Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 2014 Páx. 18417

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de abril de 2014 pola que se autoriza a implantación de ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e programas de doutoramento nas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, para o curso 2014/15.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e dispón, no seu capítulo VI, o procedemento de verificación e acreditación dos títulos. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola comunidade autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT). Así, coa entrada en vigor do Real decreto 99/2011, en consonancia co Decreto 222/2011, iníciase unha nova etapa de reorganización xeral dos estudos de posgrao diferenciando o máster universitario do programa de doutoramento. No Real decreto 534/2013, de modificación do Real decreto 99/2011, indícase que todos os programas de doutoramento xa verificados deben estar adaptados a el antes do inicio do curso 2014/15. Neste contexto de reorganización e adaptación do conxunto da oferta existente no SUG, as universidades do SUG presentaron as súas propostas de reorganización do conxunto dos estudos de doutoramento, diferenciando aquelas que se adaptan ás novas iniciativas recollidas na regulación contida no Real decreto 99/2011 daqueloutras que continúan inalterables ata a súa efectiva extinción con anterioridade ao 30 de setembro de 2017.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da comunidade autónoma se fará por orde da consellería competente en materia de universidades e se publicará no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Logo de seren autorizadas a implantar os estudos, as universidades quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos implicará o inicio do procedemento de supresión que determinará a revogación da autorización da súa implantación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades nas sesións do 31 de xullo e do 20 de decembro de 2013, no exercicio das súas competencias, acordou emitir informe favorable sobre a solicitude de implantación, polas universidades de Santiago de Compostela e Vigo, de determinados títulos.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Conceder autorización á Universidade de Santiago de Compostela para implantar, no curso 2014/15 na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo os estudos conducentes ao título de grao en Xestión de Pequenas e Medianas Empresas.

Artigo 2

Conceder autorización á Universidade de Vigo para implantar, no curso 2014/15, as ensinanzas universitarias oficiais de:

1. Máster universitario en Administración Integrada de Empresas e Responsabilidade Social Corporativa. Esta autorización inicia o proceso de extinción do máster universitario en Administración Integrada de Empresas: Responsabilidade Social Corporativa, Calidade e Medio Ambiente, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310603.

2. Máster universitario en Ciencias Biolóxicas: Bioloxía Molecular, Computacional e Ambiental e Bio-industrias. Esta autorización inicia o proceso de extinción dos seguintes títulos: máster universitario en Biodiversidade e Ecosistemas, autorizado polo Decreto 150/2010, do 16 de setembro (DOG do 23 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4312441, máster universitario en Ecosistemas Terrestres, Uso Sustentable e Implicacións Ambientais, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4311036, e máster universitario en Metodoloxía e Aplicacións en Bioloxía Molecular, autorizado polo Decreto 434/2009, do 3 de decembro (DOG do 15 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4310601.

3. Programa de doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional (interuniversitario). Esta autorización inicia o proceso de extinción do programa de doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional coordinado pola Universidade Autónoma de Madrid, no que tamén participa a Universidade de Vigo, autorizado polo Decreto 13/2007, do 1 de febreiro (DOG do 8 de febreiro), e que figura inscrito no RUCT co código 5310092.

Artigo 3

As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de extinción, de acordo co establecido no artigo 16.2 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria