Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 9 de xullo de 2014 Páx. 30577

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 27 de xuño de 2014 pola que se regula para a Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores/as deportivos/as na modalidade de fútbol, realizadas entre o 15 de xullo de 1999 e o 9 de novembro de 2007.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, desenvolve o capítulo VIII do título I da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, referido ás ensinanzas deportivas. Na súa disposición transitoria quinta outorga ao Ministerio de Educación a posibilidade de regular o procedemento de recoñecemento das formacións realizadas con carácter meramente federativo entre a entrada en vigor da Orde do 5 de xullo de 1999, pola que se completan os aspectos curriculares e os requisitos xerais das formacións en materia deportiva a que se refire a disposición transitoria primeira do Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, e a entrada en vigor do propio Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

Co fin de determinar o procedemento que permita que aqueles/as adestradores/as formados/as con carácter meramente federativo en fútbol e fútbol sala poidan obter os efectos académicos previstos para as ensinanzas oficiais e incorporarse ás devanditas ensinanzas para completar a súa formación, o Ministerio de Educación publicou a Orde EDU/216/2011, do 8 de febreiro, pola que se establece o procedemento de recoñecemento das formacións de adestradores deportivos nas modalidades de fútbol e fútbol sala.

O artigo 5 da citada orde prevé dúas fases no procedemento, a primeira consistente en efectuar o recoñecemento por parte do Consello Superior de Deportes das formacións en materia deportiva que fosen promovidas polas federacións autonómicas ou española de fútbol entre o 15 de xullo de 1999 (data de entrada en vigor da Orde do 5 de xullo de 1999) e o 9 de novembro de 2007 (data de entrada en vigor do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro) e avaladas pola Real Federación Española de Fútbol. Esta finalizou coa publicación da Resolución do 7 de abril de 2011, da presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se outorga o recoñecemento a determinadas formacións deportivas federativas impartidas pola Real Federación Española de Fútbol e as federacións territoriais entre 1999 e 2007, na que se determinaron as formacións que cumpren cos requisitos establecidos.

A segunda fase identifícase coa obtención individual dos efectos previstos no artigo 4 da citada Orde EDU/216/2011, do 8 de febreiro, sempre en función do recollido no seu artigo 7, e correspóndelle ás administracións competentes de cada comunidade autónoma desenvolver esta fase no suposto de que se tivesen levado a cabo formacións federativas durante o período indicado no parágrafo anterior e que estean implantadas as ensinanzas deportivas nas modalidades de fútbol e fútbol sala.

Procede, por iso, regular para o ámbito de actuación territorial da Comunidade Autónoma de Galicia os aspectos relativos ao devandito procedemento. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é competente de acordo coas competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular para o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento para a obtención individual do recoñecemento establecido pola Orde EDU/216/2011, do 8 de febreiro, dos diplomas federativos de adestrador/a nacional, adestrador/a rexional, instrutor/a de fútbol base ou instrutor/a de xuvenís, acadados pola realización de formacións con carácter meramente federativo.

Artigo 2. Destinatarios/as

Quen superase a formación deportiva federativa en fútbol, levada a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia entre o 15 de xullo de 1999 e o 9 de novembro de 2007, recoñecida mediante Resolución do 7 de abril de 2011, da presidencia do Consello Superior de Deportes, pola que se outorga o recoñecemento a determinadas formacións deportivas federativas impartidas pola Real Federación de Fútbol e as federacións territoriais entre 1999 e 2007 (BOE do 25 de abril), poderán solicitar os seguintes certificados e homologacións:

a) Obtención do certificado académico oficial de superación do primeiro nivel na modalidade de fútbol, por ter o diploma de instrutor/a de fútbol base ou instrutor/a de xuvenís, respectivamente.

b) Homologación do diploma federativo de adestrador/a rexional de fútbol, co título de técnico deportivo en Fútbol.

c) Homologación do diploma federativo de adestrador/a nacional de fútbol, co título de Técnico Deportivo Superior en Fútbol.

Artigo 3. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado inclúe unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

CAPÍTULO II
Obtención do certificado de superación do primeiro nivel

Artigo 4. Obtención do certificado académico oficial de superación do primeiro nivel

1. Para o inicio do procedemento individual que permita a obtención do certificado académico oficial de superación do primeiro nivel de grao medio de fútbol, os/as aspirantes deberán matricularse no segundo nivel nun centro dos previstos no artigo 45 do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, co fin de completar as ensinanzas de fútbol, e deberán presentar a documentación que se detalla a continuación nas secretarías dos centros públicos IES Universidade Laboral (Culleredo) e IES Sánchez Cantón (Pontevedra), sen prexuízo da súa presentación por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e utilizarase o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario, para garantir que a data de remisión é anterior á de peche para a participación no procedemento de homologación.

A documentación que os/as candidatos/as deben presentar é a seguinte:

– Solicitude para iniciar o procedemento segundo o modelo contido no anexo I desta orde, dirixido á dirección do centro educativo.

– Certificado expedido pola Federación Española de Fútbol segundo o modelo contido no anexo II desta orde, acreditativo de que o/a interesado/a está en posesión da condición de instrutor/a de fútbol base - instrutor/a de xuvenís de fútbol.

– Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou equivalente para efectos académicos, ou acreditación de calquera das condicións que para os efectos de acceso se detallan no punto 1 da disposición adicional décimo segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro.

– Copia do DNI (só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade).

2. O/a secretario/a do centro público, co visto e prace do/a director/a, remitirá, durante as dúas primeiras semanas desde a data de peche da matrícula, á dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas, copia compulsada da documentación indicada, á que xuntará a acreditación que xustifique a súa matrícula no centro, segundo o anexo III. A devandita matrícula entenderase condicionada ata a resolución final do procedemento.

3. Os centros privados autorizados remitiranlles aos seus respectivos centros públicos de adscrición a documentación presentada polo/a alumno/a á que se refire o punto 1 deste artigo, así como a acreditación que xustifique a súa matrícula, segundo o anexo III da presente orde. Tras a súa recepción, o centro público continuará o trámite conforme o previsto no punto 2. Igualmente, a devandita matrícula entenderase condicionada ata a resolución final do procedemento.

4. A dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas resolverá sobre a concesión dos certificados académicos oficiais solicitados nun prazo anterior á data de avaliación final das ensinanzas nas que o/a interesado/a se atopa matriculado/a condicionalmente.

No suposto de que non recaese resolución expresa, esgotado o prazo previsto, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

Nos casos de resolución desestimatoria e silencio administrativo, a dita matrícula quedará anulada, sen que nos centros públicos os/as aspirantes teñan dereito á devolución do prezo público da matrícula.

5. A aplicación do procedemento conducente á obtención do certificado académico oficial de superación do primeiro nivel de grao medio de fútbol comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e finalizará o 12 de febreiro de 2016.

CAPÍTULO III
Procedemento de homologación dos diplomas de adestrador/a rexional e nacional cos títulos de Técnico Deportivo e Técnico Deportivo Superior

Artigo 5. Homologación do diploma federativo de adestrador/a rexional de fútbol

Quen desexe obter a homologación do diploma federativo de adestrador/a rexional de fútbol co título de técnico deportivo en Fútbol deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de adestrador/a rexional de fútbol segundo o modelo establecido no anexo II da presente orde.

b) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou equivalente para efectos académicos, ou acreditar calquera das condicións a que se refire o punto 1 da disposición adicional décimo segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

c) Superar a proba de conxunto de grao medio establecida no capítulo IV desta orde, cuxa superación dará dereito á expedición do correspondente certificado segundo o modelo establecido no anexo V da presente orde.

Artigo 6. Homologación do diploma federativo de adestrador/a nacional de fútbol

Quen desexe obter a homologación do diploma federativo de adestrador/a nacional de fútbol co título de técnico deportivo superior en Fútbol deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a condición de adestrador/a nacional de fútbol segundo o modelo establecido no anexo II da presente orde.

b) Estar en posesión do título de Bacharel establecido na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou equivalente para efectos académicos, ou acreditar calquera das condicións a que se refire o punto 2 da disposición adicional décimo segunda do Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial.

c) Superar a proba de conxunto de grao superior establecida no capítulo IV desta orde, cuxa superación dará dereito á expedición do correspondente certificado segundo o modelo establecido no anexo V da presente orde.

Artigo 7. Prazo e lugar para a presentación da solicitude de participación nos procedementos de homologación

1. As solicitudes, xunto coa documentación que se detalla no artigo seguinte, presentaranse nas secretarías dos centros públicos IES Universidade Laboral (Culleredo) e IES Sánchez Cantón (Pontevedra), dirixidas á dirección do centro, sen prexuízo da súa presentación por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e utilizarase o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche para a participación no procedemento de homologación.

2. O prazo establecido para a presentación da solicitude de participación no procedemento de homologación é de vinte días contados a partir da publicación da presente orde.

Artigo 8. Documentación que debe ser presentada para participar no procedemento de homologación

Para a participación no procedemento de homologación do diploma de adestrador/a rexional co título de técnico deportivo ou no procedemento de homologación do diploma de adestrador/a nacional co título de técnico deportivo superior deberán presentarse os documentos que a continuación se detallan:

– Solicitude de homologación de diplomas federativos de fútbol cos títulos de ensinanzas deportivas de réxime especial en fútbol, conforme o modelo establecido no anexo IV desta orde.

– Certificado que acredite a formación federativa correspondente segundo o anexo II.

– Acreditación do correspondente requisito académico para efectos de acceso, segundo o recollido nos artigos 5.b) ou 6.b).

– Xustificación do pagamento do prezo público establecido para a proba para homologación de ensinanzas deportivas, segundo o establecido no Decreto 89/2013, do 13 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos correspondentes aos devanditos estudos.

– Copia do DNI (só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade).

CAPÍTULO IV
Probas de conxunto

Artigo 9. Probas de conxunto: obxecto, matrícula, convocatorias e lugar de celebración

1. Conforme o disposto no artigo 8.1.c) da Orde EDU/216/2011, do 8 de febreiro, para obter a homologación do diploma federativo de adestrador/a nacional de fútbol co título de técnico deportivo superior en Fútbol, e no artigo 8.2.c) da citada orde, para obter a homologación do diploma federativo de adestrador/a rexional de fútbol co título de técnico deportivo en Fútbol, deberase superar unha proba de conxunto que será deseñada pola dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas.

2. Poderase efectuar unha soa matrícula para superar a proba de conxunto no prazo establecido no artigo 7.2. A admisión definitiva na proba de conxunto correspondente proporcionará aos/ás aspirantes o dereito a presentarse a un máximo de tres convocatorias. Os/as candidatos/as non presentados/as ou cualificados/as como non aptos/as na primeira ou/e segunda convocatoria serán incluídos/as de oficio nas listaxes de candidatos/as á seguinte. As datas de celebración destas serán publicadas mediante resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa antes de que remate o prazo para finalizar o proceso de homologación fixado na Orde EDU/216/2011.

3. As probas de conxunto celebraranse nos centros docentes IES Universidade Laboral (A Coruña) e IES Sánchez Cantón (Pontevedra), e neles publicaranse as listaxes de admitidos/as e facilitarase aos/ás interesados/as a información e orientación necesarias para a participación nas probas, así como os resultados e información sobre o proceso.

4. A relación provisional de persoas matriculadas, así como as datas, os horarios e o desenvolvemento das probas, farase pública nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

5. Poderanse presentar alegacións ás listaxes provisorias, a través das secretarías dos centros en que se presentou a solicitude nos cinco días seguintes ao da publicación da relación provisional.

6. Finalizado o período de alegacións, a relación definitiva de persoas inscritas será exposta nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizase a inscrición, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es.

Artigo 10. Estrutura e contido das probas de conxunto

1. As probas de conxunto dos graos medio e superior, correspondentes a fútbol, versarán sobre as ensinanzas mínimas que, para os títulos de técnico deportivo e técnico deportivo superior en Fútbol, se recollen no Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e constarán dunha parte común e doutra específica.

2. En ambos os dous casos conterán un total de 10 cuestións, cinco da parte común relativas aos módulos do bloque común e cinco da parte específica, que se corresponderán cos contidos dos módulos do bloque específico. Os/as aspirantes deberán desenvolver as 10 cuestións na súa totalidade.

3. Cada cuestión fará referencia aos contidos correspondentes ás ensinanzas mínimas establecidas no anexo III para fútbol (puntos 3 e 5 para técnico deportivo e punto 8 para técnico deportivo superior) do Real decreto 320/2000, do 3 de marzo, e será cualificada en relación aos correspondentes criterios de avaliación.

Artigo 11. Tribunais avaliadores das probas de conxunto

1. En cada convocatoria constituirase un tribunal, designado pola dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas, que avaliará tanto as probas do grao medio como as do grao superior. Cando o número de aspirantes admitidos/as a calquera das dúas modalidades así o aconselle, poderá procederse ao nomeamento de máis dun tribunal.

2. Corresponderalles aos tribunais elaborar, avaliar e cualificar os exercicios dos/as participantes nas probas de conxunto, así como comprobar que os/as aspirantes cumpren cos requisitos recollidos no capítulo III desta orde.

3. Cada tribunal, como órgano colexiado, rexerase polo establecido na sección 3ª, do capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Cada tribunal estará composto por:

– Un/unha presidente/a, proposto/a pola dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas.

– Un/unha secretario/a, proposto/a pola dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas.

– Tres vogais: un/unha proposto/a pola Federación Galega de Fútbol que deberá acreditar a titulación de técnico deportivo superior en Fútbol; un/unha segundo/a, que será proposto/a pola Secretaría Xeral para o Deporte; e un/unha terceiro/a, proposto/a pola dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas, que será catedrático/a ou profesor/a de ensino secundario da especialidade de Educación Física e estea impartindo clases na modalidade de fútbol.

5. Os/as integrantes dos tribunais percibirán as correspondentes compensacións económicas polas actividades realizadas, conforme o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou norma que o substitúa.

Artigo 12. Avaliación, cualificación e reclamación

1. Cada avaliador/a cualificará cada unha das cuestións de que conste a proba de 0 a 10 puntos sen decimais. A puntuación de cada cuestión será a media aritmética das puntuacións outorgadas por cada avaliador/a, cun só decimal, redondeando o segundo decimal por exceso, se fose igual ou maior a 5, e por defecto se fose inferior a 5. Se nunha pregunta as cualificacións de dous/dúas ou máis avaliadores/as presentan unha diferenza de tres ou máis puntos, anularanse.

2. O/a candidato/a que non se presente a algunha das convocatorias da proba figurará nos documentos coa expresión NP.

3. A nota final da proba será a media aritmética das cuestións de que conste. Considerarase superada a proba se se obtén unha nota final igual ou superior a 5, en cuxo caso se obterá a cualificación de «Apto/a»; no caso contrario, obterase a cualificación de «Non apto/a».

4. Unha vez cualificadas as probas, os tribunais comunicarán aos/ás participantes a cualificación obtida por estes/as en cada unha das cuestións, a nota final e a cualificación de «Apto/a» ou «Non apto/a», mediante exposición nos taboleiros de anuncios dos centros onde se realizan as probas, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es.

5. Os/as candidatos/as poderán reclamar por escrito contra as cualificacións obtidas, mediante instancia dirixida ao/á presidente/a do tribunal, no prazo de dous días hábiles a partir do seguinte a aquel en que se comunicasen as cualificacións. Se a reclamación se basea na existencia dun erro material padecido na cualificación ou na notificación desta, o/a presidente/a, unha vez comprobado o erro, ordenará a súa inmediata emenda. Se a reclamación se basea na valoración dalgún exercicio, o/a presidente/a ordenará ao tribunal a súa revisión e resolverá segundo corresponda ao ditame colexiado do tribunal.

6. A resolución da reclamación, que será motivada, producirase no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte a aquel en que finalizase o prazo para interpoñelas, será notificada polo/a presidente/a do tribunal ao/á interesado/a por algunha das formas previstas no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. En caso de desconformidade coa decisión adoptada, o/a interesado/a poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o seguinte ao da súa notificación ante a persoa titular da dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO V
Resolución do procedemento de homologación de diplomas federativos

Artigo 13. Resolución do procedemento para a homologación de diplomas

1. Unha vez resoltas, se é o caso, as reclamacións a que se refire o artigo 12.5 desta orde, o tribunal cubrirá a acta de cualificacións, na que figurará a cualificación de cada unha das cuestións, a nota final e a cualificación de «Apto/a» ou «Non apto/a», obtida por cada un/unha dos/as candidatos/as, relacionados/as por orde alfabética.

2. O tribunal remitirá unha copia compulsada da acta final á dirección xeral con competencias na ordenación académica destas ensinanzas, que elaborará as propostas de homologación daqueles/as que superasen a correspondente proba de conxunto, despois de obter a cualificación de «Apto/a», e cumpran todos os demais requisitos, e elevaraas á persoa titular da consellería competente en materia de educación. O orixinal da acta de cualificacións será custodiado polo centro en que se desenvolvesen as probas.

3. Para aquelas persoas que cumpran todos os requisitos, a persoa titular da consellería competente en materia de educación da Comunidade Autónoma de Galicia ditará a resolución definitiva do seu expediente de homologación nun prazo non superior a cinco meses desde a superación da proba de conxunto.

No suposto de que non recaese resolución expresa, esgotado o prazo previsto, deberá entenderse desestimada a petición correspondente por silencio administrativo.

Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento

A dirección xeral con competencias en materia de ordenación académica destas ensinanzas ditará, no ámbito das súas competencias, cantas medidas sexan precisas para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file