Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 14 de xullo de 2014 Páx. 31021

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xullo de 2014 pola que se adaptan e incorporan á sede electrónica da Xunta de Galicia os procedementos administrativos de prazo aberto da Presidencia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O pasado 27 de febreiro o Consello da Xunta aprobou o Plan de axilización administrativa 2014-2016 (Plan Achega) co obxectivo de acadar unha administración máis áxil, eficiente e próxima nas súas relacións coa cidadanía.

Este plan recolle unha serie de medidas concretas destinadas a revisar, no período 2014-2016, os procedementos administrativos que a Administración galega pon á disposición dos cidadáns na Guía de procedementos e servizos, para melloralos, simplificalos e posibilitar a súa presentación electrónica, como garantía do principio de celeridade que a Administración galega asume dentro dos seus compromisos de actuación.

Como primeira actuación contida no Plan Achega, o 2 de maio de 2014 (DOG núm. 83) publicouse o Decreto 48/2014, do 30 de abril, polo que se autoriza o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para adaptar e incorporar á sede electrónica os procedementos administrativos da Xunta de Galicia.

Neste decreto estableceuse, ademais, que mediante orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza se adaptarán os procedementos administrativos, previamente revisados e simplificados, ao disposto nas guías aprobadas polo Consello da Xunta do 25 de abril de 2013 e, se é o caso, habilitarase a súa presentación electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Así, esta medida foi configurada como una liña prioritaria de actuación polo Goberno galego posto que existen procedementos administrativos estáticos ou de prazo aberto para a presentación de solicitudes que, por estaren regulados en normas anteriores á posta en funcionamento da sede electrónica da Xunta de Galicia (Orde do 15 de setembro de 2011, DOG núm. 138, do 23 de setembro) aínda recollen a presentación exclusivamente presencial por parte dos seus destinatarios. Ademais, tamén se requiría determinada documentación que a lexislación vixente xa non permite solicitar e á cal a Administración galega xa pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Porén, e en primeiro lugar, procedeuse á revisión de todos os procedementos da Presidencia e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por parte dos grupos de traballo constituídos para o efecto.

En concreto, foron revisados 99 trámites ou procedementos administrativos, o que trouxo como resultado a supresión de 5 deles por estar obsoletos ou non ser utilizados, a refundición de 14 en 3, o mantemento de 19 como presenciais por tratarse de procedementos que contan cun Servizo de Resposta Inmediata (ou SERI), por estar dirixidos en primeira instancia a órganos distintos á Xunta de Galicia ou por impedimentos tecnolóxicos, a actualización doutros 3 a través da súa propia regulamentación especifica e a preparación dos 58 restantes para a súa dispoñibilidade electrónica a través da presente orde.

Así pois, a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia un total de 58 procedementos novos estarán dispoñibles electronicamente, o que contribuirá a seguir afondando no impulso dunhas relacións máis áxiles, simples e fluídas entre a Xunta de Galicia e o conxunto dos cidadáns.

Á vista do exposto, en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido no Decreto 48/2014, do 30 de abril,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto adaptar e habilitar a presentación electrónica de solicitudes dos procedementos administrativos de prazo aberto da Presidencia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que figuran no anexo desta orde.

2. Así mesmo, para os devanditos procedementos suprímese a exixencia da documentación que de acordo coa lexislación vixente non se pode exixir para a súa tramitación ou á cal a Administración galega pode acceder directamente mediante a plataforma de interoperabilidade administrativa.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Naqueles procedementos que teñan como destinatarias as entidades locais, a presentación de solicitudes será exclusivamente electrónica.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación complementaria, que figura no anexo de solicitude de cada procedemento, poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar por parte da persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, superase os tamaños límites ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 4. Información do estado da tramitación

A información personalizada sobre o estado de tramitación do procedemento, a relación dos actos de trámite realizados, a indicación do seu contido así como a data en que foron ditados, estará á disposición no cartafol do cidadán, con independencia da canle de presentación de solicitudes, en cumprimento do artigo 23 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 5. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destes procedementos, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro dado de alta na Axencia de Protección de Datos cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

Disposición adicional única

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios dos procedementos administrativos de prazo aberto, que figuran no anexo da presente orde, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no DOG, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Código

Denominación

TU980A

Homologación de cursos que realicen os/as guías de turismo

TU984D

Declaración responsable de inicio de actividade de establecementos hoteleiros e solicitude de clasificación

TU984R

Comunicación de baixa ou cambios de actividades turísticas non regulamentadas

PR203A

Inscrición no rexistro de colexios profesionais e consellos galegos de colexios profesionais

PR303A

Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo

PR303B

Autorización de modificación de sala de bingo

PR303C

Cancelación da inscrición de sala de bingo

PR303F

Instalación de caixeiros e/ou datáfonos nas salas de bingo da Comunidade Autónoma de Galicia

PR305A

Autorización para a instalación de casinos de xogo

PR305B

Autorización para as modificacións de condicións de instalación e/ou apertura de casinos de xogo

PR306A

Autorización para a apertura de casinos de xogo

PR307A

Inclusión no Rexistro de Prohibidos da Comunidade Autónoma galega

PR307B

Autorización para rifas e tómbolas

PR308A

Inscrición no Rexistro de Asociacións

PR310A

Declaración de utilidade pública de asociacións e presentación de contas anuais

PR320A

Autorización e inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia, seccións I a V

PR320B

Cancelación de inscrición no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo, seccións I a V

PR320C

Modificación de inscrición no Rexistro de Máquinas de Xogo, seccións I a V

PR323A

Autorización e inscrición no Rexistro de Empresas de Xogo do Bingo en Galicia

PR324A

Autorización para a instalación dunha sala de bingo en Galicia

PR326M

Modificación non substancial de inscrición no Rexistro de Modelos

PR326N

Cancelación da inscrición no Rexistro de Modelos a petición empresarial

PR326O

Proba con prototipo de modelo

PR326P

Exhibición de prototipo de modelo homologado de máquina

PR326T

Modificación non substancial da inscrición no Rexistro de Modelos doutros Aparellos de Xogo

PR326U

Autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas

PR326V

Autorización de instalación de sistemas de interconexión entre establecementos

PR328A

Consulta previa á instalación dun salón recreativo/xogo

PR328B

Autorización de instalación de salón recreativo ou de xogo

PR328C

Permiso de apertura e inscrición de salón recreativo ou de xogo

PR328D

Revogación da autorización da instalación

PR328E

Suspensión de funcionamento de salón recreativo por período superior a seis meses

PR328F

Modificación non substancial da autorización de instalación de salón

PR328G

Modificación substancial da autorización de instalación de salón

PR329I

Cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B

PR402A

Declaración de urxente ocupación de bens de expropiación

PR402B

Autorización de alleamento, permuta ou cesión de bens municipais

PR402C

Comunicación de alleamento, permuta ou cesión de bens municipais

PR402D

Autorización para a desafectación de bens municipais

PR403A

Inscrición entidades locais territoriais

PR403B

Inscrición doutras entidades locais

PR403C

Modificación de entidades locais

PR403D

Anotación preventiva

PR403E

Cancelación de entidades locais

PR467A

Concesión de medallas e diplomas de protección civil

PR468A

Rexistro de Protección Civil: sección de persoal colaborador

PR469A

Rexistro de Protección Civil: sección de agrupacións de voluntarios

PR469B

Baixa no Rexistro de Protección Civil

PR469C

Rexistro de Protección Civil: sección de voluntarios

PR470A

Rexistro de Protección Civil: sección de entidades colaboradoras

PR474A

Autorización de alteración do termo municipal

PR475A

Autorización de cambio de nome ou capitalidade do municipio

PR478A

Aprobación, modificación ou rehabilitación dos escudos heráldicos e bandeiras

PR750A

Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego

PR870A

Outorgamento de licenzas para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais

SI433A

Recoñecemento e acreditación de centros de información ás mulleres

SI433B

Extinción do recoñecemento e acreditación de centros de información ás mulleres

SI910A

Validación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica