Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 25 de abril de 2014 Páx. 18848

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 21 de abril de 2014 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Cheque infantil, e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, entre os que inclúe o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, atribúelle á Dirección Xeral de Familia e Inclusión o exercicio das políticas autonómicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garantan un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18.11.2003), así como ao seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25.7.2006) e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.312B.480.1 recollida na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014. Dado que este programa se estende na súa execución a parte do ano 2015 trátase dun gasto plurianual, polo que o importe destinado ás axudas ascenderá á cantidade de 628.878,90 euros na anualidade de 2014 e de 1.192.062,90 euros na anualidade de 2015, correspondente ao curso 2014/15.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto a regulación do proceso de concesión de axudas económicas e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención de nenas e nenos de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Tipo de axuda

1. A axuda convocada consiste nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos, ás persoas solicitantes con nenas e nenos entre 0 e 3 anos a cargo, por un período máximo de 11 meses.

2. A contía da axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, e non pode superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 159,74 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Entre o 30 % e inferior ao 50 % do IPREM

De 159,75 a 266,25 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Entre o 50 % e inferior ao 75 % do IPREM

De 266,26 a 399,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Entre o 75 % e inferior ao 100 % do IPREM

De 399,38 a 532,50 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Entre o 100 % e inferior ao 125 % do IPREM

De 532,51 a 665,63 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Entre o 125 % e inferior ao 150 % do IPREM

De 665,64 a 798,76 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150 % do IPREM e 1.000 €

De 798,77 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de catering) e incluirá, en todo caso, os alimentos.

3. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:

1.1. Renovación de praza.

Co obxecto de dar continuidade á escolarización do alumnado do curso 2013/14, terán preferencia para a concesión das axudas previstas nesta orde as persoas con responsabilidade sobre as nenas e os nenos de 0 a 3 anos que no dito curso tivesen recoñecida esta axuda. En todo caso, deberán cumprir os requisitos establecidos nesta orde para ser persoa beneficiaria.

1.2. Novas solicitudes.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias da axuda a través do programa Cheque infantil as persoas con responsabilidade sobre nenas e nenos de 0 a 3 anos:

a) Solicitantes de prazas, nas modalidades de atención educativa e atención educativa con comedor, en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que non resultaran adxudicatarias ou adxudicatarios dunha delas por falta de prazas dispoñibles, ou porque se modifiquen considerablemente as condicións en que se concedeu. Consideraranse solicitantes sempre que exercesen a opción polo programa Cheque infantil na solicitude da praza. Neste caso, estas persoas solicitantes en lista de agarda non terán que presentar a solicitude da axuda regulada nesta orde.

b) Solicitantes residentes en localidades onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que desexen obter a axuda para unha praza, nas modalidades de atención educativa ou atención educativa con comedor, nalgún centro privado existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen as nais, os pais ou as titoras ou titores legais. Neste suposto, deberán presentar a solicitude e a documentación correspondente de acordo co establecido no artigo 6.2 desta orde.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta de Galicia, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á primeira infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para o mantemento do centro.

3. As escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitantes que optaron polo programa Cheque infantil deberán remitila á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar a través do arquivo informático e da certificación da puntuación acadada que atoparán na páxina web http://benestar.xunta.es, xunto cos anexos III e IV publicados na Orde do 17 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2014/15, cubertos polas persoas solicitantes, ata o día 10 de xuño. Se no prazo establecido non se presenta as listas de agarda dos centros sostidos con fondos públicos non se procederá á súa tramitación.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias e dos centros

1. Para ser persoa beneficiaria das axudas as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter unha nena ou un neno nacida ou nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2011.

b) Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, superen o custo da praza.

2. Os centros aos que acudan as persoas beneficiarias deberán contar coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20.1.2012).

Artigo 5. Renda per cápita mensual

Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

i. As fillas e os fillos menores, con excepción dos que, con consentimento dos pais ou das nais, vivan independentes destes ou destas.

ii. As fillas e os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

iii. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente en 31 de decembro de 2012.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Non obstante, cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

Os impresos de solicitude estarán dispoñibles na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos, así como no enderezo electrónico http://benestar.xunta.es

1. Solicitudes de axuda para a renovación de praza.

Aquelas persoas beneficiarias que no curso 2013/14 gozasen da axuda do programa Cheque infantil e continúen interesadas na praza do ano anterior, deberán solicitar a axuda de renovación de praza mediante a presentación do modelo que figura como anexo I a esta orde, marcando a opción que corresponda.

A esta solicitude xuntarase a documentación a que se refiren os puntos 6.2.e) e 6.2.f), así como a documentación que corresponda no caso de producírense cambios nas circunstancias familiares.

2. Novas solicitudes de axuda.

As persoas interesadas en solicitar a axuda, que se atopen no suposto do artigo 3.1.2.b), deberán presentar a solicitude, segundo o modelo oficial do anexo I desta orde, marcando a opción que corresponda, subscrita polas nais ou pais ou representantes legais dos nenos e das nenas.

Xunto coa solicitude achegarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Autorización para que a Consellería de Traballo e Benestar solicite do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a verificación dos seus datos. No suposto de non dar a autorización, copia simple do documento nacional de identidade ou doutro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

b) Copia cotexada ou dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a situación familiar.

c) Certificado de discapacidade ou do grao ou nivel de dependencia, se é o caso, e informe dos servizos especializados na materia sobre a necesidade de integración na escola infantil do neno ou da nena para o/a cal se solicita praza, se é o caso, cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma.

d) Xustificación de ocupación ou de desemprego (no caso de persoas por conta allea: copia da última nómina, certificación de empresa ou vida laboral; no caso de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas: copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social no réxime especial de traballadores autónomos ou da correspondente mutualidade, ou certificación de ser demandante de emprego con efectos do día anterior ao comezo do prazo de presentación de solicitudes).

e) Declaración responsable de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas ou entidades privadas ou, de ser o caso, relación das solicitadas, para o cal, deberán cubrir a epígrafe correspondente da solicitude (anexo I).

f) Xustificación de ingresos:

A presentación da solicitude comportará a autorización á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar para solicitar da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, así como, das certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda tal e como se establece no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Do mesmo xeito, tamén é necesaria a autorización expresa do seu cónxuxe ou parella, para o cal deberá asinar o modelo do anexo II.

No caso de non prestar autorización deberán achegar, xunto coa solicitude, copia cotexada da declaración do IRPF ou certificado emitido pola Axencia Tributaria, relativo ao ano 2012.

Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica actual.

g) Se procede, outros documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

– Informe dos servizos sociais do concello correspondente para acreditar as responsabilidades familiares no caso de que existan membros que, non formando parte da unidade familiar, estean a cargo dela.

– Certificado de discapacidade ou do grao e nivel de dependencia da nai, do pai, do acolledor ou acolledora, do titor ou titora legal e/ou outros membros da unidade familiar, no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

– Informe médico expedido polos servizos públicos de saúde, no caso de enfermidades crónicas ou outras afeccións dos membros da unidade familiar.

– Copia cotexada do libro de familia, certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno-filiais, no caso de familia monoparental. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que a outra persoa proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

– Informe dos servizos sociais do concello correspondente, no caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais.

– Título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas na letra g), poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente.

h) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

– Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

– Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

– Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

– Calquera outra forma establecida regulamentariamente.

3. No caso de que a documentación resulte incompleta ou defectuosa, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se terá por desistido na súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, dirixidas á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio a persoa solicitante, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As persoas interesadas no programa Cheque infantil que se encontren no suposto do artigo 3.1.2.a), non precisan presentar a solicitude, considerándose solicitantes desde o momento en que formando parte das listas de agarda definitivas en calquera das escolas infantís sostidas con fondos públicos, exercesen a opción polo programa Cheque infantil.

Artigo 8. Tramitación e avaliación das solicitudes

1. Os servizos de Familia e Menores das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar serán os órganos responsables da tramitación dos expedientes.

2. A avaliación das solicitudes será efectuada pola comisión de avaliación, que se constituirá en cada xefatura territorial.

3. A comisión de avaliación estará constituída polos seguintes membros:

– Presidencia: a persoa titular do Servizo de Familia e Menores ou persoa que a substitúa.

– Vogais: tres persoas empregadas públicas da respectiva xefatura territorial, nomeadas pola persoa titular da xefatura territorial competente na materia, unha das cales actuará como secretaria/o, cos seus respectivos suplentes.

A esta comisión poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, unha persoa representante da intervención competente.

Artigo 9. Criterios de valoración das solicitudes

1. As comisións de avaliación, tendo en conta o orzamento asignado e unha vez comprobado que as persoas solicitantes reúnen os requisitos establecidos no artigo 4, elaborará a relación priorizada de persoas beneficiarias segundo os seguintes criterios:

a) Persoas beneficiarias no ano anterior e que, pola súa vez, opten por solicitar a axuda para renovar a praza do curso 2013/14.

b) O resto das peticións serán avaliadas de acordo co baremo publicado na Orde do 17 de febreiro de 2014 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería para o curso 2014/15 (DOG núm. 36, do 21 de febreiro), agás no caso de obter igual puntuación, que se lle dará prioridade á renda per cápita máis baixa.

Unha vez avaliadas as solicitudes, as comisións territoriais emitirán un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

2. O Servizo de Familia e Menores correspondente elaborará a relación provisional de persoas beneficiarias na cal constará a contía da axuda, de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Solicitantes de axuda para renovar a praza do ano anterior (sen indicación de puntuación).

b) Resto de beneficiarios (ordenada pola puntuación obtida).

3. O Servizo de Familia e Menores elevará o informe, xunto coas propostas de resolución, ao órgano competente para resolver propoñendo a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Na proposta de resolución figurarán a relación de persoas beneficiarias ordenadas segundo os criterios indicados no punto 2, co importe da axuda concedida.

As persoas que non obtivesen axuda pasarán a formar parte dunha lista de agarda segundo a orde de puntuación obtida en aplicación do baremo.

5. Con posterioridade á primeira proposta, poderanse realizar novas propostas de concesión de axudas, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e respectando a orde da lista de agarda, sen necesidade de que se reúna de novo a comisión de avaliación.

A persoa solicitante que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde, quedará excluída da lista de agarda a que se refire o punto anterior, así como da lista de agarda da escola pública, agás cando a renuncia estea motivada polo cambio substancial das condicións en que se concedeu.

6. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais do seguinte modo:

a) En primeiro lugar atenderanse as solicitudes de reserva de praza de cada xefatura territorial.

b) O crédito restante distribuirase segundo a orde de puntuación acadada polas novas persoas solicitantes.

Artigo 10. Resolución

1. Facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a resolución das axudas, por proposta do Servizo de Familia e Menores correspondente, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles por delegación ás xefas ou aos xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, que deberán resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta.

2. As xefas ou os xefes territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, á vista da proposta que lles foi elevada, ditarán a resolución pertinente en que se fixarán os termos da axuda, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, considerándose ditadas polo órgano delegante. O seu contido seralles notificado ás persoas interesadas de acordo co establecido no artigo 58.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de tres meses contados desde o día seguinte á data da publicación desta orde; transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En caso de silencio administrativo, o prazo será de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

Artigo 11. Procedemento de materialización da axuda e xustificación

1. Notificada a resolución, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de quince días naturais para achegar á xefatura territorial correspondente orixinal ou copia cotexada do xustificante de matrícula (anexo IV) do centro onde vaia acudir a nena ou neno, no que deberá constar o horario de asistencia, a data de comezo do alumno ou da alumna no centro e o importe da mensualidade desagregada por conceptos, así como o número da conta corrente en que se ingresará a axuda.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O pagamento realizarase logo da presentación da seguinte documentación, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden, e das comprobacións necesarias por parte da xefatura territorial da consellería:

– Orixinal ou copia cotexada da factura mensual emitida polo centro con indicación da cota aboada e servizos a que corresponde.

– Declaración de non percibir outras axudas para o mesmo concepto, ou de percibilas coa indicación da súa contía (anexo III).

Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente entre os días 10 e 20 do mes a que se refire o servizo.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión

Poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, con carácter excepcional, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concorrencia dalgunha das circunstancias seguintes:

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. Cando o custo da praza fose inferior a axuda concedida, procederase á modificación da resolución coa minoración da contía correspondente.

Unha vez concedida a subvención unicamente se pode variar o tipo de servizo solicitado, polas seguintes circunstancias, sobrevidas e xustificadas documentalmente:

a) Pasar á situación de desemprego ou outros motivos de carácter laboral.

b) Enfermidade grave das nais ou dos pais ou representantes legais.

c) Situación de nulidade, separación ou divorcio.

Artigo 13. Baixas

Serán causas de baixa no programa Cheque infantil, o que comportará consigo a perda da axuda, algunha das circunstancias seguintes:

1. Non presentar o documento acreditativo de ter efectuada a matrícula no centro elixido.

2. Non presentar a documentación xustificativa relacionada no punto 3 do artigo 11.

3. A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ademais especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

Artigo 15. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como os compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Disposición adicional primeira

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de competencias nas persoas titulares das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar os gastos e ordenar os correspondentes pagamentos ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional cuarta

As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional quinta

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos recollidos nas solicitudes incorporaranse a un ficheiro baixo a responsabilidade da Consellería de Traballo e Benestar, para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a directora xeral de Familia e Inclusión para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file