Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 15 de abril de 2014 Páx. 17422

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 3 de abril de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva dos buques pesqueiros, cofinanciadas nun 75 % co Fondo Europeo de Pesca ,e se convocan para o exercicio 2014.

O Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo, relativo ao Fondo Europeo de Pesca (FEP), define o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro para o período 2007-2013.

O devandito regulamento tenta adaptar a frota pesqueira comunitaria, de xeito que se poida conceder axuda pública para a paralización definitiva de buques pesqueiros afectados por plans de axuste do esforzo pesqueiro, segundo se establece no artigo 21 do Regulamento (CE) nº 1198/2006. Estes plans de axuste do esforzo pesqueiro refírense a plans de recuperación, plans de xestión, plan nacional de desmantelamento, medidas de urxencia da Comisión, medidas de urxencia do Estado membro, medidas dos Estados membros dentro das 12 millas mariñas e medidas dos Estados membros aplicables unicamente aos buques pesqueiros que enarboran o seu pavillón.

Segundo a Decisión C (2012)9373 de execución da Comisión, que modifica a Decisión C(2007)6615, a taxa media de cofinanciamento do FEP é dun 75 % en todas as medidas.

Ao abeiro deste regulamento, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou as bases reguladoras das axudas á paralización definitiva, mediante a Orde do 23 de abril de 2013 (DOG n.º 88, do 8 de maio de 2013). Cómpre agora facer unha modificación puntual pero estímase máis axeitado publicar novamente toda a orde de bases reguladoras para facilitar aos interesados a súa consulta.

Por todo isto, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas á paralización definitiva das actividades de pesca de buques pesqueiros, de conformidade co disposto no artigo 23 do Regulamento (CE) 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca, para o período 2007-2013, así como proceder á súa convocatoria para o exercicio 2014.

Artigo 2. Finalidade das axudas

A finalidade das axudas reguladas nesta orde é adecuar a capacidade pesqueira da frota coa dispoñibilidade dos recursos mariños mediante a redución do esforzo pesqueiro e, así, lograr un equilibrio sustentable que asegure que a pesca siga sendo unha actividade de desenvolvemento económico para esta comunidade.

A paralización definitiva poderase materializar por despezamento, asignación definitiva a tarefas non pesqueiras ou reconversión en arrecifes artificiais.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo ás aplicacións orzamentarias que sinale a correspondente lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Mediante a correspondente orde de convocatoria fixarase o crédito anual existente durante o período de elixibilidade do actual programa operativo (2007-2013), que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2007 ata 31 de decembro de 2015, segundo dispón o artigo 55.1 do Regulamento (CE) nº 1198/2006.

3. Os importes fixados en cada convocatoria, así como as aplicacións a que se imputen, poderanse ampliar con fondos incorporados e remanentes adicionais, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. Para o ano 2014 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.30.723A.770.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para ese ano. O crédito máximo de concesión destas subvencións neste ano será de 13.299.400,00 €.

6. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEP nun 75 % e do Estado membro nun 25 %.

Artigo 4. Requisitos dos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os propietarios de buques pesqueiros da 3º lista do Rexistro de Matrícula de Buques que cumpran os seguintes requisitos:

a) O buque ten que ter unha antigüidade mínima de dez anos, ter o seu porto base na Comunidade Autónoma de Galicia e atoparse de alta no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e no Censo de frota pesqueira operativa.

b) O buque deberá ter unha actividade pesqueira mínima de 90 días de pesca en cada un dos dous períodos de doce meses anteriores á data de solicitude de paralización definitiva ou, 120 días de pesca nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de paralización definitiva.

c) O buque non deberá estar achegado como baixa para unha nova construción ou modernización.

d) O buque ten que estar incluído nun plan do axuste do esforzo pesqueiro segundo o artigo 21, letra a), do Regulamento (CE) nº 1198/2006, relativo ao Fondo Europeo de Pesca.

Se ao longo do exercicio orzamentario se aprobaren novos plans de axuste do esforzo pesqueiro e existir crédito orzamentario suficiente, abrirase un novo prazo de presentación de solicitudes para as embarcacións que estean afectadas polos ditos plans.

e) Ao solicitar a axuda, o buque debe estar libre de cargas e gravames, salvo que a súa cancelación estea suficientemente garantida ou se presente autorización expresa da entidade crediticia para solicitar esta axuda.

f) O buque deberá estar en condicións de navegar e realizar a actividade pesqueira nas condicións que exixe a normativa en vigor.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os solicitantes da axuda, antes de que se dite a proposta de resolución, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teren pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. A presentación da solicitude suporá a autorización ao órgano xestor destas axudas, para obter dos organismos competentes os certificados de que se atopa ao día no cumprimento das ditas obrigas. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao interesado.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

Os beneficiarios deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Executar as actuacións obxecto da subvención dentro do prazo conferido para o efecto, e con cumprimento das condicións establecidas na respectiva resolución de concesión e demais normativa de aplicación. Excepcionalmente, en casos xustificados, logo de petición do interesado, os prazos poderán ser prorrogados por resolución expresa do secretario xeral do Mar.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente ou calquera outra comprobación ou control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outro órgano de control competente, tanto nacional como comunitario, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción do último pagamento, para os efectos de comprobación e control.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente tanto público como privado.

f) Comunicar á Consellería do Medio Rural e do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

h) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado, con expresa mención á participación do Fondo Europeo de Pesca, nos termos regulamentariamente establecidos.

l) No caso das frotas que teñan dereitos de pesca asignados de xeito individual, o propietario do buque que se vaia paralizar deberá comprometerse a traspasar o 100% dos dereitos de pesca a buques con porto base en Galicia ou a buques de empresas que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia. A permanencia do receptor na nosa comunidade (porto base ou domicilio fiscal) terá que ser por un tempo de 5 anos desde que se realice a transferencia de dereitos. O seu incumprimento implicará o reintegro pro rrata temporis da axuda. Para este efecto, para proceder ao pagamento cubrirase o anexo VI desta orde.

m) Con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión da axuda, o buque debe estar de alta no Censo de frota pesqueira operativa e no Rexistro de Buques Pesqueiros de Galicia.

Artigo 6. Contía das axudas

A contía das axudas será como máximo a seguinte:

a) Prima por despezamento:

Categoría por tonelaxe do buque (GT) Importe máximo da prima (€)

0 < 10 11.500 x GT + 2.100

10 < 25 5.250 x GT + 65.100

25 < 100 4.410 x GT + 86.100

100 < 300 2.835 x GT +243.600

300 < 500 2.310 x GT + 401.100

500 ou máis 1.260 x GT + 926.100

b) Prima por afundimento para a reconversión en arrecifes artificiais: mesmo baremo que o despezamento.

c) Prima no caso de que o buque se reconverta a tarefas non pesqueiras de carácter non lucrativo: mesmo baremo que o despezamento.

d) Prima no caso de que o buque se reconverta a tarefas non pesqueiras de carácter lucrativo: os importes máximos da prima por despezamento reduciranse nun 50 %.

2. Os importes máximos veranse reducidos nun 1 % por cada ano que sobrepase os vinte anos ata un máximo de 30 anos ou máis.

3. A contribución pública desta axuda poderá chegar ao 100 %.

4. As primas por paralización definitiva non serán acumulables con outra axuda comunitaria. Estas primas reduciranse:

– Nunha parte do importe percibido anteriormente no caso de axuda á modernización. Esta parte calcularase proporcionalmente ao tempo transcorrido desde o remate dos traballos de modernización, tomando como tal a data contable do último pagamento da axuda, ata a data de presentación da solicitude da axuda á paralización, dentro do período de cinco anos que preceden a paralización definitiva.

– No caso de perda do buque ou sinistro entre o momento da concesión da axuda e a paralización definitiva real, efectuarase unha corrección financeira equivalente á indemnización pagada polo seguro.

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. As axudas establecidas nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra concedida por outras administracións públicas ou por entidades públicas ou privadas, sempre que non teñan financiamento parcial ou total de fondos procedentes doutro instrumento financeiro comunitario e a suma total das axudas non supere a porcentaxe máxima fixada no Regulamento (CE) 1198/2006 para a contribución pública.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os ditos límites, procederase por resolución do órgano concedente, á minoración da axuda concedida.

Artigo 8. Prazo de presentación da solicitude e documentación necesaria (anexos normalizados e documentación complementaria)

1. Para esta convocatoria de 2014 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel (en orixinal e unha copia cotexada) por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Non obstante o anterior, tamén se poderá presentar en formato papel en orixinal e unha copia cotexada no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A solicitude e demáis anexos normalizados está formada por:

– Anexo I desta orde relativo ao modelo de solicitude de axuda.

– Anexo II de declaración doutras axudas (solicitude).

– Anexo IV de compromiso de retirada da actividade pesqueira.

– Anexo V, de relación de pescadores que formen parte da tripulación do buque obxecto da solicitude de paralización cos NIF e número de afiliación no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, no momento da solicitude da axuda, acompañada da fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol de dotación do buque. No suposto de que no momento da convocatoria das axudas o buque estea traballando en caladoiros afastados, presentarase certificación da capitanía marítima coa relación da tripulación enrolada a bordo.

– Só no caso de que o solicitante sexa una pluralidade de persoas físicas:

i) Anexo III.

ii) Anexo VIII (compromiso de execución e de non disolución da agrupación ata que transcorran catro anos desde a concesión da axuda).

6. A documentación complementaria está formada por:

I. Se o solicitante é a persoa física propietaria do buque:

– Copia cotexada do DNI só no caso de non autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro de 2008) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo de 2009).

II. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

– Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

– Poder suficiente do representante no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

– Copia cotexada do DNI do representante só no caso de non autorización do representante ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro de 2008) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo de 2009).

III. Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas, deberán presentar:

– Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da axuda asinado por todos.

– Copia cotexada do DNI de cada un dos propietarios da embarcación só no caso de non cubrir no anexo III a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG nº 221, 13 de novembro de 2008) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo de 2009); e CIF da comunidade de bens ou sociedade civil.

– Copia cotexada da escritura de constitución e porcentaxe de participación de cada un dos seus membros, só no caso de no presentar o anexo III. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación.

IV. Outra documentación:

– Se o buque está en réxime de gananciais, autorización do cónxuxe ou parella de feito para a presentación do buque ás axudas de paralización definitiva.

– Certificación do Rexistro Mercantil en que conste a titularidade e o estado de cargas ou gravames do barco.

– Certificación de despachos, expedida pola capitanía marítima correspondente, acreditativa de que o buque foi despachado para a actividade pesqueira. Ademais, a Administración poderá requirir calquera outra documentación coa finalidade de acreditar que realmente se realizaron os días de actividade pesqueira do artigo 4 letra b.

– Copia certificada e actualizada da folla de asento do buque.

– No caso de que o buque esté afectado polo establecido no artigo 11, número 2, letra d), o solicitante da axuda deberá indicar nun documento o convenio ou acordo a que fai referencia o devandito artigo e achegar certificación acreditativa deste feito, expedida pola entidade correspondente.

Artigo 9. Tramitación das solicitudes, resolución e recursos

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota da Consellería do Medio Rural e do Mar, como órgano instrutor dos expedientes, elaborará unha listaxe de puntuación provisional con todos os expedientes presentados, que remitirá as delegación territoriais para efectos informativos. Posteriormente analizará os expedientes e requirirá a documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos e, se así non o fixer, terase por desistido da súa solicitude. Sen prexuízo do anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez instruído o expediente, remitirase a unha comisión de selección formada pola subdirectora xeral de Innovación Tecnolóxica, o xefe do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota e unha persoa funcionaria do Servizo de Innovación Tecnolóxica da Frota, que emitirán un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada. Con aqueles expedientes que reúnan os requisitos e a documentación necesarias elaborarán unha proposta de expedientes priorizada ata onde cheguen as dispoñibilidades orzamentarias. A devandita proposta remitirase á Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Acadado o acordo entre ambas as administracións, elevarase á conselleira do Medio Rural e do Mar para a súa resolución, quen poderá delegar no secretario xeral do Mar.

4. En caso da imposibilidade de asistir dalgún dos membros da comisión de selección, indicada na alínea anterior, poderá ser substituído por quen designe o secretario xeral do Mar.

5. A resolución de concesión indicará entre outros aspectos, os compromisos asumidos polos beneficiarios, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo de Pesca, os prazos e modo de pagamento da subvención, o prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se cobra a subvención

6. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de sete meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. Unha vez notificada a devandita resolución, o interesado terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para aceptala. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

8. Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no punto 6 deste artigo, ao interesado non lle é notificada a resolución, entenderase desestimada por silencio negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo de tres (3) meses, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

9. Os expedientes que non cumpran os requisitos contidos nestas bases e na normativa de aplicación serán inadmitidos ou desestimados segundo o caso.

Artigo 10. Subrogación

1. Como norma xeral, non se admitirá a subrogación dun novo propietario do barco na condición de solicitante ou beneficiario das axudas, salvo por falecemento ou incapacidade ou porque o novo propietario sexa resultante dun proceso de fusión, un cambio de denominación da empresa ou transformación do tipo de sociedade. Deberase indicar que o que se subroga debe reunir as condicións para ser beneficiario que se exixiron ao comezo. En todos os casos deberase contar coa autorización previa da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. En calquera caso, o novo beneficiario deberá cumprir os requisitos desta orde e asumir as obrigas derivadas da concesión.

Artigo 11. Criterios de selección

1. Os criterios de selección poderanse modificar en cada convocatoria.

2. Para a convocatoria do ano 2014 os criterios de selección serán os seguintes:

a) A integración do buque no plan de recuperación de pescada sur e cigala: 45 puntos.

b) A integración do buque nun plan de axuste do esforzo pesqueiro segundo o artigo 21, letra a), alínea iv) do Regulamento 1198/2006 (Plan de xestión): 28 puntos.

c) A integración do buque nun plan de recuperación (plans de axuste do esforzo pesqueiro segundo o artigo 21, letra a), inciso i) do Regulamento (CE) nº 1198/2006), distinto do indicado na letra a): 28 puntos.

d) Restricións impostas pola non renovación dun acordo de pesca entre a Unión Europea e un terceiro país: 26 puntos.

e) Redución importante das posibilidades de pesca en virtude dun convenio internacional ou outro tipo de acordo: 25 puntos.

f) Medidas de urxencia segundo o indicado no artigo 21, letra a), inciso ii) do Regulamento 1198/2006: 15 puntos se a medida de urxencia é da Comisión.

g) A integración do buque nun plan de axuste do esforzo pesqueiro segundo o artigo 21, letra a), inciso v) do Regulamento 1198/2006: 11 puntos.

h) Medidas de urxencia segundo o indicado no artigo 21, letra a), inciso ii): 3 puntos se a medida de urxencia é do Estado membro.

i) Idade do buque: 1 punto por ano a partir dos 20 e ata os 30 anos; 0,25 puntos por ano a partir dos 30 e ata os 50 anos.

3. En caso de empate terá prioridade o buque máis antigo. A igual antigüidade, terá prioridade o de máis arqueo. A igual arqueo, terá prioridade o que presentase antes a solicitude.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en particular, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e o incumprimento dos prazos de materialización da paralización definitiva, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13. Forma de materialización da paralización definitiva

1. A paralización definitiva das actividades pesqueiras dun buque pesqueiro só poderá lograrse mediante:

a) O despezamento do buque pesqueiro.

b) A reconversión do buque, baixo pavillón dun Estado membro, para a asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca.

c) Afundimento para crear arrecifes artificiais, logo de avaliación do impacto ambiental e do cumprimento dos obxectivos que se indican no artigo 38, punto 2, letra a) do Regulamento do Fondo Europeo da Pesca.

2. No suposto da letra b) o buque non poderá cambiar ás listas 4ª e 7ª.

3. En ningún caso a exportación a terceiros países se entenderá como unha forma de materializar a paralización definitiva, polo que, no caso de que, unha vez concedida a axuda, o propietario realice a exportación do buque, entenderase decaído no seu dereito ao cobramento.

Artigo 14. Xustificación e pagamento da axuda

1. Con carácter xeral o prazo para a materialización e xustificación do despezamento será o 1 de decembro de 2014. Excepcionalmente, a resolución individual de concesión da axuda poderá dispoñer un prazo distinto. Por causas xustificadas poderá concederse unha prórroga por resolución do órgano concedente, que deberá solicitarse dentro do prazo de execución indicado na resolución. A solicitude de prórroga deberá presentarse por escrito e estar suficientemente motivada.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presente a documentación xustificativa, declararase decaído no seu dereito ao cobramento.

3. Para o pagamento da axuda é imprescindible a materialización da paralización definitiva do buque, e realizarase unha vez presentada en orixinal e unha copia cotexada no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación:

a) Acreditación da materialización da paralización definitiva:

i) No caso de despezamento:

– Certificación da capitanía marítima correspondente acreditativa de que o buque foi efectivamente despezado. Se o buque se despeza no estranxeiro, deberá acreditarse mediante certificación dun organismo habilitado para tal fin coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

– O buque debe estar dado de baixa no Censo de frota pesqueira operativa.

ii) No caso de reconversión para actividades non relacionadas coa pesca:

– Memoria explicativa do destino do buque.

– Documento da transmisión cunha cláusula pola cal o adquirente se compromete a non transmitir a embarcación nin volver a exercer a actividade de pesca.

– Estatutos da entidade a que se transfire o buque.

– Resolución da autorización da materialización da paralización mediante a súa asignación definitiva a actividades non relacionadas coa pesca.

– O cambio de lista debe estar materializado.

– O buque debe estar dado de baixa no Censo de frota pesqueira operativa.

iii) No caso de afundimento para reconversión para crear arrecifes artificiais:

– Autorización do órgano que sexa competente.

– Baixa no Censo de frota pesqueira operativa.

b) Acreditación de ter notificado formalmente a todos os tripulantes a concesión da axuda por paralización definitiva do buque, mediante a presentación do documento de comunicación que se une como anexo VII desta orde, debidamente cuberto, acompañándoa coa fotocopia compulsada da inscrición dos tripulantes no rol do buque no momento da concesión da axuda (esto último só no caso de que os tripulantes no momento da solicitude de axuda do buque por paralización definitiva e os tripulantes no momento da concesión sexan distintos).

c) Anexo II (pagamento) relativo á declaración doutras axudas.

d) Anexo VI (compromiso dereitos de pesca).

e) Certificación do Rexistro Mercantil en que conste a titularidade do buque.

f) Calquera outra documentación que se indique na resolución de concesión da axuda.

Artigo 15. Garantías

Se ao interesado se lle conceder unha prórroga nos termos previstos no artigo 14.1 desta orde e a data para xustificación tanto material como documental dos investimentos fora no ano inmediatamente seguinte, deberá presentar ante a Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda un aval polo importe do 110 % da axuda.

Artigo 16. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se o beneficiario incumprir calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, se for o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Tamén será causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C 84/06), a comisión de infracción polo beneficiario do dereito comunitario e, en especial, das normas da Política Pesqueira Común, durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

Artigo 17. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Autorizacións do beneficiario

1. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para incluír e facer público nos rexistros públicos de axudas, subvencións, convenios e sancións os datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas conforme o establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de estar ao día nas obrigas tributarias e de Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderanlle ser requiridos ao beneficiario.

3. Igualmente, se na solicitude de axuda o interesado ou representante marca a casa correspondente (ou cobre o anexo III se é una pluralidade de persoas), esta actuación implicará a autorización ao órgano xestor para comprobar os datos de identidade mediante consulta ao Sistema de verificación de datos segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro de 2008 (DOG nº 221, do 13 de novembro de 2008) e a Orde do 7 de xullo de 2009 (DOG nº 134, do 10 de xullo de 2009). Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor, poderán ser requiridos ao beneficiario.

Artigo 19. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso.

2. De conformidade co establecido no artigo 13, punto 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial (http://webpesca.xunta.es) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional única

Delégase no secretario xeral do Mar a resolución destas axudas.

Disposición transitoria primeira

Non se poderán presentar a esta convocatoria do ano 2014 os buques que estean incluídos no Plan de xestión integral da pesca de baixura no caladoiro nacional do Cantábrico- noroeste por teren estes buques unha convocatoria específica.

Disposición transitoria segunda

Para esta convocatoria do ano 2014, a aqueles solicitantes da axuda que a tivesen concedida na convocatoria do ano 2013 e renunciasen, non a aceptasen ou se fosen declarados decaídos no seu dereito de cobramento, seralles descontado o 35 % dos puntos acadados despois de aplicar os criterios de selección establecidos no artigo 11 desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, á paralización definitiva dos buques pesqueiros aprobadas pola Orde do 23 de abril de 2013 (DOG nº 88, do 8 de maio de 2013). Non obstante, aos procedementos derivados de solicitudes presentadas ao abeiro da citada orde seranlles aplicables as súas disposicións.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral do Mar para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2014

Rosa Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file