Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2014 Páx. 957

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 1/2014, do 9 de xaneiro, polo que se regula a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero.

O Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia foi aprobado como desenvolvemento do compromiso do Goberno galego asentado en criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na súa actuación e organización administrativa.

De acordo con estes criterios foron aprobados os decretos 233 e 235/2012, do 5 de decembro, mediante os que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, respectivamente, obedecendo aos postulados de racionalización, simplificación e redución das estruturas administrativas da Xunta de Galicia.

Con posterioridade, aprobouse o Decreto 72/2013, do 25 de abril, mediante o que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no cal, como consecuencia do novo marco departamental, se configura a nova Vicepresidencia da Xunta de Galicia como un órgano superior de coordinación da Presidencia da Xunta de Galicia en relación á planificación interdepartamental e a súa execución, ás relacións coas administracións locais, ao programa lexislativo da Xunta de Galicia e á elaboración de normas de carácter xeral e, en particular, con funcións de coordinación das relacións entre o poder executivo e o Parlamento de Galicia; todo isto, sen prexuízo de que o/a presidente/a da Xunta de Galicia poida delegarlle calquera outra función co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

A Vicepresidencia, tal e como se establece no artigo 2 do decreto citado, contará para o exercicio das súas funcións coa Secretaría Xeral da Igualdade como órgano superior da Administración autonómica na materia.

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por razón de sexo e no artigo 9.2 consagra a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2 que corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

O artigo 49 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece que a Xunta de Galicia garantirá a creación dun Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, que este centro desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, así como que este actuará como centro coordinador da rede galega de acollida.

Tras a concesión de dominio público realizada no ano 2010 polo Concello de Santiago de Compostela a favor da Comunidade Autónoma de Galicia sobre un inmoble con destino a Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, e unha vez rematadas todas as actuacións necesarias canto a obras de reforma e equipamento para adaptalo ás funcións que lle corresponde desenvolver, cómpre proceder á aprobación da norma que regule a creación do referido centro.

O Centro configúrase coma unha unidade adscrita á Secretaría Xeral da Igualdade, polo que na disposición derradeira primeira do presente decreto se procede á modificación do artigo 6 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, co fin de incluír a dita adscrición.

Por outra banda, cómpre sinalar que o Consello da Xunta de Galicia adoptou, con data do 11 de xullo de 2013, o Acordo para que a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto polo artigo 34.1 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento orgánico, compareza como parte en exercicio da acusación popular en todos os procesos penais por violencia de xénero con resultado de morte acaecidos no territorio da Comunidade Autónoma galega.

Co fin de dar un axeitado cumprimento ao disposto no antedito acordo, así como para o desenvolvemento das tarefas de especial dificultade técnica e responsabilidade, resulta preciso modificar o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, coa finalidade de recoller expresamente que a Asesoría Xurídica e os distintos órganos que dependen dela teñan adscritos o número de letrados con niveis do posto de traballo comprendidos entre o 28 e o 30 que se determinen nas correspondentes relacións de postos de traballo.

En consecuencia, mediante a disposición derradeira segunda do presente decreto modifícase o artigo 7 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do nove de xaneiro de dous mil catorce, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Título I
Obxecto e configuración

Artigo 1. Obxecto e configuración

Constitúe o obxecto do presente decreto a creación do Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, en diante Centro de Recuperación Integral.

O Centro configúrase coma unha unidade adscrita á Secretaría Xeral da Igualdade con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores.

A súa sede será en Santiago de Compostela.

Título II
Finalidade e estrutura

Artigo 2. Finalidade

1. O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero, baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico, que permita evitar duplicidades e racionalizar a xestión.

2. Actuará como centro de referencia e coordinador da rede galega de acollemento; como centro tramitador das derivacións de vítimas de violencia de xénero fóra de Galicia e receptor das que cheguen á nosa comunidade derivadas desde outras partes do Estado; como centro de formación na loita contra a violencia de xénero, tanto para profesionais, como para o voluntariado e a cidadanía en xeral; como centro colaborador co Punto de coordinación das ordes de protección de Galicia; e como centro impulsor da creación de grupos de autoaxuda, intervención e coñecemento entre mulleres que teñan sufrido, vivido e superado situacións de violencia de xénero.

3. A actuación do centro rexerase polos principios de voluntariedade, confidencialidade e non interferencia.

Artigo 3. Estrutura xeral

1. O Centro estará integrado por un equipo multidisciplinar e especializado que actuará baixo a dependencia da directora do centro.

2. O cargo de directora poderá ser desempeñado por persoal funcionario ou en réxime de contratación laboral. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia, e nos cales se valorará a formación e experiencia laboral en materias relacionadas co obxecto do Centro.

Artigo 4. A Dirección do Centro

1. Corresponde á Dirección do Centro dirixir e coordinar, de conformidade coas instrucións da Secretaría Xeral de Igualdade, todas as actividades do centro e do seu persoal, responsabilizándose da súa organización e xestión.

2. En concreto, correspóndelle:

a) Coordinar as actuacións do centro coas dos demais centros e organismos que no ámbito da atención e prevención da violencia de xénero existen na nosa comunidade autónoma.

b) Velar polo adecuado cumprimento dos dereitos das persoas usuarias.

c) Elaborar memorias, informes e estatísticas en materias da súa competencia.

d) Realizar, en xeral, cantas funcións de asistencia e xestión lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, por razón da súa competencia.

Artigo 5. O equipo multidisciplinar

1. A Dirección do Centro, para o desenvolvemento das súas funcións, contará co apoio dun equipo multidisciplinar especializado, conformado por unha estrutura básica para dar cobertura á asistencia integral que as vítimas de violencia de xénero demandan nas diferentes áreas de intervención, psicolóxica, xurídica e social.

2. A estrutura básica do equipo multidisciplinar concretarase na aprobación da relación de postos de traballo do centro, de conformidade coas prescricións contidas no parágrafo precedente.

Título III
Persoas usuarias

Artigo 6. Persoas usuarias

1. Poderán ser usuarias do centro as mulleres vítimas de violencia de xénero que teñan acreditada tal situación nos termos establecidos no artigo 5 da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

2. Tamén poderán ser usuarias as persoas dependentes ou ao cargo destas mulleres, facendo unha especial mención ás súas fillas e fillos menores de idade.

Artigo 7. Protección de datos persoais

O tratamento dos datos de carácter persoal das persoas usuarias do Centro de Recuperación Integral respectará o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8. Acceso

1. O acceso ao Centro de Recuperación Integral realizarase mediante procedementos protocolizados de derivación a través de:

a) Centros que compoñen a rede galega de información ás mulleres.

b) Centros da rede galega de acollemento.

c) Servizos sociais comunitarios e especializados da nosa comunidade autónoma.

d) Centros de servizos sociais das diferentes comunidades autónomas.

2. O acceso poderá producirse, con carácter excepcional, por petición da muller vítima de violencia de xénero ou das súas fillas e fillos.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Engádese un novo parágrafo ao artigo 6 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que queda redactado como segue:

«3. Ademais, a Secretaría Xeral de Igualdade contará co Centro de Recuperación Integral para Mulleres que Sofren Violencia de Xénero, que se configura como unha unidade a ela adscrita, con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero, nos termos establecidos no decreto polo que se regula a súa creación, así como naqueloutros previstos na normativa aplicable».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia

Engádese un novo parágrafo ao artigo 7 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. Para a consecución da eficacia na prestación dos servizos e a eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles, as correspondentes relacións de postos de traballo dimensionarán adecuadamente os efectivos asignados á asesoría xurídica e aos órganos que dependen dela, adscribindo, ademais dos titulares dos órganos, o número de postos de letrado que se determine. Os niveis destes postos de traballo estarán comprendidos entre o 28 e o 30, segundo a especialización técnica do posto ou a atribución de tarefas de especial responsabilidade».

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor e entrada en funcionamento

1. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. O Centro de Recuperación Integral entrará en funcionamento no prazo dun mes desde a entrada en vigor do presente decreto.

Santiago de Compostela, nove de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza