Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 11 de agosto de 2014 Páx. 34403

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2014, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomento do emprendemento feminino, cofinanciadas polo FSE, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (SI429A).

A Secretaría Xeral da Igualdade, segundo dispón o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ten atribuídas, entre outras funcións, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero. Incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Neste sentido, cómpre sinalar que o VI Plan galego para a igualdade entre mulleres e homes–Estratexia 2013-2015, aprobado polo Goberno galego o 14 de febreiro de 2013, establece como obxectivo xeral avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia, e fixa ademais como un dos seus obxectivos estratéxicos dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas.

As medidas de fomento das iniciativas empresariais promovidas por mulleres e baseadas en fórmulas de promoción do autoemprego constitúen actuacións eficaces para a xeración e o mantemento de emprego, mobilización de recursos e corrección de desequilibrios rexionais que repercuten na redución da taxa de paro feminino, que, certamente, segue sendo máis elevada que a do home. Son, por tanto, medidas que no contexto económico actual cobran especial relevancia, polo que resulta obrigado que sexan fomentadas pola Administración en xeral e polos organismos de igualdade en particular.

Así mesmo, a definitiva incorporación e participación en igualdade das mulleres no mercado laboral non será posible mentres non se arbitren medidas que permitan que a responsabilidade parental e familiar se comparta entre as mulleres e os homes, poñendo en marcha medidas que favorezan a atención igualitaria das obrigas do traballo e tamén das responsabilidades familiares.

No marco destas competencias e obxectivos enmárcase o programa Emega, un programa de axudas definido para estimular as mulleres emprendedoras a materializaren as súas ideas empresariais, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral, no cal se complementan accións de apoio directo ao desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación da vida laboral e persoal, esenciais para o éxito da iniciativa emprendedora feminina. O conxunto de axudas que conforma o programa defínese por liñas, que inciden nos factores do emprendemento que posibilitan a incorporación das mulleres á vida económica e ao liderado empresarial: o proxecto, a organización e a promotora-empresaria.

Así, establécense cinco liñas de actuación en función das tres fases da situación dun proxecto empresarial –identificadas como inicial ou de posta en marcha, de progresión ou expansión a través da innovación e de consolidación– denominadas liña Emprende, liña Innova e liña Activa, que se complementan cunha cuarta liña, denominada Concilia, establecida en atención á maternidade das promotoras e á organización do proceso de traballo na empresa. Como novidade, introdúcese unha nova liña para incentivar a iniciativa empresarial de investigación e tecnolóxica, denominada ITEF (investigación e tecnolóxica en feminino).

A través da presente norma establécense as bases reguladoras do sistema de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para fomentar o emprendemento feminino, articuladas a través do programa Emega, unha medida de acción positiva co obxectivo básico de posibilitar que as mulleres emprendedoras se integren no sector produtivo poñendo en marcha, mellorando e consolidando as súas iniciativas empresariais e implantando nas empresas novas formas de organización do traballo con que aplicar novas habilidades técnicas e de xestión, de emprego dos tempos e de desenvolvemento sustentable no emprego dos recursos; en definitiva, trátase de facilitar ferramentas adecuadas para proporcionar flexibilidade na execución do traballo e así ampliar o abano de posibilidades de integración no tecido produtivo con vocación e garantías de permanencia, ademais do anteriormente comentado de fomentar a iniciativa e o emprendemento feminino na investigación e a tecnoloxía.

A xestión deste programa realízase por convocatoria pública de axudas para apoio ao emprendemento feminino baixo o procedemento de concorrencia competitiva, amparado no réxime de axudas de minimis e financiado polo Fondo Social Europeo no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2/69, dado que esta medida se encadra nos seus obxectivos, a saber, aumentar a participación no mercado laboral e mellorar a calidade e a produtividade do traballo, impulsando a igualdade de oportunidades, incrementar a taxa de emprego feminino e fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG número 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG número 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG número 214, do 5 de novembro); na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014; e, no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE número 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE número 176, do 25 de xullo) e demais normativa de aplicación.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para apoio ao emprendemento feminino (programa Emega), sometidas ao réxime de minimis e reguladas polo procedemento de concorrencia competitiva.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2014.

3. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar as mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais, ademais do fomento da iniciativa empresarial da investigación ou de base tecnolóxica, como medio adecuado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través das seguintes liñas de actuación:

3.1. Liña Emprende: programa de axudas económicas a través de primas para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea.

3.2. Liña Innova: programa de axudas económicas mediante primas para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que comparten a creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.

3.3. Liña Activa: programa de axudas económicas a través de primas para favorecer a reactivación e consolidación de empresas lideradas por mulleres por medio da aplicación de medidas de renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade coas cales acadar o equilibrio empresarial buscando o seu mantemento e promoción no contexto económico actual.

3.4. Liña ITEF: específica de investigación ou tecnolóxica en feminino: programa de axudas económicas mediante primas para promocionar o mellor proxecto empresarial de claro carácter innovador, contido científico ou de base tecnolóxica nas empresas lideradas por mulleres e que comparten a creación de emprego feminino.

3.5. Liña Concilia: programa de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar dirixido ás empresas que acceden a calquera dos programas das liñas Emprende, Innova, Activa ou ITEF nas cales existan promotoras con fillos/as menores de tres anos, para favorecer o exercicio profesional das emprendedoras que compatibilizan a súa actividade co exercicio da maternidade en idades temperás e/ou nas cales, a través de acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización, que comparten flexibilidade no uso dos tempos para a execución do traballo e o desenvolvemento sustentable dos recursos, para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral e o exercicio das responsabilidades familiares compartidas do equipo humano que integra a empresa.

4. Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente nas resolucións de concesión. Por tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte por estrada.

5. As axudas reguladas mediante esta resolución outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destinarase un orzamento total de 669.740 euros que se imputará á aplicación orzamentaria que se indica do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Igualdade para o ano 2014, e están cofinanciadas ao 80 % con Fondos FSE no programa operativo de Galicia 2007-2013, eixe 2, tema prioritario 69.

Aplicación

Código proxecto

Importe

05.11.313B.470.0

2014 00165

669.740 euros

2. De acordo co disposto no artigo 30.2 do Regulamento de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo e no suposto previsto no artigo 25.3 do dito regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Beneficiarias e requisitos xerais

1. Poderán ser destinatarias das axudas do programa Emega as empresas, ou os proxectos empresariais no suposto da liña ITEF, formadas por mulleres emprendedoras que cumpran as obrigas e os requisitos específicos establecidos para cada liña de axuda, así como os seguintes requisitos xerais:

a) Teñan domicilio social e establecemento de produción en Galicia.

b) Estean validamente constituídas na data de finalización do prazo de solicitudes, coa excepción dos proxectos da liña ITEF que poderán tamén constituírse ata o prazo de xustificación.

c) A actividade mercantil sexa realizada por:

c.1. Empresarias autónomas.

c.2. Sociedades, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.

Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa ten que ser exercida por mulleres e o capital social pertencer unicamente a mulleres cando se trate de microempresas e estar maioritariamente subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.

c.3. Teñan a categoría de microempresas ou pequenas empresas.

– As microempresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 10 persoas e que teñen un volume de negocio anual ou balance xeral anual que non supere os 2 millóns de euros.

– As pequenas empresas defínense como as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

2. Con carácter específico quedan excluídas do ámbito desta resolución as empresas públicas ou participadas e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, con excepción dos supostos previstos para a liña ITEF, e manterse durante o período de permanencia da actividade.

4. As persoas solicitantes deberán acreditar mediante declaración responsable que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiarias.

Artigo 4. Liña Emprende: beneficiarias das axudas para a posta en marcha

Poderán ser beneficiarias da liña emprende as mulleres que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que se establezan como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.

b) Que se acredite ausencia de actividade laboral derivada dunha situación legal de desemprego por un período mínimo dun mes inmediatamente anterior ao día primeiro do mes de alta na actividade. No caso de empresas constituídas por máis dunha muller, esta condición exíxese ao 50 % das promotoras.

c) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras.

d) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

e) Para os efectos deste programa de axudas, o inicio de actividade está determinado:

– Pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal, que coincidirá coa que é obxecto da solicitude da axuda).

– E pola alta das promotoras no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda.

Ambas as dúas teñen que formalizarse antes do fin do prazo de presentación de solicitudes.

f) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa, elaborado nos termos que se indican no artigo 9 desta resolución.

g) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a cal se solicita a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos calquera outra axuda da Comunidade Autónoma de Galicia para a creación de empresas.

Artigo 5. Liña Innova: beneficiarias das axudas para mellorar

Poderán ser beneficiarias da liña Innova, para a realización dun proxecto de mellora empresarial, as empresarias autónomas ou as sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten no mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes actividade empresarial ininterrompida entre 2 e 5 anos na mesma actividade económica para a cal se proxecta a mellora.

b) Que presenten un plan de empresa nos termos do artigo 9 desta resolución en que se defina o proxecto de mellora empresarial e a estratexia para a súa implementación.

c) Que o proxecto de mellora supoña a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller para o cal se exixa capacitación profesional media ou superior e cuxas funcións laborais estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora e por un período mínimo de dous anos.

d) Que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións:

– Proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos ou mellora dos xa existentes.

– Proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución.

– Proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade.

– Proxectos de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

e) Que o proxecto de mellora se realice nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación.

f) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega para mellora de empresas.

Artigo 6. Liña Activa: beneficiarias das axudas para reactivación para o mantemento do emprego

Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Activa as empresarias autónomas ou as sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, que proxecten a reactivación da súa actividade económica para o mantemento do emprego e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que acrediten un período mínimo de actividade mercantil na actividade económica para a cal se solicita a axuda de 3 anos no mes de finalización do prazo de solicitudes, admitíndose períodos de inactividade que en total non superen os 3 meses na data indicada.

b) Que presenten un plan de empresa nos termos do artigo 9 desta resolución para a reactivación e consolidación da empresa.

c) Que manteñan ou incrementen o número de postos de traballo por conta propia e por conta allea preexistentes na empresa.

d) Que o proxecto de reactivación se realice nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación.

e) Que non recibisen nos últimos cinco anos axuda dos programas Emega.

Artigo 7. Liña (ITEF): beneficiarias das axudas para o mellor proxecto empresarial de investigación ou tecnolóxico en feminino

1. Nesta liña, só se concederá axuda para o mellor proxecto empresarial presentado. Os seguintes catro proxectos valorados que acaden a puntuación mínima que estableza a comisión de valoración recibirán un Diploma ou certificado que os acredite como «proxectos ITEF cualificados» en recoñecemento do proxecto.

2. Os proxectos deberán estar liderados por mulleres que cumpran os requisitos do artigo 3 e que poñan en marcha unha iniciativa empresarial a través de microempresas ou pequenas empresas, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

a) Que o inicio da actividade empresarial se produza nos doce meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ou como máximo ata o prazo de xustificación.

b) Que a actividade, produto ou servizo que vaian desenvolver teña claro carácter innovador, contido científico ou base tecnolóxica.

c) Se respecte unha proporción dunha persoa con titulación universitaria relacionada coa tecnoloxía ou co ámbito da ciencia por cada catro postos de traballo. No caso de que só exista unha promotora, esta deberá posuír a mencionada titulación.

d) Se establezan como empresarias autónomas ou constituíndo sociedades mercantís, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens.

e) Que se creen na empresa os postos de traballo de todas as promotoras.

f) Que presenten un plan de empresa en que se desenvolva a planificación do proxecto empresarial concretando os obxectivos, estratexias e medios necesarios para a actividade da empresa, elaborado nos termos do artigo 9 desta resolución.

g) Que non tivesen con anterioridade actividade mercantil na mesma actividade económica para a cal se solicita a axuda e que non recibisen nos últimos cinco anos axuda do programa Emega para creación de empresas.

3. Para os efectos deste programa de axudas, o inicio de actividade está determinado:

– Pola alta da actividade no IAE ou da declaración censual (no caso de varias actividades terase como referencia a da actividade principal que coincidirá coa que é obxecto da solicitude da axuda).

– E pola alta das promotoras no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional que corresponda.

Ambas as dúas teñen que formalizarse antes do fin do prazo de presentación de solicitudes ou de xustificación.

Artigo 8. Liña Concilia: beneficiarias das axudas para a conciliación

1. Poderán ser beneficiarias das axudas da liña Concilia as empresas que opten a calquera dos programas establecidos nestas bases reguladoras sempre que se produza algunha das situacións que se sinalan, de acordo coas condicións definidas no artigo 14 para cada tipo de axuda desta liña:

a) Que formen parte da empresa promotoras con fillos/as que non superen os 3 anos de idade na data límite de xustificación.

b) Que se asine un acordo ou convenio de conciliación para o persoal asalariado, aprobado polas/os traballadoras/es ou representantes sindicais e vinculante para as partes, para a implantación de novos sistemas de organización que favorezan a conciliación, a non segregación e que comparten flexibilización horaria.

c) Que se asinen acordos de teletraballo, formalizados de xeito individual, co persoal vinculado á empresa por contrato laboral.

2. Para os efectos desta resolución, considérase teletraballo o desenvolvemento dunha actividade laboral remunerada para a cal se empregan como ferramentas básicas as tecnoloxías da información e telecomunicación e na cal non existe presenza física permanente nin na empresa que ofrece os servizos ou bens, á cal está vinculada laboralmente a persoa traballadora, nin na empresa demandante deses servizos ou bens; e considérase teletraballadora ou teletraballador aquela persoa ocupada que realiza unha tarefa profesional fóra da súa sede laboral habitual e por medio dun ordenador persoal, como mínimo, unha xornada semanal.

O acordo de teletraballo reflectirá, como mínimo, as condicións laborais do posto (establecerá o lugar de traballo, a accesibilidade da traballadora ou traballador por requirimento da empresa, vacacións, retribucións, etc.); os métodos de traballo (fixará o sistema formalizado de traballo –quen recibe ou supervisa o traballo, de que forma– e os tipos de comunicación); establecerá os custos variables (electricidade, teléfono, material de oficina, funcionamento do equipamento, seguros, etc.) derivados da realización do traballo e o sistema de reembolso ou compensación.

A propiedade do equipamento de traballo e o seu mantemento corresponde á empresa, e o acordo deberá fixar os criterios e servizos para iso e indicar que persoas están autorizadas para o seu uso e os distintos usos segundo o traballo de que se trate. No citado acordo recolleranse tamén aqueles aspectos relativos á formación das persoas traballadoras, as cláusulas de confidencialidade e aqueloutros aspectos necesarios para o óptimo desenvolvemento do posto de traballo.

Artigo 9. O plan de empresa: requisitos

1. O plan de empresa configúrase como o documento guía para a análise, a planificación e a viabilidade do proceso emprendedor e para dar cumprimento ao establecido nesta resolución.

2. Deberá cumprir os seguintes requisitos:

2.1. A extensión non será superior a vinte páxinas e deberá conter toda a información totalmente actualizada, clara, concisa, veraz e comprobable, e abranguerá todas as áreas da actividade obxecto de axuda e definirá as seguintes epígrafes, adaptadas en cada caso ao proxecto concreto e liña pola que se solicita a axuda:

2.2. Para a liña Emprende e ITEF:

a) Idea e oportunidade: resumo inicial, en que se indicarán os datos identificativos (nome, enderezo, razón social, nome comercial) e se presentarán a misión e os obxectivos da empresa, definición do produto/servizo, ámbito xeográfico da actividade.

b) Análise do contorno e dinámica competitiva: delimitación do segmento de mercado a que se dirixe o produto ou servizo e potencial de crecemento, perfil e tipoloxía da clientela, valoración da competencia directa, vantaxes competitivas do produto fronte á oferta existente.

c) Política comercial: nesta epígrafe definiranse as características do produto ou servizo que se vai comercializar, o proceso de fabricación (produto) ou de prestación (servizo), elementos diferenciadores do produto ou servizo (deseño, calidade, presentación, servizo posvenda, etc.), a política de prezos, plan de vendas, sistema ou canles de distribución e loxística, promoción e publicidade, e imaxe corporativa.

d) Organización e recursos humanos: presentarase o equipo promotor (datos identificativos, historia profesional, coñecemento do sector, capacidades e complementariedade, e incluiranse os currículos de todas as persoas promotoras; cadro de persoal (indicación da denominación dos postos, ocupación por homes ou mulleres) actual e previsto, detalle do organigrama e formación, experiencia e funcións profesionais do equipo humano, programa de medidas empresariais para a conciliación da vida persoal e profesional (servizos de conciliación, sistema de organización do traballo, flexibilización da xornada para o emprego corresponsable dos tempos).

e) Plan xurídico-fiscal: referencia aos aspectos legais da constitución da empresa e da súa vida diaria, forma xurídica adoptada, réxime fiscal da empresa, permisos e licenzas, principais contratos e acordos (de alugueiros, franquías, de exclusividade de produción).

f) Plan económico-financeiro: constitúe a estimación do orzamento do proxecto e dos resultados financeiros previstos para determinar a viabilidade financeira do proxecto.

Conterá a seguinte información en coherencia co anexo I:

1) Gasto en investimento que deberán coincidir sustancialmente, salvo que se engadan novos conceptos, cos do anexo I: terreos, edificios e outras construcións, maquinaria e ferramenta, instalacións, equipamentos e aplicacións informáticas, mobiliario, adecuacións e reformas de locais, etc.

2) Provisión de fondos.

3) Fontes de financiamento dispoñibles: contribución das promotoras, créditos e préstamos, subvencións solicitadas ou concedidas, etc.

4) Previsión da conta de resultados (gastos e ingresos estimados dos tres primeiros anos da actividade proxectada).

2.3. Para a liña Innova:

O plan de empresa recollerá os requisitos establecidos no número 2.2 cun enfoque en que se defina o proxecto de mellora empresarial e a estratexia para a súa implementación.

2.4. Para a liña Activa:

O plan de empresa recollerá os requisitos establecidos no número 2.2 cun enfoque en que se defina a reactivación e consolidación da empresa, incluíndo:

– Todos os aspectos que condicionan o seu funcionamento.

– A análise razoada da situación actual.

– As necesidades que se deben cubrir a curto, medio e longo prazo de calquera medida imprescindible para acadar o equilibrio empresarial.

– As medidas de tipo estrutural, conxuntural, de cualificación de medios humanos, de ampliación ou renovación de produtos ou servizos, de localización, de equilibrio entre oferta e demanda, específicas de mercado de proximidade, económicas, tecnolóxicas, etc. necesarias para a reactivación da empresa.

– O cadro de persoal.

– A conta de resultados e o volume de negocio dos últimos 3 anos de funcionamento.

Artigo 10. Liña Emprende, Innova e Activa: obriga de acreditación dun gasto mínimo en investimento de 1.000,00 euros (sen IVE)

1. Nas liñas Emprende, Innova e Activa o importe mínimo obrigatorio en gasto de investimento que deberá figurar na solicitude e que deberán acreditar as beneficiarias na xustificación como realizado e pagado será de 1.000,00 euros (sen IVE).

Na xustificación deberá acreditarse como realizado e pagado en prazo un importe mínimo de 1.000,00 euros (sen IVE) dos conceptos ou partidas de investimento reflectidos na solicitude, procedendo en caso contrario ao reintegro da subvención percibida.

2. No caso de que figure un investimento superior na solicitude, será suficiente a acreditación do investimento de 1.000,00 euros (sen IVE), ao non estar vinculada a subvención ao investimento senón á creación de emprego.

3. Este requisito poderá ser exceptuado polo órgano concedente cando a interesada presente coa solicitude de axuda a dita petición acreditando de xeito fidedigno a innecesariedade do dito gasto en atención á natureza do proxecto.

4. Cando unha emprendedora asume o compromiso expreso na solicitude asinando o anexo III de executar un gasto superior os 1.000,00 euros (sen IVE) en investimento, puntuarase na valoración segundo os criterios establecidos no artigo 20 e queda expresamente comprometida a xustificar o dito gasto como realizado e pagado segundo o establecido no artigo 25 relativo á xustificación.

Artigo 11. Liña ITEF: obriga de acreditación dun gasto mínimo de 5.000,00 euros (sen IVE) en investimento

1. Na liña ITEF o importe mínimo obrigatorio en gasto de investimento que deberá figurar na solicitude e que deberán acreditar as beneficiarias na xustificación como realizado e pagado será de 5.000,00 euros (sen IVE).

2. Para a obriga de xustificación, solicitude de excepción e compromiso expreso de executar maior gasto, aplicarase o disposto no artigo anterior.

Artigo 12. Obriga de permanencia mínima da actividade empresarial subvencionada e vinculación laboral

1. O período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada establécese en dous anos desde a data de alta na actividade ou desde a alta dos/as traballadores/as por conta allea, de ser esta posterior. En consecuencia, os acordos ou convenios para a conciliación teñen que manterse vixentes nese período e todos os postos de traballo e teletraballo que se creen teñen que estar cubertos por un período mínimo de dous anos, que se computará desde que se produzan as altas correspondentes no sistema da Seguridade Social ou mutualidades profesionais. En todo caso, estas altas terán lugar, como data límite, na fixada para presentación da xustificación na presente convocatoria.

Para os efectos do disposto neste punto, cando remate un contrato por causa allea á empresa, sempre que se volva ocupar o dito posto no prazo máximo dun mes, o período mínimo de dous anos non se considerará interrompido. Para os efectos do cumprimento do requisito de creación de postos de traballo por conta allea non se computarán os contratos de interinidade.

2. Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución teñen a obriga de vincularse laboralmente a elas, desenvolvendo de xeito habitual a súa actividade profesional na empresa obxecto de axuda.

Artigo 13. Obriga de publicidade e información

1. As beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e dos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) núm. 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) núm. 1083/2006. En concreto deberán facer constar, na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado, o financiamento dos seus activos con fondos da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade e do Fondo Social Europeo. Para isto, no lugar onde se desenvolva o proxecto deberá figurar, de forma visible, un cartel informativo no cal aparezan os anagramas da Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do Fondo Social Europeo en aplicación do disposto na normativa aplicable. Na páxina web oficial informarase das características do dito cartel e dos logos e inscricións de obrigada inclusión. Cando o proxecto se publicite nun sitio da internet, as citadas referencias deberán realizarse en lugar visible na súa páxina de inicio; cando se materialice nunha aplicación informática, deberán facerse as citadas referencias na zona de inicio ou menú principal da aplicación informática, así como na epígrafe de información da aplicación («axuda», «acerca de» ou similares); así mesmo, cando se elaboren materiais divulgativos do proxecto empresarial (cadernos, folletos, notas informativas, CD-Rom) deberán constar na contraportada das ditas publicacións as citadas referencias.

2. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, programa e crédito orzamentario, listaxe de beneficiarias, nome das operacións, contía de fondos públicos asignados a cada operación e finalidade da subvención, en aplicación do disposto no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE)1828/2006 da Comisión. Igualmente, publicarase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Artigo 14. Tipos de axuda e contías

1. As axudas destinadas ás beneficiarias do programa Emega consisten en achegas económicas en forma de prima destinadas a apoiar o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras, a promover a creación de emprego feminino, á adopción de novas formas de organización do traballo e a favorecer a conciliación da vida persoal e laboral e formación. Para iso establécense as seguintes contías, segundo as liñas de actuación definidas nesta resolución e o número de postos de traballo, por conta propia e allea, xerados:

1.1. Liña Emprende:

1.1.a) Prima de 12.000 euros ás empresas que creen o posto de traballo da promotora.

1.1.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que creen dous postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.

1.1.c) Prima de 20.000 euros ás empresas que creen tres postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.

1.1.d) Prima de 22.000 euros ás empresas que creen catro ou máis postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.

1.2. Liña Innova:

1.2.a) Prima básica de 15.000 euros por empresa.

1.2.b) Prima de 18.000 euros ás empresas que, ademais do emprego obrigatorio fixado no artigo 5, creen un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

1.2.c) Prima de 22.000 euros ás empresas nas cales existan máis de dúas traballadoras autónomas e se cree, ademais do emprego obrigatorio, un posto de traballo por conta allea con contrato indefinido para outra muller.

1.3. Liña Activa:

1.3.a) Prima de 6.000 euros ás empresarias autónomas.

1.3.b) Prima de 12.000 euros ás sociedades constituídas por dúas promotoras e ás empresarias autónomas, sempre que, neste último caso, se manteña ou, no seu defecto, se cree un posto de traballo con contrato indefinido para outra muller.

1.3.c) Prima de 18.000 euros ás empresas que manteñan ou creen máis de dous postos de traballo por conta propia para mulleres.

1.3.d) Prima de 20.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos por conta propia e un posto por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.3.e) Prima de 22.000 euros ás empresas que manteñan ou creen dous postos por conta propia e dous postos por conta allea con contrato indefinido para mulleres.

1.4. Liña ITEF:

1.4.a) Prima de 30.000 euros para o mellor proxecto empresarial que cree un ou dous postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.

1.4.b) Prima de 50.000 euros para o mellor proxecto empresarial que cree un mínimo de tres postos de traballo, por conta propia ou por conta allea con contrato indefinido para mulleres, incluíndo o da promotora ou promotoras.

1.5. Liña Concilia:

1.5.a) Prima básica de 3.000 euros por empresa con promotoras con fillos/as menores de tres anos.

1.5.b) Prima de 5.000 euros por acordo ou convenio de conciliación.

1.5.c) Prima de 1.000 euros por contrato de teletraballo, para mulleres ou homes, co máximo de 5.000 euros.

1.6. Axuda DUAL: consistente nunha axuda a tanto global de 500,00 euros para aquelas promotoras que reciban subvención por calquera das liñas anteriores e que se comprometan a participar e completar o programa de titorización que programe a Secretaría Xeral da Igualdade, para conseguir a pervivencia da empresa no tempo, marcando a casa correspondente do anexo III.

O dito programa consistirá nun máximo de 5 entrevistas persoais e un seguimento para titorizar o proxecto subvencionado que será comunicado de xeito individual a cada promotora subvencionada.

2. Para as axudas desta convocatoria establécese o tope específico de 30.000 euros por empresa máis a axuda DUAL, incluídos os tipos de axuda da liña Concilia, excepto para a liña ITEF, que terá os importes reflectidos no seu programa máis a axuda DUAL e Concilia de ser o caso.

As liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF son incompatibles entre si e dentro de cada liña só se pode ser beneficiaria dunha única prima, agás na liña Concilia, en que unha empresa pode beneficiarse da prima por nais emprendedoras e dunha das establecidas en función da existencia de persoal asalariado. Todo iso sempre que se respecten os topes xerais de axuda de minimis.

Artigo 15. Compatibilidade e concorrencia de axudas públicas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención corrente destinada ao fomento do emprendemento, ben a través da creación de emprego autónomo ou ben pola xeración de postos de traballo por conta allea para mulleres.

2. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que supere os límites legalmente establecidos.

3. As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade usando o formulario establecido para o efecto nesta resolución, o cal terán que volver xuntar actualizado no momento de presentar a xustificación para o cobramento das axudas.

Artigo 16. Prazo e presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As persoas interesadas presentarán a seguinte documentación:

Cando se trate dun proxecto que concorre á liña ITEF e non estea aínda constituída a empresa, só presentará a documentación das alíneas a), b), c), h), i), k) e l) sen prexuízo de que no trámite de xustificación, ademais da documentación que lle corresponde do artigo 25.1.1, deba presentar a das alíneas e) e g) deste artigo.

a) Anexo I: solicitude en modelo normalizado.

b) Anexo II: compromiso expreso de creación/mantemento de postos de traballo por conta allea, de ser o caso.

c) Anexo III: compromiso expreso de execución dun gasto de investimento superior ao mínimo exixido e da súa posterior xustificación e/ou de participación no programa de titorización, de ser o caso.

d) No caso das sociedades civís e comunidades de bens, anexo V (declaración de axudas) por cada unha das promotoras.

e) NIF da empresa, copia do documento de constitución da sociedade e copia da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade. Cando a solicitante sexa persoa física, só terá que presentar copia do DNI ou NIE, no caso de que non autorizase expresamente a súa consulta, segundo se recolle no anexo I de solicitude.

f) Informe de vida laboral actualizado de todas as persoas promotoras, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou pola mutualidade profesional, segundo corresponda.

g) Certificación da Axencia Tributaria que reflicta a data da alta fiscal da empresa e os códigos da actividade económica correspondentes ou alta censual. Nas solicitudes para as axudas da liña Emprende e ITEF é obrigatoria a presentación dos dous documentos.

h) Plan de empresa.

i) Libro de familia das promotoras nais de menores de tres anos, de ser o caso.

j) Acordo ou convenio de conciliación, de ser o caso.

k) Compromiso de teletraballo (anexo II), de ser o caso.

l) De ser o caso, documentación acreditativa das situacións específicas de especial protección obxecto de valoración: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social ou mulleres que interromperon a actividade laboral pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar.

4. A Secretaría Xeral da Igualdade reservará para si a facultade de solicitar a información complementaria que considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As persoas solicitantes observarán as especificacións destas bases para a elaboración e presentación da súa solicitude empregando os anexos normalizados para os documentos especificados neste artigo. Estes formularios presentaranse no seu formato orixinal e sen emendas nin riscadas. Así mesmo, deben ter en conta que toda a documentación se debe achegar en papel tamaño DIN A4, sen usar grampas, espirais, carpetas clasificadoras, arquivadores, encadernacións ou calquera outro engadido ao papel que dificulte ou impida os procesos de tratamento, arquivamento e dixitalización da documentación, e supoña un gasto evitable e superfluo para as solicitantes; a presentación óptima realizarase coa documentación numerada e fixada mediante elementos metálicos tipo fastener ou clips de suxeición similares. Cómpre ter tamén en conta que o engadido de portadas á primeira folla dos modelos normalizados dificulta o proceso nos rexistros oficiais e a alta dos expedientes administrativos, polo que se deberá omitir esta práctica procurando que o selo do rexistro de entrada figure no anexo de solicitude.

Artigo 17. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puider impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 18. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os citados requirimentos de emenda poderanse facer ben a través de notificación individualizada, ben mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 20.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento, sen posibilidade de emenda, das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 19. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez instruídos os expedientes constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, realizará a selección e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados, e estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a; pola persoa titular do Servizo de Planificación e Programación; pola persoa titular do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional; pola persoa titular do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, e pola persoa titular do Servizo de Fomento, que actuará como secretario/a. A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para estes efectos pola persoa que exerza a presidencia.

Previamente á avaliación pola comisión de valoración dos proxectos da liña ITEF, a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia emitirá informe sobre a adecuación dos proxectos presentados aos requisitos establecidos para esta liña, en concreto, se se trata de proxectos innovadores, de contido científico ou de base tecnolóxica. Para o estudo dos proxectos e emisión do correspondente informe, a Unidade poderá designar algún ou varios dos seus membros ou persoas externas.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes. Poderá estar asistida por persoas expertas externas e, así mesmo, poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión para os efectos de colaborar na revisión e valoración dos documentos achegados coa solicitude.

3. A avaliación realizarase sobre a información da documentación obrigatoria presentada na solicitude, quedando excluída a reformulación de solicitudes para as axudas reguladas nestas bases. Nos casos de solicitudes con igualdade de puntuación terase en conta, para os efectos de resolver o empate, a puntuación obtida criterio a criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate; no caso de esgotarse os criterios e persistir o empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

4. Unha vez avaliados os expedientes e determinada a prima de cada proxecto, a comisión fixará o limiar mínimo de puntuación necesario para acadar axuda, tendo en conta o crédito orzamentario e os topes xerais establecidos nestas bases, e presentaralle á persoa responsable do departamento a correspondente proposta de adxudicación.

5. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado as solicitantes propostas para obter a axuda, especificándose a avaliación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

6. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución ata a fin do exercicio 2014 conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 20. Criterios de valoración

A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os proxectos debidamente presentados que sexan técnica, económica e financeiramente factibles, conforme os seguintes criterios:

1. Calidade do proxecto: máximo 20 puntos. Valorarase o grao de concreción do plan de empresa aos contidos establecidos no artigo 9:

a) Grao de concreción alto: 20 puntos.

b) Grao de concreción medio: 10 puntos.

c) Grao de concreción baixo: 3 puntos.

2. Emprego feminino xerado, por conta propia e allea: máximo 30 puntos.

a) Xeración dun posto de traballo para mulleres: 5 puntos.

b) Xeración de 2 postos de traballo para mulleres: 10 puntos.

c) Xeración de 3 postos de traballo para mulleres: 15 puntos.

d) Xeración de 4 postos de traballo para mulleres: 20 puntos.

e) Xeración de 5 ou máis postos de traballo para mulleres: 30 puntos.

3. Custo ou gasto do proxecto en investimento segundo compromiso expreso do anexo III: máximo 20 puntos. Valorarase o esforzo económico para realizar o proxecto cando sexa superior ao mínimo exixido, outorgándose a puntuación máxima á empresa que realice o maior investimento e proporcionalmente ao resto.

4. Contribución á integración laboral de mulleres en situación de especial protección: inactivas ou paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, mulleres en situación de especial dificultade derivada da violencia de xénero ou risco de exclusión social: 10 puntos.

5. Localización do proxecto en zona rural (concellos con densidade de poboación inferior a 150 hab./km2): 10 puntos.

6. Iniciativa empresarial pertencente ao sector de prestación de servizos de conciliación (servizos de atención e coidado a persoas dependentes a cargo): 5 puntos.

7. Proxecto pertencente a sectores económicos en que, segundo os datos oficiais, as mulleres están infrarrepresentadas: 5 puntos.

Artigo 21. Resolución e notificación

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade. A resolución deberá estar debidamente motivada e indicará a solicitante ou a relación de solicitantes ás cales se lles concede a axuda, os compromisos das beneficiarias, os créditos orzamentarios a que se imputa o gasto, a contía da concesión, o fondo europeo, o eixe, a compatibilidade ou incompatibilidade con outras axudas, os prazos e formas de xustificación e os prazos e modos de pagamento; así mesmo, indicará, de ser o caso, a denegación do resto das solicitudes e a súa causa sucinta. Serán, así mesmo, informadas de que a axuda está cofinanciada, nun 80 %, polo PO FSE Galicia 2007-2013.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que as beneficiarias están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste sentido, a solicitude supón a autorización ao órgano instrutor para pedir os correspondentes certificados.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase desestimada.

3. A publicidade das subvencións realizarase segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial da Secretaría Xeral da Igualdade, e nos cinco días seguintes ao da notificación da concesión, publicarase a relación de beneficiarias con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, a notificación de todas as resolucións realizarase mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, as axudas concedidas, indicando a beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da axuda outorgada. Así mesmo, indicaranse as solicitudes denegadas con indicación sucinta das causas. Non obstante, o órgano competente para resolver poderá acordar a práctica da notificación individual en substitución da publicación das resolucións correspondentes.

5. Na resolución de concesión as beneficiarias serán informadas de que a obtención de axuda comunitaria implica a aparición na lista pública de persoas beneficiarias que a autoridade de xestión do programa operativo publicará conforme o previsto no artigo 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro (DOUE L/45, do 15 de febreiro de 2007), na cal figuran os datos de identidade ou denominación social, das operacións e da contía de fondos públicos asignada a cada operación.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 23. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Obrigas das beneficiarias

1. De conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as beneficiarias destas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das axudas.

b) Iniciar a actividade nos períodos establecidos nesta resolución, sen prexuízo da facultade da Secretaría Xeral da Igualdade de comprobar a realización material das actuacións propias da empresa de que se trate fronte ao público en xeral.

c) Comunicar, no prazo de 15 días, todas as variacións que se produzan na empresa.

d) Facer o investimento mínimo ou, se é o caso, o comprometido, establecido no artigo 10 e 11 respectivamente.

e) Manter un sistema de contabilidade con codificación adecuada que permita identificar todas as transaccións realizadas vinculadas ao proxecto subvencionado, e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo FSE Galicia 2007-2013, ou ben durante un período de tres anos a partir do ano en que tivese lugar o peche parcial deste, de acordo co disposto no artigo 90 do Regulamento (CE) 1083/2006.

f) Cumprir os compromisos asinados de creación e, de ser o caso, de mantemento de emprego.

g) Cumprir o compromiso asumido de participar e completar o programa de titorización.

h) Ter unha permanencia ininterrompida na actividade e manter os postos de traballo vinculados á axuda por un período mínimo de dous anos.

i) Achegar, durante o período de permanencia, así como ao seu remate, e por requirimento da Secretaría Xeral da Igualdade, o informe da situación de todos os códigos de cotización da empresa en que consten todos os contratos vinculados á axuda, o informe de vida laboral actualizado de todas as persoas promotoras, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e/ou pola mutualidade profesional, segundo corresponda, os documentos TC2 en que consten as/os traballadoras/es por conta allea cuxos contratos están vinculados á axuda, así como calquera outra documentación que lle sexa requirida co obxecto de realizar as comprobacións e verificacións que se consideren necesarias para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución.

j) Desenvolver de xeito habitual o exercicio profesional correspondente aos postos de autoemprego na actividade empresarial obxecto de axuda.

k) Efectuar a xustificación para a percepción da axuda conforme o establecido nesta resolución.

l) Facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

m) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Emprego e Seguridade Social e da Secretaría Xeral da Igualdade, para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, así como ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

n) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, e non superar as porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

o) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, estar ao día nas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a solicitante ou a beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

p) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. A publicidade realizarase segundo o disposto no artigo 13, e no lugar onde se leven a cabo as accións correspondentes aos proxectos subvencionados deberá figurar, de forma visible para o público en xeral, un cartel informativo coas especificacións establecidas no mesmo artigo.

q) Cumprir co resto de requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

r) Reintegrar total ou parcialmente o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados, nos termos establecidos no artigo 27 desta resolución.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. Con base no establecido no título III, artigo 48.3, do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as beneficiarias, para cobraren as contías concedidas, deberán presentar, como máximo ata o día 30 de novembro de 2014, a seguinte documentación, da cal se achegará un único exemplar orixinal.

1.1. Para as liñas Emprende, Innova, Activa e Concilia:

a) Solicitude de cobramento asinada no modelo do anexo IV.

b) Copia compulsada das altas das promotoras no réxime correspondente da Seguridade Social e/ou mutualidade profesional, segundo corresponda.

c) Copia compulsada da inscrición da empresa no sistema da Seguridade Social, de ser o caso.

d) Copias compulsadas dos documentos de alta na Seguridade Social das/os traballadoras/es por conta allea e dos contratos correspondentes en cumprimento dos compromisos asumidos no anexo II.

e) Facturas orixinais (ou documentos de valor probatorio equivalente) do total dos gastos realizados comprometidos sinalados no anexo III xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

Cando non houbese gasto a maiores comprometido segundo o anexo III, o importe mínimo que hai que xustificar segundo o establecido nos artigos 10 e 11 será de 1.000,00 euros (sen IVE) paras as liñas Emprende, Innova e Activa, e de 5.000,00 euros (sen IVE) para liña ITEF.

Este gasto deberá xustificarse segundo os conceptos ou partidas establecidos no plan de empresa e no anexo I.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria da axuda.

f) Acordo ou convenio de conciliación, de ser o caso.

g) Orixinal e copia do/s acordo/s de teletraballo, de ser o caso.

h) Declaración de axudas: anexo V actualizado. As comunidades de bens e sociedades civís presentarán a declaración de axudas da empresa e unha por cada promotora.

i) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, fotocopias, captura de pantallas ...) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

1.2. Para a liña ITEF:

a) A documentación establecida no punto anterior.

b) Para o suposto de que non se achegara xunto coa solicitude, presentarase ademais:

– NIF da empresa, copia do documento de constitución da sociedade e copia da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade.

– Certificación da Axencia Tributaria que reflicta a data da alta fiscal da empresa e os códigos da actividade económica correspondentes e alta censual.

2. Para os efectos desta resolución, os investimentos e gastos dos proxectos teñen que cumprir os seguintes requisitos: ser gastos da acción, adecuados aos obxectivos da medida a que pertence a actuación, ser verificable documentalmente a súa realización e ser realizados dentro do período establecido. En todo caso, observarase o cumprimento das condicións establecidas na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013, na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e na Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican.

3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da axuda e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de mora.

4. Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes da Secretaría Xeral da Igualdade, antes de procederen ao pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación que consideren oportunas para verificar o cumprimento das accións subvencionadas.

Artigo 26. Pagamento

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. As beneficiarias poderán percibir un pagamento en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión sempre que exista solicitude previa da interesada (anexo IV). En aplicación do disposto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da axuda non supere os 18.000 euros establécese un anticipo do 80 % da concesión, e para as que superen esa contía establécese, ademais, unha porcentaxe adicional do 10 % sobre o importe que excede esa contía. O importe restante que corresponda para completar o pagamento da axuda librarase logo da completa xustificación polas beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

As beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución están exoneradas da constitución de garantías en virtude do disposto no artigo 65.4 do citado regulamento, onde figura a relación de persoas físicas e xurídicas para as cales se establece a exoneración, na cal se inclúen as persoas beneficiarias das subvencións concedidas cuxos pagamentos non superen os 18.000 euros, entendéndose, no caso de pagamentos anticipados, ese importe referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

3. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final, o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as adxudicatarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma. No caso de que non conste a situación da beneficiaria respecto das ditas obrigas, requirirase para que achegue os oportunos certificados. A non presentación no prazo establecido na notificación comportará a perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 27. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) O incumprimento da finalidade ou do obxectivo para a que se concedeu a subvención ou da obriga de xustificar a realización da actuación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) A obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

c) A concorrencia con outras axudas percibidas, para a mesma finalidade, de calquera Administración ou ente público ou privado, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

d) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, ou incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

e) O incumprimento das obrigas establecidas nas letras c), e) e p) do artigo 24 desta resolución dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe do 20 % da totalidade da axuda percibida.

f) O incumprimento do compromiso asumido de participar e completar o programa de titorización, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro do importe da axuda DUAL percibida.

g) O incumprimento da realización do investimento mínimo exixido ou do comprometido dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

h) Calquera outro incumprimento das obrigas sinaladas no artigo 24 desta resolución, así como na normativa reguladora da subvención, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

2. Sen prexuízo do establecido neste artigo, poderase minorar o importe da axuda concedida no suposto de que a cobertura dos postos de traballo a ela vinculados non alcance o período mínimo de permanencia exixido, sempre e cando tal cobertura non sexa inferior a un ano, en caso contrario procederá o reintegro da totalidade da axuda percibida. O cálculo da minoración e conseguinte reintegro realizarase proporcionalmente tendo en conta o período de cobertura dos postos de traballo respecto do período mínimo de permanencia exixido (dous anos).

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro. Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Infraccións e sancións

Ás beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 29. Control e verificación

1. A Secretaría Xeral da Igualdade levará a cabo as actividades de control que considere oportunas para o adecuado seguimento do cumprimento das condicións das axudas reguladas nestas bases. As verificacións abordarán os aspectos administrativos, financeiros, técnicos e físicos, segundo corresponda. En todo caso, o procedemento de verificación administrativa afectará todas as axudas aprobadas e a verificación sobre o terreo realizarase sobre unha mostra que se obterá a partir dun método de mostraxe aleatoria. Para a súa realización, a Secretaría Xeral da Igualdade, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, poderá realizar actuacións de comprobación material que, para todos os tipos de axuda, incidirán sobre todas aquelas cuestións que garantan o cumprimento dos requisitos fixados nestas bases, nomeadamente as contratacións, altas na Seguridade Social ou mutualidades profesionais, efectividade dos pagamentos, das retencións á conta dos impostos correspondentes e dos seguros sociais, así como das obrigas sobre publicidade e información. O persoal encargado da verificación redactará a acta da actuación de control, que asinará a beneficiaria á cal lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A beneficiaria queda obrigada a facilitarlle ao persoal asignado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

2. Ademais do anterior, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de comprobación e control obrigadas pola normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 30. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación son autorizados polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Igualdade. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral da Igualdade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a igualdade@xunta.es

Artigo 31. Remisión normativa

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto no Regulamento (UE) número 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24 de decembro de 2013); no Regulamento (CE) 1081/2006, do 5 de xullo, relativo ao Fondo Social Europeo; no Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2014; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia; na Orde do 21 de decembro de 2009, da Consellería de Facenda, pola que regulan as normas para a execución, seguimento e control dos programas operativos Feder de Galicia 2007-2013 e FSE de Galicia 2007-2013; na Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2007-2013; na Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo, e na Orde ESS/1337/2013, do 3 de xullo, que a modifican; nesta resolución, e na demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución, rexerá o disposto no Regulamento (CE) número 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e no Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e demais normativa de aplicación.

Artigo 32. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI429A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://www.mulleresengalicia.es, do teléfono 981 54 53 51, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.es, ou presencialmente.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2014

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file