Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 2014 Páx. 10985

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para o desenvolvemento de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, en colaboración coas entidades galegas do exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñece ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra no secretario xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración, co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegos e posibilitar que os galegos que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos obradoiros formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de xeito que se manteña viva a nosa identidade e se promova a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, os centros e as casas de Galicia no exterior son asociacións nas cales tradicionalmente se reúnen os emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propios e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnese un gran número de galegos residentes no exterior que son os axentes principais a través dos cales Galicia fomenta a súa cultura. Estas asociacións contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para o seu fomento.

En virtude do exposto, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e as entidades galegas no exterior para á realización de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega, dirixidos aos seus socios galegos e aos seus descendentes, así como a aquelas persoas interesadas no feito cultural de Galicia ou que participen nas actividades da asociación.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á convocatoria deste programa no ano 2014.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar a organización destes obradoiros as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, co fin de pór en común os medios e recursos dispoñibles.

Os obradoiros de folclore están dirixidos ás entidades que teñan grupos ou escolas de folclore constituídas da modalidade solicitada.

Os obradoiros artesanais están dirixidos ás entidades que teñan un taller no cal un grupo de persoas se dedique a desenvolver esas actividades.

Os obradoiros de cociña e os seminarios de cultura galega están dirixidos a entidades que conten con instalacións e equipamentos axeitados para o seu desenvolvemento e teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Artigo 3. Características do programa

Os obradoiros desenvolveranse nas instalacións das entidades galegas, serán de formación intensiva e de carácter participativo, impartidos por profesionais con relevante experiencia nas distintas modalidades.

Os profesores serán designados pola Secretaría Xeral da Emigración de conformidade co establecido nesta resolución e na Resolución do 11 de febreiro de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regula o procedemento para a elaboración de listas de formadores colaboradores para impartiren seminarios fóra de Galicia e se abre o prazo para a inscrición de candidatos (DOG nº 37, do 21 de febreiro).

Non poderá ser designado o mesmo profesor para impartir máis de 2 cursos continuados na mesma entidade.

A Secretaría Xeral da Emigración, no caso de non dispor de formadores nas listas e para o desenvolvemento dos obradoiros de cociña ou artesanais e de seminarios de cultura galega, poderá realizar convenios de colaboración con institucións públicas ou privadas radicadas en Galicia que sexan referentes nas respectivas modalidades.

Artigo 4. Modalidades convocadas e características específicas

1. Convócanse obradoiros das seguintes modalidades:

– Obradoiros de baile.

– Obradoiros de gaita.

– Obradoiros de percusión.

– Obradoiros de pandeireta e canto.

– Obradoiros de carácter artesanal (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais).

– Obradoiros de cociña galega.

– Seminarios de cultura galega: tradición e modernidade.

2. Características específicas dos obradoiros convocados:

a) Obradoiros de baile, música tradicional e artesanía:

– Terán unha duración de 15 días intensivos e o horario das clases axustarase ás necesidades dos solicitantes, cunha duración de 40 horas.

– O número de participantes non será inferior a 15 alumnos. En casos excepcionais debidamente xustificados poderanse desenvolver cursos cun número inferior de alumnos tendo en conta a situación do centro, características e ano de creación do grupo.

b) Obradoiros de cociña galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana, o horario axustarase ás necesidades dos solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O número de participantes non será inferior a 20 alumnos.

– Nestes obradoiros farase promoción dos produtos de calidade de Galicia, con especial atención a aqueles correspondentes ás denominacións de orixe cualificada.

– Realizarase unha xornada gastronómica de libre acceso ao público en xeral onde se faga promoción dos obxectivos pretendidos no obradoiro.

c) Seminarios de cultura galega:

– Terán unha duración máxima dunha semana, o horario axustarase ás necesidades dos solicitantes cunha duración de 20 horas.

– O número de participantes non será inferior a 30 alumnos por seminario.

3. Nesta convocatoria só se realizarán ata un máximo de 10 cursos da modalidade de cociña, 6 de cultura galega e 2 de carácter artesanal.

Artigo 5. Financiamento, custos e indemnizacións

1. Para a realización destes obradoiros resérvase inicialmente un crédito de 90.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.226.07 –actuacións derivadas da Lei da galeguidade– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014. A dita contía poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo dos seguintes gastos:

– Da remuneración do formador.

– Do custo do desprazamento do formador ao lugar de realización do curso.

– Do custo do material necesario para impartir os obradoiros de carácter artesanal, de cociña, seminarios de cultura galega e, se é o caso, do seu envío.

– Do custo de elaboración dos contidos dos obradoiros e o seu desenvolvemento.

3. As entidades galegas faranse cargo dos seguintes gastos:

– Con carácter ordinario, dos gastos de estadía e manutención do formador en lugar e condicións axeitados.

– Gastos de traslados do formador, dentro da cidade onde teña lugar o curso.

– Da xestión e dotación das instalacións adecuadas.

– Da subministración doutro material funxible necesario.

En casos excepcionais debidamente xustificados, a Secretaría Xeral da Emigración poderá asumir parte destes gastos con cargo ao crédito previsto na correspondente convocatoria. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá achegar, xunto coa solicitude, unha memoria xustificativa da necesidade e do custo estimado.

4. Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración na presente convocatoria serán:

a) Retribucións dos profesores:

– España e Portugal: 900 €.

– Europa, América e Oceanía: 1.100 €.

b) Custo de 100 € como indemnización aos profesores que fosen nomeados para impartir un seminario que se anulase por causas non imputables a eles e se lles comunicase dentro do prazo de 90 días previos á data de realización prevista.

c) Custo do billete de desprazamento do profesor ata o lugar de realización do curso nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,19 € por quilómetro.

d) Custo de ata 2.000 € para materiais artesáns específicos, que non se encontren fóra de Galicia, que sexan necesarios para o desenvolvemento dos obradoiros.

e) Custo de ata 2.000 € para material necesario para o desenvolvemento dos seminarios de cultura galega.

f) Custo de ata 900 € para a adquisición de alimentos nos obradoiros de cociña.

g) En casos excepcionais e debidamente xustificados, custo dos gastos de estadía e manutención do formador, cun máximo de 100 €/día e custo de ata 500 € para a adquisición ou alugamento de equipamentos para o desenvolvemento de seminarios de cultura galega.

5. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra das reguladas pola Secretaría Xeral da Emigración ou organismos públicos para os mesmos conceptos.

Artigo 6. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Igualmente, poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia da entidade solicitante.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As entidades poderán solicitar, por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos das modalidades convocadas. Tamén poderán propor un profesor para que imparta o correspondente curso sempre que estea incluído nas listas de formadores, a que fai referencia o artigo 3 desta resolución, na modalidade solicitada.

Non se poderán solicitar modalidades realizadas na entidade de maneira consecutiva nas dúas últimas convocatorias.

Para poder solicitar a organización destes obradoiros, deberase acreditar un ano de funcionamento ininterrompido dentro dos tres últimos anos previos á solicitude de grupos ou escolas da modalidade solicitada.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Documentación

Xunto coa solicitude, as entidades interesadas achegarán a seguinte documentación:

a) Relación nominal diferenciada dos participantes preinscritos para cada modalidade solicitada, segundo o modelo do anexo II desta resolución, na cal constarán apelidos e nome, número do NIF ou do pasaporte, idade e orixe galega dos participantes, e na cal se fará constar que a entidade conta coa autorización destes para a cesión dos seus datos persoais á Secretaría Xeral da Emigración co fin de poder xestionar a correspondente convocatoria.

b) Memoria, segundo o modelo do anexo III (obradoiros de folclore e artesanía) desta resolución, na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– As instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Nome, formación, currículo e traxectoria profesional do/s director/es, profesor/es ou axudantes responsables do taller, grupo ou escola.

– No caso dos obradoiros de música e baile, nome e composición da escola ou grupo folclórico, traxectoria e actuacións realizadas nos dous últimos anos.

– Para os obradoiros de carácter artesanal, xustificarase a existencia dun taller da modalidade solicitada no seo da entidade, tempo de funcionamento, a oportunidade da súa realización e actividades desenvolvidas na difusión da artesanía galega.

c) Memoria, segundo o modelo do anexo IV (obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega) desta resolución, na cal se especifique:

– Obxectivos que se pretenden acadar coa organización do curso.

– Instalacións, dotacións e descrición do material previsto.

– Actividades realizadas nos dous últimos anos con motivo da difusión da cociña e da cultura galega e a oportunidade da realización da actividade.

Artigo 8. Procedemento e criterios de valoración

1. No caso de que a solicitude e a documentación presentada por unha entidade fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá a dita entidade a través de medios electrónicos e da páxina web http://emigracion.xunta.es para que, no prazo de dez días, corrixa ou complete a súa solicitude, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución, que será ditada nos termos do artigo 42 da citada Lei 30/1992.

2. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado composto por tres funcionarios/as da Secretaría Xeral da Emigración, que formulará os correspondentes informes.

Os criterios de valoración para a concesión dos obradoiros serán os que se sinalan a seguir:

a) Número de persoas preinscritas para o obradoiro (ata 20 puntos):

– Entre 15 e 30: ata 10 puntos.

– Máis de 30: entre 11 e 20 puntos.

b) Número de persoas galegas preinscritas para o obradoiro (ata 30 puntos):

– Máis de 5 e ata o 50 % do total de solicitantes: 10 puntos.

– Máis do 50 % ata o 80 %: 20 puntos.

– Máis do 80 %: 30 puntos.

c) Valoración da memoria presentada (ata 40 puntos):

– Obxectivos que se perseguen coa realización do seminario: ata 10 puntos.

– Instalacións propostas e material con que conta a entidade para impartir o seminario: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de folclore:

– Á maior antigüidade do grupo: ata 10 puntos.

– Participación en exposicións, concertos e edición de discos ou DVD: ata 10 puntos.

Para as solicitudes de cociña, cultura galega e outros de carácter artesanal:

– Á maior antigüidade da entidade: ata 10 puntos.

– Actividades realizadas a favor da difusión da cociña, cultura galega e participación en feiras artesanais: ata 10 puntos.

3. O órgano colexiado elaborará as correspondentes propostas de concesión observando os seguintes criterios:

a) A proposta basearase na relación das solicitudes admitidas segundo a orde de puntuación resultante de aplicar os criterios de valoración establecidos no punto 2 deste artigo. En caso de empate nas puntuacións, resolverase atendendo á data de presentación das solicitudes.

b) Inicialmente, concederase a organización dun obradoiro por entidade. No suposto de haber máis centros solicitantes que crédito dispoñible, concederanse, en primeiro lugar e seguindo a orde de puntuación, a aqueles centros que non os organizasen de forma máis próxima respecto da presente convocatoria.

c) De alcanzar o crédito previsto nesta resolución e ata o seu esgotamento, poderase incrementar consecutivamente o número de cursos concedidos a cada entidade seguindo a orde de puntuación.

d) Malia o anterior, e co obxecto de garantir o principio de eficacia na actuación administrativa, no momento de elaborar a proposta de concesión terase en conta a posibilidade de realizar circuítos por proximidade entre as entidades solicitantes de obradoiros da mesma modalidade.

e) Para a concesión dos obradoiros de cociña e seminarios de cultura galega, será necesaria a adecuación das instalacións e dotacións previstas na solicitude para a súa organización.

f) Quedarán excluídas as propostas de organización de seminarios daqueles centros que, a criterio da Secretaría Xeral da Emigración, non poidan asegurar condicións adecuadas de aloxamento, manutención ou seguridade ao profesor correspondente.

4. A proposta de adxudicación dos obradoiros e as condicións serán comunicadas ás respectivas entidades a través de medios electrónicos e da páxina web:
http://emigracion.xunta.es

As entidades terán un prazo máximo de dez días desde a súa publicación na páxina web para aceptar a organización e as condicións da proposta.

5. Unha vez recibida a confirmación e aceptación dos termos nos cales se desenvolverán os respectivos obradoiros, o órgano colexiado formulará a relación definitiva ao secretario xeral da Emigración.

Artigo 9. Resolución

1. A Secretaría Xeral da Emigración ditará resolución de concesión dos seminarios nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución definitiva de concesión será notificada ás entidades galegas solicitantes e publicarase na páxina web http://emigracion.xunta.es

Artigo 10. Pagamento, seguimento e control

1. Pagamento.

Os gastos que, de conformidade co establecido no artigo 5 desta resolución, deban ser asumidos pola Secretaría Xeral da Emigración, aboaranse unha vez que esta comprobe que as actividades foron desenvolvidas conforme o establecido nela.

2. Seguimento e control.

Os seminarios convocados estarán sometidos ao seguinte seguimento e control:

– A solicitude do obradoiro supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as comprobacións que considere necesarias para asegurar o cumprimento do contido e condicións do programa.

– As entidades participantes quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e esta poderá modificar a súa resolución.

– Dentro do prazo dun mes desde o remate do curso, a entidade remitirá á Secretaría Xeral da Emigración unha memoria informativa e acreditativa sobre o seu desenvolvemento.

– A Secretaría Xeral da Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das accións resultantes desta resolución. Para realizar estas funcións, poderán utilizarse cantos medios estean á súa disposición para comprobar os requisitos exixidos nela, así como nas normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal as entidades galegas e as persoas a que van dirixidos os obradoiros prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

– O incumprimento por parte das entidades seleccionadas das condicións acordadas para o desenvolvemento dos obradoiros comportará a imposibilidade de participar neste programa nas dúas seguintes convocatorias ou, se é o caso, a suspensión inmediata da realización do curso correspondente.

Artigo 11. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderán interpor recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2014

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file