Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2014 Páx. 7397

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para estadías en 2014 correspondentes a investigadores e técnicos contratados en centros tecnolóxicos de Galicia e en organismos públicos de investigación con centros radicados en Galicia, alleos ao Sistema Universitario de Galicia, ao abeiro das accións financiables polo FSE de formación de investigadores, do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, e se procede á súa convocatoria.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, formula como obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, de transferencia e valorización de resultados e de innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

Como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo III, establece o Plan galego de investigación e innovación como instrumento fundamental de planificación e coordinación das políticas en materia de investigación, transferencia, valorización e innovación en Galicia.

Na disposición transitoria da Lei 5/2013 establécese que o Plan de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (I2C) se manterá vixente como Plan de investigación e innovación de Galicia, e para os efectos de seguimento e revisión aplicarase o previsto na sección 2ª do capítulo III desta lei durante toda a súa vixencia.

O Plan I2C contén dentro do eixo estratéxico 1 (Xestión do talento), a liña de actuación 1.1 de apoio á carreira investigadora, co fin de garantir os instrumentos de apoio ao desenvolvemento da carreira investigadora para dispor das capacidades necesarias para lograr os obxectivos marcados no Plan. Entre as actuacións previstas está o fomento da mobilidade internacional para mellorar a formación do persoal.

Neste mesmo eixo estratéxico a liña de actuación 1.6 (Programas de mobilidade), contén, entre outras actuacións, o financiamento de estadías en grupos de investigación de prestixio recoñecido.

En coherencia con estas previsións do I2C, con esta liña de axudas preténdese enriquecer o capital humano dos centros tecnolóxicos e dos organismos públicos de investigación (OPI) con centros radicados en Galicia, mediante a concesión de axudas para que os seus investigadores e tecnólogos poidan realizar estadías en centros de investigación e innovación de fóra da comunidade autónoma co fin de aprender novas técnicas no seo dos grupos de destino, entrar en contacto cun ambiente de investigación ou innovación diferente e mellorar os seus contactos neste ámbito.

No Programa operativo FSE Galicia 2007-3013, no eixe 3, tema prioritario 3.74, inclúese o desenvolvemento do potencial humano no ámbito da investigación e a innovación, en partircular a través de estudos de posgrao e formación de investigadores/as, así como de actividades en rede entre unversidades, centros de investigación e empresas. Entre os obxectivos prioritarios do devandito programa están incrementar as estadías de investigadores/as de Galicia en centros de investigación de fóra da Comunidade Autónoma para a formación e desenvolvemento da súa carreira científica.

Consecuentemente con todo o anterior e en exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Apróbanse as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para a realización de estadías durante o ano 2014 fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, preferentemente no estranxeiro, dirixidas a investigadores e técnicos contratados en centros tecnolóxicos e organismos públicos de investigación (OPI), que teñen centros de I+D+i radicados en Galicia, alleos ao Sistema Universitario de Galicia (SUG), co fin de que este persoal poida realizar actividades que melloren a súa formación, así como entrar en contacto con ambientes de investigación e innovación diferentes, mellorando os seus contactos neste ámbito.

2. Así mesmo, convócanse estas axudas para o ano 2014 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código procedemento IN809A).

Artigo 2. Requisitos dos solicitantes e duración máxima da estadía

As bolsas poderán ser solicitadas por investigadores e técnicos con vinculación en vigor en centros tecnolóxicos de Galicia ou en organismos públicos de investigación (OPI), alleos ao SUG, que teñan centros radicados na Comunidade Autónoma nos cales desenvolve a súa actividade o solicitante.

A vinculación laboral deberá estar vixente na data do remate do prazo de presentación da solicitude.

Cada persoa só poderá solicitar unha estadía de 1 a 6 meses de duración.

Artigo 3. Condicións de aproveitamento

1. As estadías para cales que se solicite unha axuda ao abeiro da presente convocatoria deberán iniciarse en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro do ano 2014 e finalizarse en data igual ou anterior ao 20 de decembro do ano 2014.

