Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Mércores, 1 de outubro de 2014 Páx. 42848

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

No punto 6 do artigo 126 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establécese que lles corresponde ás administracións educativas determinar o número total de membros do consello escolar e regular o proceso de elección. Ao abeiro do establecido na disposición transitoria décimo primeira da LOE, dado que o dito artigo remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango que o viñan sendo na data de entrada en vigor da LOE, sempre que non se opoñan ao disposto nela.

Pola súa parte, o Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, e os decretos 324/1996, do 26 de xullo, 374/1996, do 17 de outubro, e 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen as condicións de celebración das eleccións dos membros dos consellos escolares nos centros docentes.

A Orde do 21 de outubro de 1996, pola que se determinan aspectos para a elección dos membros do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos establece o procedemento de integración no consello escolar do profesorado, do alumnado e dos pais e nais do alumnado do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que cursen estudos nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.

A Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados establece que o dito procedemento se realizará de acordo co regulado nesa orde e que nos aspectos non previstos nela haberá que aterse ao establecido para os centros públicos no Decreto 92/1988, do 28 de abril, modificado polo Decreto 324 /1996, do 26 de xullo.

Por corresponderlle no curso 2014/15 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos, esta dirección xeral, en uso da autorización que figura na disposición derradeira primeira do Decreto 92/1988, do 28 de abril,

RESOLVE:

Artigo 1

O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes sostidos con fondos públicos, así como ditar instrucións para o seu desenvolvemento.

Artigo 2

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar realizaranse entre os días 24 e 28 de novembro de 2014, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes, de acordo co procedemento establecido.

2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 3 e 7 de novembro de 2014, ambos os dous incluídos.

3. De conformidade co establecido no artigo 31.b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 3

Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2013/14 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista na lexislación vixente, de acordo co calendario xeral previsto no artigo 2 desta resolución.

Artigo 4

Para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados terase en conta o establecido nos correspondentes decretos polos que se implantan os regulamentos orgánicos.

Artigo 5

1. As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2014/15 realizaranse entre os días 27 e 30 de outubro de 2014, ambos os dous incluídos. Non obstante, co fin de fomentar a participación de todos os sectores implicados, é desexable que, dentro das posibilidades de cada centro, a xunta electoral fixe unha única data para as votacións correspondentes:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa Orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro).

b) Para os centros públicos integrados, no artigo 11 do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro (DOG do 26 de xaneiro).

c) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, na Orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro); corrección de erros no DOG do 15 de novembro de 1996.

d) Para os centros privados concertados, na Orde desta consellería do 28 de agosto de 1996 (DOG do 26 de setembro).

e) Para os restantes centros terase en conta o establecido nos correspondentes regulamentos orgánicos.

2. Nos centros a que se refire o punto anterior, a xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, constituirase entre os días 2 e 7 de outubro de 2014, ambos os dous incluídos.

Artigo 6

Os centros modificarán en cada renovación parcial o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

Artigo 7

Aos membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 76.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo (DOG do 13 de xuño), polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia. Non obstante, o día ou os días en que teñan lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 8

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á cal se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro, como presidencia da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos e candidatas elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do consello escolar, a que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, a dirección do centro remitirá o xefe ou xefa territorial, antes do 20 de decembro de 2014, o informe de seguimento que se publica como anexo II a esta resolución.

Artigo 9

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2014

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file