Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 3 de xuño de 2014 Páx. 24920

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 60/2014, do 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Galego.

Unha correcta aplicación dos produtos fitosanitarios require unha distribución homoxénea destes de acordo coas doses autorizadas, co obxecto de evitar efectos nocivos ou prexudiciais para a saúde humana e o medio. Unha deficiente regulación ou a presenza de danos, avarías ou desaxustes nos equipos ou maquinaria de aplicación poden dar lugar a distribucións irregulares nas superficies que se van tratar, ou orixinar fugas ou verteduras de produto en lugares inadecuados.

A Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, é o marco legal da normativa nacional que regula as actividades de prevención e control das pragas así como dos medios de defensa fitosanitarios, incluídos os equipos ou maquinaria de aplicación dos praguicidas agrícolas que, así mesmo, están suxeitos en certos aspectos á lexislación comunitaria, particularmente á Directiva 2006/42/CE, do Parlamento Europeo e do Consello Europeo, do 17 de maio de 2006, relativo as maquinas e pola que se modifica a Directiva 95/16/CE, trasposta ao ordenamento xurídico interno mediante o Real decreto 1644/2008, do 10 de outubro, polo que se establecen as normas para a comercialización e posta en servizo das maquinas, e á Directiva 2009/127/CE, do Parlamento e do Consello Europeos, do 21 de outubro, pola que se modifica a Directiva 2006/42/CE no que respecta ás maquinas para a aplicación de praguicidas.

A Lei de sanidade vexetal pretende expresamente garantir que os medios de defensa fitosanitaria reúnan todas as condicións necesarias e establece as disposicións básicas relativas aos requisitos que deben cumprir estes e o uso racional destes atendendo, no que se refire aos equipos de aplicación, tanto ás condicións de uso do praguicida utilizado en cada caso como aos requisitos de mantemento e posta a punto dos devanditos equipos, aos controis oficiais para verificar o cumprimento das devanditas disposicións e aos instrumentos de apoio necesarios para a realización das correspondentes inspeccións.

Pola súa banda, a Directiva 2009/128/CE, do 21 de outubro, do Parlamento Europeo e do Consello, pola que se establece un uso sustentable dos praguicidas, establece determinados requisitos de obrigado cumprimento nesta materia.

Para dar cumprimento e desenvolver o recollido pola citada Lei 43/2002, do 20 de novembro, así como o disposto polo artigo 8 da Directiva 2009/128/CE, do 21 de outubro e, en consecuencia, lograr que os riscos derivados da aplicación debidos ao mal estado dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios sexan os mínimos, foi necesario establecer os controis oficiais para a verificación do cumprimento dos requisitos sobre mantemento e posta a punto destes equipos, a normativa básica en materia de inspección, e as normas necesarias de coordinación coas comunidades autónomas. O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño publicou o Real decreto 1702/2011, do 18 de novembro, de inspeccións periódicas (BOE nº 296 do 9 de decembro). Mediante este Real decreto trasponse ao noso ordenamento xurídico o artigo 8 da citada directiva, que establece que, para previr estes riscos, é necesario, entre outros requisitos, empregar equipos de aplicación de produtos fitosanitarios que funcionen correctamente, garantindo a exactitude na distribución e dosificación do produto, así como a non existencia de fugas na enchedura, baleiramento e mantemento destes.

A finalidade deste decreto é regular as inspeccións periódicas dos equipos utilizados nos tratamentos con produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia dado que, aínda que a normativa estatal regula a maior parte das condicións e requisitos para a prestación deste servizo, é preciso establecer, entre outros, o procedemento para a autorización das Estacións de Inspeccións Técnicas de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (en diante ITEAF) que se constitúan e o sistema de control das entidades autorizadas.

Tamén é necesario, en virtude do establecido na letra k do anexo II do Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño, modificado polo Real decreto 346/2012, do 10 de febreiro, sobre a caracterización e rexistro da maquinaria agrícola e coa finalidade de crear o censo da maquinaria a inspeccionar, establecer a obriga da inscrición de determinadas máquinas ou instalacións, así como determinar a obriga da súa inspección, en virtude do establecido no punto 3 do artigo 3 do Real decreto 1702/2011, do 18 de novembro.

Así mesmo, terase en conta o disposto no artigo 46 e a disposición adicional segunda do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios, para a inspección daqueles equipos que realicen tratamentos con produtos fitosanitarios en ámbitos distintos da produción primaria agrícola e forestal.

Por outra banda, e dada a interrelación normativa dos organismos que atacan os vexetais e os medios que interveñen no seu control, incluída a maquinaria de tratamentos, é necesaria a creación dun Comité Fitosanitario Galego que asuma as funcións consultivas en todos os aspectos relacionados coa sanidade vexetal, no relativo ás pragas e medios de produción, para a loita contra pragas e enfermidades nos ámbitos agrícola e forestal. Este comité asumiría as funcións da Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios, creada na orde conxunta do 14 de abril de 2009 das consellerías do Medio Rural e de Sanidade, pola que se regula a formación das persoas que realizan actividades relacionadas coa manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se crea a Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios, pero ampliando estas ao ámbito das pragas e enfermidades dos vexetais e da maquinaria de aplicación de fitosanitarios.

O mencionado comité asumiría tamén as competencias nas funcións atribuídas á Comisión de Sanidade Forestal, creada polo Decreto 304/2009, do 14 de maio, polo que se establecen as normas de recollida, transporte e tratamento dos produtos forestais provenientes das zonas afectadas polo fungo Gibberella circinata Niremberg et Ou´Donnell, tamén coñecido como Fusarium circinatum Niremberg et Ou´Donnell, estendendo o seu ámbito de actuación ao resto das pragas e enfermidades forestais de corentena. Por tanto, este comité será o órgano consultivo para a execución dos plans de acción e as prospeccións de organismos de corentena que se desenvolvan na nosa comunidade autónoma, así como dos asuntos obxecto de petición por parte do Comité Fitosanitario Nacional ou da Comisión de Avaliación de Produtos Fitosanitarios.

No capítulo I deste decreto establécense as disposicións xerais, o capítulo II regula o censo dos equipos de aplicación dos produtos fitosanitarios, o capítulo III o rexistro das estacións de inspección, o capítulo IV a realización do programa de inspección, o capítulo V a formación dos directores e inspectores das Estacións de ITEAF e no capítulo VI regúlase o Comité Fitosanitario Galego e establécese a súa composición e funcionamento.

Na redacción deste decreto tívose en conta o disposto na Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, establecendo os mecanismos que garantan a calidade dos servizos prestados polas entidades autorizadas para a inspección dos equipos, a simplificación dos procedementos administrativos que deban realizar os/as solicitantes facilitando a presentación de documentación por vía electrónica, así como o recoñecemento das entidades autorizadas para o mesmo fin noutras comunidades autónomas ou en países membros da UE.

No proceso de elaboración deste decreto foron, así mesmo, consultadas as universidades, colexios profesionais e empresas do sector relacionados.

En consecuencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, de acordo co Consello Consultivo e tras a deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día quince de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular na Comunidade Autónoma de Galicia as inspeccións periódicas dos equipos de aplicación dos produtos fitosanitarios, o censo de equipos de aplicación dos produtos fitosanitarios, o procedemento de autorización e rexistro das estacións de inspección, o procedemento e o programa de inspección, a formación dos directores e inspectores das estacións de inspección e a creación do Comité Fitosanitario Galego.

Artigo 2. Definicións

Para efectos deste decreto, resultarán de aplicación as definicións contidas no artigo 2 do Real decreto 1702/2011, do 18 de novembro (en diante real decreto).

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Están incluídas dentro do ámbito de aplicación deste decreto as actividades de inspección dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios aos que se refire o artigo 3.1 do real decreto.

CAPÍTULO II
Censo de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios

Artigo 4. Censo de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios

1. Créase o censo de equipos a inspeccionar na Comunidade Autónoma de Galicia, que estará constituído polos equipos que se relacionan no artigo 3.1 do real decreto. Este censo será xestionado pola dirección xeral con competencias en materia de sanidade vexetal.

2. A consellería competente en materia de agricultura, a través da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, é a responsable da elaboración e xestión dun censo no que se inscribirán os equipos de aplicación de produtos fitosanitarios que se deberán inspeccionar, sempre que estes vaian ser utilizados na actividade agraria (agrícola, gandeira ou forestal) ou en ámbitos profesionais distintos da produción primaria agraria recollidos no artigo 46 do Real decreto 1311/2012, do 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sustentable dos produtos fitosanitarios.

3. O censo elaborarase coa información que se dispoña na Comunidade Autónoma de Galicia dos equipos inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (en diante ROMA), regulado polo Real decreto 1013/2009, do 19 de xuño, sobre caracterización e rexistro da maquinaria agrícola, e os declarados polos propietarios dos equipos que non teñan a obrigación de estar inscritos no ROMA.

4. Os equipos inscritos no ROMA inscribiranse de oficio no censo regulado por este capítulo.

5. Os titulares dos equipos en uso e aqueles de nova adquisición incluídos no punto 1 anterior que non teñan a obrigatoriedade de estar inscritos no ROMA, solicitarán á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal a inclusión destes no censo, formalizando e remitindo, para ese efecto, a solicitude que figura como anexo III acompañada dunha fotocopia do NIF cando se trate dunha entidade, outra do carné de manipulador/a de produtos fitosanitarios, e o recibo de autoliquidación das taxas correspondentes. Os equipos adquiridos con posterioridade á publicación deste decreto deberán presentar a solicitude antes de transcorrer dous meses desde a súa adquisición.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. Subsidiariamente poderá presentarse no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estean situadas as instalacións, ou onde teña a súa sede social, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A dirección xeral con competencia en materia de sanidade vexetal actualizará o censo o 31 de decembro de cada ano, coas baixas e incorporacións de novos equipos e remitirao ao ministerio con competencia en materia de agricultura antes do 31 de marzo do ano seguinte.

CAPÍTULO III
Rexistro de estacións de inspección

Artigo 5. Rexistro de estacións de inspección autorizadas

Créase o Rexistro de Estacións de Inspeccións Técnicas de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (en diante RITEAF), para realizar inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, o cal quedará adscrito á consellería competente en materia de agricultura, a través da dirección competente en materia de sanidade vexetal.

Artigo 6. Incompatibilidades

1. Non se poderán inscribir no RITEAF, salvo nas condicións establecidas no artigo 7.2 do Real decreto, as entidades nas que os/as socios/as ou directivos/as da empresa e o persoal que preste os seus servizos nela, teñan participación directa ou indirecta en:

a) Actividades de aplicación de produtos fitosanitarios a terceiras persoas.

b) Fabricación e comercio de maquinaria de aplicación de produtos fitosanitarios.

c) Talleres ou establecementos de reparación de maquinaria fitosanitaria.

2. No caso de que, debido ás razóns previstas no punto 2 do artigo 7 do real decreto houbese que habilitar a algunha das entidades do punto 1 anterior, esta autorización concederase despois de que mediante unha resolución do/da conselleiro/a con competencias en materia de agricultura así o estableza.

Artigo 7. Requisitos que deben cumprir as Estacións de Inspeccións Técnicas de Equipos de Aplicación de Produtos Fitosanitarios (ITEAF)

1. Poderán ser titulares das ITEAF os considerados no artigo 7 do Real decreto.

2. As ITEAF deberán dispor de persoal e equipamento adecuado, axustándose ao disposto nos artigos 8 e 9 do Real decreto.

3. En cumprimento do disposto no artigo 7.3 do Real decreto, as ITEAF que non pertenzan á Administración pública, deberán subscribir unha póliza de responsabilidade civil, avais ou outras garantías financeiras, outorgadas por unha entidade debidamente autorizada, que cubra os riscos da súa responsabilidade, respecto de danos ambientais, materiais e persoais a terceiros, por unha contía mínima de 100.000 euros, o cal será, en todo caso, proporcional á natureza e alcance do risco cuberto e sen que a contía da póliza limite a dita responsabilidade. O asegurado será a ITEAF, e non os traballadores desta ou mesmo o seu dono.

4. O persoal das ITEAF estará identificado, en todo momento, durante a realización das inspeccións da maquinaria de tratamentos fitosanitarios.

Artigo 8. Autorización e rexistro no RITEAF

1. A autorización da ITEAF e a alta no rexistro efectuarase mediante a presentación da correspondente solicitude, cuxo modelo figura no anexo I, xunto coa documentación que figura neste, en consonancia co disposto na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia, que a continuación se relaciona:

a) Copia do NIF da entidade solicitante.

b) Acreditación da persoa representante.

c) Estatutos ou normas pola que se rexe a entidade.

d) Memoria técnica na que se describirá:

– Instalacións dispoñibles, descrición, situación e planos.

– Manual de inspeccións.

– Procedementos de inspección de acordo ao establecido na Norma UNE-EN 13790 1 e 2 (2004) «Maquinaria agrícola. Pulverizadores para cultivos baixos (parte 1). Pulverizadores para plantacións arbustivas e arbóreas (parte 2)».

– Persoal dispoñible, funcións e cualificación profesional.

– Organigrama do sistema de inspección.

