Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 18 de xullo de 2014 Páx. 31597

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia cuxo obxecto é promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. Todo iso conforme unha serie de principios xerais recollidos no artigo 4 do texto entre os que figura o fomento do asociacionismo deportivo. Tendo en conta que unha parte esencial do desenvolvemento da actividade deportiva na comunidade galega a constitúen os axentes deportivos entre os que a normativa legal recolle as entidades deportivas, entidades que se agrupan en fórmulas asociativas sinxelas ou complexas xurdidas como froito das necesidades comúns nos logros de obxectivos na práctica das diversas modalidades deportivas e que, en virtude do disposto na lexislación actual, deberán figurar inscritas nun órgano administrativo de carácter público, o Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, cuxa organización e funcionamento se deberá determinar por vía regulamentaria.

Este desenvolvemento regulamentario debe conseguir que o Rexistro cumpra con rigor e eficacia as funcións básicas que veñen determinadas na Lei 3/2012, do 2 de abril; polo tanto, esta norma debe supoñer unha regulación clarificadora do labor rexistral que achegue maior eficiencia no seu funcionamento administrativo e maior seguridade xurídica para a Administración e para os/as interesados/as.

A maior abastanza, a necesidade dunha norma regulamentaria viña tamén dada pola experiencia acumulada ao longo dos anos de funcionamento do Rexistro, que coa práctica diaria ten amosado unha serie de conflitos, entre outros, os xerados polo emprego de denominacións idénticas ou similares ás doutras entidades xa inscritas. Tamén se ten constatado unha deficiente regulación na petición dos datos precisos para efectuar as inscricións e asentos rexistrais, así como unha serie de cuestións de índole procedimental que cómpre aclarar. Finalmente, faise preciso regular polo miúdo o acceso ao Rexistro de Entidades Deportivas como seccións deportivas, das entidades públicas ou privadas e das sociedades mercantís ás que a Lei 3/2012, do 2 de abril, dun xeito novedoso, abre a posibilidade.

Polo exposto ata agora, é evidente a necesidade dunha nova normativa que veña recoller os mandatos de Lei 3/2012, do 2 de abril, e por outra banda tamén se faga eco das modificacións necesarias para facer efectiva unha axeitada inscrición das distintas entidades deportivas e as súas distintas situacións, por iso, devén necesario proceder á derrogación de toda a normativa vixente reguladora desta materia, comezando polo Decreto 82/1983, do 21 de abril, polo que se creou o Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas, desenvolvido pola Orde do 17 de maio de 1983, pola que se regulaba o funcionamento do Rexistro de Clubs, Federación e Entidades Deportivas de Galicia, modificada parcialmente, pola súa vez, pola Orde do 20 de novembro de 1986. Posteriormente, a Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral para o deporte de Galicia, creou o Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, que tiña por obxecto a inscrición das asociacións deportivas e dos deportistas regulados nela, previndo un desenvolvemento regulamentario que non se chegou a producir.

O texto do decreto estrutúrase en seis capítulos e tres disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras. Afondando nesta división, entre as novidades máis destacables do texto figuran as seguintes:

O capítulo I recolle expresamente o establecemento da natureza xurídico-pública do Rexistro, o dereito de inscrición e os seus efectos, e enumera os actos que poderán ser obxecto de asento e depósito.

No capítulo II faise fincapé no desenvolvemento da eficacia rexistral a través da plasmación normativa dos principios inspiradores do rexistro: legalidade, lexitimación, fe pública, prioridade, tracto sucesivo e publicidade.

No capítulo III do Decreto regúlase nas súas dúas seccións, a organización e funcionamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que se estrutura seguindo o mandato legal de división en diferentes seccións para as distintas clases de entidades deportivas, e nos libros que conforman o seu réxime documental: libro de entidades deportivas, de entidades mercantís, de legalizacións, de depósito de contas, de denominacións e de símbolos. Recóllense tamén neste capítulo a relación dos datos que poderán ser inscribibles no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Concrétase a seguir no capítulo IV do texto, o réxime xurídico da inscrición que se desenvolve a través de dúas seccións. Unha primeira sección na que se establecen as normas xerais do procedemento de acceso ao rexistro, axustándose ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e os recursos pertinentes. Na segunda sección regúlase a inscrición propiamente dita, así como a especificación da documentación precisa para cada tipo de procedemento, dun xeito clarificador, o que evita a necesidade de integrar ou suplementar a norma acudindo á regulación externa, facendo ademais referencia á sede electrónica en cumprimento do mandato da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia. Tamén se integra nesta sección a previsión normativa da necesaria cualificación previa da documentación presentada para o seu rexistro. A maiores neste capítulo IV intégrase unha subsección que regula as normas particulares da inscrición da denominación e dos símbolos das entidades deportivas.

O capítulo V recolle os labores de legalización dos libros e de depósito das contas das entidades que estean obrigadas á realización destes trámites en virtude da normativa deportiva autonómica.

No capítulo VI recóllese como novidade a función de consultoría e apoio técnico das entidades e persoas usuarias que desenvolve este Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e co que se pretende que se axilice e facilite a consecución dos rexistros.

Con base en todo o anterior, faise necesario establecer unha transitoriedade na entrada en vigor deste decreto que vén desenvolvida nas catro disposicións transitorias que o integran, en relación coas inscricións anteriores á entrada en vigor deste, a tramitación de expedientes e a obriga de comunicar por parte das entidades ata agora inscritas, dentro do prazo dun ano desde a entrada en vigor do presente decreto, todos os actos de obrigada inscrición que non estivesen inscritos.

Na disposición derrogatoria única establécese unha derrogación xeral de todas aquelas normas que se opoñan ao exposto neste decreto de regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. No seu parágrafo segundo, derrógase o Decreto 216/1997, do 30 de xullo, en todo canto se opoña ao previsto no presente decreto.

Por medio da disposición derradeira primeira autorízase o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento normativo do presente decreto, e por medio de disposición derradeira segunda disponse a entrada en vigor do decreto de regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de xullo de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é regular a organización e funcionamento do rexistro de Entidades Deportivas de Galicia recollido no capítulo III do título IV da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 2. Finalidade

1. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ten por finalidade a inscrición das entidades deportivas reguladas na Lei 3/2012, do 2 de abril, así como dos actos e datos relativos a estas, nos termos establecidos na Lei do deporte de Galicia.

2. De conformidade co disposto na Lei 3/2012, do 2 de abril, poderán igualmente acceder ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, as entidades mercantís legalmente constituídas que teñan no seu obxecto social a práctica da actividade deportiva, coa finalidade da súa participación en competicións oficiais autonómicas, así como de ser beneficiarias das actuacións de fomento das administracións públicas galegas que aparecen recollidas no artigo 69 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

Artigo 3. Natureza do Rexistro

O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia é un rexistro administrativo dependente do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia de deporte.

Artigo 4. Dereito de inscrición

1. As entidades deportivas de Galicia teñen dereito á inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que só se poderá denegar cando non se reúnan os requisitos establecidos pola lexislación.

2. A falta de inscrición non poderá ser invocada por quen veña obrigado a instala.

Artigo 5. Actos obxecto de asento e depósito

1. Asentaranse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia os seguintes actos e datos:

a) As actas de constitución así como as de extinción ou disolución. No caso de ser necesario, as escrituras e documentos públicos de constitución e a súa inscrición no Rexistro Mercantil.

b) Os estatutos e as súas modificacións.

c) Os símbolos e elementos representativos da cada entidade deportiva.

d) O acordo de constitución de seccións deportivas de entidades públicas ou privadas.

e) O nomeamento, a suspensión e o cesamento dos membros do órgano de goberno das entidades deportivas, e das entidades mercantís previstas no artigo 2.2.

f) A legalización dos libros que, segundo a Lei do deporte de Galicia ou os regulamentos de desenvolvemento desta, deban levar obrigatoriamente as entidades deportivas. Respecto doutros libros cuxa levanza sexa obrigatoria para as federacións deportivas de conformidade con outras normas de aplicación, deberá constar igualmente no Rexistro de Entidades Deportivas a devandita levanza.

g) As medidas administrativas ou xudiciais de intervención de entidades deportivas, así como as sancións que fosen impostas ás entidades deportivas por resolución firme e, se é o caso, as medidas preventivas que se puidesen adoptar.

h) A declaración de utilidade pública, de interese cultural ou declaracións análogas, de entidades deportivas e a súa revogación.

i) As resolucións xudiciais que afecten actos susceptibles de inscrición no rexistro ou as propias entidades deportivas.

j) Os acordos de fusión, absorción ou escisión de entidades deportivas.

k) Nos supostos de disolución das entidades deportivas e das entidades mercantís, o nomeamento, a suspensión e o cesamento das persoas liquidadoras.

l) De existir, o destino do remanente en caso de liquidación.

m) A transformación dunha entidade deportiva en asociación de carácter xeral.

n) En xeral, todos aqueles actos cuxa inscrición sexa prevista pola normativa vixente.

2. Depositaranse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia:

a) A acta de constitución e as actas nas que consten os acordos que modifiquen os actos rexistrais inscritos ou que pretendan introducir datos no Rexistro.

b) O acordo de constitución da sección deportiva e aquelas actas nas que consten os acordos que modifiquen os actos rexistrais inscritos ou que pretendan introducir datos no Rexistro.

c) Os estatutos das entidades deportivas e as súas modificacións, unha vez cualificados.

d) Os regulamentos de réxime interno das seccións deportivas e as súas modificacións.

e) Os estatutos das entidades mercantís.

f) Os regulamentos internos de actuación das federacións deportivas.

g) O orzamento e as contas anuais das federacións deportivas galegas.

h) O acordo de incorporación ou baixa das entidades deportivas, cando corresponda, en federacións deportivas de Galicia, unións deportivas de clubs ou entidades internacionais.

i) O acordo referido á disolución de entidades deportivas no que se recolla o destino dado ao patrimonio remanente.

j) Calquera outro documento que dea lugar á inscrición dos actos que constan no punto 1 deste artigo.

Artigo 6. Efectos da inscrición

1. O recoñecemento oficial das entidades deportivas galegas prodúcese pola súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2. A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia non convalidará os actos que sexan nulos nin os datos que sexan incorrectos de acordo coas leis.

3. A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das asociacións deportivas e entidades reguladas na Lei 3/2012, do 2 de abril, é un requisito indispensable para optar ás axudas, ás subvencións e asesoramento ou para a participación en competicións oficiais autonómicas.

4. As inscricións no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia producirán os seus efectos mentres non se inscriba a declaración derivada de resolución de autoridade xudicial, da súa inexactitude ou nulidade.

5. As federacións deportivas galegas adquirirán personalidade xurídica coa súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que será condición previa e necesaria para a integración, se é o caso, na federación española correspondente.

6. As federacións deportivas galegas exixiranlles aos clubs que desexen afiliarse a elas a súa inscrición previa no Rexistro de Entidades Deportivas, sen prexuízo dos demais requisitos que federativamente lle correspondan.

Capítulo II
Principios rexistrais

Artigo 7. Legalidade

1. A legalidade das formas extrínsecas dos documentos sometidos a inscrición, así como a capacidade e lexitimación dos que os outorguen ou subscriban e a validez do seu contido, cualificaranse polo funcionario/a encargado/a do Rexistro con base no que deles resulte e con referencia aos antecedentes que consten neste.

2. En caso de discordancia entre os títulos presentados para a inscrición rexistral, co fin de coñecer os verdadeiros termos do seu contido, requirirase a entidade deportiva para que achegue o correspondente libro ou testemuña notarial deste, referido ao acordo controvertido.

3. O rexistro poderá solicitar a documentación complementaria e aclaratoria que resulte necesaria para levar a cabo a cualificación e inscrición do título.

4. A cualificación efectuada polo/a funcionario/a do Rexistro limitarase para os efectos de estender, suspender ou denegar o asento solicitado.

Artigo 8. Lexitimación e fe pública

1. O contido do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia presúmese exacto e válido.

2. Os dereitos que se adquiran en virtude de actos e documentos válidos conforme o contido do Rexistro, entenderanse adquiridos conforme dereito, salvo que sexan revogados con posterioridade por resolución xudicial.

3. A declaración de inexactitude ou nulidade dos asentos non prexudicará os dereitos de terceiros adquiridos de boa fe conforme o contido do Rexistro.

Artigo 9. Prioridade

1. A prioridade dun documento sobre outro para a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia virá determinada pola data da súa presentación.

2. Inscrito ou anotado provisionalmente no Rexistro calquera documento, non poderá inscribirse ou anotarse outro de igual ou anterior data que resulte oposto a el ou incompatible.

3. A documentación presentarase preferiblemente por vía electrónica ou, de non ser posible por ter que presentar documentación orixinal, directamente no Rexistro Xeral de Entidades Deportivas ou en calquera das oficinas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de acordo co estipulado no artigo 22.

Artigo 10. Tracto sucesivo

1. Para inscribir os datos relativos a unha entidade deportiva ou ás sociedades mercantís recolle no artigo 66.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, será precisa a previa inscrición desta.

2. A inscrición do cesamento e nomeamento de cargos da entidades, así como, se é o caso, de persoas liquidadoras, require a previa inscrición dos anteriores.

3. Para inscribir actos modificativos ou extintivos doutros anteriores, requírese a previa inscrición destes.

4. Interrompido o tracto sucesivo, reanudarase mediante a inscrición daqueles actos que non o fosen no seu momento, e practicarase de forma simultánea, respectando o principio de prioridade temporal, outorgándolle a cada un, o seu correspondente asento.

Artigo 11. Publicidade

1. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia é público e os seus datos poderán ser consultados polos cidadáns interesados.

2. A publicidade do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia farase efectiva en soporte electrónico ou en papel, por medio dun certificado do contido dos asentos expedido pola persoa encargada do rexistro, dunha nota simple informativa ou dunha copia ou extracto do contido dos asentos.

3. A certificación será o único medio de acreditar de xeito fidedigno o contido dos asentos do rexistro. Cando sexa literal poderá autorizarse mediante a utilización de calquera medio de reprodución. A expedición de certificados poderá está suxeita á taxa por servizos administrativos nos termos establecidos legalmente e deberase acreditar o seu pagamento.

4. A nota simple expedirase no impreso elaborado polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ou mediante fotocopia da folla rexistral.

5. O/a funcionario/a encargado/a do rexistro velará polo tratamento do contido dos asentos rexistrais, evitando a súa manipulación e cumprindo as normas vixentes nas solicitudes de publicidade en masa, ou que afecten os datos persoais indicados nos asentos, estándose, en todo caso, ao previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos persoais e á súa normativa de desenvolvemento.

Capítulo III
Organización e funcionamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia

Sección 1ª. Organización, funcionamento e estrutura do
Rexistro Entidades Deportivas de Galicia

Artigo 12. Organización e funcionamento

1. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia e está adscrito ao órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de deportes.

2. A inscrición da autorización para a constitución das federacións deportivas galegas, así como a modificación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, os cambios de directiva e a inscrición da revogación da autorización das federacións ou da súa disolución, realizarase nos servizos centrais do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de deportes.

3. Nos servizos de deporte provinciais existirá unha delegación do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia para efectos de tramitación das solicitudes recibidas respecto do resto das entidades deportivas e que concirnan o seu ámbito territorial.

4. A coordinación dos servizos provinciais levarase a cabo nos servizos centrais do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes.

Artigo 13. Estrutura do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia

O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ten a seguinte estrutura:

1. Sección primeira: clubs e asociacións deportivas.

2. Sección segunda: seccións deportivas.

3. Sección terceira: agrupacións deportivas escolares.

4. Sección cuarta: federacións deportivas.

5. Sección quinta: entidades mercantís.

Artigo 14. Réxime documental

O réxime documental do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia será o seguinte:

1. Libro de entidades deportivas: neste libro anotaranse a inscrición inicial, as modificacións estatutarias ou regulamentarias, os nomeamentos, os ceses, as suspensións, as disolucións e o resto de actos obxecto da inscrición relativos ás entidades deportivas de Galicia, das seccións primeira, segunda, terceira e cuarta.

2. Libro de entidades mercantís: neste libro anotaranse a inscrición inicial, as modificacións dos seus regulamentos, os nomeamentos e os cesamentos das persoas responsables das entidades mercantís, así como as súas disolucións.

3. Libro de legalizacións: neste libro anotaranse as legalizacións dos libros das entidades obrigadas a este trámite pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

4. Libro de depósito de contas: neste libro anotaranse os depósitos das contas e as auditorías das entidades obrigadas a este trámite en virtude da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

5. Libro de denominacións: neste libro inscribiranse as denominacións das entidades deportivas e as reservas destas denominacións.

6. Libro de símbolos: neste libro inscribiranse os símbolos e os elementos representativos das entidades deportivas.

Sección 2ª. Asentos do rexistro de entidades deportivas de Galicia

Artigo 15. Asentos

1. No Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia efectuaranse os seguintes tipos de asentos:

a) Asentos de inscrición.

b) Anotacións preventivas.

c) Notas marxinais.

d) Asentos de cancelación.

2. Serán obxecto de asento de inscrición no Rexistro os actos e os datos enumerados nos artigos 5.1 e 16, exceptuando as letras h) e k) do artigo 5 que serán obxecto de notas marxinais.

3. Serán obxecto de anotacións preventivas as reservas de denominacións das entidades e as impugnacións de acordos das entidades.

4. Serán obxecto de notas marxinais:

a) A declaración de utilidade pública, de interese cultural ou declaracións análogas, de entidades deportivas e a súa revogación.

b) Nos supostos de disolución das entidades deportivas e das entidades mercantís, o nomeamento, a suspensión e o cesamento das persoas liquidadoras.

c) A cancelación das notas marxinais, así como calquera outro feito ou circunstancia que se considere necesario que reciba publicidade rexistral.

5. Serán obxecto dos asentos de cancelación:

a) A inscrición no rexistro das federacións deportivas cando se revogue o seu recoñecemento.

b) A inscrición das entidades fusionadas no suposto de fusión destas.

c) A inscrición da entidade absorbida no suposto de absorción desta noutra.

d) Os supostos recollidos nos artigos 98, 120, 121 e 122 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

6. O/a funcionario/a encargado/a do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia ten que rectificar os asentos practicados canto atope un erro material, de feito ou aritmético nos datos obxecto de inscrición ou anotación marxinal e tamén cando se produzan rectificacións nos mesmos actos que deron lugar á inscrición ou anotación marxinal. Neste último caso será necesaria unha resolución administrativa ou xudicial co fin de practicar o asento de rectificación.

Artigo 16. Datos inscribibles

1. Nos asentos de inscrición das entidades deportivas deberán constar os seguintes datos:

a) Data de constitución, de extinción ou de disolución das entidades; denominación e identidade das persoas fundadoras ou promotoras.

b) O domicilio e, no caso das federacións deportivas galegas, o domicilio dos órganos territoriais de xestión. Non se admitirán como domicilio os apartados de correos nin os enderezos electrónicos.

c) A identidade dos/das membros dos órganos de administración e representación.

d) O nome do dominio ou enderezo da internet que empreguen as entidades para a súa identificación.

e) As finalidades e as modalidades e disciplinas deportivas que practican.

f) A data de aprobación dos estatutos, e no caso das federacións deportivas galegas, tamén a data da súa ratificación administrativa.

g) A data de inscrición.

h) Os símbolos ou elementos representativos.

2. Nas inscricións das entidades mercantís previstas na Lei do deporte, teranse que facer constar os mesmos datos que no punto anterior, tendo en conta a natureza destas.

3. Nas inscricións das modificacións dos estatutos das entidades deportivas figurarán os seguintes datos:

a) Modificación.

b) Data de aprobación pola entidade deportiva.

c) Data de ratificación administrativa no suposto de federacións deportivas galegas e data de inscrición.

4. Nas inscricións da modificación dos regulamentos das seccións deportivas e dos regulamentos das entidades mercantís previstas na Lei do deporte, figurarán os seguintes datos:

a) Modificación.

b) Data de aprobación pola entidade na que se integra a sección deportiva ou pola entidade mercantil.

5. Nas inscricións de disolución, liquidación e extinción das entidades deportivas ou entidades mercantís, figurarán os seguintes datos:

a) Causa de disolución ou data do acordo do órgano de goberno da entidade deportiva.

b) Aplicación do patrimonio.

c) Data de inscrición.

d) Cando a disolución estea fundada en resolución xudicial farase constar a data da resolución xudicial e o órgano que a dita.

6. Nas inscricións relativas á composición dos órganos de representación e administración constarán os seguintes datos:

a) A composición dos novos membros.

b) A identificación dos/das nomeados/as.

c) A identificación dos/das substituídos/as.

d) A data de nomeamento e de cesamento dos/das substituídos/as.

e) A aceptación dos/das nomeados/as e tamén o prazo e o cargo para o cal foran nomeados.

f) Tamén terán que figurar os datos relativos á suspensión das súas funcións por parte dos órganos xudiciais ou administrativos competentes.

7. Nas inscricións relativas á composición do órgano de dirección da sección deportiva e das sociedades mercantís previstas na Lei do deporte, figurará:

a) A identificación da persoa ou persoas responsables.

b) A data de nomeamento e de cesamento.

c) A aceptación dos/das nomeados/as e dos/das substituídos/as.

8. Nas inscricións de recoñecemento ou revogación do recoñecemento de utilidade pública e declaracións semellantes que se produzan por resolución administrativa figurarán os seguintes datos:

a) Data da declaración.

b) Data da inscrición.

c) Data da resolución e órgano que a dita.

9. Nos asentos relativos ás medidas preventivas adoptadas por órgano administrativo ou xudicial consonte o previsto na Lei do deporte de Galicia e normas de desenvolvemento, terase que facer constar:

a) A data da resolución.

b) O órgano que a dita.

c) O contido das medidas.

d) A data da inscrición.

10. Nos asentos de cancelación sinalados no artigo 15 deberán figurar os seguintes datos:

a) Data de cancelación.

b) Órgano que a dita.

c) No suposto de derivar a cancelación dun procedemento sancionador, o número de expediente do procedemento e a infracción cometida.

11. Cando deba facerse constar na inscrición a identidade dunha persoa, consignarase:

a) Para as persoas físicas, as circunstancias persoais que como mínimo, serán nome e apelidos, número de documento nacional de identidade, domicilio habitual e nacionalidade, se é o caso.

b) Para as persoas xurídicas, a razón social ou denominación, os datos de identificación rexistral, o domicilio e o número de identificación fiscal.

12. O/a funcionario/a encargado/a do rexistro velará polo tratamento do contido dos asentos rexistrais, evitando a súa manipulación e cumprindo as normas vixentes nas solicitudes de publicidade en masa, ou que afecten os datos persoais indicados nos asentos, tendo que aterse, en todo caso, ao previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 do decembro, de protección de datos persoais e á súa normativa de desenvolvemento.

Capítulo IV
Réxime xurídico do acceso ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia

Sección 1ª. Normas xerais do procedemento

Artigo 17. Procedemento de acceso ao rexistro

1. A tramitación dos procedementos de acceso ao Rexistro axustarase ao disposto pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas especialidades previstas na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia e neste decreto.

2. O procedemento iniciarase por instancia de parte, mediante solicitude á que se acompañarán os documentos que se exixen neste decreto. Se se aprecian defectos emendables suspenderase o procedemento, notificándoselle ao/á interesado/a o correspondente requirimento de emenda para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, proceda a súa enmenda. Este requirimento de emenda será sucinto, citando os preceptos normativos e estatutarios a que afectan en cada caso, así como as posibles contradicións ou faltas de concordancia apreciadas na documentación. O requirimento será asinado polo/a funcionario/a encargado/a do Rexistro.

3. O procedemento finalizará coa resolución ditada pola persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes.

Artigo 18. Plazo de resolución e réxime de recursos

1. O prazo máximo de resolución das solicitudes de acceso ao Rexistro de Entidades Deportivas será de 3 meses.

2. Contra a resolución que poña fin ao procedemento de acceso ao rexistro, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, as persoas interesadas poderán interpoñer o correspondente recurso ante o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo no prazo establecido pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De non producirse a resolución expresa no procedemento de acceso ao rexistro no prazo de 3 meses, os interesados poderán entender estimada a súa solicitude por silencio positivo. En tal caso a resolución expresa posterior á produción do acto que debe ditar a Administración en virtude do disposto no artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, só poderá ditarse de ser confirmatoria deste, conforme dispón o artigo 43.3 a) da devandita lei.

Sección 2ª. Acceso ao rexistro

Artigo 19. Inscricións, rectificacións e outros asentos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia

Os asentos que se vaian realizar no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia practicaranse en virtude de resolución expresa ditada pola persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deportes ou en virtude de resolución xudicial ou administrativa ditada polo órgano competente.

Artigo 20. Prazo para solicitar o asento de inscrición

1. A inscrición dos actos que deban acceder ao rexistro debe solicitarse no prazo de trinta días, contados a partir do seguinte ao que se produce o acto, salvo que, por disposición legal ou regulamentaria, se estableza outro prazo.

2. Exceptúase do disposto no punto anterior, o prazo para solicitar a inscrición da escritura de constitución e da escritura de modificación de estatutos que será de dous meses desde o seu outorgamento.

Artigo 21. Taxas

Os asentos rexistrais poderán estar suxeitas á taxa por servizos administrativos nos termos establecidos legalmente, e deberase acreditar o seu pagamento.

Artigo 22. Requisitos formais e presentación da documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 23. Documentos necesarios para a inscrición de entidades deportivas

1. A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia dunha entidade deportiva exixe a presentación da correspondente instancia de solicitude da inscrición, acompañada da seguinte documentación:

a) Acta de constitución asinada por todas as persoas promotoras.

b) Certificación negativa da denominación.

c) Acta de aprobación dos estatutos da entidade.

d) Estatutos coas sinaturas de todos os/as promotores/as da entidade.

e) As persoas promotoras, órganos estatutarios e representantes legais.

2. No suposto da inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia dunha sección deportiva, exixirase tamén a presentación de:

a) Certificación do acordo expreso do órgano de goberno da entidade pública ou privada correspondente, que manifestará a súa intención de crear esta, a forma de organización, o réxime de administración e o resto dos requisitos previstos na normativa deportiva.

b) Certificación do rexistro correspondente que acredite o desenvolvemento pola entidade promotora da sección deportiva, de actividades deportivas de carácter accesorio en relación co seu obxecto principal.

c) Documentación acreditativa dos/das membros do órgano directivo da sección deportiva.

d) Normas internas de funcionamento.

3. A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia dunha federación deportiva galega exixe ademais dos documentos que se recollen no punto 1 deste artigo, a acreditación do cumprimento dos requisitos recollidos no artigo 54 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 24. Documentos necesarios para a inscrición dunha entidade mercantil no rexistro

A inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia dunha entidade mercantil legalmente constituída exixirá a presentación da correspondente instancia de solicitude, así como a seguinte documentación:

a) Certificación do Rexistro Mercantil.

b) Escritura de constitución.

c) Composición do órgano de administración.

d) Estatutos.

Artigo 25. Documentos necesarios para a inscrición das modificacións estatutarias das entidades deportivas e entidades mercantís

Para a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia das modificacións estatutarias das entidades, deberase presentar a instancia de solicitude de inscrición da modificación estatutaria, ademais da seguinte documentación:

a) A versión integra dos novos estatutos da entidade.

b) Certificación polo/a secretario/a da entidade co visto e prace do/a presidente/a do acordo de aprobación do novo texto estatutario.

c) Documentación acreditativa da inscrición da modificación estatuaria noutros rexistros cando sexa preceptiva.

Artigo 26. Documentos necesarios para a inscrición da composición de órganos de goberno

1. A composición inicial do órgano de representación e administración das entidades deportivas e das entidades mercantís previstas pola Lei do deporte, e todas as variacións posteriores, serán inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2. A inscrición dos nomeamentos practicarase mediante certificación do acordo de nomeamento.

3. Non se inscribirá o nomeamento dos membros do órgano de administración e representación dos que non conste a aceptación expresa dos/das titulares entrantes.

4. A inscrición do cesamento dos membros do órgano de goberno por morte, declaración de defunción ou extinción da personalidade xurídica practicarase logo de certificación do correspondente rexistro.

5. Se o cesamento fose acordado por resolución xudicial ou administrativa practicarase mediante testemuño desta.

6. A inscrición da renuncia practicarase mediante comunicación á persoa encargada do rexistro pola entidade deportiva ou a persoa interesada ou mediante comparecencia ante a persoa encargada do Rexistro.

7. Se o cesamento ou suspensión fose acordado por outras causas distintas das expostas, practicarase mediante a oportuna certificación e deberá constar a notificación do cesamento á persoa interesada.

8. A falta de inscrición da nova composición ou reelección dos órganos de representación e administración das entidades deportivas por causas imputables a estas, comportará, a partir da entrada en vigor do presente regulamento, a cancelación rexistral da entidade se nun prazo de un ano a partir da fin do mandato do anterior órgano directivo non se produce ningunha comunicación ao Rexistro.

Artigo 27. Disolución ou extinción das entidades deportivas

Para recoller a disolución, liquidación e extinción dunha entidade deportiva achegarase, ademais da instancia dirixida ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, da solicitude da baixa da entidade, a seguinte documentación:

a) A certificación dos oportunos acordos de disolución e liquidación.

b) O nomeamento, suspensión e cesamento das persoas liquidadoras.

c) Certificación por parte das persoas liquidadoras, do destino dado, se é o caso, ao remanente existente.

Artigo 28. Documentos para a inscrición da declaración de utilidade pública e de outras declaracións análogas

Para a inscrición da declaración de utilidade pública dunha entidade deportiva, declaración de institución privada de carácter cultural ou outras de análoga natureza, deberá presentarse testemuña da resolución administrativa correspondente.

Artigo 29. Transformación de entidades deportivas en asociacións de réxime xeral

A transformación dunha entidade deportiva inscrita no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia nunha asociación de réxime xeral suporá a cancelación rexistral, para o que se achegará a seguinte documentación:

a) Instancia dirixida ao Rexistro coa solicitude de cancelación.

b) Certificación do acordo de transformación.

Sección 3ª. Protección do nome, símbolos e emblemas

Artigo 30. Protección do nome e dos símbolos

O nome e os símbolos das entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia gozarán de protección rexistral. O rexistro dará fe dos datos que nel se conteñen. Estas garantías enténdese referidas ao ámbito da práctica deportiva, sen prexuízo dos dereitos establecidos nas leis xerais.

Artigo 31. Protección dos símbolos

1. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia dará protección, nos termos previstos neste decreto, aos símbolos representativos das entidades inscritas.

2. Para os únicos efectos deste decreto, enténdese por símbolo aquela expresión gráfica de carácter representativo da entidade. Consideraranse símbolos para estes efectos os escudos heráldicos, escudos corporativos, bandeiras, logotipos e calquera elemento análogo.

3. A inscrición dos símbolos das entidades comportará unicamente o gozo dos beneficios previstos neste decreto, e non é ningún requisito indispensable para o seu emprego.

Artigo 32. Denominacións

1. As denominacións das entidades inscritas serán únicas.

2. As denominacións das entidades deportivas galegas non poderán incluír ningún termo relativo a outro tipo de entidade diferente que poida inducir a erro ou confusión, nin empregar unha denominación igual ou similar á doutra entidade rexistrada. Tampouco poderán empregar os símbolos ou emblemas doutras entidades ou asociacións.

3. O emprego na denominación, no emblema ou nas actividades de símbolos ou termos oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá a autorización previa da Administración autonómica.

4. As entidades non poderán ter unha denominación composta unicamente con nomes toponímicos, de organismos oficiais ou que coincida co nome, apelido, nomes ou apelidos de persoas.

5. A incorporación á denominación de adxectivos tales como autonómico, provincial, municipal ou de organismos ou entes públicos, require expresa autorización do organismo ou ente competente.

6. Tampouco poderán incluírse na denominación expresións que induzan a confusión respecto da clase e natureza da entidade cooperativa, obxecto social, ámbito ou análogas.

Artigo 33. Obrigatoriedade da certificación negativa

1. As persoas promotoras de entidades deportivas deberán obter a certificación acreditativa de que non figura inscrita outra entidade coa mesma denominación cá que se pretende constituír. Deberán obter igualmente a dita certificación as entidades que pretendan modificar a súa denominación. O Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia non poderá inscribir entidades cunha denominación que non veña amparada pola correspondente certificación negativa.

2. En calquera caso, a solicitude de certificación efectuarase por escrito a nome dun/dunha promotor/a, para ata tres denominacións. Os certificados expediraos o/a funcionario/a encargado/a do Rexistro nun prazo de dez días desde a solicitude.

3. A certificación negativa terá unha vixencia de tres meses contados desde a data da súa expedición. Transcorrido ese prazo sen que se tivese practicado a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas, caducará a reserva de denominación e poderá solicitarse unha nova coa mesma denominación, presentando a certificación caducada.

4. A certificación negativa de denominacións incorporarase ao Libro de denominacións como anotación preventiva e reservarase a denominación provisionalmente por un prazo de tres meses desde a súa expedición. Transcorrido o dito prazo sen que se tivese practicada a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, a reserva da denominación caducará e cancelarase de oficio.

5. Unha vez inscrita a entidade, a denominación provisional converterase en definitiva.

Capítulo V
Legalización dos libros e depósito das contas das entidades deportivas

Artigo 34. Legalización de libros

Os libros de actas dos órganos de goberno e representación, os libros de rexistro de dos membros, así como os libros de contabilidade e os libros de inventarios de bens mobles e inmobles das entidades deportivas inscritas cuxa levanza sexa obrigatoria de conformidade co establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, deberán estar debidamente encadernados e foliados, e deberán estar legalizados polo Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia mediante dilixencia antes de seren utilizados. No entanto os libros de contabilidade poderán ser legalizados despois sempre que a entidade deportiva leve os libros de maneira informatizada. Neste suposto deberán ser presentados para a súa legalización dentro dos catro meses seguintes á finalización do exercicio económico.

Artigo 35. Solicitude de legalización

1. A solicitude de legalización efectuarase mediante solicitude normalizada dirixida á persoa encargada do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia na que se recollan as seguintes circunstancias:

a) Denominación da entidade deportiva, domicilio e datos da súa identificación rexistral e data de solicitude.

b) Relación de libros cuxa legalización se solicita, con indicación de se se atopan en branco ou se foron formados mediante a encadernación de follas anotadas, así como do número de folios ou follas legalizadas que compoñen cada libro.

c) Data da apertura e, se for o caso, de peche dos últimos libros legalizados da mesma clase dos que se solicita a legalización, de xeito que non se poidan legalizar novos libros en branco se previamente non se acredita formalmente polo/a secretario/a da entidade a íntegra utilización do anterior, exceptuándose o caso de sustracción do anterior o de consignación en acta notarial do seu extravío ou destrución.

d) Xustificante do pagamento das taxas.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e do 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e das entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 36. Normas procedimentais

1. A legalización dos libros terá lugar mediante dilixencia e selo.

2. A dilixencia asinada pola persoa encargada do Rexistro redactarase no primeiro folio, que deberá estar en branco. Neste identificarase a entidade, incluíndo os datos rexistrais, expresando a clase de libro, o número de folios de que consta o libro e o sistema e contido da selaxe.

3. O selo do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia constará en todas as follas mediante impresión ou estampillado, sen prexuízo doutros procedementos que garantan a autenticidade da legalización.

Artigo 37. Depósito de contas e orzamentos

1. Os/as presidentes/as das federacións deportivas ou as persoas ou órganos que conforme os estatutos o por acordo adoptado polos seus órganos de goberno corresponda, formularán as contas anuais, que deberán ser aprobadas, no prazo máximo de seis meses desde o peche do exercicio, pola asemblea da Federación. Coas contas anuais, deberá someterse tamén á aprobación da asemblea unha memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico.

2. Aprobadas as contas, presentaranse coa memoria descritiva das actividades realizadas durante o exercicio económico, no Rexistro de Asociacións Deportivas y Deportistas de Galicia para a súa inscrición. Esta presentación efectuarase no mes seguinte a súa aprobación e, en todo caso, antes do 30 de xullo de cada ano.

Asimesmo, deberán presentar ao Rexistro de Asociacións Deportivas y Deportistas de Galicia, un informe de auditoría das súas contas anuais aquelas federacións deportivas galegas que resulten obrigadas conforme o plan de auditorías aprobado pola Administración deportiva autonómica a inicios de cada exercicio. Anualmente incorporaranse ao plan unha porcentaxe de federacións, de forma que, cada catro anos, todas presenten o dito informe.

As contas anuais presentaranse asinadas por todos os membros do órgano de representación da federación obrigada a formulalas.

3. Presentadas as contas anuais, practicarase a súa anotación no Libro de depósito de contas.

4. O/a funcionario/a encargado/a do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, cualificará se os documentos presentados son os exixidos, e se consta a aprobación polo órgano competente da entidade e as preceptivas sinaturas, no prazo de tres meses desde a data da súa presentación no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

5. Unha vez verificado o cumprimento dos requisitos sinalados, o/a funcionario/a encargado/a do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia terá por efectuado o depósito e practicará a correspondente anotación no Libro de depósito de contas, notificándollo ao interesado.

6. Se o depósito fose rexeitado comunicarase ao solicitante mediante requirimento de enmenda, con devolución da documentación presentada.

7. O depósito de contas terá eficacia exclusivamente para os efectos de publicidade rexistral e non se validarán estas. Este depósito non presupón o seu coñecemento por parte da autoridade administrativa, sen que poida obrigar ou condicionar as actuacións desta en cumprimento da normativa vixente.

8. As federacións deportivas deberán presentar no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, no prazo máximo dun mes desde a súa aprobación en asemblea, os orzamentos económicos anuais, para o seu depósito.

Capítulo VI
Outras funcións do Rexistro

Artigo 38. Consultas

1. As entidades deportivas, e interesados en xeral, poderán formularlle consultas ao Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia sobre supostos concretos en materia da súa competencia. As consultas presentaranse por calquera medio que acredite a súa constancia nos rexistros públicos ou directamente no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

2. As respostas emitidas terán carácter exclusivamente informativo, non orixinarán dereitos de ningún tipo, nin vincularán a resolución de futuros procedementos rexistrais e contra estas non caberá recurso de ningún tipo.

Disposición transitoria primeira. Inscricións anteriores

As inscricións realizadas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia efectuadas antes da entrada en vigor deste decreto conservarán a súa validez e continuarán producindo todos os seus efectos.

Disposición transitoria segunda. Tramitación de expedientes

Os expedientes iniciados de acordo coa normativa anterior tramitaranse e resolveranse consonte a normativa vixente no momento da entrada da solicitude no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Entidades inscritas

1. As entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, deberán comunicar ao Rexistro dentro do prazo de un ano desde a entrada en vigor do presente regulamento, todos os actos e datos de obrigada inscrición que non estiveran inscritos.

2. No suposto de que non se realice a mencionada comunicación dentro do prazo fixado no punto anterior, procederase de oficio ao anuncio de incoación do expediente de cancelación rexistral. A relación de entidades obxecto deste expediente publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da notificación individual no domicilio da entidade inscrita.

3. No suposto de que as entidades non procedan, no prazo de dous meses desde a publicación do mencionado anuncio, a formalizar a obrigación establecida no punto primeiro procederase á súa cancelación rexistral, que comportará a perda do recoñecemento oficial das entidades inscritas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Primeiro. Quedan derrogadas todas as normas do mesmo rango ou inferior que se opoñan ao establecido no presente decreto, en particular quedan derrogados o Decreto 83/1983, do 21 de abril, polo que se crea o Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas e a Orde do 17 de maio de 1983, pola que se regula o funcionamento do Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia, modificada parcialmente pola Orde do 20 de novembro de 1986.

Segundo. Queda derrogado o Decreto 216/1997, do 30 de xullo, polo que se creou o Servizo de Resposta Inmediata (SERI) da Xunta de Galicia, en todo canto se opoña ao previsto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o vicepresidente e conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento normativo do presente regulamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de xullo de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file