Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Xoves, 26 de xuño de 2014 Páx. 28834

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2014 pola que se anuncia a convocatoria pública de subvencións á distribución para as industrias culturais, asociacionismo profesional e salas de artes escénicas para o ano 2014.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008, «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás.

h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos.»

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións á distribución de produtos culturais, asociacionismo profesional no ámbito das industrias culturais, e salas de artes escénicas de carácter privado, para o exercicio 2014, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para:

a) Promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro.

b) Potenciación do asociacionismo profesional no ámbito da produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural, con domicilio, sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Fomentar a estabilidade e consolidación das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolvan programacións artísticas de carácter profesional.

2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera organismo dependente.

3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.

4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

5. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

d) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Segunda. Beneficiarios e modalidades da subvención. Requisitos

1. Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as seguintes entidades:

Modalidade A: distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de outubro de 2014:

Modalidade A.1: subvencións para a distribución exterior de espectáculos de artes escénicas e musicais. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións/concertos e, en ningún caso, máis de oito no mesmo espazo.

Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega.

Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma. Beneficiarios: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola comunidade autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas. En ningún caso, máis de catro representacións nun mesmo espazo.

Modalidade B: asociacionismo. Beneficiarios: entidades e asociacións profesionais representativas das empresas e profesionais no sector da produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural, que acrediten os seguintes requisitos:

– Ausencia de ánimo de lucro.

– Ter social ou estatutariamente como obxecto social a promoción de produtos culturais, en todas as súas modalidades, para a defensa dos intereses das empresas e profesionais destes ámbitos.

– Sede ou domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Ámbito de actuación autonómico.

Modalidade C: salas: persoas físicas ou xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade igual ou inferior a 250 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2014. Exclúense salas cuxa titularidade pertenza á asociacións ou outras entidades sen ánimo de lucro. O solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante fotocopia da escritura de propiedade, contrato de aluguer ou outros documentos válidos en dereito, e deberá estar en posesión da licenza de apertura da sala para a que solicita a axuda na actividade correspondente.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Importes e límites das subvencións nas modalidades de distribución

1. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 350.000 euros, da partida orzamentaria 2014.09.A1.432.B.470.0, para a modalidade A, 50.000 euros para a modalidade B, da partida orzamentaria 2014.09.A1.432B.481.0, e 60.000 euros para a modalidade C, da partida orzamentaria 2014.09.A1.432.B.470.0.

2. A contía máxima total que poderá obter unha empresa beneficiaria no conxunto das distintas modalidades A da presente convocatoria será de 40.000 euros, cos seguintes límites:

2.1. Modalidades A.1 e A.2.

O correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos/actores/bailaríns/manipuladores) e técnico necesario para a distribución do espectáculo, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

– Gastos de desprazamento:

Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e a viaxe de volta, quedando excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. Si son gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra, no caso de que se teñan representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución. En todo caso, deberán achegarse as facturas correspondentes aos gastos xustificados.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes:

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

– Peaxes de autoestradas, combustibles, alugamento de vehículos, desprazamento a aeroportos.

– Billetes de autobús e tren:

Aparte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 30 euros en España e Portugal, 50 euros no resto de Europa e 80 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte:

Enténdense por transporte aqueles gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado. O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 no resto de Europa e 800 no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento:

Deberán acreditarse os gastos subvencionados coas correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes ...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que poderá xustificarse co aboamento das axudas de custo legalmente permitidas. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

• España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 36 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 40 euros por persoa e día.

• Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

• Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 80 euros por persoa e día.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

• No caso de non ser representacións consecutivas:

España e Portugal: 2 días.

Resto de Europa: 3 días.

Resto do mundo: 4 días.

• No caso de representacións consecutivas:

Os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope de un día intermedio por data de representación artística ou concerto.

2.2. Modalidade A.3.

O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival ou mercado cultural, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2), así como os dereitos ou as cotas de asistencia e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo total e co máximo de 4.000 euros por feira e 25.000 euros anuais por solicitante.

Non son obxecto desta liña de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representación, nin os correspondentes á elaboración de materiais promocionais.

2.3. Modalidade A.4.

O apoio á distribución de espectáculos de artes escénicas dentro da Comunidade Autónoma. A Agadic subvencionará ata o 100 % dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social) necesario para a representación, correspondentes á data da súa realización, cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables son:

Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

Ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

Máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros.

A contía máxima de salario do persoal artístico subvencionable enténdese referida aos mínimos fixados polo convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

Enténdese por caché, para os efectos desta cláusula, o establecido na Rede galega de teatros e auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede galega de teatros e auditorios, o cachet será o que eles establezan na solicitude.

Só se subvencionarán os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública para espazos escénicos convencionais.

As compañías só poderán ser beneficiarias desta subvención nun máximo de catro representacións por espazo.

En ningún caso serán obxecto de subvención as funcións contratadas pola Agadic e, en xeral, pola Xunta de Galicia e calquera das entidades do sector público galego, nin as que sexan consecutivas a estas no mesmo espazo.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché, ademais dos límites establecidos no punto anterior, a contía total de tal contraprestación máis a axuda da Agadic non poderá superar o 100 % do caché.

3. Importes e límites na modalidade B: asociacionismo.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 15.000 euros por entidade beneficiaria, sen que poida superar o 70 % do total dos gastos que se realicen, nin o 70 % dos ingresos totais da entidade no exercicio 2013. Do importe total concedido, o 50 % da axuda estará destinada ao financiamento das actividades propostas pola asociación no seu proxecto de programación e o 50 % restante aos gastos xerais de funcionamento do solicitante.

4. Importes e límites na modalidade C: salas.

Concederase unha dotación unitaria máxima de 30.000 euros por entidade beneficiaria, co límite do 50 % do orzamento do proxecto presentado.

Cuarta. Inicio do procedemento: solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes da modalidade A (distribución) será desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2014.

2. O prazo de presentación das solicitudes das modalidades B (asociacionismo) e C (salas), será de un mes desde o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase, ademais, que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sexta. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos no parágrafo seguinte, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic; neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, e quedará eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Ademais da solicitude, os interesados nestas subvencións presentarán a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

2.1. Documentación xeral.

– Se o solicitante é unha persoa xurídica privada, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, orixinal ou fotocopia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda e documentación que acredite de forma suficiente a representación e identidade de quen asina a solicitude, xunto co certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

No suposto de se tratar de sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, deberán nomear un representante ou apoderado legal único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Deberán facer constar tal circunstancia tanto na solicitude como na aceptación da concesión da axuda, debendo igualmente facer constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

Así mesmo, deberáselle exixir a este tipo de agrupacións sen personalidade xurídica propia o compromiso de non disolución destas ata a finalización dos prazos de prescrición establecidos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o artigo 8 da citada lei.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

2.2. Documentación específica para a modalidade A.

a) Modalidade A.1: subvencións para a distribución exterior de espectáculos de artes escénicas e musicais e modalidade A.2: subvencións para a exhibición de espectáculos de artes escénicas e musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

– Ficha de distribución (anexo II).

– Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

b) Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia

– Ficha de distribución (anexo II).

– Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

c) Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

– Ficha de contratación (anexo III).

– Contrato de actuación.

2.3. Documentación específica para a modalidade de asociacionismo profesional (modalidade B).

– Memoria de actividades dos anos 2012 e 2013.

– Proxecto de programación para este exercicio.

– Memoria económica da asociación ou entidade (anexo IV).

– Plan económico-financeiro (anexo V).

– Acreditación da representatividade da asociación.

2.4. Documentación específica para a modalidade de salas (modalidade C).

– Fotocopia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que acrediten a dispoñibilidade da sala por parte do solicitante.

– Licenza de apertura do espazo.

– Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

– Ficha do proxecto de programación (anexo VI).

– Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada do plan de accións de comunicación e márketing correspondente.

– Plan económico-financeiro (anexo VII).

3. A documentación poderá ser entregada en soporte papel, CD-Rom ou en memoria USB. En calquera dos soportes que se presente deberán figurar os mesmos ficheiros e con igual contido. Todos os ficheiros deberán incorporar un índice do seu contido. Os formatos dos ficheiros poderán ser PDF ou Excel. Se se inclúen ficheiros con fotografías ou debuxos, serán en formato JPG.

A documentación poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sétima. Autorizacións e consentimentos

1. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte do interesado comportará a autorización automática á Agadic para que esta poida solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia. Porén, o solicitante poderá denegar expresamente tal consentimento mediante escrito presentado ante o órgano xestor, neste caso deberá presentar os certificados indicados nos termos previstos regulamentariamente.

2. O/a solicitante dará o seu consentimento expreso para a comprobación telemática do DNI ante o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización dos medios electrónicos. No caso de que o solicitante non queira autorizar a Agadic para obter os datos do seu DNI, terá que achegar a copia deste xunto co resto da documentación.

3. Ás solicitudes dos interesados xuntaranse os documentos e informacións previstos na base sexta, salvo que a documentación exixida xa estivese en poder da Agadic. Neste caso, o solicitante poderase acoller ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, quedando eximido da súa presentación, sempre e cando así o faga constar e especifique a data e o órgano ou a procedencia en que foron presentados ou emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan; todo isto de conformidade co estipulado no artigo 20.3 da Lei de subvencións de Galicia.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

5. Declaración comprensiva de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis ou, de ser o caso, declaración de que non solicitou ou percibiu outros ingresos ou subvencións.

Oitava. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707, Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a agadic@xunta.es.

Novena. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. Na concesión das subvencións da modalidade A: distribución, seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados por un único acto pola dirección da Axencia, elevándoos á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesa convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro da Agadic.

Ao se tratar dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Na concesión das subvencións das modalidades B: asociacionismo, e C: salas, seguirase un procedemento de concorrencia competitiva en que a comisión de avaliación ordenará os expedientes por puntuación, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos para cada modalidade.

3. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

4. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. O presidente do Consello Reitor da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda, da porcentaxe de axuda sobre o investimento subvencionable e a distribución da axuda por anualidades.

6. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.5 b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Agadic. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

8. Nas modalidades B: asociacionismo, e C: salas, os beneficiarios poderán enviar, no prazo de 15 días dende a notificación da subvención concedida, un plan económico adaptado á subvención concedida, para o suposto de que esta fose inferior á contía solicitada, e pola diferenza entre ambas as cantidades.

Décima. Comisión e criterios de valoración

1. A comisión de avaliación para as modalidades B e C estará presidida pola persoa titular da Dirección da Agadic, que nomea os seus membros, e que está constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. Os criterios de valoración para a modalidade de asociacionismo profesional (Modalidade B) son os seguintes:

– Representatividade da entidade (porcentaxe de asociados sobre o total do colectivo no seu ámbito): 25 puntos.

Ata o 5 %: 5 puntos.

Máis do 5 % e ata o 10 %: 10 puntos.

Máis do 10 % e ata o 25 %: 15 puntos.

Máis do 25 % e ata o 50 %: 20 puntos.

Mais do 50 %: 25 puntos.

– Porcentaxe de cofinanciamento por parte do solicitante ou terceiras entidades: 25 puntos.

Ata o 50 %, 5 puntos.

Máis do 50 % e ata o 60 %, 10 puntos.

Máis do 60 % e ata o 70 %, 20 puntos.

Máis do 70 %, 25 puntos.

– Interese xeral da programación de actividades proposta: 25 puntos.

– Actividade desenvolvida pola entidade nos anos 2012 e 2013, 25 puntos.

3. Os criterios xerais de valoración e baremación para a modalidade de salas (modalidade C) serán os seguintes:

1. Antigüidade da empresa como xestora da sala para a que solicita axuda: 6 puntos.

– De 2 a 5 anos: 1 punto.

– De 6 a 10 anos: 3 puntos.

– Máis de 10 anos: 6 puntos.

2. Capacidade da sala: 6 puntos.

– De 30 a 60 espectadores: 1 punto.

– de 61 a 100 espectadores: 3 puntos.

– máis de 100 espectadores: 6 puntos.

3. Pertenza da sala á Rede galega de salas: 4 puntos.

4. Interese artístico, calidade e relevancia do proxecto de programación: 20 puntos.

5. Número de funcións que se van realizar (excluídas as da Rede galega de salas): 10 puntos.

– Entre 20 e 30 funcións, 1 punto.

– Entre 31 e 50 funcións, 4 puntos.

– Entre 51 e 80 funcións, 8 puntos.

– Máis de 80 funcións, 10 puntos.

6. Número de días con actividade aberta ao público (considérase todo tipo de actividade: funcións tanto da RGS coma non, actividades complementarias de calquera tipo, presentacións etc.): 10 puntos.

– De 30 a 50 días, 1 punto.

– Entre 51 e 70 días, 4 puntos.

– Entre 71 e 100 días, 6 puntos.

– Máis de 100 días, 10 puntos.

7. Programación de compañías galegas: 10 puntos.

– Entre o 20 e 40 % do total das compañías programadas, 1 punto.

– Do 41 ao 60 % do total das compañías programadas, 5 puntos.

– Máis do 60 % do total das compañías programadas, 10 puntos.

8. Actividades complementarias, 6 puntos.

Considéranse os proxectos que conteñan actividades dos seguintes programas: fomento de novos creadores, programas formativos, programas de colaboración con centros de ensino.

– 2 actividades: 1 punto.

– Entre 3 e 5 actividades, 3 puntos.

– Máis de 5 actividades, 6 puntos.

9. Plan de comunicación e xestión de públicos, 8 puntos.

A comisión valorará a orientación da sala á xeración de novos públicos, debéndose reflectir detalladamente o plan de actuación das accións de comunicación e márketing correspondentes.

10. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto: 7 puntos.

– Ata o 25 %, 7 puntos.

– Máis do 25 % ata o 40 %, 3 puntos.

– Máis do 40 % ata o 70 %, 1 punto.

11. Adecuación do orzamento ao proxecto: 5 puntos.

A comisión valorará a maior aproximación do custo real ás actuacións que se van realizar.

12. Recursos humanos implicados no proxecto: 8 puntos.

A comisión valorará o cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento de presentarse a solicitude.

– Ata 2 traballores, 1 punto.

– De 3 a 5 traballadores, 4 puntos.

– Máis de 5 traballadores, 8 puntos.

Décimo primeira. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego de acordo coa cláusula décimo primeira, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo segunda. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os prazos de xustificación das presentes subvencións son os seguintes:

Modalidade A: distribución.

• Para actividades subvencionadas, executadas con anterioridade á publicación no DOG da presente convocatoria, 30 días seguintes á notificación da concesión, co límite máximo do 30 de novembro de 2014.

• Para o resto das actividades subvencionadas, o prazo rematará o 30 de novembro de 2014.

Modalidade B: asociacionismo, e C: salas: ata o 31 de outubro de 2014.

2. Gastos subvencionables.

Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate da xustificación e que se inclúan nos seguintes para cada modalidade:

Modalidade A: os establecidos na cláusula terceira das presentes bases, e polas contías establecidas.

Modalidade B: asociacionismo.

Custos relativos ao funcionamento e programación de actividades incluídas no proxecto presentado coa solicitude, con data comprendida entre o 1 de novembro de 2013 e o 31 de outubro de 2014, incluíndose entre eles:

– Gastos de persoal contratado pola entidade.

– Gastos de desenvolvemento da programación de actividades.

– Gastos de promoción e difusión e de materiais de edición.

– Gastos de asistencia a feiras profesionais do sector.

– Gastos correntes de mantemento e xestión da asociación.

– Axudas de custo e outras indemnizacións (ata un máximo do 7 % dos custos totais).

Non serán subvencionables os gastos relativos a:

– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Contraprestacións económicas dos membros dos órganos de dirección da entidade, salvo cando teñan por obxecto a cobertura dos gastos derivados do exercicio da súa actividade e non superen o máximo do 5 % por persoa e o 15 % en total, calculado sobre o orzamento total.

– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

Modalidade C: salas.

Custo vinculados ao funcionamento da sala e ao desenvolvemento do proxecto de programación presentado con data comprendida entre 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de outubro de 2014.

– Gastos do persoal contratado (salarios e cotizacións sociais) vinculado ao proxecto e dos socios traballadores, cun límite global do 40 % do gasto total do proxecto, e con límite por traballador de 2.000 euros brutos mensuais.

– Gastos xerais do funcionamento da sala: alugamentos, subministracións, gastos correntes e de servizos, seguros, gastos de xestoría, cun límite do 40 % do gasto total do proxecto.

– Gastos vinculados á programación (remuneración por espectáculos, gastos por servizos asociados á programación, dereitos de autor, gastos de difusión e publicidade).

Non serán subvencionables os gastos relativos:

– Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

– Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

3. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

3.1 Documentación xeral das modalidades A.

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos de explotación (anexo VIII).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe igual ou superior á subvención concedida, salvo na modalidade A.3, de asistencia á feira, en que se subvenciona o 60 % da actividade, e o beneficiario deberá xustificar o 100 % dos gastos. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo XIII).

3.2. Modalidades A.1 e A.2.

– Fotocopia compulsada dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe igual ou superior á subvención concedida.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

3.3. Modalidade A.3.

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe total dos gastos.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

3.4. Modalidade A.4.

– Fotocopia compulsada dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira.

– Nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente á data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

3.5. Modalidade B (asociacionismo).

– Memoria detallada da actividade realizada, debendo incluír unha descrición xeral da/s actividade/s realizada/s e das principais incidencias.

– Balance de ingresos e gastos (anexo IX).

– Relación completa da totalidade dos gastos realizados, polo importe total do orzamento das actividades (anexo X).

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida, así como de todos os gastos de persoal e colaboracións profesionais.

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas, dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos de comprobación da realización da actividade.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo XIII).

3.6. Modalidade C (salas).

– Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado coa solicitude.

– Balance de ingresos e gastos (anexo XI).

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo XII).

– Xustificantes, orixinais ou copias compulsadas dos gastos realizados e imputados á subvención.

– Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos de importe unitario superior a 400 euros imputados á subvención concedida, así como de todos os gastos de persoal e colaboracións profesionais. Para os gastos de importe igual ou inferior a 400 euros, achegarase para acreditar o pagamento un recibo do provedor, de acordo co previsto no artigo 42.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

– Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo XIII).

Décimo terceira. Obrigas específicas asumidas polos beneficiarios

A entidade subvencionada asume a obriga de cumprir a presente convocatoria, e en concreto, as obrigas seguintes:

1. Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada normas de identidade corporativa, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada.

2. Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

Décimo cuarta. Réxime de recursos

A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo quinta. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado.

3. A Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo sexta. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file