Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 30 de xullo de 2014 Páx. 32833

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2014 pola que se convocan cursos de formación en técnicas e habilidades comunicativas para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como complemento ao programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) aprobado polo Consello Reitor para o ano 2014 e de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 xullo, convócanse dúas actividades formativas sobre técnicas e habilidades comunicativas na Administración pública, para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que se detallan no anexo desta resolución,

RESOLVO:

Publicar a convocatoria das actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderán participar nas accións formativas convocadas nesta resolución:

1. Os/as empregados/as públicos/as e as persoas que ocupen postos directivos e/ou de responsabilidade ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da LOFAXGA (Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (DOG do 31) que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada un dos casos no anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.

Así mesmo, poderá participar o persoal dependente do Parlamento de Galicia, do Valedor do Pobo, do Consello de Contas e do Consello Consultivo.

Toda persoa solicitante que ao inicio da actividade formativa estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada un deles se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <http://egap.xunta.es>.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <http://egap.xunta.es/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. Dentro do prazo de presentación de solicitudes establecido no punto 1 desta base os solicitantes pertencentes a entidades públicas e institucións cuxos datos non figuren na base de datos da Dirección Xeral de Función Pública deberán presentar na EGAP, xunto cunha copia do formulario de solicitude, a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo órgano responsable de persoal de que dependa a persoa solicitante que indique o tipo de persoal e a antigüidade na Administración. A falta de presentación destes documentos acreditativos dará lugar á exclusión da persoa solicitante.

Non está obligado a presentar esta documentación o persoal pertencente á Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia.

b) Documentación complementaria acreditativa de circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección sinalados na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es.

– O número de fax 981 54 63 39.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 46, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

Cuarta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25). Para o ano 2014, segundo a Resolución do 10 de febreiro (DOG do 27 de febreiro), comezarase pola letra B.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de tres días hábiles desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <http://egap.xunta.es> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.es>.

– O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia:

– Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais.

– Deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade.

d) As persoas que incumpran o previsto na alínea c):

– Perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

– Pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

a) Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

En caso de non superar a proba, tampouco se facilitará certificado de asistencia.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

5. A EGAP garantirá nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: FC14192.

A Administración pública nos medios de comunicación de masas.

1. Obxectivos.

Mellorar os coñecementos sobre os medios de comunicación e o tratamento nestes das novas relacionadas coa Administración pública.

2. Destinatarios.

Empregados/as públicos/as e as persoas que ocupen postos directivos e/ou de responsabilidade ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da LOFAXGA (Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico (DOG do 31).

Así mesmo, o persoal dependente do Parlamento de Galicia, do Valedor do Pobo, do Consello de Contas e do Consello Consultivo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 15 horas.

Lugar: aula 12 da EGAP.

Datas: 21, 23, 28 e 30 de outubro.

Horario: das 16.15 ás 20.00 horas.

Prazas: 25.

4. Contido.

– Canles de comunicación oficiais e oficiosas entre os medios informativos e a Administración.

– Selección do interese público das informacións.

– Como interpretar a atención dos medios por un acontecemento informativo.

– Campañas oficiais de publicidade, promoción e información.

– Como canalizar as queixas por contidos informativos ante os medios de comunicación.

– O dereito á información pública nos medios.

Código: FC14193.

Linguaxe xestual, corporal e oral. Técnicas de comunicación entre o empregado público e a cidadanía.

1. Obxectivos.

Mellorar as aptitudes dos empregados públicos na súa relación directa cos administrados, mediante novas técnicas de comunicación.

2. Destinatarios.

Empregados/as públicos/as e persoal ao frente de postos directivos e/ou de responsabilidade ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da LOFAXGA (Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico (DOG do 31). En especial aqueles que manteñan un trato directo co público.

Asemade, o persoal dependente do Parlamento de Galicia, do Valedor do Pobo, do Consello de Contas e do Consello Consultivo.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: presencial.

Duración: 15 horas.

Lugar: aula 9 da EGAP.

Datas: 16, 18, 23 e 25 de setembro.

Horario: das 16.15 ás 20.00 horas.

Prazas: 25.

4. Contido.

– Importancia da linguaxe xestual. Distinción entre linguaxe xestual e corporal.

– Técnicas de comunicación oral.

– Como afrontar un diálogo cun cidadán anoxado. Canles para tramitar as queixas externas e internas.

– Obstáculos para a comunicación.

– Novas formas de comunicación na Administración.