2. Non se poderá realizar interrupción ningunha no período correspondente á axuda de estadías concedido, salvo caso de forza maior.

Artigo 4. Contía das axudas

O importe da axuda comprenderá:

1. Unha axuda institucional para gastos de desprazamento e seguro combinado de accidentes, cunha asignación de 400 euros para estadías en España, Portugal e Andorra, 600 euros para estadías no resto de Europa e de 1.000 euros para estadías no resto do mundo.

2. Unha asignación mensual bruta de:

– 1.400 euros, se a incorporación se produce en España, Portugal ou Andorra.

– 1.700 euros, se a incorporación se produce no resto dos países de Europa, África ou América (excluído Estados Unidos e Canadá).

– 2.000 euros, se a incorporación se produce nos Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía.

En todo caso, respectaranse as condicións da TIN/2965/2009, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE, durante o período de programación 2007-2013.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou na páxina da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que presente o/a solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 6. Documentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberán presentarse os seguintes documentos:

a) Anexo I. Solicitude. No anexo I inclúense as seguintes declaracións responsables:

1) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

2) Declaración opcional comprometéndose a utilizar a lingua galega en todas as relacións que o interesado, como consecuencia desde procedemento, manteña coa Administración autonómica (artigo 20.2.l. da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

3) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4) Declaración de non encontrarse incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da axuda recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2º.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6) No caso de denegar expresamente a autorización ao órgano xestor a que se refire o artigo 9.3, deberá presentar unha declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7) Declaración de que son veraces os datos que se consignan na solicitude relativos á conta bancaria en que se efectuará o pagamento das axudas, así como de que a persoa solicitante é o seu titular, de conformidade co establecido no artigo 5 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servicios na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

b) Anexo II. A declaración responsable do solicitante de todas as solicitudes efectuadas e concedidas para o mesmo fin por outras administracións ou entes públicos ou privados.

c) Anexo III. Informe de conformidade e certificación de vinculación do/a solicitante (orixinal ou copia cotexada), emitido polo director do centro de investigación a que estea vinculado o solicitante.

d) Anexo IV. Autorización da representación.

e) Carta de invitación (orixinal ou copia cotexada) do centro onde se vai desenvolver o traballo, debidamente asinada polo responsable deste, na cal deberá constar o seguinte contido:

1) As datas de inicio e fin da estadía: desde (dd/mm/aaaa) ata (dd/mm/aaaa).

2) Deberá acreditarse a autenticidade da carta de invitación con:

– Papel oficial, e

– Selo do centro de realización da estadía.

Por responsable do centro entenderase o director do centro, director de departamento ou director do grupo en que se integrará o solicitante destas axudas. En calquera caso, a sinatura deberá acompañarse da identificación da persoa que asina a carta de invitación así como do cargo que ocupa.

f) Plan de traballo en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma, no que se faga constar:

– Calendario.

– Programa das actividades que se van realizar.

O plan de traballo deberá estar asinado polo interesado, e ter unha extensión de entre 2 e 4 páxinas.

g) Currículo asinado polo solicitante. Indicarase en cada unha das alíneas do modelo oficial de currículo, que figura no enderezo http://gain.xunta.es. No caso de presentación electrónica xuntarase copia dixitalizada (escaneada). A Axencia Galega de Innovación reserva para si o dereito á consulta, comprobación ou posterior requirimento dos orixinais.

Os anexos I, II, III e IV estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es e na páxina da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.es.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá achegar o código do procedemento, órgano responsable, número de expediente e número ou código único de rexistro.

