Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 5 de xuño de 2014 Páx. 25550

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANUNCIO do 23 de abril de 2014, da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, polo que se dá publicidade á expurgación de expedientes xudiciais.

Consonte o previsto no artigo 16 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, precédese á publicación da Resolución adoptada pola Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, na sesión que tivo lugar o día 23 de abril de 2014, na súa sede no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Na dita sesión e de acordo co informe emitido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Secretaría Xeral de Cultura), acordouse proceder á eliminación dos procedementos xudiciais que se atopan no arquivo de xestión da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dos recursos de suplicación e recursos de queixa dos anos 1989 a 1991, ambos os dous anos incluídos. Consérvanse os recursos de audiencia en rebeldía do dito tribunal e dos mesmos anos para a súa remisión ao Arquivo do Reino de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 16 do Real decreto 937/2003, do 18 de xullo, de modernización dos arquivos xudiciais, os interesados nas actuacións xudiciais de referencia contarán cun prazo de dous meses para recuperar aqueles documentos que presentaron no seu día no proceso. Quen pretenda recuperar documentos propios achegados ás actuacións xudiciais ou obter testemuño ou certificación destas por ter interese lexítimo, formulará a súa solicitude por escrito, directamente ou a través de representantes con poder suficiente, ante o secretario da Xunta de Expurgación, no prazo mencionado. Transcorrido o dito prazo, teranse por decaídos no seu dereito a recuperar os documentos.

A Coruña, 23 de abril de 2014

José Antonio Ballestero Pascual
Presidente da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia