Provincia de Pontevedra:

– Zona 1: comprende Pontevedra, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Marín, A Estrada e Lalín.

– Zona 2: comprende Vigo, Cangas, Redondela, Ponteareas, Tui e O Porriño.

2. En todo caso a comisión provincial de interinos respectiva, atendendo á efectividade das bolsas e unha vez examinadas as solicitudes, poderá establecer unha bolsa única de ámbito provincial en que quedarán integrados obrigatoriamente todos os solicitantes da correspondente provincia.

3. De se esgotaren dentro dunha bolsa os integrantes dunha zona concreta de preferencia, os pertencentes dentro da mesma provincia á outra zona de preferencia estarán obrigados, coas consecuencias que se sinalan nesta orde, a aceptaren o chamamento para a outra zona de preferencia.

Disposición transitoria primeira. Réxime provisorio de nomeamento de interinos

Mentres non sexan aprobadas e publicadas as bolsas de traballo definitivas con suxeición ás normas contidas nesta orde, seguiranse nomeando interinos para postos dos corpos xerais de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza das bolsas constituídas consonte a Orde do 10 de febreiro de 2009.

Disposición transitoria segunda. Efectos da entrada en vigor das novas bolsas

As novas bolsas entrarán en vigor para todos os efectos desde a data de publicación das listas definitivas das correspondentes bolsas, quedando automaticamente anuladas as anteriores. Porén, o persoal incluído en bolsas anteriores que no momento da constitución das novas se atope prestando servizos como funcionario interino poderá continuar no seu posto de traballo ata o seu cesamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 10 de febreiro de 2009 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, agás respecto do previsto na disposición transitoria primeira desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza