Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 31 de decembro de 2013 Páx. 52895

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e a Lei 2/2011, do 16 de xuño, de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira de Galicia, inciden no principio de eficiencia na asignación e no emprego de recursos públicos.

Por outra parte, a Lei estatal 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias.

No marco da regulación autonómica, as referencias á xornada e aos horarios de traballo así como ao seguimento por parte da Administración autonómica do seu cumprimento son escasas. Basicamente están contidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de febreiro de 1990, polo que se fai necesario a súa regulación pormenorizada co obxecto de acadar unha maior eficiencia na xestión dos servizos públicos.

Co obxectivo de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, a Xunta de Galicia iniciou no ano 2011 un proceso encamiñado a permitir ao persoal empregado público a posibilidade de acollerse ás vantaxes da flexibilidade laboral e do teletraballo. Este foi un dos obxectivos pioneiros do sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos, aprobado o día 31 de marzo de 2011 polo Consello da Xunta de Galicia.

Ademais, esta iniciativa levou asociadas outras funcionalidades que permitiron a posta en marcha de mecanismos de control horario universais e homoxéneos para todo o persoal empregado público. Desta forma, con data do 27 de maio de 2011 publicouse a Orde do 25 de maio de 2011 pola que se regula a tarxeta do persoal ao servizo do sector público autonómico, que posibilitou o sistema de fichaxe no ordenador e que, de xeito progresivo, se vai habilitando para todos os equipamentos conectados á rede corporativa da Xunta de Galicia.

Xa o propio sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos marcaba nos seus inicios, como un dos principais fitos, o desenvolvemento normativo da xornada de traballo, o control horario, a flexibilidade horaria e, finalmente, o teletraballo.

Como paso previo á regulación contida nesta orde, desenvolvéronse dúas experiencias piloto: a experiencia de fichaxe no ordenador e a de flexibilidade e teletraballo, desenvolvida esta última na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia. Ambas as dúas experiencias foron avaliadas moi positivamente, polo que, de acordo con elas, se considerou oportuno a súa extensión á Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Polo tanto, a presente orde ten por obxecto cumprir co mandato do Consello da Xunta contido no antedito sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos, e regular así a acreditación do persoal empregado público, a xornada e o horario laboral, a flexibilidade horaria, o sistema de control horario e, finalmente, a prestación de servizos en réxime de teletraballo do persoal empregado público da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No que atinxe á flexibilidade, regúlase agora tanto a derivada das circunstancias de conciliación da vida familiar e laboral, algo xa previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, como a que se introduce como novidade e por primeira vez na Xunta de Galicia, unha flexibilidade automática para todo o persoal empregado público, establecendo os requisitos e regulando os seus aspectos procedementais.

Ademais, regúlase tamén como novidade a compensación horaria e a modalidade de prestación de servizos de xeito non presencial a través do teletraballo, cuxo obxecto é acadar unha maior eficiencia na prestación de servizos a través do uso das novas tecnoloxías, contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar.

Por todo o exposto, por iniciativa conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, en exercicio das competencias conferidas polo artigo 14.1 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular a acreditación do persoal empregado público, a xornada e o horario laboral, a flexibilidade horaria, o sistema de control horario e, finalmente, a prestación de servizos en réxime de teletraballo do persoal empregado público da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

2.1. As disposicións contidas nesta orde serán de aplicación:

a) Ao persoal funcionario e estatutario que presta servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ao persoal que presta servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na alínea a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2.2. O persoal laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e entidades incluídas no punto anterior rexerase pola lexislación laboral e polas demais normas convencionalmente aplicables, así como polas disposicións desta orde que pola súa natureza sexan de aplicación, en canto non resulten incompatibles coa referida normativa.

2.3. Queda excluído da aplicación desta orde:

• Persoal que presta servizos en centros docentes.

• Persoal ao servizo da Administración de xustiza.

• Persoal que preste servizos nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde de Galicia.

Artigo 3. Acreditación do persoal empregado público

Todo o persoal empregado público da Administración autonómica incluído no ámbito de aplicación desta orde deberá dispoñer, obrigatoriamente, da tarxeta de acreditación regulada pola Orde do 25 de maio de 2011, que terá unha validez indefinida desde a toma de posesión ata o cesamento como persoal empregado público.

Os servizos de persoal de cada secretaría xeral/secretaría xeral técnica ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais do sector público serán os encargados de tramitar a expedición ou modificación da tarxeta ante a unidade competente en materia de xestión de infraestruturas administrativas, de conformidade coas instrucións que facilite o centro directivo competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

Durante o tempo de emisión da tarxeta, o persoal responsable do órgano en que preste servizos o persoal empregado público deberá adoptar as medidas alternativas oportunas que garantan o adecuado cumprimento do horario laboral por parte do persoal empregado público.

No caso de perda ou deterioración da tarxeta, o persoal empregado público deberá poñelo en coñecemento inmediato do seu servizo de persoal co fin de solicitar a emisión dunha nova tarxeta. Neste caso, será de aplicación o disposto no parágrafo anterior.

Así mesmo, cada empregado público deberá depositar a tarxeta de acreditación nos servizos de persoal en caso de cesamento na prestación de servizos.

O uso é persoal e intransferible, polo que a súa utilización incorrecta poderá dar lugar á adopción das correspondentes medidas disciplinarias.

Artigo 4. Deber de identificación

O persoal empregado público que desempeñe funcións de atención presencial ao cidadán deberá levar nun lugar visible a tarxeta de acreditación do persoal empregado público.

Artigo 5. Tipos de xornada laboral

As xornadas laborais do persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde poderán ser dos seguintes tipos:

5.1. Xornada ordinaria: a duración máxima da xornada de traballo será de trinta e sete horas e trinta minutos semanais.

5.2. Xornada de especial dedicación: a duración máxima correspondente aos postos de traballo con xornada de especial dedicación será de corenta horas semanais.

5.3. Xornada de verán: durante o período comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos incluídos, establecerase unha xornada de traballo distinta á ordinaria, cuxa duración será determinada pola consellería competente en materia de función pública, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria segunda da presente orde.

Artigo 6. Horario laboral. Flexibilidade

O horario laboral do persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde poderá ser dos seguintes tipos:

6.1. Horario xeral.

O horario laboral, con carácter xeral, será de luns a venres, das 7.45 ás 15.15 horas.

6.2. Dispoñibilidade horaria.

O persoal que desempeñe postos clasificados como de libre designación estará sometido á dispoñibilidade horaria.

6.3. Horario flexible.

Por horario flexible enténdese o establecemento dun horario de traballo non ríxido que se adapte ás necesidades do persoal empregado público dentro duns límites previamente acordados pola Administración, salvagardando en todo caso as necesidades do servizo.

6.3.1 Modalidades:

a) Horario flexible por razóns de conciliación da vida familiar e laboral, previsto no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes:

Os/as empregados/as con fillos/as ou acollidos menores de doce anos, ou con familiares conviventes que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas, poderán solicitar a flexibilidade horaria.

Os homes e as mulleres que se encontren en proceso de nulidade, separación ou divorcio terán idéntico dereito, desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.

O modelo de solicitude estará dispoñible na intranet da Xunta de Galicia.

Dentro das 7.30 e as 18.30 horas fixarase, en cada caso, por pedimento da persoa interesada e oídos os órganos de representación do persoal, o horario diario de referencia. Este horario diario de referencia poderá ser superior ás 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto, e como máximo abranguerá ata as 20.00 horas de luns a xoves e ata as 15.30 horas os venres.

Dentro do horario diario de referencia establecido, a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables, en cómputo mensual.

b) Flexibilización automática.

Os/as empregados/as poderán acollerse a esta modalidade de horario flexible, fóra dos supostos de conciliación familiar e laboral expostos no punto anterior, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables, en cómputo mensual.

Este horario flexible constará de dúas partes:

a) Parte fixa: o horario fixo de presenza diaria no posto de traballo será das 9.00 ás 14.30 horas, de luns a venres.

b) Parte flexible: o tempo restante, ata completar a xornada laboral, realizarase en horario flexible das 7.30 ás 9.00 horas, de luns a venres, e entre as 14.30 e as 18.30 horas, de luns a xoves, así como entre as 14.30 e as 15.30 horas os venres.

Este horario poderá ser superior ás 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e, como máximo, ata as 20.00 horas, de luns a xoves, e ata as 15.30 horas os venres.

b.1. Tramitación:

A persoa interesada cubrirá o modelo de comunicación dispoñible na intranet da Xunta de Galicia para acollerse a esta modalidade de flexibilidade horaria e remitirao á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, xefatura territorial competente ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico onde preste os seus servizos.

Se no prazo de 15 días hábiles, contados desde a recepción da comunicación polo órgano competente, a persoa interesada non recibe notificación debidamente cursada sobre a súa denegación, entenderase que poderá desfrutar desta modalidade de horario flexible durante o tempo que permaneza prestando servizos no mesmo centro directivo ou departamento.

Excepcionalmente, poderá denegarse a prestación de servizos baixo esta modalidade de flexibilidade horaria por causas de necesidades do servizo, debidamente xustificadas, mediante resolución da secretaría xeral/secretaría xeral técnica ou órgano competente.

A denegación da flexibilidade horaria será susceptible dos correspondentes recursos, de conformidade coa normativa de aplicación.

b.2. Suspensión temporal da prestación do servizo en horario flexible:

Cando necesidades do servizo, debidamente motivadas, así o xustifiquen, a prestación do servizo en horario flexible poderá ser suspendida temporalmente.

A resolución pola cal se suspenda temporalmente a prestación de servizo en horario flexible deberá determinar o período da suspensión do dito réxime horario e deberá ser comunicada ao/á empregado/a cunha antelación mínima de 15 días naturais.

b.3. Cesamento na prestación do servizo en horario flexible:

A prestación do servizo en horario flexible poderá ser revisada pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:

– Por causas que alteren substancialmente as condicións e os requisitos que motivaron a resolución.

– Por pedimento do/a empregado/a público/a.

– Por necesidades do servizo, debidamente motivadas.

A correspondente resolución deberá ser notificada ao/á empregado/a cunha antelación mínima de 15 días naturais.

6.3.2. A Administración comunicará ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral do Persoal Empregado Público da Xunta de Galicia a relación de flexibilidades denegadas, as suspensións temporais e o cesamento da prestación do servizo en horario flexible, así como a súa motivación.

6.4. Horarios especiais.

Excepcionalmente e atendendo á natureza do servizo prestado, poderase establecer un horario especial nos seguintes supostos:

a) Postos de traballo adscritos a unidades de información e atención cidadá, co fin de posibilitar o cumprimento do seu horario de funcionamento.

b) Postos de traballo nos cales resulte máis adecuado pola natureza das súas funcións un horario das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 18.30 horas.

c) Postos de traballo doutras unidades polas peculiaridades das funcións asignadas a elas.

6.5. Constancia nas relacións de postos de traballo.

Todo horario distinto do xeral e do flexible deberá constar nas correspondentes relacións de postos de traballo.

6.6. Tempo para efectuar as fichaxes.

Diariamente, o persoal empregado público disporá de 10 minutos para efectuar as fichaxes de entrada e saída, que se computará como tempo de traballo efectivo.

Artigo 7. Compensación horaria

Por compensación horaria enténdese a posibilidade que ten o persoal empregado público de recuperar o tempo de traballo efectivo non realizado.

7.1. Compensación horaria para as empregadas e os empregados públicos suxeitos ao horario laboral xeral.

Os/as empregados/as suxeitos ao horario laboral xeral regulado no número 6.1 da presente orde disporán diariamente de 30 minutos para compensar os eventuais atrasos na chegada ao seu posto de traballo.

Neste suposto non será necesario xustificar esta demora, sempre e cando se cumpra o horario asignado ao dito persoal empregado público.

Esta compensación horaria será incompatible co desfrute do horario flexible, en calquera das dúas modalidades recollidas nesta orde.

7.2. Compensación horaria para os/as empregados/as suxeitos a horario laboral flexible.

Os/as empregados/as públicos suxeitos ao horario laboral flexible en calquera das dúas modalidades reguladas no número 6.3 da presente orde poderán compensar, dentro do horario flexible do mes seguinte a aquel en que se produzan, os eventuais incumprimentos do horario asignado, en cómputo mensual.

Artigo 8. Pausas

Durante a xornada de traballo poderase desfrutar dunha pausa por un período máximo de 30 minutos, que se computará como tempo de traballo efectivo. Esta interrupción non poderá afectar o funcionamento do servizo.

Artigo 9. Control horario

O control horario terá por obxecto verificar o cumprimento da xornada de traballo establecida.

Para tal efecto, todo o persoal empregado público deberá efectuar a fichaxe no seu ordenador, coa tarxeta de acreditación do persoal, ao inicio e remate da xornada laboral ou, de ser o caso, cos medios que se lle faciliten para iso.

Artigo 10. Persoal responsable do control horario

Sen prexuízo das funcións de coordinación e supervisión que corresponden ao centro directivo competente en materia de avaliación e reforma administrativa, os órganos responsables de velar polo cumprimento horario serán as secretarías xerais/secretarías xerais técnicas en servizos centrais e as delegacións territoriais en servizos periféricos, ou os órganos equivalentes nas entidades públicas instrumentais.

Artigo 11. Medios de control horario

O control horario efectuarase mediante o sistema electrónico implantado pola Xunta de Galicia.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, en colaboración coas secretarías xerais/secretarías xerais técnicas das consellerías, levarán a cabo actuacións conxuntas co fin de reducir o absentismo e mellorar o control de presenza nelas.

Artigo 12. Xustificación de ausencias

As ausencias e faltas de puntualidade e permanencia do persoal deberán comunicarse, con carácter inmediato, á persoa responsable da unidade administrativa á cal estea adscrito o persoal empregado público. Para os efectos desta comunicación terán validez as comunicacións electrónicas que permitan deixar constancia da súa realización.

Sen prexuízo da constancia que deban ter nos sistemas de control que se establezan, as incidencias referidas no punto anterior deberán xustificarse ante o órgano competente en materia de persoal onde o/a empregado/a preste servizos, mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

Non poderá constar ningunha ausencia no sistema de control sen que estea debidamente xustificada de conformidade coa normativa vixente.

As ausencias e faltas de puntualidade e de permanencia que non queden debidamente xustificadas ou as non compensadas segundo o disposto no artigo 7 desta orde darán lugar á dedución proporcional de haberes.

Artigo 13. Modalidade de prestación do servizo en réxime de teletraballo

Por teletraballo enténdese aquela modalidade de prestación de servizos en que o persoal empregado público desenvolva as tarefas asignadas ao seu posto de traballo fóra das dependencias da Administración autonómica, mediante o emprego das novas tecnoloxías, coa finalidade de acadar unha maior eficiencia na xestión pública, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral.

Nesta modalidade de prestación de servizos, que terá carácter voluntario para o persoal empregado público, quedarán garantidas as condicións exixidas en materia de prevención de riscos laborais, de seguridade social, de protección e de confidencialidade dos datos.

Artigo 14. Requisitos

Poderá solicitar a prestación do servizo na modalidade de teletraballo o persoal empregado público que reúna os seguintes requisitos mínimos:

a) Estar en situación de servizo activo.

b) Contar cunha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo ou, se é o caso, acreditar a experiencia por prestación de servizos en postos con funcións e tarefas análogas ás do posto para o cal se solicita este dereito.

c) Desempeñar un posto de traballo que, pola súa natureza e características técnico-funcionais, sexa susceptible de ser desenvolvido baixo esta modalidade. Para estes efectos, poderán considerarse postos de traballo susceptibles de ser desenvolvidos nesta modalidade o estudo e a análise de proxectos, a elaboración de informes, asesoría, redacción e tratamento de documentos, inspección, xestión de sistemas de información ou análise e deseño de sistemas de información ou outros análogos que non requiran a prestación de servizos presenciais. Para tal efecto, enténdese por servizos presenciais aqueles en que a prestación efectiva só queda plenamente garantida coa presenza física do/a empregado/a.

d) O persoal empregado público deberá dispor, na data en que comece o réxime de teletraballo, dun equipamento informático básico con acceso á internet e dun lector de tarxeta, así como dun teléfono móbil. Estes elementos non serán facilitados, en ningún caso, pola Administración da Xunta de Galicia. Así mesmo, corresponderá ao/á empregado/a o mantemento, a reparación e a solución de incidencias imputables ao seu equipamento informático. A conexión cos sistemas informáticos da Administración autonómica deberá levarse a cabo a través dos sistemas que a Administración determine para garantir a accesibilidade, axilidade e confidencialidade das comunicacións.

e) Ter coñecementos suficientes, informáticos e telemáticos, teóricos ou prácticos, que requiran o exercicio das funcións obxecto de teletraballo.

Artigo 15. Tramitación

15.1. Solicitudes:

Na intranet da Xunta de Galicia estará dispoñible o modelo de solicitude de teletraballo, xunto coa relación de documentos que deben ser achegados pola persoa interesada para a súa tramitación, entre eles o formulario relativo á confidencialidade dos datos e á prevención de riscos laborais.

15.2. Informe do centro directivo:

As persoas interesadas presentarán a solicitude e a documentación ante o titular do centro directivo onde presten servizos, quen no prazo de 15 días deberá emitir informe comprensivo das seguintes cuestións:

a) Sentido favorable ou desfavorable por pedimento da persoa interesada. No suposto de informe desfavorable, deberá estar debidamente motivado.

b) Cobertura das necesidades do servizo.

c) Designación dun supervisor da actividade que se pretende desenvolver baixo esta modalidade.

d) Asignación de tarefas.

e) Descrición da forma e dos medios de levar a cabo esta supervisión.

No suposto de existiren varias solicitudes de teletraballo na mesma unidade de traballo e que por cuestións organizativas non sexa posible a concesión a todas elas, valoraranse preferentemente as solicitudes das persoas interesadas que cumpran os requisitos da flexibilización por razóns de conciliación da vida familiar e laboral e así conste debidamente acreditado.

15.3. Resolución:

Por pedimento da persoa interesada, xunto co informe da persoa titular do centro directivo, remitirase á secretaría xeral/secretaría xeral técnica ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais do sector público para a súa tramitación.

Os órganos anteriores solicitarán, con carácter previo á resolución, informe conxunto do centro directivo competente en materia de función pública e de avaliación e reforma administrativa.

A resolución emitirase no prazo máximo de tres meses contado desde a presentación da solicitude.

Se transcorre o prazo máximo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

O número máximo de xornadas semanais que se poderán efectuar en réxime de teletraballo será de tres. Cando a organización da unidade onde estea destinada a persoa interesada así o requira, non se poderán acumular de forma que resulten tres días laborables seguidos.

A Administración comunicará ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Persoal Empregado Público da Xunta de Galicia a relación de solicitudes de teletraballo autorizadas e denegadas.

Durante a xornada dedicada ao teletraballo, o/a teletraballador/a debe estar dispoñible en todo momento, nos termos establecidos na correspondente resolución de concesión, polo que deberá ter activado o correo corporativo e o teléfono móbil indicado para o efecto, e a Administración poderá requirir a súa presenza nas dependencias administrativas se así for preciso polas necesidades do servizo.

As funcións que desenvolverá o teletraballador/a serán as mesmas que desempeña no seu posto de traballo habitual, salvo as ligadas á presenza física nas dependencias administrativas.

A concesión do réxime de teletraballo ao persoal empregado público non poderá exceder un ano, sen prexuízo da súa prórroga se persisten as mesmas condicións que motivaron a súa concesión.

En ningún caso se poderá fraccionar a xornada diaria de traballo en réxime de prestación do servizo na modalidade presencial e de teletraballo.

15.4. Causas de modificación ou cesamento na prestación do servizo en réxime de teletraballo:

A autorización da prestación do servizo en réxime de teletraballo poderase revisar polas seguintes causas:

a) Por necesidades do servizo. Neste suposto, valorarase de forma preferente a permanencia en réxime de teletraballo dos/as empregados/as que cumpran os requisitos da flexibilización por razóns de conciliación da vida familiar e laboral e así conste debidamente acreditado.

b) Por incumprimento dos obxectivos establecidos.

c) Por causas sobrevidas que alteren substancialmente as condicións e os requisitos que motivaron a resolución de autorización.

d) Por pedimento do empregado/a público/a.

A resolución pola cal se modifique ou revogue a autorización da prestación de servizo en réxime de teletraballo deberá ser comunicada ao/á empregado/a cunha antelación mínima de 15 días naturais.

Artigo 16. Formación

A Escola Galega de Administración Pública facilitará ao persoal empregado público formación relativa á modalidade de prestación de servizos non presencial, así como en materia de prevención de riscos laborais, sobre protección de datos, confidencialidade e soportes telemáticos que debe empregar.

Facilitará, ademais, formación en técnicas de dirección por obxectivos, planificación e xestión, ao persoal responsable dos empregados/as públicos/as que presten servizos nesta modalidade de teletraballo.

Disposición adicional primeira

De acordo coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, os órganos competentes en materia de avaliación administrativa e modernización tecnolóxica implantarán as melloras necesarias conducentes a facilitar a tramitación dos procedementos aquí descritos en vía telemática empregando a propia tarxeta como portadora da sinatura dixital. Neste caso, producirase unha revisión da presente orde co obxecto de reducir os prazos de resolución e informe dos ditos procedementos.

Disposición adicional segunda

Coa finalidade de asegurar a correcta aplicación e interpretación desta orde, constituirase unha comisión de seguimento formada por representantes da consellería competente en materia de función pública, da consellería competente en materia de administracións públicas e das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral do Persoal Empregado Público da Xunta de Galicia. Esta comisión, no prazo dun ano, abordará a extensión da xornada flexible e dos distintos aspectos da presente orde ao persoal laboral e funcionario da Administración xeral que quede inicialmente fóra do seu ámbito de aplicación por non lle ser de aplicación o sistema de control horario Kronos, procurando a homoxeneidade das condicións de traballo no conxunto da Administración xeral da Xunta e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na composición da comisión de seguimento procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira

As disposicións relativas ao control horario e xustificacións de ausencias serán de aplicación de xeito progresivo, conforme se vaia implantando o novo sistema electrónico nas unidades administrativas da Xunta de Galicia. Mentres tanto, continuarase co sistema de control horario vixente no momento da entrada en vigor desta orde.

No prazo de seis meses, contados desde a entrada en vigor desta orde, as secretarías xerais/secretarías xerais técnicas ou unidades equivalentes nos entes instrumentais do sector público deberán axustar as resolucións de flexibilidade horaria concedidas ás previsións contidas na presente orde.

Disposición transitoria segunda

Mentres non sexa ditada a correspondente instrución pola consellería competente en materia de función pública para o desenvolvemento do establecido no artigo 5.3 da presente orde, aplicarase o disposto na Instrución do 20 de xuño de 2013 ditada por ese centro directivo, agás no relativo ao período que abrangue a xornada de verán, que será a recollida no antedito artigo 5.3.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas a Orde do 3 de maio de 1984 pola que se regula o horario de traballo do persoal ao servizo da Xunta de Galicia, e a Orde do 4 de decembro de 1986 pola que se regula o horario de traballo nas distintas dependencias da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido na presente orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o seu desenvolvemento

Autorízanse a Dirección Xeral da Función Pública e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditaren as instrucións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día 2 de xaneiro de 2014.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela Elena Muñoz Fonteriz

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Conselleira de Facenda

Administracións Públicas e Xustiza