Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Venres, 27 de xuño de 2014 Páx. 29094

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 6 de xuño de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN316A).

O granito é un produto natural cuxas características intrínsecas excepcionais: durabilidade, resistencia mecánica, resistencia ao desgaste, incombustibilidade, así como o seu valor estético, o converten nun elemento de primeira orde para o seu uso como material de revestimento.

O seu uso como material envolvente nas fachadas de pequenas edificacións, moitas delas situadas nos cascos antigos das cidades e en zonas rurais, axudaría a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente.

Así mesmo, as avanzadas técnicas actuais de corte das que as empresas dispoñen, posibilita a súa elaboración en placas de moi variados tamaños e formatos comerciais. Isto, unido aos múltiples acabados superficiais que se poden conseguir co granito, proporciona unha amplísima gama de solucións distintas coas que satisfacer as exixencias de todo tipo de construcións.

Por outra banda e tendo en conta que a construción de fachadas é unha das aplicacións construtivas máis comprometida para a pedra natural, prevese a actuación do Centro Tecnolóxico do Granito (CTG) coma órgano de control para os efectos desta orde.

Por último, o vixente código técnico de edificación establece unha serie de requisitos con obxecto de cumprir as exixencias básicas de aforro de enerxía nos edificios. Neste sentido o granito ten un coeficiente de transmisión térmica moi adecuado que, sumado a súa montaxe con cámara de aire ou con materiais illantes, ofrece unha gran resistencia térmica, contribuíndo á redución dos consumos enerxéticos.

Neste marco, a Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia considera do máximo interese adoptar actuacións de rehabilitación de fachadas con granito que leven consigo a mellora do aforro e a eficiencia enerxética en Galicia, a través da redución da demanda en calefacción ou refrixeración dos edificios de vivenda existentes.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2014.

Artigo 2. Solicitudes. Lugar e prazo de presentación

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e rematará cando se esgoten os fondos económicos consignados. En todo caso, finalizará o 31 de xullo de 2014.

3. No entanto, no suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

4. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

5. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para tal efecto procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e adoptará tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; non obstante, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito enviando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá encontrar na guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN316A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería: http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os teléfonos da devandita dirección xeral: 981 95 70 92 ou 981 95 72 59.

c) O enderezo electrónico: cei.dxiem.axudasminas@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director xeral de Enerxía e Minas para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, para a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN316A)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto fomentar a rehabilitación con granito das fachadas de edificacións de vivenda existentes contribuíndo a embelecer o tecido construtivo galego cun material de fácil colocación e respectuoso co ambiente a vez que se mellora a eficiencia enerxética.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e selección das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. A actuación subvencionable será a rehabilitación con granito da envolvente das fachadas existentes de vivendas ou edificios de vivenda colectiva.

Só se considerarán subvencionables as actuacións realizadas en edificios de vivenda colectiva ou en vivendas unifamiliares illadas existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 14 de novembro de 2014.

2. Os tipos de fachada ou envolventes térmicas subvencionables son fachadas pegadas de granito, fachadas trasventiladas de granito e fachadas de perpiaño, coas características seguintes:

a) Fachadas pegadas de granito: composta de placas de granito pegadas con morteiros ou adhesivos á estrutura soporte, e suxeitas con ancoraxes de varilla como elemento de seguridade.

b) Fachadas trasventiladas de granito: composta de placas de granito fixadas á estrutura soporte mediante un sistema de ancoraxe, existindo entre elas una cámara de aire e un material illante.

c) Fachadas de perpiaño: composta de perpiaño de granito de espesor aproximado entre 6 e 12 cm, unha cámara de aire, un illamento e unha estrutura interior. As pezas de granito estarán unidas á estrutura interior mediante ancoraxes puntuais de seguridade.

3. A rehabilitación da fachada ten que cumprir ou mellorar as exixencias mínimas que fixa o Código técnico da edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética».

4. A solución construtiva elixida ten que cumprir as especificacións da norma «UNE 22203. Construción de aplacados de fachada con pedra natural» en canto ao deseño e construción da fachada ou envolvente térmica.

Artigo 3. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de xustificación establecida no artigo 16.

Consideraranse custos subvencionables, aqueles gastos que se xeren e que sexan directamente imputables ás actuacións de rehabilitación de fachadas con granito, en concreto:

• Custo do informe técnico previo de avaliación da situación actual da fachada e da solución construtiva proposta realizado polo Centro Tecnolóxico do Granito.

• Custos dos informes técnicos acreditativos da calidade e bo uso do granito utilizado, da execución da obra e da obra final executada, realizados polo Centro Tecnolóxico do Granito que actuará coma órgano de control para os efectos desta orde no caso de non ser preceptivo o proxecto.

• Custos de memorias básicas ou proxectos de arquitectura ou enxeñaría na parte correspondente ás actuacións que se van subvencionar.

• Custos de licenzas.

• Custos de desmontaxe do material de fachada ou envolvente existente.

• Custos dos materiais: granito, morteiros e adhesivos, ancoraxes e sistemas de ancoraxe e o material illante.

• Custos de man de obra civil e instalacións auxiliares necesarias para a montaxe da nova envolvente de granito.

Custos non subvencionables:

• Os custos dos materiais da estructura soporte da fachada.

• A substitución ou instalación das carpintarías exteriores (portas e fiestras) e vidros.

• Os gastos e custos financeiros, como consecuencia do investimento.

• Os gastos realizados en bens usados.

O imposto sobre o valor engadido (IVE) subvencionarase cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

2. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse xunto coa solicitude, realizarase conforme os criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. Permítese a subcontratación, total ou parcial, polo beneficiario das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións que se establezan para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.734A.780.1 «Plan para a utilización da pedra natural na envolvente dos edificios». O orzamento máximo destinado a esta convocatoria será de 200.000,00 euros.

2. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Para as actuacións incluídas nesta convocatoria, o custo subvencionable máximo será de:

– 110 € por m2 no caso de fachadas pegadas de granito.

– 140 € por m2 no caso de fachadas trasventiladas de granito.

– 130 € por m2 no caso de fachadas de perpiaño de granito.

Con carácter xeral, a contía da subvención será do 30 % dos custos totais subvencionables (IVE incluído, cando tal imposto sexa subvencionable) cun máximo de:

a) 12.000 € por vivenda unifamiliar illada.

b) 40.000 € por edificio de vivendas en bloque.

5. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

Artigo 5. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os particulares ou as comunidades de propietarios, sempre que a actuación subvencionable descrita no artigo 2 se realice en vivendas illadas ou edificios de vivenda colectiva, sitos na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios, as persoas físicas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

3. En ningún caso o obxecto da subvención se destinará nin se adscribirá a ningunha actividade empresarial ou profesional.

4. Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indica no artigo 2 da convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar copia dixitalizada, ou ben orixinal ou copia compulsada se se opta por presentar a solicitude en soporte papel, da seguinte documentación:

A. Documentación xenérica:

a) Datos do solicitante (modelo normalizado do anexo II).

b) DNI do solicitante.

No seu lugar, a persoa solicitante poderá autorizar, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

c) No caso de que o solicitante sexa unha comunidade de propietarios, achegarase ademais:

• Documentación acreditativa da súa constitución.

• Documentación acreditativa da representación coa que se actúa.

• Acordo aprobatorio da rehabilitación da fachada con granito ou certificado do secretario da comunidade referente aos ditos extremos.

d) Acreditación da titularidade do edificio ou vivenda mediante certificación do Rexistro da Propiedade, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación ou partición da herdanza, escritura pública de doazón e aceptación, ou sentenza xudicial, segundo corresponda.

B. Documentación técnico-económica que deberá incluír o seguinte:

a) Memoria explicativa segundo o anexo III.

b) Cadro de gastos para os que solicita a subvención segundo o anexo IV.

c) Informe técnico previo de avaliación da situación actual da fachada e da solución construtiva proposta realizado polo Centro Tecnolóxico do Granito. Para estes efectos solicitarase a través do correo electrónico info@fctgranito.es a correspondente visita previa para elaboración do informe cuxo custo se recolle na táboa do anexo VIII.

d) Reportaxe fotográfica antes da renovación.

e) Proxecto técnico visado polo órgano competente no caso de ser preceptivo.

f) Plan de traballo das obras e programación no tempo.

g) Cando resulte de aplicación, segundo o indicado no punto 4 do artigo segundo, copia das tres ofertas solicitadas e en caso de non se optar pola máis vantaxosa, memoria xustificativa da diferente elección. No caso de non presentar as ofertas por concorrer algunha das circunstancias indicadas na citada base, deberá indicar o motivo.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución da concesión.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. De acordo co establecido no artigo 74.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a instrución das solicitudes efectuarase seguindo a orde correlativa de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, sempre que exista consignación orzamentaria.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6.2º resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na liña f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro.

2. O conselleiro, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable establecida nestas bases.

Dado que o procedemento de concesión destas subvencións se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, todas as resolucións serán notificadas de xeito individualizado no prazo de tres meses contado desde a solicitude do interesado de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contado a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que estea presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

– Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

– Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

– Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 9.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, transcorridos dez días desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V destas bases reguladoras, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Obter todos os permisos e licenzas que se requiran para o desenvolvemento dos traballos obxecto da axuda, así como cumprir cos requisitos establecidos nas normativas de aplicación, especificamente as relativas á marcaxe CE e á colocación.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dispoñer dos documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Os beneficiarios deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento nas actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, os beneficiarios das axudas deberán facer constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria, mediante carteis coa lenda Proxecto cofinanciado, xunto co do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Se é o caso, non disolver a comunidade de propietarios ata que transcorra o prazo de prescrición establecido nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa nos lugares sinalados e por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, tendo de prazo máximo ata o 14 de novembro de 2014 (incluído), a documentación sinalada nas seguintes epígrafes, en orixinal ou copia compulsada, non sendo necesario esgotar o prazo máximo.

2. A documentación que se presentará como xustificación da realización das actuacións obxecto da subvención será a que se indica a seguir.

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude. De existir modificacións no proxecto achegarase un informe técnico ou documento cos datos e incidencias máis significativas ocorridas durante a execución.

b) Documentación xustificativa do gasto:

– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, indicando, se é o caso, as desviacións acaecidas sobre o orzamento subvencionado (anexo VI).

– As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior, emitidas polos provedores en relación coa actuación subvencionada.

– As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro (BOE do 29 de novembro), modificado polo Regulamento aprobado polo Real decreto 87/2005, do 31 de xaneiro (BOE do 1 de febreiro).

c) Documentación xustificativa do pagamento:

– Para cada un dos documentos xustificativos de gasto: transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, nos que deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o documento xustificativo de gasto obxecto do dito pagamento.

– Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

d) Acreditación da calidade comercial do granito utilizado mediante certificado da marcaxe CE do produtor.

e) Certificación de fin de obra expedida polo técnico responsable no caso de que fose preceptivo.

f) No caso de que o proxecto non fose preceptivo, informe técnico acreditativo da calidade e bo uso do granito utilizado, da execución da obra e da obra final executada, realizado polo Centro Tecnolóxico do Granito.

g) Certificación por técnico competente de que se cumpren ou melloran as exixencias mínimas que fixa o Código Técnico da Edificación no documento «DB HE-1 Limitación da demanda enerxética».

h) Reportaxe fotográfica despois da renovación realizada.

i) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo VII).

j) Declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á titularidade da conta onde se deba realizar o pagamento.

k) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, a Consellería de Economía e Industria requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Consellería de Economía e Industria poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención.

Artigo 17. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. No caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o disposto no artigo 3.4 respecto das intensidades máximas de axuda.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Conforme o disposto no artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da obriga de reintegro en proporción ás súas respectivas participacións.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases reguladoras seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o disposto no artigo 68.1 da Lei 9/2007, os membros da comunidade de propietarios responderán solidariamente da sanción pecuniaria en proporción ás súas respectivas participacións.

Artigo 19. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Memoria técnica

Descrición do estado inicial da fachada que se vai cubrir.

Descrición das obras de rehabilitación. Alcance detallado das diferentes actuacións que se van levar a cabo.

Planificación dos traballos no tempo con referencia a cada unha das actuacións que configuran o proxecto.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

Anexo VIII
Actuacións do Centro Tecnolóxico do Granito

Tarifa de informes e actuacións á obra

Concepto

Tarifa

Informe técnico previo de avaliación da situación actual da fachada e da solución construtiva proposta

300,00 €

Informe técnico acreditativo da calidade e bo uso do granito utilizado, da execución da obra e da obra final executada

1 % do OEM (1),

mínimo 300,00 €

Unidade de visita á obra (mínimo 1 visita, máximo 4 visitas)

120,00 €

(1) Orzamento de Execución Material da Obra.