Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2014 Páx. 28029

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 13 de xuño de 2014 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís dependentes desta consellería para o curso 2014/15.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e a axeitada utilización do lecer, así como a promoción do desenvolvemento comunitario.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e o desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 227/2012, do 2 de decembro, fixouse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, estableceuse, no seu artigo 7, a estrutura básica da Consellería de Traballo e Benestar. A dita consellería conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo dispón o artigo 33 do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

O artigo 18.2.d) da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, trata dos servizos á xuventude, destacando entre eles as instalacións xuvenís, e no artigo 33.e) atribúense á consellería competente en materia de xuventude as funcións de coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto propias como dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade.

Neste senso a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolve o programa de fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as cales se atopan as residencias xuvenís.

As ditas instalacións póñense á disposición dos/as mozos/as estudantes coa reserva dun 9 % das prazas para a mocidade traballadora.

As prazas ofrécense en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza; ademais, nas residencias ofrécense unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das cales se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos dos/as mozos/as residentes e de calquera outro que poida beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto convocar para o curso académico 2014/15, en réxime de concorrencia competitiva, 225 prazas para mozos e mozas (de 16 a 30 anos) nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Con esta oferta póñense as residencias xuvenís ao servizo da xuventude que por razóns de estudo ou traballo se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde ten a súa residencia familiar.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

76 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 Home/muller

Vigo

Altamar

94 Home/muller

Do total de prazas resérvase un 9 % para mozos e mozas que desempeñen unha actividade estatutaria, funcionarial ou laboral, tanto se é por conta propia como allea, distribuídas do seguinte xeito:

Cidade

Residencia

Núm. prazas

Lugo

Centro Residencial Xuvenil LUG

7 Home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

5 Home/muller

Vigo

Altamar

8 Home/muller

No suposto de que non se cubran todas as prazas reservadas a persoas traballadoras coas solicitudes presentadas en prazo, as prazas restantes ofertaranse a estudantes.

Cando o número de solicitudes supere a reserva establecida, para a adxudicación das prazas aplicaranse os criterios de selección establecidos no artigo 5.

Artigo 2. Período da estadía

O período máximo de estadía das persoas beneficiarias será de 11 meses e estará comprendido entre o 1 de setembro de 2014 e o 31 de xullo de 2015. Exceptúanse os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

As persoas beneficiarias que teñan a condición de estudantes, iniciarán e finalizarán a súa estadía na residencia coincidindo co curso académico no que estean matriculadas (respectando sempre o período máximo antes indicado) e en todo caso concluirán a súa estadía co remate dos estudos desenvolvidos.

En calquera caso, as persoas beneficiarias deberán iniciar a súa estadía na residencia como prazo máximo o 15 de outubro.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

3.1. Requisitos xerais, para todas as persoas solicitantes:

Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e as mozas que reúnan os seguintes requisitos:

– Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude de praza.

– Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.

– Ter os 16 anos cumpridos e non superar os 30, na data do 31 de decembro de 2014.

3.2. Requisitos específicos para a mocidade estudante:

– Cursar estudos de ciclos formativos de grao medio, de bacharelato, de ciclos formativos de grao superior, estudos universitarios tendentes á obtención de título de grao ou equivalente ou ben, mentres non se xeneralice a implantación dos novos títulos universitarios, estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nunha facultade ou escola universitaria, ou estudos superiores en ensinanzas artísticas.

– Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios, nos cales o/a solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia familiar.

3.3. Requisitos específicos para a mocidade traballadora:

– Que o lugar de traballo teña o enderezo nun concello distinto ao lugar de residencia familiar da persoa solicitante.

– No caso de que a relación de traballo non sexa fixa ou indefinida terá que ter unha duración mínima de 3 meses contados dende a data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

– No caso de ser unha persoa traballadora autónoma por conta propia, será necesario que estea dada de alta no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, con anterioridade á publicación da presente convocatoria.

Artigo 4. Solicitude

4.1. Lugar de presentación da solicitude.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria

4.2. Documentación que se debe presentar coas solicitudes.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Todas as persoas solicitantes terán que acompañar á súa solicitude a documentación xeral sinalada no punto seguinte, ademais da específica que lles corresponda segundo sexan estudantes ou persoas traballadoras.

4.2.1. Documentación xeral para todas as solicitudes:

A) Copia do DNI ou NIE, só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

B) Libro de familia: fotocopia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar.

C) Titulo de familia numerosa: fotocopia do título de familia numerosa, de ser o caso. Cando este título fose emitido pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso presentalo sempre e cando se autorice expresamente na solicitude o acceso telemático a estes datos.

D) Certificado de empadroamento, só no caso de que o/a interesado/a non autorice expresamente na solicitude a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia.

E) Certificado de convivencia: das persoas que compoñen a unidade familiar, se é o caso.

F) Xustificación de ingresos da unidade familiar. Non será necesario presentar ningunha xustificación cando se autorice expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar, a través de medios informáticos ou telemáticos. Para consentir expresamente, a persoa interesada marcará o cadro de autorización indicado para tal efecto na solicitude e as demais persoas con ingresos que compoñen a unidade familiar asinarán no número 2 do anexo IV.

De non prestar consentimento expreso á Consellería de Traballo e Benestar para a obtención dos datos tributarios a que se refire o punto anterior, terán que presentar copia da declaración do IRPF, presentada no ano inmediato anterior á data de publicación da convocatoria, de cada unha das persoas da unidade familiar obrigadas a declarar ou, se é o caso, certificación emitida pola AEAT de non ter a obriga de declarar nese ano.

No suposto de que non sexa posible achegar a devandita certificación na data de presentación da solicitude, por non estar dispoñible, a selección quedará condicionada á presentación desta certificación con anterioridade á incorporación no centro.

No caso de que se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar poderán presentarse outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20 % no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración mínima de catro meses para ser tomadas en consideración.

G) Acreditación de ser muller xestante: se é o caso, presentarase certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude de axuda,

H) Acreditación de violencia de xénero: se é o caso, acreditarase por calquera dos medios recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que son:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo secretario xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

c) Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

d) Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

g) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

I) Orfandade: acreditación desta condición, se é o caso.

J) Discapacidade: acreditación da discapacidade igual ou superior ao 33% de calquera das persoas que compoñen a unidade familiar. No caso de documentos emitidos pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, non será preciso presentar a devandita acreditación se cada persoa da unidade familiar con discapacidade recoñecida, autoriza expresamente a Consellería de Traballo e Benestar para o acceso telemático dos seus datos. Así cando a condición de discapacidade a teña o/a solicitante, abondará con marcar o recadro correspondente da solicitude, noutro caso deberase asinar o número 1 do anexo IV.

K) Familia monoparental: acreditación mediante certificado de convivencia e sentenza de separación/divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paterno/materno-filiais.

L) Desemprego: acreditación da situación de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal, se é o caso.

4.2.2. Documentación específica para solicitudes de estudantes.

a) Certificación académica: orixinal ou copia en que figuren as notas das disciplinas correspondentes ao último curso. No caso do bacharelato LOXSE, xuntarase certificación académica da selectividade, e de non ser requisito necesario realizala, certificación académica do último curso do bacharelato LOXSE. Cando non se poida presentar esta documentación por non ter rematado o curso académico durante o prazo de presentación de solicitudes, poderá presentarse despois e como máximo ata o 11 de xullo.

b) Preinscrición/reserva de matrícula: fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria, ou ciclo formativo de grao superior ou grao medio correspondente para os/as alumnos/as que vaian cursar o 1º ano de estudos universitarios de grao medio ou superior, ou 1º ano do ciclo formativo de grao superior ou grao medio. No caso de tratarse de estudantes de bacharelato, solicitude de praza no centro en que pretenda cursar estudos, condicionado a que no seu momento presente a formalización da matrícula.

4.2.3. Documentación específica para persoas traballadoras.

a) Traballo por conta allea:

– Copia do nomeamento se a relación de traballo é funcionarial ou estatutaria.

– Copia do contrato laboral en vigor se a relación de traballo é laboral (mínimo 3 meses).

b) Traballo por conta propia: certificado do tempo cotizado no réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social.

4.3. Prazo de presentación da solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes será 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.

Se o último día de prazo é inhábil, enténdese prorrogada ata o primeiro día hábil seguinte.

Con carácter excepcional poderanse presentar solicitudes fóra do prazo establecido no punto anterior, no caso de cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente se aprecien nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar. As solicitudes presentadas fóra de prazo deberán ir xunto coa xustificación acreditativa da circunstancia que as motiva. Así mesmo, a súa admisión estará condicionada á existencia de prazas dispoñibles no centro onde se solicite a praza.

4.4. Emenda da solicitude.

Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, a xefatura territorial correspondente requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

4.5. Inadmisión de solicitudes.

As solicitudes que non se presenten na forma, lugar e tempo sinalados nos números 4.1 e 4.3 serán inadmitidas, agás que o número de solicitudes sexa inferior ao número de prazas ofertadas, caso en que poderían admitirse e baremarse segundo o establecido no artigo 5.

Artigo 5. Criterios de selección

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas segundo o baremo establecido neste artigo.

5.1. Baremo xeral, aplicable a todas as persoas solicitantes:

a) Antigüidade na residencia: aqueles/as que xa foron residentes en cursos anteriores: 1 punto.

Estes criterios preferentes non se terán en conta para o caso daqueles/as residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de rematar o curso académico. Non obstante, puntuaranse os criterios indicados no caso de non completar o curso académico na residencia polos seguintes motivos:

– Enfermidade persoal dos/das residentes ou dalgún/dalgunha familiar cos/coas cales convivan, debidamente xustificada.

– Ser persoas merecedoras dunha bolsa de Erasmus ou Séneca.

– Ter que realizar as prácticas académicas noutra localidade.

En todo caso, a admisión de persoas que xa fosen residentes en cursos anteriores, queda condicionada á inexistencia dun informe desfavorable por parte da comisión cualificadora prevista no artigo 6, baseado no incumprimento das normas de réxime interno ou inadaptación á normal convivencia e mínimo respecto cívico que debe rexer nestes centros.

b) Renda da unidade familiar: terase en conta a relación de ingresos/número de persoas que compoñen a unidade familiar.

A renda calcularase por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro (cadros 465+455 da declaración de IRPF). Tomarase o importe do total dos ingresos da unidade familiar (suma das rendas do total de membros computables), e o resultado dividirase polo número de membros computables para obter así a renda media da unidade familiar.

O importe da renda enténdese referido a declaración do IRPF presentada no ano inmediato anterior á data de publicación desta convocatoria.

Non obstante, cando as circunstancias na data da declaración do IRPF antes indicada non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, e sempre e cando cumpran as condicións establecidas no último parágrafo do artigo 4.2.1.F)

A renda media da unidade familiar puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50 % do IPREM: 8 puntos.

Entre o 50 % e o 75 % do IPREM: 6 puntos.

Superior ao 75 % e inferior ao 100 % do IPREM: 4 puntos.

Entre o 100 % e o 125 % do IPREM: 2 puntos.

Superior ao 125 % e inferior ao 150 % do IPREM: 1 punto.

c) Situación de familia numerosa:

– Categoría xeral: 0,25 puntos.

– Categoría especial: 0,50 puntos.

d) Orfandade:

– Condición de orfandade: 0,50 puntos.

– Condición de orfandade absoluta: 1 punto.

e) Discapacidade de calquera membro da unidade familiar. Por cada membro da unidade familiar con discapacidade:

– Igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 0,50 puntos.

– Igual ou superior ao 65 %: 1 punto.

f) Residencia: por ter a súa residencia familiar en Galicia: 2 puntos.

g) Embarazo: por ser muller en estado de xestación: 1 punto.

h) Violencia de xénero: mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas solicitantes cuxas proxenitoras a sufrisen, sempre que a acreditación das ditas circunstancias sexa emitida con anterioridade á data da presentación da solicitude: 1 punto.

i) Outras circunstancias sociofamiliares: por calquera outra circunstancia socio-familiar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión cualificadora e adecuadamente acreditada no momento de presentar a solicitude ata un máximo de 2 puntos. En todo caso:

– Por ter algún/algunha irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

– Por ter a condición de familia monoparental: 1 punto. Enténdese por familia monoparental a unidade familiar formada por un/unha único/a proxenitor/a que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que, de existir outro/a proxenitor/a, non contribúa economicamente ao sustento.

j) Desemprego: situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai e/ou da nai ou do/da titor/a legal: 1 punto por cada situación.

5.2. Baremo específico para estudantes:

No suposto de que as persoas solicitantes sexan estudantes, terase en conta, ademais do establecido no punto anterior:

a) Cursar estudos:

– Universitarios, estudos superiores en ensinanzas artísticas: 1 punto.

– Ciclos formativos de grao superior, medio ou bacharelato: 2 puntos.

b) Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade (na proba de acceso á úniversidade terase en conta só a nota media da parte xeral). Cando o curso universitario sobre o cal se fai a media non sexa completo, teranse en conta o número de créditos cursados e ponderarase a nota media en base a 60 créditos dos que conta o curso universitario segundo o plan Bolonia.

A puntuación nesta alínea correspóndese no baremo coa dita nota media.

5.3. Baremo específico para persoas traballadoras.

No caso de que as persoas solicitantes sexan traballadoras, sumarase ao baremo xeral:

a) Traballadores/as por conta allea. A duración da relación laboral, que será como mínimo de 9 meses contados dende a data de remate de presentación de instancias, valorarase con 5 puntos. Esta valoración incrementarase 1 punto máis por cada mes de duración do contrato ata un máximo de 10 puntos. Os contratos de duración indeterminada ou indefinida, así como a relación estatutaria ou funcionarial de carácter permanente valoraranse con 8 puntos.

b) Traballadores/as por conta propia. No caso de traballadores/as por conta propia, a alta no Réxime de traballadores/as autónomos/as da Seguridade Social, que deberá terse producido cunha antelación mínima de tres meses desde a data en que remate o prazo de presentación de instancias, valorarase en 5 puntos, incrementándose 1 punto máis por cada mes que teña cotizado no dito réxime, ata un máximo de 10 puntos.

5.4. Membros computables da unidade familiar:

Para os efectos do disposto neste artigo, considéranse membros computables da unidade familiar:

– A persoa solicitante, o pai, a nai ou os/as titores/as legais, e os/as irmáns/irmás menores de idade que convivan no domicilio familiar ou os/as de maior idade incapacitados/as xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada. Tamén se considerarán membros da unidade familiar, irmáns e irmás, descendentes e ascendentes ata segundo grao que convivan coa persoa solicitante e que non dispoñan de ingresos ou que os teñan inferiores ao 50 % do IPREM.

– En cumprimento do establecido no artigo 6.2 da Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, terase en conta o seguinte:

Computarase que a unidade familiar da cal forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo no número de fillos/as que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe.

– No caso de divorcio ou separación legal do matrimonio non se considerará membro computable aquel/aquela que non conviva coa persoa solicitante, sen prexuízo de que nos ingresos de base de familia se inclúa a súa contribución económica. Non obstante, si terá a consideración de membro computable, se é o caso, o/a novo/a cónxuxe ou persoa unida por análoga relación de afectividade, tendo que incluír a súa renda e o seu patrimonio.

– Cando a persoa solicitante constitúa unidade familiar independente, tamén se considerarán membros computables o/a cónxuxe ou persoa con que estea unido/a por análoga relación, así coma os/as fillos/as se os/as tiver. Neste caso deberá acreditar suficientemente esta circunstancia e o seu domicilio, así como o pagamento do alugueiro da vivenda, se é o caso, e dos medios económicos con que conta. De non xustificar suficientemente estes datos, a solicitude será sometida a exame pormenorizado con comprobación da renda e a situación real do/da solicitante.

Artigo 6. Comisión cualificadora

6.1. A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída por:

– Presidente/a: a persoa que exerza a xefatura do Servizo de Xuventude e Voluntariado da correspondente provincia.

– Vogais:

– Unha persoa funcionaria Servizo de Xuventude e Voluntariado desa provincia.

– As persoas que exerzan a dirección das residencias xuvenís situadas nesa provincia.

– Secretario/a: unha persoa funcionaria nomeada pola persoa titular da xefatura territorial correspondente.

6.2. A comisión cualificadora reserva para si o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para aclarar a valoración das solicitudes.

Artigo 7. Resolución da convocatoria e adxudicación de praza

7.1. Relación de admitidos/as e lista de espera.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no artigo 5. Cada comisión cualificadora confeccionará una lista, por orde de puntuación, coas solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de selección ao/a xefe/a territorial da Consellería de Traballo e Benestar, que será quen resolva.

A relación provisional de admitidos/as e maila lista de espera, coa puntuación obtida, farase pública na páxina web http://xuventude.net e poderá consultarase nas xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar e nas propias residencias xuvenís, así como na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e no Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán de Santiago de Compostela.

As persoas interesadas terán o prazo dos 10 días naturais posteriores á data da exposición pública da relación provisional para efectuar as reclamacións que consideren oportunas. As ditas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva

A lista de espera estará formada polas persoas que non obteñan praza, e estará ordenada segundo a orde de puntuación obtida en aplicación ao baremo indicado no artigo 5.

7.2. Resolución de adxudicación da praza, notificación e recurso.

Unha vez comprobadas as reclamacións presentadas contra a relación provisional elevarase a relación definitiva á xefatura territorial.

A resolución de adxudicación da praza e maila relación definitiva de admitidos/as e a lista de espera coa puntuación obtida, será aprobada polo/a xefe/a territorial no prazo máximo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. As ditas relacións faranse públicas na páxina web: http://xuventude.net e poderán consultarse nos mesmos lugares indicados para a relación provisional.

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela pódese interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben, no caso de silencio administrativo, no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de non ditar resolución expresa nun prazo de catro meses desde a data de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a solicitude correspondente.

Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os servizos de xuventude das xefaturas territoriais respectivas notificaranlles ás persoas interesadas a resolución de adxudicación.

7.3. Adxudicación de prazas vacantes con posterioridade a resolución inicial.

Con posterioridade á primeira proposta de resolución, poderanse realizar outras sen necesidade de que se reúna de novo a comisión cualificadora, sempre que se respecte a orde da lista de espera.

As prazas vacantes que se vaian producindo durante o curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os/as solicitantes da lista de espera.

De non existir lista de espera e se o número de prazas ocupadas é inferior ao de prazas ofertadas, ou de esgotarse a lista de espera por producirse vacantes ao longo do curso, poderán adxudicarse prazas, conforme os criterios de valoración establecidos nesta orde, a aqueles/as mozos e mozas que queden excluídos por non presentar a solicitude en tempo ou por non reunir os requisitos establecidos no artigo 3.

7.4. Adxudicatarios/as de praza na residencia.

7.4.1. Documentación que deben presentar.

Na notificación da resolución de adxudicación requiriranse as persoas beneficiarias para que presenten a seguinte documentación, advertíndolles que no caso de non atender o requirimento entenderanse decaídos no seu dereito á praza e redactarase nova proposta de resolución segundo o disposto neste artigo.

a) Fotocopia da tarxeta sanitaria, ou no seu defecto calquera outro documento de asistencia médica e farmacéutica.

b) Certificado de non padecer enfermidade infectocontaxiosa e de vacinacións.

c) Dúas fotografías tamaño carné.

d) Xustificante bancario de pagamento dunha mensualidade en concepto de reserva de praza. O prezo e a forma de pagamento especifícanse nos artigos 9.1 e 9.2. respectivamente.

e) Se a persoa beneficiaria ten a condición de estudante, fotocopia do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que vai cursar ou, no caso do alumnado de 3º ciclo, certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente conforme a persoa interesada está realizando o doutoramento naquel.

7.4.2. Prazo e lugar de presentación:

A documentación a que se refire o punto anterior terán que presentala no Servizo de Xuventude da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, ou na mesma residencia adxudicada, no prazo de 10 días hábiles contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia do xustificante de matrícula ou o certificado da persoa que exerza a xefatura do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 2014, con excepción do establecido no artigo 4.2.2.B) para o caso de alumnos/as de 1º curso. No caso de que o/a interesado/a non poida presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, e, non obstante, deberá presentar a fotocopia do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 8. Renuncia e perda do dereito

8.1. Renuncia.

A renuncia dunha praza da que sexan adxudicatarios/as deberase facer por escrito e enviarse á xefatura territorial correspondente. A renuncia producirá os efectos económicos do artigo 9.3.

8.2. Perda do dereito á praza.

Entenderanse decaídos/as no seu dereito e poderán perder a súa condición de adxudicatarios/as da praza polos seguintes motivos:

a) Por non presentar en tempo e forma a documentación requirida para formalizar a adxudicación, incluído o pagamento dunha mensualidade, segundo recolle o artigo 7.4.

b) Polo impagamento do prezo establecido, segundo o disposto no artigo 9.2.

c) Por non cumprir coas súas obrigas como residentes, logo de expediente disciplinario, conforme establece o artigo 11.1.

d) Por non incorporarse á residencia en prazo, tal e como establece o artigo 11.4.

e) Pola comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

f) Pola ausencia inxustificada da residencia durante máis de 15 días.

A perda do dereito será resolta pola xefatura territorial por proposta da dirección da residencia e notificarase ás persoas interesadas por escrito.

No caso de perda do dereito á praza non se procederá á devolución da cota mensual abonada, se for o caso.

8.3. En calquera dos casos sinalados nos puntos precedentes, por renuncia ou por perda do dereito, a praza que resulte vacante cubrirase conforme a lista de espera confeccionada pola comisión cualificadora, conforme o disposto no artigo 7.

Artigo 9. Condicións económicas

9.1. Prezo mensual

De acordo co estipulado na letra D do anexo I da Orde do 23 de decembro de 2013 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, durante o ano 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 2, do venres 3 de xaneiro de 2014) a cota que haberá que aboar por mes será:

Residentes internos/as: 324 euros.

9.2. Pagamento do prezo.

Unha vez comunicada a admisión, farase unha entrega dunha mensualidade completa en concepto de reserva de praza. A reserva de praza supón o pagamento dunha mensualidade, non reintegrable no caso de perda do dereito á praza ou expulsión. Esta cantidade poderá devolverse ou, a criterio das propias residencias, validarse pola última mensualidade que a persoa estudante ou traballadora permaneza no centro.

O pagamento do primeiro e último mes de estadía na residencia será proporcional aos días reais de permanencia nela, segundo á data de inicio e remate do plan de estudos de cada residente estudante, ou da relación laboral de cada traballador/a.

As cotas restantes poderanse aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos dez primeiros días de cada trimestre ou mes durante a duración do curso 2014/15, segundo estableza o plan de estudos da persoa beneficiaria. Non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

O prezo aboarase mediante ingreso nas entidades bancarias autorizadas, utilizando para iso o impreso normalizado de prezos privados da Comunidade Autónoma de Galicia (modelo RE), que estará á disposición das persoas interesadas nas propias Residencias e nas xefaturas territoriais; tamén se poderá facer o ingreso telemático (con ou sen certificado dixital) a través da oficina virtual https://host.cixtec.es/EntradaOficinaVirtual/OV/ga/OV_Tributaria.htm. Posteriormente deberá entregarse o xustificante de pagamento na propia residencia.

Transcorridos 15 días dende a finalización do prazo previsto para o pagamento do prezo, sen que a persoa beneficiaria realice o ingreso, poderá acordarse a perda do dereito á praza e a expulsión do beneficiario/a da instalación, e procederase a adxudicar a praza a outra persoa seguindo a orde da lista de espera.

9.3. Devolución de cantidades.

A renuncia voluntaria que se comunique 15 días despois da entrada do/da residente na residencia dará lugar á perda da devandita cantidade entregada, e a que se comunique ata a mencionada data dará lugar á devolución da cantidade entregada excepto da parte proporcional a media mensualidade; neste caso deberá solicitar a devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo III desta orde.

A persoa solicitante da devolución debe ser a mesma que a titular da conta en que se solicita o ingreso da devolución.

9.4. Minoración do prezo por reserva da praza.

Con carácter excepcional, as persoas residentes que se ausenten xustificadamente durante un mes natural, poderán manter o seu dereito á praza aboando o 50 % do prezo mensual establecido en concepto de reserva. Se a duración da ausencia é de períodos alternos inferiores a un mes, deducirase economicamente a parte proporcional. Se a ausencia ten unha duración superior a un mes poderá manterse o dereito á praza aboando cada mes o 25 % do prezo mensual en concepto de reserva.

A reserva farase durante un máximo de 3 meses, agás que o/a residente faga unha petición expresa en que xustifique as causas e que será atendida segundo as necesidades de funcionamento da residencia.

Considerarase motivo xustificado de ausencia para solicitar a reserva a obriga do alumnado de facer as prácticas dos estudos que estea cursando, en concello distinto ao da residencia, así como os intercambios de inmersión lingüística ou cultural que obriguen a cursar estudos no estranxeiro durante uns meses. Así mesmo, terase a mesma consideración cando unha persoa traballadora teña unha suspensión ou extinción do contrato. Para calquera residente será causa xustificada a súa enfermidade ou a dun/dunha familiar directo/a, debidamente acreditada.

Artigo 10. Servizos ofertados

10.1. Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

– Aula de estudo-biblioteca.

– Salas de xogos.

– TV e vídeo.

– Actividades culturais e deportivas.

– Información aos pais e/ou as nais ou titores/as legais sobre o comportamento do seu fillo ou da súa filla cando os/as pais/nais ou titores/as legais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

10.2. A asistencia médica e gastos farmacéuticos será por conta do/a residente, que deberá traer o día da incorporación a fotocopia da tarxeta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico do que sexa beneficiario/a (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá un caixa de primeiros auxilios.

10.3. As fins de semana e festivos non se prestarán servizos de comedor.

10.4. Durante as vacacións académicas de Nadal e Semana Santa, non se ofrecerán os servizos de mantenza nin de aloxamento, aínda que se lles reservará ás persoas residentes o dereito á tenza de utensilios nos cuartos, durante calquera destes períodos vacacionais.

Artigo 11. Obrigas das persoas residentes

11.1. Os/as residentes comprometeranse a respectar e cumprir as normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento, logo da tramitación do expediente disciplinario no cal se respectará en todo caso o trámite de audiencia, poderá dar lugar, de ser o caso, á perda da condición de residente.

11.2. Os/as residentes deberán deixar os cuartos libres inescusablemente o día que finalice o calendario académico en todo caso o prazo máximo será o 31 de xullo. No caso de que o/a residente sexa menor de idade deberá abandonar a residencia as fins de semana e días non lectivos, agás autorización expresa dos/as pais/nais ou titores/as legais.

11.3. Os danos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores, e das súas autoras ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ao seu uso, e terán que aboar o seu custo.

11.4. Os/As adxudicatarios/as poderán incorporarse ás residencias xuvenís de acordo co inicio do curso académico segundo estableza o plan de estudos do/a beneficiario/a e dentro do prazo máximo establecido no artigo 2, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. No seu defecto entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos, e procederase a cubrir a vacante conforme o disposto nos artigos 7 e 8.3 desta orde.

11.5. O estado de saúde do/a residente deberá en todo momento permitir o normal desenvolvemento da vida residencial; en caso contrario e por prescrición facultativa deberá abandonar a residencia ata a súa recuperación.

Artigo 12. Autorizacións

A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Coas solicitudes, as persoas interesadas deberán presentar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file