Artigo 7. Información aos/ás interesados/as

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no número 2 do artigo 1 destas bases, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega de Innovación, presencialmente ou a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Axencia Galega de Innovación: http://gain.xunta.es

b) No seguinte teléfono da Axencia Galega de Innovación: 981 54 10 75.

c) No enderezo electrónico: gain@xunta.es

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo https:/sede.xunta.es

2. Así mesmo, para cuestións xerais deste ou doutro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Artigo 8. Financiamento e concorrencia

Para a concesión destas axudas destinarase un máximo de 1.000.000 de euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.A3.561A.480.0 dos orzamentos para o ano 2014 da Axencia Galega de Innovación.

As axudas concedidas poderán ser financiadas polo FSE, no eixo 3 e tema prioritario 74 do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, nunha porcentaxe do 80 %.

Por iso, os beneficiarios destas axudas deberán cumprir as normas recollidas no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo o que se derroga o Regulamento (CE) nº 1748/1999; as normas de información e publicidade dos fondos contidos no Regulamento 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude inclúe unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a entregar copia compulsada do DNI.

3. Nos procedementos de subvencións, a presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e entón debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De acordo co establecido no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación que acredita o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. As solicitudes das persoas interesadas acompañaranse dos documentos e as informacións determinados no artigo 6, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa presentación ou, na sua falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

6. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

7. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

8. A Axencia Galega de Innovación velará polos datos de carácter persoal, que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, e adoptaranse tanto as medidas de seguridade técnicas como administrativas.

A finalidade da recolla dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, a Axencia Galega de Innovación revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e presentando identificación suficiente.

9. As solicitudes que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

A instrución do procedemento corresponde á Axencia Galega de Innovación.

1. As unidades da axencia comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta convocatoria.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase mediante anuncio na páxina web da Axencia Galega de Innovación
(http://www.gain.xunta.es) para que:

a) Os interesados e interesadas poidan emendar os erros e falta de documentos indicados, ante a Axencia Galega de Innovación, presentando, de ser o caso, a documentación necesaria no prazo de 10 días hábiles.

b) Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria ou que esta non cumpra os requisitos establecidos, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 12 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada e a contía da axuda proposta. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A comisión de valoración estará composta polos seguintes membros (todos eles con voz e voto):

a) Presidente: o/a director/a da área de financiamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario ou funcionaria da Axencia Galega de Innovación.

c) Vogais: tres persoas designadas polo director da Axencia Galega de Innovación.

3. No informe que elabore a comisión de valoración figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención e a puntuación obtida. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 12. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación das solicitudes farase pola comisión de valoración indicada no artigo 11 desta convocatoria. A comisión deberá valorar os seguintes criterios no currículo e o plan de traballo.

Criterio

Puntuación máxima

Actividades desenvolvidas polo solicitante durante a vixencia do contrato. Valorarase:

a) Comunicacións a congresos internacionais: 1 punto por ítem cun máximo 5 puntos.

b) Comunicacións a congresos nacionais: 0,5 puntos por ítem cum máximo 3 puntos.

c) Dirección de teses doutoramento: 2 puntos por ítem cun máximo de 6 puntos.

d) Estadías fóra da Comunidade Autónoma: 0,5 puntos por mes ata un máximo de 5 puntos.

e) Cursos realizados: 0,10 por ítem cun máximo 1 punto.

f) Docencia impartida: máximo 1 punto.

g) Premios: máximo1 punto.

h) Outros: máximo 3 puntos.

25

Artigos xa publicados en revistas de carácter científico-tecnolóxico, patentes, libros ou capítulos de libro. Por cada achega ata un máximo de 5 puntos.

Na valoración das publicacións, sempre que sexa posible, a comisión terá en conta o índice de impacto e o percentil en que se atopa a revista en que se publicou o artigo

35

Capacidade do solicitante para liderar grupos de investigación, medida a partir do financiamento obtido en convocatorias públicas competitivas. Valorarase:

a) Contratos de investigación en que figure como responsable directo: 25 puntos/contrato.

b) Contratos de investigación en que forme parte do grupo que executa o contrato: 10 puntos/contrato.

c) Proxectos de investigación como investigador principal:

– Proxectos internacionais: 20 puntos/proxecto.

– Proxectos nacionais: 10 puntos/proxecto.

– Outros proxectos: 5 puntos/proxecto.

d) Proxectos de investigación como membro de equipo: 4 puntos/proxecto.

40

A valoración do plan de traballo corresponderase coa cualificación de apto ou non apto. O plan de traballo considerarase como non apto nos seguintes supostos:

– O plan proposto non corresponde á realización de actividade de investigación ou innovación.

– As actividades propostas non requiren o desprazamento do solicitante do seu centro habitual de traballo.

No segundo caso, a comisión realizará a proposta motivada de denegación da axuda ao candidato.

Os candidatos serán ordenados por orde decrecente de puntuación. A comisión proporá a concesión das axudas seguindo a dita orde ata esgotar o crédito dispoñible. En caso de empate, a comisión dará prioridade a aqueles solicitantes que se comprometan a utilizar a lingua galega en todas as relacións que a persoa interesada, como consecuencia deste procedemento, manteña coa Administración autonómica (artigo 20.2.l da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

A comisión poderá elaborar, seguindo o mesmo criterio, unha lista de suplentes para os efectos de posibles renuncias.

Artigo 13. Audiencia

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de valoración ao director da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, o beneficiario, así como a subvención concedida ou, se é caso, a causa de denegación. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento establecido nestas bases reguladoras.

No expediente da subvención tamén se fara constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para accederen as axudas.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de 5 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no DOG, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º.b) desta lei, a notificación individual de concesión da axuda substituirase pola publicación no DOG e na páxina web http://gain.xunta.es, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada e do financiamento con cargo ao P.O. FSE Galicia 2007-2013.

Artigo 15. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, perante o Presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión, o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, se concorreren as circunstancias previstas para tales efectos nestas bases reguladoras, que deberá efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. O acto por que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, que deberá recoller os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o novo Regulamento autonómico que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, para que poida operar a modificación.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada, os solicitantes disporán dun prazo de dez días para a aceptación da axuda, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web http://gain.xunta.es, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Xustificación e pagamento da bolsa

1. Os beneficiarios das bolsas están obrigados a:

a) Comunicar a data de incorporación ao centro de destino mediante certificado de incorporación –orixinal–, segundo modelo normalizado que estará a disposición dos interesados na páxina web http://gain.xunta.es.

O informe deberá conter as seguintes características:

1º. A data exacta de inicio (dd/mm/aaaa).

2º. Deberá acreditarse a orixe do informe coa utilización de:

– Papel oficial e

– Selo do centro.

O certificado, debidamente asinado polo responsable do centro de destino, será remitido á Axencia Galega de Innovación, no prazo máximo de 15 días desde a data de incorporación ou xunto coa aceptación da bolsa.

Unha vez incorporados ao centro de destino deberán atoparse, en todo momento, en condicións de xustificar o seu labor asiduo no centro.

b) Presentar no prazo máximo de 20 días naturais desde a finalización da estadía, a seguinte documentación sobre o traballo realizado:

1º. Memoria do traballo realizado asinada polo beneficiario da axuda e cunha extensión de entre 2 e 4 páxinas.

2º. Unha copia dos traballos publicados.

3º. Informe (orixinal ou copia cotexada) asinado polo director do centro de destino sobre o traballo realizado, con indicación expresa do tempo de permanencia no centro, indicando datas de inicio e finalización (dd/mm/aaaa).

A orixe do informe deberá acreditarse coa utilización de:

– Papel oficial, e

– Selo do centro.

4º. Declaración responsable das axudas, tanto solicitadas como concedidas para este fin (anexo II).

2. En calquera momento a Axencia Galega de Innovación poderá reclamar:

– Informe do centro receptor sobre o labor realizado polo beneficiario da axuda.

– Xustificantes acreditativos da realización da viaxe (carta de embarque, billete de tren, pasaporte, etc.).

