Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19720

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto experimental Educación Dixital durante o curso 2014/15.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón dunha estratexia de incorporación das novas tecnoloxías ao proceso educativo en todos os seus ámbitos, o proxecto Abalar, entroncada na súa estratexia xeral de incorporación de Galicia á Sociedade da Información e do Coñecemento e nos seus programas transversais de desenvolvemento e promoción das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

A incorporación das TIC á educación, en xeral, e aos procesos ensino-aprendizaxe, en particular, é xa unha realidade en Galicia e móstrase como unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir o obxectivo dunha mellor calidade educativa. En efecto, os recursos dixitais non só fan accesibles os contidos necesarios para o proceso educativo nunha presentación distinta da tradicional, de libro a libro ou contido dixital, senón que proporcionan novas oportunidades para un maior desenvolvemento das competencias clave para o alumnado e para o desenvolvemento de novas metodoloxías docentes máis acordes coa transformación educativa en marcha.

As experiencias piloto levadas a cabo nestes últimos cursos no uso de contidos dixitais en distintos centros de Galicia permitiron ir axustando os parámetros necesarios para acadar unha implantación exitosa desta experiencia.

O proxecto experimental de educación dixital trata de proporcionar aos centros educativos a posibilidade de presentar un proxecto integral para a incorporación de materiais dixitais en todas as materias de 5º de educación primaria, para isto dispoñerán do apoio da Administración en forma de provisión de materiais e libros dixitais, así como unha contorna virtual de aprendizaxe que permita desenvolver todo o potencial e dea soporte ao proxecto. Ademais, contarán co apoio da Rede de formación permanente do profesorado e a supervisión da Inspección Educativa.

O proxecto diríxese aos centros que están na Rede Abalar, centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro, apoiado e coñecido pola comunidade educativa, e en especial polas familias, que se verán beneficiadas ademais con aforros en custos derivados dos materiais educativos. Por outra banda, posibilitarase o maior aproveitamento do equipamento das aulas dixitais do proxecto.

Ademais, séguese a traballar constantemente na ampliación do repositorio de contidos do espazoAbalar, que actualmente supera os 2.000 recursos, como opción para complementar o proxecto educativo dixital dos centros.

A fin de convocar os centros ao proxecto experimental de educación dixital,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Convocar e establecer as bases para a selección de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que se incorporarán no curso 2014/15 ao proxecto experimental Educación Dixital (E-DIXGAL).

Segundo. O proxecto Educación Dixital

O proxecto Educación Dixital (E-DIXGAL) ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, facilitando aos centros adscritos á Rede Abalar a dispoñibilidade de libros e outros materiais dixitais cos cales poidan desenvolver o seu proxecto na totalidade do currículo de 5º de educación primaria no curso 2014/15, ampliándose a outros cursos e etapas nos anos seguintes.

Os centros adscritos a este proxecto terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os centros deberán utilizar, se é o caso, exclusivamente materiais dixitais na totalidade das materias, que poden proceder desta contorna e/ou ser proporcionados polo centro.

Terceiro. Destinatarios

Poderán participar no procedemento de selección da presente convocatoria os centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Rede Abalar que impartan no curso 2014/15 ensinanzas de 5º de educación primaria.

Cuarto. Requisitos e compromisos dos centros educativos

1. Para que un centro poida participar neste proceso de selección é necesario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Presentar un proxecto segundo o seguinte guión:

1) Introdución descritiva do contexto do centro.

2) Xustificación da solicitude.

3) Obxectivos.

4) Experiencia educativa coas TIC no centro.

5) Modelo organizativo e metodolóxico previsto para o desenvolvemento do proxecto e para garantir a súa continuidade.

6) Actividades de formación permanente (proxectos de formación ou innovación, seminarios, grupos de traballo, etcétera), e outras relacionadas coas TIC desenvoltas no centro durante os últimos cinco anos.

7) Tipo de conexión á rede, indicando a súa velocidade de baixada nominal e real.

8) Procedemento de avaliación interna do desenvolvemento do proxecto, especificando os indicadores de logro vinculados aos obxectivos propostos.

9) Calquera información que se considere relevante e que poida ser tida en conta para a selección do centro.

b) Compromiso, asinado polo/a directora do centro, de utilizar exclusivamente materiais dixitais en todas as áreas e grupos de 5º de educación primaria durante o curso 2014/15 e nos cursos posteriores.

c) Propoñer unha persoa coordinador/a do proxecto. En centros públicos debe ser funcionaria docente e preferentemente con destino definitivo no centro.

d) O centro deberá contar cunha conexión de datos cunha velocidade nominal mínima de baixada de 2 Mbps.

2. A selección do centro para participar neste proxecto implicará, pola súa gratuidade, a exclusión expresa como beneficiario do alumnado de 5º de educación primaria das axudas ou subvencións para adquisición de libros de texto que, se é o caso, convoque a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Os centros educativos que sexan seleccionados mediante esta resolución deberán asumir, polo menos, os seguintes compromisos:

a) Desenvolver o programa segundo as pautas establecidas no proxecto presentado, que se incorporará ao proxecto educativo do centro, e impulsar a súa continuidade, cando menos, durante tres cursos escolares e en función da súa avaliación.

b) O centro, en colaboración coa Administración educativa, realizará unha adecuada divulgación da iniciativa entre toda a comunidade educativa, con especial incidencia no alumnado e nas familias, de xeito que se proporcione a información necesaria e se realice a adecuada sensibilización en relación con esta programa.

c) O centro realizará un seguimento periódico das actuacións previstas no programa, cando menos con carácter trimestral, e reflectirá documentalmente as circunstancias e os resultados acadados, segundo as indicacións que, se é o caso, estableza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

d) O profesorado implicado e o equipo directivo, segundo corresponda, deberán participar nas actividades de formación vinculadas ao proxecto que se planifiquen tanto desde o centro como desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

e) O centro garantirá a participación activa da persoa coordinadora do proxecto e dalgún membro do equipo directivo nas reunións de traballo que desde a Administración educativa se establezan.

f) A comunidade educativa terá que participar activamente no deseño, aplicación e avaliación das actuacións previstas no programa.

g) Mantemento do programa durante tres cursos académicos:

– Curso 2014/15: 5º de educación primaria.

– Curso 2015/16: 5º e 6º de educación primaria. Durante este curso o centro poderá solicitar a continuidade no programa.

– Curso 2016/17: 6º de educación primaria. Se o centro solicitou a continuidade e conta cun informe favorable darase continuidade aos grupos de 5º curso.

Quinto. Actuacións da Administración educativa

A Administración educativa desenvolverá nos centros seleccionados mediante a presente resolución as seguintes actuacións:

a) Asesoramento e apoio da Rede de formación permanente do profesorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Asesoramento e asistencia técnica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

c) Potenciación do traballo en rede dos centros docentes para o intercambio de coñecementos e experiencias.

d) Seguimento e apoio a través dos servizos de inspección educativa.

e) Difusión das boas prácticas que se desenvolvan nos centros educativos.

Sexto. Presentación de solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. Presentación de solicitudes:

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. Documentación que deberá xuntar á solicitude de participación:

a) Proxecto en que se concretarán os aspectos para a implantación do proxecto durante o curso 2014/15, así como para a súa continuidade en cursos posteriores.

b) Proposta da persoa responsable da coordinación do proxecto.

Para a realización da proposta debe terse en conta que se valorará a experiencia da persoa proposta no emprego e dinamización das TIC nos ámbitos:

• Participación, coordinación ou docencia en accións formativas.

• Traballo acreditado relacionado coa integración das TIC na educación (boas prácticas educativas, participación en proxectos que integren as TIC nas aulas, emprego de recursos educativos dixitais –contidos dixitais, aulas virtuais, actividades con software educativo, blogs, wikis, ...– nas aulas, participación activa en comunidades educativas na rede, elaboración de materiais dixitais, etcétera).

• Experiencia na coordinación de proxectos ou grupos de traballo.

• Participación en proxectos que integren metodoloxías didácticas innovadoras na educación.

• Premios relacionados coa integración das TIC na aula.

• Outra experiencia acreditable que se considere relevante en relación coa integración das TIC nas aulas.

3. Prazo de presentación:

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. Selección de centros

1. Criterios de selección e número de centros.

a) A valoración das solicitudes presentadas realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1) Viabilidade do proxecto de centro: ata 50 puntos (ata 30 puntos de valoración do proxecto presentado e ata 20 puntos a experiencia previa).

2) Valoración do currículo e experiencia da persoa coordinadora: ata 30 puntos.

3) Grado de implicación da comunidade educativa manifestado por medio do apoio recibido por parte do claustro e do consello escolar: ata 20 puntos.

b) Seleccionaranse un máximo de 50 centros. Na selección de centros procurarase manter a proporcionalidade existente entre centros Abalar segundo a súa titularidade.

2. Comisión de selección.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria seleccionará os centros que se integrarán no proxecto Educación Dixital no curso 2014/15 mediante unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o/a subdirector/a xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Vogais:

– Director/a da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ou persoa en que delegue.

– Subdirector/a xeral de Centros ou persoa en que delegue.

– Subdirector/a xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo ou persoa en que delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

– Un/unha xerente de proxectos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

– Unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que desempeñara a función de secretaria.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos técnicos que se lle encomenden.

Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

3. Proceso de selección.

A comisión de selección, para os efectos dun mellor coñecemento e valoración das solicitudes, poderá realizar peticións de informes, por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á Inspección Educativa, aos técnicos da consellería ou á Amtega.

A comisión procederá á valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de selección establecidos no punto 1 e, no prazo máximo dun mes, que se computará a partir do día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, fará pública a resolución provisional, que se difundirá no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web.

A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión de selección elevará a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que resolverá a relación final de centros seleccionados. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo http://www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 107.1, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia conforme os artigos 10, 14 e 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses desde a data de publicación desta resolución.

Oitavo. Avaliación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará un seguimento e avaliación da implantación e desenvolvemento do proxecto nos centros adscritos ao proxecto Educación Dixital.

O incumprimento das condicións e compromisos recollidos na presente resolución poderá ocasionar a exclusión do centro do proxecto.

Noveno. Recoñecemento

O profesorado participante no proxecto recibirá unha certificación de 20 horas con carácter de innovación educativa. No caso da persoa coordinadora do proxecto esta certificación será de 30 horas.

Décimo. Difusión dos traballos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reserva para si o dereito de difundir os traballos e experiencias realizados no desenvolvemento do proxecto polos centros adscritos ao proxecto Educación Dixital.

Décimo primeiro. Aceptación

A participación neste procedemento supón a aceptación do disposto nesta resolución.

Décimo segundo

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

A selección do centro para participar no proxecto Educación Dixital pode dar lugar a cambio dos libros de texto segundo o punto 2 da Orde do 29 de maio de 2013 pola que se determina o período de vixencia dos libros de texto e demais materiais curriculares.

Disposición adicional segunda

No que caso de que o número de centros con valoración favorable de proxecto supere o límite establecido no punto sétimo 1.b), a comisión de selección poderá realizar unha proposta superior ao dito límite xustificada na viabilidade dos proxectos e dentro dos límites tecnolóxicos da plataforma que dea soporte á contorna virtual de aprendizaxe.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file