Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Venres, 13 de xuño de 2014 Páx. 26856

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 67/2014, do 28 de maio, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2015.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal, as comunidades autónomas teñen facultades de opción e de substitución por outras que por tradición lles sexan propias, e tamén as poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que sexan tradicionais.

Conforme o establecido no referido artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia; por coincidir en domingo, trasládase a luns o día 1 de novembro, Todos os Santos, e substitúese o 6 de decembro, Día da Constitución, polo 20 de marzo, día seguinte a San Xosé.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e oito de maio de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015

Ademais das festas de ámbito estatal que se sinalen, para o ano 2015 decláranse festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia, con carácter retribuído e non recuperable, as seguintes:

20 de marzo

Día seguinte a San Xosé

2 de novembro

Día seguinte a Todos os Santos

25 de xullo

Día Nacional de Galicia

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da Comunidade Autónoma será determinada pola persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar. Estas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 48.7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2014.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil quince.

Santiago de Compostela, vinte e oito de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar