Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2014 Páx. 1266

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas do programa Conecta peme para fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de investigación e desenvolvemento en cooperación entre pemes en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN852A).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promoveren a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1º.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de decembro de 2010, aprobou o Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (en diante Plan I2C).

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Entre os seus obxectivos destacan definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas e ao resto de axentes o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a súa competitividade e fomenten o seu crecemento; definir e desenvolver as políticas públicas orientadas á valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros de investigación de Galicia; fomentar a investigación e o desenvolvemento científico e tecnolóxico, a través de iniciativas e programas específicos na Comunidade Autónoma galega; promover as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema Galego de Innovación impulsando a creación e o fortalecemento de redes de coñecemento entre axentes públicos e privados desde unha perspectiva de intercambio e de investigación aberta; favorecer a transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes e, particularmente, entre os organismos públicos de investigación e as empresas.

O Plan I2C ten un especial empeño en promover o crecemento empresarial favorecendo o desenvolvemento da chamada «innovación aberta». Con este obxectivo aposta polo desenvolvemento de programas colaborativos que incentiven unha innovación eficiente no tecido empresarial, orientados a un alto impacto na súa capacidade competitiva e posicionamento estratéxico. Neste sentido, o Plan I2C inclúe a posta en marcha de convocatorias orientadas a apoiar proxectos que supoñan un avance disruptivo ou xustifiquen un alto impacto económico e que se realicen desde o liderado empresarial contando co apoio das universidades e os centros de investigación. Nesta liña encaixaríase este programa de axudas Conecta peme, que ten por obxecto incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego en áreas estratéxicas, fomentando a cooperación público-privada, a través do financiamento de proxectos empresariais de I+D en cooperación entre pemes. Estes proxectos deben estar orientados ao desenvolvemento de tecnoloxías novas que supoñan un importante avance para Galicia pero que conten, pola súa vez, con proxección económica e comercial a nivel internacional.

Por iso, estas axudas establécense en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoran a súa perspectiva financeira, de resultados e de igualdade. Non obstante, tendo en conta os acordos do Consello da Xunta de Galicia adoptados nas reunións do 24 de setembro e do 22 de outubro de 2009, nos cales se aprobou o Programa impulsa-Lugo e o Programa impulsa-Ourense, respectivamente, que establecen, entre outras, as medidas transitorias de apoio aos investimentos e, dada a situación económica actual, na cal as provincias de Lugo e Ourense se viron afectadas con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que a Axencia Galega de Innovación, a través das súas liñas de axuda, conceda un nivel superior de intensidade de axuda ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (regulamento xeral de exención por categorías), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea L214, do 9 de agosto de 2008.

Esta convocatoria tramítase de xeito anticipado ao abeiro do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Consecuentemente con todo o anterior, o director da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación do programa Conecta peme para fomentar a agrupación empresarial a través de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) de pemes en áreas estratéxicas para a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IN852A), e axustaranse as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (regulamento xeral de exención por categorías), publicado no Diario Oficial de la Unión Europea L214, do 9 de agosto de 2008.

Artigo 2. Definicións

Área estratéxica: aquela en que Galicia posúe unha contrastada potencialidade para o desenvolvemento de proxectos de I+D de alto impacto, de xeito que a través dunha innovación eficiente liderada polo tecido empresarial se estimule o crecemento económico e, sobre todo, o emprego. Dentro desta definición estarían incluídas as seguintes áreas: saúde; alimentación, agricultura, pesca e biotecnoloxía; tecnoloxías da información e a comunicación; nanociencias, nanotecnoloxías, materiais e novas tecnoloxías de produción; enerxía; ambiente, con especial referencia ao aproveitamento da biomasa; transporte (incluída a aeronáutica); ciencias socioeconómicas e humanidades; seguranza, construción e enxeñaría civil e turismo, sen prexuízo das áreas que poidan definirse en instrumentos de planificación estratéxica da Administración galega en innovación.

Pequena e mediana empresa: segundo o anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos deberán seguirse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento 800/2008.

Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Considérase que hai presunción de que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento nº 800/2008 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións mencionadas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no número 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

Agrupación de empresas beneficiarias: para os efectos desta resolución enténdese por agrupación de empresas beneficiarias aquelas que participan de xeito conxunto no proxecto obxecto da subvención, existindo entre elas un acordo regulador que recolla ao menos os mínimos establecidos no artigo 5.6 desta resolución. Unha das empresas da agrupación actuará como representante dela ante o órgano convocante.

Artigo 3. Actividades subvencionables

1. Son actividades subvencionables a investigación industrial e o desenvolvemento experimental. Para os efectos desta resolución entenderanse por investigación industrial e desenvolvemento experimental as definicións contidas no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión Europea:

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos cuxo obxecto é a adquisición de novos coñecementos e técnicas que poidan resultar de utilidade para a creación de novos produtos, procesos ou servizos, ou contribuír a mellorar considerablemente os produtos, procesos ou servizos existentes. Inclúe a creación de compoñentes de sistemas complexos que sexan necesarios para investigación industrial, especialmente a validación de tecnoloxía xenérica, salvo os prototipos.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de plans e estruturas ou deseños de produtos, procesos ou servizos novos, modificados ou mellorados. Poderá incluír, por exemplo, outras actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación sempre que non vaia destinada a usos comerciais.

Son tamén subvencionables a produción e ensaio experimentais de produtos, procesos e servizos, sempre que non poidan utilizarse ou transformarse para o seu uso en aplicacións industriais ou para fins comerciais. O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

2. Para os efectos desta resolución, non se entenderá incluído o desenvolvemento de prototipos e proxectos piloto que poidan utilizarse para usos comerciais baixo a definición de desenvolvemento experimental, senón só os destinados para efectos de demostración e validación.

Artigo 4. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos poderán abordar calquera área estratéxica para a Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coa definición destas áreas que se realiza no artigo 2 desta resolución.

2. Os proxectos de I+D subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación entre pemes e ter un orzamento financiable mínimo de 600.000 euros dividido nas distintas actividades que realizará cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por socio de 75.000 euros e a repartición da participación de cada empresa deberá ser equilibrada, sen superar en ningún caso a participación dunha única empresa (ou grupo de empresas vinculadas ou asociadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

3. Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega. Todos os socios da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que deberán ter na comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter axuda. De non teren este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar declaración da entidade solicitante que acredite que se establecerá en Galicia antes de iniciarse o proxecto. O cumprimento deste requisito deberá poder comprobarse antes da resolución da axuda, na fase de emenda da solicitude do artigo 17 como prazo máximo, de xeito que só poderán ser beneficiarias aquelas entidades que poidan demostrar, antes dese momento, que contan cun centro de traballo en Galicia onde desenvolverán o proxecto financiado.

Poderán incluírse grandes empresas de Galicia e empresas que desenvolvan as súas actividades fóra e valorarase a súa contribución ao desenvolvemento do proxecto, pero non recibirán ningún tipo de financiamento e a súa participación non contará para o cumprimento dos requisitos mínimos exixidos: composición da agrupación, orzamento do proxecto e porcentaxe subcontratada a organismos de investigación.

Existe ademais unha limitación na subcontratación de organismos de investigación que realicen actividades do proxecto fóra de Galicia, que se admitirá soamente cando sexa imprescindible e non exista ningún organismo na comunidade coa capacidade necesaria para levalas a cabo. En todo caso, a participación destes organismos non poderá superar a terceira parte do importe total do proxecto subcontratado a organismos de investigación. Exceptúanse desta limitación aqueles centros singulares de estatuto internacional.

4. De acordo co artigo 8 do Regulamento 800/2008, xeral de exención de categorías, as axudas deberán ter un efecto incentivador sobre a actividade obxecto da axuda, de xeito que a data de inicio das actividades do proxecto debe ser posterior á data de presentación da solicitude. A súa duración máxima será ata o 30 de xuño de 2015.

Artigo 5. Requisitos dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas a agrupación de empresas pemes, segundo a definición do anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, validamente constituídas que presenten un proxecto en cooperación entre elas e que deberán formar unha agrupación sen personalidade xurídica que se rexerá, ao amparo do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo acordo que as regule.

2. As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas independentes ou autónomas entre si, todas elas pemes. O número máximo de empresas dunha mesma agrupación será de seis, e o tamaño da agrupación debe ser o necesario para garantir unha xestión eficaz.

3. Unha das pemes da agrupación actuará como coordinadora ou representante do proxecto e será a encargada de presentar a solicitude da axuda e canalizar a relación do resto de participantes coa Administración ata a fase de concesión, así como na xustificación da realización do proxecto. A misión da entidade coordinadora ou representante será, por tanto, a de impulsar o proxecto en todas as súas fases, sendo compromiso de todos os participantes o cumprimento dos obxectivos do proxecto. As entidades participantes da agrupación responderán solidariamente da obriga de reintegro en relación ás actividades subvencionadas.

4. Todas as entidades que forman parte da agrupación e que obteñan axuda terán a condición de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude coma na resolución de concesión deberán constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuarase a cada unha das entidades participantes, en proporción á parte dos gastos que lle corresponda realizar no proxecto.

5. No caso de que na agrupación non exista ningunha pequena empresa, e sexan, por tanto, todas medianas, será necesario que, como mínimo, unha pequena sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D dentro do proxecto.

6. O acordo polo cal se rexerán as agrupacións deberá conter como mínimo:

– A distribución de actividades do proxecto entre os socios e o seu orzamento.

– A xestión da agrupación e un plan de continxencias ante posibles dificultades.

– Acordos de confidencialidade entre os socios e da xestión da propiedade industrial e intelectual, así como da explotación dos resultados acadados no proxecto.

7. Será tamén necesario que no proxecto participe, de xeito relevante, ao menos un organismo de investigación, que deberá ser subcontratado por unha ou varias empresas da agrupación. A participación de todos os organismos de investigación que se subcontraten ten que ser significativa e debe contar cunha participación mínima do 15 % do total do orzamento financiable do proxecto e máxima do 25 %.

Tal e como se recolle no artigo 30 do Regulamento (CE) nº 800/2008, considéranse organismos de investigación as entidades, con independencia da súa condición xurídica (pública ou privada) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental e difundir os resultados disto mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de tecnoloxía. Neles todos os beneficios reinvestiranse nesas actividades, a divulgación dos seus resultados ou o ensino. Ademais as empresas que poidan exercer influencia nas ditas entidades (por exemplo accionistas ou membros) non gozarán de acceso preferente ás capacidades de investigación da entidade nin aos resultados de investigación que xere. Así, no marco desta resolución consideraranse organismos de investigación os centros públicos de investigación, as universidades, os centros tecnolóxicos, de apoio á innovación tecnolóxica e os centros de investigación e desenvolvemento de titularidade privada sen ánimo de lucro con capacidade para executaren actividades de I+D.

8. Non poderán acceder á condición de beneficiarios as pemes en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia en calquera dos seus membros, nin tampouco as empresas en crise conforme o disposto no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente despois dunha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Artigo 6. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas subvencións á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

2014

2015

Total

08.A3.561A.770.0

5.500.000

2.500.000

8.000.000

2. As axudas reguladas nesta resolución estarán cofinanciadas nun 80 % polo Feder Galicia 2007-2013, eixe 1, tema prioritario 01, actuación 3 e nun 20 % polo FCI;

Artigo 7. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na normativa básica da Lei estatal 38/2003 de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, así como na Lei 9/2007, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992) e demais disposicións que resulten de aplicación e o Decreto 11/2009, e na Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), Regulamento (CE) nº 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 5 de xullo de 2006 relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

Artigo 8. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións, e a subvención máxima que pode ser concedida a un proxecto establécese segundo os límites de intensidade previstos no artigo 31.3 do Regulamento xeral de exención de categorías e de acordo coa seguinte táboa:

Pemes

Pequena empresa

Mediana empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas

80 %

75 %

Desenvolvemento experimental con colaboración
efectiva entre empresas

60 %

50 %

Táboa I

2. As axudas previstas nesta resolución serán incompatibles coa percepción de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade ou os mesmos custos procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional. O total da axuda non superará o custo elixible.

Artigo 9. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto para que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado e deberán cumprir os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban os gastos subvencionables dos programas operativos do Feder e do Fondo de Cohesión.

2. Para a anualidade de 2014 só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 27 desta resolución (31 de decembro de 2014). Para o resto das anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

3. Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas orzamentarias:

a) Custos de persoal (investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar), sempre que o tempo imputado estea exclusivamente dedicado ao desenvolvemento das actividades de I+D do plan de traballo do proxecto. Na memoria que acompañe a solicitude deberá incluír identificación e xustificación relativa ao persoal dedicado ao proxecto nos termos do artigo 12.4.2.b) desta convocatoria.

O número de investigadores no cadro de persoal asignado ao proxecto non poderá superar o máximo de 4 traballadores para o caso de mediana empresa e o máximo de 3 traballadores para a pequena empresa. Así mesmo, a dedicación media destes investigadores non poderá superar o máximo do 70 % durante o tempo de execución do proxecto.

Serán subvencionables os custos de persoal directivo e xerencial cunha dedicación máxima ao proxecto do 70 %, e deben, ademais, xustificala mediante a presentación dunha memoria detallada sobre as funcións que desenvolve no proxecto.

Dentro dos custos de persoal poderá incluírse persoal de nova contratación que contrate a empresa para a realización do proxecto con carácter exclusivo para el, e debe incorporarse no contrato de traballo a vinculación exclusiva deste persoal ao proxecto que motiva a contratación. A duración do contrato deberá ser, como mínimo, igual ou superior ao tempo que reste de execución do proxecto, e non se admite que a relación contractual entre ambas as dúas partes se interrompa e renove posteriormente durante a duración do proxecto. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se vaia contratar, e non se admiten contratacións en grupos de cotización inferiores ás titulacións/categorías profesionais indicadas na solicitude nin tampouco contratacións a tempo parcial.

O grupo de cotización e o posto de traballo que desempeñe na empresa cada traballador incluído no proxecto debe corresponderse coa titulación e as actividades asignadas na solicitude. No anexo XI establécense os custos máximos por grupo de cotización que se terán en conta á hora de calcular os custos subvencionables de cada persoa do equipo investigador, sendo necesario que a titulación/categoría profesional indicada no proxecto e o grupo de cotización polo que estea contratado sexan coherentes.

Non se considerarán subvencionables:

– Os gastos relacionados co persoal que non teña relación contractual laboral coa empresa beneficiaria da subvención e con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolva o proxecto, exceptuando, neste caso, os supostos de socios da empresa que traballen baixo o réxime de autónomos.

– Os conceptos incluídos na retribución bruta recibida polo traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

– Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto e que poderán ser solicitados, exclusivamente polo representante/coordinador do proxecto, pero dentro do concepto de custos de xestión.

Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser solicitado, xustificado e aprobado pola Axencia Galega de Innovación previamente á súa realización, sen que se admitan en ningún caso cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación do cadro de persoal.

As posibles baixas dos membros do persoal durante a realización do proxecto que non sexan substituídas, logo de solicitude e aceptación por parte da Axencia Galega de Innovación da correspondente modificación, levarán consigo unha redución no custo concedido para eses traballadores que será proporcional ao período de baixa.

Na primeira anualidade deberá incluírse a xustificación de, ao menos, o 10 % do custo total de persoal participante no proxecto.

b) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto:

– Se o equipamento e material se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición.

– Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa financiable, deberá detallarse na memoria do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

Non é posible que o equipamento e material inventariable que se inclúa no proxecto se cofinancie con outras axudas.

No caso de adquisición de bens de equipamento cun custo superior aos 18.000 euros, será necesario presentar tres ofertas nos termos considerados no artigo 27 desta resolución.

As licenzas e renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

Admitiranse gastos de leasing sempre que cumpran os seguintes requisitos:

• Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

• Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

• As cotas de arrendamento deberán comezar posteriormente á data da presentación da solicitude da subvención e só poden imputarse as cotas pagadas dentro do período de xustificación de cada anualidade.

c) Custos de investigación contractual, coñecementos técnicos e adquisición de patentes, así como os custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de maneira exclusiva á actividade de investigación. Dentro destes custos diferenciaranse:

– Subcontratacións con organismos de investigación ou outras empresas precisas para o proxecto cando as actuacións contratadas a terceiros supoñan a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto do proxecto. As subcontratacións deberán estar debidamente pormenorizadas e xustificadas e estarán sometidas ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 10 desta resolución.

O custo da subcontratación deberá incluír os conceptos que a seguir se indican:

– Persoal propio e de nova contratación que contrate a entidade para a realización do proxecto con carácter exclusivo para el. O seu custo non poderá superar o 40 % do custo total da subcontratación.

O persoal de nova contratación será aquel que contrate a entidade subcontratada para a realización do proxecto e que no momento da contratación non teña vinculación con esta entidade, nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se contrate.

– Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición, na medida e durante o período en que se utilice para o proxecto. Se non se utiliza exclusivamente para o proxecto de I+D, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto calculados sobre a base das boas prácticas contables.

– Custos de consultoría e servizos equivalentes destinados de maneira exclusiva á actividade de investigación, así como custos de coñecementos técnicos e adquisición de patentes que non sexan subcontratacións.

– Custos de materiais, subministracións e produtos similares que deriven directamente da actividade de investigación.

Cada un destes conceptos deberá respectar os mesmos requisitos que se lle exixen a cada socio do proxecto para cada un destes tipos de custos.

– Custos de consultoría, asistencia técnica e servizos equivalentes necesarios para a realización do proxecto e que estean destinados de maneira exclusiva a actividades de investigación. A actividade que se vai realizar non pode formar parte do propio proxecto, é dicir, deberán ser actividades que se presten de forma puntual para que o proxecto poida ser desenvolvido, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación ou estudos e actividades complementarias.

– Custos de adquisición de patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas a prezos de mercado, sempre que a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

d) Outros custos de funcionamento que deriven directamente da actividade de investigación e nos cales se incluirían:

– Custos de material, subministracións e produtos similares. Non son financiables os materiais de oficina e consumibles informáticos.

– Custos de xestión do coordinador/representante do proxecto, entendendo como tales os derivados da coordinación da agrupación, elaboración de informes das actividades de investigación, así como as xustificacións e o labor de interlocución coa Axencia Galega de Innovación.

Poderán formar parte destes custos os gastos de persoal propio do representante/coordinador da agrupación encargado destas tarefas, así como custos de asesorías externas cando a xestión administrativa do proxecto se externalice. Aínda que se opte por esta segunda opción, a responsabilidade e a interlocución da agrupación coa Axencia Galega de Innovación sempre corresponderá á empresa representante, sen que poida delegarse.

Artigo 10. Subcontratación

1. Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 (en diante Decreto 11/2009).

2. Enténdese por subcontratación cando o beneficiario concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúa o obxecto da subvención.

3. Unha empresa integrante dunha agrupación non poderá ser, ao tempo, subcontratada por outra empresa integrante da mesma agrupación.

4. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución de convocatoria poderán subcontratar, como máximo, ata o 50 % do importe da actividade subvencionada e teñen que subcontratar aos organismos de investigación un mínimo do 15 % do importe total subvencionable do proxecto e un máximo do 25 %.

5. Cando a actividade subcontratada exceda o 20 % do importe da axuda no caso de cada socio e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Deberá subscribirse un contrato entre ambas as dúas partes.

b) A súa subscrición debe ser autorizada previamente pola Axencia Galega de Innovación, logo da solicitude por parte do beneficiario da subvención, entendéndose aprobada cando o beneficiario reciba a resolución de concesión se nela non se determina nada en contra.

Non poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos exixidos no parágrafo anterior.

6. No caso de subcontratación de organismos de investigación, deberán sempre cumprirse os requisitos indicados no punto 5 anterior independentemente da súa contía e deben, ademais, recoller co contrato como mínimo os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, data de inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. O contrato deberá tamén contar cun anexo onde se recolla a descrición das actividades que realizará o organismo de investigación, identificando os investigadores principais e a desagregación do orzamento nos distintos conceptos (equipamentos, persoal, material e outros custos) e indicando as horas de dedicación do persoal investigador.

7. Na solicitude deberán constar os membros do equipo investigador da subcontratación, coa porcentaxe de dedicacións ao proxecto. Respecto do persoal de nova contratación, deberá constar o perfil requirido para o proxecto.

8. Cando na agrupación non exista ningunha pequena empresa, polo que entón deba ser subcontratada, tamén é necesario que se subscriba o oportuno contrato en que se detallen as tarefas que desenvolverá dentro do proxecto a pequena empresa, independentemente da contía subcontratada.

9. En ningún caso o beneficiario poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes de axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, sen prexuízo da excepción regulada no artigo 11 desta resolución en relación coas empresas vinculadas.

10. En calquera caso, para os efectos do custo da subcontratación, terase en conta o previsto no artigo 9.c) desta resolución.

Artigo 11. Participación de empresas vinculadas

Cando nun proxecto interveñan empresas vinculadas consonte a definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución, deberán facelo como membros da agrupación, non como entidades subcontratadas.

Excepcionalmente, en aplicación do artigo 27.7 da Lei de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación poderá autorizar a subcontratación de empresas vinculadas a unha entidade beneficiaria cando sexa imprescindible para a execución do proxecto, sempre que se realice de acordo coas condicións normais do mercado e sempre que se produza unha imposibilidade material para que a entidade que se vaia subcontratar poida ser membro da agrupación.

Artigo 12. Solicitudes

1. Entregarase unha única solicitude por proxecto, que deberá ser presentada pola empresa representante/coordinadora de cada agrupación e na cal estará integrada a información de todos os socios da agrupación.

Os datos de contacto que figuren nas solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono e fax) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións. Serán responsabilidade exclusiva do coordinador ou representante tanto os erros na súa consignación como a comunicación á Axencia Galega de Innovación de calquera cambio que se produza neles.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia, que deberá corresponder ao representante legal ou apoderado da empresa representante da agrupación solicitante da axuda.

Ademais dos formularios normalizados, será necesario achegar á aplicación a memoria en formato PDF (máximo 3MB) e acompañala do resto de documentación necesaria (que se indica no punto 4 deste mesmo artigo).

3. De conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar copias dixitalizadas dos documentos que se lles requiren, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude da fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. Para achegar os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os orixinais e obter arquivos en formato PDF. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica (20 MB), permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A Administración pública poderá solicitar do correspondente arquivo ou rexistro o cotexo do contido das copias dixitalizadas presentadas. Ante a imposibilidade deste cotexo e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

4. Xunto coa solicitude presentada polo representante/coordinador do proxecto deberá achegarse na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a seguir se relaciona. Distinguirase documentación xurídico-administrativa e documentación técnica

4.1. Documentación xurídico-administrativa

a) Acordo da agrupación. Neste documento deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada socio da agrupación e terá que incluír, polo menos, a seguinte información:

– A distribución de actividades do proxecto entre os socios e o seu orzamento.

– A xestión da agrupación e un plan de continxencias ante posibles dificultades.

– Acordos de confidencialidade entre os socios e da xestión da propiedade industrial e intelectual, así como da explotación dos resultados acadados no proxecto.

b) Contrato/s subscritos cos organismos de investigación polas diferentes empresas da agrupación asinados polos representantes legais das partes contratantes e que deberán recoller polo menos, tal e como se indica no anterior artigo 10.6 os seguintes puntos: obxectivos do contrato, data de inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. O contrato deberá contar tamén cun anexo onde se recolla a descrición das actividades que vai realizar o organismo de investigación, identificando os investigadores principais e a desagregación do orzamento nos distintos conceptos (equipamentos, persoal, material e outros custos) e indicando as horas de dedicación do persoal investigador. Este documento deberá presentarse sempre, independentemente do importe da axuda subcontratada.

c) Contratos subscritos con empresas, sempre que a súa subcontratación exceda o 20 % do importe da axuda no caso de cada socio e o dito importe sexa superior a 60.000 euros.

d) Se na agrupación non existe ningunha pequena empresa e esta debe ser subcontrada por algún/s dos membros da agrupación para cumprir os requisitos desta convocatoria, será necesario que se entregue, independentemente da cantidade subcontratada, o contrato subscrito con ela en que se detallen as tarefas que desenvolverá dentro do proxecto.

e) Declaracións de conformidade de participación no proxecto asinadas polos representantes legais de cada unha das pemes da agrupación outorgando ao coordinador/representante do proxecto a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e canalizar a súa relación coa Administración ata a fase de concesión e tamén na posterior xustificación da realización do proxecto.

f) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas para os mesmos custos aínda que a súa finalidade sexa diferente, de todas as administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).

De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

g) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de estar ao día de pagamentos de obrigas por reintegros de subvencións e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos anteriormente con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

h) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007. Debendo comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.

i) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de non estar suxeito a unha resolución de recuperación pendente despois dunha decisión previa da Comisión Europea que declarara unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común, nin estar en crise conforme o disposto no artigo 1, apartados 6 e 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto de 2008.

k) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto de que a solicitude da axuda é anterior ao comezo do proxecto obxecto da axuda (efecto incentivador).

l) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto do tipo e categoría da empresa.

m) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto en relación co/s lugar/es de desenvolvemento do proxecto.

n) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto acerca da veracidade da titularidade da conta bancaria consignando o código do banco, o código da sucursal, o díxito de control e código da conta corrente no formulario normalizado de solicitude.

ñ) Declaración asinada por todos os representantes legais dos membros da agrupación sobre a utilización comercial de prototipos ou proxectos piloto.

o) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto da veracidade de todos os datos da solicitude respecto da súa entidade, incluídos os datos económicos.

p) A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegar:

– DNI da persoa ou persoas que asinan a solicitude. Os estranxeiros residentes presentarán o NIE.

– Copia do NIF en vigor da entidade que representa a agrupación e que solicita a axuda.

Esta verificación farase para todos os membros da agrupación, non só para o coordinador ou representante.

q) De conformidade co artigo 20.3 da Lei 9/2007 a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, poderá denegarse expresamente este consentimento, debendo presentar daquela, cada un dos integrantes da agrupación, os certificados acreditativos de atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

r) Autorización á Axencia Galega de Innovación para que poida verificar a capacidade de representación en vigor no Rexistro Mercantil de cada un dos representantes legais de cada membro da agrupación, sempre que os representantes teñan plenos poderes de administración da entidade, tales como administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou mesmo o cargo de conselleiro delegado. Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, tendo que achegarse escritura pública verificada canto á suficiencia por un letrado da Xunta de Galicia.

s) De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992 e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, non será necesaria a entrega da documentación que estea xa en poder da Administración actuante, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios normalizados de solicitude a data e o órgano en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

t) Nos casos de autorización á Axencia Galega de Innovación para a comprobación de certos datos segundo os puntos anteriores en que, por erros nos datos achegados polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación ou cando a información non sexa válida, con erros ou inexistente, polo que non sexa posible verificar estes datos, a Axencia Galega de Innovación poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4.2. Documentación técnica

a) Currículos en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada socio do proxecto, incluíndo a certificación da súa titulación académica.

b) Memoria do proxecto segundo o índice recomendado que se inclúe como anexo X.

Nesta memoria deberá incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa que se dedicará ao proxecto, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación e motivación desta porcentaxe e aclaración sobre se a dedicación será para toda a vida do proxecto ou en que fases intervirá.

5. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Para cubrir correctamente os formularios de solicitude disporase dun documento de preguntas frecuentes publicitado a través da páxina web da Axencia Galega de Innovación (www.gain.xunta.es) que deberán ser observadas en todo momento. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Axencia Galega de Innovación, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Artigo 13. Información aos interesados

1. Poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), na súa epígrafe de «axudas».

b) Nos teléfonos 981 54 39 93, 981 95 70 50, 981 54 39 87 e 981 95 73 03.

c) No enderezo electrónico gain@xunta.es

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Artigo 14. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. A Axencia Galega de Innovación velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguranza técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non obstante, a Axencia Galega de Innovación revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía de procedementos e servizos da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

4. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 16. Órganos competentes

A unidade competente en materia de innovación empresarial da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderá ao director da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

Artigo 17. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras, requirirá o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Este requirimento remitirase exclusivamente ao representante/coordinador do proxecto que canaliza a relación de todos os participantes coa Axencia Galega de Innovación e nel farase indicación expresa de que, de non realizarse esta emenda, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12.4 desta resolución resulta que o solicitante non se atopa ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma, e coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social. O mesmo se fará para o resto dos datos para que se autorizou a súa consulta á Axencia Galega de Innovación se a comprobación deles non puidese realizarse por erros nos datos fornecidos polo propio solicitante, imposibilidade material de obter a documentación ou cando a información non for válida, con erros ou inexistente, de xeito que non sexa posible verificalos.

Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou da memoria.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, que se realizará a través do representante ou coordinador da agrupación.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. A inadmisión dun dos solicitantes por non reunir algún dos requisitos establecidos na resolución de convocatoria suporá a inadmisión de todos os participantes no proxecto.

5. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 18. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nesta convocatoria, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Dado o carácter de concorrencia competitiva da convocatoria, os requirimentos de emenda e corrección de erros nas solicitudes, así como as notificacións das resolucións correspondentes, realizaranse preferentemente mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Criterios de valoración

A valoración de cada proxecto, que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo a aspectos científico-técnicos e económico-financeiros do proxecto, así como da súa potencialidade para xerar valor económico coa explotación dos seus resultados segundo os seguintes criterios de valoración:

1. Excelencia científico-técnica do proxecto: 25 puntos.

– Calidade científico-técnica da proposta e grao de innovación deste (15 puntos):

• Grao de innovación, novidade: 9 puntos.

• Grao de coñecemento dos antecedentes e do estado da arte: 3 puntos.

• Obxectivos do proxecto: concreción e claridade na formulación: 3 puntos.

– Viabilidade da proposta (10 puntos):

• Valoración da metodoloxía: 7 puntos.

• Planificación proposta para o desenvolvemento do proxecto; plan de traballo: 3 puntos.

2. Adecuación económico-financeira da agrupación ao desenvolvemento do proxecto: 10 puntos.

– Solvencia financeira dos distintos membros da agrupación (6 puntos). Para a acreditación desta solvencia cada membro da agrupación achegará unha declaración relativa á cifra global de negocio nos últimos tres exercicios.

– Xustificación da necesidade e adecuación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto entre os diferentes socios (4 puntos).

3. Avaliación da agrupación do proxecto: 15 puntos.

– Capacidade técnica de cada un dos membros da agrupación para a realización do proxecto: antecedentes de proxectos financiados en convocatorias competitivas, complementariedade dos diferentes membros da agrupación e equilibrio (10 puntos).

– Estrutura organizativa do proxecto e mecanismos de xestión e seguimento (capacidade de adaptación ante posibles cambios que poidan producirse no desenvolvemento do proxecto) (5 puntos).

4. Mercado potencial dos resultados do proxecto: 20 puntos.

Analizarase a viabilidade económica do proxecto, en termos de rendibilidade esperada, a través do plan de negocio definido para a comercialización dos resultados de investigación acadados. Terase en conta:

– A dimensión do mercado potencial e a estratexia de comercialización dos resultados do proxecto (10 puntos).

– A xeración e explotación de patentes e a apertura de novos mercados (5 puntos).

– A capacidade da agrupación para explotar os resultados que se xeren (5 puntos).

5. Capacidade de internacionalización dos resultados do proxecto: 10 puntos.

Capacidade da agrupación para a apertura de mercados internacionais.

6. Impacto socio-económico do proxecto: 20 puntos.

– Contribución do proxecto ao desenvolvemento das áreas estratéxicas da economía galega (7 puntos).

– Repercusión do proxecto na actividade empresarial galega. Grao de mobilización do investimento privado (3 puntos).

– Xeración de emprego (4 puntos).

– Outros aspectos como:

– Igualdade de xénero (participación equilibrada de mulleres no equipo humano do proxecto): (2 puntos).

– Implicacións ambientais do proxecto: redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético (economía baixa en carbono): (2 puntos).

– Contribución do proxecto para corrixir os desequilibros rexionais, de xeito que aqueles proxectos en que participen empresas localizadas nas provincias de Lugo ou Ourense acadarán 2 puntos adicionais.

De cada proxecto faranse dúas avaliacións realizadas por asesores científicos externos. O xestor técnico da Axencia Galega de Innovación que ten encomendado un proxecto realizará un informe sobre a idoneidade da solicitude presentada.

De existir unha discrepancia de 10 puntos ou máis entre as dúas avaliacións externas, o xestor técnico poderá corrixir a dita puntuación, de maneira que esta sempre quede comprendida entre as notas inferior ou superior outorgadas polos asesores científicos externos. No caso de que a diferenza entre as puntuacións das avaliacións externas sexa inferior a 10 puntos, a nota final corresponderá á media aritmética das dúas avaliacións.

Artigo 20. Comisión de valoración

A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes e estará composto por:

a) O/A director/a da Área de Crecemento e Valoración ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Dous xefes de división da Axencia Galega de Innovación ou persoa/s en quen deleguen.

c) Un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

A comisión de valoración para a realización do seu labor poderá solicitar todos os informes técnicos que considere precisos e emitirá unha acta en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

Artigo 21. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 22. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emitirá un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. O órgano instrutor elevará o citado informe, xunto coa proposta de resolución que formule para cada proxecto, ao director da Axencia Galega de Innovación.

Na proposta de concesión figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o director da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes, indicando a causa da súa inadmisión.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe do investimento subvencionable establecido nestas bases.

4. Tal e como se recolle no artigo 18 desta resolución, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).
Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Porén, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, que será remitida, para cada proxecto, ao seu representante ou coordinador que canaliza a relación de todos os participantes no proxecto coa Administración.

Artigo 23. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma aprobados que se recollan nas resolucións de concesión. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación antes dun mes da finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación deberá motivar os cambios que se propoñen e debe xustificar a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

5. En ningún caso se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

6. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

Artigo 25. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, cada un dos socios do proxecto deberá aceptala expresamente, cubrindo e asinando o modelo que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992. A entrega de todas as aceptacións dos socios dun mesmo proxecto deberá canalizarse a través do representante da agrupación e realizarse conxuntamente.

Transcorridos 10 días sen ter recibido este documento no órgano xestor, entenderase que a entidade acepta a subvención.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es) e que se inclúe como anexo IX a título exclusivamente informativo, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o presidente da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992.

Artigo 26. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan logo como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) As entidades beneficiarias deben ter o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma galega e realizar en Galicia as actividades susceptibles de obter axuda por medio destas convocatorias.

e) As axudas para custos de equipamento recollidas nesta resolución só serán definitivas se a situación inicial non sofre, antes de transcorridos cinco anos do seu termo, unha modificación substancial. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

f) Solicitar á Axencia Galega de Innovación, previamente á súa realización e, en todo caso, un mes antes de que remate o prazo de xustificación da subvención, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos proxectos aprobados. Terase en conta que a realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a inadmisión das cantidades desviadas.

g) Cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, coas modificacións introducidas polo Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009. Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013, que pode consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

En todo caso, en materia de publicidade as empresas beneficiarias deberán:

– No caso de contratación de persoal específico para o proxecto, a mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder e a taxa de cofinanciamento do 80 %.

– Para o resto de persoal dedicado ao proxecto, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

– No caso de que as empresas participantes dispoñan de páxina web deberán difundir o cofinanciamento Feder a través da súa web, coa referencia ao título do proxecto financiado, a axuda concedida e o emblema comunitario e o lema Feder.

h) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

i) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión.

Artigo 27. Xustificación da subvención

1. A xustificación non poderá facerse por medios electrónicos, só en formato papel, utilizando os formularios normalizados dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es). Como na solicitude, a entrega da documentación xustificativa de todos os socios deberá realizarse conxuntamente, canalizándose esta entrega a través do representante/coordinador do proxecto.

Co fin de facilitar a revisión da documentación, é aconsellable presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a redacción deste artigo.

2. Prazos de xustificación:

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade

31 de decembro de 2014

Segunda anualidade

30 de xuño de 2015

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade

Desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de decembro de 2014

Segunda anualidade

Desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o 30 de xuño de 2015

3. Documentación:

3.1. Económica do custo das actividades que contará, para cada un dos membros da agrupación, con:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos para cada un dos socios. Tamén formará parte da documentación económica xustificativa un resumo global de execución para a totalidade do proxecto.

b) De ser o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada, seguindo ou non o modelo dispoñible na páxina web da Axencia, pero sempre co mesmo grao de especificidade deste.

c) Documentación xustificativa do investimento: orixinal ou copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados.

d) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios ou documentos obtidos a través da banca electrónica sempre que conten co selo do banco. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, que deberán ser o emisor da factura e o beneficiario da axuda, respectivamente, o número e a satisfacción do importe total da factura, así como o concepto a que se refiren. No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto a que corresponden.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, acompañarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento corresponde coas ditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas e a suma total deberá coincidir co total do extracto bancario.

e) No caso de subcontratacións con organismos de investigación, deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia compulsada do contrato de traballo xunto coa certificación da titulación académica, no caso de persoal de nova contratación con destino específico ao proxecto.

– Orixinal ou copia compulsada das facturas emitidas pola entidade subcontratada suficientemente detalladas e nas cales se especifique claramente a prestación e a súa vinculación co proxecto ou actuación. Debe figurar nela o título do proxecto financiado e a desagregación por conceptos.

– Xustificantes de pagamento das facturas da subcontratación, que deben acompañarse cunha certificación asinada polo representante legal da entidade subcontratada onde figuren desagregados cada un dos gastos incluídos nos conceptos xunto co seu importe (sen IVE), isto é, nome e apelidos dos traballadores e facturas indicando o número e concepto a que se refiren, se for o caso.

f) Cando o importe do gasto subvencionable no caso de adquisición de bens de equipamento e contratación de servizos ou subministracións iguale ou supere os 18.000 euros, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A escolla entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, achegando unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No caso de aluger ou leasing será necesario achegar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

h) Declaración asinada polo representante legal de cada socio do proxecto na cal se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da empresa e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra.

A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

i) No caso de custo de persoal:

Para a xustificación do persoal, tanto propio como de nova contratación, destinado ao proxecto, deberá presentarse:

– Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, que consistirá nunha relación detallada por traballador do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, grupo de cotización por que está contratado, titulación, retribución bruta mensual, data de pagamentos das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado ao proxecto (retribucións e seguridade social) segundo a dedicación de cada traballador a este. Nesta certificación deberá figurar a sinatura do traballador.

– Copia das nóminas do persoal dedicado ao proxecto e orixinal ou copia compulsada dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario de pagamento da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

– Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento (orixinal ou copia compulsada).

No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social destes traballadores.

Ademais, no caso de persoal de nova contratación con carácter exclusivo para o proxecto, tamén deberá presentarse orixinal ou copia compulsada do contrato de traballo en que poida verificarse esta exclusividade e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica. Non serán admitidas contratacións en grupos de cotización/categorías profesionais inferiores ás titulacións indicadas na solicitude nin contratacións a tempo parcial.

No anexo XI establécense os custos máximos por grupo de cotización. No caso de non coincidiren a titulación e o grupo de cotización polo que a persoa está contratada, aplicarase o máximo correspondente a este último, independentemente da titulación do traballador.

En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) en que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

k) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas para os mesmos custos, aínda que a finalidade sexa diferente, de todas as administracións públicas, utilizando o modelo publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es). De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

3.2. Técnica das actividades desenvolvidas, formada pola documentación abaixo indicada e que será única para todos os socios do proxecto e responsabilidade do seu representante ou coordinador:

a) Informe técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.es).

b) Memoria libre sobre a evolución do proxecto.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse acompañados dunha copia en formato PDF e en soporte CD.

Na memoria deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 26.h).

3.3. Sen prexuízo da documentación indicada no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3.4. En ningún caso se admitirá xustificación de gastos realizados entre empresas do mesmo grupo, polo que todos os custos subvencionables debén realizarse entre empresas independientes entre si.

Artigo 28. Pagamento

Faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, sendo obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación.

Artigo 29. Graduación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da subvención, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Tanto para facer efectiva esta devolución como para declarar a perda do dereito ao cobramento tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

2. O incumprimento total dos fins para que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención. O incumprimento parcial dos fins para que se concedeu a subvención dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe que se determine nos informes de seguimento.

3. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento nas entidades perceptoras de subvencións as comprobacións e aclaracións que consideren necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como do cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderán propor a revogación da subvención concedida.

3. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar o representante ou coordinador da agrupación, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

4. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todos os membros da agrupación.

5. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (en diante DL 1/1999), e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás verificacións do artigo13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2013

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file