4. As bolsas pagaranse mensualmente, quedando pendente a última mensualidade ata a xustificación final da estadía. Poderase realizar o pagamento total da estadía nunha soa vez, se o bolseiro acredita a realización total desta ou un pagamento parcial acumulado que se corresponda coa parte proporcional da estadía realizada.

5. De non determinarse outra data na resolución final de adxudicación, a axuda institucional pagarase xunto co primeiro pagamento.

6. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo sen ter presentado a xustificación perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Compatibilidade das axudas

A axuda é incompatible con calquera outra destinada á mesma finalidade. Non obstante, se a axuda non financia a duración total da estadía, será compatible con outra/s, unicamente polo período non financiado.

Artigo 20. Publicación dos resultados obtidos

Os resultados obtidos durante o período de aproveitamento da bolsa serán propiedade dos seus autores, que, no caso de facelos públicos, deberán facer constar a axuda recibida da Xunta de Galicia e o seu cofinanciamento con fondos do FSE Galicia 2007-2013 segundo o artigo 22.6 desta resolución, e terán que enviar á Axencia Galega de Innovación un exemplar da publicación.

Artigo 21. Incidencias

As renuncias que se produzan poderán ser obxecto de substitución pola Axencia Galega de Innovación de acordo coa lista de reserva, se a houber, sempre que se produzan con data límite do 30 de setembro.

A Axencia Galega de Innovación resolverá todas as dúbidas e incidencias que puideren xurdir na aplicación desta convocatoria.

Os cambios de centro de destino nas estadías solicitadas serán só admisibles antes da publicación da resolución de adxudicación da axuda no Diario Oficial de Galicia, e por circunstancias excepcionais que así o aconsellen, tras o informe favorable, en todo caso, dos dous centros afectados, e autorización expresa da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 22. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento de desenvolvemento, así como daquelas outras específicas que se indiquen nos correspondentes anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro do disposto nesta convocatoria quedan obrigados a:

1. Cumprir cos obxectivos da axuda que se lles conceda, así como cos compromisos asumidos, e acreditar a realización da actividade subvencionada. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, se é o caso, procederase ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e aos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para isto, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das axudas seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

2. Facilitar toda información que lles sexa requirida pola Axencia Galega de Innovación, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, para realizar as comprobacións e verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006, que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, e fornecer canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar a Axencia Galega de Innovación, no momento en que se sexan beneficiarios, calquera axuda concedida para o mesmo fin, así como o seu importe e duración.

5. Os beneficiarios deberán conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013.

6. Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Calquera documento relativo a este tipo de operación incluirá unha declaración en que se informe deste cofinanciamento.

Estas medidas están recollidas na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2013 que pode consultarse na páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/area-de-planificacion-e-fondos

Artigo 23. Incumprimento

1. O incumprimento total ou parcial dos requisitos e obrigas establecidos nesta resolución e demais normas aplicables, así como das condicións que se establezan na correspondente resolución de concesión, dará lugar ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida. Ademais, deberán aboarse os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para isto, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no título V do Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro total das axudas:

a) O incumprimento total do plan de traballo proposto.

b) A realización da estadía nun centro diferente ao solicitado.

c) A realización da estadía en datas diferentes ás propostas.

d) O incumprimento de presentación da xustificación final da estadía a que se refire o artigo 18.1.b desta resolución.

3. Serán causas de reintegro parcial das axudas (nas porcentaxes indicadas):

a) A interrupción da estadía, agás casos de forza maior, suporá o reintegro ou, se for o caso, a non percepción da cantidade correspondente ao período posterior á interrupción máis un 20 % da dotación mensual correspondente ao período xustificado.

b) A xustificación dun período de estadía inferior ao concedido suporá o reintegro ou, se for o caso, a non percepción da parte da estadía non realizada máis un 5 % da dotación mensual correspondente ao período correctamente xustificado.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (DOUE C 323, do 30 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2014

Manuel Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file