Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2014 Páx. 19412

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2014, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas que hai que revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

A Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural ten por obxecto establecer medidas para favorecelo e establecer que a súa aplicación práctica se planifique mediante o Programa de desenvolvemento rural sustentable, que foi aprobado mediante Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014, en aplicación da Lei 45/2007.

A publicación da Lei 7/2009, do 3 de xullo, de medidas urxentes en materia de telecomunicacións, estableceu que a Corporación de Radio e Televisión Española e as sociedades concesionarias do servizo de interese xeral de televisión dixital terrestre de ámbito estatal están obrigadas a poñer, conxuntamente, os canais que emiten en aberto a disposición, polo menos, dun mesmo distribuidor de servizos por satélite ou dun mesmo operador de rede de satélites, constituíndo unha solución de difusión por satélite que permite universalizar o servizo de televisión.

Segundo o Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndelle á Secretaría Xeral de Medios a execución da política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual e, entre outras, o exercicio das funcións de dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

O 7 de maio de 2012, asinouse o convenio específico entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais. No convenio recóllense no anexo 1, eixo 2, medida artigo 26 e actuación CA.3 (2.26.CA.3), entre outras, as accións singulares que se realizarán durante os anos 2012 a 2015 nas zonas que hai que revitalizar para o establecemento de servizos de telecomunicación en áreas remotas, consistente en subvencións para a adquisición dos equipos de telecomunicación satelital para dispoñer do servizo de televisión dixital terrestre. Estas actuacións singulares perseguen o obxectivo de investir na dotación de equipos de radio de telecomunicación satelital para o acceso ao servizo de televisión dixital terrestre a entidades locais, familias, empresas ou entidades sen ánimo de lucro titulares de edificios ou instalacións, ao que non poden acceder por outros medios.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións destinadas á adquisición de equipamento para a recepción das canles do servizo público e de interese xeral da televisión dixital terrestre satelital.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.

Segundo. Solicitudes

1. Para ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que figuran como anexos desta resolución, que irán acompañados dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. A solicitude deberá presentarse na forma e no prazo establecidos no dito artigo 6 das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Durante o prazo de presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e avaliadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior a tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Cuarto. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PR527B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral de Medios a través das seguintes canles:

a) Sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es

b) Páxina web oficial da secretaría http://medios.xunta.es, na súa epígrafe de «Axudas e subvencións».

c) Os teléfonos da devandita secretaría xeral:

– Para cuestións administrativas: 981 54 43 81.

– Para cuestións técnicas: 981 54 43 30.

d) Enderezo electrónico: xestion.sxm@xunta.es

e) Presencialmente, nas dependencias da Secretaría Xeral de Medios en Edificios Administrativos de San Caetano-Santiago de Compostela.

Quinto. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Secretaría Xeral de Medios, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2014

Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a familias para a adquisición de equipamentos para a recepción do servizo público e do servizo de interese xeral da televisión dixital terrestre por vía satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas que hai que revitalizar
do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia

Artigo 1. Obxecto, réxime das subvencións e tramitación electrónica do procedemento

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto posibilitar o acceso ao servizo público e ao servizo de interese xeral da televisión dixital terrestre vía satélite nas zonas con deficiencia de cobertura das redes terrestres aos beneficiarios definidos no artigo 4 das presentes bases.

Estas axudas xestionaranse a través de entidades colaboradoras, encargadas da subministración do equipamento e os trámites necesarios para a activación do servizo, actuando tamén como canle entre os beneficiarios solicitantes e a Secretaría Xeral de Medios. Para estes efectos, os solicitantes destas subvencións, pola simple presentación da solicitude, prestan o seu consentimento á entidade colaboradora correspondente para que esta efectúe no seu nome todos os trámites encamiñados á obtención da subvención nos termos previstos nestas bases. Os beneficiarios terán completa liberdade para elixir a empresa instaladora que prefira de entre as adheridas á convocatoria para actuar como entidade colaboradora. A relación de entidades colaboradoras, así como o orzamento de referencia de cada unha delas, está dispoñible na páxina web oficial da secretaría:

http://medios.xunta.es

Estas bases reguladoras establecen a tramitación do procedemento por medios electrónicos, a través das entidades colaboradoras seleccionadas, nos termos previstos no título III da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no capítulo V do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O procedemento de concesión das devanditas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Ámbito territorial