– Póliza de seguro para cubrir os riscos da súa responsabilidade.

– Declaración de que a entidade, os/as socios/as, directivos/as ou persoal desta non están incluídos/as en ningunha das incompatibilidades establecidas no artigo 6 deste decreto.

– Inventario da maquinaria dispoñible, as súas características e o número de matrícula, se o tivese.

– Proposta económica valorada das tarifas que vaian ser aplicadas pola inspección dos diferentes equipos de aplicación de produtos fitosanitarios.

e) Recibo de autoliquidación da taxa vixente de inscrición.

f) Licenza de apertura da actividade cando resulten perceptivas de conformidade coa normativa sectorial aplicable.

No caso de tratarse de persoas físicas, a copia do NIF non se presentará se aquel/aqueles permite/n expresamente á Consellería do Medio Rural e do Mar, co fin de acreditar eses datos de carácter persoal, a súa consulta a través de acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

2. A solicitude, xunto coa documentación do punto anterior dirixirase á Dirección Xeral competente en materia de sanidade vexetal e deberase presentar preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. Subsidiariamente poderá presentarse no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estean situadas as instalacións ou onde teña a súa sede social, ou en calquera dos lugares establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados requirirase ao/á solicitante para que, no prazo de 10 días, contados desde a recepción da notificación, emende ou presente a documentación preceptiva, con indicación de que, se non o fixese, se tería por desestimada a súa petición, logo de resolución da Dirección Xeral con competencias en materia de sanidade vexetal.

3. Recibida a solicitude xunto coa documentación presentada, o persoal técnico da consellería con competencias en materia de sanidade vexetal realizará unha visita de inspección á entidade para comprobar os datos presentados por esta. Da devandita visita elaborarase un informe.

4. Posteriormente, estudarase a documentación presentada e o informe emitido da inspección mencionada no punto 8 anterior por unha comisión mixta designada pola dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, que estará formada por un técnico da dirección xeral competente en materia do Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola; un técnico da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal e un técnico da consellería competente en materia de industria e enerxía, que, logo de dar audiencia ao/á interesado/a, emitirá a proposta de resolución que proceda, sobre a autorización e a inscrición no RITEAF.

5. Á vista da proposta de resolución, a dirección xeral competente, en materia de sanidade vexetal ditará a correspondente resolución de autorización da ITEAF para a realización de inspeccións técnicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios, ou de denegación desta debidamente motivada, que será emitida nun prazo non superior a 3 meses contados desde a data de recepción na dirección xeral da proposta de resolución a que fai referencia o punto 9 deste artigo. En caso favorable, procederase á inscrición da ITEAF no rexistro.

Na resolución, no caso de autorización, faranse constar, polo menos, os seguintes datos:

a) Número de rexistro.

b) Denominación ou razón social da ITEAF.

c) Enderezo e poboación.

d) Nome do titular da ITEAF.

e) Alcance das actividades para as cales se concede a autorización.

f) Data de efecto da autorización.

6. O prazo para resolver e notificar será de seis meses contados desde a data de recepción da solicitude coa documentación imprescindible para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o/a interesado/a poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

No caso de que a resolución sexa desfavorable, comunicarase tal circunstancia ao solicitante indicándolle os aspectos que motivaron tal resolución, dándolle un prazo de 2 meses para corrixir os defectos observados nas instalacións ou equipos e de 15 días en caso de tratarse de defectos na documentación achegada. Emendados os defectos de instalacións ou equipos, o solicitante comunicará tal circunstancia ou achegará a documentación requirida á dirección xeral que emitiu a resolución co fin de proceder de acordo cos puntos 7 e posteriores deste artigo.

7. O tratamento dos datos de carácter persoal que se poida realizar como consecuencia da aplicación deste decreto, rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 do decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 9. Revogación da autorización e cancelación da inscrición no rexistro

1. O incumprimento pola ITEAF dos requisitos exixidos dará lugar ao inicio do correspondente procedemento de revogación da autorización por parte da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, que levará de seu a imposibilidade de desenvolver a actividade de inspección.

2. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, con anterioridade á iniciación do procedemento de revogación da autorización da ITEAF, notificaralle ao seu titular os incumprimentos observados que deron lugar á iniciación do procedemento, para que no prazo dun mes emende as deficiencias advertidas e poderá autorizar a continuación da actividade de inspección sempre que se emendasen estas.

En caso de non emendar os incumprimentos no prazo requirido, a dirección xeral con competencias en materia de sanidade vexetal revogará a autorización concedida á ITEAF no seu momento e procederá a dar de baixa á empresa no RITEAF e comunicará tal circunstancia ao/á interesado/a que levará a imposibilidade de obter a autorización polo seu titular durante un período de seis anos.

3. A baixa no RITEAF por proposta do titular da ITEAF deberá ser comunicada por este á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, para o que deberá presentar a solicitude do anexo I.

A solicitude dirixirase á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal e deberá presentarse preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. Subsidiariamente poderá presentarse no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estean situadas as instalacións ou onde teña a súa sede social, ou en calquera dos lugares establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Control do cumprimento das obrigas das ITEAF

1. A autorización das ITEAF terá validez en todo o territorio nacional e a súa duración será indefinida.

2. A ITEAF estará sometida aos controis do órgano competente en materia de sanidade vexetal en particular verificarase a adecuación da estación na calibración dos aparellos de medida empregados nas inspeccións, o cumprimento dos procedementos establecidos na Norma UNE-EN 13790 1 e 2 (2004) «Maquinaria agrícola. Pulverizadores. Inspección de pulverizadores para cultivos baixos (parte 1). Pulverizadores para plantacións arbustivas e arbóreas (parte 2)» ou aquelas que a substitúan, e tamén a adecuación a outras normas que se establezan de ámbito nacional relacionadas cos equipos instalados en invernadoiros ou locais pechados, así como as de aplicación en po de produtos fitosanitarios.

3. A acreditación do cumprimento das obrigas e requisitos técnicos do punto 2 anterior poderán ser certificados por unha entidade certificadora privada con competencia na inspección técnica da maquinaria de aplicación de produtos fitosanitarios, a cal emitirá un informe cos resultados obtidos dirixido ao órgano competente.

4. A inspección por parte da entidade certificadora poderá incluír aos equipos particulares xa inspeccionados pola ITEAF para que a Administración poida contrastar o resultado das inspeccións realizadas pola ITEAF e os que obteña a entidade certificadora.

Artigo 11. Modificación da inscrición no rexistro

As modificacións das condicións iniciais coas que foi inscrita a ITEAF no rexistro recollidas no artigo 8.1 letra d) 1º, 2º, 3º, 7º e 8º, requirirán a autorización previa da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, para o cal o titular da ITEAF deberá tramitar o anexo I, achegando a documentación que xustifique os cambios que se producisen.

As modificacións das condicións iniciais recollidas no artigo 8.1 letra d) 4º, 5º, 6º e 9º, será suficiente coa comunicación destas por parte da entidade á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal antes dos dous meses seguintes a que se produciran.

Artigo 12. Recoñecemento das ITEAF autorizadas noutras comunidades autónomas e Estados membros da UE

1. De acordo co disposto no artigo 16 da Directiva 2006/123/CE, unha ITEAF autorizada polo órgano competente doutra comunidade autónoma ou Estado membro da UE, posibilita o desenvolvemento da actividade de inspección na Comunidade Autónoma de Galicia sen outro requisito que o dunha comunicación previa do inicio da actividade de acordo co disposto no artigo 71 bis.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comunicación segundo o modelo que figura no anexo V dirixirase á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal con dous meses de antelación ao devandito inicio, de maneira que por parte da Administración sexa posible incluílas no programa de planificación das inspeccións anuais elaborado polo órgano competente. Esta comunicación deberá presentarse preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. Subsidiariamente poderá presentarse no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estean situadas as instalacións ou onde teña a súa sede social, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Xunto coa comunicación achegarase unha copia compulsada do certificado ou resolución de inscrición da ITEAF da mesma titularidade en calquera outro rexistro da mesma natureza noutras comunidades autónomas ou estados membros.

2. As entidades que queiran desenvolver a súa actividade en Galicia estarán suxeitas ao mesmo réxime de controis e ás mesmas obrigas e requisitos que as ITEAF autorizadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que estas ITEAF incorran nalgún incumprimento das obrigas consideradas neste decreto, levará consigo a denegación da autorización para realizar inspeccións nesta comunidade autónoma. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, con anterioridade á iniciación do procedemento de revogación da autorización para realizar inspeccións da ITEAF, notificaralle ao seu titular as deficiencias observadas para que as emende, e poderá autorizar a continuación da actividade de inspección sempre que se emendasen estas e, se fose o caso, satisfixese o importe das sancións ás que houbese lugar.

4. A modificación das condicións iniciais para as cales foi autorizada a ITEAF ou a baixa na actividade desta, deberá comunicalo o titular á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal antes do mes seguinte a que se producisen estas, para o que deberá facer falta o anexo V podendo presentalo en calquera das formas consideradas no punto 1 deste artigo, presentando, en caso necesario, a documentación que xustifique o cambio que solicite.

Artigo 13. Inspeccións de maquinas de produtos fitosanitarios por parte da Administración autonómica

A Consellería do Medio Rural e do Mar poderá realizar a inspección dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios xa sexa co seu persoal e medios ou por encomenda de xestión con outras entidades, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por razóns de eficacia ou cando non posúa os medios idóneos para o desempeño da actividade.

CAPÍTULO IV
Realización do programa de inspección

Artigo 14. Programa de inspección

1. A dirección xeral competente, en materia de sanidade vexetal, establecerá un programa de inspeccións que se axustará, en canto a prioridades e periodicidade, ao disposto no artigo 5 do real decreto. Este programa de inspeccións establecerá que os equipos de aplicación se inspeccionen ao menos unha vez nunha ITEAF con anterioridade ao 26 de novembro de 2016.

2. O Programa Anual de Inspeccións será aprobado por resolución e incluirá os equipos a inspeccionar durante o ano correspondente, as características dos seus titulares, a data límite para a realización das inspeccións e a relación de ITEAF que actúan na comunidade autónoma. Este programa será aprobado antes do 30 de novembro do ano anterior ao correspondente á programación.

Artigo 15. Solicitude de inspección da maquinaria

1. Os propietarios de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios poderán solicitar a inspección das súas máquinas a calquera das ITEAF autorizadas. Se a revisión se solicita á Administración remitirán a solicitude cuberta segundo o modelo do anexo II á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, acompañada dunha fotocopia do NIF cando se trate dunha entidade, outra do carné de manipulador/a de produtos fitosanitarios, o xustificante de ser satisfeito o importe do servizo segundo os prezos públicos que figuran no artigo 17 e o recibo de autoliquidación das taxas correspondentes xunto co anexo II-bis cuberto.

No caso de tratarse de persoas físicas, a copia do NIF non se presentará se aquel/aqueles permite/n expresamente á Consellería do Medio Rural e do Mar, co fin de acreditar eses datos de carácter persoal, a súa consulta a través de acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e foméntase a utilización de medios electrónicos.

2. A presentación será preferentemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 15 de setembro de 2011, pola que se aproba a posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es. Subsidiariamente poderase presentar no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estean situadas as instalacións ou onde teña a súa sede social, ou en calquera dos lugares establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Requisitos para inspeccionar a maquinaria

As ITEAF determinarán as condicións e o grao de limpeza en que deben de estar os equipos para a súa inspección, de acordo co establecido no Manual de Inspeccións regulado no artigo 11.4 do real decreto.

Artigo 17. Resultados das inspeccións

1. A ITEAF remitirá mensualmente á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal unha listaxe informática dos equipos inspeccionados xunto co resultado das inspeccións.

2. O resultado da inspección será favorable cando non se detectase ningún defecto grave, entendendo como tal cando este afecte severamente a calidade de distribución do produto, a seguridade do operario ou o ambiente, e tipificado como tal no manual de Inspeccións.

No caso de resultado favorable da inspección, a ITEAF proporcionará ao titular do equipo, por cada un dos equipos inspeccionados, un certificado e un boletín de inspección que terá validez en todo o territorio nacional, así como un distintivo autoadhesivo, que figura como anexo IV deste decreto e que deberá ser colocado nun lugar ben visible do equipo. No citado distintivo indicarase o ano límite no que debe pasarse a próxima inspección, a identificación da ITEAF que realizou a inspección e o número indicativo da inspección. Unha copia de ambos os dous documentos, así como calquera outro documento xerado na inspección, estará dispoñible na propia ITEAF, podendo estar en formato electrónico.

3. Os certificados e boletíns de inspección terán os contidos mínimos que figuran no anexo III do Real decreto 1702/2011, e deberá conservarse copia deles durante polo menos 5 anos.

4. Cando o resultado da inspección sexa desfavorable, situación que supón a imposibilidade de utilización do equipo, a ITEAF emitirá o correspondente certificado no que se fará mención expresa dos defectos atopados, tanto leves como graves, e incluirase o prazo máximo no que se debe realizar unha nova inspección, que deberá ser na mesma ITEAF, e que non poderá exceder de 30 días contados desde a data de emisión do certificado.

Artigo 18. Tarifas e aplicación de prezos públicos

1. Os prezos públicos, cuxas contías se fixan neste artigo, poderán ser percibidos pola Administración cando o servizo sexa prestado por unha unidade administrativa ou empresa pública que establecese convenio coa Administración para realizar os servizos de inspección de maquinaria e instalacións de aplicación de produtos fitosanitarios.

2. As contías destes prezos públicos, conforme os supostos de feito que se relacionan, serán as seguintes:

a) Inspección de máquinas de menos o igual a 600 litros de capacidade do depósito de tratamentos: 40 €.

b) Inspección de máquinas de máis de 600 litros de capacidade do depósito de tratamentos: 60 €.

c) Inspección de instalacións en invernadoiros: 72 €.

d) Inspección de equipos instalados en aeronaves: 120 €.

e) Inspección de pulverizadores de arrastre manual (carretillas) con depósito de máis de 100 litros de capacidade: 18 €.

3. A xestión, liquidación e recadación dos prezos públicos establecidos neste decreto axustaranse ao disposto na normativa vixente na materia.

4. Os prezos públicos regulados neste decreto actualizaranse o 1 de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titular da consellería competente na materia, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

5. As ITEAF privadas fixarán as tarifas propostas na documentación que presentaron para a súa autorización, segundo dispón o artigo 7 deste decreto. O órgano competente en materia de sanidade vexetal tratará de garantir que se apliquen uns prezos razoables, que a actividade se preste en toda a comunidade autónoma e que os prezos non resulten disuasorios para os usuarios no cumprimento das súas obrigacións.

CAPÍTULO V
Formación

Artigo 19. Unidades de formación da inspección

1. Na comunidade autónoma de Galicia, a competencia para impartir os cursos de inspector e director técnico de ITEAF será o órgano competente en materia de formación agroforestal e transferencia tecnolóxica, que se constituirá como Unidade de Formación da Inspección en Galicia.

2. Esta Unidade de Formación da Inspección rexerase polo disposto no artigo 13 do real decreto.

3. A Unidade de Formación da Inspección poderá, para a organización ou impartición teórico-práctica dos cursos de inspectores e directores, colaborar cos departamentos ou entidades que dispoñan dos equipos de calibración e maquinaria de tratamento necesarios para a impartición das clases prácticas, en cumprimento do disposto no real decreto.

4. A asistencia, duración e contido mínimos dos programas de formación de directores técnicos das ITEAF e dos inspectores, axustaranse ao establecido no anexo IV de devandito real decreto.

5. Para a obtención do certificado de aptitude, os alumnos deberán superar dúas probas de aptitude; unha respecto da formación técnico-teórica e, outra, no tocante á formación técnico-práctica. A definición destas probas detállase no anexo IV, punto 3, do real decreto.

6. Os certificados de aptitude do persoal que poida formar parte das ITEAF, directores técnicos e inspectores, serán emitidos polo responsable da Unidade de Formación da Inspección, e darase traslado dos aspirantes que o obtiveron ao órgano competente en materia fitosanitaria da comunidade autónoma.

CAPÍTULO VI
Comité Fitosanitario Galego

Artigo 20. Creación do Comité Fitosanitario Galego

Como órgano consultivo para o asesoramento en materia de sanidade vexetal créase o Comité Fitosanitario Galego.

Artigo 21. Composición do Comité Fitosanitario Galego

O Comité Fitosanitario Galego terá a composición que se relaciona a continuación:

a) Presidente/a: a persoa que desempeñe o cargo de director/a xeral con competencias en materia de sanidade vexetal, ou funcionario/a en quen delegue.

b) Vicepresidente/a: a persoa que desempeñe o cargo de subdirector/a xeral con competencia en recursos forestais, ou funcionario/a en quen delegue.

c) Secretario/a: a persoa que desempeñe o cargo de subdirector/a xeral con competencia en explotacións agrarias, ou funcionario/a en quen delegue.

d) Os/as vogais que se relacionan a continuación:

1. Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo, nomeado/a pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

2. Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a por a persoa responsable da secretaría xeral competente en materia de saúde e vitalidade das masas forestais.

3. Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a por a persoa responsable do órgano competente en materia de investigación e formación agraria.

4. Un/unha funcionario/a con rango igual ou superior a xefe/a de servizo nomeado/a pola persoa titular da dirección xeral competente en programas de control de riscos ambientais para a saúde da consellería competente en materia de sanidade e saúde pública.

5. O director do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

6. O director da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra.

7. Dúas persoas especialistas en sanidade vexetal, designadas pola persoa responsable da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal.

8. Dúas persoas especialistas en sanidade forestal, designadas pola persoa responsable da secretaría xeral competente en materia de saúde e vitalidade das masas forestais.

9. Dúas persoas especialistas en sanidade vexetal, designadas pola persoa responsable do órgano competente en materia de investigación e formación agraria.

10. Un/unha especialista en diagnóstico fitopatolóxicos, designado pola persoa responsable do órgano competente en materia de innovación e experimentación agroforestal.

11. Un/unha especialista en residuos de produtos fitosanitarios, designado pola persoa responsable do órgano competente en materia de innovación e experimentación agroforestal.

Nos nomeamentos realizados para o Comité Fitosanitario Galego procurarase conseguir unha presenza equilibrada de homes e mulleres na composición total.

Artigo 22. Funcións do Comité Fitosanitario Galego

O Comité Fitosanitario Galego será o órgano consultivo para o asesoramento nos seguintes aspectos relacionados coa sanidade vexetal:

a) Os plans anuais de prospección de organismos nocivos dos vexetais presentes na comunidade autónoma, e dos programas de erradicación de organismos nocivos dos vexetais non establecidos nesta.

b) A tecnoloxía e uso dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios encamiñados a conseguir un mínimo impacto ambiental, así como á seguridade no traballo e prevención de riscos na manipulación dos produtos fitosanitarios.

c) O rexistro de establecementos e servizos de produtos fitosanitarios.

d) Os programas de control de residuos de produtos fitosanitarios en orixe.

e) A capacitación para a utilización dos produtos fitosanitarios dos agricultores e do persoal de establecementos e servizos de produtos fitosanitarios.

f) A xestión de envases baleiros dos produtos fitosanitarios.

g) Os servizos prestados polos laboratorios oficiais de identificación de organismos nocivos dos vexetais e de análises de residuos de produtos fitosanitarios.

h) A investigación e experimentación das pragas e dos produtos fitosanitarios.

i) Os asuntos técnicos a petición do Comité Fitosanitario Nacional.

j) Aqueloutras funcións que lle sexan delegadas.

Artigo 23. Funcionamento do Comité Fitosanitario Galego

O Comité reunirase, polo menos, unha vez ao ano mediante convocatoria da persoa que exerza a súa presidencia.

O/a presidente/a, dependendo dos temas que se vaian tratar, poderá convocar a totalidade dos integrantes do comité ou parte dos seus membros segundo a orde do día dos temas que se vaian tratar.

O comité establecerá as súas propias normas de funcionamento, axustándose, en todo caso, ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 24. Réxime sancionador

O réxime sancionador aplicable aos incumprimentos do disposto no capítulo I ao V deste decreto será o establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Disposición transitoria única. Inscrición de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios en uso que non teñan a obrigación da súa inscrición no ROMA

Os titulares dos equipos en uso que non teñan a obrigatoriedade de inscribilos no ROMA disporán dun prazo de 6 meses contados a partir da data de publicación deste decreto para solicitar á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal a inclusión destes no censo. Estes equipos deberán cumprir coa normativa vixente.

Disposición adicional primeira. Inscrición de oficio das ITEAF

As ITEAF constituídas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou as empresas públicas ás cales esta lle encomende as inspeccións serán inscritas de oficio no RITEAF.

Disposición derrogatoria única. Derrogación de normativa.

1. Queda derrogado o artigo 15 da Orde conxunta do 14 de abril de 2009, das antigas consellerías do Medio Rural e de Sanidade, pola que se regula a formación das persoas que realizan actividades relacionadas coa manipulación e aplicación de produtos fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se crea a Comisión Técnica de Produtos Fitosanitarios.

2. Queda derrogado o artigo 9 do Decreto 304/2009, do 14 de maio, polo que se establecen as normas de recollida, transporte e tratamento dos produtos forestais procedentes das zonas afectadas polo fungo Gibberella circinata Niremberg et O’ Donnell, tamén coñecido como Fusarium circinatum Niremberg et O’Donnell, no que respecta á Comisión de Sanidade Forestal.

Disposición derradeira primeira. Competencias de seguridade industrial

As inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios ás cales se refire esta norma realizaranse, sen prexuízo das competencias que en materia de seguridade industrial correspondan a outras administracións ou órganos da Administración da comunidade autónoma.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no ámbito das súas competencias, para ditar cantas disposicións sexan necesarias no desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file