Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Venres, 3 de outubro de 2014 Páx. 43149

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 23 de setembro de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras da subvención plurianual a concellos de Galicia para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia e se procede á súa convocatoria para o período do 1 de xaneiro de 2014 ata o 15 de abril de 2015.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias, configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, asume as competencias que a facultan para a dirección e coordinación das atribucións da consellería en materia de promoción do libro e da lectura, así como nas materias de bibliotecas e arquivos. Así mesmo, compételle a xestión administrativa e a organización de axudas e instrumentos de colaboración coas corporacións locais en materia de bibliotecas.

Á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, correspóndelle establecer anualmente nos seus orzamentos programas para a adquisición de fondos e recursos tecnolóxicos, actividades de difusión e formación do persoal e outros que puideren considerarse necesarios para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

Así mesmo, as bibliotecas públicas teñen entre as súas funcións poñer á disposición da cidadanía os seus fondos bibliográficos e recursos informativos de maneira libre e gratuíta, mediante a súa consulta en sala, en rede ou mediante o préstamo nas súas diferentes modalidades. As coleccións deben estar actualizadas e dar resposta ás necesidades dos usuarios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veu desenvolvendo en exercicios anteriores un sistema de apoio ás bibliotecas públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, mediante a convocatoria anual dun programa de mellora das coleccións bibliográficas. Na actualidade, cosidérase necesario reconducilo cara a un procedemento normalizado mediante a realización dunha convocatoria de subvencións plurianual que permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo aos usuarios, atendendo, de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

As bases reguladoras das subvencións previstas nesta orde establecen un procedemento de concesión que ten a consideración de concorrencia non competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e o obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas será realizada pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario, conforme o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo como único criterio para a repartición dos fondos a poboación a que debe atender o servizo bibliotecario.

Acadar unha maior cohesión territorial de Galicia e a necesidade de asegurar que os concellos de menor poboación e con menores recursos para dotar os seus servizos bibliotecarios poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e prestar un servizo aos seus usuarios de similar calidade que o que reciben os dos concellos máis poboados de Galicia, que recibiron nos anos anteriores maior volume de recursos, xustifica a necesidade de concentrar todo o orzamento dispoñible unicamente nos concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, no eido concreto das corporacións locais e das súas entidades públicas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro da súa aposta pola dinamización cultural do país, considera necesaria a mellora dos fondos bibliográfico das bibliotecas públicas de Galicia, co obxectivo de posibilitar a adquisición de novidades e dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que me foron conferidas e logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, autorizado polo Consello da Xunta de Galicia o compromiso plurianual e a exención da obriga de constituír garantías para os pagamentos anticipados e á conta, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención plurianual da adquisición de fondos bibliográficos con destino ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de bibliotecas de Galicia para o período desde o 1 de xaneiro de 2014 e ata o 15 de abril de 2015.

A finalidade é posibilitar a mellora dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia, mediante a adquisición de novidades bibliográficas, co fin de colaborar na súa actualización e mantemento e deste xeito dar cumprida resposta ás demandas dos usuarios.

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normas de aplicación

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

b) Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

c) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega.

f) Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

g) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

E, supletoriamente:

h) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

i) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

k) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Procedemento de concesión das subvencións

O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento entre os solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Fondos bibliográficos obxecto de subvención e exclusións

1. Será obxecto desta axuda a compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

2. Unha terceira parte do fondo bibliográfico adquirido deberá estar editado en lingua galega.

3. Non serán obxecto desta axuda reproducións facsimilares, gravados, grandes obras de consulta (enciclopedias en varios volumes, repertorio de xenealoxía e heráldica, etc.), pinturas, publicacións periódicas (revistas, xornais, boletíns…) ou calquera outro material non mencionado no punto 1.

Artigo 6. Beneficiarios das subvencións

1. Poderán optar a estas subvencións os concellos de Galicia, titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, cunha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que se atopen nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Axudas

A contía indicativa inicial da subvención determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, segundo as cifras oficiais de poboación o 1 de xaneiro de 2013 publicadas polo Instituto Galego de Estatística, de conformidade coa seguinte táboa:

– Menos de 2.000: recibirán un máximo de 500 €.

– De 2.001/5.000: recibirán un máximo de 1.000 €.

– De 5.001/10.000: recibirán un máximo de 1.500 €.

– De 10.001/20.000: recibirán un máximo de 2.000 €.

– De 20.001 a 30.000: recibirán un máximo de 2.500 €.

O cálculo da axuda que se concederá realizarase sobre a porcentaxe que resulta de aplicar o total de crédito orzamentario dispoñible (160.000,00 €) sobre o total de subvención que se vai conceder segundo a táboa anterior (sumatorio do nº de concellos por tramo multiplicado por contías individuais indicativas por tramo). A devandita porcentaxe multiplicarase polas contías individuais indicativas da propia táboa.

Artigo 8. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432A.760.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, por un importe de 80.000,00 euros, e con cargo aos orzamentos de 2015, pola contía de 80.000,00 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a cento sesenta mil euros (160.000,00 €).

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para o mesmo fin, sempre que a suma delas non supere o importe total do investimento realizado para este fin. Declaración doutras axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables), das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar ao incremento da contía total das subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Requisitos para a participación

1. O concello deberá ter realizado no ano 2013 e no primeiro semestre de 2014 un investimento na adquisicións de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal.

2. A biblioteca ou axencia de lectura pública municipal debe estar integrada na Rede de bibliotecas de Galicia ou ter solicitado a súa integración antes do 1 de outubro de 2014 (capítulo V do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas).

3. O cumprimento dun mínimo de 15 horas semanais de apertura ao público da biblioteca ou axencia de lectura.

4. Ter cuberta a estatística de bibliotecas do ano 2013 e remitida á Secretaría Xeral de Cultura.

5. Ter informatizada a xestión da biblioteca ou axencia de lectura.

6. Ter cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 10. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. Os concellos que desexen acollerse a esta orde deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que ten que presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á «Carpeta do cidadán» da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Á solicitude xuntaráselle a documentación que a seguir se relaciona:

a) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do concello do gasto realizado na adquisición de fondos bibliográficos no ano 2013 e no primeiro semestre do 2014 (detallando o importe correspondente a cada anualidade).

b) Certificado expedido polo/a secretario/a ou interventor/a do concello da media semanal de horas de apertura ao público da biblioteca ou bibliotecas e/ou axencias de lectura.

c) Copia do certificado da remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral do exercicio 2012.

d) No caso de que a axencia de lectura ou biblioteca municipal non estean integradas na Rede de bibliotecas de Galicia, copia da solicitude de integración (segundo o modelo do anexo IV do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro).

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (anexo II desta orde).

Artigo 11. Emenda de solicitudes

Se a documentación presentada for incompleta ou presentar erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Corresponde á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolver de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselle a cantidade final que resulte da repartición da cantidade total entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo o criterio establecido no artigo 4. No suposto de que, unha vez adxudicada a cantidade establecida no artigo 4 entre todas as solicitudes correctamente presentadas exista un remanente, este repartirase entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no dito artigo.

Realizada a repartición, o órgano instrutor, elevará a proposta de resolución ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución do secretario xeral de Cultura, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de concellos beneficiarios e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal da rede de bibliotecas de Galicia (www.rbgalicia.xunta.es) e na páxina web oficial da Secretaría Xeral de Cultura. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Artigo 14. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta ao interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 15. Aceptación, xustificación e pagamento

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. Poderanse realizar pagamentos anticipados e/ou á conta, con carácter previo á xustificación final, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, segundo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007 e nos termos previstos neste artigo, sempre que así o demande o solicitante.

Os pagamentos anticipados non poderán ser superiores ao 50 % da cantidade subvencionada.

3. A contía correspondente aos pagamentos anticipados (50 % do orzamento total) librarase antes do 1 de novembro de 2014, após a aceptación da axuda por parte do beneficiario e dun certificado comprometéndose a realizar o gasto, polo importe concedido, en adquisición de fondos bibliográficos con destino a biblioteca ou grupo de bibliotecas ou axencias de lectura de que é titular.

4. Os pagamentos á conta suporán a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das adquisicións para a mellora das coleccións bibliográficas e aboaranse pola contía equivalente á xustificación presentada mediante os documentos probatorios a que se refire este artigo e conxuntamente cos pagamentos anticipados non poden superar o 80 % da subvención concedida.

5. Para os pagamentos á conta e os pagamentos da liquidación final, segundo sexa o caso, deben presentarse, antes do 30 de abril de 2015, as facturas xunto cos xustificantes dos pagamentos realizados ás empresas provedoras (libraría, editorial ou distribuidora) así como un informe do/a bibliotecario/a e certificación da persoa que exerza as funcións de secretaría ou secretaría/intervención dos fondos adquiridos e de que forman parte da colección da biblioteca.

6. Se coa documentación que presenta a entidade beneficiaria para o pagamento queda xustificada unha contía de subvención menor da inicialmente concedida, ditarase a resolución de pagamento pola cantidade xustificada.

Se da xustificación final presentada pola entidade beneficiaria resulta unha cantidade inferior á anticipada, ditarase unha resolución de reintegro da cantidade percibida e non xustificada.

7. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo) en que conste o número da factura obxecto do pagamento ou recibo, sempre que non supere o importe máximo de 50 €.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda.

– Identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

8. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios das subvencións quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o cal fosen concedidos. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución das axudas.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. Co obxecto de apoiar o crecemento competitivo e equilibrado de todo o territorio galego, os provedores dos materiais obxecto destas axudas deberán ser, preferentemente, empresas de comercio retallista da contorna municipal.

Artigo 17. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

Artigo 18. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 19. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Artigo 20. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas o órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Mellora das coleccións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Cultura. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Subdirección Xeral de Bibliotecas, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxc-subdireccion-bibliotecas.cceou@xunta.es

Disposición derradeira primeira

Facúltase o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para emitir as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file