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre por satélite en vivendas ou edificacións localizadas en zonas sen cobertura de televisión dixital terrestre nos concellos situados nas zonas rurais cualificadas como «a revitalizar» no Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014 en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural. Os concellos son os sinalados a continuación:

Zona rural.

– Lugo central: Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Portomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade.

– Montaña luguesa: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto.

– Depresións ourensás e terras do Sil: Baltar, Bande, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, A Gudiña, Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, A Teixeira, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Terán a consideración de subvencionables os gastos derivados da adquisición de equipamento para o acceso ao servizo público e ao servizo de interese xeral de televisión dixital terrestre vía satélite. O dito equipamento consistirá como máximo nunha antena parabólica de recepción cos seus complementos, cableado para 1 toma de usuario e 1 receptor de TDT por satélite. Só se subvencionará un equipamento por enderezo e titularidade.

A entidade colaboradora deberá instalar o equipamento e tramitar a activación do servizo, deixándoo plenamente operativo e debendo incluír todos estes aspectos no orzamento e na factura do beneficiario.

Artigo 4. Beneficiarios

4.1. Os destinatarios das subvencións son as familias titulares ou residentes en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia.

Para os efectos do previsto neste punto, terán a consideración de familias as constituídas por un ou máis membros. No caso de que a familia estea constituída por máis dun membro solicitarase a axuda por un dos membros da unidade familiar en representación de todos eles, de acordo co establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, e segundo o sinalado no artigo 1 da Lei 7/2009, do 3 de xullo, de medidas urxentes en materia de telecomunicacións, o servizo de televisión dixital terrestre por satélite, está limitado aos cidadáns que residan en zonas nas que, unha vez concluída a transición á televisión dixital terrestre, non vaia existir cobertura do servizo de televisión dixital terrestre de ámbito estatal.

4.2. En todo caso, os beneficiarios deberán reunir as seguintes condicións:

a) Non dispoñer de cobertura dalgunha canle do servizo público ou do servizo de interese xeral de televisión dixital terrestre.

b) A axuda solicitarase para o enderezo de residencia ou vivenda da súa propiedade. Para acreditar a titularidade, o solicitante deberá presentar algún dos seguintes documentos:

• Contrato de arrendamento en vixencia.

• Escritura pública debidamente inscrita no rexistro correspondente que acredite a titularidade ou dereito do uso do inmoble.

• Certificado catastral ou de empadroamento no domicilio para o que se solicita a axuda.

• Xustificante acreditativo do pagamento do IBI correspondente ao último período recadatorio, no que conste a referencia catastral para a que se solicita a axuda.

c) Non ser ou ter sido beneficiario doutra subvención para o mesmo obxecto.

d) Tramitar a solicitude exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras que sexan seleccionadas pola Secretaría Xeral de Medios en procedemento público e aberto.

4.3. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

4.4. Non poderán solicitar a subvención nesta convocatoria as familias ás que se lle concedeu a axuda para a súa vivenda na convocatoria do ano 2013.

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

5.1. Ás subvencións obxecto desta resolución destínase un orzamento total de 206.340,00 €, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 04.20.461B.780.0 do orzamento de gastos da Secretaría Xeral de Medios para o ano 2014.

Este crédito está cofinanciado nun 50 % con fondos procedentes do convenio de colaboración subscrito con data do 7 de maio de 2012, entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e avaliación das actuacións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais.

A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e no caso de esgotamento dos fondos, a Administración publicará esta circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Xunta de Galicia, o cal suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario no suposto de ampliación da partida orzamentaria destinada a esta finalidade.

Para os efectos do cumprimento no anterior punto, a orde de presentación das solicitudes será a que resulte da data de presentación da solicitude pola entidade colaboradora na aplicación informática que se habilite para o efecto.

5.2. A contía da axuda acadará o 100 % do investimento subvencionable, ata un máximo de 300 euros, IVE incluído.

5.3. As axudas non serán compatibles con ningún outro tipo de axuda que poida recibir o beneficiario para o mesmo propósito.

Artigo 6. Forma de presentación e contido das solicitudes

6.1. A presentación de solicitudes realizarase exclusivamente a través de calquera das entidades colaboradoras seleccionadas para este réxime de axudas.

6.2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2014.

No caso de esgotamento do crédito, e de acordo co establecido no artigo 5, a Administración publicará por medios electrónicos a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores.

6.3. A presentación das solicitudes polas entidades colaboradoras (anexo II) realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Acompañarán, así mesmo, a seguinte documentación:

– Anexo III cuberto e asinado polo beneficiario: formulario de autorizacións e declaracións, que lle será facilitado ao solicitante pola entidade colaboradora. No dito formulario de autorizacións e declaracións recollerase a autorización ou denegación expresa do interesado para comprobar a veracidade do seu documento nacional de identidade, nos termos previstos na Orde do 12 de xaneiro de 2012, pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia.

– Xustificación técnica de que a vivenda se atopa en zona con deficiencia de cobertura de televisión dixital terrestre.

– Orzamento desagregado das actuacións que se van realizar.

– Documentación acreditativa da titularidade da vivenda, segundo se recolle no artigo 4.2.b) das presentes bases.

6.4. A documentación complementaria sinalada no punto anterior presentarase electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade colaboradora, carecendo do carácter de copia auténtica.

A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.

Artigo 7. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais.

Revisarase a documentación presentada coa solicitude de axuda e comprobarase a súa adecuación ás bases reguladoras e á normativa de aplicación, así como as dispoñibilidades orzamentarias para atender as solicitudes.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase á entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

De acordo coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 3.e) da Resolución do 21 de xaneiro de 2013 pola que se aproban as bases e se convoca a selección de entidades colaboradoras na xestión das subvencións para a adquisición e instalación de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital, en canto aos requisitos que deben cumprir as referidas entidades colaboradoras, o requirimento de emenda efectuarase empregando medios electrónicos para as notificacións de maneira que, cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Artigo 8. Resolución de concesión das axudas

Verificado o cumprimento das condicións de beneficiario e a reserva de fondos dispoñibles, notificarase electronicamente á entidade colaboradora a aprobación da solicitude e esta disporá dun prazo máximo dun mes para solicitar a activación do servizo de TDT-Sat.

Se, aprobada a solicitude, a entidade colaboradora non pode atender o compromiso contraído, xa sexa por motivos técnicos ou de prazos, deberá comunicalo coa maior brevidade posible tanto á Secretaría Xeral de Medios como ao solicitante, para que este poida optar por contratar con outra entidade colaboradora das adheridas ao programa, sempre que se encontre dentro do prazo habilitado para a realización deste. O incumprimento deste punto poderá dar lugar á perda de condición de entidade colaboradora.

O órgano competente para a resolución das axudas é a Secretaria Xeral de Medios.

O prazo máximo para resolver e notificar as subvencións será de tres meses; transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa os solicitantes poderán entender rexeitadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 9. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Someterse ás actuacións de inspección e control da Xunta de Galicia, así como dos órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

2. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións (artigo 14.k) da Lei de subvencións de Galicia).

3. Incluír as ditas axudas na correspondente declaración do IRPF.

Artigo 11. Xustificación e tramitación do pagamento das axudas a través das entidades colaboradoras

11.1. Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da xustificación das axudas que facilite tamén a presentación agrupada dos proxectos, e que será de uso obrigatorio para as entidades colaboradoras.

11.2. A entidade colaboradora disporá do prazo de 2 meses que comezará a contar desde a aprobación da solicitude de axuda para presentar a factura e demais documentación xustificativa correspondente á solicitude aprobada. En todo caso, o prazo límite de xustificación terminará o 31 de outubro, aínda que non transcorreran os dous meses desde a aprobación da solicitude.

Na factura, a entidade colaboradora aplicará ao beneficiario un desconto equivalente ao importe da subvención (ata un máximo de 300 euros, IVE incluído), debendo figurar na factura o referido importe co texto «Subvención Xunta de Galicia-Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente-PDRS de Galicia: equipamento TDT satélite».

Co fin de que a entidade colaboradora poida recuperar o importe descontado na factura ao beneficiario, este deberá ceder os dereitos de cobramento da axuda á entidade colaboradora, autorización que consta no formulario de autorizacións e declaracións (anexo III).

11.3. Co fin de que a Secretaría Xeral de Medios tramite o aboamento da axuda ás entidades colaboradoras, estas deberán presentar a seguinte documentación:

a) Certificación da entidade colaboradora da relación de equipos TDT-Sat instalados, indicando para cada beneficiario:

– Código de expediente.

– Número, importe e data da factura.

– Código da solicitude de activación do receptor na plataforma TDT-Sat.

b) Certificado asinado polo instalador de ter realizado a instalación e comprobado o correcto funcionamento desta por cada beneficiario.

c) Copia da factura emitida a cada beneficiario e xustificante acreditativo do seu pagamento.

d) Solicitude de pagamento da subvención pola entidade colaboradora.

e) Escrito de conformidade do beneficiario da subvención da correcta instalación do equipamento por parte da entidade colaboradora.

11.4. A Secretaría Xeral de Medios poderá solicitar da entidade colaboradora ou do beneficiario calquera información complementaria que poida considerar para comprobar a adecuada xustificación material e formal da execución da actuación.

11.5. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, a Secretaría Xeral de Medios realizará periodicamente propostas de pagamento polo total da subvención concedida para reintegrar ás entidades colaboradoras os importes das axudas anticipadas por estas.

Estas contías que ingresará a Xunta de Galicia mediante transferencia bancaria ás entidades colaboradoras non supoñen ningún tipo de subvención ás devanditas entidades, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

11.6. En referencia á acreditación por parte dos beneficiarios de atoparse ao día das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración pública da Comunidade Autónoma así como coa Seguridade Social, estarase ao disposto no artigo 31.7.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao artigo 11.i) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, en relación coa exención do dito trámite para o caso de axudas con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, «Transferencias de capital», destinadas a familias e institucións sen fins de lucro, cando non superen os 3.000 euros individualmente.

De acordo co exposto, no anexo III recóllese a declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

11.7. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Actuacións de comprobación e control

A Xunta de Galicia realizará os controis administrativos e sobre o terreo previstos no Regulamento (UE) nº 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, así como as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada e a axeitada realización das actuacións subvencionables.

Así mesmo, os beneficiarios someteranse ás actuacións de comprobación e control que poidan realizar os órganos de control autonómicos, estatais e comunitarios.

Artigo 13. Incumprimentos e obrigas de reintegro

De acordo co artigo 5 do Regulamento (UE) nº 65/2011, procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora producidos desde o momento da notificación da obriga de reembolso, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II, «Do reintegro de subvencións», da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da devandita Lei 9/2007.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

– Recurso potestativo de reposición ante a Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

– Recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Obrigas de publicidade

Dado que os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, son de contía inferior a 3.000 €, non será necesario a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Secretaría Xeral de Medios, segundo o disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007.

Neste senso, e de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Secretaría Xeral de Medios publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e os importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución, así como as sancións que se poidan impoñer. Polo tanto, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 16. Protección de datos

A Xunta de Galicia velará polos datos de carácter persoal incorporados a este procedemento administrativo e estarase ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na súa normativa de desenvolvemento. Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros agás de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 17. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007. Así mesmo, haberá que aterse ao disposto na normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

missing image file
missing image file
missing image file