Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 13 de agosto de 2014 Páx. 34963

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2014, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV D/C entre apoio 15 do entroncamento derivación a Estelo e o apoio 4 do entroncamento de entrada Boimente (Lugo), así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 12 de xuño de 2014, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV D/C entre apoio 15 do entroncamento derivación a Estelo e apoio 4 do entroncamento de entrada a Boimente (Lugo), promovido por E.On Distribución, S.L.

2. De conformidade co contido do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26.1.2006, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol e Viveiro (Lugo) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba.

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional 2ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do devandito proxecto sectorial.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO
Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV D/C entre apoio 15 do entroncamento derivación a Estelo e o apoio 4 do entroncamento de entrada a Boimente (Lugo)

1. Análise da relación co planeamento urbanístico local vixente e a proposta de modificación.

A LAT 132 kV D/C afectará os termos municipais de Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol e Viveiro, pertencentes á provincia de Lugo.

De conformidade co artigo 11.1 do Decreto 80/2000, as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal resultarán vinculantes para as administracións e particulares e deberán de prevalecer sobre as determinacións do planeamento vixente.

Neste sentido, unha das finalidades do presente proxecto sectorial é adaptar o Planeamento vixente nos municipios afectados ás limitacións que leva consigo a localización das instalacións dentro dos seus límites, para o cal se estudaron os planeamentos de cada un deles.

O artigo 32.2.c) da LOUG, que distingue as categorías de solo rústico, establece, dentro do solo rústico especialmente protexido, que é aquel sometido «a algún réxime especial de protección incompatible coa súa transformación», o seguinte:

c) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados á localización e infraestruturas e as súas zonas de afección non susceptibles de transformación, como son as de comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, conforme as previsións dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

Por outra parte, de conformidade co artigo 37 da LOUG:

«O réxime do solo rústico de protección de infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación.

[...]

2º Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

[...]

En solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos relacionados no punto 1, letra a), e no punto 2, letras d) e f), do artigo 33, así como os que se poidan establecer a través dos instrumentos de ordenación do territorio».

Os usos mencionados, para estes efectos, no artigo 33 son os seguintes:

Actividades e usos non construtivos:

Accións sobre o solo ou subsolo que impliquen movementos de terra, tales como dragados, defensa de ríos e rectificación de leitos, socalcos, desmontes, recheos e outras análogas.

2. Actividades e usos construtivos:

Instalacións vinculadas funcionalmente ás estradas e previstas na ordenación sectorial destas, así como, en todo caso, as de subministración de carburante.

Instalacións necesarias para os servizos técnicos de telecomunicacións, a infraestrutura hidráulica e as redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, abastecemento de auga e saneamento, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.

En todo caso, as edificacións necesarias para o funcionamento das infraestruturas e servizos técnicos en solo rústico que superen os 50 m2 edificados precisarán autorización autonómica previa á licenza urbanística municipal, de acordo co procedemento establecido polo artigo 41 da presente lei.

En consecuencia, o solo sobre o que se empracen as instalacións obxecto do presente proxecto sectorial deberá ser cualificado de solo rústico de protección de infraestruturas.

Por isto, e de conformidade co disposto no artigo 11.2 do Decreto 80/2000, os municipios de Viveiro, Ourol, O Valadouro, Alfoz e Mondoñedo deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido deste proxecto sectorial de acordo co indicado nos puntos seguintes:

1.1. Proposta xeral de modificacións do planeamento municipal dos concellos afectados.

Considérase conveniente propoñer modificacións da normativa urbanística vixente nos municipios afectados polas instalacións obxecto deste proxecto para compatibilizalas cos usos do solo previstos nesta, posto que existen elementos que poden condicionar aspectos deste proxecto.

Con carácter xeral, e salvo as peculiaridades que se sinalen nos próximos puntos para o de cada municipio, as modificacións propostas para o planeamento deberán respectar as seguintes prescricións:

Incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos do proxecto clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o establecido polo artigo 32.2.c) da LOUG e segundo o réxime de usos e as condicións de edificación establecidos polos artigos 37 e 42 da LOUG, complementada coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

2. Condicións de uso.

O uso permitido ou autorizable é o de liñas eléctricas de alta tensión, logo de aprobación definitiva dun plan ou proxecto sectorial, segundo o establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e tras someterse a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto pola Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e coa Lei 1302/1986, de avaliación de impacto ambiental.

A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica establécese en 50 metros (franxa de afección que será de 25 m a cada lado da traza da liña) segundo as necesidades da liña obxecto do presente proxecto sectorial.

Segundo o Real decreto 1955/2000:

Artigo 158. Servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica

A servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica comprenderá:

a) O voo sobre o predio servinte.

b) O establecemento de postes, torres ou apoios fixos para a sustentación dos cables condutores de enerxía eléctrica e a instalación de postas a terra dos ditos postes, torres ou apoios fixos.

c) O dereito de paso ou acceso para atender ao establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e corte de arboredo, se fose necesario.

d) A ocupación temporal de terreos ou outros bens, se é o caso, necesarios para os fins indicados no parágrafo c) anterior.

Artigo 162. Relacións civís

1. A servidume de paso de enerxía eléctrica non lle impide ao dono do predio servinte cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá, así mesmo, o dono solicitar o cambio de trazado da liña, senón existen dificultades técnicas, correndo á súa costa os gastos da variación, incluíndose nos ditos gastos os prexuízos ocasionados.

2. Entenderase que a servidume foi respectada cando a cerca, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte o contido dela e a seguridade da instalación, persoas e bens de acordo co presente real decreto.

3. En todo caso, e para as liñas eléctricas aéreas, queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na franxa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos os lados da dita proxección.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.1.1. Relación co planeamento municipal do concello de Viveiro.

1.1.1.1. Adecuación ao planeamento municipal do concello de Viveiro.

Mediante o Decreto 102/2006, do 22 de xuño, suspéndese a vixencia das normas subsidiarias do Plan municipal de Viveiro, aprobadas o 29 de abril de 1986 e revisadas e adaptadas á Lei do solo o 2 de setembro de 1997, e apróbase a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo plan; así como o Decreto 89/2010, do 3 de xuño, polo que se modifica a ordenación provisional aprobada no Decreto 102/2006.

As zonas afectadas pola implantación da liña de alta tensión clasifícanse como solo rústico especialmente protexido, segundo o Decreto 102/2006 e a súa modificación no Decreto 89/2010.

Esta ordenanza será de aplicación:

– Aos terreos clasificados no documento de adaptación á Lei do solo de Galicia das normas subsidiarias de planeamento de Viveiro, aprobado definitivamente con data do 2.9.1997, como solo non urbanizable internuclear en calquera das súas categorías, así como o solo non urbanizable especialmente protexido.

Condicións de uso e edificación.

As condicións de uso e edificación aplicables no ámbito da presente ordenanza serán as establecidas nos artigos 31 a 44 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas seguintes particularidades:

a) A ocupación máxima en planta das novas edificacións non poderá superar os 200 m2.

b) En todo caso, prohíbense as novas edificacións destinadas a usos residenciais e industriais.

É necesario solicitar a autorización autonómica previa á concesión de licenza municipal en solo rústico ou non urbanizable para a totalidade dos usos e actividades, agás os sinalados nos números 1.b), 1.c) e 2.i) do artigo 33 da Lei 9/2002.

Por tanto os terreos cualificados como solo non urbanizable internuclear normal e solo non urbanizable de protección de leitos e costas, polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro aprobadas definitivamente con data do 2 de setembro de 2007, segundo o Decreto 102/2006, pasan a ser denominados como solo rústico especialmente protexido.

1.1.1.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal do Concello de Viveiro.

Cando se redacte o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Viveiro incluiranse as delimitacións sinaladas no plano I0568-01 07.01, clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas:

1. Ámbito e licenzas.

Regulación xeral indicada no punto 13.1. Farase referencia ao plano ou planos en que se indique a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

A área de afección ao Concello Viveiro da LAT 132 kV D/C Sub. Mondoñedo-Sub. Boimente é de 9,70 ha.

2. Condicións de uso.

As xerais indicadas no punto 13.1.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.1.2. Relación co planeamento municipal do Concello de Ourol.

1.1.2.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello de Ourol.

Está constituído polas normas subsidiarias de planeamento municipal (N.S.P.), aprobadas o 9 de outubro de 1984, as cales clasifican a zona afectada pola implantación da presente infraestrutura como solo non urbanizable non protexido.

Segundo a normativa municipal vixente:

«Normas de regulación-Solo non urbanizable.

3-5-5.-Zona Z-1.-Solo non urbanizable non protegido.

3-5-5-1. Definición.

Constitúen o solo non urbanizable non protexido todos aqueles terreos non incluídos en ningún outro subtipo de solo polas presentes normas.

3-5-5-2. Delimitación.

Atópase delimitado, de acordo co especificado nos artigos 80.a) da Lei do solo, e 93.b) do Regulamento de planeamento, nos planos clasificados do solo municipal, a escala 1:10.000.

3-5-5-3. Condicións de uso.

O solo cualificado como non urbanizable non protexido polas presentes normas, constitúe un estado final en si mesmo, non sendo susceptible de transformación por non ser apto para o asentamento urbano, nin necesaria a súa inclusión nel para acoller a demanda de solo.

Non obstante, poderanse autorizar as construcións e instalacións especificas nos artigos 86.1 e 85 da Lei do solo, e 45.1 e 44 do Regulamento de xestión, nas condicións que neles se establecen.

3-5-5-4. Condicións de actuación.

a) Actuacións características: a explotación normal dos recursos ou características deste tipo de solo, ou aquelas que establezan os correspondentes plans especiais, sen que se produza ningunha degradación das súas características naturais, así como as edificacións destinadas a:

– Explotacións agrícolas, pecuarias e forestais, que garden relación coa natureza e destino do predio, sempre e cando se axusten aos plans e normas do Ministerio de Agricultura (BOE nº 141, do 13 de xuño de 1958).

– Execución, entretemento e servizo das obras públicas.

b) Actuacións posibles: a realización de edificacións e instalacións de utilidade pública e interese social que se empracen no medio rural, segundo o trámite previsto nos artigos 43.3 da Lei do solo e 42.2 do Regulamento de xestión de vivendas unifamiliares illadas sen constituír núcleo de poboación, seguindo igualmente o procedemento previsto nos artigos 43.3 da Lei del solo e 44.2 do Regulamento de xestión.

c) Actuacións prohibidas: todas as restantes, incluídas as establecidas nos artigos 94 e 96 da Lei do solo.

3-5-5-5. Condicións de edificación.

De acordo co establecido no artigo 36.c) do Regulamento de planeamento, as condicións de edificación serán as seguintes:

[…]

A altura máxima de 9 metros ou tres plantas só se poderá autorizar excepcionalmente cando se trate de edificios de interese público e social e se xustifique a necesidade de alcanzar esa altura por razóns de tipo funcional.

3-5-5-6. Condicións de deseño e calidade.

Os materiais de construción e os acabados utilizados no exterior da edificación deberán adaptarse aos tradicionais do municipio.

As construcións deberán respectar especialmente os valores do ambiente e a paisaxe que atopen dentro do seu campo de influencia visual.

Para o cerramento dos terreos deberán utilizarse sistemas adaptados aos existentes, tendo carácter preferente os de tipo vexetal.

Co fin de evitar que as edificacións destaquen notoriamente sobre a paisaxe rural, deberá relacionarse a altura coa súa posición dentro da parcela para que non constitúan desde fóra fitos notables.

Deberán respectarse os perfís naturais do terreo, especialmente os de cavorcos, leitos e ladeiras de pendente superior ao 20 %.

[…]»

Acorde co establecido na LOUG, na súa disposición transitoria primeira: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado.

«1. Os plans de ordenación aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei conservarán a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación aos preceptos desta lei, de acordo coas seguintes regras:

f) Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non-urbanizable ou rústico, aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo rústico, sen prexuízo das maiores limitacións establecidas no planeamento vixente.

…»

1.1.2.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal do Concello de Ourol.

Nas N.S.P. de Ourol incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos do proxecto clasificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o establecido polo artigo 32.2.c) da LOUG e segundo o réxime de usos e as condicións de edificación establecidos polos artigos 37 e 42 da LOUG, complementada coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Regulación xeral indicada no punto 13.1. Farase referencia ao plano ou planos en que se indique a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

A área de afección ao Concello de Ourol da LAT 132 kV D/C Sub. Mondoñedo-Sub. Boimente é de 1,33 ha.

2. Condicións de uso.

As xerais indicadas no punto 13.1.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.1.3. Relación co planeamento municipal do Concello do Valadouro.

1.1.3.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello do Valadouro.

Está constituído polas normas subsidiarias de planeamento (N.S.P., aprobadas o 28 de setembro de 1993, as cales cualifican a zona afectada pola implantación da presente infraestrutura como solo non urbanizable. Dentro desta categoría distínguese solo non urbanizable en réxime normal e solo non urbanizable con protección específica. Incluídas nesta última clasificación, existen varias categorías que son: solo non urbanizable de protección de espazos naturais, solo non urbanizable de ríos, regatos e zonas húmidas, solo non urbanizable de infraestruturas.

Incluídos nos solos non urbanizables non protexidos, distínguese a categoría solo non urbanizable de protección de cultivos.

«…

Ordenanza de solo non urbanizable.

II. Dentro do solo non urbanizable distínguense:

a) Solo non urbanizable en réxime normal.

b) Solo non urbanizable con protección específica.

Réxime urbanístico:

i. No solo urbanizable non existe, en si mesmo, ningún aproveitamento urbanístico distinto do que corresponde á utilización do solo, segundo a súa natureza de destino. No entanto, coas limitacións establecidas no artigo 84 de T.R., poderanse autorizar usos, actividades ou obras coas limitacións que corresponden.

División en zonas:

O solo non urbanizable subdivídese en áreas que corresponden a regulacións diferenciadas, e que son as seguintes:

I. Solos non urbanizables de protección específica.

P.H.A.-S.N.U. de protección do patrimonio histórico artístico.

P.F.-S.N.U. de protección de ríos, regatos e zonas húmidas.

P.I.-S.N.D. de protección de infraestruturas.

P.N.-S.N.D. de protección dos espazos naturais.

II. Solos non urbanizables non protexidos.

N.U.N.-S.N.D. de núcleos rurais de poboación.

N.T.-S.N.D. de tolerancia de área arredor.

N.U.-S.N.D. común.

S.A.-S.N.U. de protección de cultivos.

S.F.-S.N.U. de zonas forestais.

Ordenanza de solo non urbanizable:

Común (NU).

Características:

Comprende o solo que, polas súas condicións rústicas, naturais ou posicionais, debe ser preservado do proceso de desenvolvemento urbano, admitindo só usos adecuados ao medio e á súa salvagarda, aínda que sen establecer unha protección específica en particular. Abrangue, así mesmo, todo solo non incluído noutro tipo.

«Un».

Uso principal.

Agropecuario, forestal e propios da explotación, conservación, protección e mellora da natureza.

Usos permitidos.

Ademais de todos os derivados da explotación dos recursos agropecuarios e forestais, permítense os usos inherentes á construción, mantemento e servizos das obras públicas e os que sexan declarados de utilidade pública e interese social, seguindo os criterios e trámites sinalados nos artigos 15 e 16 da L.S. e 40, 41 e 42 da L.A.G.S.A, das normas complementarias e subsidiarias provinciais, así como os usos de garaxe-aparcamento e dos espazos privados libres de edificación na categoría e modalidade adecuada ao uso autorizado para a edificación principal.

«Un»: edificabilidade modalidade I.

b) Construcións para servizo e mantemento das obras públicas.

Edificacións auxiliares de ff.cc. e de transporte público de viaxeiros, e/ou mercadorías en liñas regulares.

Construcións ou instalacións auxiliares de transporte de enerxía eléctrica, telecomunicacións, faros e balizamentos de navegación marítima e tráfico aéreo.

Ordenanza, S.A. Solo non urbanizable de protección de cultivos.

I. Definición.

Comprende esta ordenanza os terreos destinados a explotación de cultivos agrícolas, hortas e prados que polo seu interese económico e homoxénea disposición conxunta, deben seguir sendo destinados a tal uso.

II. Delimitación.

Atópase delimitado nos planos de ordenación a escala 1:10.000.

III. Condicións de uso.

a) Usos característicos.

A explotación normal dos recursos agropecuarios, ou aqueles que establezan os correspondentes plans especiais, sen que se produza ningunha degradación das súas características naturais, permitíndose con tal finalidade as edificacións destinadas a explotacións e vivendas agropecuarias e forestais que garden relación coa natureza e destino do predio, sempre e cando se axusten aos plans e normas do Ministerio de Agricultura (BOE número 141, do 13 de xuño de 1958), de acordo co previsto no artigo 41 de L.S.G.

b) Usos posibles.

Execución, entretemento e servizo das obras públicas, cando non existe posibilidade de utilizar para ese fin solo non urbanizable de réxime normal.

Industrias vinculadas ao medio rural. Só as correspondentes á explotación familiar agraria, ou talleres artesanais, vinculados a vivendas existentes.

Ordenanza P.F. Solo non urbanizable de protección de ríos, regatos e zonas húmidas.

Comprende o solo inmediato ás canles de auga e masas de auga superficiais, vinculado á súa protección ou ao asentamento de determinados usos especificados de auga.

Ámbito de aplicación.

Delimítanse de acordo co previsto nos artigos 12 do T.R. e 93.b do R.P., e comprende as franxas de terreo definidas nos planos a escala 1:10.000.

Condicións de uso.

Trátase do establecemento de prohibicións que impidan un uso que implique a transformación do seu destino, natureza o danen o seu valor natural predominante, polo que dentro da zona delimitada como protección de ríos, regatos e zonas húmidas só estarán permitidos aqueles usos recollidos como tales polo artigo 9 do vixente Regulamento do dominio público hidráulico.

As especies forestais de ribeira e os matos característicos da paisaxe fluvial serán protexidos e conservados.

Ademais das proteccións aquí descritas, será de enteira aplicación o disposto na Lei 29/1995, do 2 de agosto, de augas.

A zona de serventía está formada por unha franxa de terreo de cinco (5) metros de largura desde o linde coa canle de corrente.

Usos permitidos.

Na zona de serventía, os propietarios do solo poderán libremente sementar e plantar especies non arbóreas, sempre que non impidan o paso para o persoal do servizo de vixilancia, actividades de pesca fluvial, salvamento de persoas, e varado e amarre de embarcacións de forma ocasional e en caso de necesidade. Será necesario para a plantación de especies arbóreas a obtención de autorización por parte do Organismo de Conca (Regulamento do dominio público hidráulico. Real decreto 849/1986, do 11 de abril).

Na zona de policía, quedan sometidas ao disposto no Regulamento do D.P.M., as seguintes actividades:

I. As alteracións substanciais do relevo natural do terreo.

II. As extraccións de áridos.

III. As construcións de todo tipo, teñan carácter definitivo ou provisional.

IV. Calquera outro uso ou actividade que supoña unha traba á corrente en réxime de avenidas, ou que poida ser causa de degradación do dominio público hidráulico.

Solo non urbanizable de protección dos espazos naturais.

Ordenanza SUNP (PU) (Natureza).

Regulan esta ordenanza aqueles espazos naturais que polos seus valores ambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, xeolóxicos, por ser hábitat dunha determinada fauna de propio ou de tránsito migratorio habitual, deben ser protexidos de toda actuación que poida alterar as condicións ou elementos obxecto da protección, así como favorecidos respecto da promoción de estudos científicos e educativos sobre eles.

Compréndese, polo dito, todos os espazos naturais coa condición de protección recoñecida por estar inscritos no rexistro xeral de espazos naturais creado pola Xunta de Galicia (Decreto 82/1989), así como os que na presente normativa se determinaran como tales, asumíndose neles os relacionados no anexo 2 das N.S. provinciais, mentres estean regulados por plan especial para o efecto, e os que en adiante sexan declarados con este carácter polos organismos competentes.

Delimitación.

A establecida no correspondente plano de zonificación.

Condicións de uso.

a) Espazos naturais non inscritos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais.

Nos espazos naturais protexidos de acordo coas presentes determinacións prohíbese toda construción que non estea directamente vinculada á actividade de vixilancia, salvagarda e atencións do medio, como os acubillos e servizos complementarios para gardamontes, cazadores, montañeiros, etc., sempre realizadas de maneira rústica e totalmente integradas no medio, sen que ningunha destas obras presente máis de 30 m² en planta agás as torres de vixía e observatorios, que poden erguerse canto sexa tecnicamente preciso.

Admítense amoblamentos e complementos, como mesa e bancos rústicos, pías de fontes, fundamentos para o lume dos bivaques e outros similares, restrinxidos aos lugares especificamente previstos para gozo da natureza.

Non se permiten explotacións industriais nin sistemáticas dos recursos, admitíndose exclusivamente os aproveitamentos tradicionais nestes ámbitos, como a caza e a pesca (estritamente controladas e sometidas ás determinacións dos organismos competentes) puntualmente localizadas nos coutos para os efectos establecidos, a cría de cabalos bravos e as formas de pastoreo que veñan de costume, limitadas ás áreas autorizadas para o efecto para cada temporada, mentres non se teña convicción de prexuízo ao medio.

Logo de informe pericial favorable poden ser autorizadas para cada temporada e modalidade as recollidas dos froitos, resina, cogomelos e outras semellantes que non supoñan alteración nin prexuízo ao medio.

Permítense a continuidade, sen modificación do medio e modos propios, dos cultivos, actividades agropecuarias e industriais domésticas derivadas, de carácter familiar, así como das vivendas rústicas e construcións adxetivas que, existindo con anterioridade á redacción da presente ordenanza, non sexan foco probado de dano ecolóxico ou contaminantes do medio.

Permítese tamén a continuidade das alvarizas preexistentes, coa cerca rústica na altura precisa para ao contar, así como os muíños ou aceas tradicionais, construídos con anterioridade á presente normativa.

Igualmente permítese a continuidade das construcións caracteristicamente illadas e particularmente asumidas pola tradición no medio natural, como cruceiros, petos de ánimas, ermidas, capelas, santuarios e mosteiros, as defortificacións que xa perderan este uso, como baluartes, torres, castelos, e as singularidades da antiga arquitectura civil enraizada no contexto territorial, como os pazos.

Perduran tamén as obras públicas preexistentes, como pontes, faros, gabias, cortafogos, así como todas as construcións, restos e xacementos catalogados -ou incoados- como patrimonio histórico, artístico e cultural comprendidos no ámbito.

Non se admiten outros cerramentos de campos que os preexistentes, sempre que se presenten -de orixe ou por consecuente adecuación- en forma de sebes valadas, chantas o cachoteira rústica tradicional, con altura non superior a 1,3 m.

Os predios que non formen conxunto con edificación poderán manter a materialización das súas lindes que estea resolta con valor de pedras e terra, cachoteira rústica ou chantas, todos eles de escasa altura (ata 0,7 m) ou sebes de silveira, sabugueiro, vimbio, mirto, estripo e demais arbustos menos comúns nestes casos, coa altura normal de crecemento.

Non se permiten modificacións de vereas nin camiños, nin alterar cursos de auga, remover terras ou extraer areas, rochas, etc.

Do mesmo modo débese solicitar permiso para calquera actividade que poida presumir risco para o medio, especialmente as realizadas por colectivos, dada a concorrencia de factores incidentes que se poden xerar, como as acampadas, e as de investigación e cultura con actuación directa sobre a flora e a fauna, como o anelamento de herbolarios e calquera outra forma de coleccionismo naturalista, habituais nas actividades dos escolares sobre a natureza.

b) Espazos naturais inscritos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais:

Quedan sometidos ás determinacións establecidas nel.

...»

En canto ao solo non urbanizable de protección de infraestruturas nas ordenanzas non se menciona nada con respecto ás súas condicións de uso.

Acorde co establecido na LOUG, na súa disposición transitoria primeira: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non-adaptado.

«1. Os plans de ordenación aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei conservarán a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación aos preceptos desta lei, de acordo coas seguintes regras:

f) Ao solo clasificado polo planeamento vixente como non-urbanizable ou rústico aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo rústico, sen prexuízo das maiores limitacións establecidas no planeamento vixente.

1.1.3.2. Proposta de modificacións para o planeamento municipal do Concello do Valadouro.

Nas N.S.P. do Valadouro incluiranse as delimitacións sinaladas polo proxecto cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o establecido polo artigo 32.2.c) da LOUG e segundo o réxime de usos e as condicións de edificación establecidos polos artigos 37 e 42 da LOUG, complementada coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Regulación xeral indicada no punto 13.1.

Farase referencia ao plano ou planos en que se indique a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

A área de afección da LAT 132 kV D/C ao Concello do Valadouro é de 38,70 ha.

2. Condicións de uso.

As xerais indicadas no punto 13.1.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.1.4. Relación co planeamento municipal do Concello de Alfoz.

1.1.4.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello de Alfoz.

O municipio de Alfoz carece de normativa urbanística propia, polo que nos remitimos ás normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial de Lugo.

De acordo coa LOUG, segundo a disposición adicional segunda. Réxime de solo nos municipios sen planeamento. No punto 3, expón:

«…

3. No resto dos terreos aplicaráselle o réxime de solo rústico establecido nesta lei.

…»

No estudo de impacto ambiental incluído o documento refundido documentación ambiental LAT 132 kV D/C Sub. Mondoñedo Sub. Boimente decembro de 2006, realizouse un exhaustivo estudo da vexetación e da paisaxe existente nas zonas por onde discorre a traza da liña proxectada. Ademais tamén se realizou unha simulación infográfica incluída no mesmo EsIA.

Polas súas características de uso, o solo afectado polo proxecto, segundo o artigo 32. Categorías, da LOUG, cabe cualificalo como:

Solo rústico de protección ordinaria.

Solo rústico de protección agropecuaria.

Solo rústico de protección forestal.

Solo rústico de protección das augas.

Solo rústico de protección de infraestruturas (servidume de paso da liña existente que se vaia substituír).

Entre os usos permitidos por licenza municipal nestes cinco tipos de solo, desenvolvidos polos artigos 36, 37 e 38, atópanse os recollidos pola letra f) do artigo 33, punto 2: «centros de produción, servizo, transporte e abastecemento de enerxía eléctrica».

1.1.4.2. Proposta de modificacións do planeamento municipal do Concello de Alfoz.

Cando se formule o Planeamento Municipal de Alfoz ao abeiro da LOUG, incluiranse as delimitacións sinaladas no proxecto cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o establecido polo artigo 32.2.c) da LOUG e segundo o réxime de usos e as condicións de edificación establecidos polos artigos 37 e 42 da LOUG, complementada coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Regulación xeral indicada no punto 13.1.

Farase referencia ao plano ou planos en que se indique a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

A área de afección da LAT 132 kV D/C ao concello de Alfoz é de 32,37 ha.

2. Condicións de uso.

As xerais indicadas no punto 13.1.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.1.5. Relación co planeamento municipal do Concello de Mondoñedo.

1.1.5.1. Adecuación ao planeamento municipal do Concello de Mondoñedo.

Está constituído polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento (N.S.P.), aprobadas o 12 de xullo de 1978, as cales clasifican a zona afectada pola implantación da presente infraestrutura como solo non urbanizable.

No solo non urbanizable existen varias categorías, como son, solo non urbanizable sen protección especial e solo non urbanizable con protección especial. Nesta última inclúense tres tipos de solo como son: solo non urbanizable de protección paisaxística, solo non urbanizable de protección forestal e solo non urbanizable de protección de infraestruturas (e solo non urbanizable de protección da área central), segundo as N.S.P., categorías ás que afecta a infraestrutura obxecto do presente proxecto.

Segundo a normativa municipal vixente:

«…

E5. Normas urbanísticas.

1. Normas xerais.

1.1. Clasificación do solo.

[…]

1.1.2. Solo non urbanizable: intégrase da superficie non considerada como solo urbano no proxecto de delimitación de solo urbano para Mondoñedo.

1.2. Clasificación de superficies

Dentro desta clasificación de solo, a cualificación de superficies axustarase, se é o caso, ás seguintes definicións:

Vías.

Zonas libres.

Terreos destinados a edificación pública.

Terreos destinados a edificación privada.

Solo de protección de infraestruturas.

Solo non urbanizable con protección especial.

Solo non urbanizable sen protección.

[…]

E.54. Normas para solo urbanizable.

5.1. Cualificación de superficies.

Como figura no punto 1.2 do capítulo E.5. o solo non urbanizable divídese en dous tipos:

f) Solo non urbanizable con protección especial.

g) Solo non urbanizable sen protección especial.

O tipo f), pola súa vez, comprende tres sectores:

f.1) Solo non urbanizable de protección de infraestruturas.

f.2) Solo non urbanizable de protección paisaxística.

f.3) Solo non urbanizable de protección forestal.

Todos os tipos e sectores están recollidos no plano nº 5 destas normas.

5.2. Normas xerais para todos os sectores.

En todo o solo non urbanizable haberá que aterse ao disposto no artigo sesenta e nove un, segunda e cuarta da Lei 19/1975.

Poderanse construír vivendas unifamiliares en núcleos de ata catro unidades separadas un mínimo de 150 m de outro núcleo similar ou 200 dos núcleos urbanos definidos no plano nº 4 destas normas; isto equivale a unha densidade de 5 vivendas por ha. A parcela mínima edificable será de 2.000 m2.

Estas vivendas poderán ter ata 6 m de altura máxima, equivalente a dúas plantas e o seu volume non será superior a 1 m3 por cada 5 m de parcela.

Edificios doutro tipo tramitaranse segundo o previsto no artigo trinta e catro da Lei del solo.

Os usos permitidos serán: vivenda unifamiliar (con posibilidade de anexos de tipo agrícola) e os de utilidade pública ou interese social que se sitúen no medio rural.

Prohíbese a vertedura libre en calquera uso.

En canto ás condicións estéticas, a composición será, en xeral, libre remitíndose no sector f.2., de protección paisaxística, ás normas estéticas específicas do dito sector.

5.3. Normas específicas para os sectores de protección.

5.3.1. Solo de protección de infraestruturas.

[…]

5.3.1.2. Leitos públicos e embalses.

No caso de edificación ou instalación á beira de leitos ou embalses, atenderase ao establecido nos artigos 35 e 39 da Lei de augas do 13 de xuño de 1879, ás condicións contidas nos artigos 339 e 407 do Código civil e no Decreto 2495/66.

5.3.1.3. Canalizacións e liñas eléctricas.

Respectaranse as servidumes establecidas legalmente.

5.3.1.4. Protección da área central.

Nesta zona, que bordea en certos lugares o límite do solo urbano da área central, ademais de non poderse construír (por estar dentro da franxa de protección de 300 m que figura no punto 5.2. do capítulo E55) non se admite ningún tipo de vertedura de residuais.

5.3.2. Solo de protección da paisaxe.

Neste solo haberá que aterse ás seguintes normas estéticas específicas:

5.3.2.1. Normas estéticas.

Non se autorizan edificios con longo superior a 50 m ou altura superior a 6 m salvo que se xustifique que, pola súa situación, non son visibles desde a N-634.

En canto aos materiais de fachada recoméndanse os recebos e encalados e para as cubertas de lousa ou material de similar aspecto.

[…]

5.3.3. Solo de protección forestal.

Establécese esta cualificación de solo co propósito de conservar as zonas forestais existentes.

5.3.3.1. Normas específicas.

É obrigatorio o respecto ao arboredo existente. Se fose precisa tala para o establecemento dos usos autorizados garantirase a repoboación do mesmo número de pés que desaparezan.

Así mesmo, aconséllase a repoboación daquelas zonas, incluídas dentro do sector, carentes de arboredo e que non sexan solicitadas por outros usos».

[…]

Acorde co establecido na LOUG, na súa disposición transitoria primeira: réxime de aplicación aos municipios con planeamento non adaptado.

«1. Os plans de ordenación aprobados definitivamente con anterioridade á entrada en vigor desta lei conservarán a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación aos preceptos desta lei, de acordo coas seguintes regras:

f) Ao solo cualificado polo planeamento vixente como non-urbanizable ou rústico, aplicaráselle integramente o disposto nesta lei para o solo rústico, sen prexuízo das maiores limitacións establecidas no planeamento vixente.

…»

1.1.5.2. Proposta de modificación do planeamento municipal de Mondoñedo.

Nas N.S.P. de Mondoñedo incluiranse as delimitacións sinaladas polo proxecto, clasificando as zonas polas que pasa a liña de solo non urbanizable, incluíndo as súas diferentes cualificacións, como solo rústico de protección de infraestruturas, conforme o establecido polo artigo 32.2.c) da LOUG e segundo o réxime de usos e as condicións de edificación establecidos polos artigos 37 e 42 da LOUG, complementada coa seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Regulación xeral indicada no punto 13.1.

Farase referencia ao plano ou planos en que se indique a zona delimitada destinada á instalación de infraestruturas: transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

A área de afección ao Concello de Mondoñedo da LAT 132 kV D/C é de 37,62 ha que quedarían catalogadas como solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Condicións de uso.

As xerais indicadas no punto 13.1.

3. Condicións de edificación.

Dada a singularidade e demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima nin limitacións de altura.

1.2. Prazo.

A adecuación dos planeamentos urbanísticos municipais vixentes ao proxecto sectorial deberá realizarse con anterioridade a que se produza o anterior dos seguintes feitos:

A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde algún dos concellos, sen prexuízo de que a dita modificación se poida efectuar especificamente para realizar a adaptación ao proxecto sectorial.

A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

A adaptación do planeamento á LOUG en caso de non terse efectuado.

1.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 80/2000, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe de cando se adecúe o planeamento municipal, implica que as súas determinacións terán forza vinculante para as administracións públicas e particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente. Así mesmo, segundo o artigo 34.4 da LOUG, non se precisará da autorización autonómica previa para a infraestrutura, por estar prevista nun proxecto sectorial ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

En concordancia co establecido no Decreto 80/2000, capítulo I, artigo 4, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, no seu texto modificado pola LOUG, o presente proxecto sectorial cualifica expresamente de marcado carácter territorial as obras e instalacións da LAT 132 kV D/C.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 11.4 do Decreto 80/2000, non se requirirá autorización urbanística previa para as instalacións incluídas no proxecto sectorial que aprobe o Consello da Xunta de Galicia.