Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2014 Páx. 7357

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 17 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúe á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas autonómicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Conforme o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar para o curso 2014/15.

Artigo 2. Requisitos para ser adxudicatario/a

1. Serán requisitos imprescindibles para ser adxudicatario ou adxudicataria de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Que o neno ou a nena teña a súa residencia en Galicia e xa nacese no momento de presentación da solicitude.

b) Idade do neno ou da nena:

– Ter unha idade mínima de tres meses na data de ingreso.

– Non ter feitos os 3 anos de idade o 31 de decembro de 2014.

Non obstante, poderán ser eximidos do límite de idade dos 3 anos os nenos e as nenas con necesidades específicas de apoio educativo, logo da emisión do ditame do equipo de orientación específico da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente, a petición das nais e dos pais, titores/as ou representantes legais e a través do centro de educación infantil da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde soliciten praza.

Neste sentido, a escola infantil 0-3, en que se escolariza o alumno ou alumna, proporcionará á familia a información e orientación necesarias sobre o procedemento a seguir nestes casos.

c) Para a renovación de praza é requisito imprescindible estar ao corrente no pagamento das cotas mensuais na data de presentación da solicitude.

2. No caso de integrarse nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo, en ningún caso poderá haber máis dun alumno ou dunha alumna con estas necesidades por aula. Para os efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Artigo 3. Criterios de prioridade para a adxudicación das prazas

1. Procedemento ordinario.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1.a) Renovación de praza.

As nenas e os nenos escolarizadas/os durante o curso 2013/14 en calquera das escolas infantís obxecto desta orde terán dereito á renovación automática da súa praza sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2.

O alumnado matriculado en xornada de tarde só poderá renovar praza nese mesmo horario. Non obstante, naqueles centros en que por carecer de demanda suficiente se reduzan os horarios, o alumnado con dereito á renovación de praza en xornada de tarde poderá renovar praza para o mesmo centro en xornada de mañá.

Poderá renovarse praza noutro centro xustificando o cambio de domicilio e/ou o lugar de traballo cando, logo de rematado o proceso de renovación de praza do alumnado da propia escola, existan prazas suficientes.

1.b) Novo ingreso.

As prazas adxudicaranse pola seguinte orde:

1º. Os fillos e as fillas do persoal que preste servizo nas escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, cando soliciten a praza para o centro onde presta servizo a nai, o pai, o acolledor ou acolledora e a titora ou o titor legal.

2º. As persoas solicitantes con irmán ou irmá con praza no centro para o que solicitan a praza (renovada ou de novo ingreso).

3º. Menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar.

4º. As prazas que queden vacantes adxudicaranse ás persoas solicitantes segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo que figura no anexo V. Esta puntuación determinará a orde de prelación na adxudicación das prazas para calquera das dúas opcións solicitadas.

2. Procedemento extraordinario.

2.a) Ingresos urxentes.

Para os ingresos de máxima urxencia reservarase un 5 % das prazas de cada centro.

Terán a consideración de ingresos urxentes os seguintes casos:

– As e os menores tutelados pola Consellería de Traballo e Benestar.

– Os fillos e/ou as fillas das mulleres que se atopen nunha casa de acollida e/ou sexan vítimas de violencia de xénero.

– Aqueloutros en que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.

A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, por proposta da/o xefa/e territorial de Traballo e Benestar correspondente, nun prazo de 5 días desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen recaer resolución expresa, a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes, no caso de resolución expresa, que comezará a contar ao día seguinte ao da notificación da resolución. No caso de desestimación presunta, o prazo para interpoñer o recurso será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

2.b) Solicitudes fóra de prazo.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto 2 do artigo 9 nos seguintes casos:

a) Nacemento, acollemento ou adopción do neno ou da nena con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.

b) Cambio de concello de residencia da unidade familiar.

c) Outras circunstancias que motivadamente aprecien as xefaturas territoriais de Traballo e Benestar.

As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir acompañadas coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, estarán condicionadas á existencia de prazas dispoñibles para o grupo de idade do neno ou da nena no centro onde se solicita a praza.

Artigo 4. Horario e calendario das escolas

1. Horario.

A relación de escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, xunto cos seus enderezos e o seu horario de apertura para o curso 2014/15, poderá consultarse nos taboleiros de anuncios dos servizos de Familia e Menores da xefatura territorial correspondente e nas páxinas web: http://benestar.xunta.es e http://escolasinfantis.net

As persoas usuarias dentro do horario de apertura do centro poderán optar por xornada completa continuada ou por media xornada.

Enténdese por xornada continuada aquela que se desenvolve desde primeiras horas da mañá, abrangue as horas centrais da actividade escolar e inclúe o servizo de comedor, con independencia da potestade organizativa dos centros.

Enténdese por media xornada aquela que, cun horario máximo diario de catro horas, se desenvolve en xornada de mañá, con ou sen servizo de comedor, ou en xornada de tarde, con independencia da potestade organizativa dos centros. A media xornada de tarde, sen servicio de comedor, só se ofertará nos centros con horario ampliado ata as 20.00 horas.

Con carácter excepcional, poderán admitirse solicitudes de xornada partida cando por circunstancias familiares acreditadas documentalmente se xustifique esta necesidade.

A permanencia do alumno ou da alumna no centro non poderá superar as oito horas diarias dentro da xornada pola que opte, agás cando, por circunstancias excepcionais debidamente xustificadas e acreditadas, teña que permanecer un tempo superior ao máximo establecido. Neste suposto, o caso será estudado e, de ser o caso, autorizado pola xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente.

2. Calendario.

Nas escolas infantís 0-3 reguladas por esta orde, o curso escolar dará comezo o día 4 de setembro.

Os centros permanecerán abertos de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 24 e 31 de decembro.

Durante o mes de agosto, así como os días 22, 23 e 26 de decembro de 2014 e os días 30, 31 de marzo e 1 de abril de 2015, abrirá un só centro por localidade, sempre que exista unha demanda igual ou superior a 15 alumnos ou alumnas. De ser o caso, o seu peche diario efectuarase ás 17.00 horas.

Así mesmo, durante o curso 2014/15, a escola que permaneza aberta durante os períodos vacacionais de Nadal e Semana Santa será a que abra no mes de agosto, agás nos casos en que esta sexa obxecto dun peche temporal por obras ou calquera outra continxencia. O alumnado doutras escolas da mesma localidade poderá ser atendido na que permaneza aberta. Nestes supostos a familia deberá xustificar con base en motivos laborais ou enfermidades graves a necesidade de levalo ao centro durante os citados períodos.

O alumnado poderá asistir ao centro un máximo de once meses dentro do período de setembro a agosto do curso 2014/15.

En casos excepcionais debidamente xustificados poderase admitir a asistencia do neno ou da nena durante os 12 meses do ano. En tales circunstancias deberase formular unha solicitude, cunha antelación mínima dun mes, que será estudada e, se procede, autorizada pola xefatura territorial correspondente.

Artigo 5. Prestacións

As persoas usuarias poden optar por unha das seguintes modalidades de servizo:

a) Atención educativa con comedor.

b) Atención educativa sen comedor. O horario para o alumnado que opte por esta modalidade de servizo será o establecido polo centro con base nos seus criterios organizativos de funcionamento.

Aquelas e aqueles solicitantes que teñan concedida praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste servizo en días soltos solicitándoo con antelación suficiente, sempre que xustifiquen a súa necesidade e aboen o prezo estipulado.

A opción dos servizos elixidos farase constar na solicitude e manterase durante todo o curso, salvo circunstancias sobrevidas debidamente acreditadas que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 6. Prezos

1. Os prezos que deberán pagar as persoas usuarias serán os establecidos no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

2. Todas as persoas usuarias aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012 e no artigo 4.2 desta orde.

3. A inasistencia do alumno ou da alumna durante un período determinado non supón ningunha redución nin exención do pagamento da cota, agás nos casos establecidos no artigo 5 do Decreto 49/2012.

Artigo 7. Regras e definicións para a determinación do importe que se pagará

Para a determinación do importe mensual que deberán pagar as persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos para as escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar teranse en conta as especificacións recollidas no anexo do Decreto 49/2012. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

– As fillas e os fillos menores, con excepción dos que, con consentimento das nais e/ou dos pais, vivan independentes destes.

– As fillas e os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

– As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 %.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro do ano 2012.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro e segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoa físicas (IRPF).

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar á que se refire a letra a) cando formara parte dela unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias concorrentes na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias do momento da presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo e dos distintos descontos. En todo caso, estas circunstancias deberán xustificarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

Artigo 8. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas poderán solicitar praza do seguinte xeito:

1.1. Renovación automática de praza.

Para a renovación automática de praza do alumnado escolarizado durante o curso 2013/14, presentarase o modelo oficial segundo o anexo VI desta orde, debidamente formalizado e asinado, que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos así como nas propias escolas infantís 0-3.

A sinatura deste documento comporta a autorización á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para o cálculo da renda da unidade familiar.

Xunto co documento anterior, a persoa interesada achegará a autorización do cónxuxe ou parella, de acordo co anexo II desta orde, para que a Dirección Xeral de Familia e Inclusión solicite, así mesmo, da AEAT e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para o dito cálculo.

No caso de non prestar estas autorizacións, a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia cotexada das declaracións do IRPF ou, de ser o caso, certificado emitido pola AEAT relativo ao ano 2012.

Así mesmo, no caso de producírense cambios que afecten a unidade familiar e que poidan incidir no cálculo da renda desta, a persoa interesada achegará, dentro do mesmo prazo, aqueles documentos que os acrediten ou xustifiquen.

1.2. Novo ingreso.

1.2.1. Para as solicitudes de novo ingreso presentarase o modelo oficial segundo o anexo I desta orde. Neste impreso poderá solicitarse praza para dous centros indicando a orde de preferencia.

Os impresos estarán dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, e facilitaranse tamén nos propios centros nos que se solicite praza, nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar así como nos enderezos electrónicos http://benestar.xunta.es e
http://www.escolasinfantis.net.

1.2.2. Todas as persoas solicitantes achegarán xunto coa solicitude a xustificación dos seus ingresos da seguinte maneira:

a) A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da AEAT e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar. Para estes efectos, todos os membros con ingresos que compoñen a unidade familiar deberán presentar o anexo II debidamente cuberto e asinado. No caso de non prestar autorización a persoa interesada achegará, xunto coa solicitude, copia cotexada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT relativos ao ano 2012.

b) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten aos recursos da unidade familiar, poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos que figuren na declaración do IRPF correspondente ao ano 2012, variacións que deberán ter unha duración mínima de 4 meses para ser tomadas en consideración.

Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Autorización para que a Consellería de Traballo e Benestar solicite do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos seus datos. No suposto de non dar a dita autorización, copia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

b) Copia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia, se é o caso, e informe dos servizos especializados na materia sobre a necesidade de integración na escola infantil do neno ou da nena para o/a que se solicita praza, se é o caso, cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento, no caso de acollementos formalizados por outra comunidade autónoma.

e) Xustificación de ocupación actualizada (no caso de persoas traballadoras por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral; no caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores por conta propia ou da correspondente mutualidade).

f) No caso de tratarse de persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), esta circunstancia será comprobada de oficio pola Administración.

g) Certificación de ser demandante de emprego (con efectos dende o día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes) da nai, do pai, da titora ou titor legal ou do acolledor ou acolledora.

h) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– Informe dos servizos sociais do concello correspondente para acreditar as responsabilidades familiares no caso de que existan membros que, non formando parte da unidade familiar, estean a cargo dela.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da nai, do pai, do acolledor ou acolledora, do titor ou titora legal e/ou doutros membros da unidade familiar, no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Informe médico expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións dos membros da unidade familiar.

– Copia cotexada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra persoa proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

– Informe dos servizos sociais do concello correspondente, no caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.

– O título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

j) Certificado de empadroamento da unidade familiar expedido polo concello correspondente no cal se fará constar a data de alta no padrón municipal de habitantes que, en todo caso, deberá ser anterior ao 1 de xaneiro do ano en que se solicite a praza, nos supostos de escolas infantís situadas en concellos limítrofes con outras comunidades autónomas.

De carecer de acreditación documental dalgunha das circunstancias alegadas neste punto, poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.

A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude e emenda suporá a renuncia implícita a ser valorado na epígrafe correspondente do baremo que se recolle no anexo V.

1.2.3. As persoas interesadas en participar no programa cheque infantil, dirixido a aqueles e aquelas solicitantes que non obteñan praza en ningunha das dúas opcións solicitadas, deberán cubrir a epígrafe correspondente no anexo I desta orde e, ademais, presentar:

– Declaración de non percibir outras axudas para o mesmo concepto, ou de percibilas coa indicación da súa contía (anexo III).

– Declaración responsable de estar ao día nas obrigas tributarias e coa Comunidade Autónoma, non ter débedas por resolución de procedencia de reintegro e de estar ao día coa Seguridade Social (anexo IV).

2. A información relativa ao procedemento poderase consultar na páxina web:

http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos así como nos teléfonos:

012

981 18 57 55

982 29 43 54

988 38 65 95

986 81 77 04

981 54 56 66

Artigo 9. Lugar e prazo das solicitudes

1. As solicitudes de renovación de praza deberán presentarse en soporte papel na propia escola infantil, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. As solicitudes de novo ingreso coa documentación requirida deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 10. Tramitación dos expedientes

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, como órganos responsables da tramitación dos expedientes, comprobarán que estes reúnen os requisitos recollidos nesta orde. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

As xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión poderán reclamar en calquera momento todos aqueles datos e a súa debida acreditación documental que coiden precisos para a máis eficaz realización da súa función.

Artigo 11. Avaliación das solicitudes

1. A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo V. No caso de obter igual puntuación, terán preferencia, en primeiro lugar, as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor e despois da aplicación deste criterio daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.

2. Aplicaráselles a todas as solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular do Servizo de Familia e Menores.

– Vogais: o director ou directora do centro, un ou unha representante dos pais, das nais, dos/as titores/as ou dos acolledores ou acolledoras do alumnado do centro do que se estean a baremar as solicitudes e un funcionario ou funcionaria da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar designado/a pola persoa titular da xefatura territorial, que actuará como secretario/a.

No caso de escolas de xestión indirecta:

– Presidencia: a xefa ou o xefe do Servizo de Familia e Menores.

– Vogais: un ou unha representante dos pais e das nais do alumnado do centro do que se estean a baremar as solicitudes e dous funcionarios ou funcionarias da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar designados pola persoa titular da xefatura territorial, un dos cales actuará como secretario.

Os acordos tomaranse por maioría simple e resolverá, en caso de empate, a presidencia.

3. A dirección de cada centro convocará as nais, os pais, os titores ou titoras ou os acolloderes ou acolledoras a unha reunión que se celebrará anualmente antes de rematar o prazo de solicitudes, co fin de proceder á elección do seu ou da súa representante na comisión de baremación e selección, mediante votación e por maioría simple.

4. Unha vez baremadas as solicitudes, a comisión elevará a proposta de selección ao xefe ou á xefa territorial.

A relación provisional de persoas admitidas e a lista de espera coas puntuacións obtidas farase pública o día 2 de maio e poderase consultar nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es ou
http://www.escolasinfantis.net e nos respectivos centros.

Artigo 12. Reclamacións

As persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que consideren oportunas no prazo dos dez días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 13. Relación definitiva de persoas adxudicatarias de praza

1. Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional, o xefe ou a xefa territorial aprobará a relación definitiva de persoas admitidas e a lista de espera coa puntuación obtida.

A relación coa puntuación poderase consultar desde o día 27 de maio nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como nas páxinas web http://benestar.xunta.es
ou http://www.escolasinfantis.net e nos respectivos centros.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada perante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As persoas solicitantes que estean admitidas disporán desde o día 28 de maio ata o día 10 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse, presentando no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado do certificado médico da nena ou do neno. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web: http://benestar.xunta.es e http://www.escolasinfantis.net.

Para os ingresos fóra de prazo disporase de dez días naturais contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza.

3. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da nena ou do neno no prazo sinalado, considerarase decaída ou decaído na súa solicitude.

4. As persoas solicitantes con praza concedida que renuncien a esta quedarán excluídas de calquera outra praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.

Cada alumno ou alumna só poderá ser adxudicatario/a dunha praza pública das escolas infantís da Xunta de Galicia.

5. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolver o procedemento previsto nesta convocatoria será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

6. Na relación definitiva de persoas admitidas estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación e que teñan entrada con anterioridade á data de publicación da relación provisional de admitidas e admitidos.

Artigo 14. Lista de espera

1. A lista de espera estará constituída polas persoas solicitantes que non obteñen praza na 1ª e 2ª opción, ordenadas segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As prazas vacantes que se vaian producindo ao longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre as persoas solicitantes en lista de espera.

3. O alumnado integrante da lista de espera que se inscriba como candidato ao programa do cheque infantil será excluído dela ao concedérselle a axuda para a praza participada por este programa, aínda no caso de que renuncien a ela, agás no suposto de que no momento da tramitación da concesión do cheque se producisen vacantes nalgún dos centros solicitados e non exista lista de espera neles.

4. As solicitudes que, por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas referidas no punto 2.b) do artigo 3, non se presenten nos prazos fixados nesta convocatoria serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación que, no caso de non adxudicarlles unha praza, incluiranas na lista de espera segundo a puntuación obtida.

5. Na relación definitiva da lista de espera estarán incluídas as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación que teñan entrada con anterioridade á data de aprobación da citada relación pola xefa ou polo xefe territorial.

Artigo 15. Revisión do prezo

Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.

b) As variacións nos seus ingresos que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior. Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de catro meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola AEAT ou por calquera outra documentación que, a xuízo da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar, xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar.

Neste sentido, a persoa beneficiaria queda obrigada a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.

A modificación do prezo, de ser o caso, será resolta pola xefa ou polo xefe territorial e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.

Artigo 16. Baixas

1. Será causa de baixa nas escolas infantís:

a) O cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

b) A solicitude das nais, dos pais ou dos/as representantes legais.

c) A falta de pagamento do prezo establecido durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar a que se refire a débeda, sen prexuízo da reclamación desta polo procedemento administrativo de constrinximento.

d) A comprobación de falsidade nos documentos ou nos datos achegados.

e) A incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

f) A falta de asistencia continuada durante quince días sen causa xustificada.

2. Naqueles casos en que a baixa sexa xustificada e se prolongue máis dun mes, haberá que presentar xustificación con carácter mensual. O incumprimento desta obriga será causa de baixa.

3. As baixas motivadas polo establecido na alínea e) serán resoltas pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión, por proposta da xefa ou do xefe territorial, unha vez oída a dirección do centro no que estea matriculado ou matriculada o alumno ou a alumna. Nos demais supostos aprobarase a baixa por resolución da xefa ou do xefe territorial de Traballo e Benestar.

4. As baixas producidas ao longo do curso escolar por calquera dos motivos anteriormente expostos serán cubertas polas persoas solicitantes que figuren nese momento en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Disposición adicional primeira

As persoas solicitantes de praza nas escolas infantís da Casa do Mar de Celeiro e de Marín dependentes da Consellería de Traballo e Benestar que pertenzan ao réxime especial do mar, tanto de renovación de praza como de novo ingreso, aboarán os prezos públicos regulados polo Instituto Social da Mariña para este tipo de servizos.

Disposición adicional segunda

No curso regulado pola presente orde, as escolas infantís con horario ampliado ata as 20.00 horas, que no prazo de presentación de solicitudes non conten con demanda suficiente para formar unha unidade internivelar de 15 alumnas ou alumnos, reducirán o seu horario e pecharán, como máximo, ás 18.00 horas.

Disposición adicional terceira

Por mor das obras de remodelación que se levarán a cabo nas instalacións da escola infantil Virxe da Purificación de Foz, esta comezará o curso escolar 2014/15, con posterioridade á data prevista no artigo 4.2 da presente orde.

Tanto o alumnado de renovación de praza como os/as solicitantes de novo ingreso que resulten admitidos/as, iniciarán o curso escolar unha vez finalizadas as ditas obras.

O alumnado de renovación de praza poderá ser atendido noutra escola infantil da mesma localidade ou de localidades limítrofes durante o tempo que duren as obras.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para que, no ámbito das súas competencias, dite as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file