Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 22 de maio de 2014 Páx. 22977

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de maio de 2014 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e da equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos estatais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio seguindo criterios de eficacia e calidade. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade, así como a conformación dunha cidadanía global fomentando a educación para o desenvolvemento e a sensibilización da sociedade galega sobre as realidades dos países empobrecidos, potenciando valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade. Tamén, con base na citada lei, a Xunta de Galicia potencia a consolidación e fortalecemento das ONGD como actores chave na consecución da política pública de cooperación para o desenvolvemento en Galicia.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras do ano 2014 para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e de consolidación e fortalecemento que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, de acordo con estas bases reguladoras que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2014 e 2015, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

– Capítulo I. Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento:

05.26.331A.481.0, pola contía total de 312.500 euros (125.000 euros no ano 2014 e 187.500 euros no ano 2015).

– Capítulo II. Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD:

05.26.331A.481.0, pola contía total de 160.000 euros (64.000 euros no ano 2014 e 96.000 euros no ano 2015).

Se os recursos destinados ao capítulo I. Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento ou ao capítulo II. Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD non se esgotan, o saldo resultante podería incrementar a asignación dun deles, ao tratarse de subvencións con cargo á mesma aplicación orzamentaria.

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos para actividades de educación para o desenvolvemento e de consolidación e fortalecemento que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

CAPÍTULO I
Axudas a ONGD para actividades de educación para o desenvolvemento

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións para actividades desenvoltas dentro dalgunha das catro dimensións seguintes:

a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.

b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.

c) Investigación sobre o desenvolvemento.

d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos

3.1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2012 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, a devandita delegación asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, a contabilidade e a coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Asemade, as entidades beneficiarias deben manter aberta a súa sede ou delegación permanente en Galicia, como mínimo, ata a prescrición do proxecto; é dicir, por un período de 4 anos desde a finalización da execución. En caso contrario, o incumprimento levará consigo a obriga de devolución do importe da subvención concedida.

e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados pola entidade solicitante, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d), e), f) e g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, deberá xuntar á solicitude a documentación a que se refire o artigo 4.2 –carpeta 1– destas bases reguladoras, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñen a súa representación legal, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o artigo 23.b) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento.

O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.

Non se considerará agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

f) As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2014; será necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2014. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do Sur e/ou a participación en redes.

c) Que non vaian dirixidos exclusivamente aos membros (socios/as, traballadores/as, voluntarios/as, directivas) da propia organización.

Artigo 4. Solicitude

4.1. A solicitude de subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

4.2. Á citada solicitude xuntarase a documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial de formulación deste. A documentación da carpeta 2 será presentada en soporte electrónico.

– Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no devandito rexistro e onde deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre el e achegarase, debidamente compulsado, o dito documento co obxecto de ser incorporado de oficio ao Rexistro.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como dos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.

c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos (dous como mínimo) na que se enmarca o proxecto presentado.

d) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo III.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.

f) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, á parte de presentar a documentación prevista nesta carpeta de cada unha das entidades, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñen a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade, ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación.

g) No caso de agrupación de entidades en que participen as universidades, estas incluirán certificación, expedida pola persoa que teña a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a participación no proxecto e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

– Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico:

cooperacion.exterior@xunta.es

4.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 16 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas letras b) e c) da carpeta 1 e o documento do proxecto (carpeta 2).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 5. Condicións de financiamento

5.1. Con cargo a esta convocatoria a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto e non superará en ningún caso, a subvención concedida os 30.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2014 a subvención máxima concedida será de 20.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 40.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2014 a subvención máxima concedida será de 30.000 €.

5.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no ano 2014 e o 60 % no 2015.

5.3. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no III Plan director da cooperación galega. Aceptarase financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que, en ningún caso, a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizadas.

Artigo 6. Gastos do proxecto

6.1. Gastos subvencionables:

a) Aqueles derivados da identificación da intervención, ata un máximo de 1.500 € por proxecto, sempre que se realizasen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria.

Asemade, aqueles gastos derivados do establecemento de liñas de base, así como da realización de diagnósticos relacionados coa intervención, ata un máximo de 1.500 €, sempre que se realicen no prazo dos tres primeiros meses de execución do proxecto.

A identificación, a liña de base e os diagnósticos do proxecto deberán contar coa participación de persoal externo ás organizacións beneficiarias e non poderán ser de carácter interno exclusivamente.

b) Gastos de alugamento de locais para realizar as actividades incluídas dentro do proxecto (non inclúe aqueles correspondentes á sede da propia organización).

c) Axudas de custo, gastos de desprazamento do profesorado, do persoal adscrito ao proxecto (remunerado e voluntario) e do colectivo destinatario ou participante do proxecto e, cando resulte imprescindible, as remuneracións de profesionais vinculados ás actividades do proxecto: profesorado, conferenciantes, monitores/as, investigadores/as, etc.

d) Gastos de publicidade das actividades, incluída a distribución do material publicitario.

e) Gastos propios da actividade de educación para o desenvolvemento, incluíndo o traslado de material vinculado á actividade (non se inclúen os de adquisición de bens inventariables).

f) Gastos de persoal ao servizo do proxecto, debidamente motivados. Queda excluído o persoal da entidade non vinculado á actividade de educación para o desenvolvemento. O persoal vinculado ao proxecto en cuestión debe ter o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Nestes gastos inclúese salario e seguridade social.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e mais o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto.

g) Comisións bancarias producidas na conta do proxecto, derivadas da realización de transferencias como pagamento.

h) Gastos derivados da avaliación externa da intervención, ata un máximo de 1.500 €. A avaliación externa será obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos que reciban unha subvención igual ou superior a 20.000 euros.

A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

i) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e/ou supervisión, non podendo exceder estes o 10 % do orzamento total do proxecto. Non serán subvencionables no caso de que a entidade sexa unha empresa ou entidade con fin de lucro.

Estes gastos imputaranse pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Os gastos correspondentes a teléfono e internet consideraranse incluídos neste punto.

j) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital, como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións…), nin gastos derivados de procedementos xudiciais.

k) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 € no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

l) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados, poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 €, acompañando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

6.2. Aceptarán as entidades solicitantes e doutros financiadores (exceptuada a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE) achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Aqueles derivados da realización da identificación, liña de base ou diagnósticos do proxecto, sempre que se respecten os prazos establecidos para a súa realización no artigo 6.1 letra a) das presentes bases.

b) Locais para a realización de actividades xustificadas dentro do proxecto (poderanse incluír aqueles correspondentes á propia sede da organización, na proporción que razoablemente corresponda ao desenvolvemento da actividade).

c) Materiais funxibles: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados (material funxible que sexa destinado ao exercicio da actividade). Deberase presentar a valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. A valorización do material non poderá exceder o 2 % do orzamento do proxecto.

Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores a este. Nestes casos deberase establecer un sistema de depreciación (exclúense materiais inventariables, non subvencionables nesta convocatoria).

d) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se achegan e o custo suposto, que non deberá exceder dos 20 € por hora. Todo traballo voluntario se realizará baixo a forma de contrato privado, en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria. A valorización do traballo das persoas voluntarias da organización imputarase na partida de persoal.

Artigo 7. Criterios de valoración dos proxectos

As actividades que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os seguintes criterios:

7.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 25 puntos.

1. Experiencia, traxectoria e capacidade de difusión e impacto da entidade en accións de educación para o desenvolvemento en Galicia, suficientemente descrita nas carpetas 1 e 2, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución e seguimento do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a entidade) para o desenvolvemento do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia para os vindeiros anos (dous como mínimo) adecuadamente deseñada, en que se insire o proxecto proposto e que inclúa a complementariedade coas prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 4 puntos.

4. Achega financeira da entidade solicitante ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5 % do custo total do proxecto para ser puntuada. Máximo: 2 puntos.

5. Contribución da entidade solicitante e establecemento de accións específicas para o fomento do sector galego de cooperación (valorarase a base social, o traballo e a presenza en Galicia, a participación en redes galegas e o acomodo a liñas estratéxicas da cooperación das axencias doantes). Máximo: 4 puntos.

6. Proposta presentada en agrupación de entidades e valor engadido desta ao proxecto: Máximo: 3 puntos.

7. Outros méritos que a entidade solicitante queira alegar relacionados coa súa integración en proxectos, campañas ou movementos globais, a súa experiencia de traballo en rede, a súa coordinación con outras organizacións da sociedade civil e colectivos sociais a nivel local dos territorios dos que traballa en Galicia e no exterior, etc. Máximo: 2 puntos.

7.2. Aspectos relacionados co proxecto: ata 75 puntos.

1. Pertinencia do proxecto, con especial atención ao contexto social, económico, político e cultural, en función do/s lugar/es de realización, do público obxectivo participante e dos resultados que se pretende conseguir. Valorarase especificamente a existencia dun proceso de identificación ou diagnóstico participativo. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados formulados no proxecto, así como a calidade do deseño dos indicadores e das fontes de verificación para o seu seguimento e medición. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal, tendo en conta o/s colectivo/s a que vai dirixido e os resultados e produtos que se queren obter. Máximo: 3 puntos.

4. Contido da acción, enfoque pedagóxico e metodolóxico, segundo os criterios seguintes. Máximo: 25 puntos.

a) Proxectos que fomenten a xeración dunha cidadanía activa, concienciada e crítica que participa para a transformación social positiva a nivel local e global, a través do emprego de metodoloxías transformadoras desde a perspectiva da ética e a gobernanza global, asociadas a procesos de cambio persoal, que permitan a construción de identidades cosmopolitas que recoñezan a interdependencia e a común pertenza á humanidade. Máximo: 3 puntos.

b) Accións educativas que desenvolvan ferramentas prácticas, capacidades cognitivas e concienciadoras que permitan entender o modelo cultural en que vivimos e imaxinar outros alternativos para construír colectivamente. Máximo: 3 puntos.

c) Iniciativas con posibilidades de xerar efectos multiplicadores por incorporar a diversidade e riqueza dos distintos espazos educativos existentes (formais, non formais e informais) e/ ou por traballar con colectivos cunha alta capacidade de multiplicación e réplica como profesorado, futuros/as docentes, educadores/as de tempo libre e animación sociocultural, profesionais de medios de comunicación, colectivos feministas e/ou de mulleres así como calquera colectivo que traballe a prol das prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

d) Proxectos que acheguen outras realidades, fomenten a empatía intercultural, o respecto á diversidade cultural ou o intercambio de experiencias e capacidades como medio para o aumento do compromiso persoal e institucional coa transformación social e o desenvolvemento sustentable. Máximo 3: puntos.

e) Actuacións que versen sobre a loita contra as causas da pobreza, as desigualdades e a exclusión social, así como as posibilidades reais de superación destas a partir do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e dos sectores máis vulnerables da poboación. Máximo: 2 puntos.

f) Accións destinadas á difusión dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio (ODM) e á difusión, promoción e defensa dos dereitos humanos. Máximo: 2 puntos.

g) Accións que promovan a equidade de xénero, a sustentabilidade ambiental e o respecto á diversidade cultural e a cultura de paz. Máximo: 2 puntos.

h) Accións que promovan o comercio xusto, o consumo responsable e a economía solidaria. Máximo: 2 puntos.

i) Accións que inclúan a educación en valores desde unha perspectiva socioafectiva, tendo en conta o importante papel das emocións como enerxías xeradoras de cambio, que acheguen ferramentas na resolución de conflitos e na xestión das emocións. Máximo: 2 puntos.

j) Intervencións integradas en estratexias ou proxectos dos axentes con marcos de planificación a medio prazo ou que dean continuidade a intervencións previas, superando o carácter puntual e illado das actuacións. Máximo: 3 puntos.

5. Incidencia prevista das actividades: descrición precisa, cuantificación e desagregación, por sexo e idade, das persoas participantes, da súa participación no proxecto e da súa pertenza aos colectivos con posibilidade de multiplicación e réplica e/ou a colectivos tradicionalmente esquecidos neste tipo de intervencións (ANPAS, alumnado de formación profesional e/o de adultos, colexios profesionais, colectivos sociais…). Máximo: 5 puntos.

6. Ámbito de incidencia e/ou execución en concellos de menos de 50.000 habitantes e/ou concellos situados no medio rural. Máximo: 3 puntos.

7. Financiamento: coherencia dos gastos orzados cos obxectivos do proxecto. División dos custos por actividade. Máximo: 5 puntos.

8. Recursos humanos e técnicos adecuados ás necesidades de execución e seguimento dos obxectivos do proxecto e persoal específico con formación en xénero, en dereitos humanos, en educación para o desenvolvemento e noutras prioridades da política galega de cooperación. Máximo: 3 puntos.

9. Establecemento dunha liña de base que permita coñecer o punto de partida inicial e os avances producidos co proxecto, así como o contexto en que se vai desenvolver a acción. Máximo: 3 puntos.

10. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

11. Grao e tipo de impacto esperado coa intervención e ferramentas establecidas para medilo. Máximo: 3 puntos.

12. Integración no proxecto do traballo en rede e a complementariedade con outros axentes e actores, para unha actuación coordinada e complementaria en educación para o desenvolvemento. Terase en especial consideración o traballo coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para aqueles proxectos que se desenvolvan no ámbito da educación formal. Máximo: 3 puntos.

13. Orixinalidade, innovación e valor engadido da intervención. Máximo: 4 puntos.

14. Accións que contemplen a difusión de proxectos en execución ou executados con axudas da Xunta de Galicia, ou a realización de investigacións e sistematizacións aplicadas a estes. Máximo: 5 puntos.

CAPÍTULO II
Axudas para a consolidación e o fortalecemento de ONGD

Artigo 8. Obxecto

Este capítulo regula a concesión de subvencións para a consolidación e fortalecemento de organizacións non gobernamentais de cooperación para o desenvolvemento, con domicilio social ou sede permanente en Galicia. Coa convocatoria espérase, dunha banda, mellorar a capacidade de planificación, xestión e avaliación nas áreas internas da organización, e doutra, mellorar a xestión da base social da organización en Galicia.

Artigo 9. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias e os proxectos

9.1. As entidades solicitantes (organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) deben reunir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento (sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento) con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria.

b) Xustificar, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para a presente convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2012 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento, consolidación e fortalecemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos en que, sobre os beneficiarios de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

e) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados pola entidade solicitante, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d), e), f) e g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, debendo xuntar á solicitude a documentación a que se refire o artigo 10.2 –carpeta 1– destas bases reguladoras, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que teñen a súa representación legal, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa como responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto.

Non se considerará agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a devandita organización ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

f) A ONGD solicitante poderá presentar un máximo dun proxecto.

9.2. Requisitos dos proxectos:

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2014, será necesario que o seu inicio sexa no ano 2014. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse antes do 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10. Solicitude

10.1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na web www.cooperaciongalega.org

10.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación do proxecto que se recolle a continuación, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación do proxecto. A documentación da carpeta 1 e o documento de formulación do proxecto, carpeta 2, serán presentados en orixinal e en soporte electrónico.

– Carpeta 1: información relativa á/s entidade/s solicitante/s.

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no devandito rexistro e onde deberá figurar, expresamente, o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa del e achegarase, debidamente compulsado, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

b) Memoria da organización en Galicia en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, e aos proxectos de consolidación e fortalecemento financiados en anos anteriores e sobre todo aos resultados concretos obtidos con eles.

c) Plan/estratexia da organización en Galicia e/ou diagnóstico organizativo en todos os seus ámbitos de actuación ou na área que se desexa fortalecer, para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado, así como a previsión de gastos, ingresos, socios/as, persoal contratado e voluntario. Se é o caso, tamén o plan continuo de mellora e fortalecemento da organización.

Se o obxecto da solicitude é a elaboración do dito plan, xuntarase o orzamento e proxecto da consultora ou entidade implicada.

d) Declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade, segundo o modelo que figura como anexo III.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

f) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, ademais de presentar a documentación prevista nesta carpeta de todas as entidades, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que teñan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, de ser o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á ONGD solicitante, e un enderezo único para efectos de notificacións. Así mesmo, deberán detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación.

– Carpeta 2: información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE a través do enderezo electrónico:

cooperacion.exterior@xunta.es

10.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha delas impedirán a avaliación do proxecto, se non se procede a súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 16 da presente orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos previstos nas letras b) e c) da carpeta 1 e o documento de proxecto (carpeta 2).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo II), a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado á presente convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 11. Condicións de financiamento

11.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95 % do orzamento total do proxecto e non superará, en ningún caso, a subvención concedida os 25.000 euros. Para proxectos que se executen só durante o ano 2014 a subvención máxima concedida será de 15.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación a subvención concedida non superará o límite dos 35.000 €. Para proxectos que se executen só durante o ano 2014 a subvención máxima concedida será de 25.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 40 % no 2014 e o 60 % no 2015.

11.2. A contía mínima que a entidade solicitante deberá achegar a través de fondos propios ou outros nunca poderá comprender financiamento solicitado ou concedido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a través de calquera dos medios previstos no III Plan director da cooperación galega. Aceptarase financiamento solicitado ou concedido por outros organismos financiadores que sexan distintos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, sempre que, en ningún caso, a totalidade do proxecto quede financiado con fondos da Xunta de Galicia.

As achegas do resto de financiadores non poderán ser na súa totalidade valorizados.

Artigo 12. Gastos do proxecto

12.1. Gastos subvencionables:

a) Fortalecemento das áreas internas da organización. Primarase o fortalecemento da área de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria, tanto na súa planificación integral como na mellora das distintas fases de identificación, formulación, xestión ou avaliación; a área de educación para o desenvolvemento; a área de planificación estratéxica; a área de comunicación; a área de comercio xusto; así como a transversalización nestas das prioridades transversais que se recollen no Plan director da cooperación galega: respecto polos dereitos humanos, loita contra a pobreza, equidade de xénero, defensa da sustentabilidade ambiental, defensa da interculturalidade.

Inclúense gastos para a realización de estudos de viabilidade, fortalecemento da organización, mellora de calidade e outros de natureza análoga, ou realización de plans estratéxicos, políticas de xénero e de educación para o desenvolvemento, adaptación e tradución ao galego de páxinas web, etc.

b) Formación técnica de persoal, de socios/as, do voluntariado e da xunta directiva da organización en Galicia, a través da realización de seminarios e/ou talleres internos, incluíndo o material didáctico, outro material consumible necesario para a realización desta actividade, os honorarios e axudas de custo do profesorado, así como os gastos de alugamento de local. No caso de ser o local da sede social da entidade solicitante, imputarase na parte que razoablemente corresponda para o desenvolvemento da formación, así como a formación nas áreas das prioridades transversais que figuran no Plan director da cooperación galega: respecto polos dereitos humanos, loita contra a pobreza, equidade de xénero, defensa da sustentabilidade ambiental e defensa da interculturalidade.

Primarase a formación que verse sobre: mellora da xestión da ONGD, aspectos técnicos das diferentes fases dun proxecto, técnicas de comunicación externa ou de relación con medios de comunicación, xestión para resultados de desenvolvemento e aplicación da perspectiva de xénero cara ao interior das organizacións.

O persoal contratado para os efectos de impartir formación non poderá ter vinculación ningunha coa entidade contratante ou coas entidades membros da agrupación de entidades, de ser o caso.

c) Asistencia a seminarios, xornadas e/ou talleres de formación técnica do persoal, socios/as, voluntariado, xunta directiva da entidade en Galicia, organizados por terceiros. Inclúese matrícula e axudas de custo das persoas asistentes.

d) Deseño ou contratación externa de campañas de captación de socios/as e voluntariado en Galicia (as campañas deberán respectar os códigos de conduta e de imaxes propios do sector, avalados polas súas organizacións máis representativas, Coordinadora Galega de ONGD e Coordinadora de ONGD-España).

e) Gastos derivados da contratación de persoal en Galicia encargado da xestión da área interna da organización que se quere fortalecer ou da xestión da base social da organización en Galicia. A inclusión de gastos derivados da contratación de persoal deberá estar xustificada. Nestes gastos inclúese salario e seguridade social.

A contía máxima (inclúe o financiamento solicitado á Xunta e mais o doutros financiadores e os valorizados) que se pode imputar a este concepto non superará o 70 % do orzamento total do proxecto.

f) Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión, supervisión, etc., non poderá exceder estes o 5 % do orzamento total do proxecto. Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

g) En ningún caso se subvencionarán gastos de capital como adquisición de equipamentos ou materiais non funxibles, nin gastos en atencións protocolarias (agasallos, xantares, festas, recepcións…) nin gastos derivados de procedementos xudiciais.

h) Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

i) Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados, poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, acompañando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

12.2. Aceptaranse por parte da entidade solicitante e doutros financiadores (exceptuada a Xunta de Galicia) achegas en especie ou valorizacións nos seguintes conceptos:

a) Locais: poderanse valorizar os locais directamente adscritos á consecución dos resultados do proxecto, incluíndo aqueles correspondentes á sede da propia organización.

b) Materiais: poderán valorizarse aqueles directamente adscritos á consecución dos resultados esperados, sen incluír os equipamentos e materiais de funcionamento en xeral. Deberase presentar valorización do achegado, acreditada de forma suficiente a través de facturas, xustificantes de compra ou valorización externa á da entidade solicitante. Os elementos valorizados poderán ter sido adquiridos por motivos diferentes ao proxecto, polo que as facturas e xustificantes de compra poderán ser anteriores ao proxecto. Deberase establecer, nestes casos, un sistema de depreciación. Queda excluído o material inventariable.

c) Persoal voluntario: deberase presentar unha estimación xustificada das horas de traballo voluntario que se acheguen e o custe suposto, que non deberá exceder dos 20 euros por hora. Todo traballo voluntario realizarase baixo a forma de contrato privado en que se especifiquen as responsabilidades (deberes e dereitos) de cada unha das partes, destacando o papel do/a voluntario/a no proxecto. No contrato debe constar o nome, apelidos e DNI da persoa voluntaria.

Artigo 13. Criterios de valoración dos proxectos

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

13.1. Aspectos relacionados coa traxectoria da entidade solicitante: 35 puntos.

1. Experiencia e traxectoria da/as entidade/s en Galicia, en proxectos de cooperación para o desenvolvemento, acción humanitaria, actividades de educación para o desenvolvemento e consolidación e fortalecemento de ONGD suficientemente descritas na solicitude. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de xestión de recursos humanos, técnicos e económicos de que dispón a/as entidade/s para o desenvolvemento de actuacións en Galicia. Máximo: 5 puntos.

3. Grao de eficacia, impacto social e eficiencia das iniciativas ou proxectos de fortalecemento, consolidación ou mellora da entidade solicitante nas súas áreas de traballo: cooperación, educación para o desenvolvemento, comunicación, xénero, etc., así como na súa base social, especialmente os financiados pola Xunta de Galicia. Máximo: 5 puntos.

4. Estratexia da ONGD en Galicia, coa visibilización da inclusión do enfoque de xénero nela e/ou política institucional de xénero e adaptación da proposta á mesma. Previsións e compromisos demostrables de crecemento. Máximo: 5 puntos.

5. Existencia dun plan continuo de mellora e fortalecemento que recolla iniciativas encamiñadas a promover a progresiva independencia da ONGD, baseada no desenvolvemento das súas capacidades estruturais internas, e adaptación da proposta a este. Máximo: 5 puntos.

6. Achega financeira da ONGD ou entidades participantes no proxecto. Máximo: 2 puntos.

7. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación, valorándose a base social, o traballo e presenza en Galicia, a participación en redes galegas e a complementariedade coas liñas estratéxicas da cooperación galega. Máximo: 3 puntos.

8. Proposta presentada en agrupación de entidades e valor engadido desta ao proxecto: Máximo: 3 puntos.

13.2. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 65 puntos.

1. Contexto: antecedentes e xustificación do proxecto descritos suficientemente na solicitude, en función dos seus obxectivos e características e das necesidades de fortalecemento da entidade solicitante. Máximo: 7 puntos.

2. Pertinencia e coherencia da estratexia da ONGD para a súa consolidación e fortalecemento e acomodo da proposta a esta. Máximo: 7 puntos.

3. Pertinencia e coherencia do Plan continuo de mellora e fortalecemento: máximo: 7 puntos.

4. Incidencia e impacto previsto das actividades, en relación cun maior fortalecemento e consolidación da ONGD, así como compromiso de consecución dos obxectivos formulados e obxectividade das súas fontes de verificación. Máximo: 7 puntos.

5. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

6. Motivación da necesidade de contratación de persoal especializado, fixación de tarefas e compromisos de traballo e perfil requirido. Máximo: 5 puntos.

7. Proxectos que promovan o intercambio de experiencias e o transvasamento de coñecementos entre ONGD, outros axentes da cooperación galega ou outras entidades sociais galegas: Máximo: 6 puntos.

8. Proxectos que promovan o fortalecemento das áreas de:

– Cooperación ao desenvolvemento e acción humanitaria. Máximo: 2 puntos.

– Comunicación externa. Máximo: 2 puntos.

– Planificación estratéxica e avaliación. Máximo: 2 puntos.

– Comercio xusto o consumo responsable. Máximo: 2 puntos.

– Xénero. Máximo: 2 puntos.

– Educación para o desenvolvemento ou a incidencia social. Máximo: 2 puntos.

9. Proxectos que promovan plans de formación internos pertinentes coa proposta presentada e as necesidades da organización. Previsións de réplica dos mesmos e do seu impacto na mellora organizativa. Máximo: 4 puntos.

10. Proxectos que promovan plans de formación coordinados con outros axentes de cooperación. Máximo: 3 puntos.

11. Proxectos que inclúan plans de captación de socios/as innovadores, tanto na metodoloxía de captación empregada coma no tipo de socio/a que se pretende captar. Máximo: 2 puntos.

CAPÍTULO III
Disposicións comúns

Artigo 14. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa do Hórreo, 61, 2º andar, 15701 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos a estas bases reguladoras. Estas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso, a documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. As copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do anexo da solicitude para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. Ás solicitudes das persoas interesadas xuntaranse os documentos e as informacións determinados nos artigos 4.2 e 10.2, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Vicepresidencia e Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 16. Instrución

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fan, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Valoración das solicitudes

17.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro. A comisión estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous/dúas funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá solicitar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

17. 2. Para superar a fase de valoración será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % nas epígrafes referidas á entidade solicitante e ao proxecto.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

17.3. No suposto de que non se esgoten os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no III Plan director da cooperación galega 2014-2017 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 18. Prazo de resolución

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 19. Resolución

Á vista da proposta de resolución do instrutor debidamente motivada, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 20. Compatibilidade de subvencións

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 21. Publicidade da concesión das subvencións

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía e finalidade no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da Cooperación Galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 22. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de dez días, declaración por escrito da aceptación dela en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 23. Anticipos

23.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100 % da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

23.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade en Galicia.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

c) Datos bancarios da conta da entidade beneficiaria afecta á xestión do proxecto.

23.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira de acordo coas previsións do artigo 24.4 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto, asinado pola persoa responsable da xestión técnica – económica do proxecto en Galicia.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

23.4. No entanto, as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, unha declaración responsable da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante conforme esta está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social española e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nin ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, conforme o establecido polo artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas

24.1. Con base no que establece o artigo 29.3 da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, e a disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co fin de lograr unha maior eficacia e eficiencia dos fondos públicos e considerando a natureza dos proxectos e as características dos destinatarios, a xustificación destas subvencións rexerase polo previsto nos puntos seguintes.

24.2. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente. Conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto cuarto e a segunda anualidade, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do período para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no punto quinto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.3. Para a presentación do informe de seguimento e do informe final deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

24.4. A xustificación da primeira anualidade realizarase mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante, acreditativa da execución do proxecto de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe sobre o estado de execución do proxecto, que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e no que se indique as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en euros.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

f) Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou superior a 30.000 €, deberán presentar a totalidade dos xustificantes dos gastos, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación de gastos a que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

24.5. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades, así como a finalidade para a que se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

• 1ª parte. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante acreditativa da total execución do proxecto, de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Informe final de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

• 2ª parte. Xustificación económica que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida.

Para proxectos cuxo importe de subvención sexa inferior a 30.000 €, farase mediante a forma de xustificación simplificada, e para proxectos cuxo importe de subvención sexa igual ou superior a 30.000 € mediante conta xustificativa con entrega de xustificantes. Estas contas incluirán:

– Certificación dos gastos co importe total do proxecto distribuídos por partidas orzamentarias e en que se indique as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

– Certificación dos gastos da segunda anualidade distribuídos por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que teña a representación legal da entidade beneficiaria.

– Declaración responsable do/a representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado, segundo o modelo que figura como anexo III.

– Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en euros.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa inferior a 30.000 €, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, requirirá ás entidades beneficiarias a achega dos orixinais dos xustificantes que considere oportunos, que suporán polo menos o 25 % da cantidade subvencionada.

– Para os proxectos cuxa subvención sexa igual ou superior a 30.000 €, deberán presentar a totalidade dos xustificantes dos gastos, facturas ou documentos de valor probatorio no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación de gastos a que se fai referencia anteriormente e a documentación acreditativa do seu pagamento.

24.6. Custos indirectos: aqueles gastos da entidade solicitante asociados á administración, xestión e supervisión. Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE pola entidade solicitante, mediante unha certificación da persoa que teña a representación legal.

24.7. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto e de pagamento durante un período de 4 anos, desde a presentación da xustificación final do proxecto. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, en orixinal ou copia compulsada. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Neste debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, título abreviado do proxecto, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Gasto imputado ao proxecto subvencionado pola Xunta de Galicia». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputable a máis dun financiador deberá constar na dilixencia antes mencionada o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntarase unha relación destes en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Os pagamentos acreditaranse coa presentación do comprobante bancario de acordo co previsto no artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, con carácter excepcional, para pagamentos en efectivo por importes inferiores a 1.000 €, conforme establece o artigo 42.3 do devandito Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagos en efectivo.

As datas das facturas, medios de pagamento e demais documentos xustificativos da realización do proxecto deberán estar comprendidas no período de liquidación, é dicir, entre a data de inicio e a de remate do prazo de execución dos proxectos, coa excepción dos gastos de identificación que poderán realizarse no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude a esta convocatoria e os gastos da avaliación externa que poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

Artigo 25. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos

25.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos, considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación de terse efectuado.

As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a xustificar a totalidade dos gastos do proxecto, non só a parte correspondente á axuda recibida.

25.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

25.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

25.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, conforme o Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega www.cooperaciongalega.org

25.5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

25.6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria facilitará o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 26. Modificación das condicións

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20 % do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 27. Reintegro por incumprimento

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas en caso de incumprimento pleno, ou da parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que proceda.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 28. Información aos órganos fiscalizadores

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 29. Recursos

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 30. Remisión normativa

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file