Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2014 Páx. 3629

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

Preámbulo

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 27.29 do seu Estatuto de autonomía, ten a competencia exclusiva en materia de confrarías de pescadores. As súas funcións e servizos foron transferidos polo Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, debendo axustar a súa organización e competencias aos principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado para estas entidades de conformidade co disposto no artigo 15.2 da Lei 12/1983, do 14 de outubro, do proceso autonómico. A regulación estatal das confrarías atópase recollida na Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, ás cales lle dedica os artigos 45 a 51.

No exercicio destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia. Esta lei tivo o seu desenvolvemento normativo mediante o Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regulaba a estrutura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia. Atendendo a razóns de índole práctica que aconsellaban integralo nun único texto xunto coas ordes de desenvolvemento regulamentario, foi derrogado polo Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Con este novo decreto preténdese, tendo en conta a experiencia e andaina previas, dar resposta ás cuestións que xorden no funcionamento destas corporacións no seu día a día, ao tempo que se persegue facilitarlles un marco xurídico suficiente que lles permita seguir adaptándose e facer fronte aos constantes cambios que se producen no sector pesqueiro, especialmente no que atinxe á xestión dos seus recursos e ao seu ámbito de organización e funcionamento interno, con sometemento aos principios de legalidade, transparencia contable e democracia interna, que constitúen os tres piares básicos para que as confrarías sigan actuando, nun mercado da pesca en constante transformación, como entidades solventes e competitivas.

Recóllense neste texto normativo, aquelas observacións de legalidade, de mellora e complemento contidas nas sentenzas emitidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e polo Tribunal Supremo.

Finalmente, este decreto emprende o desenvolvemento normativo da disposición adicional segunda da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia no que se refire á regulación do procedemento electoral das confrarías. Segundo a devandita disposición adicional, a consellería competente en materia de pesca procederá á convocatoria de eleccións para todas as confrarías de pescadores e as súas federacións, unificando o calendario electoral para todas elas; ante este contexto xorde a necesidade dunha regulación que dea a cobertura axeitada ao proceso electoral conxunto.

Este decreto está formado por 120 artigos, estrutúrase en dez capítulos aos cales se lles engaden catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O capítulo I regula as disposicións xerais, como son a definición e a natureza xurídica das confrarías, o réxime xurídico que rexe na súa actuación, as actuacións suxeitas á tutela administrativa, os estatutos e a súa reforma. Tamén regula as funcións que deben desempeñar estas corporacións de dereito público, diferenciando entre aquelas que desenvolven como órganos de consulta e colaboración coa Administración das que exercen en defensa dos intereses dos profesionais que as integran.

O capítulo II regula o ámbito territorial das confrarías, que comprende o espazo delimitado do litoral onde estas entidades exercerán as funcións citadas no capítulo anterior e descríbese o proceso que se debe seguir no caso de alteración dos límites dun ámbito territorial. Así mesmo, regúlase a constitución da comisión de arbitraxe, que deberá resolver aqueles casos en que non exista acordo pola repartición dos límites dun ámbito territorial.

O capítulo III regula os membros das confrarías e estrutúrase en dúas seccións: a sección primeira relativa aos dereitos, obrigas e responsabilidades dos membros, na cal se regula a adquisición, mantemento e perda da condición de membro, para logo enumerar os dereitos e obrigas inherentes a esta condición. O derradeiro artigo desta sección establece a responsabilidade para o caso de que sexan incumpridas as obrigas.

A sección primeira deste capítulo regula o censo de membros, así como o procedemento para inscribirse e actualizalo. No que se refire ao acceso aos datos do censo, recóllese a obriga de non vulnerar a normativa vixente sobre protección de datos de carácter persoal.

Así mesmo, trátase de adecuar a figura da xubilación á de membro honorario da confraría, que terá dereito a voz, pero estará en situación de inelixibilidade e incompatibilidade para ocupar cargos nos órganos reitores; o resto das situacións de xubilación compatibles co desempeño de actividades pesqueiras estarán consideradas como membros de pleno dereito.

O capítulo IV regula os órganos reitores da confraría e estrutúrase en tres seccións. A sección primeira dedicada á composición, funcións e constitución da xunta xeral e cabido. Incorpora a novidade de que os/as integrantes dunha agrupación sectorial que resulten elixidos/as como vogais da xunta xeral serán membros natos da directiva desa agrupación sectorial. Contén tamén a elección do patrón/patroa maior e a regra de precedencia dos/as vicepatróns/vicepatroas maiores.

Para o caso de disolución dos órganos de goberno crearase unha comisión xestora que terá como obxectivo continuar coa actividade da confraría e convocar eleccións aos órganos reitores. Os órganos reitores resultantes da convocatoria realizada pola comisión xestora terán limitada a duración do seu mandato ata unha nova convocatoria única.

Na sección segunda regúlanse os supostos que suporán a perda da condición de membro de órgano reitor da confraría e fixase o procedemento para a provisión destas vacantes.

A sección terceira refírese ao persoal laboral propio das confrarías, de entre este persoal desaparece a figura de xerente que se describía no anterior decreto e adquire relevancia a figura do secretario/a de confraría como responsable de dirixir e xestionar a parte administrativa, os servizos e o persoal da confraría.

O capítulo V regula as agrupacións sectoriais nos seus aspectos de constitución, órganos reitores e normas de aplicación, entre as cales destacan a observancia da legalidade e a democracia na súa estrutura interna e funcionamento. A través desta norma dáselle máis contido ao papel que deben xogar estes colectivos na actividade da confraría ao ter como obxectivo da súa actividade a elaboración dos plans de xestión, a planificación da explotación dos recursos mariños e a organización das actividades necesarias para levar adiante o plan de xestión.

O capítulo VI desta norma presenta o marco do réxime orzamentario, económico e contable, na procura de maior transparencia contable. Establece o seu patrimonio, recursos económicos, o orzamento anual, o réxime contable e as contas anuais, para finalizar recollendo expresamente a responsabilidade e a correspondente acción para exixila neste ámbito. Con respecto ao anterior decreto, en cumprimento da Sentenza 709/2006, do 13 de xullo, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, suprímese a intervención administrativa de oficio das confrarías por parte da Administración competente en materia de pesca.

O capítulo VII regula a creación, fusión e disolución das confrarías, na súa redacción tivéronse en conta as recomendacións propostas polo Consello de Contas de Galicia no seu informe anual para o ano 2009. Non se recolle neste texto a posibilidade de creación dunha confraría como resultado da segregación dunha existente.

O capítulo VIII recolle a regulación sobre as federacións de confrarías de ámbito provincial ou autonómico. Divídese en dúas seccións, na sección primeira establécense as funcións destas federacións, os seus órganos reitores o proceso da súa constitución e composición. O seu réxime económico, orzamentario e contable será o mesmo que o establecido para as confrarías.

Polo que atinxe a sección segunda, esta establece a posibilidade de utilizar modalidades asociativas entre confrarías, distintas das federacións. Así, as confrarías e as súas federacións están facultadas para establecer convenios, incluídos os que se establezan con entidades privadas.

No capítulo IX regúlase o procedemento electoral a través de catro seccións. A sección primeira contén as normas electorais xerais, entre as cales se atopan: o réxime xurídico, a duración do mandato electoral, as eleccións anticipadas, a convocatoria ordinaria, o dereito de sufraxio e o voto por correo. A celebración das eleccións por medio dunha convocatoria única orixina que o desenvolvemento do proceso electoral sexa común; como consecuencia disto créase a xunta electoral única para toda Galicia, cuxa misión principal será velar pola correcta coordinación do proceso electoral, así como resolver todas as consultas e os recursos que se presenten.

A sección segunda refírese ao desenvolvemento do proceso electoral, relata cada unha das fases polas que debe transcorrer este proceso, así como os prazos que deben superarse para alcanzar a seguinte fase. Neste punto tamén se fixan os prazos para presentar recursos os/as interesados/as e os prazos de que dispón a xunta electoral única para resolver.

Na sección terceira recóllese a constitución dos órganos reitores das confrarías e como novidade a constitución das xuntas directivas das agrupacións sectoriais cos membros natos procedentes da xunta xeral e proceso de elección para as restantes vogalías entre os/as
integrantes da agrupación sectorial.

En canto á sección cuarta deste capítulo regula a elección dos compoñentes do comité executivo das federacións, a fin de que as confrarías acollidas teñan representación na xunta xeral; en canto ao comité executivo, no caso da federación galega será provisto desde as federacións provinciais, garantindo deste xeito a presenza de representantes das tres provincias marítimas.

O capítulo X regula a organización e funcionamento do Rexistro de Confrarías e das súas Federacións.

Polo exposto, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, oídas as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Definición e natureza xurídica

1. As confrarías de pescadores de Galicia son corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas, actuando de acordo cos principios de observancia da legalidade, transparencia contable e democracia na súa estrutura interna e funcionamento.

2. As confrarías actúan como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e ordenación do sector pesqueiro.

3. As confrarías desenvolverán funcións de carácter administrativo, cando actúen como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro, de acordo co previsto no presente decreto.

Para os efectos da súa constitución e organización, así como cando actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración, as confrarías participan da natureza da Administración pública.

4. Así mesmo, as confrarías representan intereses económicos e corporativos dos/as profesionais do sector e dos/as seus/súas asociados/as, polo que poden desenvolver actividades propias de organización e comercialización da produción no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. As confrarías de pescadores rexeranse polo disposto na lexislación básica do Estado, a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia; polos preceptos da Lei 11/2008, de pesca de Galicia; polo presente decreto e as disposicións que o desenvolvan, e polos seus respectivos estatutos debidamente ratificados.

2. A contratación de persoal por parte da confraría, a súa actividade patrimonial de carácter mercantil ou comercial, o seu réxime disciplinario, así como todas aqueloutras cuestións de natureza xurídica distinta á sinalada no punto anterior, rexeranse polas normas que lles sexan de aplicación con sometemento ao órgano xurisdicional competente.

3. No exercicio das súas funcións de carácter administrativo, as confrarías suxeitarán a súa actuación ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Da tutela

As confrarías de pescadores quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida pola consellería competente en materia de pesca, respecto daqueles actos e acordos adoptados no exercicio das súas funcións públicas e suxeitas ao dereito administrativo.

Terán, en todo caso, esta consideración as cuestións relativas á constitución, funcionamento dos órganos reitores e procesos electorais que se desenvolvan no seu seo, así como os actos de afiliación e a creación, disolución e fusión das confrarías.

Artigo 4. Dos estatutos

1. Cada confraría elaborará, aprobará e, de ser o caso, modificará os seus propios estatutos, e deberá sometelos posteriormente á ratificación da consellería competente en materia de pesca. O acordo favorable para a aprobación dos estatutos requirirá a maioría establecida no artigo 27.3.b) deste decreto.

2. Os estatutos acadarán eficacia xurídica unha vez inscritos no rexistro regulado no capítulo X deste decreto.

3. O contido mínimo dos estatutos será o recollido no artigo 2.3 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, e ademais incluirá:

a) Os procedementos internos e externos de control da xestión orzamentaria e contable.

b) A adquisición e perda da condición de afiliado/a.

4. A ratificación e inscrición dos estatutos no rexistro serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5. Da reforma dos estatutos

1. As confrarías de pescadores poderán modificar os seus estatutos.

2. A proposta de reforma do estatuto requirirá a súa presentación por escrito indicando o seu obxecto e precisará a sinatura dun número de membros que supoña calquera das seguintes maiorías:

a) Dous terzos dos membros do cabido.

b) A metade máis un dos membros da xunta xeral.

c) As tres quintas partes da totalidade dos membros da confraría.

3. No prazo máximo de dous meses, a xunta xeral da confraría deberá resolver a proposta formulada. O acordo favorable para a reforma dos estatutos requirirá a maioría establecida no artigo 27.3.b) deste decreto.

4. A modificación dos estatutos aprobada pola xunta xeral deberá ser sometida a ratificación da consellería competente en materia de pesca para a súa inscrición no Rexistro de Confrarías.

Artigo 6. Das funcións das confrarías como órganos de consulta e colaboración

As confrarías como órganos de consulta e colaboración coa administración desenvolverán as funcións previstas no artigo 3.2 da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Así mesmo, e con tal carácter:

a) Velarán polo estrito cumprimento da normativa vixente en materia de pesca, de descarga, primeira venda e de comercialización dos recursos mariños, cando teñan asignados estes servizos.

b) Colaborarán coa Administración na elaboración das estatísticas do sector pesqueiro e marisqueiro e, en particular, remitiranlle á consellería competente en materia de pesca os datos relativos á descarga e primeira venda dos recursos mariños en fresco, no prazo e na forma determinados regulamentariamente pola administración competente.

c) Facilitarán o labor de inspección e subministrarán a documentación e información que se precise por requirimento da administración competente.

d) Desenvolverán aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas ou encomendadas dentro das competencias que teña a consellería competente en materia de pesca.

Artigo 7. Das funcións en defensa dos intereses dos profesionais

Ás confrarías, na defensa dos intereses dos/as profesionais que as compoñen, correspóndelles as funcións previstas no artigo 3.3 da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Así mesmo, prestarán as seguintes funcións:

a) Responsabilizarse da vixilancia das zonas de dominio público marítimo e marítimo-terrestre que lles fosen confiadas para o seu aproveitamento.

b) Administrar os seus propios recursos e patrimonio.

c) Promover a execución de plans de capturas, concentrar a oferta e regularizar os prezos.

d) Establecer os plans de produción e comercialización co fin de mellorar a calidade dos produtos e adaptar o volume da oferta ás exixencias do mercado.

e) Adoptar as medidas necesarias para a aplicación da política pesqueira comunitaria que sexan da competencia dos/as produtores/as.

f) Prestar servizos de carácter xeral aos seus membros.

g) Facilitar a comercialización da produción, de acordo coa normativa vixente.

h) Favorecer a creación de empresas, asociacións e cooperativas, coa posibilidade de participar nelas co obxectivo de acadar eficacia e rendibilidade nos procesos de transformación e comercialización dos produtos pesqueiros; así como participar en proxectos que fomenten a diversificación pesqueira e acuícola.

i) As demais que lles confiren os seus estatutos.

Artigo 8. Estrutura

1. En todas as confrarías existirá unha sección de orientación que desenvolverá as funcións definidas no artigo 6 do presente decreto.

2. En cada confraría poderá constituírse a sección de organización da produción, se así o decide a maioría absoluta dos membros da xunta xeral. Esta sección desenvolverá as funcións establecidas no artigo 7 do presente decreto.

3. O acordo de creación da sección de organización da produción inscribirase no rexistro regulado no capítulo X deste decreto.

CAPÍTULO II
Ámbito territorial das confrarías

Artigo 9. Do ámbito territorial

1. O ámbito territorial das confrarías será o que determinen os respectivos estatutos, concretando os seus límites con referencia a puntos determinados da liña de costa.

2. En ningún caso poderán coincidir varias confrarías nun mesmo ámbito territorial, nin estenderse fóra do territorio de Galicia.

3. A alteración do ámbito territorial dunha confraría requirirá o acordo maioritario das xuntas xerais de todas as confrarías implicadas, que deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

De non acadarse acordo, por instancia dunha das xuntas xerais das confrarías implicadas, a consellería designará unha comisión de arbitraxe que logo de audiencia ás confrarías implicadas, elevará proposta de resolución á persoa titular da consellería competente en materia de pesca.

4. A antedita comisión estará presidida por un/unha funcionario/a designado/a pola persoa titular das competencias en materia de pesca e catro vogais, que serán un/unha letrado/a da asesoría xurídica da consellería, a persoa funcionaria que ocupe a xefatura do servizo ao cal lle correspondan as relacións coas confrarías, un/unha representante da federación provincial correspondente e un/unha representante da xefatura territorial correspondente, que fará de secretario/a da comisión con voz e voto.

5. A alteración do ámbito territorial dunha confraría implicará unha modificación dos estatutos das confrarías afectadas, que deberán cumprir os trámites procedementais correspondentes e inscribirse no Rexistro de Confrarías.

6. O alcance xurídico da determinación do ámbito territorial afectará unicamente a determinación do territorio para a afiliación dos membros das confrarías, e non terá a consideración de dereito preferente para a explotación dos recursos mariños ou marisqueiros, agás nos casos en que legalmente se lle atribúa outro alcance.

CAPÍTULO III
Os membros das confrarías

Sección 1ª. Dereitos, obrigas e responsabilidades

Artigo 10. Dos membros

1. Poderán ser membros das confrarías de pescadores as persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente se asocien, sempre que desenvolvan habitualmente unha actividade extractiva pesqueira, marisqueira ou de produción acuícola, e estean en posesión do correspondente título administrativo que os habilite para o exercicio da actividade.

2. Os membros das confrarías de pescadores integraranse en dous colectivos, o de traballadores/as ou o de empresarios/as.

a) Integraranse no colectivo de traballadores/as:

1º. Os/As traballadores/as por conta allea debidamente enrolados/as en embarcacións dedicadas á actividade pesqueira ou marisqueira que teñan base nun porto do ámbito territorial da confraría, coa excepción do recollido no número 3 deste artigo.

2º. Os/As traballadores/as por conta propia que realicen os labores necesarios para a extracción dos recursos mariños no ámbito territorial da confraría.

3º. Os/As traballadores/as por conta allea que presten os seus servizos en actividades de explotación de parques de cultivo que estean no ámbito territorial da confraría ou en viveiros flotantes, sempre que figuren enrolados/as nunha embarcación con porto base no ámbito territorial da confraría.

4º. Aqueles membros traballadores/as de persoas xurídicas que figuren debidamente enrolados en embarcacións dedicadas á actividade extractiva de recursos mariños. O membro que exerza a representación inscribirase no censo do colectivo de empresarios/as.

5º. Aqueles/as integrantes dunha comunidade de bens que estean debidamente enrolados/as en embarcacións dedicadas á actividade extractiva de recursos mariños, agás aquel/a comuneiro/a que represente a comunidade de bens no colectivo de empresarios/as.

b) Integraranse no colectivo de empresarios/as:

1º. As persoas físicas ou xurídicas que realicen unha actividade como armador/a de embarcacións dedicadas á actividade pesqueira ou marisqueira que teñan base nun porto do ámbito territorial da confraría, coa excepción do recollido no número3 deste artigo.

2º. Os/As titulares de concesións ou autorizacións marisqueiras que estean dentro do ámbito territorial da confraría.

3º. Os/As titulares de parques de cultivo que estean no ámbito territorial da confraría ou de viveiros flotantes, sempre que a súa embarcación teña base nun porto do ámbito territorial da confraría ou estean enrolados en embarcacións con porto base neste ámbito.

3. As persoas armadoras e as súas tripulacións que tradicionalmente manteñan unha vinculación social e económica cunha confraría que carece no seu ámbito dun porto base axeitado, poderán ser membros da citada confraría ata que exista un porto que cumpra coas necesidades destes colectivos.

4. Cando unha persoa xurídica estea composta por varios profesionais do sector extractivo, esta integrarase no colectivo de empresarios/as a través do seu representante legal. O resto de integrantes inscribiranse como traballadores/as sempre que reúnan os requisitos establecidos no punto 2 a) 4º deste artigo.

5. No caso das comunidades de bens un/unha dos/as seus/súas integrantes representará a comunidade no colectivo de empresarios/as. O resto de partícipes que cumpran cos requisitos do punto 2 a) 5º deste artigo, inscribiranse no colectivo de traballadores/as.

6. Se a persoa armadora ten máis dunha embarcación con portos base en ámbitos territoriais de diferentes confrarías, só se poderá afiliar nunha delas.

7. Poderase regular nos estatutos das confrarías a existencia de membros colaboradores, tendo dereito a voz pero non a voto. A súa admisión deberá ser aprobada pola xunta xeral da confraría.

Artigo 11. Da adquisición da condición de membro

1. A condición de membro dunha confraría adquírese pola solicitude de afiliación, manifestada por escrito e posterior resolución motivada do cabido, logo da comprobación dos requisitos referidos no artigo anterior e nos estatutos da confraría.

2. A condición de membro da confraría atribúe, desde o momento da súa afiliación, a plenitude e igualdade dos dereitos e obrigas inherentes a ela, sen prexuízo das limitacións reguladas neste decreto para os dereitos a ser elector ou elixible.

Artigo 12. Do mantemento da condición de membro

1. Poderán manter a condición de membro aquelas persoas que estean en situación de inactividade ou desemprego ocasional ata un período máximo dun ano. Así mesmo, poderán manter a condición de membros os que estean nunha situación de incapacidade permanente total, sempre que nesta situación desenvolvan traballos dentro do ámbito do sector pesqueiro ou marisqueiro.

2. Aquelas persoas que, sendo membros da confraría, pasen á situación de incapacidade permanente absoluta, grande invalidez ou xubilación manterán a condición de membro honorario/a da confraría sen ter dereito a ser elector/a ou elixible.

Artigo 13. Da perda da condición de membro

Son causas da perda da condición de membro da confraría: deixar de reunir os requisitos exixidos para a súa adquisición por incumprimento das obrigas económicas coa confraría durante o período de tempo establecido nos estatutos, por falecemento, baixa voluntaria manifestada por escrito, expulsión da confraría logo de expediente disciplinario incoado para o efecto, ou por calquera outra causa prevista nos estatutos da respectiva confraría.

Artigo 14. Dos dereitos dos membros

Son dereitos dos membros das confrarías:

a) Cando cumpran os requisitos fixados no artigo 80, elixir e ser elixidos/as para cargos de representación e dirección dentro da confraría e exercer, se así son designados/as, a dita representación.

b) Exercer accións e formular recursos en relación cos seus dereitos e instar a confraría ao exercicio das actuacións necesarias para a defensa dos seus membros.

c) Participar en todos os actos aos cales deban ser convocados/as.

d) Solicitarlle ao cabido as aclaracións e informes que coiden necesarios sobre o estado da administración, patrimonio, funcionamento e actuacións da confraría, en todo o que lles poida afectar.

e) Formularlles todo tipo de propostas aos/ás seus/súas representantes.

f) Utilizar os servizos da confraría.

g) Aqueloutros que lles confiran os estatutos.

Artigo 15. Das obrigas dos membros

Son obrigas dos membros das confrarías:

a) Actuar conforme o disposto nos estatutos da confraría, regulamentos de réxime interior e demais normativa que lles resulte de aplicación.

b) Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da confraría.

c) Actuar con lealdade e boa fe, non obstaculizando o normal funcionamento da confraría.

d) Satisfacer as cotas e derramas que establezan os órganos de goberno.

e) Participar como membro da comisión ou da mesa electoral cando sexa designado como integrante de calquera delas.

f) Todas aquelas que establezan os respectivos estatutos.

Artigo 16. Da responsabilidade dos membros

1. O incumprimento das obrigas poderá dar lugar á exixencia de responsabilidade.

2. Os estatutos deberán recoller en todo caso as infraccións e sancións, así como o procedemento sancionador e réxime disciplinario, todo iso de acordo coa lexislación vixente.

3. As infraccións deberán clasificarse en leves, graves e moi graves. Na determinación das sancións gardarase a debida proporcionalidade entre a gravidade do feito constitutivo de infracción e a sanción aplicable.

4. Non poderá acordarse ningunha limitación nos dereitos dos membros sen a instrución e resolución do correspondente procedemento sancionador. O expediente será incoado polo/a patrón/patroa maior e garantirá a audiencia do/a interesado/a.

Sección 2ª. Do censo de membros

Artigo 17. Inscrición e acceso ao censo

1. As confrarías de pescadores están obrigadas a levar un censo dos seus membros nos cales se inscribirán todas as persoas físicas ou xurídicas que adquiran tal condición. O censo poderá realizarse nun soporte electrónico e deberá cumprir coas obrigas establecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. A inscrición no censo farase de oficio unha vez adquirida a condición de membro da confraría. Esta inscrición será realizada polo/a secretario/a da confraría, que será o responsable da súa coordinación e supervisión, así como da súa custodia e depósito.

3. Os membros da confraría terán acceso ao censo de membros, deberán subscribir o correspondente compromiso de confidencialidade e respectar o recollido na normativa vixente sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 18. Seccións do censo

O censo constará de dúas seccións:

1. De traballadores/as. Inscribirase toda persoa física que teña a condición de traballador/a conforme o artigo 10.2 a) e da cal necesariamente deberán constar os seguintes datos:

a) Número de orde ou número de membro.

b) Data de alta e baixa.

c) Nome, apelidos, NIF e data de nacemento

d) Clase de título administrativo habilitante.

e) Sector de produción ou agrupación sectorial se é o caso.

f) Observacións.

2. De empresarios/as. Inscribirase toda persoa física ou xurídica que teña a condición de empresario/a conforme o artigo 10.2.b) e da cal necesariamente deberán constar os seguintes datos:

a) Número de orde ou número de membro.

b) Data de alta e baixa.

c) Nome, apelidos, NIF e data de nacemento, ou para o caso de persoas xurídicas e comunidade de bens, denominación e NIF.

d) Identificación do/a representante para exercer o dereito ao sufraxio activo.

e) Clase de título administrativo habilitante.

f) Nome, matrícula e folio da embarcación, parque de cultivo ou viveiro flotante.

g) Sector de produción ou agrupación sectorial, se é o caso.

h) Observacións.

Artigo 19. Actualización do censo

1. O censo de membros deberá ser actualizado cando se produzan altas, baixas ou modificacións dos datos contidos nas súas seccións. Este censo será comunicado á consellería competente en materia de pesca cada tres meses e logo de aprobación do cabido.

2. O censo de membros manterase á disposición dos/as interesados/as para a súa consulta permanente expoñéndose publicamente no taboleiro de anuncios da confraría ou establecendo un sistema de consulta por medios informáticos. As reclamación sobre inclusións, exclusións ou datos censuais dirixiranse ao cabido.

3. O censo de membros actualizado será remitido polo/a secretario/a da confraría á consellería competente en materia de pesca por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos, no formato que a dita consellería determine, para a súa inscrición no Rexistro de Confrarías.

CAPÍTULO IV
Órganos da confraría

Sección 1ª. Órganos reitores

Artigo 20. Dos órganos reitores

1. Son órganos reitores das confrarías os recollidos no artigo 7.1º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

2. Os órganos reitores teñen as funcións que se lles atribúen neste decreto e nos estatutos de cada corporación.

3. Os cargos electos só percibirán as indemnizacións que por razóns do servizo lles poidan corresponder en cada caso e cuxa contía será determinada nos orzamentos de ingresos e gastos aprobados anualmente pola xunta xeral da confraría.

Artigo 21. Da actuación dos órganos reitores

Os órganos reitores da confraría axustarán a súa actuación ao disposto neste decreto e aos seus acordos validamente adoptados, con sometemento expreso ao principio de legalidade.

Artigo 22. A xunta xeral

1. A xunta xeral é o órgano superior de goberno e decisión da confraría, na cal están representados/as todos/as os/as profesionais do sector membros dela.

2. A xunta xeral actúa como órgano de control e fiscalización dos restantes órganos reitores da confraría. Os acordos que adopta obrigan a totalidade dos seus membros.

Artigo 23. Composición da xunta xeral

1. Os membros da xunta xeral elixiranse mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un período de catro anos e poderán ser reelixidos/as por períodos de igual duración.

2. A xunta xeral está presidida polo/a patrón/patroa maior, asistido/a polos/as vicepatróns/vicepatroas maiores e o/a secretario/a.

3. A xunta xeral estará composta por un número de vogais comprendido entre 10 e 24, de acordo co seguinte criterio:

Ata 50 membros: 10 vogais.

Entre 51 e 100 membros: 12 vogais.

Entre 101 e 150 membros: 14 vogais.

Entre 151 e 200 membros: 16 vogais.

Entre 201 e 250 membros: 18 vogais.

Entre 251 e 300 membros: 20 vogais.

Entre 301 e 350 membros: 22 vogais.

De 351 membros ou máis: 24 vogais.

4. Na composición da xunta xeral respectarase, sempre que sexa posible, a paridade entre traballadores/as e empresarios/as, así como a proporcionalidade entre sectores de produción. Os distintos sectores de produción dunha confraría estarán representados na xunta xeral sempre que conten cun número de membros suficiente que lles permita contar cun vogal na xunta xeral.

5. Os sectores da produción correspóndense coas distintas modalidades de actividade extractiva de recursos mariños. Poderán ser sectores da produción da confraría:

a) Marisqueo a pé.

b) Marisqueo desde embarcación.

c) Recursos específicos segundo modalidades.

d) Pesca de baixura, frota de artes menores.

e) Pesca de baixura, frota de cerco.

f) Pesca de arrastre do litoral.

g) Pesca de altura e grande altura.

h) Outros.

6. Cando un sector da produción estea constituído en agrupación sectorial nos termos recollidos no artigo 48.2, os membros que resulten electos/as como vogais da xunta xeral, serán membros natos/as da xunta directiva desa agrupación sectorial, no número que corresponda.

Artigo 24. Das funcións da xunta xeral

1. Correspóndenlle á xunta xeral as seguintes funcións:

a) Aprobar e modificar total ou parcialmente os estatutos e regulamentos internos da confraría.

b) Acordar a convocatoria de eleccións para a cobertura de vacantes nos órganos de goberno por propia iniciativa ou por proposta do cabido.

c) Elixir e destituír o/a patrón/patroa maior e os membros do cabido.

d) Nomear e destituír o/a secretario/a a que fai referencia o artigo 44 deste decreto.

e) Acordar a modificación do seu ámbito territorial, nos termos previstos no artigo 9 deste decreto.

f) Acordar a fusión, disolución ou federación da confraría.

g) Aprobar o orzamento anual e as súas modificacións cando estas, illada ou acumulativamente, excedan o 10 % do total do orzamento.

h) Acordar a fixación das cotas ordinarias ou extraordinarias.

i) Acordar calquera actuación que comprometa en máis dun 10 % os fondos propios da confraría reflectidos nas contas anuais correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior.

j) Autorizar o/a patrón/patroa maior para tomar diñeiro a préstamo, concertar avais e demais instrumentos financeiros, solicitar subvencións, asinar convenios, concertos ou acordos, interpoñer recursos e formular litixios.

k) Aprobar a memoria anual relativa ás actividades da confraría e as contas anuais.

l) Constituír a sección de organización da produción.

m) Autorizar a contratación do persoal laboral.

n) Decidir sobre aquelas cuestións de interese que outro órgano reitor someta á súa consideración.

ñ) Solicitar e recibir do cabido a información oportuna sobre a situación da confraría.

o) Informar sobre a idoneidade dos plans de xestión elaborados polas agrupacións sectoriais e propoñer estes á consellería competente en materia de pesca para a súa aprobación.

p) Ratificar o acordo de constitución de agrupacións sectoriais e a aprobación dos seus regulamentos de réxime interior.

q) Acordar a solicitude de intervención administrativa pola administración competente.

r) Regular as funcións que debe desenvolver o persoal en cada posto de traballo.

s) Acordar as indemnizacións que por razón do servizo correspondan aos cargos electos.

t) Calquera outra atribuída nos estatutos da confraría.

2. A xunta xeral poderá delegar no cabido, e coas limitacións que considere convenientes, o exercicio das funcións recollidas nas letras j) e m) do parágrafo anterior. A delegación deberá ser acordada pola maioría absoluta dos seus membros. En caso de urxencia e sen necesidade de delegación, o cabido poderá autorizar, única e exclusivamente, o/a patrón/patroa maior para interpoñer recursos e litixios e dará conta á xunta xeral na súa primeira reunión.

Artigo 25. Da constitución da xunta xeral

Para a válida constitución da xunta xeral, para os efectos da adopción válida de acordos, requirirase a presenza do/a patrón/patroa maior, o/a secretario/a ou de quen os/as substitúa e, polo menos, da metade dos seus membros.

Artigo 26. Das reunións da xunta xeral e da súa convocatoria

1. As reunións da xunta xeral poderán ser ordinarias ou extraordinarias.

2. A xunta xeral ordinaria terá lugar, cando menos, unha vez cada seis meses, logo de convocatoria realizada por escrito polo/a secretario/a por orde do/a patrón/patroa maior dirixida a cada un dos membros da xunta xeral, indicando lugar, data e hora en que terá lugar a reunión, así como a orde do día. A convocatoria deberá remitirse cunha antelación mínima de cinco días hábiles á data prevista para a reunión.

3. A xunta xeral extraordinaria terá lugar en calquera momento, cando o soliciten o/a patrón/patroa maior, o cabido ou unha cuarta parte dos membros da xunta xeral ou da confraría; a convocatoria, xunto coa orde do día, deberase cursar con tempo suficiente para o coñecemento dos asuntos que se van tratar.

Artigo 27. Deliberación e acordos

1. O/A patrón/patroa maior presidirá a xunta xeral, polo que dirixirá a discusión dos asuntos incluídos na orde do día da convocatoria, concederá e retirará a palabra aos/ás oradores/as, declarará cerrada a deliberación e someterá a votación as propostas; moderará a extensión dos debates, respectando en todo caso dúas quendas a favor e outras dúas en contra das respectivas propostas.

2. As votacións para adopción de acordos levaranse a cabo por votación secreta, agás naqueles casos en que a totalidade dos membros da xunta xeral acorden o contrario.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple, agás nos seguintes casos:

a) A pertenza a unha federación e a intervención administrativa pola consellería competente en materia de pesca requirirán do apoio da maioría absoluta.

b) As funcións recollidas no artigo 24.1, alíneas a), c) e j), requirirán do apoio dos dous terzos dos membros da xunta xeral.

c) A fusión e disolución da confraría requirirá o apoio das tres cuartas partes dos membros da xunta xeral.

4. En caso de empate repetirase a votación e, de persistir este, decidirá o voto de calidade do/a patrón/patroa maior. Rematadas as votacións o/a patrón/patroa maior proclamará o resultado e os acordos que se adoptaron.

5. O/A secretario/a levantará acta de cada sesión que celebre a xunta xeral, que especificará necesariamente os/as asistentes/as, a orde do día da reunión, o lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

Artigo 28. Da publicidade dos actos e acordos da xunta xeral

Para os efectos da súa divulgación, un extracto dos actos e acordos da xunta xeral serán expostos no taboleiro de anuncios da confraría por un período de quince días desde a data da súa adopción.

Artigo 29. O cabido e a súa composición

1. O cabido é o órgano de goberno, xestión e administración da confraría.

2. A composición do cabido será, sempre que sexa posible, paritaria. Estará presidido polo/a patrón/patroa maior e composto por un número par de vogais, en todo caso comprendido entre seis e dez, dos/as cales dous/dúas serán obrigatoriamente os/as vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e polo/a secretario/a.

3. O número de vogais que compoñen o cabido determinarase de conformidade co seguinte criterio:

a) Cando os membros da xunta xeral sexan menos de 14, os vogais serán 6.

b) Cando os membros da xunta xeral sexan 14 ou máis e menos de 20, os vogais serán 8.

c) Cando os membros da xunta xeral sexan 20 ou máis, os vogais serán 10.

Artigo 30. Funcións do cabido

Son funcións do cabido:

a) Dirixir e realizar as actividades necesarias para o exercicio das facultades atribuídas á confraría.

b) Velar polo cumprimento dos acordos da xunta xeral.

c) Velar polo normal funcionamento dos servizos da confraría.

d) Elaborar e propoñerlle á xunta xeral o proxecto de orzamento, así como as súas modificacións, cando estas excedan o 10 % do total.

e) Executar o orzamento aplicando o plan de contabilidade das confrarías de pescadores de Galicia e proceder ás súas modificacións, sempre que o global destas non exceda o 10 % do total; deberán darlle cumprida conta de cada un destes acordos á xunta xeral.

f) Acordar calquera actuación que non comprometa en máis dun 10 % os fondos propios da confraría reflectidos nas contas anuais correspondentes ao exercicio inmediatamente anterior.

g) Elaborar as contas anuais e a memoria anual relativa ás actividades da confraría, someténdoas á xunta xeral para a súa aprobación.

h) Resolver as situación de alta e baixa dos membros e, logo da instrución do oportuno expediente, acordar a separación deles/as por razóns disciplinarias.

i) Elaborar e propoñerlle á xunta xeral o proxecto de estatutos, así como os regulamentos internos que procedan e as súas modificacións.

j) Propoñerlle á xunta xeral a cobertura de vacantes nos órganos de goberno.

k) Todas as facultades non atribuídas expresamente aos demais órganos de goberno, as recollidas nos estatutos e as que lle delegue a xunta xeral.

Artigo 31. Da constitución do cabido

Para a válida constitución do cabido, para os efectos da adopción válida de acordos requirirase a presenza do/a patrón/patroa maior, o/a secretario/a ou de quen os/as substitúa e, polo menos, da metade dos seus membros.

Artigo 32. Das reunións do cabido e da súa convocatoria

1. As reunións do cabido poden ser ordinarias ou extraordinarias.

2. O cabido reunirase, cando menos, unha vez cada dous meses, logo de convocatoria realizada por escrito polo/a secretario/a por orde do/da patrón/patroa maior dirixida a cada un dos membros, indicando lugar, data e hora en que terá lugar a reunión, así como a orde do día. A convocatoria deberá remitirse cunha antelación mínima de catro días á data prevista para a reunión.

3. Cando o/a patrón/patroa maior ou a cuarta parte dos membros do cabido ou da confraría o soliciten, realizarase en calquera momento unha reunión extraordinaria do cabido; a convocatoria, xunto coa orde do día, deberase cursar con tempo suficiente para o coñecemento dos asuntos que se van tratar.

Artigo 33. Deliberación e acordos

1. O/A patrón/patroa maior presidirá o cabido, polo que dirixirá a discusión dos asuntos incluídos na orde do día da convocatoria, concederá e retirará a palabra aos/ás oradores/as, declarará cerrada a deliberación e someterá a votación as propostas; moderará a extensión dos debates, respectando en todo caso dúas quendas a favor e outras dúas en contra das respectivas propostas.

2. As votacións para adopción de acordos levaranse a cabo por votación secreta, agás naqueles casos en que a totalidade dos membros do cabido acorden o contrario.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple, agás nos casos en que estatutariamente se exixa una maioría cualificada.

4. En caso de empate repetirase a votación e, de persistir este, decidirá o voto de calidade do/a patrón/patroa maior. Rematadas as votacións, o/a patrón/patroa maior proclamará o resultado e os acordos que se adoptaron.

5. O/A secretario/a levantará acta de cada sesión que celebre a xunta xeral, que especificará necesariamente os/as asistentes/as, a orde do día da reunión, o lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. Na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.

Artigo 34. Da publicidade dos actos e acordos do cabido

Para os efectos da súa divulgación, un extracto dos actos e acordos do cabido serán expostos no taboleiro de anuncios da confraría por un período de quince días desde a data da súa adopción.

Artigo 35. Do/a patrón/patroa maior

1. O/A patrón/patroa maior é o órgano unipersoal de representación da confraría. Preside a xunta xeral e o cabido, participando nas súas reunións con voz e voto, que será de calidade para o caso de empate.

2. O desempeño do posto de patrón/patroa maior é incompatible con calquera outro cargo nos órganos directivos das agrupacións sectoriais, así como co de secretario/a da confraría.

3. O/A patrón/patroa maior será elixido/a pola xunta xeral de entre os seus membros.

4. Se durante o desenvolvemento do seu mandato o/a patrón/patroa maior cambia a súa condición pasando de traballador/a a empresario/a ou viceversa, coa conseguinte integración nun colectivo distinto ao que pertencía cando foi elixido/a como membro da xunta xeral, deberá ser ratificado/a por esta no seu cargo.

A orde de precedencia dos/as vicepatróns/vicepatroas maiores verase alterada de producirse esta circunstancia.

Artigo 36. Das funcións do/a patrón/patroa maior

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A dirección e xestión da confraría.

b) Presidir e dirixir as reunións dos órganos reitores da confraría e someter as propostas a votación.

c) Coordinar a actuación dos membros do cabido e demais órganos da confraría.

d) Representar legalmente a confraría e ser a canle de relación desta con calquera outra entidade ou institución.

e) Colaborar coas federacións en que se integre a confraría.

f) Ordenar os pagamentos previstos nos orzamentos.

g) Velar polo cumprimento da legalidade.

h) Todas aquelas que lle sexan atribuídas polos estatutos e demais órganos reitores da confraría e que non sexan consideradas como indelegables.

Artigo 37. Dos/as vicepatróns/vicepatroas maiores

1. Os/As vicepatróns/vicepatroas maiores elíxense, de entre os membros da xunta xeral, un/unha polo colectivo de traballadores/as e outro/a polo colectivo de empresarios/as. Será vicepatrón/vicepatroa maior primeiro/a a persoa que pertenza a un colectivo distinto ao de procedencia do/a patrón/patroa maior e vicepatrón/vicepatroa maior segundo/a a persoa que corresponda ao mesmo colectivo de procedencia do/a patrón/patroa maior.

2. Os/As vicepatróns/vicepatroas maiores, en función da súa orde de precedencia, substitúen o/a patrón/patroa maior nos casos de vacante, mentres non se proceda a unha nova elección, ausencia ou enfermidade.

Artigo 38. Da comisión xestora

1. No suposto da dimisión da maioría dos membros da xunta xeral, entenderanse disoltos os órganos de goberno da confraría; o/a seu/súa secretario/a deberá comunicar, no prazo máximo de cinco días naturais, tal circunstancia á administración competente.

2. Neste caso, a consellería competente en materia de pesca designará unha comisión xestora entre os membros da confraría, composta de cinco membros, dos cales un/unha será o/a traballador/a de maior idade da confraría, outro/a o/a empresario/a de maior idade na confraría, un/unha terceiro/a que será o membro de menor idade e outros/as dous/dúas por proposta da federación provincial, un/unha pola parte dos/as traballadores/as e outro/a pola parte dos/as empresarios/as. En ningún caso poderán formar parte desta comisión xestora os membros dos órganos de goberno disoltos.

3. Esta comisión xestora constituirase no prazo máximo de quince días hábiles contados desde que a consellería teña coñecemento da dimisión da maioría dos membros da xunta xeral.

4. Os membros da comisión xestora elixirán de entre eles un/unha presidente/a e un/unha secretario/a.

Artigo 39. Das funcións da comisión xestora

1. Son funcións desta comisión xestora:

a) A convocatoria de eleccións anticipadas nun prazo máximo de dez días desde a súa constitución, agás para o caso de que falten seis meses ou menos para a convocatoria unificada do proceso electoral das confrarías de pescadores.

b) Adoptar as decisións ordinarias necesarias para o normal funcionamento da confraría ata a toma de posesión dos novos órganos de goberno.

2. O mandato dos órganos reitores resultantes da convocatoria de eleccións efectuada por esta comisión xestora, finalizará na data de toma de posesión dos órganos reitores resultantes da convocatoria unificada do proceso electoral das confrarías.

Artigo 40. Da imposibilidade de constitución da comisión xestora

Se non existe posibilidade de constituírse a comisión xestora nos termos previstos no artigo 38, a federación provincial correspondente, co asesoramento da consellería competente en materia de pesca, designará, no prazo máximo de dez días hábiles, un órgano provisional de goberno que terá como funcións as descritas no artigo 39.

Sección 2ª. Perda da condición de membro de órgano reitor

Artigo 41. Perda da condición de membro dos órganos reitores da confraría

1. Perderase a condición de membro dun órgano reitor da confraría e de membro nato de xunta directiva dunha agrupación sectorial, ademais de nos supostos recollidos nos seus estatutos ou regulamentos internos, nos seguintes:

a) Morte ou incapacidade da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

b) Por dimisión ou renuncia que serán dirixidas por escrito ao/á patrón/patroa maior da confraría ou ao/á presidente/a da xunta directiva da agrupación sectorial.

c) Cando deixen de concorrer algún dos requisitos necesarios para ser elixidos/as. As causas de inelixibilidade para ser membro dos órganos tamén o son de incompatibilidade e producida esta decaerá na súa condición.

d) Por non tomar posesión no prazo regulamentario, agás causa xustificada.

e) Por falta de asistencia ás sesións dos órganos reitores durante tres veces consecutivas no curso dun ano, agás xustificación axeitada.

2. A baixa será acordada pola xunta xeral da confraría logo do trámite de audiencia nos casos c), d) e e) e será comunicada á consellería competente en materia de pesca, para a súa inscrición no Rexistro de Confrarías.

3. No caso de vogais da xunta xeral que sexan membros natos de xunta directiva de agrupación sectorial, perderán a súa condición de membro nato cando perdan a condición de vogal da xunta xeral.

Os membros natos da xunta directiva da agrupación sectorial que perdan a súa condición polas causas previstas no número 1 deste artigo, perderán tamén a súa condición de vogal na xunta xeral.

Artigo 42. Da provisión de vacantes nos órganos reitores da confraría

1. As baixas definitivas producidas entre os membros dos órganos reitores da confraría cubriranse nun prazo máximo de tres meses, do seguinte xeito:

a) Na xunta xeral.

1º. Pola persoa do mesmo colectivo e sector da produción que lle corresponda en función do maior número de votos obtidos no último proceso electoral, que serán membros natos da xunta directiva da agrupación sectorial.

2º. Mediante a convocatoria de eleccións parciais para o caso de que non haxa unha listaxe de suplentes formada polos candidatos/as votados/as non electos.

b) No cabido, mediante designación efectuada polo colectivo de empresarios/as ou traballadores/as que corresponda, de entre os/as seus/súas representantes na xunta xeral.

c) No caso do/a patrón/patroa maior, será elixido/a pola xunta xeral, que será convocada para o efecto.

d) Polo que respecta aos/ás vicepatróns/vicepatroas maiores, actuarase de acordo co disposto no artigo 37.1.

Sección 3ª. Do persoal

Artigo 43. Do persoal laboral da confraría.

1. As confrarías de pescadores, para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das funcións que teñen encomendadas, poderán contratar persoal laboral.

2. O persoal laboral contratado estará suxeito á autoridade dos órganos competentes en cada caso.

3. As funcións que desempeñará este persoal serán as que para cada posto regule a xunta xeral.

4. Para a selección do persoal laboral as confrarías deberán publicar no seu taboleiro de anuncios a oferta de emprego, especificando os requisitos que deberán reunir as persoas candidatas.

5. Este persoal rexerase polo disposto no convenio colectivo que lles sexa de aplicación.

Artigo 44. Do/a secretario/a da confraría

1. As confrarías contarán cun/cunha secretario/a de confraría, que poderá ser unha persoa ao servizo da confraría e exercerá baixo a dirección dos órganos reitores da confraría as funcións de asistencia, coordinación xeral técnica e administrativa; tamén dirixirá e xestionará os servizos comúns e o persoal da confraría que estean baixo a súa dependencia.

2. O nomeamento ou destitución da persoa que ocupe o posto de secretario/a de confraría corresponderalle á xunta xeral da confraría.

Artigo 45. Do procedemento de provisión do/a secretario/a da confraría

1. O procedemento para a provisión de secretario/a da confraría será o regulado nos estatutos da confraría.

2. O procedemento iniciarase mediante convocatoria pública.

3. O/A aspirante cumprirá os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas, nin estar inhabilitado/a para o desempeño das funcións públicas.

4. A titulación específica requirida para acceder ao posto de secretario/a virá determinada nos respectivos estatutos da confraría.

Artigo 46. Das funcións do/a secretario/a da confraría

1. O/A secretario/a de confraría responsabilizarase das seguintes funcións:

a) Asesoramento normativo aos órganos reitores, advertíndolles dos seus incumprimentos e deixando constancia en acta das advertencias realizadas en tal sentido.

b) Control da xestión económico-financeira, orzamentaria e contable, así como da tesouraría e recadación.

c) Dirección do persoal ao servizo da confraría; sempre que estas funcións non as realice o/a secretario/a funcionario/a.

d) Custodia da documentación e xestión do inventario de bens da entidade.

e) Actuará como secretario/a nos órganos reitores colexiados da confraría.

f) Calquera outra función que lle atribúan os estatutos e a normativa vixente.

2. O/A secretario/a da confraría será substituído/a, no caso de enfermidade, ausencia ou vacante, pola persoa habilitada polo cabido; esta decisión comunicaráselle á xunta xeral na primeira reunión que se realice.

Artigo 47. Do persoal funcionario

1. O persoal funcionario pertencente á escala de funcionarios de confrarías declarado a extinguir pola Lei 5/2003, do 27 de outubro, e con destino nestas, estará sometido ao réxime xurídico establecido no seu regulamento, aprobado polo Decreto 71/2001, do 22 de marzo, así como naquelas outras disposicións que lles sexan de aplicación; exercerá as súas funcións con carácter preferente na sección de orientación.

2. O posto de secretario/a funcionario/a da confraría queda regulado no capítulo II do Decreto 71/2001. Entre outras funcións, estará á fronte do persoal funcionario da confraría.

CAPÍTULO V
Das agrupacións sectoriais

Artigo 48. A constitución

1. En cada confraría poderán constituírse agrupacións sectoriais como órganos de xestión dos sectores de produción que agrupan os/as empresarios/as e/ou traballadores/as que sexan titulares dunha habilitación para o exercicio da actividade extractiva de recursos mariños.

2. Constituída unha agrupación sectorial, integraranse nela a totalidade dos membros da confraría dese sector da produción que sexan empresarios/as ou traballadores/as, titulares dunha habilitación para o exercicio da actividade extractiva de recursos mariños vivos.

3. As agrupacións sectoriais, como órganos de xestión dos sectores da produción, terán como obxectivos: a mellora da produción mediante a planificación da explotación dos recursos mariños a través da elaboración dos plans de xestión; a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros e a mellora das condicións para o exercicio da profesión. Ademais, correspóndenlles a organización das actividades necesarias para o desenvolvemento dos plans de xestión, así como a representación, defensa e promoción dos intereses socioeconómicos dos seus membros, sen prexuízo da competencia atribuída legal ou estatutariamente aos órganos de goberno das confrarías.

Artigo 49. O procedemento de constitución

A constitución dunha agrupación sectorial require do voto favorable dos dous terzos dos membros do sector asistentes á xuntanza de constitución e sempre que representen máis da metade dos membros do sector que se dedican á actividade específica. Este acordo deberá ser elevado á xunta xeral da confraría para a súa ratificación.

A consellería competente en materia de pesca ratificará a constitución da agrupación sectorial e inscribiraa no Rexistro de Confrarías.

Artigo 50. Dos órganos reitores

1. Son órganos reitores das agrupacións: a asemblea xeral, a xunta directiva e o/a presidente/a.

A asemblea xeral estará constituída pola totalidade dos membros da agrupación.

A xunta directiva estará constituída polo/a presidente/a e un número de tres ou cinco vogais elixidos/as entre os/as integrantes da asemblea xeral. Para as agrupacións formadas por menos de 30 membros, a xunta directiva estará integrada por tres vogais; nas agrupacións formadas por máis de 30 membros, a xunta directiva terá cinco vogais.

2. A asemblea xeral e a xunta directiva estarán presididas polo/a presidente/a e o seu voto será dirimente para o caso de empate.

3. As vogalías da xunta directiva poderán ser de carácter nato e por elección. As vogalías de carácter nato corresponderán aos vogais da xunta xeral da confraría que representen o sector de produción sobre o cal se constituíu a agrupación sectorial. As vogalías vacantes, de existiren, serán elixidas pola asemblea xeral de entre os seus membros.

4. O/A presidente/a da agrupación será o/a vogal nato máis votado/a nas eleccións a vogal da xunta xeral da confraría polo sector de produción sobre o cal se constituíu a agrupación sectorial, agás no caso que coincida co cargo de patrón/patroa maior ou cando o posto quede vacante; nestes supostos, o/a presidente/a será o/a seguinte vogal nato máis votado/a.

5. De existir un número de vogais natos/as elixidos/as para a xunta xeral sen posto na xunta directiva da agrupación, pasará a formar parte da lista de suplentes e cubrirán as vacantes que se produzan por orde do número de votos recibidos.

Artigo 51. Normas de aplicación

1. As agrupacións rexeranse polo disposto neste decreto, polos estatutos da confraría en que estea integrada e polo seu regulamento de réxime interior. En todo caso, a súa actuación estará suxeita aos principios de observancia da legalidade e democracia na súa estrutura interna e funcionamento.

2. O réxime interno de funcionamento de cada agrupación sectorial virá determinado polo seu regulamento, que deberá conter como mínimo: órganos de goberno, dereitos e deberes dos membros, réxime económico, procedemento para a elección dos membros non natos da xunta directiva, réxime disciplinario e causas de disolución.

CAPÍTULO VI
Do réxime orzamentario, económico e contable

Artigo 52. Patrimonio da confraría

1. O patrimonio da confraría estará integrado por:

a) Os bens e dereitos que na actualidade posúe e os que adquira no sucesivo por calquera título.

b) Doazóns e legados.

c) As accións ou títulos representativos do capital de empresas públicas ou privadas e as obrigas ou títulos análogos dos que a confraría sexa titular.

d) Os dereitos de propiedade incorporal que poida posuír.

2. A titularidade do patrimonio inmoble quedará debidamente reflectida no Rexistro da Propiedade a través da correspondente inscrición que se instará obrigatoriamente e baixo a responsabilidade do órgano de goberno competente.

3. O inventario dos bens e dereitos propiedade da confraría, clasificados e valorados economicamente, será actualizado cada ano e aprobado polo cabido, daráselle coñecemento deste ao pleno da xunta xeral e traslado á consellería competente en materia de pesca para a súa inscrición no Rexistro de Confrarías.

4. O patrimonio é indivisible e está ao servizo común de todos os membros da confraría.

Artigo 53. Recursos económicos

1. A confraría disporá dos seguintes recursos económicos:

a) As cotas ordinarias e extraordinarias que deben satisfacer os seus membros.

b) Os dereitos e exencións que lle sexan legalmente establecidos.

c) Os produtos e rendas do seu patrimonio.

d) As doazóns, legados e achegas que reciba.

e) As contías percibidas en concepto de sancións impostas polas confrarías aos seus membros.

f) Os ingresos procedentes da prestación de servizos pola confraría.

g) As subvencións e demais consignacións orzamentarias que reciban con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Estado.

h) Os retornos.

i) Calquera outro recurso obtido, de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.

2. Para os efectos previstos na letra h) do punto anterior, as confrarías que realicen actividades de venda, ben directamente, a través dunha organización de produción ou calquera outra entidade que realice esta función, están obrigadas a descontar da factura de venda respecto das capturas das embarcacións que non pertenzan a ela, a cantidade do 1 % (un por cento) do valor da pesca vendida e retornalo á confraría a que pertenza a embarcación, sen prexuízo da tarifa X4 de pesca fresca.

Artigo 54. Cotas extraordinarias

1. Por acordo da xunta xeral poderanse establecer cotas extraordinarias, para a realización de actividades encamiñadas á consecución de obxectivos especiais e concretos. Poderán establecerse baixo algunha das seguintes formas:

a) Exacción directa aos membros individuais da confraría.

b) Participación fixa ou alícuota nas cotas recadas polas agrupacións constituídas dentro da confraría.

As cotas pódense establecer como un só pagamento, por entregas periódicas durante un tempo determinado ou por un tempo indefinido, segundo a índole das necesidades que hai que cubrir.

2. O establecemento das cotas extraordinarias deberá ser proporcional ao investimento ou gasto que se vai realizar, tendo que xustificarse debidamente o sector ou sectores de produción afectados, a transcendencia dos fins perseguidos e a insuficiencia dos medios orzamentarios dispoñibles.

3. Esta xustificación requirirá dunha memoria que deberá conter, cando menos, os seguintes aspectos:

a) As necesidades que xustifiquen a implantación das cotas e os obxectivos que se traten de acadar.

b) Medios requiridos para lograr o fin proposto.

c) Dispoñibilidades orzamentarias existentes na confraría.

d) Forma de recadación e de distribución das cargas, tarifas orzamentarias e incidencias económicas previsibles nos obrigados ao seu pagamento.

e) Beneficios esperados da aplicación dos recursos obtidos, que deberán ser verificados unha vez aprobada a determinación da cota.

f) Importe das cotas extraordinarias.

Artigo 55. Do orzamento e da súa elaboración

1. As confrarías desenvolverán a súa xestión económica a través dun orzamento único de ingresos e gastos, de acordo co establecido pola consellería competente en materia de facenda e que estruturarán, de ser o caso, de acordo coas seccións en que estean organizadas.

2. O orzamento constitúe a expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, poidan recoñecer, e dos dereitos que se prevexan liquidar durante o exercicio económico. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

3. O proxecto de orzamento será aprobado pola xunta xeral, por proposta do cabido, antes do día 31 de decembro do ano anterior ao do exercicio en que deba aplicarse.

O orzamento, unha vez aprobado en xunta xeral, será exposto durante vinte días no taboleiro de anuncios da confraría para coñecemento dos membros.

Antes de que remate o prazo de exposición pública remitirán unha copia do orzamento á consellería competente en materia de pesca.

4. Se o orzamento non é aprobado antes do primeiro día do exercicio económico correspondente, quedará automaticamente prorrogado o do exercicio anterior.

Artigo 56. Do réxime contable

1. As confrarías de pescadores levarán un plan contable único, aprobado pola consellería competente en materia de facenda, sen prexuízo do cumprimento do Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, e do Real decreto 1515/2007, do 16 de novembro, do Plan xeral de contabilidade de pequenas e medianas empresas. Tamén é aplicable, coas súas peculiaridades propias, o disposto no título V, capítulo II, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. No plan contable reflectirase o movemento de ingresos e gastos de forma separada para cada unha das seccións en que se estruturen, así como todas aquelas modificacións que se produzan a nivel patrimonial. Anualmente confeccionarase o correspondente balance, no cal se reflectirá a súa situación patrimonial, económica a financeira.

3. As operacións contables das agrupacións sectoriais estarán diferenciadas dentro da contabilidade única de cada confraría, de xeito que se rexistrarán contablemente en contas diferenciadas as operacións de cada agrupación sectorial.

4. A Xunta de Galicia, a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderá exercer o control financeiro necesario sobre os gastos efectuados para a xestión das funcións descritas no parágrafo segundo do artigo 3 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia.

5. As confrarías de pescadores e as súas federacións, por requirimento da consellería competente en materia de pesca, deberán someterse a unha auditoría externa de contas. A devandita obriga entenderase sen prexuízo das obrigas que poidan, se é o caso, corresponderlles cando sexan beneficiarias de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia ou de fondos comunitarios.

6. En todo caso, a xestión económica, financeira e as contas das confrarías estarán sometidas ao control do Consello de Contas, nos termos previstos na Lei 6/1985, do 24 de xullo, reguladora do dito órgano e nas súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 57. A documentación contable e a obriga de legalización

1. As confrarías levarán en orde e ao día, conforme o disposto na normativa mercantil, o libro de inventarios e balance e o libro diario; así como calquera outro libro que veña exixido por esta e outras disposicións legais.

2. Os libros que legal e obrigatoriamente levarán as confrarías, con carácter previo á súa utilización, serán dilixenciados e legalizados polo Rexistro Mercantil, cando así os dispoña a normativa aplicable, se a confraría realiza actividades económicas. No caso de que a confraría realice soamente actividade social, os libros serán dilixenciados polo/a secretario/a.

3. Non obstante o anterior, será válida a realización de asentamentos e anotacións por calquera procedemento idóneo sobre follas que despois serán encadernadas correlativamente para formar os libros obrigatorios, que serán presentados no Rexistro Mercantil para a súa legalización antes de que transcorran os catro meses seguintes á data do pechamento do exercicio.

4. Os libros e demais documentos da confraría estarán baixo a custodia, vixilancia e responsabilidade do/a secretario/a.

Artigo 58. Das contas anuais

1. As contas anuais da confraría comprenderán o balance, a conta de perdas e ganancias e a memoria e deberán ser formuladas polo cabido e aprobadas pola xunta xeral dentro do primeiro semestre do ano seguinte a aquel ao cal correspondan.

Coa presentación das contas anuais deberá presentarse certificación do acordo de aprobación destas pola xunta xeral, coas sinaturas do/a patrón/patroa maior e do/a secretario/a.

2. Garantirase a exposición pública do proxecto de contas no taboleiro de anuncios da confraría por un período mínimo de quince días. Durante este prazo, todos os membros da xunta xeral poderán consultar a documentación soporte das operacións contables.

3. Aprobadas as contas anuais pola xunta xeral, serán convocados todos os membros da confraría a unha asemblea informativa, baixo a presidencia e dirección do/da patrón/patroa maior, na cal se dará conta do exercicio económico do ano anterior, do orzamento, das actuacións levadas a cabo e dos proxectos que se van desenvolver e de todas aquelas cuestións de transcendencia para a confraría.

4. Aprobadas as contas anuais, non se autorizará a consulta da documentación soporte delas, sen prexuízo de que poderán ser requiridas pola Administración en calquera momento.

5. As confrarías están obrigadas a presentar as contas anuais ao Consello de Contas e á consellería competente en materia de pesca, xunto cunha certificación acreditativa do cumprimento das obrigas establecidas neste artigo para o seu depósito no Rexistro de Confrarías, dentro do prazo dun mes contado desde a súa aprobación pola xunta xeral. As confrarías depositarán as súas contas no Rexistro Mercantil cando así o dispoña a normativa aplicable.

6. Nos supostos de disolución e liquidación da confraría, os/as liquidadores/as estarán obrigados a presentar no Rexistro de Confrarías a conta xeral de liquidación e a proposta de repartición do patrimonio da confraría en liquidación.

Artigo 59. Obriga da conservación das contas anuais

As contas anuais e documentos complementarios depositados no Rexistro de Confrarías deberanse conservar por un período mínimo de seis anos desde a data da práctica do asento.

Artigo 60. Das exencións e beneficios fiscais

As confrarías de pescadores gozarán, para o cumprimento dos seus fins, das exencións e beneficios fiscais que en cada momento se lle recoñezan.

Artigo 61. Da responsabilidade

1. O/A patrón/patroa maior e os membros do cabido como administradores/as ou xestores/as da confraría responderán perante ela, fronte aos membros e acredores/as da confraría, do dano que causen por actos contrarios á lei, aos estatutos ou polos realizados sen a dilixencia con que deben desempeñar o cargo.

2. Responderán solidariamente todos/as os membros dos órganos reitores que realizaron o acto ou adoptaron o acordo lesivo. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos/as da responsabilidade que poida derivar dos acordos.

3. En ningún caso exonerará da responsabilidade a circunstancia de que o acto ou acordo lesivo fose autorizado ou ratificado pola xunta xeral da confraría.

Artigo 62. Da acción de responsabilidade

1. A acción de responsabilidade contra os/as administradores/as ou xestores/as será exercida pola confraría, logo de acordo da xunta xeral.

2. A aprobación das contas anuais non impedirá o exercicio da acción de responsabilidade, nin suporá a renuncia á acción acordada ou exercida.

CAPÍTULO VII
Da creación, fusión e disolución de confrarías

Artigo 63. Da creación

1. Soamente se poderán crear novas confrarías cando exista algunha zona do litoral galego non atribuído a ningunha confraría.

2. A creación da nova confraría requirirá o acordo de, polo menos, as tres cuartas partes dos profesionais legalmente habilitados no ámbito territorial en que se pretende establecer, xa sexan ou non membros das outras confrarías.

3. A solicitude, asinada pola totalidade dos profesionais que acorden a creación, remitirase á consellería competente en materia de pesca xunto co proxecto do estatuto, dun estudo de viabilidade e dunha memoria que comprenda os servizos que a confraría podería prestar desde o momento da súa creación. As sinaturas dos/as solicitantes estarán debidamente lexitimadas.

4. A consellería solicitará informe ás confrarías estremeiras e á federación provincial correspondente.

5. Unha vez recadada toda a información pola consellería competente en materia de pesca, esta elevará o correspondente acordo ao Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación mediante decreto ou resolverá acordando o seu arquivamento.

6. Aprobada a creación da confraría, constituirase unha comisión xestora designada pola persoa titular da consellería competente en materia de pesca, logo de proposta dos membros da nova confraría. Esta comisión xestora terá encomendadas as funcións descritas no artigo 39.

7. A nova confraría e os seus estatutos serán inscritos no Rexistro de Confrarías.

Artigo 64. Da fusión

1. O acordo de fusión de confrarías requirirá o voto favorable das tres cuartas partes dos membros das xuntas xerais respectivas. O acordo deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

2. A fusión de confrarías terá as seguintes consecuencias:

a) O ámbito territorial das confrarías fusionadas será asumido pola nova confraría.

b) Os dereitos, obrigas, patrimonio e membros das confrarías fusionadas integraranse na nova confraría.

c) A perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños.

d) Os órganos reitores de cada unha das confrarías fusionadas disolveranse unha vez que se dite resolución aprobando a fusión.

e) O persoal funcionario que presta servizo nelas será redistribuído de acordo coas normas vixentes en materia de función pública.

f) A nova confraría resultante da fusión poderá manter a denominación de calquera das confrarías orixinarias ou establecer unha nova, que deberá ser proposta desde o comezo do proceso.

g) A nova confraría e os seus estatutos serán inscritos no Rexistro de Confrarías.

3. Aprobada a fusión, cesarán todos os membros das respectivas xuntas xerais e constituirase unha comisión xestora designada pola persoa titular da consellería competente en materia de pesca, integrada por igual número de vogais das confrarías fusionadas por proposta destas. Esta comisión xestora terá encomendadas as funcións descritas no artigo 39.

4. Poderá iniciarse, de oficio, o proceso de fusión en virtude de resolución motivada da persoa titular da consellería competente en materia de pesca, cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Cando, separadamente, as confrarías carezan de recursos suficientes para atender as necesidades dos seus membros.

b) Cando existan motivos notorios de necesidade; conveniencia económica ou administrativa; consideracións de orde xeográfica e demográfica.

c) Cando do proceso de fusión deriven importantes vantaxes para as confrarías afectadas no que a prestación de servizos se refire e así sexa considerado polas confrarías que se van fusionar.

Nestes supostos, e logo de audiencia ás confrarías implicadas e á federación provincial correspondente, a consellería competente en materia de pesca elevará proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación por decreto, no cal se determinará o novo nome da confraría e o seu ámbito territorial.

Artigo 65. A disolución das confrarías

1. A disolución dunha confraría producirase polo acordo favorable das tres cuartas partes dos membros da xunta xeral da confraría. Este acordo deberá ser aprobado pola consellería competente en materia de pesca.

2. A disolución terá as seguintes consecuencias:

a) Suporá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños que posúan, sen prexuízo do que prevexan os estatutos da confraría afectada en canto ao disposto do seu patrimonio.

b) O ámbito territorial da confraría disolta será outorgado ás confrarías estremeiras, segundo acordo destas ou por partes iguais se non existe acordo, implicando a conseguinte modificación estatutaria e rexistral.

c) Os/As socios/as da confraría disolta poderán integrarse nalgunha das limítrofes.

d) O acordo de disolución deberá recoller o destino dos bens e dereitos, de conformidade cos estatutos da confraría, unha vez atendidas as obrigas. En ningún caso estes bens e dereitos poderán repartirse entre os membros da confraría disolta, agás a parte proporcional daquelas cantidades ingresadas en concepto de cotas no último ano.

e) O persoal funcionario que presta servizo nelas será redistribuído de acordo coas normas vixentes en materia de función pública.

CAPÍTULO VIII
Das federacións, asociacións e convenios

Sección 1ª. Das federacións

Artigo 66. As federacións de confrarías

1. As federacións de confrarías son corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. A pertenza a unha federación de confrarías non implica a perda da personalidade de cada un dos membros que a integran.

Artigo 67. Do procedemento electoral e réxime contable

1. O procedemento electoral das federacións será o que se establece no capítulo IX deste decreto e nos seus respectivos estatutos.

2. Seranlles de aplicación, ás federacións provinciais é a Federación Galega de Confrarías, o mesmo réxime económico, orzamentario e contable previsto para as confrarías de pescadores no capítulo VI deste decreto.

Artigo 68. Dos estatutos das federacións

Nos estatutos das federacións farase constar, como mínimo:

a) O ámbito territorial.

b) Obxecto e fins.

c) Prazo de duración.

d) Procedemento de elección dos órganos reitores.

e) Estrutura organizativa nas seccións que se establezan.

f) Recursos económicos.

g) Réxime disciplinario.

h) Requisitos e procedemento para a adhesión, separación ou expulsión dalgún membro.

i) Destino do patrimonio para o caso da súa desaparición.

Artigo 69. Das funcións da federación

1. As federacións de confrarías asumirán as funcións que determinen os seus estatutos e, como mínimo, as seguintes:

a) Actuar como un órgano de consulta e colaboración coa Administración pública na defensa e promoción do sector.

b) Representar as confrarías que a integran naquelas materias obxecto do seu ámbito de actuación.

c) Subministrar a información estatística que lle sexa requirida pola consellería, en relación coa súa propia actividade.

d) Xestionar e coordinar os intereses comúns ás confrarías nela federadas, dirimindo en cuestións ou conflitos que nesta materia se poidan suscitar.

e) Asumir, no seu ámbito territorial, as funcións propias das seccións de organización da produción das confrarías que as integran nas mesmas condicións que as fixadas para estas, o cal se determinará nos estatutos.

f) Crear sociedades mercantís con fins sociais e económicos con entidades públicas ou privadas, en temas de interese do sector pesqueiro.

g) Contribuír ao mellor desenvolvemento do sistema socioeconómico, para adecuar as actividades pesqueiras ás exixencias dos tempos actuais mediante o fomento da formación dos membros e persoal das federacións e as confrarías que a integran.

h) Prestar asesoramento técnico e xurídico ás confrarías que a integran na elaboración dos orzamentos de ingresos e gastos e a súa contabilidade.

2. En ningún caso as federacións poderán asumir a totalidade das competencias asignadas ás confrarías que a integran.

Artigo 70. Dos órganos reitores

1. Son órganos reitores dunha federación: a xunta xeral, o comité executivo e o presidente.

2. Os cargos electos só percibirán as indemnizacións que por razóns de servizo lles poidan corresponder en cada caso, cuxa contía será determinada nos orzamentos de ingresos e gastos aprobados anualmente pola xunta xeral.

Artigo 71. Da xunta xeral

1. A xunta xeral estará formada polos/as patróns/patroas maiores e vicepatróns/vicepatroas maiores primeiros/as de cada unha das confrarías federadas. Estes/as conservarán a súa condición de membro da xunta xeral mentres exerzan tales cargos e serán substituídos/as polos/as que os/as sucedan neles, logo de certificación acreditativa disto expedida polo secretario/a da respectiva confraría.

2. Son funcións da xunta xeral:

a) Elixir e destituír os membros do comité executivo, presidente/a e vicepresidentes/as da federación.

b) Designar e destituír o/a secretario/a da federación.

c) Elaborar, aprobar e modificar os seus estatutos.

d) Aprobar os orzamentos e fixar as achegas das confrarías que a integran.

e) Autorizar o establecemento de convenios con outras entidades.

f) Aprobar os plans anuais de actuación e a memoria anual das actividades realizadas.

g) Acordar as indemnizacións que por razóns de servizo correspondan aos cargos electos.

h) Calquera outra que lle veña atribuída pola legalidade vixente e polos propios estatutos da federación.

Artigo 72. Do comité executivo

1. O comité executivo é o órgano de xestión e administración da federación. As súas competencias son as que lle atribúen os estatutos da federación e as non asignadas aos outros órganos reitores da federación.

2. Estará composto polo/a presidente/a, vicepresidentes/as e o número de vogais establecidos nos estatutos da federación, elixidos/as pola xunta xeral de entre os seus membros, representando por igual a traballadores/as e empresarios/as.

Artigo 73. Do funcionamento da xunta xeral e do comité executivo

A xunta xeral e o comité executivo como órganos colexiados deberán designar un/unha presidente/a e un/unha secretario/a do órgano que levantará acta de cada sesión que se celebre.

A xunta xeral e o comité executivo establecerán as súas normas de funcionamento.

Artigo 74. Do/Da presidente/a e vicepresidentes/as da federación

1. O/A presidente/a da federación de confrarías exerce a representación dela, preside os seus órganos colexiados, e participa nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade para o caso de empate. Correspóndelle velar polo cumprimento dos acordos adoptados e as súas funcións virán determinadas nos estatutos da federación.

2. Os/As vicepresidentes/as, en función da súa orde, substitúen o/a presidente/a, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. O/A presidente/a e vicepresidentes/as serán elixidos/as polos membros da xunta xeral de entre elas, por un período de catro anos, e poderán ser reelixidos/as. O/A vicepresidente/a primeiro/a deberá pertencer en todo caso a un colectivo distinto a aquel a que pertenza o presidente.

4. O/A presidente/a dará traslado dos acordos da xunta xeral á consellería competente en materia de pesca.

Artigo 75. Do/Da secretario/a da xunta xeral da federación

A xunta xeral da federación designará un/unha secretario/a quen, con voz e sen voto, redactará a acta das reunións dos órganos colexiados dela e ademais desempeñará as función asignadas ao/a secretario/a das confrarías establecidas no artigo 46.

Artigo 76. Da disolución das federacións

1. O acordo de disolución dunha federación será adoptado pola súa xunta xeral e ratificado pola maioría absoluta das xuntas xerais das confrarías que a compoñen.

2. O acordo de disolución recollerá o destino dos bens e do patrimonio da federación, segundo o previsto nos seus estatutos.

Sección 2ª. Asociacións e convenios

Artigo 77. Dos convenios e das asociacións de confrarías

1. As confrarías poderán acudir a modalidades asociativas distintas da federación, destinadas á xestión de determinados servizos de interese común, de acordo coa lexislación vixente en materia de asociacións que lles sexa aplicable. Neste suposto, e unha vez aprobada a constitución da asociación polo órgano competente, deberase remitir unha copia dos estatutos aprobados para proceder á inscrición da asociación no Rexistro de Confrarías.

2. Así mesmo, as confrarías ou as súas federacións están facultadas para establecer, entre elas ou con outras entidades, acordos e convenios de colaboración para a defensa dos seus intereses xerais, sempre que teñan un obxecto lícito e a súa consecución redunde nun mellor cumprimento dos seus fins; deberán remitir unha copia do acordo ou convenio á consellería competente en materia de pesca para o seu coñecemento.

Os convenios fixarán o obxecto, as competencias dos órganos que o subscriben, os mecanismos de asistencia técnica e control, o réxime de financiamento e a súa duración.

3. Os acordos de asociación e convenios de colaboración que se realicen serán obxecto de inscrición no rexistro a que fai referencia o capítulo X deste decreto.

CAPÍTULO IX
O procedemento electoral

Sección 1ª. Normas electorais xerais

Artigo 78. Réxime xurídico

As eleccións para a constitución ou renovación dos órganos das confrarías de pescadores, incluídas as agrupacións sectoriais, das súas federacións provinciais e da Federación Galega de Confrarías de pescadores rexeranse polo que estableza este decreto, polas disposicións que o desenvolvan, así como polo que establezan os seus estatutos ou regulamentos internos e con carácter supletorio polas normas vixentes sobre o réxime electoral xeral.

Artigo 79. Duración do mandato electoral

1. A duración do mandato dos órganos das confrarías de pescadores será de catro anos; poderán ser reelixidos por períodos de igual duración.

2. O prazo de catro anos empezará a contar desde o día seguinte ao da toma de posesión dos vogais da xunta xeral.

Artigo 80. Dereito de sufraxio

1. Poderán ser electores/as e incluírse no censo electoral as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser membro da confraría.

b) Non estar inhabilitado/a para o exercicio do sufraxio activo por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

c) Ser maior de idade o día que se realicen as votacións.

2. Para os efectos dos procesos electorais, aquela persoa afiliada que durante o mandato electoral desenvolvese a súa actividade en máis dun sector de produción, entenderase que pertence ao sector en que permaneceu máis tempo no ano anterior ás eleccións, agás que solicite por escrito a súa inclusión noutro sector dos que formou parte.

3. Poderán ser elixibles as persoas que, ademais de reunir a condición de elector/a, cumpran os seguintes requisitos:

a) Acreditar dous anos de antigüidade na confraría estando ao día das obrigas económicas con esta e coa agrupación sectorial, de ser o caso. Non obstante, o requisito da antigüidade non se exixirá cando o número de candidatos non sexa suficiente para cubrir as prazas de vogais na xunta xeral.

b) Non estar inhabilitado/a para o exercicio de cargo representativo por norma legal, estatutaria ou resolución firme do órgano competente.

4. Así mesmo, son inelixibles:

a) Os/As que carezan de título administrativo habilitante para o exercicio da actividade.

b) Os/As que estean en situación de xubilación, agás nas situacións de xubilación parcial ou xubilación flexible.

c) Os/As que estean en situación de incapacidade permanente absoluta e grande invalidez.

d) Os/As que fosen condenados/as por senteza xudicial firme por delitos contra a saúde pública, contra o ambiente ou tenza ilícita de explosivos e por falsidade documental relacionada coa actividade pesqueira.

5. A cualificación de inelixible procederá respecto dos/as que incorran nalgunha das causas que motiven esta condición o mesmo día da presentación da candidatura ou en calquera momento posterior e ata a data de finalización do proceso electoral.

6. Para os efectos de votación e de presentación de candidaturas, cada parte armadora terá un voto, con independencia do número de membros asociados e embarcacións en propiedade.

Os/As integrantes de persoas xurídicas ou de comunidades de bens poderán presentar candidatura ou exercerán o voto polo colectivo e sector da produción en que estean censados, seguindo os criterios establecidos no artigo 10.

7. Os membros dos órganos reitores que dimitan poderán presentarse a un novo proceso electoral como candidatos/as unha vez finalizado o mandato en que tivo lugar a dita dimisión.

Artigo 81. Dereitos dos/as electores/as e dos/as elixibles

1. Serán dereitos dos/as electores/as:

a) Presentar a súa candidatura, cando concorran as circunstancias exixidas para ser elixible.

b) Intervir nas actividades de propaganda para as cales estean legalmente habilitados.

c) Interpoñer reclamacións e formular recursos de acordo co establecido neste decreto.

2. Serán dereitos dos/as elixibles:

a) Realizar actividades de propaganda autorizadas, de conformidade co principio de igualdade de oportunidades.

b) Exercer as demais facultades que en relación co proceso electoral lles correspondan, recoñezan os estatutos ou normas regulamentarias aplicables en cada caso.

Artigo 82. Eleccións anticipadas.

1. Poderán realizarse eleccións anticipadas para a renovación dos órganos reitores dunha confraría nos seguintes supostos:

a) Por dimisión da maioría dos membros da xunta xeral.

b) Por acordo dos dous terzos dos membros da xunta xeral.

c) Petición por escrito asinada polos dous terzos dos membros da confraría.

2. Para o caso previsto na alínea a) seguirase o procedemento específico previsto no artigo 38 deste decreto.

3. Non se poderán celebrar eleccións anticipadas, no caso de que falten seis meses ou menos para a convocatoria unificada do proceso electoral das confrarías de pescadores.

4. En todos os casos de celebración de eleccións anticipadas, o mandato dos órganos reitores resultantes da convocatoria de eleccións anticipadas finalizará na data de toma de posesión dos membros da xunta xeral resultantes da convocatoria realizada conforme o artigo 92.1.

Artigo 83. Convocatoria de eleccións anticipada.

1. No suposto de eleccións anticipadas nunha confraría, o acordo da súa celebración pola xunta xeral deberá adoptarse no prazo máximo de sete días desde a presentación do escrito asinado polos membros da confraría ou na mesma xuntanza onde os dous terzos da xunta xeral acorden anticipar as eleccións.

2. De non cumprirse os requisitos establecidos no artigo 82, non poden acumularse novas sinaturas á solicitude efectuada e resolta pola xunta xeral, polo que se requirirá unha nova solicitude asinada polos membros correspondentes.

3. Durante o desenvolvemento do proceso electoral de eleccións anticipadas, os órganos reitores e directivas de agrupacións permanecerán en funcións, realizando unicamente os actos de simple trámite ou de xestión ordinaria, e concluíndo o seu mandato coa toma de posesión dos membros electos.

Artigo 84. Administración electoral

1. A Administración electoral ten como finalidade garantir a transparencia e legalidade do proceso electoral.

2. A Administración electoral está formada por:

a) A xunta electoral, única para toda Galicia.

b) Unha comisión electoral para cada confraría.

c) Unha mesa electoral para cada confraría.

Artigo 85. Da xunta electoral

1. A xunta electoral, terá a súa sede na secretaría xeral técnica da consellería competente en materia de pesca.

2. A xunta electoral é un órgano composto por:

a) Un/unha presidente/a, que será o/a titular do órgano superior competente en materia de organización sectorial da consellería con competencias en materia de pesca.

b) Un/unha secretario/a, que será unha persoa funcionaria co rango mínimo de xefatura de servizo da consellería competente en materia de pesca.

c) Catro vogais: tres persoas funcionarias da secretaría xeral técnica, máis o/a secretario/a dunha das federacións de confrarías que será designado/a pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores, por proposta das ditas federacións provinciais.

3. Os membros da xunta electoral serán nomeados por resolución da persoa titular da consellería competente en materia de pesca e continuarán no seu mandato ata a constitución dunha nova xunta electoral na seguinte convocatoria de eleccións.

4. A xunta electoral constituirase no prazo máximo de dous días desde a data da convocatoria ordinaria de eleccións.

Artigo 86. Funcións da xunta electoral

Son funcións da xunta electoral, entre outras:

a) Velar pola correcta coordinación do proceso electoral.

b) Supervisar e vixiar o cumprimento das funcións asignadas ás comisións electorais.

c) Resolver as consultas que formulen as comisións electorais.

d) Resolver os recursos que se poidan presentar contra as resolucións das comisións electorais.

e) Velar polo cumprimento dos criterios de paridade e representatividade na composición dos órganos reitores.

f) Resolver sobre as cuestións do proceso electoral que non se regulan no presente decreto e sobre as que poidan xurdir na interpretación deste.

Artigo 87. Da comisión electoral

1. A comisión electoral de cada confraría está composta por:

a) Presidente/a.

b) Secretario/a.

c) Tres vogais.

2. A xunta xeral da confraría designará catro vogais de entre os seus membros, dous por colectivo, entre os cales se elixirá un/unha presidente/a. O/A secretario/a será o da confraría. A xunta xeral designará o mesmo número de suplentes. O voto do/a presidente/a será dirimente en caso de empate.

3. As confrarías de pescadores cun censo de 50 ou menos membros, poderán solicitar á xunta electoral que a comisión electoral exerza as funcións da mesa electoral.

4. A comisión electoral constituirase no prazo máximo de tres días desde a data da convocatoria de eleccións

5. Ao día seguinte da convocatoria de eleccións, o/a secretario/a da confraría enviará á xunta electoral a relación de persoas que constituirán as comisións electorais.

Artigo 88. Funcións da comisión electoral

1. Son funcións das comisións electorais, entre outras:

a) Elaborar e aprobar o plan electoral.

b) Publicar o censo electoral provisional e resolver en primeira instancia as reclamacións respecto do dito censo.

c) Aprobar o censo definitivo.

d) Designar os/as compoñentes da mesa electoral e notificarlles a designación, que deberá ser aceptada por escrito.

e) Aprobar e proclamar as candidaturas e resolver as reclamacións sobre estas.

f) Confeccionar as papeletas e sobres electorais.

g) Preparar o colexio electoral, as urnas e toda a organización material do proceso electoral.

h) Proclamar as persoas electas.

i) Velar pola legalidade dos comicios.

Artigo 89. Da mesa electoral

1. A mesa electoral de cada confraría está composta por:

a) Presidente/a, que será o patrón/patroa maior.

b) Secretario/a, que será o da confraría.

c) Catro vogais: dous/dúas serán os/as traballadores/as de maior e menor idade do censo e os outros dous os/as empresarios/as que reúnan iguais características.

2. Os/As vogais da mesa electoral e os/as seus/súas suplentes serán designados/as pola comisión electoral da confraría entre os membros dos colectivos de traballadores/as e empresarios/as seguindo o criterio da idade.

3. O voto do/a presidente/a será dirimente en caso de empate.

Artigo 90. Funcións da mesa electoral

1. Son funcións da mesa electoral:

a) Presidir as votacións.

b) Efectuar o escrutinio e velar pola legalidade do sufraxio.

c) Resolver as incidencias que se poidan presentar durante as votacións.

2. A mesa constituirase o día da votación unha hora antes da apertura do colexio electoral.

3. A mesa electoral dunha confraría contará cunha urna para cada sector da produción de cada un dos colectivos de empresarios/as ou de traballadores/as.

Artigo 91. Dos membros da Administración electoral

Non poderán formar parte dos órganos da Administración electoral os/as candidatos/as ás eleccións. A aceptación da condición de membro da comisión electoral ou da mesa electoral implica a renuncia a formar parte das candidaturas.

Artigo 92. Convocatoria ordinaria

1. Con anterioridade ao remate do mandato dos órganos reitores, a consellería competente en materia de pesca convocará eleccións para todas as confrarías de pescadores e as súas agrupacións sectoriais, así como para as federacións provinciais e para a Federación Galega de Confrarías de Pescadores. A publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia determina o inicio do proceso electoral.

2. Durante o desenvolvemento do proceso electoral, os órganos reitores e as directivas das agrupacións sectoriais estarán en funcións, e poderán realizar unicamente actos de simple trámite ou de xestión ordinaria; os seus mandatos concluirán coa toma de posesión dos membros dos órganos reitores electos.

3. Cando as confrarías de pescadores non celebren eleccións para a renovación dos seus órganos nos prazos establecidos, a consellería competente en materia de pesca designará unha comisión xestora, quedando extinguido automaticamente o mandato dos órganos reitores. Esta comisión terá a composición prevista no artigo 38 e asumirá as funcións descritas no artigo 39.

Artigo 93. Cómputo de prazos

Os prazos para o desenvolvemento do proceso electoral estableceranse na convocatoria efectuada pola consellería competente en materia de pesca.

Agás regulación expresa en contrario, os días entenderanse naturais para efectos do cómputo de prazos. Se o día final do prazo coincide con domingo ou con día festivo de carácter autonómico ou estatal, entenderase que remata o día laborable inmediato seguinte.

Artigo 94. Sistema electoral

1. As candidaturas para vogal da xunta xeral responderán ao sistema de listas abertas.

2. A elección a membros da xunta xeral da confraría rexeranse polo disposto nas alíneas seguintes:

a) Cada elector/a, en función do colectivo a que pertenza, votará separadamente os/as seus/súas candidatos/as; poderá dar o seu voto ao número máximo de vogais atribuídos pola comisión electoral ao sector de produción a que pertenza.

b) Serán proclamados electos/as aqueles/as candidatos/as que obteñan o maior número de votos, ata completar o de vogais atribuídos a cada sector de produción. Con esta votación quedan elixidos/as os membros da xunta xeral da confraría.

c) Cando o número de membros natos non sexa suficiente para completar o número total de membros da xunta directiva da agrupación, os regulamentos internos das agrupacións regularán o procedemento específico para a cobertura de prazas dos membros non natos, de forma que as xuntas directivas das agrupacións sectoriais queden constituídas nos prazos previstos no artigo 108.1.

d) En caso de empate resolverase a favor do membro do xénero infrarrepresentado no censo do sector da produción; no caso de persistir o empate, resolverase en primeiro lugar a favor do membro de maior antigüidade, en segundo lugar a favor do membro de maior idade e, se for necesario, resolverase por sorteo.

3. Os/As candidatos/as máis votados a vogais da xunta xeral, serán membros natos da xunta directiva da respectiva agrupación e de entre eles/elas o máis votado será o/a presidente/a da xunta directiva da agrupación sectorial.

Artigo 95. Listas electorais

1. As eleccións para a renovación dos órganos reitores da confraría desenvolveranse mediante dúas listas separadas, unha para o colectivo de traballadores/as e outra para o de empresarios/as. A distribución de vogais entre ambos os dous colectivos respectará, sempre que sexa posible, a paridade.

2. A comisión electoral distribuirá o número de vogais de xeito proporcional ao número de membros con que conte cada sector de produción. Esta distribución deberá figurar no plan electoral.

3. Os distintos sectores de produción dunha confraría, estarán representados na xunta xeral, sempre que atendendo aos criterios de proporcionalidade, conten cun número de membros suficiente que lles permita contar cun vogal na xunta xeral.

Artigo 96. Plan electoral

A comisión electoral elaborará e aprobará o plan electoral no prazo de cinco días desde a data da súa constitución, que serán remitidos á consellería competente en materia de pesca para a súa ratificación polo servizo ao cal conforme a estrutura orgánica lle correspondan as relacións coas confrarías de pescadores. O/A secretario/a da comisión electoral remitirá o plan electoral ratificado á xunta electoral e garantirá a súa exposición no taboleiro de anuncios da confraría, durante o desenvolvemento de todo o proceso electoral.

O plan electoral deberá conter, como mínimo:

a) O número de membros que se deben elixir na xunta xeral e no cabido.

b) A repartición dos vogais para cada sector de produción, tendo en conta que deberán respectarse, sempre que sexa posible, os criterios de paridade e proporcionalidade.

c) O número de membros que constitúen a xunta directiva de cada agrupación sectorial, con indicación do número de membros natos que lles corresponden.

Artigo 97. Voto por correo

1. Os/As electores/as que prevexan que na data prevista para a votación non se poden desprazar á mesa electoral constituída para exercer o seu dereito ao voto, poderán emitir o seu voto por correo, de conformidade co seguinte procedemento:

a) A persoa electora solicitará por escrito o seu dereito ao voto por correo á comisión electoral.

b) A solicitude presentarase persoalmente, exhibindo o DNI ante o/a secretario/a da confraría, quen trasladará esta á comisión electoral.

c) Para o caso de enfermidade ou incapacidade que impida a presentación persoal da solicitude, poderá efectuarse mediante representante para o efecto, acreditando a súa identidade así como a representación mediante documento autentificado por notario.

d) Recibida a solicitude, a comisión electoral comprobará a afiliación e realizará a correspondente anotación na sección do censo que corresponda.

e) A comisión electoral enviará a documentación necesaria á persoa electora por correo certificado ao domicilio indicado na súa solicitude ou, no seu defecto, ao que figure no censo.

f) A persoa electora introducirá a papeleta no sobre de votación do colectivo e sector de produción a que pertenza. Posteriormente, este sobre introdúcese dentro do que vai dirixido á mesa electoral, xunto coa fotocopia do DNI ou permiso equivalente.

g) O/A secretario/a da comisión electoral custodiará esta documentación ata o día da votación.

2. Na convocatoria de eleccións especificaranse os prazos para o exercicio do voto por correo.

Artigo 98. Paralización do proceso electoral

1. A anulación ou paralización das eleccións nunha confraría non implicará a paralización do proceso electoral no resto das confrarías de pescadores.

2. A anulación das eleccións do colectivo de traballadores/as ou de empresarios/as, paralizará o proceso electoral sen invalidar a elección do outro colectivo.

3. A anulación ou paralización das eleccións dunha confraría ou dun colectivo, farase mediante resolución motivada pola xunta electoral, xa sexa de oficio ou en virtude de reclamacións ou recursos achegados polos/as interesados/as.

Sección 2ª. Desenvolvemento proceso electoral

Artigo 99. Censo electoral

1. O/A secretario/a da confraría facilitará ao cabido o censo electoral provisional que se corresponderá co último censo de membros que figure no Rexistro de Confrarías. O censo electoral estará ordenado alfabeticamente por apelidos en listas separadas por colectivo de empresarios/as e de traballadores/as con identificación de cada un dos sectores de produción existentes en cada colectivo.

2. O cabido de cada confraría unha vez publicada a orde de convocatoria enviará o censo electoral provisional á comisión electoral e á xunta electoral no prazo máximo de catro días.

3. Establecerase un servizo de consulta do censo electoral provisional a partir do quinto día posterior á convocatoria e por un prazo mínimo de sete días, ben por medios informáticos ou mediante exposición no taboleiro de anuncios da confraría.

4. Os membros poderán efectuar reclamacións sobre a súa inclusión ou exclusión no censo ante a comisión electoral ata o último día de consulta inclusive. As reclamacións serán resoltas pola comisión electoral no prazo máximo de dous días desde a finalización do período de consulta do censo provisional.

5. Contra a resolución das reclamacións pola comisión electoral poderá interpoñerse recurso administrativo ante a xunta electoral nun prazo máximo de dous días a partir da notificación, que deberá resolvelo nun prazo de cinco días.

6. Unha vez resoltas as reclamacións ou de non existir recursos administrativos o censo electoral será definitivo, sen que caiba impugnación posterior.

Artigo 100. Confección das candidaturas

1. As candidaturas para participar no proceso electoral das confrarías de pescadores presentaranse ante a comisión electoral dentro dos sete días seguintes á aprobación do censo electoral definitivo.

2. As candidaturas para vogal da xunta xeral son individuais para efectos de votación e escrutinio, aínda que poden agruparse en listas para os efectos da súa presentación e campaña electoral.

3. O escrito de presentación de cada candidato/a deberá expresar claramente o sector de produción do colectivo de traballadores/as ou empresarios/as e a agrupación sectorial de pertenza, de ser o caso, con indicación do seu nome, apelidos e DNI. O escrito incluirá unha declaración responsable do cumprimento das condicións de elixibilidade.

Artigo 101. Proclamación de candidaturas

1. Rematado o prazo de presentación de candidaturas a membros da xunta xeral, a comisión electoral comprobará no prazo de dous días o cumprimento dos requisitos para a súa proclamación. Posteriormente, comunicará aos/ás candidatos/as as irregularidades detectadas e concederá un prazo de dous días para a súa subsanación.

2. A comisión resolverá as alegacións recibidas no prazo de dous días e unha vez resoltas procederá á proclamación dos/as candidatos/as.

3. As candidaturas proclamadas deberán ser obxecto de publicación no taboleiro de anuncios da confraría.

4. No prazo de tres días naturais desde a proclamación de candidatos poderase interpoñer ante a xunta electoral recurso administrativo contra o acordo da comisión electoral que resolverá no prazo de cinco días.

5. De non presentarse candidatos/as para cubrir a totalidade dos vogais da xunta xeral para cada sector de produción declararanse elixibles todos os membros da confraría incluídos no censo electoral que cumpran os requisitos establecidos no artigo 80.3.

6. Se o número de candidatos/as para un sector de produción coincide co número de membros que hai que elixir, non será necesario proceder á súa elección, sendo proclamados pola comisión electoral membros da xunta xeral e membros natos da xunta directiva da agrupación sectorial.

7. No caso de ser proclamados membros natos da xunta directiva da agrupación, sen mediar elección, designarán un/unha presidente/a da agrupación sectorial no prazo de tres días, seguindo o procedemento recollido no seu regulamento interno.

Artigo 102. Campaña electoral

A campaña electoral comezará a partir da proclamación definitiva das candidaturas e rematará ás cero horas do día inmediatamente anterior á data fixada para a votación.

Artigo 103. Das votacións

1. Na convocatoria de eleccións determinarase o día e horario en que terá lugar o acto de votación para a elección dos membros da xunta xeral, que deberá estar comprendido no prazo dos dez días seguintes ao da proclamación definitiva de candidatos/as.

2. Reunida a mesa electoral o día fixado para as votacións, estas non poderán iniciarse sen que previamente se redacte a oportuna acta de constitución da mesa, na cal necesariamente deberán constar os membros que a compoñen.

3. Unha vez iniciado o acto de votación non poderá suspenderse, agás causa de forza maior e sempre baixo a responsabilidade do/a presidente/a da mesa electoral. No caso de suspensión, levantarase a correspondente acta, que será remitida no prazo das vinte e catro horas seguintes á xunta electoral, a fin de que sinale a data en que se repetira o acto de votación.

4. O dereito a votar acreditarase pola inscrición do elector/a no censo electoral. O voto será secreto. Os/As electores/as depositarán o seu voto na urna correspondente mediante unha papeleta dobrada e introducida nun sobre.

5. O/A secretario/a da mesa electoral anotará os/as electores/as que voten, con indicación do número co que figure o/a elector/a no censo, así como o seu DNI, pasaporte ou carné de conducir, xunto coa representación con que exerce o seu dereito a voto, se se trata dunha persoa xurídica.

6. O/A presidente/a da mesa electoral será o encargado de velar para que a entrada ao local das votacións sexa libre, de manter a orde nel durante a votación e escrutinio e de asegurar a liberdade dos/as electores/as no local da confraría convertido para o efecto en colexio electoral.

7. Unicamente terán entrada no local electoral os/as electores/as, os membros das candidaturas, os/as notarios/as requiridos/as para dar fe de calquera aspecto da votación, os/as
axentes da autoridade requiridos/as polo/a presidente/a da mesa electoral e o persoal da confraría expresamente autorizado para os efectos pola mesa electoral. Unha vez realizada a votación, os/as electores/as deberán abandonar o local electoral.

8. O/A presidente/a da mesa electoral, logo de consulta co resto dos/as compoñentes da mesa, poderá expulsar do colexio electoral calquera persoa que interfira a boa marcha das votacións.

Artigo 104. Escrutinio

1. Rematado o período sinalado para a votación, o/a presidente/a da mesa electoral anunciará que vai rematar e preguntará se algún dos/as electores/as presentes non votou, admitíndose os votos que se dean a continuación e non se permitirá a ninguén máis a entrada no local.

2. Acto seguido, o/a presidente/a introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, logo de comprobar que non exerceron o voto persoalmente. Finalmente votarán os membros da mesa, sempre que teñan dereito, e declararase pechada a votación.

3. Declarada pechada a votación comezará inmediatamente o escrutinio, cometido que corresponde exclusivamente á mesa electoral. O/a presidente/a procederá ao escrutinio das papeletas en voz alta, unha a unha, exhibindo cada papeleta ás persoas presentes e anotando o voto correspondente a cada candidato/a. Concluído o escrutinio, que non poderá ser interrompido, redactarase a oportuna acta asinada por todos/as os/as compoñentes da mesa electoral.

4. Consideraranse nulas as papeletas inintelixibles, as que conteñan o nome de persoas que non sexan candidatas e aquelas que por calquera causa non poidan identificar inequivocamente a persoa candidata. As papeletas deberán conservarse para o caso de que se faga algunha reclamación sobre elas.

5. Na acta figurarán, obrigatoriamente, os seguintes datos:

a) Número de electores/as inscritos no censo.

b) Número de votos emitidos.

c) Votos declarados nulos, en branco e válidos.

d) Número de votos obtidos por cada candidato/a.

e) Membros natos das agrupacións sectoriais con indicación expresa do máis votado.

f) Observacións presentadas ante a mesa electoral sobre a votación e escrutinio polos/as
candidatos/as e electores/as.

g) Resolucións motivadas da mesa electoral sobre as observacións presentadas e votos particulares.

6. As actas correspondentes aos resultados das votacións serán remitidas polo/a secretario/a da mesa electoral á comisión electoral e á xunta electoral no prazo das vinte e catro horas seguintes á realización destas.

7. As actas de escrutinio serán expostas no taboleiro de anuncios da confraría durante dous días, e nese prazo poderanse presentar reclamacións ante a comisión electoral. Contra a resolución da comisión electoral, cabe recurso administrativo ante a xunta electoral.

Artigo 105. Remisión de actas do proceso electoral

O/A secretario/a da comisión electoral e da mesa electoral remitirá á xunta electoral, no prazo de tres días, cada unha das actas que estas levanten, sen prexuízo de que normativamente se prevexan prazos de remisión inferiores.

Sección 3ª. Constitución dos órganos reitores das confrarías
e agrupacións sectoriais

Artigo 106. Proclamación das persoas electas

1. Ao día seguinte das votacións, a comisión electoral proclamará provisionalmente os membros que formarán parte da xunta xeral e os membros natos das xuntas directivas das agrupacións sectoriais.

2. Contra o acordo de proclamación efectuado pola comisión electoral poderase interpoñer, no prazo de tres días, recurso administrativo perante a xunta electoral que resolverá nun prazo de cinco días.

3. Finalizado o prazo para a interposición dos recursos ou, se é o caso, resoltos os recursos administrativos, a proclamación de candidatos electos elevarase a definitiva.

Artigo 107. Constitución da xunta xeral

Os membros electos das candidaturas para vogal da xunta xeral tomarán posesión dos seus cargos na súa sesión constitutiva, que terá lugar na sede da confraría no prazo máximo de cinco días desde a súa proclamación definitiva.

Artigo 108. Constitución das xuntas directivas das agrupacións sectoriais

1. Cando o número de vogais da xunta xeral que representen un sector de produción coincida co número de vogais da xunta directiva da agrupación sectorial correspondente, os/as vogais natos e o/a presidente/a da xunta directiva tomarán posesión dos seus cargos nunha sesión constitutiva que terá lugar no prazo máximo de tres días desde a constitución da xunta xeral da confraría.

2. De no ter lugar tal coincidencia e sexa preciso elixir as vogalías vacantes, o regulamento interno da agrupación sectorial establecerá a elección entre as candidaturas que se presenten a ocupar as ditas vogalías vacantes dentro do prazo dos tres días seguintes á proclamación dos membros natos.

Artigo 109. Elección do patrón/patroa maior, vicepatrón/vicepatroa maior primeiro/a e segundo/a e cabido

1. Na sesión constitutiva da xunta xeral, a mesa electoral será a mesma que a constituída para a elección de vogais da xunta xeral.

2. Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta o/a patrón/patroa maior entre os candidatos/as presentados/as. Para o caso de empate repetiranse as votacións en segunda volta; de manterse aquel resolverase a favor do/da de maior antigüidade na confraría e no caso de persistir o empate, a favor do/da de maior idade.

3. Elixido o/a patrón/patroa maior, o/a primeiro/a suplente do colectivo e sector a que pertenza o/a patrón/patroa maior entrará a formar parte da xunta xeral. A continuación e no mesmo acto, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros os/as vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e os/as vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.

4. Rematadas as eleccións a patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas e vogais do cabido, o/a secretario/a da mesa levantará a acta correspondente, que se expoñerá ao día seguinte no taboleiro de anuncios da confraría. Contra a resolución da comisión electoral caberá interpoñer recurso administrativo ante a xunta electoral no prazo de tres días, a cal resolverá nos cinco días seguintes.

5. Finalizado o prazo de reclamacións, recursos e da súa resolución, a comisión electoral procederá á proclamación definitiva dos cargos de patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores e vogais do cabido.

Artigo 110. Toma de posesión do patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e cabido

1. Logo da proclamación definitiva dos cargos de patrón/patroa maior, vicepatróns/vicepatroas maiores primeiro/a e segundo/a e vogais do cabido, procederase á toma de posesión destes nos seus cargos.

2. Con anterioridade ao acto de toma de posesión o cabido saínte poñerá a disposición do cabido entrante os libros de actas da confraría, así como os estados financeiros da confraría e a liquidación do orzamento con referencia á data da convocatoria do proceso electoral.

3. O/A secretario/a da comisión electoral levantará acta da toma de posesión dos membros dos órganos reitores comprendidos neste artigo, así como da súa constitución e remitiraa no prazo de dous días á xunta electoral.

Artigo 111. Disolución da comisión electoral

Unha vez constituídos todos os órganos reitores da confraría entenderanse disoltas a comisión e a mesa electoral. O/A seu/súa secretario/a levantará acta deste feito, asinada polo presidente/a e secretario/a, na cal constará a data de disolución, e remitiraa no prazo de dous días á xunta electoral.

Artigo 112. Dos recursos

Contra os actos e resolucións da comisión electoral os/as interesados/as poderán interpor recurso administrativo ante a xunta electoral.

Sección 4ª. Elección aos órganos de goberno das federacións

Artigo 113. Proceso electoral nas federacións

A consellería competente en materia de pesca convocará eleccións para membro dos comités executivos e presidentes das federacións provinciais de confrarías de pescadores e da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Artigo 114. Eleccións aos órganos de goberno das federacións provinciais de confrarías

1. Constituídos os cabidos das confrarías de pescadores, as federacións provinciais procederán no prazo de 15 días á elección dos membros do comité executivo e presidente/a da respectiva federación provincial, de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos.

2. No primeiro pleno que realicen as federacións provinciais de confrarías elixirán os/as
vogais que as representarán no comité executivo da Federación Galega de Confrarías.

3. O/A secretario/a da federación provincial remitirá á consellería competente en materia de pesca as actas correspondentes á elección dos membros dos órganos reitores da federación provincial no prazo de tres días desde o seu levantamento.

Artigo 115. Eleccións aos órganos de goberno da Federación Galega de Confrarías

1. As federacións provinciais de confrarías unha vez constituídas as súas xuntas xerais, no prazo de quince días e de conformidade cos seus estatutos, elixirán os/as vogais que os representarán no comité executivo da Federación Galega de Confrarías.

2. Unha vez designados/as todos/as os/as vogais propostos polas federacións provinciais de confrarías para o comité executivo, procederase á elección do/a presidente/a e vicepresidentes/as da Federación Galega de Confrarías, que realizará o pleno da federación galega de conformidade cos seus estatutos no prazo dos dez días seguintes á designación dos vogais do comité executivo.

3. O secretario da Federación Galega de Confrarías remitirá á consellería competente en materia de pesca as actas correspondentes á elección dos membros dos órganos reitores no prazo de tres días desde o seu levantamento.

CAPÍTULO X
Rexistro de Confrarías e das súas Federacións

Artigo 116. Constitución

O Rexistro de Confrarías e das súas Federacións creado polo artigo 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, constitúese baixo a dependencia da consellería competente en materia de pesca; será responsable de levalo, organizalo, mantelo e custodialo o servizo ao cal, conforme a estrutura orgánica, lle correspondan as relacións coas confrarías de pescadores e as súas federacións.

Artigo 117. Obxecto

Serán obxecto de inscrición no Rexistro:

a) Os estatutos das confrarías e as federacións así como as súas modificacións.

b) A creación, fusión e disolución das confrarías e as súas federacións.

c) Constitución e composición dos órganos reitores das confrarías e as súas federacións.

d) Constitución, regulamento de réxime interior e composición dos órganos reitores das agrupacións sectoriais.

e) Constitución da sección de organización da produción.

f) Constitución e composición das comisións xestoras.

g) Plans electorais, os acordos das comisións electorais e reclamacións contra estes e resultados electorais.

h) Convenios e acordos que realicen entre si ou con outras organizacións, así como os convenios asinados coa Xunta de Galicia ou con outras administracións públicas.

i) Inventario dos bens e dereitos das confrarías e as súas federacións.

j) Aprobación, modificación e liquidación de orzamentos das confrarías e federacións.

k) Contas anuais das confrarías e federacións.

l) Censo de membros actualizado.

Artigo 118. Organización

O rexistro levarase en libros foliados, numerados e dilixenciados, e deberá existir un por cada confraría e por cada federación. Nestes libros practicaranse os asentos dos distintos actos obxecto de inscrición, empregándose preferentemente sistemas de información e de ficheiros informatizados.

Artigo 119. Dos asentos

1. Os asentos dos libros serán correlativamente numerados, seguindo unha orde cronolóxica, sen deixar claros nin ocos e pola orde de presentación.

2. Os asentos redactaranse de maneira breve, remitíndose ao arquivo correspondente onde se depositará a documentación orixinal ou debidamente certificada referida ao acto obxecto de inscrición.

Artigo 120. Das certificacións

Os/As interesados/as, logo de petición motivada, poderán solicitar a expedición de certificacións relativas aos actos obxecto do rexistro e tras a xustificación do pagamento da correspondente taxa.

Disposición adicional primeira. Das federacións provinciais e autonómica de Galicia

Dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia recoñécese a existencia de tres federacións provincias de confrarías da Coruña, Lugo e Pontevedra e da Federación Galega de Confrarías.

Disposición adicional segunda. Das obrigas das confrarías e das súas federacións para ser beneficiarias de axudas

O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 do capítulo VI ou das obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª co capítulo IX deste decreto, impedirá ás confrarías de pescadores de Galicia e ás súas federacións ser beneficiarias de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo.

Disposición adicional terceira. Da comunicación por medios electrónicos

As comunicacións, notificacións, recursos e reclamacións entre as confrarías de pescadores, federacións de confrarías e a consellería competente en materia de pesca a que fai referencia este decreto deberanse realizar por medios electrónicos, agás que nesta norma se dispoña o contrario.

Disposición adicional cuarta. Da continuidade dos/as secretarios/as de confrarías e das súas federacións nos postos actuais

Os/As secretarios/as de confrarías e de federacións que no momento da entrada en vigor deste decreto estean desempeñando estas funcións poderán continuar e non se verán afectados polos requisitos exixidos no artigo 45.

Disposición transitoria primeira. Do prazo de adaptación de estatutos e regulamentos internos de funcionamento

No prazo máximo de seis meses, desde a entrada en vigor deste decreto, as confrarías de pescadores e as federacións existentes adaptarán os seus estatutos conforme o previsto nel, e enviarannos á consellería competente en materia de pesca para a súa posterior ratificación, se procede, e inscrición no Rexistro de Confrarías e das súas Federacións. Mentres non se modifiquen os respectivos estatutos para a súa adaptación ao presente decreto as disposicións establecidas nesta norma son de aplicación directa.

Neste mesmo prazo as agrupacións sectoriais adaptarán os seus regulamentos internos ao disposto neste decreto

Disposición transitoria segunda. Dos procesos electorais

Os procesos electorais iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, continuarán a súa tramitación de conformidade coa normativa vixente no momento da súa convocatoria.

Disposición derrogatoria única. Derrogación do Decreto 261/2002

Derrógase o Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento deste decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor no prazo de vinte días contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, dezaseis de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar