Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 19 de decembro de 2013 Páx. 48871

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2013 pola que se fai pública a ampliación do límite de crédito dispoñible para o exercicio 2013 das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Mediante Resolución do 20 de maio de 2013 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOG nº 107, do 6 de xuño de 2013) e procedeuse á súa convocatoria para o exercicio 2013, en réxime de concorrencia competitiva, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Na dita resolución, no seu punto cuarto, establécese a súa dotación orzamentaria, así como que o director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Tendo en conta o volume de solicitudes recibidas e tratando de dar resposta á ampla demanda de axuda, semella oportuno incrementar o importe aprobado para as axudas establecidas nestas bases.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único. Amplíase para o exercicio 2013 en 820.000 € o crédito establecido na partida orzamentaria 08.A1.741A.7812 para as axudas do Igape ao programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas en Galicia (programa Innoempresa), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOG nº 107, do 6 de xuño de 2013).

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica