Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Martes, 16 de setembro de 2014 Páx. 41296

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de secretario xeral do Concello da Coruña, entre funcionarios con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.1 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de secretario xeral do Concello da Coruña que se achegan como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os/as interesados/as dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante, dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado, xuntándolle á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figura na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2014

P.D. (Orde do 14.5.2013; DOG nº 92, do 15 de maio)
José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración local

ANEXO

Resolución da Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña do 8 de agosto de 2014 pola que se aproba a convocatoria para a provisión do posto de traballo de secretario xeral do Concello da Coruña, mediante libre designación entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, de conformidade coas seguintes

Bases

Primeira. Constitúe obxecto da presente convocatoria a provisión polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto no artigo 92.bis, punto 6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional:

– Corporación: Concello da Coruña.

– Denominación: secretario xeral do pleno.

– Clase: primeira.

Características do posto:

a) O posto para cubrir atópase recollido no cadro de persoal e na relación de postos de traballo deste concello.

b) O complemento de destino asignado a este posto é o correspondente ao nivel 30.

c) O sistema de provisión é o de libre designación.

d) O complemento específico anual fixado para este posto é de 39.938,78 €.

Segunda. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionarios/as da administración local con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala de secretaría e categoría superior, de acordo co establecido na Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local e o disposto na relación de postos de traballo do Concello da Coruña.

Terceira. Os aspirantes deberán acreditar que están en posesión do certificado de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o seu equivalente deberán facer unha proba en que se avaliará, co resultado de apto ou non apto, o grao de coñecemento do galego, que deberá ser equivalente a exixido para o Celga 4.

Cuarta. A convocatoria será remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme o artigo 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Quinta. As instancias solicitando tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ao alcalde e presentaranse no rexistro xeral do concello debidamente formuladas, durante o prazo de quince días naturais contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Poderán remitirse na forma determinada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Á instancia xuntaráselle inescusablemente:

– Fotocopia do DNI.

– Certificado que acredite o coñecemento de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente.

– Un currículo. Neste currículo constarán os títulos académicos, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos, os traballo e cursos impartidos e recibidos, así como aqueloutros méritos que considere oportuno alegar. Ao devandito currículo deberán xuntárselle os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, certificacións ou fotocopias compulsadas, pois non serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus puntos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Sexta. Segundo o disposto nos artigos 127 e 130 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local e dada a súa natureza de órgano directivo, o nomeamento de titular de Secretaría Xeral do Pleno será realizado pola Xunta de Goberno Local. Así mesmo, a resolución motivarase con referencia ao cumprimento por parte do candidato elixido dos requisitos e especificacións contidos nesta convocatoria.

Sétima. Esta convocatoria e a súa resolución serán remitidas ao órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección General de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para os efectos oportunos.

Oitava. Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os/as funcionarios/as con habilitación de carácter nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Novena. Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso de reposición ante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Adminsitrativo da Coruña, no prazo de dous meses desde a citada data.

Rosa Gallego Neira
Tenente de alcalde delegada de persoal