Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 16 de abril de 2014 Páx. 17607

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 8 de abril de 2014 pola que se modifica a Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nesta consellería.

Ao abeiro do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, publicouse o 27 de decembro de 2011 a Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.

O artigo 20 da dita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente e establece, no seu ordinal segundo, o contido que debe constar nas disposicións de creación e modificación daquelas.

A implantación progresiva do sistema de información e control horario do persoal empregado público Kronos con fichaxe no ordenador determina a necesidade de establecer outros sistemas co obxetivo de poder realizar o debido control horario e a adecuada implantación da flexibilidade laboral naqueles centros da consellería nos cales aínda non se implantou o dito sistema de control horario Kronos. Como consecuencia do exposto, cómpre modificar o ficheiro denominado Recursos humanos, regulado pola Orde do 15 de decembro de 2011, incorporando dentro da súa finalidade o control horario e un sistema coa recollida de dato biométrico.

Polo exposto, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación da Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.

O ficheiro denominado Recursos humanos, no punto 1. Ficheiros baixo a responsabilidade da Secretaría Xeral Técnica, do anexo I Ficheiros de nova creación, queda modificado nos seguintes termos:

Denominación do ficheiro

Recursos humanos

Descrición da súa finalidade e usos previstos.

Ordenación da xestión do persoal da consellería: control horario (permisos, licenzas, vacacións, flexibilidade, teletraballo), ausencias de persoal, indemnización por razón de servizo, xestión dos servizos ao persoal...

Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos.

Persoal funcionario e laboral que presta os seus servizos na consellería.

Procedemento de recolla de datos.

Declaración e formularios en papel e electrónicos. Sistemas de control de fichaxe.

Procedencia dos datos.

O propio interesado ou o seu representante legal.

Administracións públicas.

De entidades privadas: mutua de prevención de riscos laborais concesionaria do servizo de vixilancia da saúde.

Estrutura básica do ficheiro.

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos).

Datos especialmente protexidos: ideoloxía, crenzas, orixe racial, saúde, vida sexual, relixión, afiliación sindical.

Datos de carácter identificativo (DNI/NIF, nome e apelidos, teléfono, enderezo, sinatura, imaxe, nº rexistro, ...).

Dato biométrico (pegada dixital).

Datos de características persoais.

Datos de información comercial.

Datos económicos financeiros e de seguros.

Datos de circunstancias sociais.

Datos académicos e profesionais.

Datos de detalle de emprego.

Datos de transaccións.

Datos relativos á comisión de infraccións.

Outros tipos de datos.

Sistema de tratamento.

Mixto.

Comunicacións ou cesións de datos.

Á mutua concesionaria do servizo de vixilancia da saúde para o persoal da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Outros órganos da Comunidade Autónoma.

Transferencias internacionais de datos a países terceiros.

Non están previstas.

Órgano responsable do ficheiro.

Consellería de Traballo e Benestar/ Secretaría Xeral Técnica.

Servizos ou unidades ante os cales poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Consellería de Traballo e Benestar/ Secretaría Xeral Técnica.

Edificio Administrativo San Caetano.

15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Nivel do ficheiro.

Alto.

Disposición adicional única. Datos dos ficheiros

Os datos dos ficheiros denominados Carné familiar; Estadías en residencias de tempo libre; Formación permanente do persoal de escolas infantís; Mediación familiar; Programa de prestación económica por fillos/as menores de tres anos; Reintegro de gastos por formación do persoal das escolas infantís; Reserva de praza en escolas infantís e cheque infantil; Títulos de familia numerosa, baixo a responsabilidade da Secretaría Xeral da Igualdade, suprimidos pola Orde do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e que quedan baixo a competencia da Consellería de Traballo e Benestar, figuran integrados no ficheiro Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar