Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 2014 Páx. 12566

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 2014 pola que se convoca o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

En liña coa decidida aposta da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de pór en marcha novas modalidades de formación e metodoloxías de ensino, esta convocatoria supón a consolidación do Programa de autoformación iniciado o ano pasado e que, verificada a súa ampla aceptación entre os destinatarios, renova os seus contidos formativos para incluír novos temas de interese.

A autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de xeito autónomo; con ela o participante asume un papel activo no proceso de aprendizaxe, a través do emprego das tecnoloxías da información e da comunicación, ao mesmo tempo que se lle ofrece a posibilidade de acreditar a súa competencia mediante unha proba voluntaria, que lle dá dereito a obter un certificado de equivalencia. 

Esta modalidade permite achegar as actividades da escola a un maior número de empregados públicos, especialmente a aqueles que por barreiras xeográficas ou razóns de conciliación non poden optar á modalidade presencial.

O que se procura é a maior independencia do alumnado para elaborar o seu propio plan de aprendizaxe, sen o condicionamento dos prazos. Ademais, no actual escenario orzamentario é particularmente interesante organizar actividades formativas que, comparadas coas tradicionais, resultan economicamente vantaxosas e de amplo alcance.

Por todo isto, e en execución do Plan de Formación 2014 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), convócase o programa de autoformación cuxas bases se detallan nos anexos desta resolución.

O persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que desexe participar no programa de autoformación dispón de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra. Por unha banda, pode acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP, tal e como se prevé no anexo I. Por outra banda, pode solicitar presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II. Polo tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas. Porén, só as persoas que se matriculen nestas probas e as superen teñen dereito ao certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. As actividades do programa de autoformación: contidos e cuestionarios.

1. As actividades do programa de autoformación son as seguintes:

Código

Actividade do programa de autoformación

FC14129

A calidade na Administración pública. Procesos e procedementos

FC14131

Cambio e motivación nas organizacións

FC14134

Iniciación á Administración electrónica. Seguranza da información e protección dos datos

FC14136

Introdución á informática. O procesador de textos Word 2010

FC14138

Introdución ao uso da web 2.0 nas administracións públicas

FC14140

OpenOffice Calc básico

FC14142

OpenOffice Writer básico

FC14144

Os contratos administrativos. Preparación e adxudicación

FC14146

Responsabilidade patrimonial da Administración pública

FC14148

Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados, material complementario e, dado que non existe a figura do titor, cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segunda. As actividades: acceso aos contidos

1. Todos os empregados públicos e as empregadas públicas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación poden facelo, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose na zona de matrícula da EGAP, no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula>

2. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de decembro de 2014.

3. Cada persoa determinará libremente o número de actividades nas que queira inscribirse e mais o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas. Os contidos van estar dispoñibles ata o 30 de decembro de 2014.

4. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a inscrición. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

5. Unha vez inscrita, a persoa recibirá unha mensaxe de correo electrónico de confirmación e despois poderá acceder aos contidos da actividade ou actividades na aula virtual, no enderezo <http://egap.xunta.es/aulavirtual>

6. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.

7. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non dá dereito á expedición do certificado regulado na base oitava do anexo II.

ANEXO II
Bases

Primeira. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación: participación

1. Poden participar nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que se encontran en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar, con excepción do persoal docente e do persoal sanitario.

2. Toda persoa solicitante que ao inicio do prazo de inscrición se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da lista do persoal seleccionado.

Segunda. As probas de avaliación: prazas convocadas, horas certificadas, datas, lugar e horario

1. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se convocan atéñense ao previsto na seguinte táboa:

Código

Actividade do programa de autoformación

Prazas

Horas certificadas

Datas

FC14130

A calidade na Administración pública. Procesos e procedementos

100

25

3.12.2014

FC14132

Cambio e motivación nas organizacións

100

15

25.11.2014

FC14135

Iniciación á Administración electrónica. Seguranza da información e protección dos datos

100

20

24.11.2014

FC14137

Introdución á informática. O procesador de textos Word 2010

100

25

4.12.2014

FC14139

Introdución ao uso da web 2.0 nas administracións públicas

100

30

3.12.2014

FC14141

OpenOffice Calc básico

100

25

24.11.2014

FC14143

OpenOffice Writer básico

100

25

24.11.2014 e 25.11.2014

FC14145

Os contratos administrativos. Preparación e adxudicación

100

20

3.12.2014 e 4.12.2014

FC14147

Responsabilidade patrimonial da Administración pública

100

25

25.11.2014

FC14149

Técnicas para unha boa redacción dos documentos administrativos

100

15

4.12.2014

2. As probas de avaliación terán lugar nas dependencias da EGAP, en Santiago de Compostela (rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas).

3. Na páxina web <http://egap.xunta.es> actualizarase e ampliarase a información sobre as actividades do programa de autoformación, incluído o horario de realización das probas de avaliación.

Terceira. As probas de avaliación: solicitudes de participación

1. O prazo de presentación de solicitudes de participación nas probas de avaliación das actividades do programa de autoformación comeza ás 08.00 horas do 15 de setembro de 2014 e remata ás 14.00 horas do 30 de setembro de 2014.

2. As solicitudes só poden realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula>. Entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Pode solicitarse a inscrición nun máximo de tres probas de avaliación das actividades do programa de autoformación.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude ou non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección.

6. As persoas solicitantes deben dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo teñen que indicar na solicitude.

7. A maiores, toda persoa interesada en recibir no seu teléfono móbil mensaxes de texto con información sobre o proceso de selección ten que facilitar o correspondente número.

8. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección deben remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A devandita documentación debe enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación debe presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

9. Cando nalgunha das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación non haxa un número suficiente de solicitantes que cumpran os requisitos, a EGAP poderá abrir un novo prazo de presentación de solicitudes na súa páxina web.

10. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

Cuarta. As probas de avaliación: criterios de selección

1. Con carácter xeral, a selección realizarase de acordo co previsto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG do 10 de xaneiro).

2. Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que 60 están vinculados ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e os 40 restantes á antigüidade na Administración.

3. Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). En aplicación do previsto na Resolución do 29 de xaneiro de 2014 pola que se fai público o resultado do sorteo ao que se refire o devandito regulamento (DOG do 10 de febreiro), empezarase por aqueles solicitantes cuxo primeiro apelido comece pola letra B.

Quinta. As probas de avaliación: publicación da relación do persoal seleccionado

1. Para cada proba de avaliación das actividades do programa de autoformación, a EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación na que figurará o alumnado seleccionado para participar e mais o situado nos primeiros postos da listaxe de agarda. A información tamén se enviará por correo electrónico e, no caso das persoas que facilitasen o correspondente número, por telefonía móbil. Aquelas persoas que non figuren na relación estarán, ou ben situadas nun posto máis afastado na listaxe de agarda ou ben excluídas en aplicación destas bases.

2. O prazo de presentación de alegacións é de tres días hábiles contados desde o día da devandita publicación.

3. Transcorrido o prazo de presentación de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva das persoas admitidas para participar nas probas de avaliación.

Sexta. As probas de avaliación: cambios ou substitucións na selección e renuncia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poden renunciar á proba de avaliación da actividade do programa de autoformación:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP nun prazo de cinco días hábiles contados desde o día da publicación da listaxe definitiva das persoas seleccionadas. Na páxina web da EGAP está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto pódese utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. As probas de avaliación: desenvolvemento

1. As probas de avaliación das actividades do programa de autoformación teñen o seguinte formato:

Actividade do programa de autoformación: horas

Proba de avaliación

Preguntas tipo test: número

Tempo dispoñible: minutos

Tentativas

Respostas incorrectas: desconto

Superación: porcentaxe de respostas correctas

30

40

60

Unha

Non

70 %

25

20

30

45

15

Para superaren as probas de avaliación, os alumnos deberán responder de forma correcta un 70 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

2. É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Levarase a cabo un único chamamento por orde alfabética.

3. As persoas participantes deben presentarse provistas do DNI ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

4. Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

5. Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas de avaliación.

6. As persoas que se inscriban e non se presenten ás probas de avaliación pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. O certificado de equivalencia

1. As persoas que superen a proba de avaliación obterán o correspondente certificado de equivalencia.

2. Este certificado equivale a un de aproveitamento polas horas previstas na correspondente actividade do programa de autoformación.

Novena. As facultades da EGAP

1. Correspóndelle á EGAP dispor canto sexa necesario para o cumprimento do previsto nesta convocatoria e para a resolución das incidencias que se produzan. Tendo en conta as circunstancias relativas á organización das probas de avaliación das actividades do programa de autoformación, a EGAP pode modificar o desenvolvemento, os contidos e as datas das probas e mesmo suprimilas.

2. A EGAP pode suspender ou cancelar as probas de avaliación das actividades do programa de autoformación nas que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas. As persoas afectadas disporán de todos os datos no enderezo <http://egap.xunta.es>. A información tamén se enviará por correo electrónico e, no caso das persoas que facilitasen o correspondente número, por telefonía móbil.

3. A execución material de todo o previsto nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e mais á correspondente autorización do gasto.