Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 2014 Páx. 8655

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 18 de febreiro de 2014 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional de grao superior da Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ao curso 2012/13.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou mediante a Orde EDU/2128/2011, do 15 de xullo (BOE do 28 de xullo), os premios nacionais de formación profesional de grao superior establecidos pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Conscientes da importancia de recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia, facendo uso do establecido no artigo 4 da Orde EDU/2128/2011, en exercicio das competencias atribuídas, por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 29 de xuño),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizou estudos de formación profesional de grao superior no curso 2012/13 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia e que os rematou no ano 2013.

Artigo 2. Número e características dos premios

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional de grao superior que se imparte na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A dotación para os premios será de 18.700 € con cargo á partida orzamentaria 09.50.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2014, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía, e que non poderá exceder os 850 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. O alumnado que obteña o premio extraordinario, ademais da dotación económica, recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción e farao constar nas certificacións académicas que se emitan.

4. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

5. Estes premios extraordinarios de formación profesional de grao superior son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de formación profesional de grao superior.

Artigo 3. Requisitos de participación

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional de grao superior no ano 2013 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,50. Esta obterase como media aritmética das cualificacións dos módulos que compoñen o ciclo formativo, non se computarán os que fosen cualificados cos termos de apto, validado ou exento. A nota media expresarase con dous decimais, redondeando á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

3. O solicitante debe cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes subscribiranas directamente as persoas interesadas con plena capacidade de obrar ou, se é o caso, os representantes legais dos solicitantes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED311B dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

No suposto de que a persoa solicitante presente a solicitude en formato papel deberá cubrir o formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado ED311B que se publica como anexo I a esta orde, dispoñible na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ou na aplicación informática que xestiona ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosfp. Neste caso, o/a solicitante pode escoller entre presentar a solicitude presencialmente ou entregala na secretaría do centro público de educación en que se atope o seu expediente académico para que o centro a tramite.

Para estes efectos os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo 38.4 da Lei 30/1992. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

Artigo 5. Documentación

1. Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

2. Relación dos méritos que se desexe alegar vinculados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 9.1.b), xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos acreditaranse mediante certificado orixinal ou fotocopias cotexadas das certificacións, onde conste expresamente o número de horas de duración.

3. Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de formación profesional de grao superior recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media expresada con dous decimais, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

4. Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumno ou alumna, na aplicación informática
https://www.edu.xunta.es/premiosfp por parte da dirección do centro público en que se atope o expediente académico.

Artigo 6. Procedemento dos centros educativos

1. Os centros públicos de educación proporcionarán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou ao alumnado que opte por presentar directamente toda a documentación requirida, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo (só no caso de que o alumnado non teña todo o seu expediente de formación profesional de grao superior recollido na base de datos da aplicación XADE), onde se reflicta a cualificación final media a que se refire o artigo 3.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprimirá, unha vez introducidos os datos da solicitude do alumno ou alumna, na aplicación informática
https://www.edu.xunta.es/premiosfp, por parte da dirección do centro público en que se atope o expediente académico.

2. Se o alumnado opta pola opción de presentar a solicitude no centro público onde está o seu expediente académico, serán os centros públicos de educación os que remitirán toda a documentación do alumnado durante o prazo de presentación das solicitudes, ou máximo nos tres días posteriores, ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela.

Artigo 7. Emenda e mellora da solicitude

A relación provisional de admitidos e excluídos farase pública nos dez días naturais posteriores á finalización do prazo de presentación de solicitudes no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria https://www.edu.xunta.es e na aplicación informática que xestiona os ditos premios https://www.edu.xunta.es/premiosfp

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha vez publicadas as listaxes provisionais de admitidos e excluídos, os interesados disporán dun prazo de 10 días para a reclamación ou emenda das carencias ou deficiencias detectadas na documentación achegada. De non facelo, consideraranse como desistidos da súa petición, arquivándose esta logo de resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da citada lei.

O prazo máximo para publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos, no portal educativo https://www.edu.xunta.es, será dun mes desde o día seguinte ao da finalización do prazo de solicitudes.

Artigo 8. Xurado de selección

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección formado por:

Presidente: a persoa responsable da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– Ata un máximo de seis, coa categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou funcionarios dos corpos de inspectores de educación, designados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

– Un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto.

O xurado poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) A nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo que se opta ao premio extraordinario valorarase de 0 a 3 puntos, outorgándose 0,02 puntos por cada centésima que supere o 8,50.

b) Méritos relacionados co título profesional.

I.

• As actividades de formación conducentes ás unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, de nivel 3 que pertenzan á mesma familia profesional do ciclo formativo polo que se opta ao premio valoraranse con 0,10 puntos por cada 10 horas de formación asociada. Non se computarán as incluídas no propio ciclo formativo.

• As actividades de formación organizadas polas universidades relacionadas directamente coa familia profesional correspondente valoraranse con 0,10 puntos por cada 10 horas de formación.

Os cursos conducentes á obtención dun título académico non se valorarán, agás os das linguas estranxeiras de ensinanza oficial nas escolas oficiais de idiomas que, coa cualificación de apto, se valorarán como 130 horas.

A valoración máxima na alínea I do punto 1.b) deste artigo será de 7 puntos.

II. A participación en proxectos ou programas europeos relacionados coa familia profesional correspondente puntuarase ata un máximo de 1 punto.

III. Traballos de investigación, premios, concursos e publicacións relacionados coa familia profesional cursada, ata un máximo de 2 puntos.

A efectos de valoración das alíneas I, II e III do punto 1.b) deste artigo, só se terán en conta os méritos obtidos na súa totalidade entre o día 1 de setembro de 2011 e o 31 de decembro de 2013 e certificados por unha Administración pública ou entidade autorizada pola mesma. A valoración expresarase numericamente de 0 a 10 puntos, con dous decimais. Os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais considéranse actividades relacionadas con todos os ciclos formativos.

2. A valoración final expresarase con dous decimais, redondeando á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior, e será o resultado de aplicar os factores de ponderación recollidos no anexo II: 80 % do punto 1.a) e 20 % do 1.b) deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional polo que se opta ao premio extraordinario.

b) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b.I).

c) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b.II).

d) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 9.1.b.III).

e) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 10. Resolución provisional da concesión dos premios

1. O xurado de selección fará públicas as puntuacións obtidas polos candidatos e candidatas a través do portal educativo da Xunta de Galicia https://www.edu.xunta.es e na páxina web https://www.edu.xunta.es/premiosfp

2. Contra esta poderase presentar reclamación, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa publicación, mediante instancia dirixida á presidenta ou presidente do xurado de selección, presentándoa no Rexistro Único da Xunta de Galicia, Edificio Administrativo San Caetano de Santiago de Compostela ou en calquera das dependencias ás que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para estes efectos, os rexistros dos centros educativos non se consideran incluídos dentro das dependencias enumeradas no dito artigo. No caso de que se opte por presentar a reclamación ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que esta sexa datada e selada polo persoal de Correos antes de ser certificada e remitida ao Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 2, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. Poderase adiantar o envío ao fax nº 981 54 65 50 ou por correo electrónico ao enderezo sacse@edu.xunta.es

Artigo 11. Resolución definitiva

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na aplicación informática que xestiona os ditos premios
https://www.edu.xunta.es/premiosfp. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e remitirase unha copia da proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios ás xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

As reclamacións entenderanse resoltas e notificadas coa publicación das cualificacións definitivas.

2. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta feita polo xurado de selección ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a orde correspondente para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de cuatro meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

4. A devandita orde de adxudicación dos premios poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Obrigas dos solicitantes

1. O alumnado gañador dos premios ten a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1.K) da Lei 9/2007, do 3 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No modelo normalizado ED311B que figura como anexo I, o alumnado debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declara acerca da veracidade dos datos relativos a dita conta en que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do dito premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. O beneficiario ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007 utilizarase a declaración responsable recollida no artigo 3.3 desta orde. De transcorrer máis de 6 meses desde a presentación da declaración incluída no anexo I desta orde, o beneficiario ten a obriga de achegar unha nova declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 13. Información aos/ás interesados/as

Ademais da información recollida no Diario Oficial de Galicia, o alumnado poderá informarse do proceso e facer consultas no portal educativo https://www.edu.xunta.es, na páxina de inicio da aplicación https://www.edu.xunta.es/premiosfp e no teléfono 902 90 54 45 da Unidade de Atención a Centros (UAC).

Artigo 14. Modificación da adxudicación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da adxudicación do premio concedido conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. O solicitante poderá autorizar, no modelo de solicitude normalizado ED311B, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e coa Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos de identidade achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Ás solicitudes das persoas interesadas anexaranse os documentos e as informacións determinados no artigo 5, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde tal publicación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II
Baremación dos expedientes e outros méritos

Mérito

Documento acreditativo

Ponderación

Nota media do expediente académico dos estudos de formación profesional de grao superior.

Certificación académica.

80 %

Outros méritos relacionados co título profesional.

Certificación oficial ou fotocopia cotexada do documento xustificativo.

20 %

missing image file
missing image file