Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 4 de agosto de 2014 Páx. 33472

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2014 pola que se regulan e se convocan as axudas económicas para o pagamento de parte da factura eléctrica, a través do tícket eléctrico social de Galicia durante o primeiro semestre de 2014, ás familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos non superen o IPREM.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia no seu artigo 28.3 o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación estatal respecto do réxime enerxético.

O artigo 1 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria dispón que esta é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións no ámbito, entre outros, da enerxía, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) é un ente de dereito público creado especificamente mediante a Lei 3/1999, do 11 de maio, que presta soporte á consellería competente en materia enerxética.

O acceso á enerxía eléctrica é unha necesidade básica. O importe da factura eléctrica incrementouse considerablemente nos últimos anos debido principalmente ao aumento dos custos fixos derivados do déficit de tarifa que se inclúen na factura eléctrica, e que non se poden reducir mediante un menor consumo enerxético. Este feito, unido ao contexto económico actual, dá lugar a que moitas familias non teñan posibilidades económicas para o pagamento da cantidade de enerxía suficiente para cubrir as súas necesidades básicas, e máis concretamente, aquelas que teñen menores ingresos e cargas familiares.

Resulta conveniente, polo tanto, realizar algunha actuación co obxectivo de paliar estas dificultades, polo que se establece esta resolución de axudas para o pagamento de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia ás familias en que convivan fillos menores de 18 anos e que teñan uns ingresos totais da unidade de convivencia non superiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

O tícket eléctrico social de Galicia vén completar o bono social que establece a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico que se aplica aos consumidores vulnerables, definidos no artigo 45 desta lei como aqueles consumidores de electricidade que cumpran coas características sociais, de consumo e de poder adquisitivo que se determinen.

Esta resolución adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e tamén se adapta ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

Tendo en conta o obxecto e finalidade desta resolución, será tramitada polo procedemento de concorrencia non competitiva previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, axilizando o procedemento e permitindo un prazo de solicitude máis amplo, o que redunda en beneficio dos interesados.

A tramitación desta resolución realizarase en colaboración cos servizos sociais municipais básicos, de acordo co exposto no artigo 84.2.a da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e de acordo coa asistencia recíproca entre administracións que establece o artigo 200 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, reguladora da Administración local de Galicia.

Esta resolución de axudas xestionarase telematicamente, segundo o establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, tendo en conta o elevado número de potenciais beneficiarios e considerando o fin social da axuda, coa finalidade de acadar unha maior axilidade na súa tramitación e pagamento, o que redundará de xeito beneficioso sobre os destinatarios da axuda.

No suposto de que o peticionario non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público do concello correspondente, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 22 da Lei 11/2007.

Esta resolución terá efectos retroactivos, segundo o establecido no artigo 57.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e subvencionarase o gasto en consumo de electricidade correspondente ao primeiro semestre de 2014.

As axudas que se establecen nesta resolución financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.A2.733A.480.0 dos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia para 2014, por importe de 600.000 €.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é regular a convocatoria de axudas para a concesión do tícket eléctrico social para o primeiro semestre de 2014 familias en que convivan fillos menores de 18 anos e nas cales a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

2. Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio.

Artigo 2. Tipo de axuda

1. A axuda consiste nunha cantidade fixa semestral que ten por obxecto contribuír ao pagamento da factura eléctrica daquelas familias con fillos menores a cargo, cuxos ingresos totais durante o ano 2013 non superen o IPREM. A contía da axuda non poderá superar o importe da factura eléctrica pagada durante o semestre.

2. Establécese unha cantidade de 45 € ao semestre para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, incrementándose esta cantidade ata 60 € para as que acrediten ser familia numerosa.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado da
subministración de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Os requisitos que deben cumprir os beneficiarios da axuda son:

1. Ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter fillos menores a cargo.

3. Estar aboando a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora.

4. Non superar os límites de renda establecidos no artigo anterior.

5. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 do xuño, de subvencións.

6. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.

Artigo 4. Colaboración cos servizos sociais municipais básicos

1. No artigo 84.2.a da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, establécese que lle corresponde aos concellos a detección das persoas en situación de exclusión e o asesoramento e información sobre os recursos existentes. Deste xeito, os servizos sociais municipais asesorarán e colaborarán cos solicitantes na presentación telemática das solicitudes.

2. Así mesmo, para o suposto en que o peticionario da axuda non teña capacidade técnica ou económica ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a súa identificación ou autenticación poderá ser validamente realizada por un empregado público do concello correspondente, mediante o uso do sistema de sinatura electrónica de que estea dotado, segundo dispón o artigo 22 da Lei 11/2007. Para tal fin, o peticionario deberá outorgar a preceptiva autorización no modelo normalizado establecido no anexo III.

3. O solicitante da axuda declara no anexo I que os ingresos de todos os membros da unidade de convivencia durante o exercicio 2013 non superan o IPREM. Esta declaración responsable deberá vir acompañada dun informe de valoración da situación de necesidade emitido polos servizos sociais comunitarios básicos municipais.

Artigo 5. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e desde a páxina web do Instituto Enerxético de Galicia,
http://www.inega.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade do orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. O prazo de presentación será de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. A presentación fóra de prazo da solicitude, así como a presentación de máis dunha solicitude por unidade familiar, implicará a súa inadmisión.

Artigo 6. Documentación que se debe presentar coas solicitudes

A documentación que se debe presentar xunto coa solicitude (anexo I) debidamente cuberta é a seguinte:

1. No caso de non autorizar a consulta de datos por parte da Xunta de Galicia no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008, copia dixitalizada do documento de identidade en vigor da persoa solicitante, e do resto das persoas integrantes da unidade de convivencia, no caso de non autorizar a consulta a través do anexo II (Autorización dos restantes membros da unidade de convivencia para a verificación de datos de identidade).

2. Autorización aos servizos sociais municipais do concello para a presentación electrónica da solicitude e da documentación relativa ao ticket eléctrico social de Galicia (anexo III).

3. Informe emitido polos servizos sociais municipais básicos sobre as necesidades económicas da unidade de convivencia.

4. Copia dixitalizada do libro de familia ou, no seu defecto, outro documento que acredite oficialmente a súa situación familiar.

5. Certificado de empadroamento da persoa solicitante durante os seis primeiros meses do ano 2014.

6. Facturas emitidas no exercicio 2014 en concepto de subministración eléctrica correspondentes á vivenda que é residencia habitual do solicitante da axuda, e xustificantes de pagamento.

7. Certificado de convivencia.

8. Copia do título de familia numerosa no caso en que o dito título non fose expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia, ou no caso en que si fose expedido pola Xunta de Galicia e o solicitante non autorice a súa consulta.

9. No caso de arrendamento, e sempre que o arrendatario se faga cargo dos gastos de electricidade, achegarase o contrato de arrendamento correspondente.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado concesión de subvencións cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Enerxético de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Enerxético de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, 15073 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a inega.info@xunta.es.

Artigo 9. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da axuda non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. As solicitudes avaliaranse e resolveranse conforme a orde de presentación, mentres se dispoña de crédito orzamentario suficiente. O esgotamento dos fondos será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia.

Artigo 10. Resolución das solicitudes

1. O Instituto Enerxético de Galicia resolverá a concesión das axudas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data da súa presentación. Na resolución indicarase de modo expreso a contía da axuda. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. Notificada ou publicada a resolución, se os interesados propostos como beneficiarios non renuncian expresamente á axuda no prazo de dez días contados desde a notificación de concesión, considérase que a aceptan, e procederase ao seu pagamento.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, o Inega poderá rectificar de oficio a resolución cando exista un erro material, de feito ou aritmético, tal e como se recolle no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Procedemento de xustificación e pagamento das axudas

1. As axudas concedidas en concepto de tícket eléctrico non requirirán outra xustificación que a acreditación da condición de beneficiario, segundo o previsto no artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tal condición debe acreditarse co cumprimento do estipulado no artigo 3 desta resolución, mediante a presentación da documentación estipulada no seu artigo 6. Logo da comprobación de que a dita documentación é correcta e de que o solicitante cumple todos os requisitos exixidos para ter a condición de beneficiario, procederase ao pagamento segundo o establecido no artigo 60.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento da axuda establecida nesta resolución farase unicamente na conta que os solicitantes fagan constar na solicitude, que deberá permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

Artigo 13. Control das axudas

Tal e como se recolle no artigo 51.3 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia revisará, mediante un control a posteriori, entre un 5 e un 25 % das axudas outorgadas que resulten elixidas mediante mostraxe estatística.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

1. Seguir as directrices que marca a resolución de convocatoria.

2. Cooperar coa Administración en cantas actividades de inspección e verificación se leven a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

3. As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Compatibilidade das axudas

Estas axudas serán incompatibles con outras prestacións sociais autonómicas de carácter periódico, concedidas coa finalidade de dar cobertura a este tipo de necesidades básicas da unidade familiar.

Artigo 16. Reintegro

Procederase ao reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, así como dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

1. Obtención da subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen.

2. Incumprimento total ou parcial do obxecto da axuda.

3. Incumprimento da obriga de xustificación.

Artigo 17. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

2. Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o órgano que ditou a resolución no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file