Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Mércores, 14 de maio de 2014 Páx. 21651

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2014 pola que se convoca un curso sobre expropiación forzosa e valoracións: procedemento expropiatorio, métodos de valoración e a súa aplicación polo Xurado de Expropiación de Galicia para a determinación do prezo xusto.

Conforme os fins que lle encomenda a Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, a EGAP convoca, en colaboración co Xurado de Expropiación de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Dirección Xeral de Administración Local, un curso sobre expropiación forzosa e valoracións: procedemento expropiatorio, métodos de valoración e a súa aplicación polo Xurado de Expropiación de Galicia para a determinación do prezo xusto.

1. Obxectivos.

Adquisición dun coñecemento especializado, eminentemente práctico, no ámbito da determinación e valoración do prezo xusto expropiatorio, fundamentalmente nos métodos de valoración do solo, e na valoración de bens e dereitos expropiados, desde a experiencia e conforme os criterios seguidos polo Xurado de Expropiación de Galicia.

Trátase de proporcionar aos destinatarios do curso unha visión práctica e realista da complexa materia das actuacións en materia de expropiación da Xunta de Galicia e dos municipios da Comunidade Autónoma, analizando cuestións de actualidade neste campo, tanto de forma individual como en grupo.

En definitiva, quérese dar a cada alumno o perfil idóneo que as administracións, as empresas e os particulares requiren dun funcionario ou profesional especializado en materia de expropiación forzosa.

2. Contido.

O curso, de 64 horas teóricas de duración, estrutúrase nos seguintes módulos:

1. O procedemento expropiatorio: 8 horas.

2. O expediente de determinación do prezo xusto: 4 horas.

3. Réxime xurídico dos xurados de expropiación: 4 horas.

4. Criterios de valoración: 42 horas.

5. Tratamento fiscal do prezo xusto: 2 horas.

6. Supostos de reversión e de retaxación: 4 horas.

3. Prazas: 35.

4. Destinatarios.

4.1. O 60 % das prazas (21) ten como destinatarios aos empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto da autonómica como da local, e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 0,5 puntos a aqueles alumnos que fosen considerados aptos á finalización do curso e, polo tanto, teñan dereito ao certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do previsto na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas, do 10 de agosto de 1994 da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG número 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar ao restante 40 % das prazas (14) os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

As prazas de calquera dos grupos que non se cubran na súa totalidade acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de douscentos vinte e cinco euros (225 €), para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1., e que no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente coa expropiación.

O importe anterior deberase facer efectivo, na súa totalidade, no momento de formalizar a matrícula.

5.2. O importe da matrícula é de catrocentos cincuenta euros (450 €) para os demais solicitantes.

Do mesmo xeito que no punto anterior, este importe deberá facerse efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos cinco días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso, perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para a inscrición será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que, a ese efecto, figurará na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo:

http://egap.xunta.es/cursoExpropiacion

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos da convocatoria. A non formalización nos referidos termos suporá a súa non valoración.

Poderase pedir a aclaración, en todo momento, dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no punto 4.1 valoraranse:

9.1.1. Posto de traballo actual.

9.1.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.1.3. Formación:

9.1.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos de entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.1.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.4. Outros méritos:

9.1.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.1.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, presentándose a documentación exixida numerada nos termos da convocatoria. A non formalización nos referidos termos suporá a súa non valoración.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no punto 4.2 valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, se é o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso. Para estes efectos consideraranse como méritos destacados os seguintes:

9.2.1.1. Figurar como redactor de planeamentos xerais ou de desenvolvemento ou de instrumentos de ordenación do territorio.

9.2.1.2. Ser redactores individuais ou pertencer a equipos de redacción de plans sectoriais (ambiente, culturais etc.).

9.2.1.3. Contratos con institucións ou entidades públicas ou persoais que acrediten actividade relacionada co obxecto do curso. Neste caso, deberá acreditarse a data de inicio e finalización do contrato.

9.2.1.4. Ditames ou informes que teñan como obxecto principal cuestións relacionadas coa ordenación do territorio ou urbanismo.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos de entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos.

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se atopan nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, Santiago de Compostela, desde xuño ata decembro de 2014.

Terá unha duración de 64 horas que se distribuirán a razón de catro horas por semana, ordinariamente os martes entre as 16.00 e as 20.30 horas.

13. Renuncia, asistencia e puntualidade.

13.1. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico novas.egap@xunta.es

– O número de fax 981 54 63 30.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

13.2. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

14. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar un traballo individual e superar un exame tipo test. O devandito traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso e a proposta deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. O traballo avaliarao un tribunal designado para este efecto, e debera incluír bibliografia sobre a materia seleccionada.

O prazo de entrega dos traballos fixarase durante a realización do curso, e será comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a avaliación do traballo individual o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o traballo unha soa vez, na data que a dirección do curso lle indique.

Ao final do curso os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das que deberán escoller unha, valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60 % do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán superar o exame e o traballo para obter o certificado de aproveitamento. Os que non superen algunha das dúas probas poderán presentarse unha segunda vez.

15. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa, e de resolver as cuestións que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública